Inicio Blog Páxina 402

Peche na sede de Inditex para pedir unha negociación provincial

0

As delegadas da CIG nas tendas de Inditex da provincia da Coruña protestaron na sede da multinacional para reclamar que “cumpra o seu compromiso” e reabra a negociación provincial para abordar as “melloras laborais e sociais que quedaron pendentes”. Fontes de Inditex ratificaron que foron recibidas polo departamento de Recursos Humanos e subliñaron que a CIG xa forma parte da mesa nacional de negociación.

As delegadas da CIG din que queren “facer valer” con esta acción reivindicativa o seu dereito a poder negociar as súas condicións de traballo, do mesmo xeito que fan os compañeiros doutras empresas do grupo. A central sindical ratificou que “foron recibidas” polo persoal de seguridade e por outro departamento da empresa e que agora están “a esperar a ver que solución lles dan” porque insisten en expor a un responsable a súa reclamación dunha negociación provincial específica para A Coruña.

Segundo explicou a Central Sindical nun comunicado, o obxectivo é permanecer nas instalacións ata que a empresa “acceda a negociar” e concrete unha data para “retomar as reunións da mesa”. As delegadas da CIG queren “facer valer” con esta acción reivindicativa o compromiso trasladado por Inditex o pasado mes de decembro e “defender” o seu dereito a poder negociar as súas condicións de traballo, do mesmo xeito que fan os compañeiros doutras empresas do grupo. Neste sentido, criticaron a política de Inditex de “afastar e centralizar” as relacións laborais en Madrid e a insistencia nunha “negociación estatal” na que “non se concede nada” para provincias como a da Coruña.

Curtis xa ten un mural de referencia na honra do Tío Benito do Santo

A fachada desta casa de Curtis, a partir deste momento, non deixará a ninguén indiferente. “Desde o intre en que esta vivenda dos meus pais pasou a ser miña, tiven claro que quería que fose o lenzo, a través do cal, render homenaxe ao meu bisavó”, relata Emilia Seoane, nada en Curtis, onde xa non vive, pero se lle coñece cariñosamente como Piruca. Xustamente, ao seu bisavó tamén se lle coñecía por un alcume, “O tío Benito do Santo”, cuxo nome real era Benito Seoane. “Polo que me contaron, aínda as persoas que recordan e que saben del, sobre todo por transmisión oral, foi un home de admirar e valorar, por ser xeneroso e ter un espírito comunitario”, afirma Piruca sobre Benito.

Benito Seoane Paredes, coñecido por todo o mundo como tío Benito do Santo, naceu no 1859 e faleceu no 1938, sendo “unha persoa lonxeva daquela, que viviu 79 anos”. As distintas fontes de transmisión oral expoñen que doou terreos fundamentais para o desenvolvemento da vila. Espazos como a igrexa, a casa reitoral ou as escolas. “Tamén se fala do antigo campo da feira, que tería orixes na persoa do bisavó Benito”, afirma.

UNHA CASA CONVERTIDA EN LENZO

“Quería homenaxear ao meu bisavó e tamén facer algo que a vila puidese desfrutar, que a fixera ser punto de referencia e atención, tanto para a comunidade local como para calquera visitante”, comenta Piruca, chea de orgullo por ter alguén da familia que na época tivera esa maneira de ser e pensar. Destaca que quixo facer un mural ao considerar que unha das características da arte urbana é que aínda que se promova a título persoal, se converte en arte, nun museo ao aire libre para que tamén outras persoas desfruten. “A iniciativa foi completamente miña e desde a miña economía particular”, confesa.

Para facer realidade esa homenaxe confiou plenamente en Sfhir, un artista urbano que vén recentemente de ser recoñecido co mellor mural do mundo de 2023, así fala Piruca da elección: “O meu proxecto nace no mes de xaneiro e xusto acababa de recibir este premio de Street Art Cities e considerei que non había ninguén mellor para levar a cabo as miñas ideas”. Nun inicio contactou con el e pasoulle datos fotográficos e documentais para contextualizar quen era o bisavó e actualmente a obra acaba de ser finalizada. “Estou moi contenta de que quede en Curtis unha obra de Sfhir e que se converta nun pequeno embaixador da vila, a través dos escenarios onde a súa obra é visible”, expón.

