Inicio Blog Páxina 14

Canto inflúen as Vivendas de Uso Turístico na subida de prezos do alugueiro?

Un dos estudios que máis se preocupa polo devir socio-urbanístico da cidade e que demostra sempre a súa vontade por aportar a súa visión en asuntos urbanos conflitivos e con impacto social é o colectivo Ergosfera, que en colaboración coa delegación herculina do Colexio de Arquitectos de Galicia (outra das entidades que amosa con rotundidade a súa posición crítica en proxectos como a fachada marítima), acaban de publicar coa axuda tamén de Benedito Álvarez (Defensa do Común) un estudio sobre o impacto das Vivendas de Uso Turístico (VUT) na cidade da Coruña.

Levan analizando dende finais de 2023 a evolución do número de vivendas así como da ubicación, e veñen de lanzar un “seguimento cartográfico” que serve para avaliar a real incidencia das VUT no aumento do prezo do alugueiro e no “acceso popular á vivenda”.

VUTs-na-Coruna_2017-2026_Ergosfera_COAG
Fonte: Ergosfera

Os datos reflicten un aumento continuo (superando sempre o 24% anual) dende 2017 ata o 2024, onde coincidindo coa aprobación definitiva en pleno da Ordenanza reguladora das VUT, a curva comeza a cambiar a tendencia, chegando a baixar mesmo un 2% nos últimos 6 meses de 2025.
A cifra está estancada entre as 1.300 e as 1.400 vivendas de uso turístico, o que supón un 5% do total de vivendas en réxime de alugueiro (unhas 24.600 que situaba o IGE en 2021).

O colectivo valora a normativa como “un paso moi importante para a transformación do modelo que permitiu un crecemento continuo de VUT con cifras de incrementos anuais enormes”. Pero con todo, o grupo é prudente e recoñece que nos últimos 9 meses “o ritmo de recuperación de vivendas para o mercado do alugueiro residencial ou, como mínimo, o ritmo de desaparición de VUT da listaxe oficial do REAT, non parece que se corresponda coa realidade normativa vixente”.

Entende pois o colectivo de urbanistas que a aplicación da Ordenanza é, por agora, “ineficaz” á hora de facilitar o acceso á vivenda ás clases máis populares. Nese sentido critican a falta de apoio da Xunta, que é quen controla o REAT e a encargada de aplicala con controis e sancións para o seus incumprimentos, algo que por agora non está facendo, provocando unha menor incidencia da Ordenanza.

En calquera caso, valora que “aínda que o impacto das VUT no acceso popular á vivenda (pola redución do parque de viviendas dispoñible para alugueiro residencial e polo incremento xeral dos prezos da vivenda en alugueiro) é xa un consenso científico e incluso xurídico (non político), os impactos do fenómeno son varios (na convivencia nos propios edificios, na vida urbana dos barrios sobresaturados ou nas economías públicas e privadas da cidade) e, polo tanto, tamén son diversas as perspectivas desde as que se poden analizar as VUT”.

Podedes ver no blog do estudio a análise completa, que nos serve para analizar en conxunto con outros datos moi importantes a nivel social, como as 30.000 vivendas baleiras que seguen paralizando a cidade; a expansión dos grandes “tenedores”, ou o impacto de grupos empresariais cun gran número de empregados con soldos máis altos que a media como Inditex, Abanca ou mesmo Estrella Galicia.

Máis novas

Máis de 700 vivendas de uso turístico na Coruña non cumpren a ordenanza municipal

A presidenta do COAG desmonta o proceso da Fachada Marítima: “O que vexo é que a Autoridade Portuaria quere sacar rendemento económico”

A Coruña Pública: a cartografía dos espazos públicos da cidade que busca financiamento

O “evento cidadán” da Comisión Coruña Marítima búrlase do significado de participación cidadá

A Deputación da Coruña convoca a V Gala da Cultura para o vindeiro 16 de abril

A Deputación da Coruña presentou este xoves no Teatro Colón a V Gala da Cultura, un evento que terá lugar o 16 de abril e que busca impulsar o labor cultural en toda a provincia. Tras unha actuación en directo de Belém Tajes, gañadora do Premio Narf 2025, a deputada de Cultura, Natividade González, instou á cidadanía a asistir a esta cita clave para o sector.

