Inicio Blog Páxina 15

“Unha rúa para Lendoiro”

A figura de Lendoiro foi a escollida polo Xornal da Coruña para a saída do portal ao público. A comezos de 2023 falabamos con el e comprobamos que aínda está tremendamene activo e actualizado.

E como as homenaxes, sempre mellor en vida, a afección do RCDeportivo vén de lanzar unha campaña en change.org para conseguir unha rúa dedicada ao eterno presidente.

”A historia é daqueles que a escriben, e os seus protagonistas principais nunca deben ser esquecidos”, reza o texto de invitación á firmar no que de seguro, participará todo o deportivismo, porque “queremos que Don Augusto César Lendoiro teña nesta cidade o recoñecemento que merece. E por iso comezamos un proceso de recollida de firmas para que o home que construíu os nosos soños teña unha rúa de seu. É apenas unha pequena homenaxe comparada con toda a felicidade que nos dixo sentir”. “Todos xuntos imos conseguilo”.

Máis novas

Augusto: “Eu non deixei a política, sacáronme”

 

O Concello da Coruña descarta novas medidas de seguridade na dársena tras o último falecemento

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, rexeitou a posibilidade de implantar máis medidas de seguridade na dársena coruñesa tras un novo falecido ao caer ao mar na noite do domingo ao luns, co que se elevan a catro os falecidos nos últimos nove anos. “Non imos valar o porto”, sentenciou a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa que ofreceu para informar dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno.

Ademais, lembrou que foi en 2017, co anterior goberno local, cando se instalaron bancos para que fixese de “barreira de seguridade”. “Hai sinalización vertical, iluminación e barreira de bancos na zona que vai ao mar, entendemos que ten que ser suficiente para evitar estes accidentes”, sentenciou.

O Concello anuncia a reanudación dos cursos culturais do programa de Lecer para este 20 de abril

0

Despois de levar paralizada dende final de ano, e dunha marea de mobilizacións tanto dos docentes como dos usuarios, o programa de Lecer reanudarase este 20 de abril. Así o anuncia hoxe o Concello da Coruña, que vén de formalizar o contrato ponte que permitirá o inicio dos cursos culturais no Fórum Metropolitano e Centro Sociocultural Ágora.

Durante o día de hoxe a nova empresa responsable das actividades comezará a comunicarse co profesorado coa fin de informarlles de que as clases se retomarán o luns 20 de abril.

O reinicio do programa de Lecer de primavera permitirá retomar os talleres, as actividades de clausura e os campamentos de verán previstos. “Damos solución de maneira áxil a unha situación complexa e pensando en todo momento nas persoas usuarias deste programa, así como no profesorado afectado”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.

Nos vindeiros días, as persoas interesadas poderán consultar a programación e formalizar a súa inscrición a través da páxina web e das redes sociais do Concello. O Goberno municipal executará este servizo mediante un contrato ponte coa empresa Os Ventos, o que permitirá retomar as sesións desta edición antes de que se licite o novo contrato do programa, que arrincará en setembro.

Máis novas do conflito

O Concello confírmalle aos usuarios que esta semana contratará a empresa ponte para arrincar os talleres do programa de Lecer

As entidades fan fincapé na importancia do X Solidario da Declaración da Renda: Só a metade das persoas a marcan

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis para animar a que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario, na súa Declaración da Renda.

Este ano a campaña arranca co lema “O Xesto Lendario”. Con inspiración cinematográfica, e baixo a consigna de que un xesto ‘épico’ cambia o destino de milleiros de vidas, anímase este ano a marcar o X Solidario e compartir nas redes co cancelo #OXestoLendario e #ElGestoLegendario.

Na presentación, Inés Salteiro, directora da POIG sinalaba que “en Galicia, case 600.000 persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social” animando á cidadanía a contribuír a reverter esta situación recalcando que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”

Porcentaxe de persoas que marcan o X Solidario

Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia 30.127.138 €, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37’98 € por persoa, 4,56% máis que o ano anterior.

Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 3.607.069 € con respecto ao ano anterior, mantívose o número de contribuíntes, polo que é esencial que máis persoas se animen a contribuír. 698.443 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (578.825 non marcaron ningún recadro e 119.618 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 49.884.694€. (19.757.555€ máis).

A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 567.210.822€ grazas a que case de 12.400.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, significando o 50,5% do total das persoas declarantes.

Un xesto que beneficia a milleiros de persoas

Grazas ao X Solidario, no 2025 168 organizacións de acción social de toda Galicia, 21 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 773 proxectos que beneficiaron directamente a un mínimo de 184.388 persoas.

