Inicio Blog Páxina 403

A reforma da rúa San Andrés durará un ano

0

Xa están en marcha as obras de reforma da rúa San Andrés, entre as rúas Juana de Vega e o cruzamento coa rúa Sol. Unha humanización, a medias, que suporá un investimento 3,2 millóns de euros, e que intenta “recuperar o formato orixinal de bulevar que tivo a vía nas súas orixes potenciando así o seu carácter como zona comercial”.

O detalle máis destacado polo concello e a incorporación de máis de 80 árbores, a moreira de Valdeorras que xa existía en San Andrés a finais do século XVIII”.

A reurbanización da rúa tamén suporá unha remodelación dos espazos destinados á circulación de vehículos. San Andrés pasará así a estar disposta en formato de plataforma única,  cun carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, sen zonas de aparcamento, que serán substituídas por barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que farán de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén se ampliarán e renovarán, con novas lousas de granito. Gañarán espazos para as zonas de carga e descarga.

Proxecto de reforma da rua san andres Coruna

O Concello tamén acometerá traballos para a conservación do fermoso exemplar de follas rosas de Cercis siliquastrum -coñecido comunmente como a árbore do amor- situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina.

Primeira fase

Este luns arrincaron as obras, adxudicadas en decembro á UTE composta polas empresas Abeconsa e Canarga, e terán un prazo de execución de 12 meses e estarán divididas en fases específicas.

A primera fase activarase o vindeiro luns 11 de marzo e durará ata Semana Santa, no que se eliminarán xa os aparcamentos, mantendo aberto o tráfico.

A segunda fase, que se desenvolverá dende a volta de semana Santa e polo segundo semestre do ano, obrigará a cortar o tráfico (manteranse as liñas 3 e 7 en sentido San Agustín) desde Santa Catalina ata o cruzamento con Sol, que tamén será reformado. Aínda que as obras previstas obrigarán a desviar o transporte urbano,  durante esa fase das intervencións.

A barbarie de Israel sobre Gaza, protagonista do cartel da Rede Acampa 2024

Queda pouco xa para o Encontro Internacional Acampa pola Paz 2024, que se desenvolverá na cidade da Coruña do 7 ao 9 xuño. O tema troncal das xornadas será a “Infancia e Mocidade Refuxiada”, pero resulta imposible non mirar cara a Gaza, cara a Ucraína, cara á fronteira sur, cara a Afganistán, Iemen… Por iso, o cartel da cita deste ano é así, con esta imaxe do fotógrafo palestino Majdi Fathi como protagonista.

Así o decidiu o completo equipo multidisciplinar e voluntario que coordina esta cita reflexiva sobre os Dereitos Humanos e o Dereito a Refuxi, que convirte á cidade da Coruña dende 2017 nun referente nacional do xornalismo humanitario e do compromiso na defensa dos DDHH.

“A imaxe é o mellor resumo da desolación e a esperanza ao tempo, ao fotografar a ese neno salvando dos entullos os seus libros e cadernos, agarrándose á normalidade e ao futuro arrebatados polas bombas israelitas que converteron en cascallos toda a súa vida, enterrando en segundos a súa infancia”, explica Sofía Reyes, unha das responsables da área de comunicación.

Rede Acampa

Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio quere ser, de novo, “o altofalante para a reivindicación colectiva que esixa accións urxentes, a nivel internacional, imprescindibles para minimizar o dano e para facilitar a incorporación desa infancia e mocidade, canto antes, a unha vida digna”.

Durante eses días de xuño, os Xardíns de Méndez Núñez serán o espazo no que se confirme de novo que A Coruña é unha cidade sensible á dor humana. Especialistas, activistas, fotógrafos e fotógrafas especializadas en Xornalismo Humanitario, ONGs, documentais, música… conformarán o programa de ACAMPA2024. Tamén haberá de novo o que é xa o seu aceno de identidade, un campo de persoas refuxiadas simulado que, nesta edición, permitiranos entender como están actualmente millóns de persoas desprazadas dentro da Franxa de Gaza, sobrevivindo sen auga, sen comida e sen pertenzas baixo os ataques e o acoso permanente de Israel. As 7 exposicións que na presente edición están programadas continuarán nas rúas ata o 30 de xuño.

