Inicio Blog Páxina 377

Investigan as causas da morte dunha muller na Coruña

0

A Policía investiga as causas da morte dunha muller este xoves na Coruña. Foron os Bombeiros os que atoparon este xoves á muller no interior da súa vivenda da Coruña cando acudiron para comprobar un posible incendio.

A voz de alarma deuna a coidadora da muller, ao redor das 11.30 horas, ao ver que esta, de avanzada idade, non contestaba o teléfono. Do piso no que vivía a muller, situado na rúa San Andrés, saía ademais cheiro a fume.

Ao acceder á vivenda pola fachada do edificio, os bombeiros atopáronse á muller falecida no chan e unha pota ao lume, que foi retirada. No operativo participou tamén o 061.

A RCP, o método para salvar vídas que toda a poboación debería saber

Debería ser obrigatoria en todas partes, colexios, clubs deportivos… E así o entende a directiva do Club do Mar de San Amaro, que organizou durante a pasada tarde de mércores 17 de outubro, co gallo do Día Mundial da Parada Cardíaca e a Reanimación Cardio Pulmonar, uns talleres de Reanimación (RCP).

Varios membros de Protección Civil e técnicos sanitarios de emerxencias das ambulancias do 061 da cidade compartiron o seu tempo e a súa sabedoría para que a cidadanía aprendamos a salvar vidas en caso de

Porque os exercicios de Reanimación Cardio Pulmonar multiplica por 3 a probabilidade de salvar a vida dunha persoa que está en parada cardiorespiratoria, isto é, que non responde a estímulos e que non respira. Con excelsa amabilidade, os voluntarios foron explicando as partes máis básicas dos exercicios, aderezados por importantes datos sanitarios.

Foron ducias de socios e socias os que practicaron estes exercicios, que deberían saber toda a poboación, para que en caso de estarmos nunha emerxencia, poidamos manter ao paciente no mellor estado posible antes da chegada dos técnicos sanitarios.

RCP no Club do Mar 1

A única muller acusada no crime de Samuel Luiz inculpa ao seu exmozo e outros dous procesados

0

Catherine S.B., a única muller acusada polo crime de Samuel Luiz inculpou ao seu exmozo, Diego M.M., e tamén a outro dos procesados, Alejandro F.G., da agresión ao novo — falecido na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés — e limitou a súa actuación a un intento de lograr que a súa entón parella parase.

Arquivo - Catherine S.B., acusada pola malleira mortal a Samuel Luiz, xunto ao seu avogado, Luciano Prado. M DYLAN - Arquivo
Arquivo – Catherine S.B., acusada pola malleira mortal a Samuel Luiz, xunto ao seu avogado, Luciano Prado. M DYLAN – Arquivo

“Deixa de gravar, a ver se te mato maricón”, manifestou a procesada, no xuízo que se celebra na Audiencia da Coruña, sobre o que lle dixo Diego M.M. a Samuel Luiz cando pensou que este lle estaba gravando, ao que a vítima replicoulle que facía unha videollamada.

Na súa declaración, a moza — a quen como Diego M.M. piden 25 anos de prisión por asasinato con aleivosía e asaña e agravante de discriminación por orientación sexual da vítima — confirmou tamén que Samuel Luiz estaba só e atribuíu os primeiros golpes ao seu entón noivo.

Como Alejandro M.R. — outro procesado en liberdade provisional como ela e o primeiro en declarar — manifestou que viu a Alejandro F.G. agarrando polo pescozo á vítima. “Diego tírase encima deles e eu estou a tentar sacar a Diego de aí”.

“NON AGREDÍN A NINGUÉN”

Alejandro M.R., acusado de participar na malleira mortal a Samuel Luiz en xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés e en liberdade provisional por estes feitos, manifestou que a súa participación ese día limitouse a tentar “separar” nun primeiro momento tras comprobar que había unha pelexa, pero negou que golpease a alguén. “Non agredín a ninguén”.

Así o expuxo na súa declaración tras aceptar facelo ante todas as partes personadas no xuízo que se celebra na Audiencia da Coruña. Segundo o seu relato, tras saír desprazado do “tumulto”, opta por non querer “saber nada” e coller outro camiño. “Desvincúlome desa agresión”, apuntou.

Sobre o día dos feitos, explicou que subiu as escaleiras próximas ao local de lecer onde estivera cos acusados e outras persoas — ratificando que a Diego M.M. botárono pola súa “mala actitude”-– porque escoitou “berros” e interpretou “que hai algún tipo de pelexa”. “Veñen correndo comigo outras persoas, visualizo o tumulto e vexo que Diego estaba a lanzar unha serie de puñadas”.