Pola súa banda, a directora artística da gala, Thais Suárez, sumouse a esta invitación e lembrou que a entrada é de balde, ao tempo que destacou o valor de vivir a cultura en directo. A presentadora Susana Pedreira subliñou a súa satisfacción por conducir o evento nun escenario no que contará coa compañía do actor e músico Xoán Fórneas. A gala consolídase así como o gran escaparate para o recoñecemento das iniciativas culturais coruñesas.

O xuízo da Primitiva de 4,7 millóns chega por fin aos tribunais: un loteiro da Coruña, no banco por supostamente quedar co boleto gañador

A próxima semana chegará aos tribunais o xuízo contra o loteiro da Coruña acusado de quedar cunha Primitiva millonaria, unha vista na que tamén estará o seu irmán, que era no momento dos feitos delegado provincial de Loterías e Apostas do Estado e que a Fiscalía considera que tamén delinquiu. En concreto, o loteiro está acusado de quedar cun boleto premiado con 4,7 millóns de euros dun cliente, e o seu irmán de colaborar para que iso fose posible, segundo a acusación. A Fiscalía solicita para o primeiro seis anos de cárcere por un delito de estafa ou, alternativamente, por apropiación indebida. Para o seu irmán pide a mesma pena de prisión por branqueo de capitais ou por encubrimento.

O loteiro e o seu irmán, que en 2012 —ano dos feitos— era delegado de Loterías, serán os únicos aos que se xulgará despois de que a Audiencia Provincial da Coruña desestimase no seu día os seus recursos e si admitise o formulado pola Avogacía do Estado, acordando o sobresemento provisional da causa respecto doutros catro investigados, altos cargos de Loterías do Estado. O caso ten a súa orixe nun dos episodios máis lembrados sobre o cobro de premios de lotaría: o dun boleto agraciado con 4,7 millóns de euros que o loteiro dixo atoparse tirado e que, durante anos, tivo unha propiedade discutida. Varias persoas postuláronse como posibles donas deste premio, mentres que o loteiro argumentaba que non aparecera o propietario e, por tanto, tiña dereito a cobrar o montante.

Ao ano seguinte de selarse, o Concello da Coruña iniciou un “expediente de achado” para buscar o gañador do billete premiado, que o loteiro dixo atopar na súa administración da Praza de San Agustín. Con posterioridade, iniciouse a investigación policial. Nela, cuestionouse a versión facilitada polo home sobre o achado casual do billete, chegando a considerarse que el mesmo lle ocultara o premio ao verdadeiro dono cando este acudira comprobar o boleto. A investigación sinalou un presunto lexítimo propietario, xa falecido, e cuxos herdeiros reclaman agora o premio.

RELATO DA FISCALÍA

A Fiscalía relata que o home xa falecido, ao que se considera o propietario, acudiu en xullo de 2012 ao establecemento do loteiro para comprobar se os boletos que tiña estaban premiados. Con todo, sostén o Ministerio Público, o acusado, “coñecedor do alto importe do premio, quedou con el xunto cos demais boletos e non lle comunicou ao apostante ese extremo nin tampouco lle devolveu o resgardo nin o comprobante expedido polo terminal”.

“Co boleto no seu poder e completamente seguro do alto valor que tiña, ese mesmo día acudiu á delegación provincial de Loterías e Apostas do Estado da Coruña”, na que estaba á fronte o seu irmán, “coa finalidade de acelerar os trámites do cobro do resgardo, prescindindo de calquera procedemento regulado e coma se fose lexítimo posuidor”. “Sendo plenamente consciente da ilexitimidade da posesión deste título por parte do seu irmán”, a Fiscalía asegura que este “dispúxose a achandarlle o camiño” con actos tendentes a “disfrazar a verdadeira orixe do boleto” para os efectos de que se puidese “facer efectivo o premio”. Tamén sinala que “omitiu toda actuación, como delegado provincial, que puidese servir para verificar a orixe real do boleto”.

Ata a Valedora do Pobo respalda as demandas da ANPA do CEIP de Prácticas

A ANPA do CEIP de Prácticas vén de recibir a admisión a trámite da solicitude ante a Valedora do Pobo de información sobre a situación do proxecto de reforma integral do centro.
A entidade esixe á Consellería de Educación que traslade a situación actual do proceso de reforma da que non se teñen noticias do mesmo dende hai un ano e dende a propia Delegación Territorial de Educación non se ofrecen respostas ás innumerables demandas de información presentadas por rexistro dende a propia ANPA.

