Inicio Blog Páxina 561

Un Dépor baleiro sen nada que ofrecer

  • Xornada 14 – Depor 1 – Osasuna Promesas 1
  • O Dépor confirma que esta tempada só está para pelexar a metade da táboa. É igual o rival de enfronte, o problema do Dépor só é o Depor.
  • Décimo cuarto partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (4V 7E 3D). Pode que penúltimo encontro como adestrador do equipo branquiazul.

— — —

O Dépor está completamente morto para seus adentros. Está baleiro de todo o que fai falla para pelexar o obxectivo do ascenso. Non hai adestrador, os xogadores están superados polo escudo e pola afección, están bloqueados mentalmente e derrotados por catro malos partidos no comezo da Liga. Non hai reacción, non se albisca rexurdimento e os afeccionados comezan a vacilar sobre que será mellor este ano: dar por rematada a tempada en decembro ou tratar de reverter a un morto que nada ofrece ós seus.

O Dépor está baleiro de folgos e baleiro de ambición. Nada facía pensar nesta situación hai escasos dous meses, alá polo comezo da tempada. Só fixeron falta tres malos resultados para tirar todo abaixo. Non ten capacidade para aguantar o resultado con el a favor, nin é quen de ir polo partido cando está por baixo no marcador. Un dato: no que vai de Liga non foi capaz de remontar ata a vitoria un resultado en contra. Sempre que comezou perdendo, coma moito, acabou empatando.

O Depor está baleiro de obxectivo dende outubro. Perder en Fuenlabrada e máis có Fortuna en Riazor a semana seguinte, tirou por terra a pouca estabilidade deste proxecto. Catorce encontros xogados onde se repite a historia semana tras semana. Na metade da táboa, a sete puntos de playoff, a sete puntos do descenso, con dúas vitorias en Riazor de sete encontros disputados, non queda moito ó que agarrarse. Difícil dicir que será polo que pelexemos en marzo.

O Depor está baleiro de mando. Ninguén é quen de diagnosticar o problema e, mais aínda, propoñer unha solución digna para o que resta de campionato. As fichaxes non carburan e co que hai non chega para gañar a un Tarazona ou as promesas de futuro de Osasuna. Esta é a realidade do Depor. Sen mando, sen reacción, cos discursos vagos dende tódalas frontes do clube, nada ofrece este proxecto para seguir crendo nel.

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

Auxilian a unha escavadora na ría do Burgo tras quedar atrapada durante os traballos de saneamento

0

Unha das máquinas que traballa no dragado da ría do Burgo tivo que ser auxiliada por outra ao quedar parcialmente atrapada na area durante os traballos de saneamento. Así o confirmaron fontes consultadas por Europa Press que precisaron que o incidente se produciu á altura do municipio de Cambre.

Pese ao interese que suscitaron as actuacións para a retirada da máquina, unha pa escavadora, o sucedido, na zona próxima ao Paraugas e a ponte romana, non supuxo máis incidencia. Trátase duns traballos que se iniciaron fai uns dous anos para proceder á retirada dos lodos e o saneamento da ría do Burgo, con actividade marisqueira en parte da súa zona.

Instalada a pasarela de Pedralonga

0

Esta madrugada de domingo a luns 27 de novembro, realizouse a instalación da pasarela de Pedralonga, a estrutura da pasarela que une xa Eirís co Alcampo, e que forma parte da entrada á cidade por Alfonso Molina.

 

A pasarela de Pedralonga é a primeira das tres fases do plan de adecuación e humanización da Avenida de Alfonso Molina (AC-11), que impulsa o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e e que conta con 1,6 millóns de euros de investimento.

A pasarela consta de dous tramos metálicos: un central que atravesa a estrada, cunha lonxitude de 52 metros, e outro lateral na rampla sur, cunha lonxitude de 56 metros. Ambos os tramos teñen unha sección transversal de 4,8 metros por 5,2 metros. A estrutura metálica está formada mediante a unión soldada de tubos de aceiro laminado.

Máis novas

A remodelación da avenida de Alfonso Molina: novos carrís, sendas para peóns e ciclistas e integración dos barrios

Trasladan a dous traballadores feridos en diferentes accidentes laborais na Coruña

0

Dous traballadores resultaron feridos e tiveron que ser trasladados a un hospital noutros tantos accidentes laborais ocorridos na Coruña, ao redor de mediodía deste luns.

