A néboa obrigou a desviar tres voos que tiñan previsto aterrar na mañá deste martes no aeroporto de Alvedro, na Coruña, e que tomaron terra finalmente noutras comunidades autónomas. Os tres voos desviados, das compañías Air Europa, Iberia e Vueling, procedían de Madrid e Barcelona; e foron desviados a Madrid e ao aeroporto de Asturias.
Todo iso pola falta de condicións de visibilidade no aeroporto coruñés, tal e como informou este mércores Aena a Europa Press.
Un grupo de traballadoras e traballadores do comercio vario iniciaron este luns unha acampada ante a sede da patronal coruñesa, na praza Luís Seoane, para reclamar a firma dun acordo interprofesional galego no comercio. Esta medida busca blindar a prioridade aplicativa dos convenios provinciais fronte ao convenio estatal que as grandes multinacionais do téxtil ou do calzado pretenden impor para recortar dereitos e salarios, segundo informa a CIG.
Con esta acción de presión, o persoal quere darlle “visibilidade 24 horas” ao seu rexeitamento ao convenio de ARTE (Asociación Retail Téxtil España), nunha semana na que están previstas dúas novas reunións da mesa negociadora para os días 26 e 27 de maio. O secretario nacional de CIG-Servizos, Carlos Alján, valorou que todo indica que nestas citas e na que hai o 2 de xuño se pretenda pechar a negociación e “perpetrar este atraco ao persoal do comercio”.
Carlos Alján tamén argumentou que o convenio de ARTE significaría unha precarización laboral, a perda de dereitos tanto no económico como no social e deixaría fóra dos convenios provinciais a un número moi importante de persoas deste sector. Por este motivo, a central sindical reclama á patronal un documento que fixe a prioridade aplicativa das normativas provinciais fronte á estatal. “Non estamos a pedir máis salarios, só demandamos que se garantan os dereitos conseguidos”, indicou.
Importante anuncio que ofreceu esta mañá o Concello da Coruña. Levan sen convocar dende 2023, pero esta mañá veñen de anunciar a convocatoria dunha nova edición dos seus orzamentos participativos. Baixo a lema ‘Na Coruña, Ti Contas’, volven un dos poucos formatos de participación cidadá real, nos que a veciñanza será a que decidan a realización de diferentes obras en cada un dos 10 distritos da cidade.
Os responsables municipais apuntaron que da anterior convocatoria executáronse xa un total de 80 proxectos, se ben quedan moitas obras por levar adiante. En todo caso, a nova edición ten novidades respecto da anterior edición xa que terán un carácter bianual e as partidas por distrito superarán os 150.000 euros. O proxecto contará con 2,6 millóns de euros. O 80% do orzamento, 2,1 millóns de euros, destinarase aos dez distritos da cidade. E o 20% restante, 500.000 euros, reservarase para propostas de ámbito xeral, para o conxunto da Coruña.
Desta nova edición, sinalou que o obxectivo é “chegar a máis xente” e facilitar o procedemento para que se cheguen a materializar as propostas seleccionadas. Por iso, terán un carácter bianual “para non condicionar a execución dos proxectos”.
Prazos
O prazo de presentación de propostas na nova convocatoria dos Orzamentos Participativos está aberto desde hoxe e permanecerá aberto ata o 19 de xuño.
As propostas poderán presentarse a través da plataforma nacorunacontas.coruna.gal e tamén de maneira presencial nos rexistros municipais de María Pita, o Ágora e o Fórum Metropolitano.
Despois abrirase a fase de revisión e valoración técnica: primeiro, entre o 20 e o 29 de xuño, comprobarase a admisibilidade das propostas; e, entre o 30 de xuño e o 16 de xullo, realizarase a valoración técnica, xurídica e económica das propostas admitidas.
A votación cidadá desenvolverase do 17 de xullo ao 31 de agosto. Cada persoa poderá votar varias propostas: tanto de ámbito de cidade —ata esgotar a dotación reservada para o conxunto da Coruña— como de ata tres distritos á súa libre elección. E poderá facelo tanto a través da plataforma dixital como de maneira presencial, nas urnas que se habilitarán en equipamentos municipais.
Grandes novas para as artes marciais da cidade herculina. Este pasado sábado 23 de maio, unha expedición da Escola Garrapucho acodía a Campionato de España sub-21 de taekwondo Elisa Fernández e Iria Álvarez. As dúas competidoras de Garrapucho formaban parte da Selección Galega que se desprazaba a Ciudad Real.
