Inicio Blog Páxina 378

ADEGA pon en valor o papel das mulleres nas loitas ecoloxistas 

A delegación de ADEGA-A Coruña e o Concello da Coruña presentaron na mañá deste mércores, 16 de outubro as xornadas ecofeministas “As mulleres gardiás da ría e do mar”. Unhas xornadas que se desenvolverán estes sábado 19 e domingo 20 de outubro, e que procuran poñer en valor o papel das mulleres nas loitas ecoloxistas ligadas ao mar e xerar un espazo cómodo no que contar as súas experiencias de traballo en primeira persoa. O ecofeminismo será o gran protagonista.

As mulleres gardiás da ría e do mar

Conferencias o sábado e roteiro pola ría do Burgo o domingo

O evento comezará o 19 de outubro cunha serie de conferencias na AC Alexandre Bóveda, e rematará o domingo 20 cun roteiro pola ría do Burgo.

A través do testemuño de seis mulleres cuxa vida está ligada dunha ou doutra maneira ao mar, ADEGA pretende facer unha reflexión sobre o traballo das mulleres no coidado da natureza, e en concreto, do mar e das rías. Así, o sábado 19 de outubro a partir das 11:00h e ata as 19:00 horas, con pausa para o café e para o xantar, falarán da súa visión para o coidado do medio natural as seguintes poñentes:

  • Teresa Ramiro (Mariscadora na Ría do Burgo).
  • Sandra Amezaga (Secretaria Ascociación Mulleres Salgadas).
  • Mercedes Bernal (Secretaria da Confraría de pescadores da Coruña durante máis de 30 anos).
  • Maria Ballesteros (Responsable de educación e voluntariado en Surfrider Fundation).
  • Ángela Cortina (Secretaria Técnica para as flotas de Gran Altura de ARVI).
  • Itziar Díaz (Educadora ambiental de ADEGA).

Para completar as xornadas, ao día seguinte, domingo 20 de outubro, ADEGA organizará un roteiro pola ría do Burgo para descubir esta zona de produción marisqueira e a súa biodiversidade. Este percorrido guiado non só permitirá coñecer a biodiversidade local e o labor das mulleres que viven do marisqueo, senón que tamén será unha oportunidade para reflexionar sobre as ameazas que enfrontan estes ecosistemas e a urxencia de protexelos.
Este roteiro é de balde, mais cómpre inscribirse previamente neste formulario.

O CHUAC realiza 10 enxertos de órganos sólidos en 36 horas co equipo de transplantes

0

O equipo de transplantes do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) realizou 10 enxertos de órganos sólidos nas últimas 36 horas. Os órganos trasplantados procedían de dous doantes.

Segundo explican nun comunicado, os transplantes realizados polos profesionais do CHUAC foron catro enxertos renais, dous enxertos hepáticos, tres pulmonares e un cardíaco. Destas operacións, 10 pacientes víronse beneficiados.

No comunicado sinalan que a isto hai que engadir a actividade ordinaria nos quirófanos do CHUAC, que non se viu alterada, “podendo cumprir coa programación diaria establecida”, e ademais asumir a carga asistencial e loxística que supón a realización de 10 enxertos de órganos sólidos en menos de dúas xornadas.

Destacan tamén que este labor non sería posible sen a implicación dos máis de 200 profesionais que estiveron traballando para que este traballo tivese éxito.

“Todo iso grazas aos equipos multidisciplinares que forman urólogos, cirurxiáns xerais, cardíacos e torácicos, así como nefrólogos, hepatólogos, cardiólogos, neumólogos e anestesistas, ademais do persoal que traballa nas unidades de reanimación e coidados intensivos, sen esquecer ao persoal de enfermaría e servizos xerais do CHUAC”, remarcan.

Conclúen asegurando que, con estes 10 novos enxertos, a actividade trasplantadora do hospital alcanza unhas cifras globais “moi elevadas”, “mantendo o alto nivel de anteriores anos”.

O Xardín de San Carlos poderían abrir na primavera de 2025

Dende maio do 2023 leva pechado o Xardín de San Carlos. Un espazo cheo de historia que xa sufrira un peche durante o 2022, e que vén de coñecer cal é o seu Plan de Recuperación Integral ante a enfermidade de varios dos exemplares botánicos.

