Inicio Blog Páxina 85

As traballadoras das grandes cadeas do téxtil volven protagonizar unha gran manifestación

Nova xornada de manifestación das traballadoras do gran comercio téxtil e de calzado. As rúas das 7 cidades galegas, incluídas A Coruña, viron unha nova manifestación co gallo da   xornada de folga convocada pola CIG en defensa das condicións laborais e para rexeitar o convenio estatal que propon a Asociación ARTE (a Asociación Retail Textil de España que agrupa ás grandes multinacionais como Inditex, H&M, Mango, Primark ou Tendam).

I é que, en paralelo, esta mañá tivo lugar outra xuntanza da mesa negociadora en Madrid, na que a patronal insistiu nas súas propostas regresivas e de recorte de dereitos. Unhas propostas que foron preacordadas polos sindicatos CCOO e Fetico, e aos que se poñen CIG e UGT.

Manifestacion CIG Traballadoras Textil 2

Roberto Pérez, representante da CIG-Servizos na comisión negociadora, explica que “se están facendo pequenos retoques” para intentar presentar como melloras “o que na realidade para as traballadoras Galiza non significaría nada porque son cuestións que xa están recollidas nos convenios provinciais”.
Así ocorre co recoñecemento do descanso de 15 minutos dentro da xornada laboral como tempo de traballo efectivo, pero empeorando o que contemplan os convenios provinciais xa que este dereito só se lle mantería ao persoal actual e non se lle aplicaría ás novas incorporacións.

A patronal tamén aclarou que entende por “consolidación” de horas complementarias o 30% da media das realizadas durante dous anos (excluíndo as motivadas por substitucións); considerou un esforzo enorme un 50% de incremento das horas extraordinarias, así como estabelecer o período de vacacións entre o 1 de xuño e o 30 de setembro. “Ningunha destas cuestións mellora as condicións actuais das traballadoras do comercio galego”, concluíu Pérez. As próximas reunións quedaron fixadas para o 27 e 28 de maio e o 2 de xuño.

Máis novas do conflito

 

Azúcar Moreno, Soraya e María Isabel encabezan as novas confirmacións do Atlantic Pride 2026

Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel e Jorge González súmanse ao cartel do Atlantic Pride 2026, que celebra a súa sétima edición do 5 ao 12 de xullo na cidade da Coruña. Segundo sinala a organización, a vindeira cita contará con propostas de pop, nostalxia, baile e cancións que se converteron en auténticos himnos para diversas xeracións.

Xunto a estas figuras do panorama musical, tamén confirmaron a súa presenza diversos DJ’s de referencia da escena estatal e galega, entre os que destacan Ouro Jondo, Dennis Moore, Paola, DJ Cés, DJ90, DJ Licho e DJ Flashback. Esta oferta electrónica complementará os concertos principais nunha edición que busca consolidar a cidade herculina como epicentro da diversidade durante o verán.

O ‘Orgullo do Norte’ reafírmase como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo. Esta iniciativa, que xurdiu na Coruña no ano 2019, ten como obxectivo principal reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade desde unha perspectiva lúdica. Ao longo dos seus sete anos de traxectoria, o certame logrou converterse nun referente grazas á súa capacidade para combinar a festa co compromiso social e a visibilidade do colectivo LGTBI+.

Participaron na presentación a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e os directores do Atlantic Pride, da Asociación Orgullo Coruña (ORCO), Iván Cervo, César Pérez e Luís Pazos. Xunto a eles, participaron tamén no acto a directora de Promoción de Turismo de Galicia, da Xunta de Galicia, Carmen Pita; a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; e o director de Activación en Iberia de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán.

Máis novas do festi

Atlantic Drag! Outro evento pioneiro no Atlantic Pride 2026

O Atlantic Pride álzase co Premio nacional á Contribución á Igualdade nos prestixiosos Iberian Festival Awards

Aberta a conexión entre as avenidas de Arteixo e a Sardiñeira para facilitar a mobilidade da Intermodal

Pensando xa apertura da Estación Intermodal, formulada para o final deste ano, o Concello realizou a apertura dun acceso á contorna da estación: o novo viario que conecta as avenidas de Arteixo e A Sardiñeira a través da Agra dos Mallos. Un xeito de facilitar a entrada e saída da cidade pola Grela e a estrada cara Arteixo e Carballo.

