Inicio Blog Páxina 415

Así será a celebración do Depor este sábado e domingo

Prepárase a cidade para celebrar en Catro Camiño o ascenso do Real Club Deportivo a 2ª División. Despois da celebración dirixida na contorna de Riazor, a afección branquiazul poderá acodir, en diferido, ao lugar onde se deberían celebrar, de forma institiva, os nosos triunfos.

Así, quitándolle maxia, o Concello da Coruña habilitará este sábado un dispositivo especial de seguridade na fonte de Catro Camiños. A celebración darase despois do partido, ás 19.00h ante un Real Unión que se xoga o descenso, facendo o equipo o traxecto a partir das 21:30h en autobús descapotable dende o estadio ata a fonte, ata a zona fronte a San Pedro de Mezonzo, indica o club, zona onde se cortará o tráfico.

Pero antes, a festa desenvolverase ao longo de hoxe, coa Banda del Camión preparada co himno, facendo parada ás 12:00h nos Rosalies, ás 13:50 na zona do Campo da Leña, e ás 17:40h, diante do Playa.

Domingo en María Pita

Será tanto en sentido de entrada como de saída. Por outra banda, a tradicional recepción ao club no Palacio Municipal de María Pita terá lugar este domingo, día 26, desde as 19.00 horas.

CONVENIO

Por outra banda, o goberno municipal aprobou este venres, na Xunta de Goberno local, o convenio que regula a cesión do estadio municipal de Riazor ao club.

O convenio mantén os mesmos termos do que actualmente rexe esa mesma cesión, un documento asinado no ano 2000 e con vixencia ata agosto do ano que vén, precisa o consistorio.

A cesión do estadio será por outros 25 anos e será, novamente, gratuíta. O convenio aprobado hoxe xa está asinado polas dúas partes.

O convenio estipula tamén, como no actualmente vixente, que en Riazor seguirá disputándose o trofeo Teresa Herrera e mantén tamén a petición do club de que o estadio teña a denominación Abanca-Riazor nas competicións deportivas.

Detidos dous homes polo roubo nun garaxe comunitario

A Policía Nacional detivo aos dous autores de cinco roubos con forza en vehículos cometidos nun garaxe comunitario da cidade herculina, segundo informa. Durante a madrugada do día 20 de maio, varios coches estacionados no interior dun garaxe comunitario da rúa Independencia, rexistraron roubos no seu interior.

Todos eles presentaban danos, con portelos fracturados. Nalgúns deles, conseguirían subtraer diferentes efectos e documentación. Esa mesma noite, tras unha chamada ao 091 dun dos afectados, varios indicativos do Grupo de Atención ao Cidadán acoden ao lugar. No garaxe localizan un total de catro coches cos portelos fracturados e un quinto vehículo violentado na vía pública, á saída do portal do edificio.

Inmediatamente realizan unha procura do autor dos feitos polas rúas próximas, localizando a dous homes que portaban parte dos efectos subtraídos e que presentaban cortes nas mans.

A alcaldesa reivindica a “profesionalidade” dos axentes no Día da Policía Local

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reivindicou a “profesionalidade” dos axentes no Día da Policía Local e durante un acto celebrado no Palacio Municipal de María Pita con presenza da subdelegada do Goberno, María Rivas.

A rexedora presidiu o acto de homenaxe aos e ás axentes do servizo, con recoñecemento a civís e outras forzas e corpos de seguridade. Tamén destacou as 242 detencións realizadas no último ano como exemplo da colaboración da Policía Local coa Policía Nacional, xunto coas 608 persoas auxiliadas.

O Concello da Coruña incorporou 40 novos e novas axentes desde o pasado mes de outubro e a oferta pública de emprego (OPE) deste ano conta con case 20 prazas de Policía Local.

A UDC e a CIG acordan unha subida salarial a persoal de investigación

A Universidade da Coruña (UDC) e a CIG asinaron un acordo de subida salarial desde 2022 a todo o persoal da institución “á que se lle negaba este dereito”, sinala a central sindical. O acordo evita a vía xudicial do conflito colectivo presentado pola CIG, recoñecendo o dereito ás subidas retributivas a todo o persoal de investigación, equiparado deste xeito co funcionario e laboral.

De forma inmediata, explica a central sindical, “supón unha subida mínima do 7% na nómina de outubro que poderá chegar ao 9 ou 9,5% cando se aplique a subida xeral para o persoal das administracións públicas, correspondentes ao ano 2024”. Ademais, en xuño terá lugar unha negociación para fixar os prazos para o pago dos atrasos derivados dos anos 2022 e 2023 que suman un 7 por cento.

