Inicio Blog Páxina 86

17 centros de ensino público galegos demostraron o enxeño do alumnado galego na V Liga Maker Dron

0

Máis de 170 alumnos e alumnas participaron onte no Coliseum na V Liga Maker Drone, unha iniciativa organizada pola Fundación Barrié e o ITG que congregou a 17 centros educativos de toda Galicia nunha xornada na que as rapazas e rapaces amosaron a súa capacidade para resolver o reto de deseñar, programar e voar un sistema dron orientado a efectuar tarefas de mantemento en altura.

O desafío coroou novamente ao CPR Plurilingüe Montecastelo (Vigo) como gañador do certame, reeditando así a súa vitoria do ano pasado. O premio foi entregado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey; Pilar Romero Vázquez-Gulías, presidenta da Fundación Barrié; e Carlos Calvo Orosa, director general do ITG.

A xornada puxo en valor a implicación, enxeño e capacidade creativa das e dos alumnos que tomaron parte nesta edición da Liga Maker Drone, que tamén recoñeceu o labor doutros catro equipos participantes como o IES Isaac Díaz Pardo de Sada (A Coruña) acadou o premio á destreza en voo; o IES Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos), que recibiu o premio ao mellor deseño; o CPR Las Acacias (Vigo), que obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disruptiva; e o IES Poeta Díaz Castro, de Guitiriz (Lugo), que se levou o premio á mellor presentación.

Queres saber cales son os primeiros grupos confirmados do Festival Noroeste?

Echo & The Bunnymen, Bongeziwe Mabandla e Mari Froes conforman as primeiras confirmacións do XXXIX Festival Noroeste, que se celebrará na Coruña entre o 5 e o 8 de agosto. A praia de Riazor, as prazas de María Pita e Azcárraga, o parque de Santa Margarita, o Campo da Leña, O Portiño e o Castelo de San Antón serán os escenarios desta edición.

A presentación desta nova edición tivo lugar no Palacio de Deportes de Riazor, espazo que acolleu en 1986 o primeiro concerto deste festival, “un dos máis destacados de Europa grazas á súa ampla variedade de estilos, que van do jazz e o rhythm & blues ao post-punk, o rock e o metal”, indicou a alcaldesa, Inés Rey.

No acto participaron tamén o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o representante de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que lembrou que é a terceira vez que a Xunta colabora nesta iniciativa coa que, engadiu, A Coruña se converte “nun lugar de referencia da música”.

Á súa vez, Xosé Regueira incidiu na “dinamización económica” que supón este evento, mentres que o representante de Hijos de Rivera destacou que haberá “sete escenarios para todos os gustos”. “Gratuítos para o público porque hai un esforzo das administracións e patrocinadores”, subliñou a rexedora.

Nesta edición, a música en galego terá unha presenza relevante con referentes como SES ou Catuxa Salom. Completa este primeiro anuncio Ana Lúa Caiano, Anna Andreu, Dorian, Fantastic Negrito, La Perra Blanco, MFC Chicken, Moura e Pamela Rodríguez.

Cazan na Coruña a un ciberdelincuente “altamente activo” que estafou máis de 440.000 euros a empresas

A Garda Civil e a Ertzaintza, no marco da operación conxunta Zigula-Nigal, procederon á detención na Coruña dun ciberdelincuente altamente activo como presunto responsable de múltiples estafas cometidas contra pequenas e medianas empresas de Euskadi, Aragón, Baleares, Madrid, Cataluña e Valencia. O importe estafado supera os 440.000 euros, e a investigación, dirixida por un xulgado de Azpeitia (Gipuzkoa) continua aberta, polo que non se descartan máis arrestos.

A investigación permitiu localizar e deter ao presunto autor, de 50 anos de idade e nacionalidade nixeriana, que presuntamente desenvolvía a súa actividade delituosa como integrante dun grupo criminal organizado con presenza en distintas provincias do Estado.

O agora detido adoptaba elevadas medias de seguridade e anonimización para dificultar a súa identificación, localización e detención, chegando a operar durante anos utilizando identidades falsas e documentación subtraída a terceiras persoas, algunha delas xa falecida.