O Concello aproveitou a intervención na Agra dos Mallos para seguir trenzando os percorridos ciclables polo barrio, ampliándoo. No vial e a súa contorna súmanse 1.200 metros de carril-bici (500 no novo vial e 700 na avenida de Arteixo), que dan continuidade tanto ao treito existente entre avenida de Arteixo – Marineda e ao executado recentemente na avenida da Sardiñeira.

Ademais, ao longo do vial creáronse 49 prazas de estacionamento gratuíto en batería (dúas delas, PMR), que se suman ás xa existentes no aparcadoiro da explanada lindeira ao pavillón polideportivo da Sardiñeira, na zona do campo da feira, pero ás que non lles afectará o mercadillo do barrio.

Novos semáforos na Avenida de Arteixo

A obra tamén supuxo a creación dunha intersección semafórica, en forma de T, que permitirá contar cun acceso directo á área de intermodalidade desde a avenida de Arteixo en sentido saída da cidade.
Esta medida, adoptada polos servizos municipais tras a realización dun estudio de tráfico o ano pasado, estima mellores resultados no referente aos tempos de agarda con respecto ao plantexamento do proxecto inicial, que valoraba a construción dunha rotonda en forma de óvalo entre o novo vial da Agra dos Mallos e a avenida de Arteixo.

Boas novas para os frescos de Lugrís

A semana que vén teremos boas novas sobre a restauración e conservación das 12 pinturas murais que sobreviven aos temporaís, á ruína e ao desleixo das administracións no baixo e no entresollado do antigo restaurante Fornos. Dende In Nave Civitas e O Mural, que levamos dende xuño de 2021 solicitando que Concello e Xunta fagan algo, estamos convencidos de que, a máis tardar o próximo mércores, a alcaldesa da Coruña e o conselleiro de Cultura van dar unha rolda de prensa para anunciar un paso transcendental para «poñer en valor esta obra única e senlleira do patrimonio cultural de Galicia».

Seguro que os que nos leron ou escoitaron outras veces sendo pesimistas, se preguntarán a que se debe esta ilusa esperanza nas administracións. É sinxelo: O Mural e In Nave Civitas veñen de convocar á cidadanía toda e a movemento asociativo a unha asemblea aberta baixo o lema «Salvemos os frescos de Lugrís!» e cada vez que algunha entidade ou persoa protestou; cada vez que saiu un artigo asinado por xente autorizada; despois de cada día Lugrís, algún dos nosos políticos pediu espazo nas páxinas de cultura dos medios de comunicación para anunciar que comenzaban facer algo «con urxencia» para salvar os frescos. Ante unha cidadanía crítica e mobilizada, un anuncio político potente. A estratexía propagandística é simple, mais venlles funcionando dende a noite dos tempos.

Pero as actuacións urxentes anunciadas por Inés Rey, Gonzalo Castro, Alfonso Rueda, Román Rodríguez ou José López nestes últimos 5 anos diluíronse co avance do calendario. E, disimulen a futuroloxía amadora, o mesmo vai pasar coa que calquera deses mandatarios poida facer na vindeira semana. A única finalidade do seu anuncio será conseguir que pouca xente acuda a Asemblea.

Por iso, diga o que diga o Concello e a Xunta, celebraremos a xuntanza o vindeiro xoves, 14 de maio, ás 20:30 horas no Circo de Artesáns da Coruña para armar o que queremos que sexa o «derradeiro» acto cidadán para pedir que fagan algo dunha vez para salvar esta obra única da arte galega que esmorece ante os nosos ollos.Rodrigo-OSORIO-GUERRERO

Fican todos os lectores convidados a acudir a Asemblea para achegar imaxinación e folgos nesta reivindicación da ledicia e a beleza en tempos de escuridade e estupidez.

