Inicio Blog Páxina 204

Este xoves reábrese ao tráfico a rúa San Andrés

Despois de 12 meses de obras e 3,2 de euros de financiamento, este xoves 27 de febreiro rematan as obras de humanización da rúa San Andrés. Reabrirase ao tráfico despois do acto oficial, que terá lugar ás 13.00 horas na praza de San Andrés.

Unhas obras que formulaban a recuperación do concepto boulevar, “cunha rúa máis amable, transitable e pensada para as persoas incorporando novas árbores e beirarrúas máis amplas”, sinalaba a rexedora no anuncio da nova, coa intención de recuperar unha das zonas comerciais por excelencia da cidade que leva décadas asolagada polo tráfico rodado.

A rúa fica con plataforma única, cun carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro dispuxéronse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho (moitos exemplaraes de mesma especie de moreira que había antano, a Morus alba) , que fan de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén foron ampliadas e renovarán, con novas lousas de granito.

Tamén se realizaron traballos para manter o exemplar de Cercis siliquastrum —coñecido comunmente como a árbore do amor— situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina. Ao seu arredor estableceuse un perímetro de protección, que inclúe unha nova área de lecer para a cidadanía.

Como novidade, non se poderá circular pola rúa Alta entre San Andrés e Cordelería, quedando establecida como rúa peonil con carril bici.

Con todo, os cambios nas liñas de bus urbano que recuperan o seu percorrido pola rúa serán efectivos a partir do 6 de marzo.

 

Outra ollada a San Andrés

Olladas doutro tempo: San Andrés. Avrillón

Olladas doutro tempo: San Andrés con Santa Catalina

 

Que opinan PP e BNG da condonación e licitación da xestión da planta de Nostián?

Anunciaba onte o Concello a licitación da xestión da Planta de lixo de Nostián para o segundo semestre do ano. O contrato, que leva caducado dende decembro de 2019, poderá actualizarse tralo acordo co Consorcio das Mariñas, que se convirte en cliente preferente pero que non participará da xestión.

PP e BNG veñen de profundizas na súa posición sobre a nova.

O BNG

O BNG agarda que “desta volta se cumpran os novos prazos anunciados polo Goberno Local”, lembrando que leva máis 5 anos caducado, e que a rexedora prometera ter os plegos listos para licitalo nos primeiros meses de 2020.

“Este retraso non fixo senón acentuar os múltiples problemas que afectan a planta”, sinalou o portavoz Francisco Jorquera.

Ao mesmo tempo piden ao goberno local “información transparente” sobre o acordo extraxudicial ao que chegou coa actual concesionaria, “sendo que supón aceptar unha compensación inferior en máis de 7 millóns de euros á reclamación inicial do Concello (se incluímos os xuros de demora”). Puntualiza Jorquera que tamén o Consorcio das Mariñas, “presidido polo señor Santiso Miramontes, do Partido Popular”, tamén chegou a un acordo extraxudicial en parecidos termos.
En relación ao Consorcio, o BNG lamenta que descarte participar na xestión da planta e que a súa aposta sexa manter unha relación “simplemente como cliente”, “cando do noso punto de vista o que cómpre é avanzar na xestión do residuos a escala metropolitana”.

Así mesmo, espera que nos plegos saseguren un futuro sostible para a planta, como levan solicitando dende a Plataforma Nostián con Futuro.

O PP esixe a débeda

Xa avanzaba onte Miguel Lorenzo que pedirá explicacións ao goberno municipal “pola renuncia a cobrar a débeda de Albada”. Hoxe amplía a denuncia, esixindo “a Inés Rey a devolución do total de 15,6M€ á concesionaria de Nostián”. Faino o PP tras pedir o informe ao Secretario e Interventor, e sen entender por que é bo perdoar o 46% da débeda (“7,3M€ de 15,68M€ que reclama a devolución do que aboou indebidamente polo tratamento dos rexeitamentos entre xaneiro de 2011 e febreiro de 2018″) mentres o Consorcio perdoa o 16% (1,8M€ de 11M€)” .

”Que fará o BNG ao respecto Cal será a súa posición respecto da condonación desta parte da débeda?”, aproveita tamén para lanzar a pelota ao tellado do BNG.

