O RC Deportivo presentou o seu novo himno oficial, “Voa”, unha peza composta por Xoel López e nacida “para reforzar a identidade do club no seu 120 aniversario e despois do seu regreso á Primeira División”. O himno, explica o club, busca conectar con todas as xeracións de deportivistas a través da emoción, a tradición e o sentimento compartido.
Para este himno, o Deportivo contou co coruñés Xoel López, no mesmo ano da presentación do seu décimo sétimo álbum, Oniria Popular. Este, engaden, “supón un novo vínculo entre a súa traxectoria artística e o sentimento deportivista”. O himno estrearase este mércores, 12 de agosto de 2026, no estadio Abanca Riazor, no marco da LXXXI edición do Trofeo Teresa Herrera, coa presenza de Xoel López xunto cos artistas e colectivos que participaron na súa gravación.
O vínculo coa identidade galega e coruñesa é unha das claves do novo himno. No seu proceso creativo, Xoel López rodeouse de formacións e colectivos que “son patrimonio vivo da cidade e da cultura galega, reforzando o arraigamento da peza”. En concreto, participaron Kilomberos de Monte Alto, Xacarandaina, o Coro Infantil Cantábile, a Orquestra Sinfónica de Galicia, Caamaño & Ameixeiras, Belém Tajes e Susana Seivane, entre outros.
O lanzamento de “Voa” canalízase a través dun videoclip concibido como un percorrido polos lugares máis emblemáticos da Coruña, que simboliza o camiño cara a Riazor nun día de partido. Gravado en plano secuencia, o videoclip propón unha viaxe aérea pola cidade, conectando espazos icónicos como a Mariña, os Xardíns de Méndez Núñez e o propio paseo marítimo.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) recoñeceu como accidente de traballo o desprendemento de retina no ollo esquerdo sufrido por un condutor de camión mentres desenvolvía a súa actividade profesional para unha empresa con sede no concello coruñés de Arteixo.
A Sala do Social estimou o recurso presentado polo traballador contra unha resolución anterior do Xulgado do Social número 2 da Coruña, que considerara que o período de incapacidade temporal derivado desta lesión respondía a unha enfermidade común.
O tribunal galego conclúe, pola contra, que existen elementos suficientes para aplicar a presunción de que a lesión ten unha orixe laboral, ao terse manifestado durante a xornada e mentres o afectado conducía o vehículo da empresa.
Segundo recolle a sentenza, o desprendemento de retina “produciuse no tempo e no lugar de traballo, isto é, durante a condución do camión”. Os maxistrados tamén teñen en conta o momento no que apareceron os síntomas, “preto da medianoite”, nunhas circunstancias nas que, segundo sinalan, a condución requiría “un esforzo visual importante”.
OS ANTECEDENTES MÉDICOS NON DESCARTAN A RELACIÓN CO TRABALLO
A resolución analiza tamén os argumentos empregados na primeira instancia para cualificar a baixa como derivada dunha enfermidade común. O TSXG explica que a xuíza baseara a súa decisión, entre outros elementos, no informe pericial médico presentado pola mutua que promoveu o procedemento.
O traballador contaba con antecedentes relacionados coa retina e sufrira tamén unha intervención de cataratas meses antes do episodio. Porén, a Sala do Social considera que estas circunstancias non son suficientes para eliminar a presunción de que a lesión está vinculada á actividade laboral.
“Nin os antecedentes de desprendemento de retina nin a súa aparición nos seis meses seguintes a unha cirurxía de catarata, nin a consideración do desprendemento de retina como unha complicación recoñecida, exclúen o nexo de laboralidade”, sinala o fallo.
Para os maxistrados resulta especialmente relevante que a lesión non só se producise durante o horario e no lugar de traballo, senón tamén mentres o empregado executaba directamente a súa función profesional.
