Inicio Blog Páxina 16

A ansiedade dunha muller que denunciou a outras dúas por obrigala a prostituírse impide celebrar un xuízo na Coruña

O xuízo fixado para este venres na Audiencia Provincial da Coruña contra dúas mulleres –nai e filla– acusadas de explotar a outra exercendo a prostitución e de quedar coa maioría do diñeiro que recibía por iso –nun piso en Arteixo en abril de 2019– quedou aprazado ata o 3 de decembro por enfermidade da denunciante.

“A testemuña cuxa declaración estaba prevista segue de baixa”, expuxo a maxistrada presidenta, en sala, respecto da denunciante, de orixe venezolana e en réxime de protección. Isto nun xuízo no que xa foi citada en dúas ocasións –por videoconferencia– para prestar testemuño e no que non foi capaz de dar a súa versión tras sufrir varios episodios de ansiedade. Deste xeito, a vista foi fixada para o 3 de decembro ás 12.45 horas.

AS ACUSADAS NÉGANO

Isto despois de que en xullo, nunha vista anterior, as acusadas, na súa declaración, negasen os delitos que se lles imputan. Ambas alegaron que convivían con outras persoas no devandito domicilio e que “cada unha facía a súa vida” e “ninguén estaba presa”. “Non, na vida, xamais”, insistiron as mulleres –de orixe dominicana– ao ser cuestionadas sobre a posible trata de seres humanos e a explotación lucrativa de prostitución de persoa maior.

En contraposición, varios gardas civís que participaron na investigación aseguraron no xuízo que a denunciante vivía en “condicións absolutamente duras e abusivas”, e baixo un “control estrito” na habitación alugada ás procesadas. “Tiña a porta pechada con cadeado e estaba dispoñible as 24 horas, sete días á semana”, especificaron. Ademais, confirmaron que tiña o “pasaporte retido” polas acusadas.

FEITOS

No escrito fiscal, recóllese que en abril de 2019 unha muller decidiu viaxar a España para exercer a prostitución debido ás dificultades económicas no seu país de orixe, contactando coas acusadas e trasladándose posteriormente á cidade da Coruña. Logo levárona a un piso situado en Arteixo, exercendo a prostitución nas condicións que lle impuxeron as procesadas, que eran as encargadas “do cobro dos servizos sexuais”.

Entregábanlle “unha cantidade mínima para o seu sustento” retendo o resto para, supostamente, liquidar a débeda polo seu traslado, mantemento e publicitarse en páxinas. O obtido polas acusadas “foi moi superior” aos gastos xerados pola vítima, sinala Fiscalía, que apunta que se aproveitaron das dificultades económicas da mesma. Mentres, alude a que a muller debía ter “dispoñibilidade total” durante todo o día e todos os días da semana. Por estes feitos, Fiscalía pide penas de sete anos e seis meses de cárcere para unha e sete anos de prisión para outra. Pola súa banda, a defensa das procesadas –exercida pola mesma letrada– solicita a libre absolución para ambas.

Condenado un veciño da Coruña a 22 anos de cárcere por agredir sexualmente a unha menor á que dobraba en idade

0

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña condenou a penas que suman 22 anos e dous días de prisión a un home como autor de dous delitos de agresión sexual, un deles continuado, cometidos sobre unha menor que no momento dos feitos tiña 14 anos, fronte aos 28 anos do procesado. Segundo se recolle na sentenza, o tribunal provincial considera probado que o acusado e a nena, ambos os dous veciños da Coruña, comezaron a ter encontros sexuais no verán de 2024. O acusado coñecía a menor porque frecuentaban amizades e lugares comúns e, de feito, tamén coñecía o pai da nena.

Esas relacións sexuais eran voluntarias por parte da nena, aínda que a Audiencia matiza que, debido á súa idade, non podía prestar un consentimento válido. Ademais, lembra que os contactos se producían “na clandestinidade”, sendo consciente o acusado de que a nena era menor de 16 anos, a pesar de que el o negou no xuízo. Por outra banda, en novembro de 2024, o acusado acudiu de madrugada ao domicilio da menor, que saíu ao portal para atoparse con el, xa que este lle dixera que tivera unha discusión co seu pai e non estaba ben. No portal do inmoble agrediuna sexualmente, a pesar de que a moza lle pediu que marchase e rexeitou o contacto con el.

A nena quedou embarazada e deu a luz en 2025, cando tiña 15 anos de idade. Todo o ocorrido ocasionoulle un prexuízo psicolóxico e moral e, segundo sinala a Audiencia, existe un informe “demoledor” do Imelga que recolle que a nena padece sentimentos de culpa, vergoña, ademais de ansiedade e trastornos do sono e da alimentación. Ademais, está “desbordada” pola súa recente maternidade e ten un “apoio familiar inconsistente”.