Máis novas

O Concello da Coruña licitará a xestión da planta de Nostián no segundo semestre do ano

O Concello da Coruña ultima a reclamación á concesionaria da planta de lixo por sobrecusto

A plataforma ‘Nostián con futuro’ cesa as súas reunións co Concello da Coruña por “falta de transparencia”

A Audiencia da Coruña rexeita a investigación de dúas persoas máis en relación ao crime de Yoel Quispe

0

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña rexeitou a solicitude da familia de Yoel Quispe de aumentar de tres a cinco os investigados pola súa posible participación na morte do novo, ocorrida en Noiteboa de 2023, alegando que as dúas persoas sinaladas pola acusación particular mantiveron unha pelexa previa co mozo, pero sen indicios de que tivesen relación co grupo que integraba a persoa que, supostamente, asestoulle unha puñalada mortal.

Desta forma, desestimou o recurso de apelación presentado pola representación da nai da vítima contra o auto ditado o pasado 28 de novembro polo Xulgado de Instrución número 1 da Coruña.

Das dilixencias practicadas ata agora, segundo consta no auto, despréndese a implicación nos feitos ocorridos esa madrugada de dous grupos diferenciados de mozos, os cales eran “independentes entre si”, cre a Audiencia, e os seus integrantes carecían de relación de coñecemento previa.

A vítima, segundo sinalan as probas testificais e documentais practicadas, continúa o tribunal, participou nunha liorta previa coas dúas persoas contra as que a acusación particular solicitaba que se dirixise o procedemento, integrantes ambas as do primeiro grupo de implicados.

A continuación, di o fallo, Yoel Quispe mantivo outro encontro cun dos mozos do segundo grupo, “recibindo as feridas de arma branca que terminaron coa súa vida mentres se enfrontaba a este último”.

Tanto o tribunal da Audiencia Provincial como a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 da Coruña descartan, do mesmo xeito que a Fiscalía, que as agresións físicas despregadas con carácter previo por estas dúas persoas contra a vítima “puidesen detonar o feito homicida posterior”.

Máis en detalle, os maxistrados do alto tribunal provincial destacan que do cadro probatorio practicado ata o momento non consta nin un “acordo previo” nin adhesión, por parte das persoas sobre as que se solicita que sexan investigadas, “á execución empezada en réxime de autoría única por outra”. A Sala engade que tampouco existe, “se aplicamos unhas doses mínimas de racionalidade ao plural acervo indiciario”, unha colaboración “que tolere a imputación recíproca de responsabilidades”. Contra este auto non cabe recurso.

Detectan un brote de sarna na residencia de maiores Clece Vitam Bastiagueiro

0

Un total de catro persoas, usuarios da residencia de maiores Clece Vitam Bastiagueiro, situada no municipio coruñés de Oleiros, foron diagnosticados de sarna.

Segundo confirmou a Europa Press a Consellería de Sanidade, o brote foi declarado o pasado 12 de febreiro e os casos actuais considérase que “derivan do mesmo”.

Ademais, apuntan que están en contacto coa dirección da residencia, “onde se está aplicando o protocolo de actuación e tratamento aos usuarios e profesionais do centro”.

Tamén engade que realizará “seguimento e vixilancia” da situación “durante dous meses, o tempo estipulado para poder declarar controlado” o brote.

O TSXG acollerá a apelación sobre o asasinato dunha muller no barrio do Birloque en 2021

0

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acollerá o próximo 17 de marzo, ás 11.00 horas, a vista de apelación contra a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que, de conformidade co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a un home a 23 anos de cárcere por asasinar á súa parella no barrio coruñés do Birloque, en setembro de 2021.

O home foi declarado culpable dun delito consumado de asasinato, coa concorrencia das circunstancias agravantes de parentesco e de xénero.

Ademais da pena de prisión, impúxoselle a prohibición de aproximarse e de comunicarse por calquera medio cos fillos e co pai da vítima durante 30 anos.

O Tribunal do Xurado considerou probado que o home, que mantiña desde xullo de 2021 unha relación sentimental coa vítima, mantivo unha discusión con ela durante a noite do 14 ao 15 de setembro motivada pola decisión da muller de querer pór fin á relación.

Ela pediulle que se marchase pero o home non aceptou a decisión, dicíndolle, recolle o fallo, que “se ía a arrepentir”. Na tarde do 15 de setembro de 2021, o condenado accedeu á vivenda da vítima “e co propósito de acabar coa súa vida, utilizando un coitelo, asestoulle varias puñaladas” sen que ela “tivese posibilidade algunha de reaccionar nin de defenderse ante o ataque, que tivo lugar de forma sorpresiva e repentina”.

