Inicio Blog Páxina 690

A depuradora de augas residuais da cidade será a primeira en España en producir hidróxeno verde suficiente para encher a dous autobuses urbanos

0

A depuradora de augas residuais da Coruña será a primeira en España en producir hidróxeno verde, segundo se remarcou na xornada técnica da segunda fase da Unidade Mixta de Gas Renovable, unha iniciativa xurdida da colaboración con Naturgy, o centro tecnolóxico EnergyLab e Edar Bens S.A., a empresa pública supramunicipal da Coruña e a súa contorna.

Na citada estación, a finais de outono entrou en funcionamento unha nova turbina que aproveita o caudal do emisario para xeración de enerxía eléctrica coa que producir hidróxeno verde.

O acto contou coa presenza, entre outros, do vicepresidente primeiro do Goberno galego e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e a concelleira de Medio Ambiente e Sustentabilidade do Concello da Coruña, Esther Fontán.

“Estimamos que a EDAR Bens comezará a xerar hidróxeno verde a finais deste mes“, indicou a concelleira de Medio Ambiente, que valorou a utilidade deste gas para mesturalo, por exemplo, con biometano. “Coa capacidade da EDAR para producir este hidróxeno estimamos que se podería fornecer de combustible a dous autobuses urbanos“, detallou.

Pola súa banda, o conselleiro Francisco Conde manifestou que se trata dunha “aposta” polo talento e que permite á estación depuradora coruñesa dar un salto cara á consideración de biorrefinería. Resaltou, así mesmo, a colaboración público-privada neste proxecto.

Detidas tres persoas por tráfico de cocaína e MDMA nun local de lecer do barrio de Matogrande

0

Policía Nacional detivo na Coruña a tres homes por tráfico de sustancias estupefacientes no interior dun local de lecer do barrio de Matogrande.

Segundo informa a Xefatura Superior de Policía, ás sete da mañá do pasado día 13 iniciouse un dispositivo integrado por Policía Nacional e Policía Local.

Ademais das detencións, foron intervidas nove papelinas de cocaína e 14 papelinas de MDMA, “todas elas dispostas para a súa venda e consumo, así como diñeiro e dous vehículos relacionados coa actividade delituosa”.

Así mesmo, varios clientes do establecemento foron propostos para sanción administrativa por posesión de sustancia estupefacientes.

Estas detencións enmárcanse dentro do dispositivo contra o menudeo de drogas que a Policia Nacional, concretamente o Grupo de Tráfico Medio apoiado pola Brigada de Seguridade Cidadá, desenvolve desde o pasado ano, tendente á desarticulación de puntos negros de vendas polo miúdo de drogas na cidade.

Os detidos foron postos a disposición do xulgado de instrución en funcións de garda, que decretou o ingreso en prisión dun deles.

O temporal pasa por A Coruña con 31 incidencias

0

Caída dalgunha árbore e rótulos foron algunhas das principais incidencias na cidade da Coruña polo temporal, segundo informaron desde o consistorio a Europa Press. No colexio Víctor López Seoane produciuse a rotura dun portalón, mentres que sobre as doce da noite unha árbore caeu sobre un coche na rúa Manuel García Canzobre.

Tamén caeu o rótulo dun establecemento na rúa Río de Quintás, ao redor das 04,36 horas, de acordo coa información facilitada polo consistorio, que mantén pechados os accesos ao paseo marítimo, praias e parques.

A maiores, houbo tamén pequenas actuacións como suxeición de colectores e sinalización de zonas. En total, os bombeiros atenderon 17 actuacións urxentes e sen urxencia 14 máis.

Mentres, en Cambre contabilizáronse case 50 intervencións desde o luns, a maioría relacionadas con caídas de árbores, desprazamentos de colectores ou caída de postes eléctricos.

As incidencias sucedéronse nas últimas horas en practicamente todo o termo municipal: en Bribes, Sigrás, na zona de Ou Pombo (Pravio), na Fontenla, Bandebó, San Lorenzo e A Barcala. A maiores, os servizos de emerxencias tiveron que asistir a un motorista que sufrira un accidente na rúa Polígono, en O Amorne).

Ademais das caídas de árbores, rexistráronse tamén problemas polo enchido e desprazamento de arquetas, caídas de muros e noiros e rotura de postes eléctricos no municipio, onde o concello pechou parques e instalacións exteriores e suspendéronse as actividades ao aire libre.

Publicadas as bases para os concursos de comparsas, carrozas e choqueiros do Entroido 2023

0

O Concello da Coruña publicou as bases de participación nos concursos previstos na próxima edición do entroido, que inclúe a competición de comparsas, carrozas, infantil de disfraces e choqueiros.

O concurso de comparsas resolverase nun festival que terá lugar o sábado 11 de febreiro, ás 18,00 horas, en Palexco. A gañadora interpretará dúas cancións no acto de entronización do Deus Momo, o venres 17 de febreiro ás 21,00 horas, no Obelisco.