Máis novas

A Xunta volve lavar as mans e pon sobre o tellado do Concello a conservación dos murais de Lugrís da rúa Olmos

Tecendo tapabocas á espera das accións da Xunta e do Concello nos frescos de Lugrís…

MÁIS ARTIGOS DE RODRIGO OSORIO NO XDC

O BNG e Galiza Nova propoñen ampliar a bolsa municipal de vivendas en aluguer e mobilizar os pisos aleiros

Organizou o pasado venres o BNG e Galiza Nova da Coruña o acto “Garantir a Vivenda. Erradicar a Crise”. A candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, instou ao Goberno Local a que amplíe a bolsa municipal de vivendas en aluguer e a que faga un estudo do parque inmobiliario da cidade que permita saber con exactitude cantos pisos baleiros existen na Coruña, paso previo para a súa posta no mercado.

Estas son algunhas das propostas que se lanzaron neste acto no que tamén interviñeron Andrés López e Santiago Lamelo, da Plataforma Galega Vivenda Xa e da Plataforma polo Dereito á Vivenda, respectivamente, ben como tamén o concelleiro de Urbanismo de Santiago de Compostela, Iago Lestegás.

“O Goberno Local ten que facer un estudo do Parque Inmobiliario da cidade. Queremos saber en que situación se atopan as famosas 20 mil vivendas baleiras que hai na Coruña, en que situación de accesibilidade, de habilitabilidade, para as pór no mercado e aumentar a oferta de vivendas en aluguer”, afirmou Avia Veira.

“O da vivenda non é un problema xeracional, non afecta só a mocidade. É un problema transversal e atinxe sobre todo as persoas traballadoras. Hoxe na Coruña é practicamente imposíbel mercar un piso co salario normal dunha persoa traballadora. Desde o BNG imos traballar para termos unha Courña en que a xente poda vivir nos seus barrios”, engadiu.

A Xunta ten competencias exclusivas

Desde o Concello pódense despregar políticas que melloren a situación -entre elas citou a de facer de EMVSA unha empresa que honre o seu nome e teña como obxectivo principal aumentar a oferta de vivenda pública en aluguer-, mais as principais competencias na materia tenas a Xunta. “Así o indica o artigo 27.3 do Estatuto de Autonomía”, esclareceu.

Lamentou que o balance da Xunta do PP na nosa cidade sexa desolador. “Desde 2009, a Xunta de Feijoo primeiro e logo de Rueda só construíu 40 vivendas na Coruña. 40”.

Evalúan o estado de limpeza da praia de Gandarío

A familia da Asociación Mar de Fábula colaboraba este pasado venres coa Empresa TEIGA TMI -MMYPEM do polígono industrial de Bergondo, para coordinar unha limpeza da praia de Gandarío. Unha vintena de traballadores da empresa participaron na xornada que tamén serviu de avaliación do estado de saúde do area.

Un areal que na inspección previa hai 15 días estaba bastante limpa, pero que este pasado venres estaba ateigada de lixo. Durante hora e media, voluntarios e traballadores non tiveron acougo carrexando cara ao centro de operacións na praia, moreas de redes e cabos de feitura estraña, de malla grande e pequena, ás veces aparellos longos, todos cor da area, non feitas do habitual nylon ou material sintético senón como de algodón ou material antigo. Un total de 229 unidades de lixo, entre elas tamén 25 cabichas e 51 toalliñas húmidas.

O peso resultante foron 163 kilos, apenas unha mostra desta abraiante invasión. O concelleiro de Medio Ambiente de Bergondo, que en todo momento acompañou a limpeza, acordou investigar sobre cal podería ser a orixe desta brutal contaminación mariña.