O primeiro foi no peirao do Centenario pouco antes das 11,30 horas, cando un particular chamou á central do 112 Galicia. Esta persoa informaba de que ao operario caéraselle unha chapa de metal nunha perna.
Seguidamente, o 112 informaba a Urxencias Sanitarias-061, ás policías Nacional e Local, á Garda Civil e a Protección Civil. Finalmente, o home foi evacuado ao centro hospitalario de referencia.

O segundo accidente ocorreu sobre as 12,00 do mediodía na rúa Cruz Vermella Española. Estoutra vítima sufrira un corte na man cun azulexo.

O 112 tivo constancia destes feitos tras un aviso do 061 e, acto seguido, avisou á Policía Nacional e á Local. Este traballador tamén foi trasladado ao hospital.

Ingresada con prognóstico reservado a muller acoitelada pola súa parella na Coruña

0

Axentes da Policía Local detiveron na Coruña a un home por agredir con arma branca á súa parella, segundo informaron fontes policiais consultadas por Europa Press. Ao redor das 11,00 horas, varias patrullas policiais desprazáronse ata o número 3 da rúa Tornos por un episodio de violencia de xénero. Un home foi detido pola Policía Local por agresión con arma branca á súa parella, que puido saír polo seu propio pé do lugar.

Desde o 061, confirmaron que lla trasladou ao complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac). A muller atópase ingresada con prognóstico reservado. Así o informaron a Europa Press fontes hospitalarias que precisaron que presenta unha ferida de arma branca no abdome e que se atopa ingresada en observación en urxencias.

Ao lugar, trasladouse unha ambulancia de soporte vital básico e un equipo de Atención Primaria, precisaron desde Urxencias Sanitarias sobre a súa actuación. Da investigación, fíxose agora cargo a Unidade de Familia e Atención á Muller da Policía Nacional.

Piden a implementación “canto antes” das propostas de convivencia animal do acordo PSOE-BNG na Coruña

A Fundación Franz Weber (FFW), ONG para a protección da flora e a fauna, valorou de forma positiva e pediu a implementación inmediata dalgunhas das medidas propostas no acordo orzamentario entre o PSOE e o BNG do Concello da Coruña, relacionadas coa convivencia, protección e benestar animal.

A fundación recoñeceu nun comunicado o “compromiso para crear campañas de sensibilización e mellorar infraestruturas” e incidiu en que estas campañas de tenencia responsable de animais de compañía, así como o Plan de mellora das áreas caninas e o acondicionamento da cala de Bens son “moito máis” do que se realizou no pasado mandato, onde non se fixo “nin unha soa campaña para fomentar a adopción ou o bo trato animal”.

Desde FFW cren que este “compromiso renovado” pode ser positivo, e é por iso que pediron implementar “canto antes” as propostas de ambas as formacións políticas que eran, segundo din, unha “reclamación case constante das coruñesas e coruñeses”.

Aínda así, desde a ONG consideran que se deixan cousas por facer, como unha ampliación do programa de xestión ética das colonias felinas, ou a mellora das instalacións da canceira municipal, así como a formación de persoal municipal en materia de benestar animal, unha formación que noutros concellos como o de Arteixo xa comezou a implementar.

Rebaixan a pena a 11 anos de prisión a un acusado de tentar matar á súa muller na Coruña

0

Fiscalía e acusación particular rebaixaron a solicitude de condena para un home acusado de delitos de malos tratos no ámbito familiar, coaccións, inxurias, malos tratos habituais e intento de homicidio, coas agravantes de parentesco, de xénero e abuso de superioridade tras recoñecer os feitos, no xuízo fixado para este luns na Audiencia da Coruña.

Por eles, Fiscalía pedía, inicialmente, penas que sumaban 16 anos e oito meses de cárcere. Con todo, o procesado admitiuse culpable, ademais de alegar consumo de alcol e cocaína. O día da agresión á súa muller cun coitelo sostivo que consumira esta última sustancia. Pola súa banda, a vítima explicou que ese día o home estaba “ben pasado e ben mareado”, ademais de ratificar o consumo de alcol e drogas e de discusións frecuentes. Fiscalía e acusación rebaixaron a once anos coa condición de que cumpra cinco e a súa posterior expulsión do territorio nacional.

