Inicio Blog Páxina 662

As obras da DP-3104 en Liñares inclúen unha senda peonil de 1,8 quilómetros

0

A Deputación da Coruña adxudicou por máis de 600.000 euros as obras de mellora da seguridade viaria da DP-3104 ao seu paso pola parroquia de Liñares, en Culleredo.

Tal como informou o ente provincial, trátase dunha actuación para renovar de forma “notable” as prestacións da vía, que conta con numerosas vivendas en ambas as marxes. Unha vez formalizado o contrato, ábrese un prazo dun mes para realizar o reformulo e iniciar os traballos, que comezarán en abril.

A intervención consistirá na creación dunha senda peonil de aproximadamente 1,8 quilómetros, que partirá da antiga igrexa de Santo Estevo de Tarrío e terminará na intersección da DP-3104 coa N-550 en Alvedro.

“Cumprimos o compromiso adquirido co alcalde e cos veciños de Liñares para mellorar a seguridade peonil nesta zona”, reivindicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que enmarcou a obra nos máis de 100 quilómetros de sendas, beirarrúas e travesías construídas pola entidade neste mandato.

Pola súa banda, o rexedor de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que esta actuación suporá un incremento “notable” da seguridade viaria para os veciños nos seus desprazamentos cotiáns.

Un ancián de Cambre conduce borracho por dirección contraria na A-6 en Aranga

0

O Subsector de Tráfico da Garda Civil da Coruña investigou a un condutor de avanzada idade como suposto autor de dous delitos contra a seguridade viaria. Os feitos ocorreron por mor da comunicación realizada polo CIAE112 á Central Operativa do Subsector de Tráfico da Coruña (COTA) alertando dun vehículo circulando en sentido contrario á altura do quilómetro 549 sentidos Madrid da autovía A-6 no termo municipal de Aranga.

Inmediatamente acudiu ata alí un destacamento de Tráfico do Posto de Betanzos, atopándose que o vehículo fora interceptado por outros usuarios da vía no quilómetro 552 da mesma. Os efectivos actuantes realizáronlle ao condutor do vehículo as correspondentes probas de alcoholemia, arroxando un valor de 0,99 mg/l por aire expirado na primeira proba e de 0,97 mg/l na segunda, case cuadriplicando a taxa máxima de alcol permitida para os condutores deste tipo de vehículos, facéndose cargo das actuacións o Equipo de Atestados do Destacamento de Ferrol ao ocorrer os feitos na súa demarcación .

A Garda Civil procedeu á investigación desta persoa como presunto autor de dous delitos contra a seguridade viaria, un por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas e outro por condución temeraria, propóndoo ademais para un recoñecemento médico extraordinario a fin de valorar os facultativos as súas aptitudes psicofísicas.

A Comisión de Atención Primaria cualifica de “insuficiente” a incorporación de 16 enfermeiras

0

O Sergas incorporou 16 novos profesionais de enfermaría á Atención Primaria da área sanitaria da Coruña e Cee, co que o número de profesionais elévase a 339 nos centros de saúde.

As novas prazas son tanto de estabilización como de nova creación. En concreto, oito van destinados a Puntos de Atención Continuada e outro oito a diferentes centros de saúde.

Sobre este anuncio, a Comisión de Atención Primaria da área sanitaria cualificou de “insuficiente” a citada contratación, ademais de demandar un incremento de profesionais de todas as categorías.

“A incorporación deste número de enfermeiras e enfermeiros para os máis de 70 centros de saúde e PACs que ten esta área non soluciona o problema de sobrecarga de traballo“, apostila.

A reforma do Mercado de Santa Lucía volve poñerse en marcha tras dúas décadas de espera

0

Dúas décadas leva esperando o barrio da Falperra pola reforma do Mercado de Santa Lucía. Un proxecto que leva sufrindo anos de promesas baldías e propostas desaparecidas, coa veciñanza en loita durante moitos anos chegando a colleitar 3.000 sinaturas para que Concello e Xunta puxesen a andar o proxecto. De feito, ambas administracións, protagonistas dun sinfín de demostracións de deslealdalde entre partidos, aseguraban en 2021 na sinatura do convenio, que podería estar listo antes de rematar o 2023, cousa que xa é impensable.