“Había unhas persoas rodeándoo, había unha multitude, Catherine dime non fagas nada, é todo culpa de Diego, eu non sei por que se inicia a agresión, tento acceder — ao seu amigo — con intención de separar”. Tamén expuxo que viu a outro dos acusados, Alejandro F.G., “collendo do pescozo” a Samuel e dixo que logo a Catherine e a Kaio achegarse cara á dirección na que ían os senegaleses tratando de axudar á vítima.

Convocan unha Concentración nacional en Compostela contra os recortes no ensino

0

De seguro que ducias de familias da Costa da Morte se achegarán este vindeiro 26 de outubro a Santiago de Compostela para unirse á gran mobilización convocada contra os recortes. A Plataforma Galega en defensa do ensino público chama a toda a comunidade educativa a manifestarse despois de comprobar neste convulso mes, o proceso de desmantelamento do ensino público por parte da goberno Xunta do Partido Popular

A Plataforma denuncia “o contraste entre a propaganda da Consellaría e as protestas máis numerosas dos últimos anos protagonizadas polas ANPAs e polos centros educativos ante a falta de profesorado, sobre todo de especialistas para a atención á diversidade nos colexios de infantil e primaria, así como pola desatención absoluta ás demandas de alumnado e profesorado dos centros de secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial”.

A trampa do PROA é un dos mellores exemplos, pois a Xunta está intentando cubrir necesidades estruturais dos centros cos parches financiados con fondos europeos e con menos atribucións. Ademais, a pesar do propagandístico PROA, numerosos centros do país (ata 120 segundo a CIG) quedaron auxiliares de Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe, ademais de quedar tamén sen o reforzo educativo para o que están destinadas as axudas europeas.

Definiron algunhas das eivas que sofren os centros de ensino: “Desdobres non autorizados en aulas que superaban abertamente as ratios máximas, incremento da matrícula nos cursos que xa tiñan entre 20 e 25 estudantes, non computar como dobre ou triple o alumnado con trastorno de conduta, discapacidade ou dependencia, aulas con nenos de distintos niveis ou idades nas que non se cumpren as ratios máximas, falta de profesorado especialista, sobre todo de Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e orientación, que cada vez máis teñen que compartir varios centros ou se contratan a media xornada, así como falta de persoal coidador”.

Unión fronte a división

As organizacións convocantes coinciden en que “o ensino público galego está a deteriorarse e que é preciso unha reacción conxunta e contundente de toda a comunidade educativa, que non acepta parches nin remendos e na que se unan todas as reivindicacións, de todas as etapas educativas, de todos os colectivos”. “Isto é especialmente importante porque a Consellaría tamén xoga á estratexia de dividir, de que cada centro teña que pelexar pola dotación de máis persoal de forma individual, de que as necesidades nunhas etapas educativas poden ser diferentes ás doutras polo propio perfil do alumnado, pero na marcha do día 26 hai un punto en común: a defensa do ensino público galego, desde os 3 anos ás ensinanzas postobrigatorias, e de aí que fagamos un chamamento a participar a toda a comunidade educativa e tamén a toda a sociedade, porque a educación pública é un tema transversal como o é a sanidade ou os servizos sociais”, sentenciaron indo máis alá: “Ademais as Anpas por primeira vez en moito tempo atopámonos coa censura e ocultación de información, dado que os equipos directivos dicíannos que non nos podían dar datos por orde das inspeccións”.

A manifestación

A convocatoria para todas as comunidades educativas (familias, estudantado e profesorado) está lanzada por Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, CIG-Ensino, ANPAS Galegas, ERGUER, Asociación Socio-Pedagóxica Galega /AS-PG), BNG e Galiza Nova. A manifestación sairá da Alameda ás 12:00h.

Cartel manifestacion 26 outubro 2024 ensino publico

Máis novas sobre os recortes

As familias de Oleiros maniféstanse en contra dos recortes no colexios

Denuncian “problemas” cos recortes en 62 centros de ensino da provincia da Coruña

Xurxo Souto volve guiar as andainas etnográficas polos barrios

1

Volven as andainas ‘A Coruña das letras’ este outono, e volven co ánimo de coñecer a historia dos barrios da cidade. co músico e escritor Xurxo Souto, como xa aconteceu o ano pasado en clave de toponimia.

Nesta edición realizaranse tres visitas guiadas. Comezan hoxe, sábado 19 de outubro, cunha ruta por Monelos. Continuarán o vindeiro 26 de outubro por San Roque de Fóra e Labañou e o 9 de novembro pola agra e o cemiterio de Santo Amaro. Nesta última andaina Xurxo Souto contará coa colaboración da escritora Emma Pedreira.

A actividade, dirixida a maiores de 16 anos, ten unha duración de aproximadamente hora e media. Poden inscribirse dende o luns anterior a cada andaina, a través do correo,  inscricionslingua@coruna.gal, indicando nome e apelidos e un teléfono de contacto.