O ciclo “Elas son Artistas” encherá de arte feminina 7 concellos da comarca

Presentouse esta mañá no Teatro Colón a 9ª edición do Ciclo Metropolitano de música e artes pola igualdade “Elas son Artistas”. A iniciativa, producida por 10D10, da man de Tomi Legido, este ano estrea dirección artística con Silvia Penide, que toma o relevo de Yolanda Villa, que pasa a ser directora honorífica do ciclo como impulsora do mesmo en 2018.

Na Coruña están previstos, como mínimo, 10 eventos con 13 mulleres artistas como protagonistas, en escenarios tan singulares como o das salas de concertos Garufa Club, Jazz Filloa e Mardi Gras, ou en espazos como a praza de Azcárraga, na Casa Museo María Pita, na Casa Museo Casares Quiroga, no Auditorio da Domus e no Teatro Colón. Con todo, o programa continúa medrando.

Durante a presentación destacaron que na anterior edición foron máis de 3.500 persoas as que asistiron as máis de 20 actividades programadas nos 7 concellos participantes: A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.

Ciclo Elas son Artistas
Avance do Programa do ciclo Elas Son Artistas

Artistas confirmadas na Coruña

Na Sala Mardi Gras xa están confirmadas tres actuacións: Georgina que este xoves 9 de abril ofrecerá o concerto de presentación do ciclo no que se sortearán entradas para algúns dos seguintes eventos. Será ás 21:30. As entradas anticipadas poden mercarse en www.entradium.com tamén haberá na propia sala o día do concerto.
Outras confirmaciones destacadas son Stacy Antonel, dende San Diego, California. Estará en Mardi Gras o 29 de xuño.

Georgina Elas son Artistas

Tamén haberá un concerto moi especial en Garufa Club coa norteamericana Scarlet Rivera. Polo nome seguramente pouca xente a coñece. Pero si decimos que é a intérprete do solo de violín máis lembrado da música popular dos anos 70, abriremos as orellas: A canción Hurricane de Bob Dylan. Esa é Scarlet Rivera.  Que estivo en todo o disco Desire e en toda a xira mítica Rolling Thunder Revue. Actúará en Garufa interpretando temas de Bob Dylan xusto ao día seguinte que o premio nobel de Literatura cumpla os 85 anos. Ela ten 76 anos e ven con Rob Stoner, baixista naquela etapa con Dylan e director artístico do seguinte disco, Hard Rain.

Todo continúa durante os seguintes meses con actuacións, obradoiros, exposicións ata chegar ao domingo 29 de novembro día no que o Teatro Colón acollerá a clausura do do ciclo co concerto da madrileña EDE. Trátase da aposta arriscada deste ano. Unha artista que xirou con Xoel López durante dous anos e que ten novo disco: Fieralinda.

Dende New York traen un trío que ama a música dos anos 60: Tchotchke (lido é Choch Ki). Cun último disco producido polos Lemon Twigs, gozan e fan gozar dende o esceario. Será o mércores 27 de maio.

Tamén estará na Garufa Club a outra artista que desborda talento: Rosalie Cunningham. Segundo a revista Classic Rock: se Kate Bush e os Beatles tivesen unha nena, sería Rosalie Cunningham. Estará na Coruña o 8 de outubro.

Máis que música

Unha actividade emocionante vaise vivir no magnífico Auditorio da Domus, en data ainda sen confirmar e na que Gosia Trebacz participa por segunda vez no ciclo.

Outra das novidades deste ano é que a exposición da Casa Museo María Pita durante todo o mes de agosto será unha extensión de Viñetas do Atlántico. A protagonista desta exposición será a obra da coruñesa Xulia Pisón.

ACTIVIDADES NO RESTO DE CONCELLOS

Vernes 24 de abril – Concello de Oleiros – Auditorio A Fábrica en Santa Cristina –  La Otra – Madrileña con proxección internacional, acaba de estar en Latinoamérica percorrendo varios paises en salas e festivais, teloneando incluso a Manu Chao.

Venres 3 de xullo – Concello de Arteixo – Auditorio exterior da Casa da Cultura se o tempo o permite:  Sofía Espiñeira – Artista multidisciplinar galega, combina músicas do mundo con canción de autora. O trío co que actuará xunto a Ailén Kendelman (percusión e coros) e Judit Almeida (contrabaixo e coros)

Venres 11 de setembro – Concello de Culleredo – Auditorio de Usos Múltiples en O Burgo: Carlota e compañía. Carlota Mosquera e Sol Álvarez traen o espectáculo “Ninguén tira fotos nos enterros”.