A día de hoxe tampouco se ten recibido resposta á solicitude de xuntanza co novo Director Territorial de Educación para poder trasladar directamente a preocupación das familias ante a situación de abandono que está a sufrir o CEIP de Prácticas da Coruña e o seu alumnado.

“O desleixo e o desinterese amosado polas tres administracións implicadas neste proceso: UDC, Xunta e Concello da Coruña manteñen ao CEIP de Prácticas nunha situación de abandono que queda reflectida claramente na falta de negociación dun novo convenio de cesión do centro, caducado dende 2022”, denuncian dende a ANPA. Tampouco contemplan o centro nos investimentos destinados ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e permiten que as crianzas continúen  asistindo a clases en condicións completamente precarias.

“As pequenas intervencións urxentes levadas a cabo durante unhas poucas semanas, aínda sendo necesarias, non foron para nada dabondo, demostrando a necesidade dun compromiso serio e de prazos claros, máis aló de parches”, aseguran.

Mentres a comunidade educativa comproba o avance das necesarias obras dos centros educativos que rodean o CEIP de Prácticas: a do IES Salvador de Madariaga, pegado ao noso centro e cun investimento de máis de 2 millóns de euros; e a do IES Rafael Dieste, a escasos metros do colexio, cun orzamento de 1,7 millóns.

A remodelación da Escola de Náutica por parte da UDC, na outra beira da rúa, vén de ser tamén comezada “mentres o noso centro segue a sufrir as consecuencias do nulo mantemento, control e atención por parte das administracións encargadas da súa xestión”.

Máis novas

A ANPA do CEIP Prácticas a Paula Prado: “Isto só acaba de comezar”

 

Os Premios María Casares celebraron 30 anos do teatro como elemento “chave” na sociedade

Vestiuse de gala onte o Teatro Rosalía de Castro para a gran Festa do Teatro galego e do teatro en galego. Os Premios de Teatro María Casares celebraban o seu 30 aniversario nuun extraordinario momento de saúde do talento, pero nun momento no que a lingua galega perde máis falantes que nunca.

De aí que non faltasen as alusións á falta de políticas (sobre todo políticos) que tiren da nosa lingua, ou á falta da retransmisión da gala por parte da Televisión pública galega, como lembraron Fran Lareu ou a propia Eva Fórneas Brañas, presidenta da AAAG. A presidenta fixo alusións ao papel “chave” do teatro na normalización lingüística, pero tamén para controlar o auxe da ultradereita, rematando cun rotundo #NonaGuerra.

En canto aos premiados Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, foi a gran triunfadora con 6 premios. Con dúas estatuillas quedaron A Serie Clopen do Centro Dramático Galego; Tromso, de Morraoconto, e Berenguela na Raiola da carballesa Galeatro e Xarope Tulú.

FRAN LAUREU MELLOR ACTOR PROTAGONISTA nos Mestre Mateo © La Diapo
Fran Lareu recollendo o Premio ao Mellor Actor Protagonista @La Diapo

Os entregadores dunha gala marcada pola emotividade e o espírito festivo, foron alumnos e alumnas de Manolo Lourenzo, o actor e dramaturgo galego inado o pasdo verán, que homenaxeado sendo protagonista da gala dirixida por Gloria Rico.

A Gala rematou coa emotiva homenaxe, co público en pé, para Luma Gómez, que recibiu o Premio de Honra do 30 aniveresario.

Directiva da AAAG con Luma Gomez nos Mestre Mateo
Directiva da AAAG con Luma Gómez

Listaxe de Candidaturas Premiadas

IBUPROFENO TEATRO: RECONVERSIÓN (6)

  • Mellor espectáculo
  • Mellor dirección: Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo
  • Mellor texto orixinal: Santiago Cortegoso
  • Mellor actor secundario: Fran Lareu
  • Mellor actriz secundaria: Cristina Collazo
  • Mellor espazo sonoro: Alonso Caxade

CENTRO DRAMÁTICO GALEGO: A SERIE CLOPEN (2)

  • Mellor actriz protagonista: Natalia Pajarito
  • Mellor dirección de movemento: Marta Alonso Tejada

MORRAOCONTO: TROMSØ (2)

  • Mellor espazo escénico: R. Martínez, M. Gendre, L. Pouso e J. Faro “Coti”
  • Mellor iluminación: José Faro “Coti”

GALEATRO E XAROPE TULÚ: BERENGUELA NA GAIOLA (2)