Os dous senegales que auxiliaron a Samuel Luiz, fillos adoptivos da Coruña: “Non somos heroes”

0

Concello da Coruña entregou as placas conmemorativas como ‘fillos adoptivos da cidade’ aos dous senegales, Ibrahima Diack e Magatte NDiaye, que trataron de auxiliar a Samuel Luiz, falecido tras unha malleira mortal no paseo marítimo coruñés, en xullo de 2021. Foi nun acto emotivo no Palacio Municipal de María Pita, presidido pola alcaldesa, Inés Rey, quen cualificou de “admirables” a ambos pola súa intervención nun día na que A Coruña “padeceu unha cazaría humana” pola “animadversión á condición homosexual” da vítima.

“Só un par de persoas acudiron á súa axuda, os que máis tiñan que perder”, dixo en referencia aos homenaxeados pola súa situación irregular no país nese momento. “Non puideron salvalo, pero si exerceron como salvadores da bondade, altruísmo puro”, sentenciou tamén. “Non somos heroes, fixemos o que tiñamos que facer, son os valores que nos ensinaron os nosos pais desde Senegal”, expuxo Magatte, quen agradeceu ás autoridades a súa colaboración e ás ONG’s que traballan “para facer máis humana a esta cidade”.

Os senegaleses cos Ibrahima Diack e Magatte NDiaye Delegados do goberno Fillos adoptivos a Coruna
Osdous protagonistas co Delegado do Goberno Pedro Blanco e a Subdelegada María Rivas

Tamén Ibrahima fixo extensivo o seu agradecemento ao papel destas e reivindicou que a súa familia lle deu “moitísimas cousas máis valiosas que o diñeiro”. “Déronme o amor e o respecto e se alguén necesita axuda tes que plantarte”. “O que recolles é o que colleitas”, apostilou tamén. Ao acto, asistiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, e a subdelegada na provincia da Coruña, María Rivas, con referencias no mesmo á “valentía” de ambos e con alusións ao feito de que a cidade “nunca esquecerá” o exemplo de ambos por parte doutros como se expuxo desde Ecodesarrollo Gaia, que abriu en Senegal a Escola Coruña.

Ibrahima e Magatte son os únicos africanos en formar parte desta listaxe, que comezou no ano 1868 e que conta, na actualidade, cun total de 44 nomes. O acto tivo lugar tras coñecerse hai uns meses a sentenza condenatoria contra catro dos cinco novos xulgados, catro homes e unha muller, no seu caso absolta. Aos tres consideróuselles autores de asasinato e a un cuarto cómplice de asasinato.

Quen está detrás da misteriosa escultura aparecida no lugar onde asasinaron a Samuel Luiz?

 

A regular irregularidade do Depor

  • Xornada 28 – Deportivo 0 – 0 SD Huesca
  • Novo encontro sen vitoria en Riazor.
  • Décimo sexto encontro de Oscar Gilsanz como adestrador do Depor  (7V 5E 4D).

— — —

Pouca sorpresa o resultado de onte en Riazor, cun Depor que empéñase en non agasallar á súa afección con tardes de viño e rosas. Unha vez máis, e xa van dez encontros en Riazor, o equipo non é quen de sacar os tres puntos diante dos seus. Cinco derrotas e cinco empates supoñen 25 puntos que se esfumaron da casa onde solo sumáronse 17 puntos de local. Triste bagaxe no que parece unha das poucas notas de regularidade que amosa o equipo. Neste caso é nun aspecto negativo, pero non se poden ocultar á realidade competitiva deste Depor como local.

Cando semellaba que o equipo xa lle collía o pulso a xogar como local xusto no mellor momento da tempada despois do partido contra o Almería, onde amosou a súa mellor versión ofensiva e defensiva, onte volvía unha tarde habitual a Riazor. E todo isto únese a outra situación irregular que está vivindo o equipo nesta volta á Segunda División, o de non escapar da zona quente da clasificación. Se hai xusto dúas semanas falábamos de dez puntos de diferencia co descenso e se era posible mirar cara riba para pelexar por outro logros, a derrota de Elda e o empate de onte, acurtan a distancia a só cinco puntos co descenso e afastan a máis de once puntos o playoff de ascenso.

Se algo está a amosar o equipo neste ano é a súa capacidade de repetir as cousas negativas, destacando esa regular irregularidade nunha competición onde os logros pasan polos puntos de local e por unha competitividade nas saídas. Proba disto é que dos seis primeiros clasificados cinco deles son os mellores equipos locais da competición.