 

Máis novas

Memoria Emocional. Construíndo a memoria de Oza

Descubrindo a riqueza da toponimia da Agra do Orzán

A AMEGA descubriu a Coruña como gran precursora dos medios en galego

Monte Alto rescata a lenda do Santo Amaro

Artigos de Xurxo Souto no XDC

O retorno dos Homes Mariños

A toponimia das pedras Percebeiras do Mar da Torre, a Ruta de Emilio Mariñas

Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre

Volven as protestas para blindar as pensións de toda a poboación

0

Este venres, 18 de outubro, ás 12:00 horas, fronte ao Concello de A Coruña, así como noutras 50 cidades de todo o estado, a Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións (MERP) convoca de novo a toda a veciñanza a participar nunha concentración para que a Consitución garanta o dereito ás pensións para toda a sociedade.

De feito, o lema elixido, “Somos 48 millóns de pensionistas”, fai referencia, explican desde a MERP, “á unidade de todos os sectores da sociedade que somos ou seremos pensionistas”.

Dende a plataforma lembran que no mes de marzo próximo cumprirase o prazo para a revisión da reforma das pensións por parte de Bruxelas, “e, por tanto, do noso Sistema Público de Pensións”. “Noutros momentos vimos como Bruxelas propoñía, e ás veces impoñía, recortes que afectaron á vida de amplos sectores da sociedade”, aseguran, “polo que é máis necesario que nunca avanzar no consenso para blindar as pensións na Constitución prohibindo a súa privatización”.

Para quen representa á plataforma, “estamos a vivir ataques contra as pensións públicas, algúns cuestionando, unha vez máis, a súa sustentabilidade, e outros enfrontando aos nosos maiores coa mocidade, os traballadores, ou mesmo a uns pensionistas contra outros”.

Un acertante na Coruña gaña máis de 1,1 millón de euros no sorteo de ‘A Bonoloto’

0

O dono dun boleto de ‘A Bonoloto’ validado na Coruña percibirá máis de 1,1 millón de euros ao ser o único acertante de Primeira Categoría no sorteo celebrado este mércores, segundo informou Lotarías e Apostas do Estado.

O boleto gañador foi validado na Administración de Lotarías número 7 da Coruña, situada en Rúa Nova, 4.

En concreto, o seu propietario cobrará un total de 1.187.797,01 euros.

A combinación gañadora do sorteo da Bonoloto celebrado este mércores, 16 de outubro, estivo formada polos números 1, 7, 16, 31, 43, 44. O número complementario é o 14 e o reintegro, o 9. A recadación ascendeu a 2.622.233 euros.

De Segunda Categoría (cinco acertos máis complementario) existen dous boletos acertantes, que recibirán 80.215 euros.

O Chuac acolle este venres unha xornada sobre patoloxía gastrointestinal con tres expertos internacionais

0

O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) acollerá este venres unha xornada sobre patoloxía gastrointestinal na que intervirán tres expertos internacionais e á que acudirán profesionais sanitarios de varias comunidades autónomas e de Portugal.

En concreto, participarán a americana Elisabeth Anne Montgomery, profesora da Universidade de Miami; a catedrática portuguesa Fátima Carneiro, do Hospital São João de Porto; e o galego Anxo Carracedo, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e director da Fundación de Medicamento Xenómica.

A xornada arrincará ás 9.30 horas da mañá e estenderase ata as 17.00 da tarde. Está organizada por Anatomía Patolóxica do Chuac, o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), e coordinada polas patólogas Ana Armesto, Catuxa Celeiro, Olga Carballos e Begoña Sanromán.

Segundo explica a organización, o evento pretende achegar información actualizada sobre temas emerxentes da patoloxía gastrointestinal, con especial énfase na neoplasia –multiplicación ou crecemento anormal de células nun tecido do organismo– gastrointestinal incipiente e nas vías moleculares do cancro que afecta a esta especialidade.

A morte de Samuel Luiz foi “unha cazaría inhumana” para a acusación mentres que para a defensa hai falta de probas

0

O xuízo pola morte de Samuel Luiz — o mozo de 24 anos que faleceu tras unha malleira á saída dun local de lecer, despois de que un do cinco procesados que desde este mércores senta no banco dos acusados crese que lle estaba gravando, –– comezou este mércores na Audiencia Provincial da Coruña tras constituírse o xurado o martes.

Foi coa exposición de cuestións previas e despois de que só dous dos cinco acusados accedesen pola entrada principal por ser os únicos que se atopan en liberdade, con obrigación de comparecencias ante o xurado. Os outros tres atópanse en prisión provisional desde o día dos feitos, a madrugada do 3 de xullo de 2021.