“Cando, ademais de producirse en tempo e en lugar de traballo, prodúcese con ocasión da realización da propia actividade profesional, sendo unha actividade de condución esixente para a visión, e máis se se conduce preto da medianoite”, expón a resolución para fundamentar a consideración como accidente laboral.
O CRITERIO DO INSS REFORZA A DECISIÓN
O TSXG incorpora ademais á súa argumentación a valoración realizada polo Equipo de Valoración de Incapacidades do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), que xa concluíra que a continxencia debía cualificarse como accidente de traballo.
A Sala destaca que se trata dun organismo especializado na análise deste tipo de situacións e cunha composición multidisciplinar. O equipo avaliara tanto as circunstancias nas que se produciu o episodio como o historial médico completo do condutor antes de determinar a súa natureza laboral.
Esta conclusión, segundo indica o tribunal, “corrobora unha conclusión a favor da laboralidade” e reforza a aplicación da presunción de accidente de traballo neste caso.
Marcos Pérez Maldonado é físico de formación e desde 2017 ocupa o cargo de director da rede de Museos Científicos Coruñeses. Licenciouse en Física pola Universidade de Santiago de Compostela E exerceu durante 20 anos como director técnico da Casa das Ciencias da Coruña. É o corresponsable do grupo de traballo de comunicación con socios na AEC2. O Galicia Confidencial conversa con el sobre as dúbidas, recomendacións e indicacións prácticas para poder desfrutar da experiencia única da eclipse do vindeiro 12 de agosto.
En que consiste exactamente unha eclipse total?
É unha situación na que o sol, a lúa e a terra quedan aliñados de tal xeito que se proxecta a sombra da lúa sobre a terra, percorrendo unha franxa de territorios duns poucos centos de quilómetros de ancho. O sol queda completamente oculto pola lúa durante uns minutos. Nesta ocasión durará 1 minuto e 28 segundos. Isto implica que de repente se fai de noite dunha forma moi rara, porque chega de súpeto e a luz do crepúsculo chega de boa parte do horizonte.
Levas meses explicando as características e detalles da eclipse do 12 de agosto. Cal é a pregunta que máis se repite?
A pregunta que máis me fixeron é desde onde ver a eclipse. É a pregunta máis difícil de responder, porque se lle damos a mesma resposta a todo o mundo, o espazo aglomérase. Ademais, non todos estamos nas mesmas circunstancias. Hai persoas que lles gusta camiñar pola natureza e desfrutar da paisaxe, pero hai outras que por cuestións de mobilidade, por exemplo, non poden. Polo tanto, o mellor sitio é aquel onde se poida gozar da experiencia da eclipse máis comodamente. Se se pode, é importante acudir a un sitio onde a eclipse é total porque a diferenza cunha eclipse parcial é brutal.
E a pregunta máis sorprendente?
Fixéronnos moitas, pero a máis típica é se se pode saír á rúa ese día sen gafas para a eclipse. Obviamente é posible, porque o sol brila como cada día. O que reflicte esta pregunta é que cando a comunicación se centra moito nas gafas da eclipse, a xente pensa que a experiencia se reduce a mirar ao sol. Iso é falso. As experiencias que se van lembrar son os cambios na luz, na intensidade, na cor; o frío que fai, o vento… É unha experiencia máis paisaxística que astronómica.
Moita xente estará pendente das fotografías e dos vídeos. Ti recomendarías gardar o móbil durante ese minuto de totalidade?
Desde logo non recomendo que a xente faga fotos ao sol porque necesita un equipo especializado. Pero xa non só por iso, senón porque é unha perda de tempo. Na Coruña a eclipse total durará 1 minuto e 16 segundos, polo que invertir ese tempo gravando co móbil é perder o tempo durante un fenómeno que se vai ver só unha vez na vida. O que si recomendo é deixar gravando o móbil para termos un rexistro de como nos comportamos nós durante a totalidade.
As eclipses son fenómenos raros ou simplemente non se dan habitualmente no sitio no que vivimos?
