InicioA CORUÑAOlladas doutro tempo: Peixeiras no muro

Olladas doutro tempo: Peixeiras no muro

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Coruña existe polo seu porto. Éste inflúe ó longo da Historia sobre o desenrolo da cidade en tódolos ámbitos: económico, urbanístico, demográfico, e tamén social, pois incide en grande medida sobre o carácter e mentalidade dos seus habitantes. Non debemos esquecer que séculos atrás os portos de mar eran os principais puntos de comunicación por onde saían e chegaban non só mercadorías ou persoas de diversos lugares, senón tamén todo tipo de noticias, ideas ou avances tecnolóxicos. Ubicada nun ángulo da Península Ibérica, facendo de bisagra entre o Cantábrico e o Atlántico, na bahía coruñesa buscaron refuxio ó longo da Historia todo tipo de embarcacións que comunicaban o Mar do Norte e o Mediterráneo. Ese contacto constante con distintas realidades nacionais e internacionais deulle á nosa urbe certo aire cosmopolita e foi forxando unha mentalidade aberta.

Dende a Idade Media ata o Século das Luces as instalacións portuarias eran practicamente inexistentes. Os barcos de certa envergadura fondeábanse na bahía pola escasa profundidade, mentres nas praias do Cantón, da Mariña ou do Parrote varábanse as lanchas. E a Porta do Parrote, a principal en relación co porto, era a sinalada para a carga e descarga dos navíos. Será no século XVIII cando desaparezan gran parte destes arenais, substituidos polas primeiras infraestructuras importantes, un parapeto de pedra con varias rampas portuarias que facilitaban moito as actividades pesqueiras e comerciais. O parecido destas construcións cos muros convencionais foi o que levou a nomear os peiraos desta forma xa no século XIX, coma sostén o filólogo Iván Méndez. O porto coruñés era enorme en comparación con outras vilas mariñeiras, polo que era necesario diferenciar as zonas e falábase do Muro de Garás, o Muro da Palloza… Pero será a inicios do século XX cando o termo Muro vaise especializar para nomear a zona de descarga do peixe, a carón do barrio mariñeiro de Santa Lucía e a Palloza.

Xusto na zona da que estamos a falar é onde foron inmortalizadas estas dúas traballadoras. Pedro Ferrer era capaz de destacar coma poucos a parte emocional, facendo case inevitable empatizar coas persoas que protagonizan as súas fotografías. Neste caso son dúas rapazas novas, cargando cestos baleiros que aínda cheiran a peixe. Son precisamente eses enormes cestos, tan protagonistas do encuadre coma as propias mozas, os que están a resaltar a dureza do seu traballo cotiá. É unha imaxe chea de forza que amosa as condicións laborais de inicios do século XX. Condicións ás veces levadas ata o límite, coas clases dirixentes tensando a corda ata que xa non se pode máis.

Ata catrocentas mulleres coma elas paralizaron o porto durante varios días en 1903, protestando contra a inxusta subida do imposto de consumos. As peixeiras mercaban o producto por pezas, segundo as taxas de cada especie, e despois o vendían polas rúas e prazas. Pero en febreiro dese ano cambiou o sistema, gravándose cada especie ó peso. A medida levaría á ruina a todo o colectivo. O encarecemento do producto era enorme e afectaba en maior medida ós tipos de peixe que máis consumían as familias pobres, coma a parrocha. Os maioristas, pola contra, estaban exentos da pesaxe das pezas. O historiador Xosé Alfeirán relata os feitos en varios dos seus interesantísimos artigos da serie “Historias con historia”. Escoitáronse gritos de protesta e víronse bágoas de rabia na rampa de Garás no primeiro día que entrou en vigor a medida.

Traiñeiras cargadas de peixe foron rexeitadas nesa rampa ou na de Montoto ó día seguinte, sendo imposible a descarga pola presión das numerosas peixeiras que recibían as embarcacións con gritos e ameazas. O sindicato de traiñeiros convocou unha reunión á que acudiron moitas delas. Alí acordaron loitar xuntos. Os traiñeiros non sairían a pescar e as peixeiras impedirían descargar peixe para vender na cidade. Días despois o Concello buscou solución ó problema renunciando á parte que lle correspondía da taxa e fixo retirar as básculas. Non sabemos se precisamente esas dúas mulleres da imaxe participaron na revolta, pero o que temos moi claro é que o seu colectivo non se deixou asoballar.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Usuarios dos cursos dos Programa de Lecer do Fórum e do Ágora pregúntanse pola posible suspensión das asamblearias viaxes culturais

Certo malestar vívese estas semanas entre os centos de usuarios dos Cursos do Programa...

14 UTEs que engloban a 78 empresas (só 8 da comarca) optan ao concurso de deseño da fachada marítima coruñesa

Un total de 14 UTEs, que engloban a 78 empresas do ámbito internacional e...

Unha clase de zumba en María Pita para deixar claras as demandas do persoal das Escolas Deportivas Municipais

Nova mobilización esta mañá de xoves 27 de novembro do persoal das Escolas Deportivas...

Outro xoves ás portas do Concello de Cambre

Suma e seguen os xoves que os traballadores do Concello de Cambre paran máquinas...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here