En calquera caso, parece que a rehabilitación se volve poñer en marcha coa aprobación, na Xunta de Goberno desta mañá de mércores 15 de febreiro, das bases administrativas do concurso de ideas para que o edificio albergue un novo Mercado Municipal (de 400 metros cadrados), un Centro de Saúde e Centro Cívico.

Trátase entón de volver escoller proxecto no que se prevé un investimento de 8,3 millóns de euros. O concurso, que ten un prazo de 45 días, ten un orzamento de 45.000 euros en premios para animar ao estudos de arquitectura a presentar ofertas. Haberá un primeiro premio de 20.000 euros, un segundo de 10.000 euros e dous accésits, de 5.000 euros cada un. O autor ou autora do proxecto gañador encargarase tamén da redacción dos proxectos básicos e de execución, así como da dirección de obra, para o que se prevé un investimento máximo de 473.000 euros.

Dicionario Antroideiro (I): Momento Coruñento

0

Momento coruñento… Xa quere cheirar a Carnaval, señora, a festa das festas desta cidade. Como cada ano teño por costume, en beneficio das novas xeracións choqueiras, e citándome a min mesmo, velaí vai a primeira entrega do dicionario antroideiro coruñés. Vademecum imprescindible para todos os que queiran honrar na rúa a revolución do Santo Antroido.

RICARDIÑO: Así denominaban o seu moneco do Antroido as veciñas e veciños de Castro de Elviña. Na fin da festa queimábano ou guindábano pola Ponte Pasaxe abaixo acompañado deste responso:
Este pobre Ricardiño
Viviu na aldea do Souto.
Deixou á muller viúda
Para que fose con outro.

MAZARICOS: Famoso antroideiro do primeiro terzo do século XX. Chamábase Emilio Golpe, vivía na Cordelaría e era, de oficio, pintor. Ademais de polos “ferretes” acadou gran sona polo seu “museo” doméstico. Nel exhibía “As gafas de Alfonso XIII”, ou as botas coas que o Marsical Soult pisou pola Coruña adiante. Educado e sempre atento, Mazaricos convidaba os visitantes a unha copiña de viño –iso si- reforzada con “acibar”, laxante rápido, que provocaba, de certo,urxentes desaparicións.

FERRETE: Cántiga de carnaval que debe ser tan aguda como o seu nome. Apoteose necesaria por tradición do apropósito, xénero teatral que, entre outros excelsos talentos, fixo grande Nito. Velaí un ferrete da autoría do ex-marqués de Pibela y brazos cortos do tempo da República:
Houbo algunha señorita
Que lle dixo á súa criada:
Ou votas polas dereitas
Ou quedas desempregada.

ANTROIDO: Preferimos esta forma a “Entroido”, pois estas non che son datas abofé para moitas normativas. Aínda que hoxe o costume está en desuso, o Antroido por excelencia era o moneco –xeralmente de xenitais ben dotados- que presidía esta festa. E a maior antroidada era metelo ás agachadas na casa dalgún veciño. Un ano o doutor Hervada foi chamado ás presas para atender unha urxencia. Cando chegou, no sitio do enfermo, atopou a un “antroido” metidiño no leito. Examinouno con calma e estendeu a receita. Os da casa foron á farmacia por seguir a brincadeira. Resultou ser o medicamento máis caro do mercado. Auténtica antroidada de efecto retardado.

Até aquí esta primeira entrega do dicionario. Dentro dunha semana máis.
Xa quere cheirar a Antroido, señora… Este si que vai ser, señora, un gran momento coruñento.

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

A nova estratexia galega de mobilidade vai dar resposta ás necesidades de Transporte Público na área coruñesa?

0

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ven de facer pública a Estratexia Galega de Mobilidade. Indica a Xunta de Galicia neste documento que ten como meta transformar o modelo de mobilidade en Galicia co obxectivo de pasar a un máis funcional, máis sostible medioambiental e economicamente e máis seguro, apoiándose para iso na innovación tecnolóxica.

Sen embargo, na súa diagnose esta Estratexia non identifica de forma expresa entre as debilidades do sistema actual de transporte público en Galicia ineficiencias de planificación e xestión nos principais ámbitos metropolitanos, ainda que pode que esta eiva se poida deducir na inexistencia xeral dunha estratexia previa de mobilidade.