O Gran Fondo Ézaro contará con deportistas como Alejandro Valverde, Javi Gómez Noya ou Iván Raña

0

Esta mañá de xoves 23 de maio presentouse unha nova edición do Gran Fondo Ézaro 2024. A proba ciclista artellada como foco de atracción turística polo Concello de Dumbría, xa afianzada como referencia internacional, celebraráse o domingo 7 de xullo.


Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Proposta dun parque eólico mariño de 552 megawatts fronte á costa coruñesa de Invenergy

A empresa americana Invenergy presentou ante o Ministerio de Transición Ecolóxica un documento que resume o seu interese preliminar e plans conceptuais para o desenvolvemento dun parque eólico mariño que se situaría fronte á costa coruñesa. Segundo destacou a compañía, dos distintos proxectos expostos na comunidade é o que estaría máis afastado, a entre 45,7 e 60 quilómetros augas dentro.

En concreto, o parque, bautizado como ‘O Boi’, ten unha potencia de 552 megawatts e situaríase fronte á costa da Coruña, en Nor-2, unha das zonas identificadas polo Goberno central como “de forte recurso eólico” e, por tanto, de alto potencial para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña. Xunto co paso formal do Ministerio, como parte do proceso de desenvolvemento, a empresa informa de que iniciou unha rolda de contactos coas partes interesadas para presentar o proxecto de ‘O Boi’ e prevé continuar co proceso de diálogo nun futuro.

Non en balde, indica que o desenvolvemento e construción dun proxecto eólico mariño flotante consta de varias fases cuxa duración total pode estimarse nun rango de 8 a 10 anos ata a súa posta en marcha. Os portos exteriores da Coruña e/ou Ferrol son opcións potenciais a utilizar para a montaxe das subestructuras offshore e a integración dos aeroxeradores.

Invenergy garante que “dará prioridade” á contratación, fabricación e aprovisionamento locais en todas as fases do proxecto sempre que sexa posible. O parque eólico ‘O Boi’ proposto contempla unha capacidade total instalada prevista de 552 megawatts. O proxecto tería capacidade para producir aproximadamente o 15% de toda a demanda eléctrica da Comunidade galega ou electricidade suficiente para satisfacer a demanda de máis de 600.000 fogares españois.

INVENERGY

Fundada en 2001, Invenergy conta con máis de dúas décadas de experiencia no desenvolvemento de máis de 200 proxectos de tecnoloxías enerxéticas limpas. Invenergy Services, filial de Invenergy, xestiona e opera máis de 20 GW de instalacións de xeración renovable e almacenamento a gran escala, tanto de terceiros como de propiedade de Invenergy, en todo o mundo. En Galicia, opera desde As Somozas e As Pontes con máis de 250 empregados que se dedican á construción, operación e mantemento de parques eólicos terrestres para terceiros.

Os sindicatos da limpeza chegan a un acordo coa patronal

0

O convulso sector da limpeza vén de dar un paso cara a súa estabilidade. Onte as asociacións de empresarios da sector de limpeza, ASPEL e a Asociación Provincial de Empresas de Limpeza, e os sindicatos CIG e UGT, comprometéronse a asinar o actualización das táboas salariais o vindeiro martes 29 de maio.

O conflito laboral remóntase a xaneiro deste ano, ante a negativa por parte da patronal ASPEL, para asinar a actualización de cadros resultante da solicitude da cláusula de actualización do Convenio Colectivo 2020-2023, que será do 9,8%.

Esta situación foille comunicada aos traballadores da concentración que se celebrara pola mañá ante El Corte Inglés da Coruña. O cumprimento do convenio afecta a preto de 12.000 traballadores do provincia da Coruña.

Coa sinatura do convenio o vindeiro martes, os sindicatos UGT e CIG desconvocarán o mobilizacións previstas para os vindeiros 29 de maio e 6 de xuño. Así mesmo UGT e CIG, retirará o Conflito Colectivo interposto ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O secretario xeral de FeSMC UGT, Juan Manuel Carreira, afirmou que “é xusto que os empresarios cumpran co acordado”, “o sector da limpeza é un sector esencial para a sociedade, como se reflicte na pandemia e non era permisible nin aceptable que sufriu este maltrato”, afirmou tamén que “o Convenio Colectivo rematou o día o pasado 31 de decembro de 2023 e en breve chamaremos aos empresarios para negociar a súa renovación, unha vez aplicada a actualización das táboas salariais”.

Máis novas

As familias do CEIP Graxal implican, dende as rúas, tamén á Xunta na problemática da limpeza

Interceptado en Cambre un condutor que duplicaba a taxa máxima de alcol permitida

0

A Policía Local de Cambre interceptou, o pasado fin de semana, ao condutor dun vehículo que duplicaba a taxa máxima de alcol permitida en aire expirado.