FEITOS

No seu escrito de cualificación, sostén que o home, condenado por un delito de lesións á súa parella en 2009, chegou a casar con ela en 2016, sucedéndose os episodios violentos, en ocasións estando as dúas fillas do matrimonio en casa, situada na Coruña. “O comportamento do esposo respecto da súa muller foi empeorando progresivamente pois a facía obxecto dun control exhaustivo respecto dos seus horarios de traballo como empregada de fogar ou en relación con outras saídas dela do domicilio, requiríndoa para que o tivese ao corrente do lugar no que se achaba a cada momento e facendo así a convivencia insoportable para ela”.

Indica tamén que a muller “decidiu separarse, pero o acusado resistiuse a abandonar a vivenda e, progresivamente, a súa conduta foise tornando máis violenta, posto que considerou inaceptable que fose a muller, polo mero feito de selo, quen puxese fin á convivencia”.

Fiscalía relata distintas episodios de violencia en 2022, que a muller non chegou a denunciar, e afirma que, nunha ocasión, ao decatarse do bar no que a vítima estaba cunha amiga, e cando xa se había ido da vivenda que compartían, “disposto a acabar coa vida da súa esposa, proveuse dun coitelo”.

“E xunto coa nena — unha das súas fillas–, dirixiuse ao establecemento”. Alí atacou á esposa, aínda que explica que a rápida intervención duns clientes “impediu que lograse o seu obxectivo”, en relación a unha agresión que acompañou con insultos. Posteriormente, foi detido.

Olladas doutro tempo: Torre de Hércules (I)

A importancia da Torre de Hércules transcende o papel de monumento máis destacado da Coruña. Non só é a edificación máis antiga de toda a cidade. Nin sequera lle basta con ser o faro máis antigo de todo o mundo. A Torre érguese por riba dos demáis monumentos coruñeses, sexa cal sexa a súa época ou importancia, acadando o estatus de símbolo. A súa imaxe é dabondo para representar tanto á cidade coma á provincia coruñesa, e isto é algo totalmente xustificado.

A Torre, dende o mesmo momento da súa construción, convértese no punto de referencia de toda a rexión, sendo posible distinguila dende moitos quilómetros á redonda, tanto no mar coma terra adentro. Hoxe, en cambio, non podemos vela dende moitas zonas da propia cidade, pero isto é algo moi recente, que non comeza a ocorrer ata ben entrado a século XX coa construción en altura.

Debemos imaxinar a impoñente presenza desta obra de enxeñería romana dominando toda a costa dos arredores. A súa función non se limitaba á de sinal luminosa, servía tamén de baliza, marcando a entrada ó golfo Ártabro. Os barcos que superaban o cabo Prior empurrados pola forza do nordés, avistaban a tempo o sinal que lles indicaba onde virar cara o porto de abrigo. Nesa dirección non era posible atopar outro ata dobrar Fisterra e chegar ás Rías Baixas.

A primeira cita documental coñecida da Torre é de inicios do século V. Sería Paulo Orosio, historiador e relixioso galego, quen escribese: “Secundus angulus circiumm intendit, ubi Brigantia Gallaetiae ciuitas sita altissimam pharum et inter pauca memorandi operis ad speculam Britanniae erigit”. O que ven a dicir que o segundo ángulo -de Hispania- está orientado cara ó cierzo, onde a cidade galaica de Brigantia eleva coma atalaia de Britania o seu faro altísimo e digno de mención entre moi poucas cousas.

O faro ergueuse a finais do século I. Segundo o historiador e arqueólogo Xosé María Bello, o seu nome orixinal sería Pharum Brigantium. Nome que perdurará coma Faro Bregancio, máis adiante simplificado a Faro, para nomear a toda a comarca cando Roma desapareza. Coa Brigantium romana xa esquecida e refundándose a cidade no século XIII co seu novo nome de Crunia, a Torre sería coñecida coma Castelo Vello. A Idade Media foi un tempo onde os feitos históricos mesturábanse coas lendas de forma habitual, sendo o famoso rei Alfonso X “O Sabio” quen uniu por primeira vez na súa “Estoria de Espanna” a figura de Hércules co monumento coruñés. Pero aínda tardaría varios séculos en empregarse de forma xeralizada o nome do faro relacionado co fillo de Xúpiter.