Na fachada principal poden lerse diferentes frases, que teñen un significado fundamental para Piruca: “Quero agradecer a estas persoas que fixeron por que non se perda a historia do pobo, Andrés Mariño coas publicacións O Deus Curtis, estación Curtis e Memoria fotográfica de Curtis; a Isabel Ríos con Testemuño da Guerra Civil: e a asociación Amigos de Curtis“. O feito de ter un fondo documental facilita obter unha fonte de imaxe á que recorrer.

E como reciben os veciños da vila esta iniciativa? “Isto tamén é para a xente que recorda ao tío Benito dos Santo e esa época e o conta unha e outra vez. Sen ir máis lonxe, na última feira á que viñen a xente me dicía que estaba quedando moi bonito e contaban unha e outra historia relacionada”.

“O RETO ERA TRANSMITIR TODO ISTO DE MANEIRA GRÁFICA”, SFHIR

Coñecido artísticamente como Sfhir, este artista plástico madrileño, é o autor do que hoxe se pode apreciar na casa de Emilia. “Podemos ver distintas frases de testamentos e de libros que escribiu outra xente falando de Benito Seoane, un pequeno debuxo de Benito noutro lado da fachada e como era Curtis naquela época”, describe Sfhir, que tivo por diante o reto de transmitir de maiera gráfica toda esa información, algo que “non era doado”. En tan só unha semana foi quen de facelo, un artista, do que en Galicia se coñece ben un mural en concreto. É o autor da violonchelista de Fene, o mellor mural do mundo en 2023.

“Eu veño do graffiti e sempre tratei de manter esas orixes e trasladarllo á xente. Busco apostar por rachar co concepto de que o graffiti é algo molesto, cando, ao final, é unha inquedanza de moitos mozos e mozas que tampouco se fomenta coa educación”, recoñece. Neste sentido, expón que nin sequera nas “propias universidades de Belas Artes se traballa máis a teoría que a práctica”. Por isto, considera que é unha sinatura pendente nesta sociedade e que sempre houbo moito descoñecemento desde o público xeral.

Sfhir aprendeu o oficio de forma autodidacta, probando con materiais, escultura, diferentes disciplinas e sempre desde a experimentación… Curiosamente é informático de profesión, pero a paixón o levou ata onde está agora. Por isto se tivese que dar un consello a quen ten dúbidas, sería o seguinte: “Que crean nos seus soños, que por moito que digan que é unha profesión sen saída ou futuro, o feito de intentalo, xa é un logro”.

“GALICIA É UNHA PROLÍFICA DENTRO DESTA DISCIPLINA”

A obra de Sfhir xa é un expoñente da arte urbana en Galicia, unha comunidade da que destaca que é “moi prolífica dentro desta disciplina”. Considera que se está fomentando tanto a creatividade como a estética e menciona artistas como Lula Goce, Seco ou Diego As e o Festival DesOrdes Creativas. Falando de festivais, conta: “De non ser polo Festival Meninas de Canido, seguramente non tivese estado en Fene e non tivese realizado o mural que representa á perfección o que fago”.

Un artista plástico que xoga co 3D, emprega o graffiti e declarado fan dos grandes formatos. Deste mural de Curtis destaca que está nunha zona moi bonita, da que desfrutou durante estes días, así como da hospitalidade da xente da zona. “Nótase que coñecían a Benito e penso que tamén pode ser unha forma para que os máis novos se decaten desta historia”, expresa. Para Emilia ten palabras de agradecemento e defínea como “unha persoa marabillosa, que ten moito respeto polo artista”. Así, traslada os seus parabéns e admiración pola homenaxe que lle fixo ao seu bisavó e polo esforzo que iso conleva. 

Inés Rey sobre a Xunta: “Conseguimos que trate á cidade como se merece”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou a xestión do goberno local nestes anos, nunha comparecencia ante os medios de comunicación para facer balance e na que destacou o “diálogo” municipal coa oposición e outras administracións. “Conseguimos que trate á cidade como se merece”, dixo tamén sobre a Xunta.