Os feitos, informa o consistorio, ocorreron na madrugada do festivo cando a patrulla nocturna que realizaba as tarefas de vixilancia sorprendeu ao condutor dun vehículo que circulaba a gran velocidade pola zona do Paraugas do Amorne.

Ao darlle o alto, os axentes municipais sospeitaron que o home podía estar baixo os efectos de bebidas alcohólicas polo que decidiron sometelo a unha proba de alcoholemia. O test arroxou un resultado positivo, duplicando o condutor a taxa máxima permitida.

Finalmente, a Policía Local formulou unha denuncia administrativa, o que leva, non só unha sanción económica, senón tamén unha perda de puntos no permiso de condución.

DENUNCIA ADMINISTRATIVA

Por outra banda, a noite do pasado sábado a patrulla da Policía recibiu unha chamada dun particular que alertaba de que un mozo estaba a realizar grafitis na zona do Amorne.

Os axentes desprazáronse ata a zona e localizaron ao mozo, que levaba consigo varios sprays e ao que, finalmente, interpúxoselle unha denuncia administrativa por incumprir a ordenanza municipal.

CCOO e UXT asinan un preacordo, sen a CIG, para pór fin ao conflito na sanidade privada coruñesa

CCOO e UXT asinaron o preacordo coa patronal da sanidade privada para pór fin a meses de conflito laboral neste sector na provincia da Coruña, cuxo convenio caducara xa en 2022. A CIG, pola súa banda, desmárcase do preacordo.

A deste mércores era a terceira reunión con mediación no Consello Galego de Relacións Laborais e logrouse este achegamento para poder contar cun novo convenio con vixencia de catro anos a partir do 1 de xaneiro de 2023, ata 2026, segundo explican a Europa Press os portavoces de CCOO e UXT na negociación, Iria Estévez e Javier Martínez. Agora, haberá que redactar o convenio e lograr a aprobación en asemblea de traballadores.

Foi un encontro de varias horas de duración, que se estendeu da mañá á tarde. Conseguiuse un incremento salarial do 3,5 por cento anual en catro anos –unha subida total do 14 por cento–, a aplicar retroactivamente desde o 1 de xaneiro de 2023. Ademais, haberá unha cláusula de revisión no caso de que o IPC real a final de ano sexa superior a ese 3,5.

Tamén se logrou incluír o pago dos domingos na sanidade privada, a 10 euros; así como un incremento do plus dos festivos do Nadal –24, 25 e 31 de decembro, así como o 1, o 5 e o 6 de xaneiro–, que subirán desde os 30 euros en 2023 ata os 60 en 2026.

Ademais, Javier Martínez destaca que, mediante a negociación, logrouse manter o plus de toxicidade, o complemento de incapacidade transitoria e o recoñecemento da antigüidade –os trienios– a pesar das reticencias da patronal.

En canto á xornada de traballo, o preacordo recolle que pasará das 1.826 horas actuais ao ano ata as 1.756 en 2026, unhas 70 menos. A este respecto, o responsable de UXT destaca que é “a primeira vez” que se logra esta diminución no convenio da sanidade privada coruñesa.

Por parte de CCOO, Iria Estévez celebra que co texto “non perden dereitos”, senón que os traballadores “saen mellor do que estaban antes”, aínda que recoñece que lle gustou ir máis aló.

A CIG rexeita

A CIG desmárcase deste acordo porque, segundo o seu responsable nesta negociación, Miguel Tizón, o aumento salarial anual está “moi lonxe” do que o seu sindicato reclamaba.

En todo caso, Tizón reivindica que na CIG están “moi orgullosos” do conseguido porque introduciron o pago dos domingos e a redución de xornada, así como que o acordo afecte tamén os profesionais das clínicas e os consultorios fóra dos hospitais.

Concello, Xunta e Estado impulsarán unha comisión para a reordenación urbanística dos peiraos

Concello da CoruñaXuntaMinisterio de TransportesPortos do EstadoAdif e a Autoridade Portuaria coruñesa subscribiron este mércores, nun acto institucional no Palacio Municipal de María Pita, o protocolo para a reordenación urbanística dos peiraos interiores, co compromiso de “cooperación” entre as administracións. Tamén co de mantemento da titularidade pública de espazos portuarios e a creación dunha comisión, presidida pola alcaldesa, Inés Rey, e designada polo consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña, para a proposta de medidas e o seguimento das actuacións.

Así se manifestou ao termo dunha reunión interadministrativa con presenza, entre outros, ademais da propia rexedora, do presidente da Xunta, Alfonso Rueda; do secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable, José Antonio Santano; o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez; o máximo responsable de Adif, Ángel Contreras; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado.