A única muller acusada, Catherine S.B. chegou acompañada polo seu avogado, coa cabeza baixa e coa carapucha posta, nun momento no que estaba a chover con intensidade. Mantivo silencio ante os numerosos medios de comunicación congregados ás portas da Audiencia da Coruña, o mesmo que fixo á saída, neste caso co rostro descuberto, pero sen facer declaracións.

Este foi o caso tamén de Alejandro M.R. que, como ela, declarará este xoves. Saíu, ao termo do xuízo tras unhas catro horas de sesión, cunhas lentes de sol e sen contestar as preguntas dos medios. Si o fixo o seu avogado, Manuel Ferreiro, que incidiu, como no xuízo, en que non hai probas contra o seu cliente e negou a súa participación.

“Será un covarde, un imbécil, pero non é un asasino”, sentenciou ante as peticións de pena das acusacións: Fiscalía, a particular, exercida pola familia da vítima, e a popular, a cargo do colectivo LGTBI ALAS Coruña.

DISCRIMINACIÓN POR ORIENTACIÓN SEXUAL

Todas elas piden unha condena por delito de asasinato con saña e aleivosía e agravante no caso de Diego M.M. e Catherine S.B. por discriminación en relación á orientación sexual da vítima. Por iso, a eles pídenselles 25 anos de prisión.

E é que a cuestión de se a condición sexual fixo que a agresión recibida fóra aínda maior foi outro dos aspectos que centrou o xuízo nesta primeira sesión e na exposición das partes en relación ás súas solicitudes de condena ou non. No seu caso, as defensas piden a libre absolución.

“Non o golpeou porque fose homosexual”, indicou o letrado de Diego M.M., que manifestou que o seu cliente estaba esa madrugada “mamado“, en referencia ao consumo de alcol, e que “quería gresca”. “Tomouna con Samuel como podía ser con calquera”, aseverou para rexeitar, no entanto, que “o golpease durante seis minutos e en 180 metros”.

AGRESIÓN DUNHA “MANDA”

Isto expúxoo fronte aos argumentos das acusacións. Así o letrado do colectivo LGBTBI vinculou a agresión con “unha manda” mentres que a avogada da familia manifestou que o cinco “eran perfectamente conscientes da gravidade” dos feitos.

“Dicir que non querían matalo e entón, que querían, mandarlle á UCI, deixalo en cadeira de rodas ou romperlle todos os ósos?”, expuxo para insistir en que o perseguiron “cando fuxía, cando non tiña forzas e se queixaba”. “Non detiveron o ataque ata que caeu ao chan”.

De “cazaría brutal e inhumana” cualificou a fiscal o que ocorreu, insistindo en que houbo unha “animadversión” pola condición sexual da vítima, en alusión en concreto ao que presuntamente iniciou a agresión. “A morte de Samuel foi previsible, coñecida e aceptada por todos os acusados”, aseverou.

DEFENSAS NEGAN PARTICIPACIÓN

“Non fai absolutamente nada”, asegurou o letrado de Catherine S.B., quen definiu á súa clienta como unha “nena”, á vez que sostivo, fronte ao que manteñen as acusacións, que tentou parar a agresión.

O avogado de Kaio A.S.C. rexeitou que o seu cliente participase nela e insistiu en que tentou “separar”. Ademais negou que roubase o móbil da vítima, motivo polo que para el se pide a pena máis elevada, 27 anos de cárcere.

“Non toda agresión con resultado de morte ten a mesma consecuencia xurídica”, insistiu, á súa vez, o letrado de Alejandro F.G., para o que se solicitan 22 anos de cárcere como para Alejandro M.R.

O xuízo, no que hoxe os acusados estiveron con rostro serio, algúns coa cabeza baixa e outros mirando de cando en vez cara á zona do xurado ou falando nalgún momento puntual co seu letrado, seguirá este xoves coa declaración dos dous acusados en liberdade, ademais de testemuñas: dous amigos da vítima presentes no lugar e os cidadáns senegaleses que trataron de auxiliar a Samuel.

Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?

0

O estado do galego e Internet

Co paso dos anos Internet volveuse omnipresente nas nosas vidas, tanto no ámbito persoal como profesional. No ámbito persoal, as redes sociais, como Facebook e Instagram, axudan a conectármonos con amigos e familiares, mentres que plataformas como YouTube, Tiktok e Netflix proporcionan horas de entretemento. No ámbito profesional, a influencia de Internet tamén se fai sentir de forma significativa nos negocios.

Empresas de todas as dimensións están a aproveitar as oportunidades que ofrece a rede. Desde o tendeiro local que anuncia os seus produtos nunha páxina web ata a multinacional que utiliza a Internet para expandir o seu alcance global, a presenza en liña é crucial. E dar as costas a esta realidade só prexudica o mercado galego.

A presenza do galego na rede

O éxito de Internet nas nosas vidas non supuxo un pulo decisivo para a nosa lingua. A presenza do galego en Internet e nas redes sociais é baixo e se non diminúe máis, é porque o activismo lingüístico en galego é teimudo e traballa arreo para mellorar a situación.

