InicioA CORUÑAAs 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000...

As 10 promocións urbanísticas formuladas na Coruña prevén a construción de 18.000 novas vivendas

Publicada o

Por Ubaldo Cerqueiro

Levamos dende a creación deste diario fixándonos na política urbanística do grupo de goberno. Unha política que leva rescatando nesta lexislatura proxectos propios dos anos 90, e que está a cambiar a fisionomía da cidade. Dende o PSOE e PP avogan pola necesidade de construír vivenda nova, que axude a moderar o alto prezo do mercado inmobiliario, sinalando ademais a necesidade de erguer vivenda protexida.

“O urbanismo é a gran cuestión sobre onde te posicionas politiciamente do lado dos especuladores ou do cambio de paradigma urbanístico”, ten sinalado a Plataforma Defensa do Común, que non compra a excusa da vivenda social, pois na meirande parte dos proxectos que imos analizar non supera o 10% (agás casos puntuais como as Percebeiras, fixado nun 40% ou Monte Alfeirán, un 30%), a pesar de que haia unhas 3.000 persoas demandantes de vivenda protexida na cidade.
“A realidade é que esa política urbanística supón unha clara contradición coas estratexias de sustentabilidade e ante o cambio climático que asegura promover o grupo socialista”, sinalan.

Todo, nesta Coruña, a cidade das 20.000 vivendas baleiras (un 15% das totais) na que os “delirios urbanísticos” son prioritarios á rehabilitación, favorecendo a especulación do noso solo.

10 proxectos en marcha

Facemos así un repaso aos proxectos urbanísticos que hai en marcha, dende o “delirio de Visma-A Gramela”, pasando pola Maestranza, Santo Amaro, As Xubias, Labañou, Castrillón-Eirís, Xuxán, San Diego, ata os últimos anunciados estas pasadas semanas, un pola Xunta, Monte Mero, e outro o Concello, Monte Alfeirán.

10 proxectos que suporían, segundo as cifras colleitadas por XdC, un total de 18.000 novas vivendas na próxima década. Unha cifra que suporía a chegada de 42.000 novos habitantes á cidade (tendo en conta o que o tamaño medio dos fogares da provincia é de 2,4 habitantes por vivenda segundo o INE) nunha cidade que leva estanca entre os 241.000 e os 247.000 habitantes dende o ano 2000.

1. Visma – A Gramela: 3.600 vivendas

Primeiro edificio da urbanizacion de San Pedro de Visma-Residencial Caleida-EloyTP
Así será o primeiro edificio da urbanizacion de San Pedro de Visma, a Residencial Caleida

Avanzan as depredadoras obras dun dos que puido ser o novo pulmón verde do barrio da Agra do Orzán. O o maior “delirio urbanístico” da cidade, como o definen moitos urbanistas, que mesmo vai engulir o único colexio rural que nos quedaba, prevén a creación de ata 3.600 vivendas en 30 edificios, algúns de ata 17 alturas. Un proxecto que creará un impacto semellante ao dos Rosais, que ergueu unhas 5.000 vivendas nos anos 90.

Os pisos do primeiro edificio serán entregadas en 2027, pero as obras van para moito máis longo.

2- Maestranza: 56 vivendas

Pintadas no campo da maestranza contra a urbanizacion
Pintadas nos valados das parcelas afectadas da Maestranza- Campo da Estrada urbanizacián

Un proxecto moito máis podesto, de apenas 56 vivendas na parcela nº2, pero non sen polémica. Falamos dun espazo con moitísima historia como o Campo da Estrada, para o que xa recursos presentados porque pretenden construír enriba dun Ben de Interese Cultural, como é a muralla.

3. As Xubias: 633 (ou 241) vivendas

Pensaron no goberno municipal que anuncia a un coñecido arquitecto como David Chipperfield ía evitar a polémica por terlle outorgado a un fondo de investimento suizo, sen concurso nin nada as chaves dunha zona tan singular como As Xubias. Un fondo que curiosamente levaba anos comprando parcelas na zona, e que aseguraba que o cordo chegado co concello era para poder construír máis de 600 vivendas.

Como vimos na análise completa sobre este espazo que debería ser incluído no Plan da Fachada Marítima, polo de pronto, no pleno moi bronco acontecido o pasado outubro, a corporación decidía paralizar o proxecto, e reformular antes a edificabilidade, aprobando primeiro a modificación acordada en 2022 sobre o PXOM de 2013, que finalmente nunca foi ratificada en pleno, e que reduciría a edicabilidade de 633 a 241 vivendas.