“NON DEIXA DE SER MENOR” POR SAÍR DE NOITE

O tribunal rexeitou os argumentos do acusado, que insistiu en que as relacións eran consentidas e en que non sabía que a nena era menor, alegando que saía ata altas horas da madrugada. Respecto diso, a Audiencia apuntou que polo feito de saír de noite “non deixa de ser menor de 16 anos” e que el “coñecía perfectamente” a súa idade. Por todo iso, considerou o acusado autor de dous delitos de agresión sexual sobre menor de 16 anos, un deles continuado, e condenouno a penas que suman 22 anos e dous días de cárcere.

Así mesmo, impúxolle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 30 anos, a inhabilitación para exercer actividade ou oficio que implique contacto con menores durante 34 anos e unha medida de liberdade vixiada durante 20 anos tras saír de prisión. A Audiencia matiza tamén que non se pronuncia sobre a privación da patria potestade con respecto ao bebé que tivo a vítima, porque o acusado non o recoñeceu e dáse unha situación de “indeterminación da filiación”. En concepto de responsabilidade civil, condénao a indemnizar a moza con 30.835,47 euros polo dano moral. A sentenza non é firme e pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A escritora Eli Ríos denuncia agresión verbal por parte duns homes na Coruña ao pedir que retirasen un altofalante

0

A escritora e presidenta da Asociación Cultural Tempo Novo de Elviña e Castro, na Coruña, Eli Ríos, denunciou unha agresión verbal e intimidatoria por parte de catro homes aos que pediu que retirasen un equipo amplificador á porta do local.

En redes sociais, explica que na xornada de onte foi “rodeada” e que lle gritaron cando lles pediu “que quitasen a amplificación na porta da asociación”, sinala en relación á súa solicitude.

Por outra banda, sostén que un deles chegou a entrar na oficina “e golpear cousas”. Tamén denuncia “insultos” e que lle chegaron a agarrar do ombreiro, ademais de rodeala cando lles pediu que quitasen “a amplificación da porta da asociación”.

Desde a Asociación Cultural condenouse “a agresión sufrida” pola súa presidenta e asegúrase que o local busca ser “un espazo libre de violencias de calquera tipo”, ademais de facer un chamamento á convivencia.

Este sábado a FAXPG convoca unha Marcha de protesta polo Día Internacional das Persoas Xordas

0

Este sábado 26 de setembro, sairá ás 11:30h da Praza de Pontevedra, unha marcha convocada pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Asociación de Persoas Xordas da Coruña (Aspesor), xunto coas súas asociacións afiliadas de toda Galicia (ASORVIGO, APSOU, ASORLU, APSSC, AXF e APXP).

As asociacións afiliadas que representan á comunidade xorda de Galicia organizan esta marcha, que irá acompañada por un grupo de batucada, l baixo o lema “Reclamando os dereitos humanos das persoas xordas”.

Á chegada á praza de María Pita, arredor das 12:30 h lerán un manifesto da man de Beatriz Barreiro, Presidenta de Aspesor, María Alonso, Presidenta de FAXPG,  Nereida Canosa, Concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade do Concello da Coruña, e Begoña Abeijón, Directora Xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia.

Os actos contarán con intérpretes de Lingua de Signos Española.

Máis novas

A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia recibe, xunto con Carolina Iglesias, dous Premios Inocentes de inclusión

Abraham Cupeiro e a Orquestra Sinfónica de Galicia presentan o 29 de xaneiro na Coruña o espectáculo ‘Mythos’

0

O Coliseum da Coruña acollerá o próximo 29 de xaneiro a única data en España do espectáculo ‘Mythos’, unha experiencia inmersiva cunha montaxe audiovisual “inédito” e a produción de Etiqueta Negra.

Así se ha informdo na presentación, no Palacio da Ópera da Coruña, na que se sinalou que Cupeiro recuperará sobre o escenario os sons de instrumentos ancestrais como o Karnyx, o Cornu ou o Aulos en diálogo coa Orquestra Sinfónica de Galicia.

O músico ampliará o repertorio de ‘Mythos’ con dúas novas composicións, non gravadas no disco, que soarán, por primeira vez en directo, neste concerto da Coruña, cidade á que regresa tras un par de anos sen actuar nela.

A da cidade herculina será a súa única data en España cunha montaxe concibida como un espectáculo de gran formato no que a música ancestral, a interpretación sinfónica e as novas tecnoloxías integraranse nunha posta en escena “inédita”, precisouse na presentación.