Ben faría o Depor en centrase no obxectivo primario deste ano, gañar cinco encontros, sumar cincuenta puntos e pensar noutras cousas nos meses seguintes. Vaia por diante que en marzo catro dos cinco rivais son da liga do Depor (Oviedo, Córdoba, Castellón, Cartagena e Racing de Ferrol), mais aínda cando dous deles están case sentenciados.

 

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

 

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR DE MIGUEL BARREIRO

O Concello da Coruña licitará a xestión da planta de Nostián no segundo semestre do ano

O Concello da Coruña licitará a xestión da planta de lixo de Nostián no segundo semestre do ano. Un servizo que leva caducado desde decembro de 2019.
Faino o Concello tras chegar a un acordo co Consorcio dás Mariñas, que seguirá como “cliente preferente”, polo que pagará un 1 menos por tonelada de tarifa que estableza Sogama.

O Consorcio comunicou ao Concello que será este o que asuma en solitario a xestión da planta, trala renovación do convenio entre Albada-Urbaser e o Consorcio, que establece ata 2027 a tarifa que empregará este último por empregar a planta de Nostián.

Na Xunta de Goberno, tamén se deu luz verde a un acordo con Urbaser para dar por finalizado o litixio mantido coa concesionaria de Nostián pola anulación xudicial dos acordos de 2011. En concreto, negociouse pór fin á vía xudicial e que Urbaser reintegre 8,3 millóns de euros ao consistorio, recoñecendo así o seu dereito a compensación.

POSTURA DO PP

Pola súa banda, o PP avanzou que pedirá explicacións ao goberno municipal “pola renuncia a cobrar 7,3 millóns da débeda de Albada”. “E para saber canto aumentará aos coruñeses o pago de Nostián tras o acordo co Consorcio”.

“Ambas decisións son prexudiciais para os coruñeses porque se renuncia a un cobro avalado polos servizos municipais e confirmado por sentenza e, por outro, obrigaranos a pagar máis por tratar o lixo sen que Nostián cumpra a normativa”, argumenta no seu caso.

Máis novas

O contrato do lixo segue orfo

Quen está detrás da misteriosa escultura aparecida no lugar onde asasinaron a Samuel Luiz?

0

A autoría da escultura onde foi asasinado Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés, segue sendo, ao día seguinte da súa retirada, unha incógnita. Así o manifestaron fontes consultadas por Europa Press en relación a unha figura simulando un óso humano en grandes dimensións.

En concreto apareceu o domingo na avenida de Buenos Aires, na zona do paseo marítimo onde se produciu a morte no contexto dunha malleira mortal pola que foron condenados catro novos, tres como autores dun asasinato e un cuarto como cómplice.

Fontes municipais explicaron que a figura foi retirada por motivos de seguridade en torno ao mediodía por ser unha zona de tránsito de moitas persoas nun día de partido como o de onte e tratarse dun lugar onde adoita haber vento, co risco que levaba. Tamén ratificaron que ninguén pediu autorización para poder instalar unha obra, de grandes dimensións, que simulaba un óso humano.

Desde o colectivo LGTBI Ás Coruña, onde se organizaron nese lugar homenaxes en recordo de Samuel, expresáronse no mesmo sentido. “Non temos nada que ver nin tampouco sabemos se ten que ver con Samuel ou non”, indicaron.

Convocado o Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride

0

O Atlantic Pride, que xa coñece as primeiras actuacións, convoca unha nova edición do Certame de Literatura LGTBIQ+. Coa idea de tecer unha rede de cultura e activista, o festival organiza o IV Certame de Literatura LGTBIQ+, co que pretende visibilizar as diversidades sexuais e de xénero e vivenciar as experiencias minorizadas de todas as persoas LGTBIQ+.

O xurado estará composto por integrantes do club de lectura QUEERuña e as obras gañadoras anunciaranse durante a celebración do festival (do 6 ao 13 de xullo de 2025), momento no que terá lugar, tamén, a entrega dos premios. As bases de participación do IV Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride poden consultarse na páxina web oficial do festival.
A temática é libre, con vinculación á diversidade LGTBIQ+, se ben só se admiten traballos en galego, exclusivos para este certame, cunha extensión máxima de 10 páxinas, con tipografía Times New Roman, tamaño 12, interlineado 1.

O 31 de maio de 2025 será o día de peche da recepción de obras.

Haberá tres galardóns en metálico (1º premio: 600 €; 2º premio: 300 €; 3º premio: 100 €).

Edurne, Nia e Merche entre os primeiros nomes confirmados do Atlantic Pride 2025

 

Outras novas

A española “Transición” leva o premio Trini Falcés do Norte Cinema Diverso