A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, cualificou de “absolutamente vergoñenta e irresponsable” a resposta “enlatada” ofrecida polos diferentes cargos do Partido Popular tras a manifestación celebrada este domingo en Santiago de Compostela en favor da sanidade pública e da Atención Primaria.
Díxoo, a preguntas dos xornalistas, ao criticar que se responsabilizase ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, da “incompetencia” dos populares e que, ademais, ao seu xuízo, elúdase a xestión que corresponde nesta materia á comunidade autónoma.
“Repetían un argumentario que non se sostén e son un desprezo para todos os galegos e galegas”, aseverou coincidindo coa reunión que mantivo con alcaldes e alcaldesas da área coruñesa.
Por outra banda, a rexedora agradeceu o apoio “masivo” que tivo a mobilización e destacou que a sanidade pública é un alicerce “fundamental” no Estado de Benestar que “os sucesivos gobernos do PP, polo menos aquí en Galicia, encargáronse de desmantelar, de recortar, de denigrar”.
“Onte a cidadanía galega díxolle alto e claro ao Goberno do PP que defendemos unha sanidade pública de calidade e que desde logo non imos consentir que se siga destruíndo”, destacou.
Respecto desta manifestación, o candidato da Marea Atlántica á Alcaldía da Coruña, Xan Xove, cualificouno como un “momento histórico” polo elevado número de partipación.
Case 3.000 persoas participaron este domingo no medio maratón C21 e na 5K. Fantástico o ambiente vivido na fermosa mañá dominical en toda Coruña, cun arrecendo a deporte que ergue o ánimo.
Este ano a C21 estivo acompañada dunha novidosa carreira 5K que serviu de prólogo do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que comezará no próximo mes
de marzo. Víctor Alonso, Yago Ignacio García e Adrián Blanco foron os primeiros
clasificados da categoría masculina, mentres que Irati Lorza, Sara Pita e Penélope Martínez
foron as mellores na categoría feminina. Houbo tamén carreiras para os máis peques, se cadra a parte máis divertida da xornada.
C21
O marroquí Hicham Sigueni e a kenyana Nancy Jepleting impuxéronse na proba de media maratón dos 21km, e finalizaron o percorrido con grandes marcas, chegando a bater o récord masculino do circuíto.
Na categoría feminina cumplíronse os prognósticos e a sub23 Nancy Jepleting gañou a proba cun tempo de 1.12:17, moi próximo ao récord do circuíto. Acompañárona no podio a
lucense María Jesús Conde e a ponteareá Sonia Abad.
Na categoría masculina, os tres atletas que subiron ao podio superaron a marca máis rápida das 15 edicións da C21, que tiña Hosea Kiplimo desde o 2020 con 1.02:30 horas. O podio estivo encabezado por Hicham Sigueni, que parou o crono en 1.01:40. Seguíronlle, en segunda e terceira posicións os kenyanos Edwin Kipruto e Peter Kariuki, respectivamente.
Xa hai ambiente de entroido polas rúas da cidade. E tamén no Palexco. O pasado venres viviuse a xornada de apertura do programa municipal de Entroido, co tradicional festival e Concurso de Comparsas. Case cheo no gran auditorio para disfrutar das coplas máis divertidas que soarán ao longo destas dúas semanas polas rúas.
A máis divertida, e áceda en termos políticos, segundo o xurado, a da comparsa Pantaleón, que gañou o primeiro premio do concurso de comparsas na categoría de música e letra, polo que será a encargada de poñer a festa en directo o vindeiro venres 17 ás 21.00 horas no acto de entronización do Deus Momo, que terá lugar no Obelisco.
Neste concurso participaron un total de sete agrupacións: Escola de Teatro Melandrainas, Como Cabras, Pantaleón, Malandros, Os Maracos, Monte Alto a 100 e Amigos da Xoldra (gañadores do ano pasado).
Dende neno sempre me chamou atención esta humilde construción, pedras de granito ben labrado, no alto da costa, ao pé do camiño de retorno da praia. Tamén a devoción que a veciñanza sentía pola auga do Picho.
“No potable”, mesmo cando lle colocaron ese triste letreiro, moitas persoas seguían acudindo coas garrafas na procura da súa auga.
Anos despois descubrín o porqué de tal devoción. O Picho era unha fonte sagrada. Ao seu carón erguíase a antiga capela de Santo Amaro. Até comezos do século XX estivo en pé. O primeiro domingo de setembro celebrábase aquí unha gran romaría na honra deste santo. Mesmo desaparecida a capela, a romaría continuou. Falo das famosas -ao mellor ti tamén estiveches nelas- “merendiñas da Torre”.