Limpeza de Mar de Fabula en Gandario 3

Avaliación ambiental

Mar de Fábula fai así o seu exame ao areal. Tendo en conta que a praia de Gandarío ten uns 700 metros de lonxitude e o Valor de Umbral fixado polos Expertos da CE para considerar que a unha praia ten un BEA (Bo Estado Ambiental) é de 20 items >2,5 cm. por 100 metros lineais de praia. É dicir, teríamos que ter atopado 140 ítems en lugar dos 229, un 35 % máis do límite fixado. E ísto, facendo abstracción da brutal invasión das redes e cabos antes mencionadas, recoñecen.

Limpeza de Mar de Fabula en Gandario 3

Máis novas

Unha limpeza global con epicentro en Santa Cruz

O Areal da Torre, un pouco máis limpo gracias aos salvadores do CIS e de Mar de Fábula

 

Tres persoas reciben atención sanitaria na Coruña tras un accidente de tráfico en Alfonso Molina e un incendio na rúa Panadeiras

0

Dous sucesos distintos mantiveron en alerta os servizos de emerxencia da Coruña durante a mañá desta xornada. O primeiro deles, un accidente de tráfico; o segundo, un lume nun inmoble do centro urbano. En total, tres persoas recibiron atención sanitaria, unha delas con necesidade de traslado hospitalario.

COLISIÓN FRONTAL NA AC-11

Pasadas as 11:00 horas, dous turismos colisionaron frontalmente na avenida de Alfonso Molina, a vía pola que discorre a estrada AC-11, á altura do núcleo de Santa Gema. O accidente, do que informaron fontes municipais ao 112, afectou á circulación na zona. Como consecuencia do sinistro, unha persoa resultou ferida leve e tivo que ser trasladada a un centro hospitalario para recibir atención médica.

INCENDIO NA RÚA PANADEIRAS

Aproximadamente dúas horas antes, arredor das 09.00 horas, os Bombeiros da Coruña acudiron a un edificio situado na rúa Panadeiras tras declararse un incendio no seu interior. Os efectivos desplazados ao lugar comunicaron ao 112 que o orixe do lume foi a combustión dunha manta térmica.

Como consecuencia do suceso, dúas persoas de idade avanzada precisaron ser atendidas polos servizos sanitarios no propio lugar dos feitos por inhalación de fume. Segundo a información trasladada dende o 112, en ningún dos dous casos foi necesario o traslado a un centro hospitalario.

O comercio Xusto celebra 40 anos en España e 21 na Coruña

0

Hai pouco cumpliron 20 anos en Galicia, pero en realidade as entidades que formamos parte do movemento polo Comercio Xusto no Estado español celebramos catro décadas de traballo conxunto promovendo un modelo comercial baseado na equidade, a sustentabilidade e o respecto aos dereitos humanos e ao medio ambiente.

Así o resalta a entidade Solidariedade Internacional Galicia, que quere celebrerar os “40 anos de Comercio xusto: Un modelo que transforma o mundo”. A entidade celebra o Día Mundial do Comercio Xusto, que se celebrará hoxe 9 de maio, con diferentes accións nas súas tendas e canles de comunicación ao longo de toda a semana, co obxectivo de achegar á cidadanía as historias que hai detrás de cada produto e poñer en valor o impacto das decisións de consumo.

“O Comercio Xusto garante condicións laborais dignas, salarios xustos e prezos estables para as persoas produtoras, ademais de promover a igualdade de xénero, a loita contra a explotación infantil e o respecto polo medio ambiente. Cada produto é unha ferramenta de cambio que conecta o consumo diario co impacto global”.

O movemento de Comercio Xusto, articulado a través da Coordinadora Estatal de Comercio Xusto, consolidouse como un modelo solidario alternativo recoñecido pola recente Lei Integral da Economía Social. Desde a apertura da primeira tenda especializada en 1986, a rede conta hoxe con decenas de tendas e puntos de venda en todo o Estado, traballando con organizacións produtoras de América Latina, África e Asia.

Ademais, nos últimos anos, o Comercio Xusto tamén está a impulsar cambios nas cadeas de produción locais, promovendo condicións máis xustas tamén no ámbito estatal.