Neste punto atopámonos con dous grandes factores que inflúen decisivamente á hora de analizar o desenvolvemento do noso idioma no mundo dixital:

  1. O uso do galego na rede e os contidos que existen.
  2. Os xigantes de Internet que utilizamos día a día.

O uso do galego na rede e os contidos que existen

Radiografar a realidade do idioma en Internet é moi complexo. Como se pode comprobar cunha busca de información, existe moita controversia neste punto [1] [2]  e non temos á man datos definitivos que nos permitan decantarnos por unha situación ou outra.

Pódense facer estimacións máis ou menos realistas, mais non é posible asegurar que eses cálculos sexan correctos. Por exemplo, W3Techs mantén actualizados unha serie de rankings de uso de Internet, entre eles a do idioma [3]. Na súa comparativa anual pódese observar unha teórica pequena mellora no uso do galego, estando presente no 0,009% das páxinas web do mundo.

Neste punto cómpre indicar que estes datos son estimacións baseadas nun modelo de análise automático dunha mostra de varios millóns de sitios web [4], non unha mostra completa de Internet. Para iso depéndese por enteiro de buscadores como Google ou Bing, os cales non revelan cantos sitios web almacenan as súas bases de datos nin o seu idioma.

Algo similar pasa coas redes sociais, plataformas propietarias pechadas en que é imposible obter ningún dato de uso agás as escasas estatísticas propias de cada perfil ou os reportes de uso xenérico que elas mesmas achegan.

O que si é posible afirmar é que Internet non é alleo á perda de falantes no mundo real [5].

De xeito progresivo, a xente non usa a lingua no día a día, dá igual que sexa en Internet ou no supermercado.

Cómpre destacar que se chegamos até hoxe nesta situación, e non peor, é por iniciativas en moitos casos particulares ou asociativas.

Convídoche a pensar cantos proxectos en galego en Internet coñeces. Se cadra es quen de nomear 100. De memoria son moitos, mais no océano que é Internet, non representan nin unha pinga de auga.

Sendo conscientes de que nalgúns eidos si existen contidos escritos e audiovisuais completos e multicorais (por exemplo, divulgación cultural e histórica, lingüística ou de lecer/variedades [6] [7] [8] [9]), na maioría de temas a presenza do idioma é anecdótica, residual ou inexistente, nomeadamente se analizamos os contidos vinculados ao eido profesional ou empresarial.

E, máis polo miúdo, a meirande parte da creación céntrase no vídeocurto/efémero vertical para as plataformas Tiktok e Reels, deixando nun segundo plano o vídeo longo, o podcast, os blogs, boletíns/newsletters ou en xeral as páxinas web e o eCommerce.

Para mostra disto último, analicemos a situación do noso dominio propio, o .GAL. Existen nestes intres algo máis de 7.000 dominios .GAL rexistrados [10] desde o 2014, momento no cal comezou a ser posible mercalos.

Nun intervalo temporal semellante, o dominio .EUS suma o dobre [11] e o dominio .CAT, activo desde hai xa 18 anos, chega a máis dos 111.500 rexistros [12].

O baixo número de rexistros en comparación ten moitas explicacións sociais, económicas, políticas e tamén técnicas, das que falaremos un pouco máis abaixo. Mais tamén demostra que hai un gran campo de actuación por diante e a oportunidade de posicionarse para moitos proxectos e marcas.

Os xigantes de Internet que utilizamos día a día

Neste punto é preciso partir dunha premisa. Cando navegamos en Internet, cando consumimos contidos, cando os creamos ou cando os buscamos, facémolo case na súa totalidade a través de produtos ou servizos creados e xestionados por corporacións multinacionais privadas.

Tamén a propia tecnoloxía que nos permite o acceso a Internet, como as computadoras, os móbiles e os sistemas operativos instalados neles, están na súa maior parte vinculados directa ou indirectamente a estas mesmas corporacións.

Naturalmente estes xigantes tecnolóxicos teñen a súa propia axenda e intereses económicos e sociais, e en moitos casos non casan coas necesidades da comunidade en galego.

Para buscar contidos, a cota de mercado de Google supera o 95% no noso entorno xeográfico [13]. Quen teña un proxecto que non saia en Google, terao moi difícil para a difusión, comercialización e escalabilidade. Tradución disto? O seu monopolio, as súas normas.

Para navegar, Chrome apoderouse do mundo e os seus competidores inmediatos tampouco son mellores: Safari e Edge [14]. Só Firefox intenta romper coa tendencia monopólica.