Porque en materia de transporte público de viaxeiros, o volumen de persoas con necesidades de desprazamento nas áreas metropolitanas supón un maior reto socioeconómico e ambiental.

E ista necesidade cara a un máis eficiente transporte público na área da Coruña, entre a cidade central e os concellos metropolitanos, evidenciase nos datos que reflicte o propio documento da Estratexia.

No reparto modal dos desprazamentos na Coruña, casi o 90% das viaxes externas fanse en vehículo privado, fronte a un 9,5% en transporte público. No ámbito interno da cidade destaca que o 47,4% dos desprazamentos fase a pé, e ainda só un 14,2% se realizan no bus urbano.

Entre os dez municipios galegos con máis desprazamentos figuran os da Coruña, Oleiros, Arteixo e Culleredo. Oleiros presenta en inverno máis desprazamentos que Ferrol e realiza preto do 70% con A Coruña. Arteixo, sinala a Estratexia, é polo atractor debido á industria e en Culleredo está situado o aeroporto. O 66,5% das viaxes do municipio da Coruña realízanse con municipios da provincia, das que un 68,7% corresponden a Oleiros, Arteixo, Culleredo, Cambre, Sada, Bergondo e Carballo.

Son moitos os exemplos de cidades con contornas urbanas de alta densidade de poboación que levan tempo apostando por modelos metropolitanos de transporte público. Son cidades que avanzaron claramente. O transporte público é unha peza esencial neste desenvolvemento socioeconómico. Máis aló das necesarias apostas de Madrid ou Barcelona, cidades como Bilbao, Valencia, Málaga, Zaragoza ou Pamplona xestionan a súa rede de transporte público mediante fórmulas de cooperación supramunicipal.

Pero para iso é indispensable o compromiso da Xunta de Galicia ao ostentar a competencia sobre o transporte interurbano.

A implantación da nova estación intermodal da Coruña, coa chegada xa do AVE, esixe revisar liñas urbanas e metropolitanas, tamén algunhas interurbanas; a finalización en 2024 da concesión municipal da Coruña tamén esixirá revisar e modernizar o seu servizo; as necesidades crecentes de desprazamento aos polígonos empresariais de Bergondo, Espírito Santo, A Grela, Pocomaco, Vío, Sabón ou proximamente Morás; a substancial ampliación do CHUAC ou un mellor servizo ao aeroporto e aos campus universitarios, son necesidades que obrigan a repensar a nosa rede de transporte público dende unha nova planificación supramunicipal. As oportunidades que ofrece a remodelación do porto interior para establecer intercambiadores e aproveitar a liña existente de ferrocarril a Betanzos, tamén poden axudar nun mellor servizo de transporte público.

Unha autoridade única que planifique e xestione todo o tecido de transporte público na área coruñesa sería clave para este cambio estrutural. Unha autoridade que podería xestionar ademais os necesarios aparcamentos disuasorios, servizos comúns de bicicleta e mesmo áreas de prestación conxunta de servizos de taxi, ademais de poder xogar o necesario papel na definición das infraestruturas viarias desde a visión do transporte público.

A nova Estratexia Galega de Mobilidade sinala entre os seus obxectivos operativos a elaboración de Plans de mobilidade metropolitana como instrumentos que permitan abranguer esta planificación dende una perspectiva supramunicipal, pero para isto será precisa en todo caso non só unha labor de planificación conxunta, senon a necesaria xestión compartida dos de servizos de transporte público entre a Xunta de Galicia e os concellos da área metropolitana.

  • Juan Díaz Villoslada. Ex concelleiro de Urbanismo e Mobilidade co PSdeG-PSOE.

Máis artigos de Díaz Villoslada en XdC

A Coruña comeza a ser unha provincia de vellos

0

Galicia rexistrou un total de 14.556 nacementos en 2022, o que supón 231 menos que en 2021 (-1,56%), segundo os datos de estimación mensual de alumeamentos que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) este mércores. Unha situación que tamén sofre a provioncia da Coruña.

No entanto, o ritmo de caída de nacementos de Galicia en 2022 é menor ao 3% de descenso acumulado no ano 2021. Así mesmo, o 1,56% de descenso é lixeiramente inferior ao ritmo de retroceso na media española (-2,08%).