Se ben Iria fixo unha gran actuación, a protagonista foi Elisa Fernández, que se proclamou campiona de España. Un fito espectacular para unha deportista que consegue a medalla de ouro por segundo año consecutivo.
A artista Mónica Naranjo actuará o próximo 20 de novembro no Coliseum da Coruña na que será a única actuación en Galicia, incluída na súa xira Greatest Hits Concerts e na que repasa os seus éxitos máis soados para conmemorar 30 anos de carreira profesional. A venda de entradas activarase hoxe a partir das 16.00 horas presencialmente no despacho de billetes da praza de Ourense e en liña a través de Ataquilla.com, zoommusic.es e monicanaranjo.com.
Este concerto é a primeira chegada do tour de Mónica Naranjo á comunidade, despois de percorrer no 2025 México, Estados Unidos e diferentes cidades de España, cun gran éxito de público.
“O Coliseum xa é un dos recintos de referencia no panorama cultural de toda España, os mellores artistas do mundo queren vir porque aquí hai un público que sabe de música, que é entregado e que sabe transmitir o seu agarimo aos que chegan á cidade para demostrar o seu talento”, asegura o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.
O proxecto ‘Talentos Inclusivos’, impulsado desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC), foi distinguido co Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global. Trátase dun recoñecemento promovido pola Coordinadora Galega de ONGD, co apoio da Xunta de Galicia. Con este galardón, o proxecto consegue xa un total de once premios desde a súa creación no ano 2020.
“Consolidando así o seu impacto no ámbito da innovación educativa, a sensibilización social e a promoción dunha cidadanía crítica e comprometida“, apunta o reitorado coruñés. O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global recoñece iniciativas pedagóxicas que fomentan valores vinculados á xustiza social, a sustentabilidade, a igualdade e a participación activa da comunidade educativa. Desde o CITIC destacan que este recoñecemento “supón un impulso para seguir desenvolvendo proxectos que integren tecnoloxía, educación e compromiso social, achegando o coñecemento científico e tecnolóxico aos grandes retos globais”.
INICIATIVAS DO CITEEC
Por outra banda, a programación especial de actividades de formación e divulgación propostas polo Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña foi recoñecido co selo oficial de evento colaborador da Green Week 2026.
Este evento europeo reúne anualmente a científicos, empresas, políticos, organizacións e cidadáns co obxectivo de debater sobre políticas medioambientais e boas prácticas en Europa. A CITEEC Green Week aglutinará durante o mes de xuño distintas actividades, entre elas un evento de xornada de portas abertas.
O BNG condicionou o seu apoio ao PSOE nos asuntos que leven ao pleno a que busque o goberno local “unha solución para o buraco económico” nas contas.
Así o trasladaron os edís Avia Veira e Francisco Jorquera en relación á advertencia do interventor municipal de déficit en termos de estabilidade orzamentaria e sen cumprir as regras de equilibrio económico no exercicio de 2025. Fronte a iso, o goberno local asegurou que o consistorio goza de “boa saúde financeira”.
Nunha rolda de prensa na que se informou do cambio polo que Avia Veira, edil e candidata á Alcaldía, pasará a ser a portavoz e o seu compañeiro Francisco Jorquera, portavoz suplente, insistiuse nas críticas aos socialistas ao considerar que están á fronte dun goberno local “desconectado da realidade, que se comporta coma se tivese maioría absoluta, cando nin sequera a ten simple”.
“Acomodado, que non dialoga e que non traballa como equipo, que falla no pequeno, no mediano e no grande”, sentenciou Avia Veira ao denunciar deficiencias nalgúns barrios, pero tamén a situación dalgúns contratos sen licitar.
“O interventor di que hai que tomar decisións e corrixir esta situacióny ofrece varias solucións para saír dela”, apuntou, por outra banda, sobre as contas do ano pasado.
“A quen lle toca mover ficha é ao goberno local”, asegurou Veira, que anunciou que os socialistas non van contar co apoio do BNG para a aprobación de ningún asunto plenario ata que presente a súa fórmula para resolver esta cuestión.
Viviu un domingo moi especial a cidade da Coruña co ascenso do Dépor a 1ª División. 8 anos despois, e tras unha travesía pola terceira categoría do fútbol estatal, o Dépor volve ao lugar que lle pertence, e faino ademais espoleado por unha mocidade rabiosa, desexosa de volver competir cos mellores e de vivir as historias que lle contan os seus pais e que leva afianzando que a cidade siga mantendo o corazón branquiazul.
Fíxoo arroupado por unha cidade entregada, que leva dúas semanas vestida de branquiazul. As rúas destilaban alegría, e ata os máis cenizos estaba convencidos de que esta vez tiña que ser. Estaba escrito. Estaba todo de cara.