Sobre o asinado, denominado ‘Coruña Marítima’, a alcaldesa manifestou que é “un proxecto de futuro” para a cidade e para Galicia cun protocolo que abre “unha nova etapa de cooperación interadministrativa para a transformación e reordenación urbanística dos espazos portuarios interiores”, dixo sobre os que quedan liberados polo traslado de actividade a Punta Langosteira.

NOVO MARCO XURÍDICO

Agora, sinalou, será necesario definir “un novo marco xurídico consensuado” traballando “no mantemento da titularidade pública dos espazos para garantir a accesibilidade cidadá; favorecer a integración porto-cidade e resolver o déficit de espazos e dotacións públicas”, resumiu. A rexedora avanzou que se creará unha comisión integrada por todas as administracións asinantes e os partidos con representación no concello (PSOE, PP e BNG) de cara a trasladar as propostas nas que se avanzará a partir de agora.

“Un acordo entre administracións distintas con cores políticas diferentes”, expuxo o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sustentable, José Antonio Santano, que cualificou de “estratéxica” a decisión adoptada no seu momento de construír o porto exterior (tras a catástrofe do ‘Prestige‘). “É un comezo para que o porto siga sendo un motor económico, ofreza oportunidades para vivir e gozar, lecer tamén en clave residencial”, sinalou sobre o subscrito.

Na mesma liña, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que, como o anterior, resaltou a aposta no seu momento polo porto de Punta Langosteira, incidiu en que agora haberá que traballar para “concretar” que facer cos espazos que quedan liberados. “O porto ten que funcionar de maneira diferente e seguir construíndo cidade” para o que apelou a dar “pasos firmes” sen caer en formulacións “demagóxicas”. En similares termos, pronunciáronse o presidente de Portos do Estado, Álvaro Rodríguez, quen instou a converter Langosteira na “punta de lanza na transicion enerxética” ou o de Adif, Ángel Contreras, quen remarcou as actuacións en marcha para a conexión ferroviaria do porto exterior.

San Diego e DÉBEDA DO PORTO

Todo iso nun acto sen alusións a unha posible condonación da débeda contraída pola Autoridade Portuaria pola execución do porto exterior. Só o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, que remarcou o acordo entre todas as institucións para avanzar nun tema “estratéxico”, fixo referencia ao “compromiso moral” coa situación financeira do porto herculino.

“Hai 20 anos dixéronnos endebédate e botarémoste unha man”, sinalou ao reclamar a necesidade de “apoio” por parte das administracións implicadas de cara a desenvolver na nova fase “un marco financeiro sustentable para todos”. No acto, estiveron presentes outras autoridades como o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e Isabel Pardo de Vera, directora do Plan Estratéxico A Coruña 2030-2050.

Así, queda aberta a posibilidades de privatización da zona portuaria de San Diego, a máis grande, para poder paliar esa débeda.

A oposición

O portavoz do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e o seu homólogo do PP, Miguel Lorenzo, cualificaron de “positivo” a firma dun protocolo entre as administracións implicadas para o deseño da fachada marítima coruñesa. Pola súa banda, a Marea Atlántica cualificouno de “decepcionante”.

Nun comunicado, Jorquera, presidente da Comisión Especial da Fachada Marítima, advirte, no entanto, que “simplemente marca un comezo”. “Está todo aínda por facer”, sentenza. Tamén afirma que é positivo “que se parta da idea de que os peiraos manterán a titularidade pública”, mentres reclama a condonación da débeda do porto e non unha “reestruturación”.

“O importantes é a imaxe que damos hoxe e que esta imaxe continúe, a de colaboración de todas as administracións para sacar o futuro do porto adiante”, sinalou, pola súa banda, Miguel Lorenzo, sobre a firma entre o Concello da Coruña, Xunta, Ministerio de Transportes, Portos do Estado, Adif e Autoridade Portuaria da Coruña.

“O futuro — engade– pasa por tres principios básicos claros para todos: os terreos do porto van ser sempre de uso público, hai que renovar os convenios de 2004 superados pola realidade actual e hai que buscar unha solución para a débeda”.

Mentres, a Marea Atlántica cualifícao de “decepcionante” xa que entende que se romperon “consensos” alcanzados na súa etapa á fronte do goberno municipal. “O protocolo abre a porta á privatización da maior parte do bordo litoral para pagar a débeda derivada da construción de Punta Langosteira”.

“As administracións levantáronse da mesa sen asumir compromisos económicos”, sentenza para incidir en que o protocolo “limita a titularidade pública aos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, mentres abre a porta á privatización no resto de ámbitos, singularmente San Diego”.