A probabilidade de que calquera lugar da terra teña unha eclipse total de sol é dunha vez cada 375 anos. O normal é que na vida dunha persoa non lle toque nunca vivir desde a casa unha eclipse de sol. Nese sentido si é excepcional. Ben é certo que cada dous anos hai unha eclipse total nalgún lugar da terra, pero poden darse en lugares remotos. Cando estas transitan en lugares poboados fan que haxa moita afluencia de público.
Se o ceo estivese nubrado, seguiría merecendo a pena ir ver a eclipse?
Por suposto. Eu entendo que un profesional sempre buscará o lugar onde mellor se vexa o fenómeno. Para o resto da xente, a experiencia da eclipse é case igual de intensa se hai nubes ou non. A experiencia dunha eclipse con nubes segue deixando un momento fascinante. Ademais, os galegos nunca debemos facer plans en función do tempo.
Desde os Museos Científicos estades facendo un enorme labor divulgativo sobre este e outros temas. Agardades que esta eclipse deixe un interese permanente pola ciencia?
O interese pola astronomía, en xeral, é moi alto. É certo que estes fenómenos difunden moita información a capas da poboación que non lle chegarían doutro xeito. O interese polas eclipses nestes meses axuda a que a xente os entenda mellor. Os temas relacionados coa saúde visual ou as situacións de complexidade loxística tamén son aspectos que se analizan porque desta forma tamén aprendemos como sociedade.
Algún outro consello que queiras destacar?
Si, para as persoas que se desprazan, eu recomendo a planificación. Organizalo ese mesmo día pola tarde pode ser unha ruína. Moita xente das Rías Baixas e do norte de Portugal seguramente se desprace cara ao norte. Por iso, planificalo implica levar auga e comida, crema para o sol, un pucho, un libro para entreterse… Todas estas cousas son necesarias para pasar un día fóra da casa na natureza. Para os que imos ver a eclipse no lugar onde vivimos, eu intentaría buscar un sitio onde haxa visión directa do sol. O Concello da Coruña fixo un traballo espléndido neste sentido e o Ministerio de Ciencia fixo unha aplicación de realidade aumentada a través da cal se pode comprobar se desde o lugar no que un está pode verse ben a eclipse. O mellor sitio para velo é aquel onde se poida gozar coas persoas que un quere estar e onde todo o mundo estea cómodo.
Se puideses pedirlles aos cidadáns que lembrasen unha única idea cando remate ese minuto de escuridade, cal sería?
Eu diría que o firmamento, a noite escura, pode provocar sensacións e emocións. Hoxe temos un problema coa contaminación luminosa, polo que estamos privando ás xeracións novas dos espectáculos celestes por culpa da mala xestión do sector. Non estou falando de vivir a escuras, senón de que cómpre reflexionar sobre como utilizamos o alumeado público á noite. Por iso, penso que a experiencia da eclipse pode servir para concienciar sobre a necesidade de preservar as paisaxes naturais do firmamento.
A folga no sector da hostalaría na provincia da Coruña prevista para este mércores quedou desconvocada, segundo informan a centrais CIG, UXT e CCOO. Foi tras a reunión celebrada nesta xornada no servizo de mediación AGA, que foi solicitada polas centrais sindicais e aceptada polas patronais.
Entre outras cuestións, as partes acordan unha subida salarial para o ano 2025 de 500 euros lineais, que se pagarán como moi tarde o 31 de outubro deste ano. Tamén se acordan subidas salariais de entre o 3 e o 3,5% para os próximos anos. Acordos en materia de complementos son outras das cuestións abordadas e con convocatoria dunha próxima reunión o 17 de setembro para continuar coa negociación.