Foto Historica de San Amaro
Tan querida é dende sempre a auga do Picho que mesmo serviu para lle dar nome a unha rúa, tal como pode lerse hoxe na súa placa:“Calle/rúa Fuente de San Amaro” (sic).
Acude a esta homenaxe. Alén de fermoso, vai ser un acto especialmente didáctico. Porque, segundo algúns, a día de hoxe é imposíbel ubicar a situación orixinal da fonte.
Tal é a conclusión do informe arqueolóxico que acompaña a un gran proxecto de urbanización. Coa primavera comezarán as obras: A construción de 260 vivendas (29 torres de seis andares, algunha de nove).no pouco que queda da Agra de Santo Amaro.
Si, leu ben. 29 nove torres, enriba da praia, na propia contorna da Torre de Hércules.A especulación máis salvaxe continúa a campar na cidade da Coruña.
Como que é imposíbel situar a antiga Fonte do Picho! Se non o conseguen co xeo-radar, existe unha alternativa mellor e moito máis sinxela: abonda con falar con calquera persoa de idade da zona. Ou acudir, este sábado, á colocación do letreiro.
Como acontece coa propia lenda de Amaro, o santo navegante que atopou a illa do Paraíso, todo o que ten que ver co intento de urbanización desta agra, ten un aquel de fantástico e irracional. Velaí outro informe, esta vez da Xunta. Segundo os técnicos que o asinan, a construción das 29 torresnon vai alterar a visión do mar. Falamos entón de cemento transparente? Outra boa mostra de literatura fantástica, mais esta vez con selo de documento oficial.
O informe arqueolóxico tamén se ocupa, por suposto, da antiga capela de Santo Amaro: Tampouco a sabe situar. Mais recolle unha cita na que se indica que estaba nas proximidades da fonte. Se atopamos o Picho, teremos moitas posibilidades de encontrar tamén os alicerces da ermida. Ou sexa, uns restos arqueolóxicos que impedirían o desenvolvemento deste proxecto megalómano, verdadeiro pelotazo urbanístico (como ve, os tópicos dos días da especulación salvaxe volven ser acaídos). E obrigarían a definir unha nova proposta que poña en valor a Agra de Santo Amaro. Un proxecto no que a marabillosa tradición simbólica do lugar sexa máis importante que o negocio millonario dos propietarios deses terreos, recualificados, por certo, poucos días antes de que a Torre fose declarada patrimonio da Humanidade.
Medre a Agra de Santo Amaro. Volvamos a celebrar a beleza na contorna no Campo das Merendiñas. Que obre un novo milagre (coa nosa axuda) a auga santa da fonte do Picho!
Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que o Partido Socialista manteña a tendencia de “subida” e aumente en intención de voto e en concelleiros, segundo unha enquisa publicada por La Voz de Galicia e realizada por Sondaxe, aínda que matizou que recolle esta información coa “debida cautela e prudencia”.
“Aspiramos a ter un maior apoio dos cidadáns que nos garanta a gobernabilidade a partir de maio cun goberno evidentemente encabezado por min como alcaldesa”, sentenciou.
A preguntas dos xornalistas sobre a enquisa, a rexedora remarcou que os datos en canto á valoración da xestión son “positivos” e engadiu que a formación vai seguir traballando para “consolidar esa tendencia”.
Noutra orde de cousas, cuestionada pola queixa formulada pola Marea Atlántica por non iniciar as conversacións respecto dos orzamentos para este ano 2023, Rey explicou que “se está traballando”. “Trasladaranse en canto teñamos o documento terminado aos diferentes grupos”, sinalou.
É algo habitual que os equipos non rendan igual fóra da casa ca nela. No caso do Depor é un mal crónico que acompáñanos dende hai moitos anos. Este que escribe non reside na Coruña o que fai que cando quero ver o equipo, teña que viaxar, comprar entradas e planificar con certa antelación o partido. Claro está, que có paso dos anos e despois de unha morea de derrotas e algún triste empate, a un vanlle dando preguiza os desprazamentos. Non é o Depor un visitante temible, máis ben todo o contrario, é un chollo “rescata mortos” ou “rompe rachas” negativas dos locais.
O partido de onte é cravado os que ven xogando o Depor nas últimas visitas. É incrible o canguelo que entra nas pernas dos xogadores e o descenso de rendemento do bloque e das individualidades cando xogamos lonxe de Riazor. Ben é certo que os equipos locais sempre apertan mais nas segunda voltas, pero isto non é escusa cando o teu obxectivo e acabar líder na táboa. Pouco se pode contar de onte, se cadra porque hai pouco que engadir ó que viramos noutros desprazamentos.