As carrozas deberán participar no desfile que percorrerá o Cantón Pequeno ata a praza de María Pita, o sábado 18 a partir das 17,30 horas. O Concello establecerá un mínimo de tres premios en metálico en tres categorías, que oscilan entre os 800 e os 1.500 euros, así como galardóns á orixinalidade e accésits.

Os concursos infantís terán lugar o martes 21 de febreiro, desde as 17,00 horas no Campo da Leña; con premios entre os 50 e os 150 euros para lotes de libros de literatura infantil.

Ese mesmo día celebrarase tamén a competición de choqueiros a partir das 20,00 na rúa La Torre. Os galardóns oscilan entre os 150 e os 600 euros.

Pechados os accesos ao paseo marítimo, praias e parques do Concello da Coruña

0

O Concello da Coruña pecha os accesos ao paseo marítimo, praias e parques para reforzar o dispositivo de seguridade ante a alerta por temporal, segundo informa.

Tras confirmar nesta xornada o peche de parques e praias, avanza que o martes seguirá a medida, mentres insta á cidadanía a extremar as precaucións e a non achegarse ao bordo costeiro, así como afastarse das praias e lugares que poidan estar afectados as mareas e as ondas debido á intensidade do vento, así como a non situarse nos extremos dos peiraos ou espigóns da cidade.

Por outra banda, o Concello tamén recomenda non circular convehículos polas estradas lindeiras á liña de praia no paseo marítimo, así como afastarse de cornixas, muros, árbores ou valos publicitarios.

A maiores, a Policía Local recomenda, como medida de carácter preventivo nos fogares, a retirada de testos e de todos aqueles obxectos que sexan susceptibles de precipitarse á rúa debido ao vento e a choiva.

Tamén activou un dispositivo de emerxencia para acoller ás persoas sen fogar da cidade. A partir das 21,00 horas de hoxe, as persoas que o desexen poderán pasar a noite no centro cívico dos Mallos, onde se lles ofrecerá comida, bebidas quentes, roupa seca e sacos de durmir.

Publicadas as propostas gañadoras para os orzamentos participativos do Concello da Coruña

0

O Concello da Coruña publicou as propostas gañadoras dos orzamentos participativos nas que se investirán 2,5 millóns de euros e que se poden consultar na web municipal.

Son 17 as propostas, cinco para toda a cidade e 12 correspondentes aos 10 distritos da Coruña, as máis votadas no proceso de participación cidadá que levou a cabo a finais do pasado ano.

Ademais destas 17 propostas, o equipo técnico municipal valorou o emprego dos remanentes para a inclusión dunha proposta máis nos distritos 1 ou 8, os únicos que non conseguiron o límite de orzamento asignado por distrito.

Seguindo o criterio de maior número de votos, inclúese a maiores o proxecto de creación dunha zona de lecer no barrio de Palavea, para cuxa posta en marcha o Concello achegará 90.500 euros que se sumarán aos 2.500.000 euros consignados para os Orzamentos Participativos.

CENTRO DE DÍA

Por outra banda, este luns a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, recibiron ao presidente e á directora de Adaceco (Asociación de Dano Cerebral da Coruña), Juan Luís Delgado e Natalia de Llano, nunha reunión na que abordaron a construción do seu centro de día, para o que o Concello cedeu terreos municipais.

A alcaldesa comprometeuse a solicitarlle á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia un compromiso para o financiamento deste centro “esencial para A Coruña e a súa área”.

A provincia da Coruña pon en valor o traballo realizado polas persoas con discapacidade a través dunha mostra fotográfica

0

Deputación da Coruña e Cegasal (Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro) deron comezo este luns no Teatro d Beneficiencia de Ortigueira a unha mostra fotográfica itinerante que visibiliza a realidade laboral das persoas con discapacidade.

Trátase dunha exposición obra do fotógrafo coruñés Diego Silva, que percorreu durante dous anos e medio os centros especiais de emprego da entidade para plasmar coa súa cámara a actividade diaria destes profesionais.

No acto, Formoso expresou a “grande admiración” que dixo sentir polo traballo de entidades como Cegasal ou Cogami e destacou a súa “capacidade de incorporar ao mundo laboral a tantas persoas, durante tantos anos e en distintos sectores, sen ningún tipo de discriminación, dunha maneira realista, con integración real nos mercados, con calidade e nas mesmas condicións que o resto”.

“É de admirar o seu crecemento e a maneira sensible co que o fan, sabendo ler as necesidades do futuro e sabendo encaixar todas as pezas”, relatou.

A exposición, que estará ata o 24 de xaneiro en Ortigueira, desprazarase a outras localidades como Carballo, A Pobra do Caramiñal ou Arteixo. A mostra está composta por 24 imaxes e máis de 24.000 palabras para “sacar do silencio a capacidade laboral das persoas con discapacidade“.