Lugo é a única provincia galega na que hai un incremento, pasa de 1.622 bebés nados en 2021 a 1.740 en 2022. Con todo, o resto de provincias computan unha baixada: A Coruña (pasa de 6.318 en 2021 a 6.239 en 2022), Pontevedra (de 5.448 a 5.253) e Ourense (de 1.399 a 1.323).

No tocante só ao mes de decembro, naceron 1.189 nenos en Galicia, o que se traduce en 52 menos que un ano antes, segundo os datos do INE.

AUMENTO DE NAIS DE MÁIS DE 40 ANOS

Por idades das nais, obsérvase un incremento entre as maiores de 40 anos, foron 2.202, 69 máis que as 2.133 dun ano antes.

O grupo de idade máis grande entre as nais en 2022 é o de 35 a 39 anos (4.877), seguida de 30 a 34 anos (4.472). Houbo dúas nais de menos de 15 anos e un total 12 de 50 anos ou máis.

As familias de Arteixo critican a “nefasta” xestión do Servizo de Axuda no Fogar

0

Esta fin de semana familias de Arteixo saían á rúa para critica a “nefasta” xestiónpor parte da empresa concesionaria do Servizo de Axuda a Domicilio ou no Fogar. Denunciaron irregularidades como cambios diarios nos horarios, que provocan numerosos inconvintes a usuarios e familias e tamén os continuos cambios de persoal das empresas concesionarias que provocan unha situación de adaptación e aprendizaxe continuo intolerable para os usuarios con mobilidade reducida.

As familias acusan ás empresas de non respectar os seus dereitos e os dos usuarios, cun “asoballamento” que causaba múltiples baixas laborais por estrés e despidos.

POSICIÓN DO PSOE

Rapidamente, a candidata socialista á alcadía de Arteixo, Patricia Boedo, posicionouse e comprométese a iniciar o proceso de municipalización do SAF se nos comicios de maio recibe o apoio da cidadanía. O grupo socialista xa levou a pleno no mes de xuño de 2022 o grupo socialista unha batería de preguntas sobre o caso , pero en lugar de atopar a complicidade do grupo de goberno” “vimos como a responsable do departamento de servizos sociais atacaba ás traballadoras e acusaba á poboación de non querer traballar e preferir cobrar o ingreso mínimo vital ou a RISGA que exercer a súa profesión”

6.000 demandas e 20.000 escritos xudiciais pendentes na Coruña pola folga de letrados

0

Letrados da Administración de Xustiza estiman que en Galicia se concluirá a semana cuns 6.000 sinalamentos suspendidos pola folga indefinida que convocaron o pasado 24 de xaneiro para reclamar unha “adecuación salarial”.

Así o expuxo Fernando Santiso, representante da Unión Progresista de Secretarios Xudiciais, durante a concentración que letrados de xustiza da área da Coruña convocaron ante a Delegación do Goberno en Galicia.

Fixérono varias decenas de representantes deste colectivo e cunha pancarta na que se podía ler ‘Xustiza, por dignidade, por igualdade’. Foi ante as portas da Delegación do Goberno en Galicia a cuxo máximo representante, José Miñones, solicitarán unha entrevista. En declaracións aos medios, Fernando Santiso destacou que o seguimento en Galicia está a ser “moi bo”, ao redor dun 70% de media que no caso da provincia da Coruña, precisou, alcanza “case o 80%”.

“O que máis desgasta é o sentimento de responsabilidade“, asegurou en referencia ao “dano” na cidadanía da folga polo número de xuízos e vistas sen celebrar, ao que sumou outro tipo de trámites. Así, indicou que só no partido xudicial da Coruña son “máis de 6.000 demandas pendentes de tramitar nos xulgados e máis de 20.000 ecritos pendentes”, citou como exemplo da situación que se está rexistrando noutros xulgados galegos.

Con todo, e de cara á reunión convocada co Ministerio de Xustiza, afirmou, en liña con outros letrados xudiciais, que esperan que se acheguen posturas e que “isto termine canto antes”. “O acordo é fácil”, dixo remitíndose ao pactado o pasado mes de abril en resposta ás súas demandas. E é que tanto este representante como outros letrados da Administración de Xustiza incidiron en que as reivindicacións non son “novas”, aludindo ao citado acordo de abril, polo que se mostraron confiados en que poida haber un achegamento de posturas.

