InicioA CORUÑAOlladas doutro tempo: Lavadoiro do Orzán

Olladas doutro tempo: Lavadoiro do Orzán

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Ninguén que vexa esta imaxe por primeira vez pensaría que este fermoso edificio estaba adicado a unha función tan común coma a de lavar a roupa. Non sei se ten que ver con isto o puntiño de fachenda tan típico da nosa cidade ou é que nesa época o Concello estaba decidido a dotar á cidadanía de equipamentos e instalacións de primeira calidade. O caso é que coa necesidade de construir un novo lavadoiro, e con Pedro Mariño coma arquitecto municipal, semella que todo era posible.

Pero a súa historia vén de moi atrás. A mediados do século XIX a xente ía lavar a roupa ós lavadoiros das fontes de San Andrés e Santa Catalina, lugares xa bastante ateigados, con fías de augadoras e de particulares para recoller auga durante todo o día. Ante as protestas dos veciños, o Concello decide en 1866 suprimir eses pequenos lavadoiros e construir un novo a carón do Caramanchón. Anos máis tarde proxectaríase outro no Parrote.

O Caramanchón era parte da Fronte de Terra, a muralla que discorría pola actual rúa Juana de Vega. Nesa muralla abríanse dúas portas de acceso á cidade: a da Torre de Arriba e a da Torre de Abaixo. O forte do Caramanchón ocupaba boa parte da actual Praza de Pontevedra, e antigamente defendía a porta da Torre de Arriba, a cal daba paso ó barrio da Pescadería pola rúa de San Andrés. O devandito lavadoiro do Caramanchón dispoñía dunha pía de mármore branco italiano, con capacidade para 30.000 litros, pero non tivo unha vida moi longa, pois todo ese espazo vaise renovar totalmente, ubicando alí o grupo escolar Eusebio da Guarda e acondicionando unha praza. Isto implica a desaparición tanto do lavadoiro coma dos restos da fortificación. Será entón cando Pedro Mariño debuxará os planos do edificio que vemos na imaxe, o cal será construido durante a primeira década do século XX.

O lugar elexido para o emplazamento do novo lavadoiro non distará moito do anterior, apenas douscentos metros, e moi preto da praia do Orzán, da que tomará o nome. As persoas da dereita da imaxe estarían na actual rúa Comandante Fontanes, mentres que os homes de negro da esquerda agora mesmo pasearían pola rúa Fiscal Gómez Naveira. O novo edificio será o mellor e máis grande lavadoiro que viu nunca a cidade, ocupando unha superficie de 280 metros cadrados, construido en ladrillo e madeira. Tiña dúas plantas, na baixa estaban as pías de lavado, a escaleira e o claustro, mentres a primeira planta empregábase coma secadoiro. A súa estética non pasaba desapercibida, os arcos de ferradura da súa decoración ou as esquinas rematadas con catro torres semellaban darlle importancia á súa labor hixiénica. Na fachada lateral sur, tiña anexa unha fonte de mármore branco de Carrara, a cal podemos apreciar á dereita da fotografía. Contaba con dúas enormes pías de lavado, cun total de 100.000 litros de auga que era renovada catro veces ó día. Non debeu ter unhas boas labores de mantemento, xa que no ano 1930 ábrese un expediente para a reparación ante o seu mal estado. Sería derrubado finalmente no ano 1966, deixando paso a un bloque de vivendas.

O resto dos lavadoiros da cidade, moito máis modestos, tamén van languidecendo pouco a pouco co avance do século XX. Estes lugares tiveron unha grande importancia sociolóxica e funcional, sendo un exemplo da mellora da vida cotiá no entorno urbano. Os poucos lavadoiros que chegaron ata os nosos días, algúns moi deteriorados, son testigos dunha época onde dispoñer de auga non era tan sinxelo coma hoxe. Cada vez menos empregados e en peores condicións, a maioría foi desaparecendo ó mesmo ritmo que as vivendas da cidade engánchanse á traída de auga. Tamén vanse diluíndo co pasar das décadas as profesións vinculadas coa auga, coma lavandeiras ou augadoras. Algo que semella moi probable que volva a acontecer no futuro con moitas profesións actuais.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here