Concello de Carral – Data sen concretar – IES DE CARRAL: por cuarto ano imos ao Instituto de Carral, nesta ocasión cun espectáculo de Marta Iglesias Sempre Arriba, estreando unha disciplina artística que ainda non tiveramos no ciclo: Os aéreos, unha das técnicas do circo máis espectaculares, combinada co humor e as reflexións de Marta. 

E faltan por concretar as citas para Sada e Betanzos, que teñen dous magníficos espazos, como son a Cada da Cultura Pintor Lloréns e no caso de Betanzos o auditorio da Aula de Cultura Xulio Cuns. 

A Coruña inicia unha nova fase de obras nos Cantóns co traslado da parada do bus metropolitano

O Concello da Coruña inicia o 13 de abril unha nova fase de obras nos Cantóns, con cambio da parada do autobús metropolitano, segundo informa o goberno local. En concreto, explica que se pechará ao tráfico Entrejardines polo que se trasladará a parada do citado bus á nova localización na rúa Manuel Casás.

Esta actuación en Entrejardines e o tramo final da rúa Santa Catalina unificará percorridos e vistas nunha mesma alienación e formará un paso peonil orientado á entrada do porto. A formulación desta parte de actuación, tal e como figura na redacción do proxecto, busca concretar un nexo de unión entre as dúas metades de Méndez Núñez, hoxe separadas por Entrejardines.

Nova ofensiva do Concello de Oleiros pola finalización da Vía Ártabra

0

Léva décadas a medias, impedindo conectar coa AP9 e a A6 a zona de Sada, Lorbé, Bergondo, Mera… A Vía Ártabra, a gran circunvalación metropolitana vive unha eterna parálise sobre a que pon o foco o Concello de Oleiros.

Lembran que as obras de conexión da vía Ártabra coa AP-9, imprescindibles para continuar posteriormente ata a A-6, levan 4 anos paralizadas xudicialmente debido a erros administrativos cometidos pola Xunta de Galicia na aprobación do proxecto. Unha vez máis, o Concello reclama que se aprobe novamente o proxecto necesario para poder contratar a obra e dispoñer dunha infraestrutura viaria comarcal imprescindible para mellorar o tráfico no conxunto da area metropolitana coruñesa.

Denuncia que detrás hai intereses persoais dalgún concelleiro ao que lle pasa a vía diante da casa.

Imaxe do teórico trazado da Vía Artabra na rotonda  da N6 en Cambre/ Xunta
Imaxe do teórico trazado da Vía Artabra na rotonda da N6 en Cambre/ Xunta

A Importancia da Vía Ártabra

A vía Ártabra é unha gran circunvalación comarcal, desde o porto de Lorbé ata a Ronda de Outeiro, pasando pola N-VI, AP-9, N-550, A-6 e a terceira ronda, dando servizo directo aos concellos de Sada, Oleiros, Cambre, Bergondo, Culleredo, Arteixo e A Coruña.  O Concello de Oleiros non cesará nas súas demandas á Xunta para que faga prevalecer o interese xeral para mellorar o tráfico, o que tería efectos significativos inmediatos en toda a N-VI, a ponte Pasaxe, a estrada da costa, a Costa da Tapia, a zona do Burgo…

“A vía Ártabra é progreso, é incrementar a competitividade de empresas e autónomos, é non perder horas en atascos, é non chegar tarde a traballar ou ao médico, é aforrar en combustible e reducir a contaminación… é mellor a calidade de vida de milleiros de persoas”, denuncia o Concello, que asegura que non cesará nas súas peticións.

 

O Concello confírmalle aos usuarios que esta semana contratará a empresa ponte para arrincar os talleres do programa de Lecer

0

Este luns 6 de abril, accedía o Concello a manter unha reunión cos usuarios do Programa de Lecer do Fórum e do Ágora. Despois de meses de peticións, a Comité de Usuarios do Forum e da Ágora acodía á Concellería de Cultura para manter unha reunión coa directora do IMCE, Laura Seoane, e o asesor Manuel Pena, unha vez que p concelleiro Gonzalo Castro non puido asistir por motivos médicos.

Segundo os usuarios, a directora do IMCE informou que continúa a idea de comezar os Obradoiros de Primavera canto antes, a través dunha empresa temporal, cuxo nome aínda non se deu a coñece, que se contratará “esta mesma semana”, e que encargará de contactar cos docentes (que seguen sen recibir información directa por parte do concello) para programar o inicio das actividades e comunicarase a data de inicio dos obradoiros.

