InicioBARRIOSOlladas doutro tempo: O Corralón da Gaiteira

Olladas doutro tempo: O Corralón da Gaiteira

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Vivimos nunha época na que practicar deporte é moi doado. Os organismos oficiais levan décadas promovendo a vida saudable a través do exercicio físico e para iso foise creando unha rede de instalacións coas que achegar o deporte á maior porcentaxe posible da poboación. En cada escola hay pistas deportivas con porterías e canastras, en cada barrio da cidade hai pavillóns, piscinas ou campos de fútbol, por non falar dos innumerables clubes e ximnasios que podemos atopar por todas partes. Isto non era así a inicios do século XX, cando comezaba a espallarse a exótica moda de xogar a un novo deporte que chegaba de Inglaterra.

Os primeiros “matches de foot-ball” que se disputaron na Coruña tiveron lugar na praza de touros e no Corralón da Gaiteira. Neste último tamén quedaron documentadas competicións hípicas e ciclistas. A localización exacta deste antecedente das instalacións polideportivas pode variar moito segundo a quen lle preguntes, xa que é doado confundir o corralón de vivendas que estaba ubicado entre as rúas Gaiteira, San Diego e Petín co lugar do que estamos a falar. Este estaba situado entre o actual Parque Europa e a Fábrica de Tabacos. Chamábanlle da Gaiteira ou da Palloza, e tratábase dun soar moi espazoso, rectangular, rodeado de muros de pedra, onde era habitual que os barcos que transportaban reses as descargaran alí.

A febre polo novo xogo británico calou nos deportistas do famoso ximnasio a Sala Calvet, situado na rúa Galera e dirixido por Federico Fernández-Amor Calvet. En 1906 algúns dos usuarios do establecemento organizáronse para xogar encontros amistosos baixo o nome de Clube Deportivo da Sala Calvet. Estaba a nacer o Deportivo da Coruña, aínda que nese momento nin era Real, nin vestía de branquiazul, nin sequera levaba o nome da cidade. Pois así era coma se chamaba o seu rival dos primeiros encontros: o Coruña. A mágoa é que non temos imaxes deses partidos.

A primeira fotografía da centenaria historia do Deportivo tomaríaa o fotógrafo coruñés Pedro Ferrer o 24 de agosto de 1907 no Corralón da Gaiteira. Aparece rotulada coma “Festexos da Coruña”, xa que durante as festas de agosto dese ano disputáronse tres partidos de fútbol correspondentes ó Campionato de Galicia e Asturias. Pero os equipos asturianos non compareceron e tan só participaron o Deportivo da Sala Calvet, o Pontevedra Sporting Club e o Fortuna de Vigo, xerme do Real Clube Celta, que finalmente sería o vencedor dese torneo. A imaxe corresponde ó encontro Deportivo – Pontevedra. Os coruñeses xogan con pantalón negro e camisola gris, mentres os pontevedreses visten pantalón negro e camisola a raias verdes e brancas. O resultado foi de 1-2 para o Pontevedra, e o gol do Deportivo anotouno Virxilio Rodríguez Rincón, que probablemente sexa quen está a conducir o balón na fotografía de Ferrer.

Nela tamén podemos observar parte do público, tanto homes coma mulleres elegantemente vestidos e adornados con sombreiros. Están nunha pequena bancada de madeira de non máis de catro ou cinco chanzos, de costas á Fábrica de Tabacos, seguindo con atención un partido entre deportistas afeccionados, sen imaxinar sequera que ese equipo acabaría xogando ante milleiros de espectadores e competindo contra os mellores de toda Europa. Faltaba moito para as xenialidades de Chacho, para os voos de Acuña ou para que Arsenio se convertise en lenda do clube. Aínda non había Bebetos, nin Mauros, nin Djalmas que trouxeran a maxia dende máis alá  do mar, pero xa estaba alí xogando o equipo que levaría o nome da cidade polo mundo adiante.

O Corralón da Gaiteira desapareceu en 1934, dando paso a edificios de vivendas, pero o Deportivo xa levaba tempo xogando noutro lugar. Dende 1909 disputaba os seus partidos coma local no chamado Parque de Riazor, moi próximo ó estadio actual, xusto nos terreos que ocupa hoxe en día o colexio As Escravas. Pero iso xa é outra historia.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

A alcaldesa da Coruña reivindica a importancia do liderado feminino nas políticas públicas

A alcaldesa da Coruña, a socialista Inés Rey, reivindicou a importancia do liderado feminino...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here