Máis de cento corenta anos sepárannos desta imaxe, tomada no lugar onde desembocaba o Camiño de Garás para adentrarse na zona urbana. Se Valentín Mendía tentase colocar a súa cámara hoxe en día no mesmo punto, impediríallo o denso tráfico da zona, con vehículos cruzando cara tódalas direccións nesa importante encrucillada onde conflúen as rúas Picavia e Sánchez Bregua -as que se aprecian na fotografía- ca Praza de Ourense máis a esquerda, a Avenida do Porto máis á dereita e o arranque da Avenida de Linares Rivas na dirección oposta á vista. Pero en 1883 a zona era moito máis tranquila e fermosa, coma vemos nesta instantánea que nos leva ata esa Coruña de espazosas rúas e flamantes edificios, transmitindo esa imaxe de cidade aberta e moderna. Tan só catorce anos atrás derrubárase o Fronte de Terra. Antes diso temos que imaxinar a entrada á cidade sorteando foxos, terrapléns e incluso cruzando unha ponte levadiza con cadeas baixo a mirada dos macizos baluartes e muros defensivos.
No momento da captura xa non era necesario atravesala para acceder ó interior da urbe, pero a antiga porta da muralla aínda nomeaba o lugar. Ubicada entre a Praza de Ourense e a Praza de Mina, probablemente á metade da rúa Sánchez Bregua, á altura aproximada das dúas mulleres con cestos que se aprecian á dereita da imaxe. As únicas chaves que se conservan das murallas coruñesas abrían precisamente esa porta. Pero non as temos aquí, están en Gran Bretaña.
A historia desas chaves ten que ver coa guerra da Independencia, en concreto coa Batalla de Elviña, en Xaneiro de 1809. Moi resumidamente, o exército británico tentaba chegar ó porto coruñés para embarcar as súas tropas e fuxir da Península, incapaces de frear ó exército francés. O problema foi que a flota inglesa non chegou a tempo para sacalos de aquí, e mentres agardaban a chegada dos barcos, víronse na obriga de presentar batalla fronte ó exército perseguidor. O xeneral escocés Sir John Moore ideou unha intelixente e disimulada manobra de repregamento e reembarque que permitiu salvar á gran maioría dos seus efectivos. Os derradeiros en embarcar foron os membros do corpo de Fusileiros de Gales, comandados polo capitán Thomas Fletcher. Él sería o encargado de fechar a porta ás presas, co estrondo da artillería francesa de fondo e as tropas inimigas achegándose tras descubrir o engano. Non sabemos se foi motivado pola presión do momento ou pola famosa tendencia dos británicos a levarse recordos para a súa terra, pero o caso é que embarcou de volta a casa coas chaves da cidade. Na actualidade permanecen expostas no Royal Welch Fusiliers Regimental Museum, con sede no castelo de Caernarvon, en Gales. As tentativas de recuperación das chaves orixinais non tiveron éxito e ata o momento nos temos que conformar coa réplica exacta, que podemos ver no Museo Militar. Pero tamén parece xusto pensar que, de ter quedado aquí, as chaves probablemente non se conservarían a día de hoxe.
Ademais das chaves, tampouco fomos capaces de manter ata hoxe o encanto de moitos conxuntos urbáns que agora botamos de menos mirando fotografías coma esta. Na parte superior destaca a arquitectura coruñesa de finais do século dezanove, cos vidros das súas galerías lucindo dun xeito case irreal nesta imaxe, coma se estivesen debuxados. E abaixo, xurde a vida a pé de rúa. As persoas que quixeron sair na fotografía quedaron inmóviles nese preciso intre e por iso están ben enfocados. Tamén están os que, conscientes ou non, continuaron o seu camiño, perdéndose no recordo convertidos nun borrón. A medio camiño entre os dous están as atarefadas mulleres que levan cestos enriba da cabeza e seguen ó seu, percorrendo a diagonal que trazan as árbores, esa liña tan ben encadrada polo xenio de Mendía e que embelece aínda máis a imaxe. Esa liña de árbores que marca a dirección de entrada á cidade ata perderse no infinito da imaxinación.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.
OLLADAS DOUTRO TEMPO
- San Amaro (1920).
- “Orzán, oleaxe”.
- Campo da Derruba.
- Avda. Da Mariña (1858). A foto máis antiga da Coruña.
- Camiño de Garás.
- SANTO DOMINGO DENDE CORTADURÍA.
- CASA GÓTICA
- San Andrés con Santa Catalina.
- Porta do Parrote.
- San Francisco e A Maestranza.
- Cantón Grande.
- Praza de Mina. 1906.
- San Andrés. Avrillón.
- Praia do Parrote e Cárcere Real.
- Mercado do Peixe. San Agustín.
- Santa Catalina.
- Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán.
- Fábrica de Tabacos.
- Banco Pastor.
- Mercado da Guarda.
- Panorámicas e vidros.
- O Xardín de San Carlos.
- Pazo Municipal.
- Campo do Carballo e Camiño Novo.
- O Campo da Estrada e o Aviador.
- Lavadoiro do Orzán.
- Porta dos Sares.
- Torre de Hércules (I)
- Peixeiras no muro.
- Torre de Hércules (II).