Esta utilizaba esta documentación para abrir presencialmente contas bancarias e contratar cartóns SIM, ferramentas esenciais para a execución de estafas e para evitar deixar un rastro directo da súa actividade criminal. A detención practicouse durante o rexistro do inmoble no que residía actualmente na Coruña, onde os axentes interviñeron diversos dispositivos informáticos, teléfonos móbiles, cartóns SIM, documentación subtraída, cartóns bancarios a nome de terceiras persoas, un micro cámara espía e outros efectos relacionado coa actividade delituosa.

As pescudas realizadas no marco da cooperación policial apuntan a que o arrestado formaba parte dun grupo criminal estruturado en células distribuídas por distintas provincias da xeografía española, que lles permite executar múltiples ataques, dispersas rapidamente os fondos obtidos e dificultar a acción policial.

22 FEITOS DELITUOSOS

Ata o momento, os investigadores lograron esclarecer 22 feitos delituosos, logrando recuperar preto de 160.000 euros tras o bloqueo de distintas contas bancarias. O método empregado polo detido consistía principalmente na técnica coñecida como “man in the middle”, considerada unha das modalidades máis sofisticadas da ciberdelincuencia empresarial.

A través da interceptación de comunicacións reais entre empresas, principalmente mediante correo electrónico, os autores modificaban os números de contas bancarias sen levantar sospeitas, conseguindo desviar pagos a contas controladas pola organización criminal.

Para iso empregaban técnicas de enxeñaría social baseadas na manipulación e a xeración de confianza entre as vítimas. As pequenas e medianas empresas constitúen un obxectivo especialmente vulnerable debido á súa estrutura máis áxil, a menor implantación de protocolos de seguridade e a relación directa entre empregados e provedores.

Un correo electrónico aparentemente lexítimo, unha chamada realizada no momento adecuado ou unha falsa situación de urxencia eran suficientes para inducir ás vítimas a realizar transferencias bancarias que acababan nas contas controladas polos ciberdelincuentes. Ao detido atribúenselle os delitos de pertencía a grupo criminal, estafa continuada, descubrimento e revelación de segredos, falsificación de documentos privados, usurpación de estado civil e branqueo de capitais.

A investigación conxunta coordinada polo CITCO (centro intelixencia contra o terrorismo e crime organizado) e dirixida polo tribunal de instancia sección civil e de instrución, praza número 2 de Azpeitia (Gipuzkoa), continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Avanzan cara unha nova fase as obras de remodelación nos Cantóns

As obras de remodelación dos Cantóns enfilan unha nova fase de actuacións que, a inicios da semana que vén, se focalizará na rúa Santa Catalina e na súa contorna. A alcaldesa, Inés Rey, remarcou estes traballos, “necesarios para completar a pavimentación de Santa Catalina entre Durán Loriga e os Cantóns”.

Estas tarefas permitirán reconfigurar este tramo, que pasará a ser totalmente peonil, para darlle continuidade a un percorrido natural a pé desde a praza de Mina ata a rúa Real. A previsión da dirección de obra dos Cantóns é que os traballos nesta parte de Santa Catalina comecen o vindeiro luns 11 de maio, o que esixirá cortar o tráfico no acceso á rúa da Estrela ata o día 26 deste mes.

De todos os xeitos, manterase a accesibilidade peonil e, dado que a rúa da Estrela é zona de paso de servizos de carga e descarga dos establecementos hostaleiros e tamén hai garaxes, habilitarase un acceso provisional desde San Andrés.

A Xunta avala a planta de residuos en Arteixo no informe de impacto ambiental

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se fai público o informe de impacto ambiental do proxecto dun centro xestor de residuos na parroquia de A Pastoriza, no municipio de Arteixo.

En concreto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade recolle o informe relativo á valorización de residuos perigosos e non perigosos procedentes do desmantelamento de extintores e ao almacenamento de baterías.