  • Mellor espectáculo infantil
  • Mellor adaptación/tradución: Paula Carballeira

ARAMBOIA: UN TAL ROMEO (1)

  • Mellor actor protagonista: Fran Lareu

TANXARINA: A BIBLIOTECA GALÁCTICA CONTRA A IA FANTÁSTICA (1)

  • Mellor espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas

ELEFANTE ELEGANTE: ALTA COSTURA (1)

  • Mellor vestiario: Carolina Díguele

ÁRTIKA CÍA: O LIBRO DA SELVA, O MUSICAL (1)

  • Mellor maquillaxe: Ártika Cía

Constituído o novo claustro da UDC, conformado por 252 persoas

A Universidade da Coruña (UDC) celebrou este mércores a sesión constitutiva do seu novo claustro, órgano de goberno conformado xa cos novos Estatutos no marco da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU).

Segundo informa o reitorado, está composto por un total de 252 persoas representantes dos diferentes colectivos da institución académica.

Nesta xornada configurouse tamén a mesa do claustro, composta por un total de 13 persoas: seis representantes do profesorado funcionario e permanente laboral; dous do resto do profesorado; un de persoal técnico, de xestión e administracións e servizos, así como outro de persoal contratado en tarefas de investigación e tres do estudiantado.

Tamén se elixiu unha representación do claustro ao Consello de Goberno, un órgano que tamén será renovado tras os diferentes procesos electorais celebrados nas últimas semanas.

Condenados por estafar máis de 30.000 euros a unha persoa vulnerable con trastorno psiquiátrico

A Audiencia Provincial da Coruña condenou a 2 anos de cárcere a tres acusados, unha parella e o primo dun deles, de nacionalidade romanesa, por estafar máis de 30.000 euros a unha persoa vulnerable, que padecía un trastorno psiquiátrico e que non estaba capacitada para tomar decisións xurídico-mercantís.

Así, o tribunal considera probado que, polo menos entre agosto de 2014 e maio de 2016, lograron que a vítima lles entregase diversas cantidades de diñeiro, alegando que o necesitaban para tratamentos de saúde, pagamento de alugueiros ou compra de inmobles en Romanía.

Entre marzo e maio de 2016, unha cuarta persoa, vinculada cos acusados, contactou co prexudicado, que estaba preocupado polas transferencias de diñeiro feitas e quería recuperar esas cantidades. Esa cuarta persoa, que xa foi xulgada e condenada, fíxose pasar por avogado e logrou que a vítima lle pagase outros 1.600 euros.

Por estes feitos, a Audiencia considera os tres procesados autores dun delito continuado de estafa e condénaos a 2 anos de cárcere. Tamén condena a parella a restituír ao prexudicado 1.900 euros, e ao terceiro acusado impónlle unha responsabilidade civil de 30.000 euros.

Deteñen a un mozo de 22 anos en Culleredo por tráfico de drogas e intervéñenlle haxix, marihuana e cocaína

Axentes da Garda Civil detiveron a un mozo de 22 anos de idade en Culleredo como presunto autor dun delito de tráfico de drogas, e incautáronse de diversas cantidades de haxix, marihuana e cocaína. Segundo informou a Comandancia da Coruña, a detención produciuse no marco dun dispositivo de seguridade cidadá, en coordinación coa Policía Local, para erradicar puntos de ‘trapicheo’ de drogas no núcleo urbano de Culleredo.

Nese ámbito, identificouse a un grupo de mozos, a quen se aprehenderon pequenas cantidades de haxix. A un dos identificados, no entanto, atopáronlle máis de 76 gramos desta droga, ademais de 0,9 gramos de marihuana e 184 euros en billetes.

Na entrada e rexistro do domicilio deste sospeitoso atopáronse tamén 15,5 gramos de haxix, 25,8 gramos de marihuana e 0,3 gramos de cocaína. Igualmente, os axentes localizaron efectos para pesar e envasar a droga, cadernos con anotacións, e outros 690 euros euros en billetes. O valor da mercadoría intervida estímase en algo máis de 800 euros. O detido e as dilixencias practicadas foron postos a disposición xudicial.