A Xunta licitou por máis de 52 millóns de euros unha nova fase da ampliación do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), que suporá a escavación dunha superficie equivalente a sete estadios de Riazor e onde se construirán os novos edificios asistenciais. A presentación de ofertas estará aberta ata o próximo 21 de setembro e a previsión é adxudicar os traballos a finais deste ano para poder iniciar as obras.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto a outros representantes autonómicos e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde, informou da licitación nun acto na zona. Respecto diso, explicou que se trata da licitación desta fase de demolición para a implantación desta nova fase do ‘Novo Chuac’. “É a obra de maior complexidade e de maior investimento que estamos a facer“, dixo desde o punto de vista das infraestruturas sanitarias e ao lembrar que serán máis de 500 millóns investidos.
Dende este luns 10 e ata 28 de agosto, haberá 25 espectáculos para toda a familia que percorrerán diferentes puntos da cidade combinando disciplinas e formatos diversos. O programa arrincará o luns 10 de agosto no Campo da Leña coa proposta ‘As Mil e Unha’, de Vero Rilo e Luís Iglesias. Ao longo do mes pasarán por Cascarillarte artistas e compañías como Pablísimo, Xavi Bufa, Mago Noel, K’Paparota Teatro, Pedras de Cartón, Ghazafelhos Teatro, Inventi Teatro, Fran Rei, Mago Paco ou Culturactiva, entre outros. A oferta incluirá contacontos, clown, espectáculos musicais, teatro familiar, propostas de animación e maxia.
Nesta edición, Cascarillarte chegará a espazos repartidos por toda a cidade, entre eles o Campo da Leña, Palavea, Xuxán, a praza de Vigo, Monte Alto, as Conchiñas, o Castrillón, Santa Margarida, Vioño, Novo Mesoiro, Os Rosales e a Sagrada Familia. Castro destacou tamén o papel que cumpre este programa dentro das festas.
Programación completa do programa Cascarillarte
● Luns, 10 de agosto – Campo da Leña – Vero Rilo e Luís Iglesias – As Mil e Unha – 19.30 h
● Martes, 11 de agosto – Palavea (contorna CCM Palavea) – Os Contos de Pablísimo – Contiario – 19.30 h
● Xoves, 13 de agosto – Praza de Tabacalera – Xavi Bufa – Tubos do Mundo – 19.30 h
● Venres, 14 de agosto – Barrio de Xuxán (Parque Infantil) – Mago Noel – Qué Curioso! – 19.30 h
● Luns, 17 de agosto – Praza de Vigo – K’Paparota Teatro – Latexos – 19.30 h
● Martes, 18 de agosto – Barrio das Flores (Praza Central) – Joshua Kenneth – MarabiJoshua! – 19.30 h
● Mércores, 19 de agosto – Monte Alto (Praza do Mercado) – Pedras de Cartón – Alicia – 19.30 h
● Xoves, 20 de agosto – Praza das Conchiñas – Ghazafelhos Teatro – Sherezade – 19.30 h
● Venres, 21 de agosto – Castrillón (Praza Pablo Iglesias) – Pajarito – A Estrada – 12.00 h
● Venres, 21 de agosto – Parque de Santa Margarida (Escalinata da Casa das Ciencias) – Mago Paco – Ledicias – 19.30 h
● Luns, 24 de agosto – Praza dos Mariñeiros – Inventi Teatro – Tachán! – 19.30 h
● Martes, 25 de agosto – Parque de Vioño – Culturactiva – Máis Saaabor! – 19.30 h
● Mércores, 26 de agosto – Novo Mesoiro (Explanada do CCM Mesoiro) – Gallaecia Eventos – As Aventuras de Jazzy e Bluzy – 19.30 h
● Xoves, 27 de agosto – Os Rosales (Praza Elíptica) – Manuela Contacontos – O Grúfalo e a Natureza – 19.30 h
● Venres, 28 de agosto – Sagrada Familia (Praza San Rosendo) – Fran Rei – Hamelin – 19.30 h
En paralelo ás Festas de María Pita e ao Salón do Cómico Viñetas dende o Atlántico, esta fin de semana arrinca tamén o Autobán. O festival coruñés de cómic autoeditado, celebrará este agosto a súa duodécimaedición, e farao con importantes novidades e un aumento salientable de participantes e actividades.