 

“Infancia e Mocidade Refuxiada”: En shock emocional, sen dereito a ser nenos, criminalizados

Como dicimos o tema principal, centrarase nos alarmantes  datos de ACNUR do ano 2023. A cifra de persoas desprazadas forzosamente supera xa os 114 millóns de persoas. A metade desa cifra son nenos e nenas menores de 18 anos, unha infancia vulnerable constantemente en tránsito. En moitas ocasións chegan sen familia, ou a perden no proceso migratorio, están enfermos, en shock emocional, son criminalizados, ven obrigados a renunciar, durante anos, ao seu dereito para escolarizarse, a aprender… En definitiva, a medrar como debe facelo calquera neno. As organizacións humanitarias que traballan en moitos destes campos e espazos de atención e acollida –Sudán, Bangladesh, Afganistán, Siria, Gaza, as illas italianas e gregas, as Canarias, Ceuta, Melilla, o paso do Darién, a fronteira entre México e EEUU…- alertan desde hai anos dos riscos que corren neses tránsitos: deterioración da súa saúde tanto física como mental, secuestros, explotación sexual, tráfico de órganos…

Máis novas da Rede Acampa

A Rede Acampa convida á cidadanía a elixir o Recoñecemento Internacional á Defensa dos DDHH 2024

A Rede Acampa, Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade

A cidadanía herculina demostrou a súa conciencia crítica na Rede Acampa

Inés Rey sobre os radares: “Non é o obxectivo do concello sancionar senón reducir a velocidade”

A rexedora da Coruña, Inés Rey, defendeu o uso dos radares activos en determinadas zonas da cidade cun fin “pedagóxico”, ao ser cuestionada sobre a súa posible utilización para sancionar, aínda que condicionado ao cumprimento dos límites de velocidade.

“Non é o obxectivo do concello sancionar senón reducir a velocidade“, aseverou a preguntas dos xornalistas tras asistir á presentación do Encontro Mundial do Humorismo, que terá lugar na cidade. “Vimos algunhas zonas onde hai un número elevado de vehículos que non respectaban a velocidade marcada e xeraban situacións de falta de seguridade”, expuxo.

Sobre os datos solicitados, manifestou que agora os analizarán para ver “se baixaron” estas cifras. Todo iso para se diminuíron na porcentaxe que o consistorio considera óptimo, “seguir co radar pedagóxico e se soben exporémonos activalos como radares sancionadores”, apuntou.

Silvia Abril, Antonio Resines e David Perdomo, entre as citas gratuistas do ‘Encontro Mundial de Humorismo’

0

cuarta edición do ‘Encontro Mundial de Humorismo‘ (EMHU), que se celebrará na Coruña entre o 25 de abril e o 5 de maio, contará coa participación de grandes figuras do mundo do humor e a comunicación, entre eles Silvia Abril, Antonio Resines, Juan Herrera, Jordi Moltó, Raquel Martos e David Perdomo, con actuacións gratuítas, e segundas funcións, polo éxito de venda.

O director artístico do EMHU, Luís Piedrahita, presentou o contido do festival, acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o secretario territorial da Delegación da Xunta na Coruña, Severino Álvarez; e a responsable de Cultura, Orixe e Gastronomía de Hijos de Rivera, Goretti Castro. Ao acto, asistiron tamén algúns dos humoristas que actuarán no festival como Roberto Vilar ou David Amor.

“O humor funciona destruíndo para construír algo máis máxico, algo menos pesado, algo menos solemne”, sinalou Piedrahita que insistiu na “aceptación brutal” deste festival “na cidade e entre os comediantes de Galicia, de España e do mundo, que están desexosos de vir á Coruña”. A este respecto, apuntou que se venderon xa máis de 18.000 entradas“Falta un mes e medio para os espectáculos e xa están todos esgotados”, recalcou para precisar que, por este motivo, tiveron que programar “segundas funcións” dalgún deles, como é o caso de ‘Celebreixon’, de Roberto Vilar.