Informou ademais que dado o atraso no inicio dos obradoiros, estes prorrogaranse ata unha data indeterminada en xuño, incluíndo as actividades de clausura.

Ademais, anunciou que xa se fixeron públicos os novos pregos de condicións para a contratación dunha nova empresa para impartir os obradoiros este próximo outono. Un plegos que non pasaron polas mans dos propios docentes, a pesar das reiteradas demandas e as promesas vertidas durante estes meses por parte da concellería.

Máis novas do conflto

O IMCE aproba os pregos do próximo Programa de Lecer sen as aportacións dos docentes

Alvedro afectado por unha folga indefinida de controladores aéreos a partir do 17 de abril

Unión Sindical de Controladores Aéreos (USCA) e CCOO realizaron un preaviso de folga indefinida para os controladores aéreos das torres de control xestionadas por Saerco que comezaría en 17 de abril ás 00.00 horas e afectaría a 14 aeroportos en España, entre eles o de Vigo e A Coruña.

En concreto, a compañía é a encargada da xestión do control de tráfico aéreo dos aeroportos de Madrid-Catro Ventos, Lanzarote, Fuerteventura, La Palma, El Hierro, La Gomera, Castelló, Burgos, Huesca, Ciudad Real, Vigo, A Coruña, Xerez e Sevilla. Nun comunicado, os sindicatos indicaron que a súa decisión de convocar a folga está destinada a denunciar a falta de persoal, a deterioración das condicións laborais e o seu impacto na seguridade operacional.

Os sindicatos sosteñen que o conflito “non responde a incidencias puntuais”, senón a un “problema estrutural derivado de anos de redución de persoal, sobrecarga de traballo, improvisación organizativa e incumprimentos en materia de descanso, conciliación e planificación do servizo”. Segundo o preaviso rexistrado este 6 de abril, a empresa foi diminuíndo efectivos “sen repor adecuadamente as saídas”.

Entre as causas da folga, USCA e CCOO citan a cancelación de vacacións xa aprobadas, o uso “abusivo” das dispoñibilidades, cambios de quenda comunicados “con escasa marxe”, falta de claridade nos cuadrantes sobre os descansos obrigatorios e prácticas organizativas irregulares en varias dependencias. As organizacións convocantes advirten ademais de que a seguridade aeronáutica “non pode soster sobre un persoal sometido a fatiga, tensión e incerteza permanente”.

USCA e CCOO aseguran tamén que, antes de convocar a folga, tentaron abrir unha vía de negociación coa empresa, pero as reunións previstas foron aprazadas ou canceladas “de forma reiterada” por parte de Saerco. Con esta convocatoria, os sindicatos reclaman persoais suficientes en todas as torres, respecto aos descansos aeronáuticos e condicións laborais compatibles coa seguridade operacional e a dignidade profesional. O preaviso sinala ademais que, con carácter previo, solicitouse a mediación obrigatoria ante o Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA).

Alfonso Molina sufrirá cortes nocturnos este martes e mércores pola montaxe da nova pasarela

A avenida de Alfonso Molina, na Coruña, rexistrará importantes restricións de tráfico durante as noites deste vindeiro martes e mércores debido ao avance nas obras da nova pasarela entre as estacións de tren e autobuses. Segundo informou o goberno local, os cortes produciranse desde as 23:00 horas ata as 06:00 da mañá durante as xornadas do 7 ao 8 e do 8 ao 9 de abril. Por motivos de seguridade, no horario no que se manteñan os traballos, tamén permanecerá pechada ao tránsito peonil a pasarela provisional situada nese punto.

Para garantir a fluidez da circulación, o consistorio coruñés habilitará itinerarios alternativos que estarán debidamente sinalizados. No caso dos vehículos que circulen en sentido saída da cidade, o tráfico dirixirse cara á rolda das Estacións, desde onde se poderá enlazar de novo coa avenida de Alfonso Molina. Pola contra, para o acceso en sentido entrada, os condutores poderán desviarse a través da rolda de Outeiro para continuar o seu traxecto cara ao centro.

Durante estas dúas noites, os operarios levarán a cabo as complexas tarefas de izado e montaxe da parte central da nova estrutura e das súas ramplas laterais. A pasarela orixinal fora desmontada integramente para ser sometida a un proceso de renovación total que encara agora a súa fase final. Unha vez instalados estes elementos principais, os traballos centrarase nos remates necesarios para proceder á súa apertura nas vindeiras semanas, momento no que se retirará definitivamente o paso provisional que deu servizo durante o tempo que duraron as melloras.