Faino de conformidade coa normativa vixente en materia e en relación cun proxecto promovido na devandita parroquia do municipio coruñés por Aficon Seguridad y Contraincendios. O informe pódese consultar na web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ou de forma presencial nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

A Agra do Orzán rexeita o acordo entre o PSOE e BNG para a urbanización do Parque da Agra

Sorprendida ficou esta mañá a veciñanza da Agra do Orzán cando descubriu pola prensa o acordo de PSOE e BNG para sacar adiante a urbanización de 20 edificios de 6 alturas (400 novas vivendas) na zona do futuro Parque da Agra, no corazón do barrio con máis densidade de poboación da cidade. Os membros da Asociación de Veciños do barrio, despois de ter unha reunión cos dous grupos e outra hai un par de semanas co grupo de goberno, deixaban clara a súa postura, na que solicitaban a retirada cando menos de 4 bloques de vivendas na zona onde entenden que debe ir o parque, o demandado dende hai 40 anos Campo da Burra.

Porén, PSOE e BNG selaban onte un acordo para sacar adiante a moción da modificación puntual do PXOM do polígono urbanístico M-22 no vindeiro pleno do 14 de maio, despois do adiamento da votación no pasado pleno de abril, e da comprometida manifestación celebrada o pasado día 27.

Dende a Asoc. Agra do Orzán manteñen firme a súa postura. “Non nos satisface para nada, levamos 40 anos pelexando por iso e non imos agora afogar na ribeira”, sinala Ricardo Seixo. “Todo o mundo recolece que este barrio é un atentado urbanístico que se permitiu no seu día. Pero iso agora non importa, e propoñen facer borrón e conta nova, para seguir contarmos máis cemento. Non o imos aceptar. É débeda histórica da corporación municipal con este barrio e imos seguir loitando por ela”, sinala rotundo.

Redución de edificabilidade

O acordo rebaixa 2.000 metros cadrados a edificabilidade, o que supón a eliminación de 1 dos 4 bloques que pedía a veciñanza (o que está do lado de Pascual Veiga), e a redución de outro. “O importante é a redución da edificabilidade e o aumento das zonas verdes”, defende o BNG, que asegura ter conseguido que as vivendas que forman parte do novo polígono conten cu 40% de vivenda pública (unhas 85).

Con todo, unha das chaves é a separación das zonas urbanizables, unha vez que quedan fóra do novo polígono urbanístico (e eximido por sentenza xudicial da obriga de vivenda pública), as vivendas de Cebrián onde as Adoratrices. 

Sumar critica o acordo

Movemento Sumar Coruña criticou o acordo acadado entre o goberno local de Inés Rey
e o BNG de Avia Veira para sacar adiante a modificación, unha operación que consideran “desproporcionada” e afastada das necesidades reais da veciñanza dun dos barrios con maior densidade urbana da cidade.

A formación lembra que a existencia dunha sentenza xudicial “non pode utilizarse como escusa para avalar un modelo urbanístico que incrementa a edificabilidade e consolida unha operación claramente favorable aos intereses privados”. Neste sentido, sinalan que cumprir unha resolución xudicial “non implica aceptar sen máis o modelo concreto pactado entre PSOE e BNG”.

 

Máis novas do conflito

A veciñanza da Agra do Orzán prántase ante o plan para erguer 21 novos edificios no futuro Parque da Agra 

A AVV Agra rexeita o plan de urbanización e convoca unha manifestación para esixir “o parque que o barrio precisa”

Un coche envorcado en Ponte Pasaxe provoca retencións na entrada á cidade

Un coche envorcado en Ponte Pasaxe provocou retencións na entrada á cidade herculina desde o veciño municipio de Oleiros.

Segundo informou o 112, o suceso tivo lugar ao redor das 18.45 horas deste xoves e, aínda que nun primeiro momento pensouse que había feridos, finalmente non houbo que lamentar danos persoais.

Inés Rey e Alfonso Rueda presumen de acoller a empresa de apostas Luckia na Coruña

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asistiron este xoves á inauguración da nova sede de Luckia na Coruña. Alí, Rueda puxo en valor a “responsabilidade e conciencia” do grupo empresarial. A nova sede atópase no polígono de A Grela da cidade herculina, onde a comitiva autonómica foi recibida polo presidente de Luckia, José González Fuentes.

Na súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu a “responsabilidade e conciencia” que, dixo, caracterizan o grupo, que “sabe ben o que ten entre mans”. Nesa liña, subliñou que se trata dun sector que esixe unha “especial responsabilidade e conciencia”, tal e como o demostra o grupo.