Máis de 80 artistasde toda a Península Ibérica porán á venda as súas novidades no encontro, que ademais contará con obradoiros, presentacións, edicións exclusivas, música en directo e o célebre Combate de Debuxantes.
A debuxante Julia Abalde, gañadora do Premio Autobán 2025, é a autora do cartel deste Autobán 2026.
Máis dunha semana de actividades en varias localizacións
Como resultado de todos estes apoios, en 2026 Autobán expandirá as súas actividades paralelas máis aló dunha fin de semana, como viña sendo habitual. Con todo, as principais accións, que serán de asistencia gratuíta, terán lugar o venres 14 na no Circo de Artesáns (coa entrega do III Premio Autobán, a presentación dos proxectos participantes e a celebración do popular Combate de Debuxantes) e o sábado 15 de agosto, na céntrica praza de San Andrés, onde se desenvolverá o Mercado de Autoedición.
Pero xa durante a semana desenvolveranse unha serie de actividades paralelas para ir quentando motores, que podedes atopar en autoban.gal/programa.
Programa Autobán 2026
Do LUNS 10 de agosto ao 27 de setembro | EXPOFANZINES
Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º andar)
Exposición dos fanzines presentados ao III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego.
LUNS 10 de agosto | SINATURA DE TROUBS
RÚA BD de Viñetas desde o Atlántico
18:30 h. – 20:00 h.
Sinaturas de Troubs, autor editado en galego polas nosas socias de figurandorecuerdosedicions.
MARTES 11 de agosto | PRESENTACIÓN E SINATURAS DO III PREMIO AUTOBÁN
RÚA BD de Viñetas desde o Atlántico
19:30 h. – 20:00 h. | Carpa da Rúa BD
Presentación das obras gañadoras do III Premio Autobán, con Martín Romero e Silver Adree, presentados por Julia Abalde.
20:00 h. – 21:00 h. | Stand de Autobán
Sinaturas das obras gañadoras do III Premio Autobán no stand de Autobán, con Martín Romero e Silver Adree.
XOVES 13 de agosto | RECITAL ILUSTRADO (A208)
19:00 h. | Circo de Artesáns
Recital ilustrado (A208), no que debuxantes e poetas combinan o seu labor en directo.
VENRES 14 de agosto | AUTOBÁN, ACTIVIDADES LÚDICAS
Circo de Artesáns
17:30 h. | ENTREGA DO PREMIO AUTOBÁN
Cerimonia de entrega do III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, con presentación de Julia Abalde.
18:00 h. | AUTOBOMBO
O Autobombo consiste nunha vintena de presentacións rápidas ao cargo dos participantes no mercado de autoedición que queren amosar as súas obras e produtos. O formato escollido será de 12×12: cada presentación terá 12 imaxes proxectadas durante 12 segundos cada unha, acompañadas das explicacións dos fanzineiros. É un xeito ameno e rápido de coñecer as propostas do Autobán.
19:30 h. | COMBATE DE DEBUXANTES
Oito debuxantes entran, un sae… e levará o trofeo e o megapremio do Autobán 2026! Este ano volvemos repetir o popular evento de belixerancia debuxeira, pero nesta ocasión contamos con novos combatentes que veñen dispostos a zoscarse (metaforicamente) e a suar tinta (literalmente). Incriblemente presentado por MAteo e Gaudino.
SÁBADO 15 de Agosto | MERCADO DE AUTOEDICIÓN, MÚSICA E OBRADOIROS
Praza de San Andrés
12:00 a 21:30 h. | MERCADO DE AUTOEDICIÓN
O Mercado de Autoedición ofrece a oportunidade de amosar e vender o seu material a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais. Este ano contamos con máis de 80 propostas vidas de toda a Península.
Desenvolverase na Praza de San Andrés.