Así o manifestou ao facer balance dos cinco anos de mandato do PSOE na cidade herculina, a cal se converteu, na súa opinión, nun “referente indiscutible do noroeste peninsular ao nivel das grandes cidades europeas”. “A Coruña viviu a transformación urbana, social e cultural máis importante das últimas décadas”, resumiu para apuntar que “a segunda gran modernización está en marcha”.

En canto á fachada marítima, destacou que “este mes” se aprobará a creación da comisión con representantes de todas as administracións “para ir definindo o cronograma para os próximos anos”. Ademais, anunciou que o novo contrato da planta de residuos de Nostián “sairá a contratación nos próximos seis meses”.

OUTROS COMPROMISOS

Antes de final de ano, comprometeuse tamén a que “quede definida a ordenanza das terrazas”, a pechar a licitación do novo contrato de transporte urbano e da xestión de centros deportivos, así como das obras para rehabilitar o mercado de Santa Lucía. Xunto a iso, sumou a implantación do plan de parques infantís 2025-2030 que terá o obxectivo de que haxa un “a menos de 10 minutos para cada familia”.

EIXOS POLÍTICOS

No seu balance dos últimos cinco anos, a rexedora explicou que o goberno traballou “de maneira coordinada”, centrado en tres eixos políticos “fundamentais” como son a dinamización económica, o benestar social e o fomento e promoción da cidade. En concreto, apuntou a “un cambio na mobilidade urbana” e a un modelo económico e industrial con “dous grandes proxectos tecnolóxicos”, a Cidade do TIC e a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia), da que dixo que se constituirá a sociedade xestora “antes de que acabe o ano”.

Rey recalcou tamén, entre outras cuestións, que durante o seu mandato deron impulso a grandes infraestruturas, “en colaboración con outras administracións e tras dúas décadas prometidas”, como a estación Intermodal, o acceso ferroviario a Punta Langosteira ou a ampliación do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac).

En canto ao pasado, indicou que en 2019 a cidade estaba “crispada e en parálise, con cuestións centrais bloqueadas”, mentres na actualidade “mira ao 2030 con dinamismo e multitude de iniciativas, sendo, sen discusión, o motor de Galicia”. Non entanto, Rey recoñeceu que “é posible mellorar a xestión e a velocidade” do traballo.

Execútase, en Santo Amaro, a política urbanística do goberno coruñés

Execútase a política urbanística do goberno socialista da Coruña. Vaise facer patente na macrourbanización de Visma, no Campo da Estrada-A Maestranza, en Labañou coas Percebeiras, ou mesmo no Parque da Agra, como coñecimos hoxe mesmo, coa construción de dous novos bloques.

Pero a que xa se está a executar, a pesar das protestas veciñais pola afectación á Fonte do Picho e ao patrimonio inmaterial dunha zona sacra coma a de Santo Amaro. “Trátase dun atentado ás sinais de identidade de Monte Alto”, denunciaba Defensa do Común. “Un exemplo de deshumanizar a cidade”, calificaba a Asociación de Veciños de Monte Alto.

Obras vivenda Santo Amaro-Foto-EloyTP 2
Foto: @eloytp

Pero a especulación urbanística non entende de patrimonio, e menos do inmaterial, e a construción dunha urbanización 260 vivendas (varias torres de ata 9 andares) a zona coñecida como “Agra de San Amaro” (a zona verde que hai á esquerda da baixada cara Adormideras), xa está en marcha.

As máquinas xa se atopan poñendo en marcha o proxecto urbanístico da parcela PI Q16.2 “San Amaro – Orillamar” (Polígono Pol-H301) que pretende edificar case 4.500 metros cadrados dos 15.708 que ten a completa parcela, que vai da residencia de maiores Torrente Ballester ata o cemiterio de San Amaro, xusto diante do paseo marítimo que pasa por riba do Club do Mar e do areal.

Unha das promocións herdadas do “vazquismo”, que leva durante anos en conflitos, pero que debido á política urbanística “noventera” deste goberno, sae adiante en pleno 2024.