A alcaldesa, pola súa banda, destacou que na Coruña e Galicia existe “tradición e nivel na comedia e o bo humor”. “Contamos cunha longa lista de referentes, da literatura á televisión e o cinema”, dixo. Na súa intervención, Goretti Castro describiu o EMHU como un festival “novo, de desconexión e de risa”, mentres Severino Álvarez incidiu en que con el se trae á comunidade autónoma “riqueza económica e cultural”.

PROGRAMACIÓN

Esta edición do festival amplía a súa duración a 11 xornadas continuadas de actuacións con figuras relevantes da escena galega e estatal como Álex Clavero, Ana Morgade, Carolina Iglesias, Dalia Gutmann, David Amor, David Cepo, Eva Hache, Galder Varas, Goyo Jiménez, Henar Álvarez, Ignasi Taltavull, Javier Veiga, Juan Dávila, Leo Harlem, Luís Piedrahita, Roberto Vilar, Sílvia Abril, Tomàs Fuentes, Xosé A. Touriñán e ou trío Las R(h)umorosas, conformado por Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro.

Entre as propostas de actividades paralelas do EMHU “gratuítas” están ‘El nicho’ de David Perdomo e Xosé A. Touriñán, que se celebrará o 25 de abril, ou ‘Match de impro’ que terá lugar o 27 do mesmo mes, ambas na sede de Afundación. Inclúe tamén relatorios como ‘Lo que me enseñaron los mayores’, de Jordi Moltó, o 30 de abril no Teatro Colón, ou ‘Cuidado con las bromas. Una mesa redonda sobre los peligros de la comedia’, o día 30 na sede de Afundación.

Ademais, Silvia Abril presentará o seu libro ‘Pérdidas de risa’, o 3 de maio na libraría Santos Ochoa, e ao día seguinte, Juan Herrera (creador de formatos como Humor Amarillo ou El Hormiguero), Álex Clavero, Luís Piedrahita e Raquel Martos participarán en ‘El negocio del humor’, onde debaterán sobre a comedia como “unha actitude ante a vida”. O “broche de ouro” das actividades paralelas será un dos podcasts “máis seguidos do momento” con ‘El sentido de la birra’. O seu presentador, músico, cómico youtuber, Ricardo Moya, entrevistará a Antonio Resines. Será o 5 de maio no teatro Colón.

Un once de garantías

  • Xornada 27 – Nástic 1 – Depor 1
  • O Depor segue no alto da clasificación cun ritmo moi alto de puntos
  • Vixésimo sétimo partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (14V 9E 4D).

— — —

Cortouse a serie impresionante de vitorias do Depor nas últimas sete semanas cun empate pelexado e meritorio contra o Nástic en Tarragona. Un partido que puido ter os tres resultados e, que con calquera deles, sería xusto co que se veu no campo. O Nástic empezou moi forte sabedor de que tiña ante si a posibilidade de voltar ao liderato se gañaba tralo empate do Fortuna e a Ponferradina na tarde do sábado e meteu un ritmo alto dende o comezo do encontro. Aturou ben o Depor este arranque e soubo agardar o seu momento e, xa na segunda metade nunha das escasas chegadas, vacinou ao rival cunha rápida combinación de Mella e Barbero que o canteirán resolveu de forma brillante. O encontro entrou nun momento de siesta controlada polo Depor, tan só alterada por dúas xogadas ben combinadas polo Nástic. Unha acabou tocando as redes e a outra, por ben pouco e polo bo facer de Parreño, non correu a mesma sorte para os locais. Así o Depor sae líder do campo máis difícil que lle quedaba por visitar.  