En redes sociais, ningunha das principais está fóra destas lóxicas [15]. Facebook e Instagram son propiedade de Meta. YouTube é propiedade de Alphabet (do mesmo xeito que Google). X é propiedade de Elon Musk. Twitch de Amazon. Tiktok de ByteDance. A alternativa aberta a todas elas que máis tirón tivo foi Mastodon, cuxo uso é residual.

A única excepción parcial a este dominio corporativo atopámola na creación de páxinas web, con WordPress liderando este ranking. Desta volta si, ferramenta de Software Libre con interfaz traducido 100% ao galego [16] e que permite crear páxinas web no que figure o código idiomático do galego (gl_ES).

A onde quero chegar con isto? Esta realidade é imposible de obviar á hora de analizar a presenza, uso e utilidade do galego a través destas plataformas.

Google

Comecemos co que é, con toda probabilidade, o maior dos impedimentos para a medra do galego en Internet: a busca de Google. Google non ten en conta as buscas en galego e, por defecto, mostra resultados en castelán.

Isto é unha traba maiúscula. Google rexistra miles de millóns de buscas diarias no mundo [17], de todos os temas e de todas as disciplinas. O seu uso é esmagador por todas as xeracións independentemente da idade (nota: a xeración Z tamén usa Tiktok como buscador) para procurar infinidade de cousas: novas, titoriais, dúbidas, receitas, lecer…

Pensa entón un intre no que isto significa. Se unha páxina web en galego, se un blog en galego, se un eCommerce en galego é invisible para o posicionamento web en Google, cal é o incentivo que pode ter calquera persoa cun proxecto ou negocio en crear un sitio en galego? Só o activismo lingüístico? O compromiso? Iso lévanos a un punto de residualidade máxima.

É certo que Google se pode configurar para que mostre o interface en galego. Iso mellora algo a busca, pero non arranxa o problema. Segue mostrando os resultados en castelán porque non ten implementado a nivel técnico o chamado filtro de idioma para os resultados [18].

É dicir, non existe a posibilidade de ver resultados en galego ante unha busca en galego, cousa que si é posible no catalán ou no castelán.

Malia que non existe ningún estudo recente a día de hoxe que demostre que impacto real ten isto (a última referencia data de 2008 [19]) podemos presumir que é un impacto brutal.

O que si podemos facer é establecer un paralelismo entre o galego e o catalán, onde si existen datos recentes que demostran como un pequeno cambio nos resultados de busca en Google poden provocar un aumento na visiblidade ou na invisibilidade do contido [20] cando si existe filtro de idioma nos resultados.

YouTube

Continuamos con YouTube, o buscador por excelencia para contido en vídeo. Non só arrastra o mesmo problema da busca que Google, onde ante procuras en galego os resultados que mostra son en castelán. Se non que ademais diso, non ten implementada a “burbulla” de contidos para o galego [21].

A burbulla de contidos é un funcionamento propio das redes sociais onde os contidos que se mostran a continuación teñen relación cos que viches anteriormente. Pensa por exemplo na suxestión de vídeos que se mostran na barra lateral de YouTube ou cando rematas de ver algo.

Pois co galego non existe esa burbulla. Non hai recomendacións de contidos no noso idioma. Logo de ver un vídeo en galego, por norma xeral, as suxestións serán de vídeos en castelán e non doutros vídeos en galego. Este funcionamento de burbulla, que nos permite coñecer novos creadores e novos contidos, non aplica para o galego o cal significa na práctica unha invisibilización dos creadores que non se coñecen previamente.

Os casos de Google e YouTube son especialmente graves, e non só polo número de usuarios que os utilizan, se non porque tanto no código de programación das páxinas web como nos vídeos que se suben, está perfectamente indicado o idioma. É unha cuestión de vontade!

Para finalizar co nefasto ecosistema de Alphabet a respecto das buscas, coñecida foi a súa histórica deturpación toponímica no Google Maps [22], corrixida de xeito parcial moi recentemente (setembro 2024)  [22.1] ou a inexistencia dun dominio propio .GAL para o buscador. Cousa que non sucede co .CAT.

Proba a acceder a google.cat e a google.gal e verás a diferenza.

Publicidade online

Se nos referimos á publicidade online, a cousa non mellora. Isto aplica principalmente a proxectos de divulgación, autónomos ou empresas que teñan como obxectivo acadar máis impacto ou conseguir novos clientes. Mais, con todo, afecta ao conxunto do uso do galego en Internet.

As principais plataformas de anuncios online como son Google Ads, Meta Ads (Facebook e Instagram) e Tiktok Ads non ofrecen a posibilidade de que o idioma do anuncio sexa o galego e, no mellor dos casos non funcionan ben eses anuncios, e no peor elimínanse [23] [24].

Nestes intres a publicidade en Internet é tan ou máis importante que a que se realiza de xeito tradicional. Imaxina que non existise a posibilidade de colocar un panel en galego, un anuncio nun xornal ou unha cuña de radio. Iso mesmo é o que se impide en Internet. Tanto por acción (eliminación de anuncios) [24.1], como por omisión (mal funcionamento).