Máis novas sobre o proxecto

A veciñanza arrinca a loita contra a urbanización de San Amaro – Orillamar sinalizando a Fonte do Picho

O Picho, a auga sagrada da Fonte de Santo Amaro

Piden ante a urbanización de San Amaro, que coiden o patrimonio inmaterial milenario da zona

Máis novas urbanísticas

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

O “delirio urbanístico” de Visma

O TSXG admite a trámite un recurso contra a urbanización do Campo da Estrada-A Maestranza

O novo Parque da Agra terá a sombra das vivendas de Cebrián

0

Colaba onte, a xunta de Goberno entre outros asuntos, e vendendo o fito como un gran paso na axenda verde municipal, a aprobación da autorización para a tramitación do convenio relativa ao parque do Agra do Orzán, o esperado Campo da Burra. Pero nese convenio, o Concello permite a Juan Carlos Rod. Cebrián, propietario dos terreos onde se situaban as Adoratrices, construír unha serie de vivendas.

Ante a falta de información municipal, a Asociación de Veciños Agra, que leva décadas loitando pola apertura deste parque, espera á reunión do vindeiro martes para facer valoracións. “Imos esperar que nos dean explicacións para dar a nosa valoración”, valora Ricardo Seixo.

Novas vivendas no Parque do Agra 1

Tras varios procedementos xudiciais, o Tribunal Superior de Xustiza categorizou unha parte como zona de espazo libre, pero parte da parcela privada como solo urbano consolidado. Agora, co convenio, o Concello permítelle construír a Cebrián varios edificios nunha zona que necesita espazos verdes “tras moitas décadas de agarda”, como precisamente recoñecía a alcaldesa Inés Rey.

Quedará, pois o novo parque do Agra do Orzán reducido ao espazo que linda entre as rúas Gil Vicente, José Amador López, Canceliña e Observatorio. Si que terá acceso peonil dende a Avenida de Gregorio Hernández

Mentres, o Concello traballa en paralelo coa AEMET para levar a cabo a apertura do parque do Observatorio, actuación recollida nos Orzamentos Municipais no marco do “Plan de humanización e investimento dos barrios da cidade”, cunha primeira fase para o derrubamento dos muros da Canceliña e da rúa Páramo.

Novas vivendas no Parque do Agra

 

 

Campo da Burra: Por un parque na Agra do Orzán Xa!

Licenza para a construción de 40 vivendas públicas en Xuxán

Paralelamente a Xunta aprovou a licenza concedida ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para a construción dun edificio de 40 vivendas de promoción pública (VPP) en Xuxán, na parcela Z-13 do barrio. O novo edificio estará dividido en cinco andares, nos que se repartirán as 40 vivendas e outros tantos rochos, 5 locais e un garaxe 88 prazas de aparcadoiro, divididas en dous sotos. O investimento total do proxecto é de 5,8 millóns de euros.

 

Máis novas

A veciñanza da Agra do Orzán volve á rúa ante a “inoperancia” do Concello co Parque da Agra

Así será o primeiro edificio da macrourbanización de San Pedro de Visma

 

O Parlamento galego expón unha selección da súa colección de arte

0

A sede Afundación da Coruña acolleu esta tarde a inauguración da exposición ‘A nosa arte. Colección do Parlamento de Galicia‘, unha selección de 40 pezas das 300 obras de arte galega que conforman a Colección do Parlamento.

O acto de inauguración contou coa asistencia do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López. Tamén o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; Carlos Vale, unha do tres persoas que comisariaron a mostra; e Marité Cores, coordinadora da área de Cultura de Afundación.

No acto inaugural, o presidente do Parlamento galego, Miguel Anxo Santalices, lembrou que a colección está integrada por pezas en maioría en propiedade, aínda que tamén contan con obras cedidas. Ademais, asegurou que se trata dunha “visita obrigada, dado que a exposición proba o talento e a longa tradición artística da cidade herculina”.

Delegados da CIG concéntranse na sede de Indra en demanda dun “convenio digno”

0

Delegados e delegadas da CIG no sector do TIC concentráronse este xoves, ante a sede de Indra na Coruña, “en defensa dun convenio de consultorías digno e con melloras salariais reais”. Segundo a central sindical, en Galicia hai contorna a 15.000 traballadores e traballadoras reguladas por este convenio de ámbito estatal “que, a pesar dos enormes beneficios que están a obter as empresas, segue contendo táboas salariais no límite do salario mínimo“.