A situación do equipo e ben distinta a cando comezou o ano 2024 e agora o obxectivo do ascenso pinta mellor. Por varias razóns, pero a máis importante é que o míster foi quen de atopar un once que xoga exactamente igual na casa que fóra e onde non se adapta o esquemade xogo ao rival que ten diante. O Depor fixo un troco de xogadores contra a Ponferradina, baixando a Lucas á mediapunta e deixando a Davo en punta coma referencia, ademais de poñer a Villares de compañeiro de Jose Ángel en detrimento de Salva Sevilla. Pois ben, o mesmo esquema e os mesmos xogadores (salvo algún troco obrigado por lesión de Pablo Martinez ou expulsión de Davo) foron os artífices da serie de sete vitorias consecutivas. Tamén e xusto ter en conta que os xogadores que saíron dende o banco de suplentes sumaron ao rendemento dos titulares, caso de Dani Barcia ou Raúl Alcaina.

Aínda é cedo para facer contas polo ascenso porque restan moitos partidos entre os rivais que agora ocupan prazas de playoff e vanse quitar moitos puntos entre eles. Aquí o Depor xoga cunha pequena vantaxe, pois tan só lle resta xogar co Barca B e Cultural, ambolos dous en Riazor. Como adianto dos 11 encontros que faltan por xogar, 6 serán na casa e 5 fóra. Estes cinco encontros fóra da casa serán contra tres rivais que agora ocupan prazas de descenso (Majadahonda, Teruel e Sestao) e dous andan pola zona morna da clasificación, mais preto do descenso que do playoff (Real Sociedade B e UE Cornellá). Haberá que ir partido a partido, pero dende logo a situación pinta mellor que hai unhas semanas.

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

A Fundación María José Jove e a UDC convocan a cuarta edición do programa de residencias artísticas

Fundación María José Jove e a Universidade da Coruña (UDC), a través de NORMAL, Espazo de Intervención Cultural da institución académica, convocan o IV edición do Programa de Residencias Artísticas FMJJ. É, informa a Fundación María José Jove, co obxectivo de profundar na relación entre creación artística, pensamento crítico e participación social, promovendo proxectos creativos de interese social vinculados á comunidade.

Nesta edición, convócanse dúas residencias, dotadas cun máximo de 6.000 euros por residencia, en concepto de honorarios, de gastos de produción e viaxe. Ademais, aos artistas proporcionaráselles un espazo de traballo individual no Espazo de Intervención Cultural Normal e outros recursos para a produción de proxectos inéditos, así como aloxamento na residencia universitaria Elvira Bao, da Coruña.

Os socios do Club do Mar apostan polo cambio e a paz

0

Domingo vivo este 10 de marzo no Club do Mar de Santo Amaro. Ademais das xa habituais citas co Depor tanto no salón como no bar, os socios estaban chamados a unhas importantes eleccións, despois de meses de incerteza, problemas laborais e unha sensación de enfrontamento continuo.

Vendo o Depor no Club do Mar
Vendo o Dépor no salón do Club do Mar
Votacion no Club do Mar de santo Amaro
Moita participación

Presentábanse dúas candidaturas: unha máis continuista, liderada por Ángel Monteagudo, socio dende hai máis de 50 anos e que xa formou parte doutras directivas; e unha máis novedosa, liderada por Jorge Seco.

Houbo moita participación sendo 448 soci@s os que participaban nas Eleccións, que proclamaron a Jorge Seco como novo Presidente do Club del Mar de San Amaro, ao outorgarlle 259 votos polos 189 de Monteagudo.

Seco estará acompañado por Paula Carrón (secretaria), Roberto Vega (tesoureiro), e os vogais Antonio Pedreira, Antonio Juan Blanco, Rosana Caridad, José Manuel Gómez, Juan Luaces, Anxela Gurdiel e Ana Isabel Neira.

O programa

O Programa da candidatura liderada por Jorge Seco propon unha necesaria búsqueda da “paz interna”, tras moitos anos de continuos enfrontamentos. Tamén asegura unha maior transparencia, e unha aposta polas actividades enfocadas á rapazada e a mocidade, potenciando os talleres, xogos, dias temáticos, cine, concertos, excursións… e demais eventos sociais. Iso si, o deporte seguirá sendo o santo e seña da entidade, mantendo as máis que vivas seccións de bádminton, pinpon, buceo, pesca fondeada e pesca submarina, pero abrirán tamén o abano a novas disciplinas.