Tarda o Depor en achegarse ós postos altos e recortar distancias cos rivais, e o síndrome do eterno perseguidor pode pasar factura ás cabezas dos xogadores porque ven que, por moito que fan, nunca chegan acadar esa desexada primeira posición. Perigoso tamén é que o conformismo por non perder fora da casa nos distancie máis da vitoria, xusto o que máis precisamos neste tramo de campionato.
Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.
O Partido Popular de Galicia alertou de que A Coruña é a provincia galega onde máis delincuentes sexuais viron rebaixadas as súas penas pola Lei do ‘só si é si’. Concretamente, foron 16 as rebaixas de pena que, apuntan, suman en total case 30 anos menos de cárcere para os encarcerados.
Era a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, a que daba as cifras este sábado na concentración organizada polos populares na cidade herculina, fronte á Delegación do Goberno, para reclamar a Pedro Sánchez e aos seus ministros “que pidan perdón ás vítimas por aprobar unha lei chafalleira sendo conscientes de que ía ter estas consecuencias”.
O número dous dos populares galegos recriminou neste sentido ao Goberno que, a pesar das advertencias por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial, dos deputados do Partido Popular e de numerosos xuristas de prestixio, fixese “oídos xordos” e “antepuxese a súa ideoloxía por encima dos dereitos fundamentais das mulleres”.
Prado considera ademais que toda a situación derivada da aplicación desta lei “está a ser moi dolorosa para todas as vítimas que ven como se rebaixan as penas aos seus agresores ou mesmo saen á rúa”.
Ademais, afeou a visita da secretaria de Estado de Igualdade, Ángela Rodríguez Pam, á Coruña, que tachou de “indecencia”, e criticou as súas palabras pedindo “seriedade” ao abordar o tema.
“O que non é serio é rirse das vítimas tomándose de broma as rebaixas de pena a delincuentes sexuais. O que non é serio é que o Goberno siga enredado en leas internas e xogando ao pasapalabra mentres ninguén pide perdón. O que non é serio é que por uns trens que non entran nos túneles haxa cesamentos inmediatos e que por esta chapuza lexislativa aínda non se asumiron responsabilidades, nin cesado a ninguén”, afirmou antes de concluír volvendo reclamar “xa non a rectificación da lei, senón o perdón ás vítimas”.
CONDENAS MÁIS DURAS NO FUTURO
Na concentración tamén participou o candidato do PP á alcaldía da Coruña, Miguel Lorenzo, que lembrou que “máis de 500 persoas condenadas por delitos sexuais en toda España viron rebaixadas as súas penas como consecuencia da aplicación da Lei do ‘só si é si'”. “Actualmente hai máis de 40 delincuentes sexuais en liberdade”, apuntou.
Respecto da iniciativa presentada polo Partido Popular nas Cortes Xerais para modificar esta lei, o tamén senador pola Coruña sinalou que, aínda que “os prexuízos desta lei son xa irreparables porque os delincuentes non van volver ao cárcere nin se lle van a aumentar as penas“, queren que “polo menos no futuro as condenas para este tipo de delitos sexan máis duras”.
Unidas Podemos presentou ao exedil no consistorio coruñés José Manuel Sande como o seu candidato de “consenso” á Alcaldía da Coruña para as eleccións municipais cunha mensaxe de “integración” e vontade de “negociar” coa Marea Atántica, plataforma municipalista coa que formou parte do goberno local. Unha oferta que chega tarde, mal e arrastro e tras uns grandes conflitos internos logo de que a edil elixida pola Marea, Isabel Faraldo, decidira pasar ao Grupo Mixto por orde de Unidas Podemos.
De feito, a división e enconamento entre os dous espazos, a non ser que haxa unha solución de emerxencia de última hora, vai provocar que o que supuxo o espazo rupturista e de cambio na Coruña en 2015 quede en nada ou, cando menos, en “migallas” do que foi. E é que boa parte dos votos poidan ir para o BNG ou para o PSdeG.
PROPOSTAS
Precisamente, cunha mensaxe de “optimismo” nun horizonte moi negro, Sande, elixido a última hora para tentar limar as duras asperezas que hai coa Marea Atlántica dixo que “é necesaria unha esquerda que volva ser importante para a cidade e queremos ser influentes e relevantes“. Así, asegurou que “non pode haber un atraso ao bipartidismo nin tripartidismo” e que a “fraxilidade tanto no goberno como na oposición” foi “clave” para levar a cabo esta iniciativa de consenso.