Barra de cervexa ao cargo de Malte, e comida de Café Olimpia.
12:30 h. | OBRADOIRO INFANTIL: Deseña as túas propias pegatas. Impartido por UXÍA LARROSA
Neste obradoiro aprenderemos a facer as nosas propias pegatas. Deseña autocolantes súper chulos da man de Uxía Larrosa.
É unha actividade gratuíta e aberta ao público infantil.
13:30 h. | FOLIADABÁN por Folklórikes
Ao mediodía celebraremos un evento popular de canto e baile ao cargo do grupo de Folklórikes.
16:30 h. | SESIÓN DJ por Sekone
DJ Sekone porá música á tarde do Autobán 2026.
18:00 h. | OBRADOIRO: Criaturas grampadas. Impartido por ESPAZO BOH
Obradoiro de fanzine no que cada páxina estará habitada por un único personaxe
É unha actividade gratuíta e aberta a todos os públicos
19:30 h. | SESIÓN DJ por Xulia Vicente
Xulia Vicente será a DJ encargada de amenizar o serán do Autobán.
23:30 h. | FESTA Post-Autobán BAR 13 (Rúa Orzán 115)
A baixa visibilidade pola néboa coa que amenceu este martes o aeroporto coruñés de Alvedro obrigou a desviar dous voos á primeira hora.
En concreto, segundo confirmaron fontes de Aena, un voo procedente do aeroporto Madrid-Barallas Adolfo Suárez regresou ao aeroporto madrileño.
Tamén tivo que ser desviado por baixa visibilidade un voo que partiu do aeroporto de Milán con destino o aeródromo coruñés. Neste caso, aterrou no aeroporto de Peinador, en Vigo.
O festival Viñetas desde o Atlántico celebra unha nova edición na Coruña coa memoria social como fío condutor e unha programación que supera o cento de actividades, con 24 exposicións e os tradicionais postos da Rúa BD. O acto de inauguración tivo lugar este luns no Kiosco Alfonso, coa presenza da alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; a deputada provincial Natividad González; e o director do festival, Manel Cráneo. Decenas de personaxes da banda deseñada forman parte das propostas que o público poderá atopar durante estes días, desde Astérix e Obélix, Spiderman, Batman, Mafalda, Superman ou Carpanta ata incorporacións máis recentes como Marcopola e Dragoneta.
“FORMA PARTE DA IDENTIDADE DA CORUÑA”
Durante a inauguración, Inés Rey salientou que Viñetas desde o Atlántico “leva décadas formando parte da identidade da Coruña” e reivindicou a banda deseñada como “unha das linguaxes culturais máis vivas, máis diversas e con máis capacidade para conectar con públicos moi diferentes”. Pola súa banda, Manel Cráneo destacou que a edición deste ano continúa medrando tanto no número de colaboracións con entidades como no deseño e nas temáticas das propostas expositivas. O director do festival puxo tamén en valor a “calidade e cantidade” das actividades, así como a aposta por combinar talento local con autores e autoras de renome internacional.
MÁIS DE 70 AUTORES E AUTORAS NA CIDADE
Entre as novidades desta edición figura Viñetas Estudio, un espazo dedicado ás sinaturas e á creatividade no que os visitantes poderán participar tamén na elaboración dun mural colectivo. Máis de 70 autores e autoras estarán na Coruña ata o 16 de agosto para participar nas distintas actividades do festival. As 24 exposicións programadas prolongaranse ata finais de setembro e completaranse con obradoiros, charlas, clases maxistrais e outras propostas arredor da banda deseñada.
AS OBRAS GAÑADORAS DO PREMIO CASTELAO, TAMÉN NO FESTIVAL
A Deputación da Coruña participa nesta edición achegando as obras gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2025. A Sala Salvador de Madariaga acolle desde este luns unha exposición con “Maré”, de Manuel Barreiro Rozados e Elías Oliver Taño, e “Narices!”, de Giovanna Lopalco.