Nesta fotografía a Torre de Hércules comparte protagonismo cun Ford T do ano 1909. Pero que isto non nos leve a engano, a imaxe non é tan antiga. No momento da captura este vehículo xa era todo un clásico. Pasou pola Coruña en 1966, por mor dunha aposta. O seu propietario, Salvador Claret, e o seu amigo Alberto Maluquer comprometéronse a dar a volta a toda a península ibérica conducindo esa peza de museo entre novembro e decembro do devandito ano.

Eran os presidentes e fundadores de dous clubes automobilísticos, o Motor Club Girona e o Amigos dos Coches Veteranos, respectivamente. Na imaxe circulaban cheos de ilusión, deixando constancia da etapa cumprida, baixo a mirada dunha Torre que xa viu pasar dende galeiras romanas e drakkars vikingos ata os enormes transatlánticos actuais cheos de turistas. Distintos tipos de invasións chegando ós seus dominios. Un espazo onde preferimos esquecer petroleiros e recordar curiosas estampas coma esta, co precioso Ford e as rochas de fondo onde se ergue, eterna, a atalaia do Atlántico.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

Un lazo humano polo 25N

0

Ademais do acto convocado pola sociedade civil (a Marcha Mundial das Mulleres convócanos para as 19:00h no Obelisco) o Concello realizaba onte o seu acto instituciona co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

Concelleiras de todos os grupos con representación no Concello da Coruña leron hoxe un manifesto na explanada de Riazor no que reiteraron o compromiso municipal na loita contra a violencia machista. A lectura do manifesto pechou un acto organizado pola Concellaría de Deportes no marco das actividades do 25N que comezou cunha andaina de alumnos e alumnas das escolas deportivas municipais. Tras a andaina, os máis de douscentos participantes confluíron na explanada de Riazor e formaron un lazo humano.

O recordo ás mulleres asasinadas -52 no que vai de ano e 1236 desde que comezaron a rexistrarse as vítimas en 2003- e ás súas familias; a preocupación pola banalización da violencia machista en determinados ámbitos e a alarma polas novas formas de violencia de control entre os mozos centraron o contido do manifesto.

Máis novas

As mulleres autoorganízanse para saír á rúa polo #25N

Acordo entre o PSOE e BNG para priorizar os barrios, as axudas sociais e a busca de vivenda barata

0

Os grupos municipais de PSOE e BNG alcanzaron un acordo sobre os orzamentos de 2024, que ascenderán a 375 millóns de euros e que priorizarán os barrios, segundo informaron, en rolda de prensa, a alcaldesa, Inés Rey, e o edil nacionalista Francisco Jorquera, tras a firma do mesmo.

“Uns orzamentos que serán progresistas, necesarios para manter e ampliar o impulso que A Coruña colleu desde 2019”, dixo a rexedora en relación á chegada dos socialistas ao goberno municipal. Ademais, incidiu en que serán “progresitas” porque “buscarán apoiar ao que máis o necesita e mellorar a cidade en todos os seus barrios“.

“E compensar históricos déficits“, recalcou Inés Rey, que aludiu aos acordos para impulsar un plan de mellora e revitalización dos barrios, con actuacións como un plan director no Barrio das Flores ou unha nova biblioteca en Novo Mesoiro, citou, entre outras máis. “Un acordo que inclúe a redacción do plan estratéxico Coruña 2025-2050; un novo plan de mobilidade urbana; aumentar recursos en servizos de axuda no fogar, así como das bolsas comedor”, sinalou tamén.

Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Francisco Jorquera, manifestou que é “un bo acordo”. Destacou que se “incorporan gran parte das propostas formuladas polo BNG”. “E, sobre todo, son uns bos orzamentos para A Coruña” porque permitirán dotar á cidade duns “orzamentos sociais, comprometidos co reforzo” deste tipo de servizos, aos que sumou a “defensa do dereito á vivenda”.

Ao fío diso, referiuse a a promoción municipal de vivenda en aluguer ou o impulso á rehabilitación. Tamén, recalcou o “compromiso” co idioma galego e coa cultura ou outros acordos relativos ao “impulso da área metropolitana” e o “futuro do porto e a fachada marítima”.

CRÍTICAS DO PP

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo, denunciou, nun comunicado, “falta de ambición” entre os socios do goberno municipal “porque o BNG anunciou 80 medidas e nós 600”. “De que vale que digan que teñen o orzamento máis alto se logo non o executan?”, pregúntase tamén ao asegurar que no anterior mandato “deixáronse sen executar 180 millóns para obras e en agosto deste ano tiña 60 millóns máis”.