O tema dos empregados tamén é un cabalo de batallo nos últimos tempos. Para controlalo propoñen potenciar a figura dun Director Xeral, unha máis atención aos traballadores e un proceso de contratación máis controlado.

Máis novas

Inés Poncela e Maia Freire traen medallas do Spanish International sub15 de bádminton

[Vídeo] A CIG maniféstase no Club do Mar en respulsa a un novo despedimento

Poetas galegos e internacionais recitarán baixo a proxección de imaxes na cúpula do planetario

0

Varios poetas de todo o mundo e galegos participarán nun recital que combina a poesía coa proxección de imaxes na cúpula do planetario da Coruña, na Casa das Ciencias, o vindeiro sábado e domingo, día 16 e día 17. O proxecto, que se titula ‘Urban travel machines‘, está financiado por ‘Europa Creativa’. Ofrece ao espectador a posibilidade de estimular a vista e o oído con dúas disciplinas que non se relacionan habitualmente e que, nesta ocasión, están pensadas para presentarse xuntas.

O sábado 16 recitarán o poeta belga Julie Lombe, o poeta lituano Marius Povilas e as poetas galegas Alba Cid, Yolanda Castaño e Silvia Pena. O domingo 17 será quenda do poeta grego Artemios Moulos, o surafricano Motswitla Hlakotsa e as galegas Estíbaliz Espinosa, Dores Tembrás e Antón Lopo. Ambas as sesións empezarán ás 20.00 horas e acabarán cunha interpretación poética interactiva co público do coordinador do proxecto, Philip Meersman.

As entradas para asistir sairán á venda o luns 11 de marzo ás 10.00 horas. Nesta ocasión, os poetas internacionais e as imaxes que os acompañan están baixo a xestión de Philip Meersman e a especialista audiovisual Janna Beck. A coordinación dos poetas galegos estivo en mans dunha das recitadoras: Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023. Así mesmo, as imaxes foron xeradas polo creador italiano Vito Foderà e polo director técnico da Casa das Ciencias, Marcos Pérez.

Unha investigadora da UDC participa nun estudo sobre o veleno da avespa como antibiótico

A doutora Lucía Ageitos Castiñeiras, que investiga no grupo Pronamar do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, participou nun estudo sobre o veleno da avespa como antibiótico. En concreto, informa o reitorado, interveu nun traballo do grupo do doutor César de la Fuente, Manchine Biology, na facultade de Pensilvania.

O traballo aborda a conversión de compostos tóxicos extraídos do veleno da avespa nun antibiótico e recibiu varios recoñecementos. Por outra banda, a investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña (UDC), Amparo Alonso, ingresou o pasado 6 de marzo na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais.

O Concello da Coruña abre este martes o prazo para as subvencións a entidades sociais e para os Locais de Ensaio

0

O Concello da Coruña abre este martes, 12 de marzo, o prazo para solicitar as subvencións a entidades sociais sen ánimo de lucro.

Serán, segundo informa, destinadas as actividades ou proxectos de interese social en materia de igualdade e diversidade e para as asociacións veciñais.

No ámbito da igualdade e da diversidade as axudas ascenden a 150.000 euros distribuídos en dúas liñas. En concreto, a primeira, dotada con 90.000 euros, está destinada ao fortalecemento e o empoderamento do movemento asociativo.

A segunda, con 60.000 euros, ten como obxectivo realizar actividades de prevención das violencias machistas e atención ás vítimas, accións pola defensa do recoñecemento e os dereitos das persoas LGTBQI e de promoción da igualdade de xénero. Para as asociacións veciñais, son 60.000 euros.

Por outra banda, desde este luns pódese optar a unha das 48 prazas semanais de ensaio para o próximo semestre nos locais de ensaio do Concello da Coruña.

As persoas interesadas poden descargar os impresos desde locaisdensaio.blogspot.com e evnialos a xuventude@coruna.gal. O prazo ordinario de inscrición rematará o 3 de abril. Os novos horarios resultantes deste proceso comezarán a aplicarse a partir do 22 de abril.