Preguntaba o PP en outubro do ano pasado pero non foi ata hoxe cando o concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz informou do Plan, que se levará a cabo un investimento inmediato de máis de 200.000 euros (que será aumentado). Os plans municipais pasan por abrir ao público o xardín de San Carlos durante a primaveira do ano que vén.

As obras consisten na substitución dos 13 olmos afectados polas pragas de grafiose. “Son as árbores que non superaron a enfermidade, que serán retiradas e substituídas por outros tantos exemplares resistentes ao fungo”, explicou a concelleira, que deu conta do cronograma de traballos previsto polo Executivo municipal.

Por agora están realizando un plan especial de protección da muralla que acouta o xardín, para evitar desprendementos sobre a vía pública. En paralelo, licitarase nas vindeiras semanas unha diagnose completa do estado da muralla que culminará coa redacción dun proxecto para a súa rehabilitación integral.

A retirada dos olmos afectados comezará o vindeiro luns 21, traballos que durarán durarán dúas semanas. Unha vez finalizada a retirada, realizarase unha ampla sondaxe arqueolóxica para coñecer en detalle o estado e a morfoloxía dos xardíns. Esta quenda de traballos rematará en febreiro do 2025.

E, xa a continuación, o Concello iniciará as tarefas de plantación das novas árbores (xa reservadas nun viveiro de Alemania, todas cun perímetro de tronco de 35 centímetros e unha altura de oito metros) proceso que levará aproximadamente dez días.

Máis novas

Olladas doutro tempo: O Xardín de San Carlos

O PP pregunta pola reapertura do Xardín de San Carlos

 

 

A CTNL convoca os VI Premios Mil Primaveras para recoñecer accións de normalización lingüística

0

En marcha unha nova edición dos Premios Mil Primaveras. Uns premios convocados pola Coordinadora de Técnicas de Normalización Lingüística que trata de recoñecer accións, programas, campañas, proxectos etc. que teñan como obxectivo a promoción do uso e do prestixio da lingua galega. O ano pasado, entre as recoñecidas atopamos iniciativas herculinas como o Recuncho Gamer ou a campaña #Aquítaménsefala, e este ano, na súa 6ª edición, buscan novos proxectos.

Os Premios Mil Primaveras non teñen dotación económica. Con eles procúrase o recoñecemento e a ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Para axudar a dar a coñecer os proxectos premiados, organizarase un acto público de entrega e os seleccionados polo xurado estarán dispoñibles para a súa consulta detallada no web www.milprimaveras.gal, tal e como están agora os 28 proxectos elixidos nas edicións anteriores.

Participación, inscricións e prazo

Todas as candidaturas deberán ser de programas, proxectos ou accións xa desenvolvidas e con vixencia total ou parcial en 2021, 2022, 2023 ou 2024. Non se valorarán propostas de accións pendentes de levar a cabo nin se premiarán traxectorias de entidades, senón programas concretos desenvolvidos nalgún/s dos anos indicados.

A inscrición faise a través dun formulario dispoñible en www.milprimaveras.gal.

O prazo para inscribir proxectos estará aberto do 16 de outubro de 2024 ao 31 de xaneiro
de 2025.

Máis novas

O #Aquítaménsefala e o Recuncho Gamer reciben os Premios Mil Primaveras

Que problemas ten o galego para ser útil en Internet?

Volve o Festigual, un festival inclusivo que fai cidade dende a cultura

0

O Festigual regresa á Coruña do 30 de outubro ao 29 de novembro, cunha programación que reivindica o acceso á cultura para todas as persoas. Este evento chega á sua 8ª edición, consolidando á cidade como referente nas reivindicacións sociais e faro cultural.

Teatro, música, danza, exposicións e graffitis, ademais de encontros formativos e actividades comunitarias, forman parte da completa programación, que se formula dende a vangarda cultural e a diversidade, sinais de identidade dun festival que trata de sensibilizar sobre a necesidade de crear espazos compartidos, accesibles e con participación real para todas as persoas, independentemente das súas capacidades.

Festigual trata de escapar dos circuitos normativos da cultura, moitas veces capacitistas, para construír un festival que poña no centro a accesibilidade e o goce de toda a poboación. Un proxecto colaborativo que é posible grazas ás usuarias das entidades sociais que traballan durante todo o ano para que esto se faga realidade.