A Coruña acollerá do 4 ao 19 de novembro unha nova edición do festival de cultura accesible Festigual

0

A cidade da Coruña acollerá do 4 ao 19 de novembro unha nova edición do festival de cultura accesible Festigual, con propostas en 29 espazos.

O festival, segundo precisouse nun acto celebrado no consistorio coruñés, incluirá actividades en espazos como teatros, bibliotecas e centros cívicos ata o mercado de Monte Alto, o Hospital Marítimo de Oza e o centro penal de Teixeiro.

Entre as propostas desta edición figura Arte con Impacto, que reúne a Yolanda Dorda, Lara Pintos, Manuel Suárez, Jano Muñoz e Héctor Francesch coas entidades Grumico, APEM, Adcor, Ecos do Sur e Bolboretas para crear as obras da exposición do décimo aniversario.

A gala Mulleres pola inclusión abrirá o festival o 4 de novembro no Teatro Rosalía de Castro, con Guadi Galego, A Banda da Loba, Uxía Senlle e Chungo Pastel. O peche será o 19 de novembro na Sala MardiGrass con Música baixo as estrelas, unha proposta nacida en FESTIGUAL que leva aos escenarios o traballo de músicos da rúa.

A programación inclúe On Time, de Fritsch Company, no ciclo TRC Danza; Inverno na Lavandaría, de K Paparota, en Todo Público; e a colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia. Participará por primeira vez Muxicas, o grupo de teatro da ONCE. Un museo en movemento achegará mediante realidade virtual a colección do Museo de Belas Artes a persoas con dificultades para desprazarse.

Á rúa por unha reforma integral no CEIP Cidade Vella

0

Xa protafonizaron unha rotunda manifestación no novembro pasado por unha escola digna. Pero o novo suceso acontecido estas pasadas semanas volve poñer de manifesto o precario estado do CEIP Cidade Vella. O pasado día 10 de setembro, e mentres se realizaban traballos na cuberta do edificio en horario lectivo, unha pedra de grandes dimensións atravesou o teito dunha das dependencias do centro, a escasos metros das aulas.

Ante esta situación de perigosidade continua, a ANPA Herrerías convocaba unha concentración esta mañá ás portas do centro para esixir unha reforma integral do centro, secundada por ducias de familias.

Ademais, convoca ás familias tamén tamén unha asemblea informativa para esta mesma tarde.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

I é que levan anos documentando o deterioro progresivo das instalacións mediante informes técnicos, ante a “a inacción da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e as insuficientes medidas adoptadas polo Concello da Coruña”.

Entre os episodios denunciados polos afectados atópase a resposta dada polo director xeral de Centros da Xunta, quen nunha comisión de educación chegou a instar as familias a “lixar as ventás e darlles unha manciña de pintura” en lugar de afrontar unha reforma integral. Así mesmo, a comunidade educativa lamenta os compromisos incumpridos por alguns representantes políticos e a diferenza de trato orzamentario respecto a outros colexios da cidade.

Ante a gravidade do último desprendemento, as familias esixen a convocatoria urxente dunha reunión a tres bandas co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o concelleiro de Educación da Coruña, Juan Ignacio Borrego. Para garantir a seguridade das instalacións e desbloquear o conflito, a ANPA exixe que este encontro conte coa presenza e mediación dunha auditoría técnica independente que avalíe o estado real do edificio.

Máis novas

A ANPA do CEIP Cidade Vella pide medidas de urxencia tras un suceso que “rozou a traxedia”

A ANPA do IES Zalaeta: “ É un pulso que nos bota a Xunta”

A Plataforma polo Dereito á Vivenda da Coruña pide frear os desafiuzamentos e “acabar coa especulación”

0

A Plataforma polo Dereito á Vivenda da Coruña urxe paralizar os desafiuzamentos e “acabar coa especulación” tras o desaloxo de Maricarmen, a veciña do distrito de Retiro de Madrid que residía desde hai 70 anos no seu domicilio. “Esiximos ás institucións públicas que deixen de ser cómplices”, recalca a entidade nun comunicado. Neste sentido, reclama a “paralización inmediata de todos os desafiuzamentos de persoas en situación de vulnerabilidade”.

Tamén pide o “fin dos privilexios fiscais á especulación”, así como a “regulación efectiva e restritiva das vivendas turísticas, priorizando o uso residencial” nos barrios. Ademais, defende a “fiscalidade progresiva en función do número de vivendas acumuladas” co obxectivo, destaca, de que “especular cos fogares deixe de ser rendible”.