Paralelamente, as organizacións de Comercio Xusto desenvolven un importante labor de sensibilización social, especialmente a través do traballo en centros educativos e campañas de consumo responsable, contribuíndo a formar unha cidadanía crítica e comprometida.

O Consumo, o noso meirande voto

O Día Mundial do Comercio Xusto celébrase cada ano co obxectivo de reivindicar un modelo económico máis xusto e sostible, lembrando que a través das nosas eleccións de compra tamén podemos contribuír á transformación social.

 

Solidariedade Internacional celebrou 20 anos da tenda de comercio xusto de San Andrés

A Rede Acampa pola Paz, obrigada a disolver a súa actividade en Galicia

A Cruz Vermella celebrou o seu Día Mundial na Coruña cunha gran singular foto na Matadoiro

O persoal da Cruz Vermella na Coruña celebrou encheu este venres de vermello a praia do Matadero facéndose unha foto singular

Formando unha cruz na area, visible dende o paseo marítimo e rechamante pola cor vermella das camisetas dos participantes, o persoal recoñece así o compromiso dos 1.298 voluntarios e a confianza das 28.256 persoas e organizacións colaboradoras que, ao longo de 2025, fixeron posible o traballo da Cruz Vermella na provincia da Coruña. Grazas a este traballo, 29.310 persoas recibiron asistencia.

O evento, que a Cruz Vermella organiza cada ano con motivo do seu Día Mundial, é unha oportunidade para render homenaxe a quen sostén a acción humanitaria en todo o mundo.

Dez acusados afrontan 40 anos de prisión en total polo branqueo de capitais a través da compravenda de centos de coches durante unha década

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña ten previsto celebrar esta semana, en concreto os días mércores e xoves, o xuízo oral contra dez persoas acusadas de integrar unha rede dedicada ao branqueo de capitais mediante operacións de compra e venda de automóbiles. O Ministerio Fiscal solicita para cada un dos imputados unha condena de catro anos de cárcere —dous e medio polo delito de branqueo e un ano e medio por pertenza a grupo criminal—, o que eleva a 40 anos a suma total das penas reclamadas. A iso engádense multas individuais de 265.000 euros para cada un dos procesados.

Segundo o escrito de acusación, o esquema delituoso tería as súas raíces nun conxunto de infraccións previas —furtos, roubos, estafas e apropiación indebida— cometidas de xeito reiterado ao longo de dez anos, entre 2009 e 2019. Os fondos obtidos por esas vías ilícitas serían reinvertidos posteriormente na adquisición e posterior venda de vehículos de motor, un mecanismo que permitía, segundo sostén a Fiscalía, integrar ese diñeiro no circuíto económico ordinario e disimular a súa procedencia.

O escrito fiscal describe unha estrutura na que dous dos acusados asumirían un papel director, centralizando as xestións do grupo. Como parte da estratexia de encubrimento, numerosos vehículos aparecían rexistrados formalmente a nome dunha das procesadas, sen que isto respondese á realidade das operacións. A Fiscalía subliña, ademais, que na actividade da rede participaron familiares e terceiros que colaboraron facilitando trámites administrativos e documentación, e que en determinadas circunstancias se recorreu incluso á utilización dun menor de idade.

O volume de operacións atribuído a algúns dos imputados resulta especialmente salientable. Unha das acusadas figuraba como compradora de 126 vehículos nun período de cinco anos, entre 2012 e 2017, sen que os seus ingresos declarados puidesen xustificar semellante actividade. Outro dos principais investigados aparece vinculado á adquisición de catro automóbiles en circunstancias análogas.

O REXISTRO EN CARBALLO

Un punto de inflexión na investigación chegou en decembro de 2017, cando axentes policiais practicaron un rexistro nun domicilio do concello de Carballo, na provincia da Coruña. No interior do inmoble localizaron máis dun cento de contratos de compravenda, así como outra documentación que, segundo a acusación, habería sido elaborada expresamente co propósito de ocultar a identidade real das persoas que facían uso dos vehículos. Este material constituiría, a xuízo do Ministerio Público, un dos elementos probatorios centrais do caso.