Corina Alfonso, parte do elenco da obra Nada se Sabe que se representará no Festigual, destacaba na rolda que “(…) estas iniciativas son un paso cara a normalidade que buscamos. Queremos ser actores e actrices. Sen máis”. Pola súa banda, Cristina de la Puente da Asociación Poten100mos, destacou a colaboración desta entidade co festival, crecendo xuntos dende a súa primeira edición, presentando cada ano diferentes disciplinas artísticas, refrexando a diversidade social, fomentando a empatía e o acceso universal á cultura para todas e todos.

CARTEL__festigual24-Coruna
Sophie Simmons protagoniza o cartel 2024

 

Programación Completa 2024

A programación deste ano inclúe unha variedade de propostas que combinan vangarda e tradición.

  • 30 de outubro, Cerebro, artes, acción. Experimentadanza e a Banda Municipal da Coruña
  • 3 de novembro. Música Baixo as Estrelas. Con Sophie Simonds, Pulpiño Viascón, Misuria Blues, Rozadura e Dani Blanco. Presentan Fran Rei e Corina Alfonso. Teatro Colón ás 19:00h
  • 7 de novembro. Museo Virtual. Os amigos do Museo de Belas Artes. Centro Ágora ás 18:30h
  • 7 de novembro. A proxección sonora III. La fábrica Illuminata. Asoc. Cultural AIS. Centro Ágora ás 19:30h
  • 7 de novembro. O misterioso Cabarel do Sr. Pilgrim… E freestyle. Asoc. Poten100mos. Centro Ágora ás 20.00h
  • 8 de novembro – Graffiti Inclusivo. Asociación Participa. Centro Amigó Os Mallos ás 17:00h
  • 9 de novembro. Xornada de Arte e Saúde. Hospital de Oza. Toda ao día
  • 9 de novembro. Pies de barro. Rebeca Ponte e Elvís García. Hospital de Oza ás 18.30h
  • 14 de novembro. Puños de Harina. El Aedo Teatro. Centro Ágora ás 12:00h* e ás 20:00h
  • 17 de novembro. Museo Virtual. Os amigos do Museo de Belas Artes. Centro Ágora ás 18:00h
  • 17 de novembro. Nada se sabe. Culturactiva Producións e Centro Dramático Galego. Teatro Colón ás 19:00h
  • 27 de novembro. Fillas de Cassandra (en acústico) + Chungo Pastel. Centro Ágora ás 20:00h
  • 29 de novembro. Músicas Inclusivas e Participativas. Robert Pier e o Coro Diversos Funcionais. Centro Cívico Os Mallos ás 20:00h
  • Do 28 de novembro ao 15 de decembro. Exposición: XV aniversario da Torre de Hércules Patrimonio da Humanidade Sociedade Filatélica de A Coruña. Sala Municial de Exposiciones Salvador de Madariaga.

A acusación popular no xuízo pola morte de Samuel : “Foi unha agresión en grupo, unha manda”

0

O xuízo pola malleira mortal a Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021, á saída dun local de lecer no paseo marítimo coruñés, comezou pouco despois do dez e cuarto da mañá na Audiencia Provincial da Coruña e cun Tribunal do Xurado integrado por seis mulleres e tres homes, ademais de dous suplentes.

O avogado da acusación popular, exercida polo colectivo LGTBI ALAS Coruña, vinculou a súa morte a “unha manda”. “Trátase dunha agresión en grupo, é unha manda o que houbo“, sentenciou ante o Tribunal do Xurado da Audiencia Provincial da Coruña o letrado Mario Pozzo. “Non estamos na Idade Media“, asegurou tamén para remarcar que estamos “nunha sociedade diversa, xusta e igualitaria”. “Non pode haber ningún tipo de acto delicitivo porque se base nunha crenza de superioridade“, indicou.

CAZARÍA

Tamén a fiscal do xuízo cualificou de “cazaría brutal e inhumana” a morte do mozo, ocorrido na madrugada do 3 de xullo de 2021 tras unha malleira á saída dun local de lecer da Coruña. “Por un grupo de persoas que eran conscientes”, dixo na súa exposición ante o Tribunal do Xurado na Audiencia Provincial da Coruña e ao argumentar que os acusados, ao seu xuízo, eran conscientes de que podían provocarlle a morte.

Ademais, sostivo que Diego M.M., o que, segundo as acusacións iniciou a agresión, mostrou “animadversión” e “rexeitamento” ante a orientación sexual de Samuel, motivo polo que tanto a el como á súa noiva nese momento e tamén acusada, Catherine S.B., pídeselle a agravante de discriminación por orientación sexual.

