InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Torre de Hércules (III)

Olladas doutro tempo: Torre de Hércules (III)

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

Vén de:

— —- —-

O faro máis antigo do mundo non sempre funcionou coma tal. Na Idade Media a Torre de Hércules perdeu a súa función orixinal, xa que o colapso do Imperio Romano de occidente trouxo consigo a despoboación da nosa cidade, coma moitas outras, nun proceso de perda de importancia do mundo urbano. A nova tendencia ó rural da sociedade medieval tamén provocou a decadencia do tráfico marítimo. Temos moi poucas referencias históricas desa época, pero todo indica que a Torre viuse condenada ó abandono durante varios séculos. Haberá que agardar ata o século XI para que o edificio volva a ter utilidade. Grazas á súa privilexiada situación, perfecta para as labores de vixilancia da costa, empregouse coma fortaleza e atalaia. Para esos efectos construiuse adosada á parede do faro un pequeno edificio empregado probablemente coma cociña.

A comezos do século XIII a cidade rexurde co novo nome de Crunia, pero a Torre vai seguir funcionando coma vixía ata o século XVII. Será entón cando o impulso cada vez maior do comercio marítimo propiciou o uso da Torre outra vez coma faro. Perforáronse as bóvedas para poder pasar unha escaleira interior de madeira, mentres que na cima costruíronse dous torreóns de pedra para soportar os farois que volverían a guiar ós barcos pola noite. Este aspecto da Torre é o que podemos observar no escudo que porta a estatua de Neptuno na fonte da praza de Santa Catalina.

Pero a restauración más importante de toda a súa historia chegaría a finais do século XVIII. Entre 1788 e 1791 a Torre acadou o aspecto que vemos hoxe en día. As obras foron dirixidas polo enxeñeiro extremeño Eustaquio Giannini, aconsellado polo ilustrado coruñés Xosé Cornide, a primeira persona que estudou en profundidade o monumento, publicando a obra: “Investigacións sobre a fundacion e fábrica da Torre chamada de Hércules, situada á entrada do porto da Coruña”. A reforma acometida por este equipo multidisciplinar foi exemplar e enormemente innovadora para a súa época, xa que non só restituíron ó edificio a súa funcionalidade, senón que procuraron conservar a obra orixinal. Protexeron a potente arquitectura romana cun envoltorio de granito de medio metro de grosor, que integra na súa nova simetría neoclásica unha faixa helicoidal. Esta liña diagonal recorda o percorrido da antiga rampla de subida ó longo das catro fachadas, ademáis de converterse nun dos elementos máis característicos do edificio. Completaron o novo traxe co vistoso remate sobre o que se sitúa a lanterna. Tamén se cambiou a escaleira interior de madeira da anterior reforma por unha nova de pedra. É moi destacable o feito de sinalar con anacos de pedra de cor negra tódalas zonas nas que foi necesario intervir para deixar claro, cun criterio case contemporáneo, todo o que é orixinal e o que se modifica dalgún xeito nese momento. Unha obra de referencia á altura da importancia do edificio restaurado, ó que salvaron do deterioro e a ruína.

Ó longo de dous milenios o noso faro viviu historias de todo tipo. A modo de anécdota cabe recordar que no ano 1851 bota a andar en España a Escola de Torreiros de Faros, sendo a Torre de Hércules o lugar escollido para impartir esos estudos. No antigo monumento romano estudaron ata cento cincuenta alumnos. Dirixía a escola o reloxeiro e piloto da mariña mercante Agustín Antelo, quen procuraba que os futuros fareiros fosen educados en teoría e nomenclatura, practicaran con lámpadas de reloxería e aprenderan a reparar avarías. Tamén se formaban en aritmética, meteoroloxía e redacción de documentos oficiais. Ademáis de todo iso facían gardas nocturnas co fareiro. Pero isto tan só durou tres anos, pois en 1854 a Escola de Torreiros foi trasladada ó Faro de Machichaco, en Euskadi. Non sería a derradeira sede nin o traslado máis sorprendente. Dez anos máis tarde a escola pasará a Madrid, cidade con escasa tradición costeira. Semella unha medida pouco meditada e caciquil, desas típicas decisións descontextualizadas tomadas dende un despacho. A historia de sempre.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Nova protesta das mariscadoras da ría do Burgo para pedir solucións mentres non poidan faenar

Mariscadores e mariscadoras da ría do Burgo secundaron este venres unha nova concentración, ante...

Atopan mortas en menos de media hora a dúas persoas de idade avanzada na Coruña

Dúas persoas de idade avanzada foron localizadas mortas nos seus domicilios en menos de...

Dous detidos na desarticulación dun punto de venda de cocaína e haxix nun piso de Arteixo

Dúas persoas foron detidas na desarticulación por parte da Garda Civil dun punto de...

Enrique Tenreiro, o escultor que pintou na tumba de Franco, abandona o seu peche no escaparate da rúa San Andrés

O escultor coruñés Enrique Tenreiro, que pintou en outubro de 2018 unha pomba na...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here