Fíxoo acompañado de da coordinadora local de Esquerda Unida, Carmen Armada, e a concelleira “Non Adscrita” no consistorio coruñés, Isabel Faraldo, unha “tránsfuga” para Xulio Ferreiro e os seus compañeiros da Marea Atlántica.
Sande sinalou como principais liñas de actuación dotar de dinamismo áreas “desmanteladas” como a cultura, o deporte e a actividade da cidade e mostrou unha “enorme preocupación” pola vivenda. Respecto ao porto, incidiu na necesidade de “recuperar a iniciativa e establecer unha reflexión sobre as posibilidades de usos”.
MAREA ATLÁNTICA
En canto á Marea Atlántica, o tres representes políticos mandaron unha mensaxe de “integración” e mostraron a súa vontade de “negociar” con esta formación política, cuxo candidato á Alcaldía é Xan Xove. “Tivemos chamamentos a Marea Atlántica desde o mes de setembro a fin de comezar este proceso”, puntualizou Faraldo, a quen desde a Marea Atlántica non consideran como interlocutora válida.
De feito, a Marea Atlántica nun comunicado lembrou que a candidatura de Xan Xove foi avalada pola militancia a través dunhas primarias e destacou que a “lealdade” á democracia interna é un “principio importante” no seu modo de traballar.
En canto a Unidas Podemos manifestou o seu “respecto” ao candidato. No entanto, recalcou que “o consenso non se impón desde fóra e hai falta de confianza neste proxecto, dados os antecedentes”. “A tres meses das eleccións, a Marea está centrada en traballar por unha Coruña máis xusta, vede, feminista e democrática, non na repartición de postos e de cotas”, apostilou.
O Comité Nacional de Dereitos e Garantías do PP comunicou a decisión de expulsar da formación aos catro concelleiros do municipio coruñés de Sada que apoiaron a moción de censura no Concello, en contra das ordes da dirección provincial, e que permitiu arrebatar o bastón de mando da localidade coruñesa a Benito Portela (de Sadamaioría), substituído por María Nogareda, tamén expulsada de Alternativa dúas Veciños.
O órgano encargado de tomar esta decisión desestimou o recurso presentado por María Soraya Salorio, María José García Freire, José Luís Tellado e José Luís García ao entender que o catro implicados presentaron o escrito fóra do dez días que permiten os estatutos do Partido Popular.
Nunha nota de prensa, os populares galegos informaron de que unha vez confirmado o fallo definitivo do Comité Nacional de Dereitos e Garantías, a dirección do partido na provincia da Coruña procedeu xa á notificación da resolución á secretaria municipal do Concello de Sada mediante correo certificado para que, desta maneira, iníciense as actuacións previstas na lexislación local derivadas da condición de concelleiros non adscritos.
O pasado 18 de novembro, todos eles emitiron finalmente un voto a favor da moción, en contra das indicacións da Comisión Xestora de Sada e da dirección provincial do partido, que desautorizou o apoio á moción e advertiulles de que causaba “un grave prexuízo á imaxe, credibilidade e interese xeral” da formación no municipio.
O Museo de Belas Artes da Coruña expón a mostra ‘Picasso, branco no recordo azul’, cuxa presentación tivo lugar este venres coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.
Promovida pola Xunta, con ela reivindícase a pegada galega na traxectoria do artista a través de 120 pezas, moitas delas representativas do seu período de formación na cidade herculina e da súa etapa de madurez e consagración.
A mostra enmárcase na programación oficial da Celebración Picasso 1973-2023, impulsada polo Musée National Picasso-París e a Comisión Nacional para a conmemoración do cincuenta aniversario da morte do artista.
Este programa internacional de España e Francia planifica 50 exposicións e eventos en Europa e América do Norte. ‘Picasso, branco no recordo azul’ é a única proposta galega das 16 que se poderán ver no país no marco desta efeméride.
A exposición, que poderá visitarse do 23 de marzo ao 25 de xuño, analiza desde diferentes miradas a transcendencia da época coruñesa de Picasso na súa obra de madurez.
Estrutúrase en dez capítulos temáticos de reflexión sobre os aspectos que distinguiron a obra do artista como o gran pintor do século XX e cales destas obras naceron da súa aprendizaxe na Coruña, cidade na que viviu entre 1891 e 1895.
Para o titular de Cultura da Xunta, ‘Picasso, branco no recordo azul’ é capaz de “plasmar a representación máis fiel do paso de Picasso pola Coruña e axuda a descubrir unha nova perspectiva creativa do autor”.