Mentres, no caso da Coruña, anunciaron unha nova concentración o venres, ás 11,00 horas no Obelisco, onde doarán tamén sangue atendendo ao chamamento da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue.

O Taller Reciclos, o paraíso social para os amantes das dúas rodas

0

Hoxendía a bicicleta é unha das grandes protagonistas da mobilidade desta cidade. 7.000 usuari@s utilizan o servizo municipal Bicicoruña e percorren os máis de 50km de carrilbici ou carrís ciclables dos que xa dispoñemos.

Unha realidade que, se ben debe seguir aumentando a presenza da bici como vehículo e concienciando a condutores do respecto aos ciclousuarios, é froito do enorme esforzo da sociedade civil durante décadas.

Masa Critica Coruna 2006
Foto dunha Masa Critica celebrada en 2006

Podemos remontarnos a comezos dos anos 2000 cando un grupo de amantes das dúas rodas participaban na Masa Crítica, movemento social mundial que tamén se viviu nas rúas dunha cidade na que que a bici aínda era un elemento estrano. Un venres de cada mes, durante varios anos, saían a dar un paseo pola cidade para reivindar e visibilizar a presenza das bicis nas nosas estradas.

Un movemento que culminaba en 2008 coa fundación da Asociación Mobi-liza. Aqueles Bruji, María, Chus, Marcos, Manel, Fran, Juan Bello… formalizaban unha entidade para fomentar unha mobilidade responsable e sostible, e xestionar ao mesmo tempo proxectos como o préstamo de bicis que aínda mantén vivo a UDC.

Bruji e Iria Prendes de Mobiliza en Reciclos
Bruji e Iria Prendes de Mobiliza en Reciclos

Unha das patas máis fermosas da Asociación (falaremos doutras como a Escola da Bici) é o Taller de Bici Reciclos. Nacía en Própolis, o baixo-batifondo que o eterno activista Nicanor tiña na Rúa Barcelona, pero dende hai varios anos está situado no edificio das antigas instalacións de Padre Rubinos, en pleno paseo marítimo.

Aberto todos os martes e mércores de 17:30 a 21:00, Reciclos é un paraíso para os amantes das dúas rodas. Ferramentas, pezas, aparatos de todo tipo… todo o que soñas para para a túa bici.
Quique e Bruji son os responsables de meter unha man a quen a necesite, de manter todo ordenado… Pero realmente o Taller é autosuficiente, un exemplo de autonomía e de reciclaxe.

”Reciclos é altruísmo sobre rodas”, explica Luís “Bruji”, que leva case 10 anos abrindo as portas do taller cada semana, e aportando o seu tempo, sabedoría e experiencia para axudar a que quen queira acodir a arranxar a súa bici ou a crearse unha coas pezas recicladas recollidas pola entidade.

”Reciclos é o espazo onde crear a túa propia autonomía, é un exemplo de democratización do sistema de reparación de bicis”, explica Iria Prendes, tamén membro de Mobi-liza e unha ciclo-viaxeira que é quen de vivir da súa paixón. “En Reciclos mestúranse varias cousas: é un xeito de facerlle fronte ao sistema capitalista da sociedade de consumo; é un lugar desenvolvemento individual na autosuficiencia e na autonomía, de poder arreglar o teu propio vehículo; pero é que ademais faise reusando cousas que irían ao lixo, polo que tamén é un exemplo de xestión de residuos a nivel local, de como xestionar centos de quilos de lixo e darlles unha segunda vida”.

Pero é que ademais é un sitio de acollida, de recibimento. Son moitas as nacionalidades que se dan cita no taller, que en moitos casos serve de primeira benvida á sociedade coruñesa. “Reciclos tamén ofrece un sentimento de pertenza, de recepción… chega xente de todo o mundo, e podes atopar persoas con gustos afíns… a bici vai da man a outras cousas, como unha vida máis calmada, o gusto pola natureza…”

Pendentes dun hipotético cambio de ubicación cando as instalacións do antigo Padre Rubinos sexa rehabilitado, o Taller Reciclos seguirá sendo un dos exemplos máis fermosos da autosuficiencia da cidadanía da Coruña.

Taller Reciclos Coruna 1