Un estoupido viviu a cidade cos dous goles de Nsongo Bil, ese rapaz camerunés que hai uns meses estaba polos campos de 2ª RFEF, e que queda para a historia do deportivismo como os Stoja, Alfredo Santaelena ou Donato, heroes das outroras xestas deportivistas.
A Fan Zone (onde a Liga impediu instalar unha pantalla xigante) volveu dividir a celebración e a fonte de Catro Camiños non viviu as estampas doutros anos, mentres a zona de Riazor estaba ateigada. Aguantou a afección e milleiros de afeccionaron esperaron ata as 4:00h da madrugada para recibir na fanzone aos heroes do ascenso cunha festa por todo o alto.
Vivindo o ascenso do Depor na FanZone de RiazorAfeccionados do Depor celebran o ascenso. MONCHO FONTES
O noso analista branquiazul Miguel Barreiro goza xa deste “ascenso tan fantástico! Sen ser o mellor equipo, sen ter os nosos mellores xogadores dispoñibles na segunda metade da tempada, sen dianteiros… Convertémonos na forza máis dominante da liga. Moi fiables ata o final. Sen sentir que tiñamos o control, pero coa sensación de loitar ata o último minuto. Maldito sexa o Deportivo”.
Barreiro pon en valor que o equipo estivo moitos meses “sen Yeremay por pubalxia e sen Mella por un xeonllo. Zaka e Mula non foron un punto focal na dianteira. Nin Arnau nin Barcia foron os centrais que esperabamos, nin Gragera, nin Cristian Herrera… Ao final, Stoichkov acabou sendo o primeiro e máis fiable suplente. Noé gañou protagonismo. Un once inicial forte e catro cambios. Quince rapaces conseguiron o ascenso”.
E espera que ” que acertemos co plan do ano que vén. Merecémolo. Manterse na Liga foi moi barato nos últimos anos”.
En paralelo, o Leyma conseguia a súa terceira vitoria en Menorca e se clasifica para a Final Four que se celebrará os vindeiros 6 e 7 de xuño na nosa cidade. A Coruña seguede festa.
Recepción Municipal
Esta tarde de luns, arecepción institucional ao club terá lugar ás 19.00 horas, no Palacio
Municipal. Xa a continuación, está prevista a saída dos xogadores ao balcón de María Pita, para festexar o ascenso á máxima categoría.
Un equipo traballa este luns na recollida de algas na zona da plataforma flotante de O Parrote na Coruña — inaugurada o ano pasado e destinada ao baño — para o seu uso alimentario ou agrícola segundo as condicións das mesmas.
Así o explicou, en declaracións aos medios de comunicación, o empresario Antonio Muiños, que sinalou que será un traballo a cargo de profesionais da Confraría de Pescadores e coa recollida duns 300 ou 400 quilos de algas de dous tipos distintas.
Esta recollida prodúcese, precisou, despois de que neste espazo, ao pechalo para o baño e xerarse unha zona de augas máis tranquilas, as algas creasen un cultivo neste medio de forma natural. Agora colleitaranse e analizaranse para determinar se se usan para a alimentación ou para a agricultura, segundo as posibilidades.
Ademais, precisou que podería manterse na zona un cultivo “constante” polo que non descartou que se repita a recollida noutras ocasións, igual que se produce noutros lugares de Galicia a facer este tipo de traballos.
“Hoxe seguramente 300 ou 400 quilos”, aseverou sobre a previsión de recollida de algas en O Parrote. “Colleitámolas, desembarcámolas en Oza — unha das zonas do porto coruñés — e levámolas a fábrica”, manifestou sobre as instalacións de Porto Muiños. Alí, decidirase, finalmente, a que se destinan as algas recollidas.
Esta tarde de luns, Coruña celebrará na praza de María Pita cos afeccionados e afeccionadas o regreso á categoría tras oito anos de singradura pola segunda e a terceira categoría do fútbol estatal.
Será primeiro, ás 19:00h, cunha recepción institucional no Palacio Municipal de María Pita e coa previsión de que se acheguen ata a praza miles de seguidores e seguidoras, como os que onte arrouparon ao equipo desde primeira hora da mañá e ata a madrugada, unha vez que os xogadores chegaron de Valladolid.
O consistorio recomenda á cidadanía desprazarse con antelación ao acto para evitar aglomeracións nos accesos principais á praza e a súa contorna. A celebración poderase seguir por streaming, a través da web municipal, e tamén na súa canle de Youtube.