O sector TIC da CIG, sindicato en Galicia cuns 90 delegados e delegadas, denuncia que o convenio “non reflicte a realidade do sector” no país “cunhas marxes de ganancias enormes e que o ano pasado incrementou o emprego nun 5,2 por cento”. Tamén sinala que a central sindical non asinou o último convenio “por non lograr as condicións salariais e laborables mínimas esixidas polas traballadoras e traballadores galegos”.

Rod Stewart actuará no Coliseum o 15 de decembro

0

Rod Stewart actuará no Coliseum da Coruña o próximo 15 de decembro. A do artista británico é a última confirmación do festival Gozo Fest, que busca “desestacionalizar e deslocalizar” este tipo de eventos. Así, o festival programa en diferentes puntos de Galicia, desde abril e ata decembro, concertos de artistas de diversos xéneros, desde o folk de Loreena McKennit en Vigo o 10 de xullo, ao rock de Queens of the Stone Age na Coruña. O prato forte do verán será a actuación do tamén británico Ed Sheeran, que estará acompañado por Bomba Estéreo e Fillas de Cassandra o próximo 6 de xullo en Santiago, no Monte do Gozo.

Para esta actuación, apuntou Lago, están vendidas case todas as localidades. Para todo o festival e ata o momento, as entradas vendidas roldan as 65.000. Ademais, indican que as entradas para o concerto de Rod Stewart sairán nos próximos días. Aínda que non deron máis detalles polo momento, tamén confirmaron que para os concertos no Monte do Gozo habilitaranse servizos de autobuses lanzadeira desde diferentes puntos. Pola súa banda, Merelles reivindicou a “desestacionalización” do turismo que facilita estender este tipo de eventos no tempo, dada a súa atracción sobre comunidades e mesmo países veciños. Informou ademais de que a entidade autonómica achega 3,8 millóns de euros como patrocinio ao festival.

As Bandas locais toman os escenarios da Coruña

0

Xa contamos que o vindeiro domingo 21 o Castelo de San Antón acolle unha nova edición dos ‘Directos no Castelo‘, coa presenza de seis bandas usuarias dos locais de ensaio, con invitacións xa dispoñibles na páxina web de Mocidade.

Pero é que esta parece ser a finde semana da música herculina, porque hoxe mesmo, xoves 13 de xuño, a República Musical Mardi Grass artella coa colaboración municipal, unha Rock Jam Session, na que máis de 30 músicos locais subirán ao escenario. “Unha noite que de seguro pasará á historia da música local. Unha festa con coñecidas cancións de rock e blues”, explica Tomi Legido.

A cita, a partir das 21:00h, e con entrada gratuíta para quen queira gozalo, ata completar aforo.

Rock Sesion corunesa na Mardi Grass

Eris Mackenzie e Ambigüo

A cousa non queda aí, pois o venres actúa na Mardi o artista de Castelo, Carral, Eris Mackenzie, do colectivo Aaldea. Xunto con Naitinain farán un bolo desenfado de música urbana en galego, en beneficio da Asociación Galega de Lupus, o Concerto será ás 22:00h e xa poden reservar entrada en entradasmardigras@gmail.com o por whatsapp en el 623 97 61 27.

Ademais, o sábado a parrir das 23:00h suben outros herculinos ao escenario. Será Ambigüo, a banda da Laracha os que traian o seu indiepop, presentando o seu LP “Simbiosis”, que se publicará en plataformas dixitais o mesmo venres.

Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl, entre as novas incorporacións ao festival Atlantic Pride

Nena Daconte, Shego, Morreo e Raúl figuran entre as novas incorporacións ao festival Atlantic Pride, que se celebrará na Coruña en xullo.

Xunto a eles, súmanse ao cartel da quinta edición Selena Leo, Eris MacKenzie e Filloas, segundo informaron na presentación da nova edición deste festival a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride, Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos.

Entre o 7 e o 14 de xullo, A Coruña volverá ser sede do ‘Orgullo do norte’ para celebrar esta nova edición na que se propoñen oito xornadas de música e de celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva.

O festival está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña e o Concello da Coruña, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de empresas.

Como novidade este ano, nacen as ‘Afertpaties do Atlantic Pride’ para que o público poida continuar a festa en salas seleccionadas da cidade unha vez terminados os concertos ao aire libre do festival.