4. Castrillón – Eirís: 1000 vivendas

Edificio Parque Eiris Metrovacesa
Edificio Parque Eiris de Metrovacesa

Outra das grandes promocións de vivenda na zona é a futura urbanización do Castrillón-Eirís, que erguerá 18 bloques de edificios e ata 1.000 vivendas. A veciñanza xa ten trasladado as súas inquendanzas en relación ás alturas, aos servizos, a afectación ao tráfico… pedindo unha importante rebaixa da edificabilidade.

5. Santo Amaro: 260 vivendas

Outro exemplo de proxecto aprobado en 2001 que ninguén se atreveu a levar adiante ata agora, é o proxecto de Santo Amaro, que non puido frear nin a presión social en defensa do patrimonio, nin o feito de estar en primeira liña de costa.

6. As Percebeiras: 400 vivendas

Proxecto As Percebeiras de Metrovacesa
O último proxecto feito público por Metrovacesa

Un dos máis polémicos proxectos da cidade é o de Metrovecesa: 8 bloques de 8 alturas para un total de 400 vivendas (si que se eliminaron o mamotreto e 20 pisos) e ata un túnel de 180 metros. Un proxecto que pechará o acceso do barrio de Labañou ao mar, rachando coa estética do barrio, que levaba tamén paralizado durante décadas.

No ultimo pleno o goberno ratificou a suspensión cautelar do proxecto inicial para rebaixar a edificabilidade e asegurar que o 40% das vivendas sexan de proteccion oficial mediante a modificación puntual do PXOM, no marco do pacto de goberno co BNG.

7. Xuxán: 1.600 vivendas

Leva anos sendo unha realidade o novo barrio de Xuxán, erguendo primeiro os edificios e despois a infraestruras. Un barrio que si está enfocado á vivenda protexida, que acaba de ver como se modificaba o PXOME para permitir 560 vivendas máis, ata chegar, posiblemente, ás 1.600 vivendas, na maior parte, protexidas.

8. San Diego: 5.700 vivendas

Aínda está en proceso de recepción de opinións de todos os sectores o Plan da Fachada Marítima da Coruña, con mesmo con propostas aportadas por entidades sociais. Pero en calquera caso, o o protocolo inicial non blinda a titularidade pública dos terreos portuarios de San Diego (si o fai coas zonas de Batería-Calvo Sotelo), deixando aberta a porta á “meirande operación urbanística na historia da cidade”, como ten calificado a rexedora.

Segundo o PXOM, é posible a creación de 5.700 vivendas en edificios de 4-5 alturas pero tamén de ata 10, nunha zona de 400.000 metros cadrados…

9. Monte Mero: 4.300 vivendas

O último anuncio en materia urbanística chegou este mes por parte da Xunta, que prevé a construción de 4.300 vivendas, o 80% entre protexidas e de promoción pública, no Monte Mero, unha zona situada entre a Fábrica de Armas (a nova cidade das TIC), os Maristas e Eirís.

10. Monte Alfeirán: 464 vivendas

A última promoción anunciada polo goberno local foi a do Monte Alfeirán, sita no linde con Culleredo, entre Palavea e a AP-9. Serán 4646 vivendas, a meirande parte en edificios de vivendas comunitarias.

ÚLTIMAS

Condenado un condutor sen carné que fuxiu da Policía drogado e a gran velocidade

O maxistrado do Xulgado do Penal número 3 da Coruña condenou a dous anos...

Unha incidencia técnica nun AVLO Coruña-Madrid obriga a desaloxar aos pasaxeiros, que rompen o portelo para saltar ás vías

Unha incidencia técnica que se produciu nun AVLO A Coruña-Madrid obrigou este domingo a...

O 60.622, último quinto premio, vende unha serie de 60.000 euros na Coruña, onde tamén houbo ‘petiscos’ dun dos segundos

O número 60.622 resultou agraciado co último do oito quintos premios do Sorteo Extraordinario...

Os Cantos de Taberna, máis vivos que nunca en Monte Alto

Vive a música tradicional un proceso de rexeración tremendamente interesan. Dende a sombra nesta...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here