Do mesmo xeito, demanda a “mobilización do parque de vivenda baleira en mans de bancos, fondos e inmobiliarias para o uso público e social”. “A vivenda é un dereito, non unha mercadoría”, sentenza e asegura que “cada vez que unha institución mira para outro lado, hai unha Maricarmen máis na rúa e un especulador máis rico”. “Isto non é unha crise, é un espolio e ante o espolio non imos calar”, insiste.

Concentración

A Plataforma convoca unha concentración para esta tarde de xoves ás 19:00h diante da Subdelegación do Goberno, na Praza de Ourense.

Máis novas sobre vivenda

A Coruña reclama á Xunta 3,6 millóns para vivenda tras ser declarada mercado tensionado

A Plataforma Polo Dereito á Vivenda presenta 28 novas denuncias contra pisos turísticos na Coruña

Ecos do Sur dá un paso á fronte na problemática da vivenda: “É fundamental acompañar aos máis vulnerables no proceso de adquisición dunha vivenda”

Entregan unha vivenda á nai ucraína con catro fillos á que aprazaron un desafiuzamento na Coruña

A Coruña reclama á Xunta 3,6 millóns para vivenda tras ser declarada mercado tensionado

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, volveu reclamar á Xunta que xestione os fondos que o Goberno central transferirá á Administración autonómica galega para esta cidade e para a de Santiago, ao seren ambas declaradas mercados tensionados. “2,4 millóns e 1,2 millóns”, sentenciou en relación coas partidas para aumentar o parque municipal de vivenda pública e para axudas destinadas a mobilizar vivenda baleira.

“Fixemos unha proposta para destinar 2,4 millóns de euros á renovación dos alugueiros sociais das vivendas propiedade do Concello para que se incorporen ao mercado e 1,2 millóns para unha convocatoria anual de axudas directas ao pagamento deses seguros contra o impago que cobren o risco nas vivendas baleiras”, sentenciou.

Fíxoo ao explicar que desde o consistorio se enviaron dúas cartas á conselleira de Vivenda e á ministra de Vivenda “coas propostas do Concello”. “Supoño que non haberá ningún problema”, aseverou tras unha visita ás obras de remodelación do edificio da rúa Veeduría.

Abre a Casa da Veeduría, un novo espazo de uso público da Cidade Vella

0

As novas instalacións da Casa da Veeduría xa están abertas á cidadanía. A alcadesa Inés Rey destacou que se trata da “maior superficie de uso público municipal desta zona da Coruña é o maior revulsivo dentro dos plans de revitalización do bario e a súa contorna, desprazando ata aquí non só a empregados públicos senón tamén a persoas usuarias que poderán gozar dos moitos servizos das instalacións”.

Así, este edificio histórico do século XVIII, conta con case 2.600 metros cadrados renovados, con novos espazos e servizos como unha aula de estudio de acceso libre, a primeira na Cidade Vella; unha nova sala de usos múltiples na planta baixa para actividades propias e préstamo a entidades; unha Sala de exposicións, coa recuperación do antigo leñeiro como espazo expositivo.
Ademais conta con prestacións recuperadas e melloradas, coma o Salón de Actos, as salas de actividades, a aula de cociña, a hemeroteca e espazo de xogos de mesa, ou o Espazo Diverso, dirixido ao apoio e asistencia a persoas e entidades do colectivo LGTBI e as súas familias, con asistencia especializada e porgramación de actividades, reunións e talleres.

O novo espazo estará a pleno rendemento en outubro co programa municipal de actividades socioculturais, que inclúe, entre outros servizos, catro niveis de apoio escolar gratuíto, de terceiro de primaria a cuarto de ESO, ademais de programas de actividade física, estimulación cognitiva, competencia dixital, talleres creativos e actividades para a terceira idade como “Maiores en plena forma”.

O edificio acollerá ademais varias oficinas municipais: a sede da Oficina Municipal de Rehabilitación e Vivenda, que tramita as axudas á rehabilitación de edificios do conxunto histórico; o Servizo de Participación Cidadá e o de Mocidade, con atención ás entidades da cidade, xestión do rexistro municipal de asociacións e desenvolvemento da Escola de Participación; así como a Sede temporal da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia artificial na primeira planta, ata que poidan gozar das súas instalacións definitivas na Terraza.

O espazo abre despois do proxecto de rehabilitación de case 3 millóns de euros cofinanciado polo Concello e e o ministerio de Vivenda e Axenda Urbana —1,7 millóns de fondos municipais e 1,3 de fondos estatais— a través do Programa 1,5% Cultural.

 

Máis novas

Á rúa por unha reforma integral no CEIP Cidade Vella