Sacando conclusións

Ca derrota do sábado pasado en Alcorcón, o Depor pecha a primeira volta da competición na cuarta posición, a sete puntos do líder e amosando unha terrible irregularidade que a día de hoxe fainos pensar, un ano mais, no temido playoff en xuño. Aínda que pareza precipitado, esta é a conclusión que se pode sacar có que fixo ó Depor neste primeiros cinco meses de competición. Vexamos por que.

O Dépor é un equipo que non ofrece garantías nin na casa nin xogando fóra. Xogou 10 partidos de local e só puido gañar 6 deles, empatando e perdendo con rivais da parte baixa. Pouco premio para o lugar onde máis seguro se sente o equipo e onde mellor xogo fixo no que vai de liga. De visitante xogou 9 partidos gañando 4 deles y perdendo 3, o que nos fai ver que é un pouco lotería o que vai facer o Dépor cando viaxa. O peor de visitante, sen dúbida, foi o xogo e as derrotas co Castilla e Alcorcón, o que amosa que non somos fiables cos rivais directos.

Facendo máis análise, vemos que das 10 vitorias do equipo, só 3 delas foron por diferencia superior a un gol e que só en 2 ocasións foi quen de meter máis de 2 goles. Isto fala de pouca acción ofensiva e de xogar con lume día si, día tamén. Por outra banda, o equipo só enlazou 3 vitorias consecutivas e xusto na parte final da primeira volta, o que fai moi difícil achegarse á cabeza e recortar puntos.

Hai un aspecto no que o Dépor si amosa certa fiabilidade e é cando se pon por diante no marcador: das 10 veces que se adiantou no marcador, en 9 delas venceu; se lle sumamos que noutras tres ocasións foi capaz de remontar o marcador adverso e non perder este partidos, dá a entender que se atopa máis cómodo levando a iniciativa e indo polos partidos dende o principio.

Se cadra o aspecto máis negativo desta primeira volta foi que o Dépor non gañou nin o Alcorcón, nin o Córdoba, nin o Castilla, os tres rivais que lle preceden na táboa.

Que ten que facer o Depor para loitar polo ascenso directo? Sacar todos os puntos de Riazor, xa que máis tropezos na casa non permitirán pensar en logros maiores; de visitante hai que saber xogar cas urxencias dos rivais de abaixo e pechar os partidos cando te pos por diante. Por suposto, non perder cos rivais directos e ser quen de enlazar 5-6 vitorias seguidas no comezo da segunda volta. Moi fácil escribir, máis difícil fácelo no campo.

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

Suspendida a homenaxe a Sir Johan Moore polo mal tempo

0

O Concello da Coruña pechou parques e praias polo mal tempo e como medida de precaución, segundo informaron a Europa Press fontes municipais.

De feito, debido á situación meteorolóxica, cancelouse por parte do goberno local unha previsión informativa convocada para esta xornada nos xardíns de San Carlos. En concreto, foi a ofrenda floral prevista para este luns ante o sepulcro de Sir Johan Moore en conmemoración polo 214 aniversario da Batalla de Elviña.

E é que a borrasca Gérard, sétima da tempada, adiántase á borrasca Fien e afectará este luns a España con vento, ondada, nevadas e choivas, fenómenos que porán en risco a unhas 40 provincias de todo o país, segundo o prognóstico da Axencia Estatal de Meteoroloxía.

A negociación sobre os peiraos da Coruña é “unha cuestión” do Concello, segundo Miñones

0

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, reivindicou o “compromiso” do Executivo central co porto da Coruña, pero asegurou que a negociación sobre o futuro dos peiraos é “unha cuestión que encabeza o concello”, en referencia ás negociacións coa Xunta e a Autoridade Portuaria.

Preguntado se o Estado está disposto á súa cesión de forma gratuíta, Miñones defendeu “o investimento histórico” estatal e asegurou que a apertura dos peiraos á cidade “é unha cuestión que encabeza o concello nas negociacións coa Xunta e co porto”, “E haberá que coñecer con detalle cales son os cálculos que fai a Autoridade Portuaria e a partir de aí seguir falando”, recalcou.

“O que toca é diálogo”, insistiu Miñones para quen “se estableceu un compromiso por parte do Goberno” que se cumpriu “”. “E nesa liña o porto exterior ten o financiamento, ten a obra, ten a adxudicación”.

“A partir de aí, toca seguir falando e vendo coa Xunta de Galicia, co Concello e coa Autoridade Portuaria, coñecendo primeiro a información por parte da Autoridade Portuaria de cales son os custos e cales son as posibles solucións”, engadiu.

Pola súa banda, fontes municipais consultadas por Europa Press incidiron en que “a propia Autoridade Portuaria aifrma que conta con recursos para financiarse e, nese contexto, o Concello non prevé pagar pola titularidade dun chan que xa se está abrindo ao uso público”.