“Sempre é un tema sensible, pero ben regulado, cumprindo as normas e sendo inflexibles coa esixencia e co seu cumprimento, e tendo xenerosidade e amplitude de miras, todo se pode facer. Cumprindo a lei e pensando nas persoas pódese chegar moi lonxe“, afirmou o presidente autonómico. Ao acto tamén asistiron outros representantes institucionais, como a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

A xustiza avala o acordo da Coruña coa empresa de Nostián e o PP acusa o Concello de “perdoarlle” 7,3 millóns

O voceiro do goberno local da Coruña e concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, o socialista José Manuel Lage, confirmou que a xustiza desestimou integramente a demanda presentada polo voceiro do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo, contra o acordo entre o Concello herculino e a empresa que xestiona a planta de lixo, Albada.

A demanda pedía anular o pacto alcanzado para saldar as débedas correspondentes ao período comprendido entre 2011 e 2015, mediante o pagamento de 8,3 millóns de euros. “Leccións do PP, ningunha”, afirmou Lage en rolda de prensa, onde defendeu que o goberno local coruñés actúa “con acertos e con erros”, pero sempre “pensando no interese xeral”.

O GOBERNO LOCAL DEFENDE QUE RECUPERA 8,3 MILLÓNS

Lage destacou que, grazas ao acordo, o Concello recupera 8,3 millóns de euros, fronte aos 15 millóns que inicialmente se reclamaban polo sobrecusto no tratamento dos refugallos. O voceiro municipal acusou o PP de utilizar neste caso a que, segundo dixo, é a súa “arma preferida”: “a mentira continuada para crear unha realidade paralela”. Así se referiu á demanda presentada polos populares, na que se pedía anular o acordo alegando que se fixera sen seguir o procedemento legal establecido.

O PP: “SERÁ LEGAL, PERO NON ÉTICO”

Fronte á satisfacción expresada polo goberno local, o voceiro do PP, Miguel Lorenzo, recoñeceu que o xulgado “di que o acordo é legal”, pero insistiu en que segue considerándoo unha “condonación” que non defende “o interese xeral da cidade”. “Será legal, pero non ético”, afirmou Lorenzo nun comunicado. O representante popular cuestionou directamente a decisión da alcaldesa, Inés Rey, ao preguntarse como pode “perdoar 7,3 millóns de euros de todos os coruñeses a unha empresa privada”.

UN CONFLITO POLÍTICO ARREDOR DA PLANTA DE LIXO

A resolución xudicial supón un respaldo ao procedemento seguido polo Concello no acordo con Albada, pero non pecha o debate político arredor da xestión da planta de lixo e das débedas acumuladas entre 2011 e 2015. Mentres o goberno local defende que o pacto permitiu recuperar unha cantidade relevante para as arcas municipais, o PP mantén que a operación supuxo renunciar a millóns de euros que, ao seu xuízo, correspondían aos veciños da Coruña. O caso queda así instalado nunha dobre lectura: a xudicial, que avala a legalidade do acordo, e a política, na que os populares seguirán presentándoo como unha decisión contraria ao interese xeral da cidade.

O Encontro Mundial do Humor clausura a súa sexta edición con máis de 20.000 espectadores

O Encontro Mundial do Humor (EMHU) clausura a súa sexta edición consolidando unha traxectoria que o converte nun referente absoluto no panorama nacional. Con máis de 20.000 espectadores que encheron os recintos da Coruña durante once días, o evento non só cumpriu as expectativas, senón que se reafirmou como a cita de artes escénicas máis importante de Galicia e o maior escaparate da comedia en España.

A programación do EMHU 2026 contou con arredor de vinte espectáculos e case unha ducia de actividades paralelas. Segundo os datos da organización, a maior parte do público procedía de Galicia (66%), con especial relevancia das cidades do Eixo Atlántico como A Coruña, Vigo e Santiago de Compostela.

O evento tamén confirmou a súa capacidade de atracción nacional, con asistentes chegados desde Madrid (case o 10%) e a Comunidade Valenciana (máis do 3%). Outras orixes destacadas foron Cataluña, Andalucía, Castela e León e Asturias. O público respondeu masivamente tanto ás grandes galas, como Humoris Causa, Christia Colectiva ou Fantastic Colofon, como ao resto da programación complementaria.

O EHMU supera o seu ecuador e afronta outra finde de vertixe