Por exemplificar a problemática na plataforma posiblemente máis grande de todas, Google Ads, o galego está ausente da súa lista de idiomas permitidos [24.2].

É máis, a súa política di: “No se aprobará ningún anuncio creado en un idioma no disponible. Los idiomas disponibles en la segmentación por idioma se pueden utilizar en anuncios y destinos”.

Nesta última frase están dicindo en positivo que os idiomas que non están dispoñibles na segmentación por idioma, non se poden empregar nin en anuncios nin en páxinas de destino.

E se nos referimos a gañar diñeiro coa publicidade, a cousa non mellora. Para entendérmonos, as vías de ingreso publicitario máis importantes en Internet son: colocar banners a través dos principais servizos de inserción de publicidade nunha páxina web (o que se coñecía como Google Adworks) ou incluír pausas publicitarias en vídeos subidos a YouTube ou Facebook.

Pois tampouco funcionan en páxinas web cuxo contido está escrito en galego ou en vídeos cuxo principal idioma é o galego. Neste caso son bots automáticos quen o detectan, polo que a única opción é intentar enganalos. Cousa que está difícil.

En Internet existen moitos proxectos que gañan diñeiro mediante a inserción de publicidade automática, algo que para nós está pechado.

Redes sociais

En canto ás redes sociais o panorama é diverso. Por defecto, ningunha delas impide a subida de contidos en galego nin, a priori, o algoritmo penaliza o seu uso. Se cadra, o problema será máis ben que ese algoritmo entenda a quen deben mostrar os vídeos.

Isto está a debate [25], pois non hai datos que o avalen.

No que si presentan problemas algunhas delas é no idioma do interface, o cal non está traducido, a tradución está incompleta ou presenta moitos erros.

Outro dos problemas é o etiquetado de idioma. En plataformas como Twitch non permiten indicar que a transmisión de contidos está feita en galego, polo que o filtrado por idioma é imposible no noso caso. Noutras redes, as usuarias e usuarios crearon cancelos propios para agrupar o contido no noso idioma e así facilitar as buscas [26].

Por último, no tocante á irrupción da Intelixencia Artificial, os resultados son diversos. Centrándonos na aplicación máis famosa de IA xenerativa que é ChatGPT baseado no modelo GPT 3.5, GPT 4 e GPT 4o o uso do galego é posible mais presenta diferentes erros na resposta. Dado o potencial que presenta a Intelixencia Artificial nos próximos anos, existen diferentes proxectos para que o galego non fique atrás tamén neste eido [27] [28] [29].

Conclusións

A tenor do indicado e do conxunto das fontes consultadas, extraemos 6 ideas a modo de conclusións a respecto do galego en Internet:

a. O uso do galego en Internet é reflexo do uso social.

Non se pode separar a rúa de Internet, e a situación social do galego tamén se reflicte no mundo dixital. Con todo, e malia as dificultades e a escasa presenza, si se detecta unha onda favorable por parte dos usuarios que atopan no galego unha ferramenta comunicativa e libre dalgúns prexuízos que aínda leva asociado noutros entornos sociais.

b. Contidos en galego.

O número de contidos en galego en Internet continúa a ser cativo e, en moitos casos, inexistente. Do mesmo xeito que é preciso que existan series e películas en galego nas plataformas máis populares, tamén se precisan máis medios de comunicación en galego, máis podcasts, máis vídeos, máis artigos de blogs, máis usuarios nas redes… e máis negocios cos seus sitios web e comercios electrónicos no noso idioma aproveitando as súas potencialidades.

Contidos de todo tipo e condición: desde o coidado da horta, ata a cociña, a mecánica, a moda, o fogar, a cultura, o márketing, as finanzas, a política…

c. Alcance e mercado.

Contra o prexuízo establecido de que o galego limita, afirmamos que en xeral é precisamente o contrario. Alén de que non hai ningunha razón máis poderosa para utilizar o galego que ser a nosa propia lingua, en moitos casos o rexeitamento vén dado pola errónea conclusión de que en galego se chega a menos xente.

Por unha banda, nunca nos diriximos a todo o mundo. Os nosos contidos están pensados para un público concreto. Isto chámase segmentar a audiencia.

Chegar a ese público será moito máis sinxelo nun entorno con menos competidores, onde destacar non é algo que dependa dos cartos que poidas investir. Polo xeral será máis sinxelo ser o peixe que destaque nunha pequena lagoa, que intentar facelo na inmensidade do mar.

Un exemplo moi claro disto é a cantidade de dominios de Internet .GAL que están libres. Algúns dunha soa palabra, de poucas letras. Algo que noutras extensións como a .COM ou a .ES é imposible de atopar.