Rodrigo Cuevas e Nuno Pico debullaron como foi a súa colaboración na Fundación Luís Seoane

0

Divertido e interesantísimo o coloquio entre Rodrigo Cuevas e Nuno Pico, de Grande Amore, que acolleu esta pasad tarde de martes 7 de abril a Fundación Luis Seoane. Un encontro enmarcado como preámbulo do concerto que o artista asturiano, Premio Nacional das Músicas Actuais, ofrecerá no Coliseum o vindeiro 30 de abril, para o que aínda se poden mercar entradas a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense.

Nun ton moi distendido e ambos nun galego marabilloso (o asturiano mesmo con gheada), contaron como comezaron a traballar xuntos. Rodrigo, admirador do “gamberrismo ilustrado” de Nuno e de Grande Amore, invitouno a facer algo en común e despois de 4 anos de intentonas, conseguiron meterse xuntos no estudio para colaborar no novo disco do asturiano, “Manual de Belleza”.

Debullaron, entre risas, como foi aquela colaboración en Madrid, para lanzar o tema de “Unha muerte ideal”.

Despois da singular e permonizada experiencia, atenderon ás numersosas preguntas do público, afondando no aspecto conceptivo do traballo.
Tamén falaron das colaboracións, e mesmo intentaron chamar e enviaron unha mensaxe a Masiel, unha das divas homenaxeadas no traballo.

Rodrigo Cuevas e Nuno Pico na Fundacon Luis Seoane-Foto-Concello 2
Imaxe do público na FLS. Foto: Concello

Máis info

Rodrigo Cuevas traerá a súa experiencia inmersiva ‘La Belleza’ ao Coliseum da Coruña en 2026

“Sirat” e “As liñas discontinuas” abriron a potente Semana do Cinema Galego

0

Grande acollida á primeira sesión da VII Semana do Cinema Galego. Había espectación na cidade por ver unha das películas máis galardoadas dos últimos anos e por avaliar o estado de saúde do noso audiovisual.

A Asociación Galega do Audiovisual concentra nesta semana as producións galegas máis recoñecidas do ano (nos Mestre Mateo como en numerosos festivais), como destacou a súa presidenta, a actriz herculina Lucía Veiga, que cunha camiseta do Castelo Conta, deu a benvida e abriu o telón dun Teatro Colón convertido en sala de cine.

Precisamente Veiga fixo fincapé nesa necesidade de seguir enchendo as butacas das salas de cine e do teatro, detalle que serviu para ilustrar a imaxe do ciclo.

Lucia Veiga presentando a Semana do Cinema Galego no Teatro Colon
Lucia Veiga presentando a Semana do Cinema Galego no Teatro Colón

De contado os sons e as impactantes imaxes de “Sirat” (o seu director Oliver Laxe non puido estar pola súa apretada axenda) comezaron a mergullar ao público que ateigaba o salón, nese bombazo de incómoda “road movie” que fai saltar a cabeza ao espectador. Grandes loubanzas se escoitaban á saída.

”As liñas descontinuas”

Mara Sánchez e Adam Prieto na Semana do Cinema Galego-Foto-Aigi Boga
Mara Sánchez e Adam Prieto na Semana do Cinema Galego-Foto-Aigi Boga

De contado saíron ao escenario Mara Sánchez e Adam Prieto presentando “As Liñas Discontinuas”, debullando como foi o proceso de creación con Anxos Fazáns e facendo fincapé na importancia da música no filme.

A PROGRAMACIÓN RESTANTE

MÉRCORES 8 DE ABRIL – TEATRO COLÓN

  • 19.00 h – San Simón, de Miguel Ángel Delgado.
    Presentación co director Miguel Ángel Delgado e o actor protagonista Flako Estévez.
  • 21.00 h – Antes de nós, de Ángeles Huerta.
    Presentación coa actriz Cris Iglesias.

XOVES 9 DE ABRIL – DOMUS

  • 19.00 h – Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras.
  • 21.00 h – Ao son da nova regueifa, de Manolo Maseda e Saúl Rivas.
    Presentación cos directores Manolo Maseda e Saúl Rivas e regueifeiros.

VENRES 10 DE ABRIL – DOMUS

  • 19.00 h – O silencio herdado, de Lucía Dapena González.
    Presentación coa produtora Laura Doval.
  • 21.00 h – 360 curvas, de Alejandro Gándara Porteiro e Ariadna Silva Fernández.

Máis novas

A Coruña acolle a VII Semana do Cinema Galego con oito proxeccións gratuítas

Sirat e Antes de Nós triunfan nuns Mestres Mateo de protagonismo feminino