Imaxinas as posibilidades que tería o teu negocio local se foses quen de rexistrar pizza.es, coches.com ou bodas.es. Pois co .GAL podes. As oportunidades están aí!

d. Acción individual.

Malia que a acción individual en moitas ocasións é pouco menos que inútil, hai certas cousas que podemos facer para axudar a incrementar a presenza do galego no día a día. E non todas implican divulgar ou crear.

Unha delas é configurar o sistema operativo, os navegadores, os buscadores e o propio móbil en galego para que quede rexistrado que navegamos nesa lingua e que somos galegos.

A isto súmase utilizar e apoiar proxectos de software libre, onde o galego ten moito máis peso grazas á comunidade de tradutores voluntarios.

Se cadra, se comezamos a aparecer nas estatísticas algo se mova. Aquí tes unhas guías creadas por .GAL que che poden axudar.

e. Acción colectiva.

Desde hai polo menos dúas décadas a comunidade galega en Internet articulouse para que a lingua tivese ferramentas e presenza. Desde os primeiros medios de comunicación e redes de blogs, ata as actuais comunidades de creadores, pasando por moitas iniciativas de galeguización actuais e pretéritas.

Asociarse, colaborar e crear deben ser unha das ferramentas útiles neste punto.

f. Acción institucional.

Non podemos levarnos a engano. Para que as corporacións multinacionais movan ficha é necesaria a acción institucional, algo que moitos botamos en falta. É preciso que a institucións galegas tomen medidas para que se comecen a mover as pezas.

Se se conseguiron noutras linguas, por que non sería posible na nosa?

—

Notas:

  • [1] Internet é o lugar “onde máis medra o galego” e un “mar de oportunidades” (Diario de Pontevedra, 2018).
  • [2] A lingua galega perde peso en Internet e segue moi por debaixo do catalán e éuscaro (Galicia Confidencial, 2020).
  • [3] Usage statistics of Galician for websites (W3techs, 2024).
  • [4] Methodology (W3techs, 2024).
  • [5] O cativo uso do galego en Internet e nas redes sociais, un freo para a normalización da lingua. (Praza, 2019).
  • [6] Comeza a cuarta década da rede en galego, que nos vai traer? (Vinte, 2021).
  • [7] Streamers. Máis de 60 xogadores comparten as súas partidas en directo e en galego (Vinte, 2021).
  • [8] Os mellores momentos da internet galega en 2021. (Vinte, 2021).
  • [9] TikTok, a plataforma dos novos creadores de contido en galego. (O salto, 2023).
  • [10] Dominios .GAL.
  • [11] Dominios culturais e territoriais reúnense con rexistradores na Coruña. (Asociación.gal, 2024).
  • [12] Domini .CAT.
  • [13] Cuota de mercado de los principales motores de búsqueda online en 2023 (Statista, 2023).
  • [14] Google Chrome se ha apoderado del mundo. (Statista, 2023).
  • [15] IAB Spain presenta la XI Edición del Observatorio de Marcas en Redes Sociales (iabspain, 2023).
  • [16] Comunidade de tradutores a galego de WordPress.
  • [17] 50 estadísticas sobre las búsquedas de Google. (Semrush, 2023).
  • [18] Gravación propia.
  • [19] Google podería estar a crear unha fenda lingüística. (Código Cero, 2008).
  • [20] Google millora els resultats de cerca en català. (Fundaciò .CAT, 2024).
  • [21] Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads. (Código Cero, 2018).
  • [22] Os mapas dixitais polo seu nome. (A Mesa, 2022).
  • [22.1] Google Maps comeza a respectar a toponimia oficial galega. (G24.gal).
  • [23] Denuncian a discriminación do galego por parte de Google Ads. (Código Cero, 2018).
  • [24] Unha campaña exixe a Tik Tok que acepte o galego como lingua oficial. (Nós Diario, 2021).
  • [24.1] Rei Zentolo, contra o algoritmo de Google: “as principais ferramentas publicitarias toman o galego como unha errata”. (Praza Pública).
  • [24.2] Sobre idiomas dispoñibles na interfaz de Google Ads. (Google).
  • [25] Cal é o futuro da lingua galega na Internet…? Vale para as redes sociais ou as buscas en Google? (Galicia Confidencial, 2023).
  • [26] Exemplo #tiktokengalego que agrupa todo o contido en galego no Tiktok. Fonte. Ou #engalego no Instagram.
  • [27] Como evitar que o galego morra na rede: o Chat GPT e o Proxecto Nós. (Galicia Confidencial, 2023).
  • [28] Proxecto Nos.
  • [29] “Ola, Cabuxa”: así é o Chat GPT galego que deseñan na Coruña. (GCiencia, 2023).

 

Novas relacionadas

O castelán supera ao galego por primeira vez como lingua maioritaria en Galicia