O xuízo comezou cunha ampla expectación mediática cunha trintena de medios acreditados, está fixada a exposición de informes e cuestións previas polas partes personadas: Fiscalía; acusación particular (a familia de Samuel); acusación popular (o colectivo LGTBI ALAS Coruña) e as defensas, en representación de cada un dos cinco acusados. O día 17 declararán dous dos acusados nun xuízo previsto ata o 18 de novembro, coa entrega ese día do obxecto do veredicto ao xurado.

FAMILIA

A avogada da familia de Samuel Luiz, Esther Martínez, manifestou que os cinco acusados — catro homes e unha muller — pola morte do mozo eran “perfectamente conscientes da gravidade” dos feitos. “Dicir que non querían matalo e entón que querían, mandalo á UCI, deixalo en cadeira de rodas e romperlle todos os ósos”, preguntouse ante o Tribunal do Xurado, na Audiencia Provincial da Coruña, e aos que pediu que emita un veredicto de culpabilidade.

“Ao longo destes 170 metros cando Samuel fuxía, cando non tiña forzas e queixábase, non detiveron o ataque ata que caeu ao chan“, dixo a letrada, que rexeitou que Catherine S.B. tratarse de evitar os golpes. “Seis persoas atacando, non cabe dicir que non tiñan intención de matar”, insistiu a letrada, que asegurado que os acusados “non era a primeira vez que participaban en pelexas”.

ACUSADOS

Pola súa banda, os avogados do cinco acusados pola morte de Samuel Luiz negaron a participación dos seus clientes na malleira mortal e reclamaron a súa absolución. Trátase de Diego M.M., Catherine S.B., Kaio A.S.C., Alejandro M.R. e Alejandro F.G., para os que se piden penas que oscilan entre os 22 e os 27 anos de cárcere por delito de asasinato con enseñamiento e aleivosía. Para os dous primeiros, inclúese tamén a agravante de discriminación pola orientación sexual da vítima e ao terceiro súmaselle o presunto roubo do móbil de Samuel.

Os seus avogados insistiron en que non son responsables do delito que se lles imputa e, aínda que, “aínda negando a participación” — así o asegurou o letrado de Alejandro F.G. en relación ao seu cliente en concreto– incidiron todos no consumo de alcol e nalgún caso tamén de drogas.

“Non hai ilícito penal”, manifestou o letrado de Alejandro M.R., que permanecía no xuízo con mirada baixa fronte a outros que se atopaban con mirada ausente ou sen mirar directamente ao xurado. “Non é responsable de delito algún”, dfixo o de Kaio A.S.C.

No caso de Catherine S.B., o seu letrado aseverou que “descoñecía” se Samuel era homosexual e indicou que “non participou no forcexeo entre Samuel e Diego”. “Nin sequera o alentou”, indicou respecto do que argumentan as acusacións: Fiscalía, a acusación particular — a familia — e a popular, o colectivo LGTBI ALAS Coruña. “Cando comeza a agresión non realiza acto de apoio, ao contrario rogou aos agresores que parasen”, engadiu.

O avogado de Diego M.M. — ao que se considera a persoa que iniciou a agresión mortal a Samuel Luiz, na madrugada do 3 de xullo de 2021 no paseo marítimo coruñés– vinculou os feitos con “un estado de alteración”. “Consta que discutira previamente coa súa noiva, o botaran do local no que estivera bebendo desde as 21.30 de maneira inxustificada”. “Cando confunde a chamada de Samuel como unha interpretación de que o está gravando comeza a agredilo, esa actuación non ten xustificación algún pero a participación de Diego en todo isto finaliza aí“, manifestou.

O avogado do presunto agresor de Samuel Luiz: “podía ocorrerlle a calquera que estivese alí”

PRIMEIRAS DECLARACIÓNS

Dos acusados os primeiros en declarar o día 17 serán Alejandro M.R., para o que se piden 22 anos de cárcere, e Catherine S.B, a única muller que sentará no banco de acusados e para a que se solicitan 25 anos de prisión.

O inicio das testificales será tamén ese día con dous amigos da vítima presentes no lugar e os cidadáns senegaleses que trataron de auxiliar a Samuel. Logo continuará con testificaIs e outras probas ata que o 14 de novembro teña lugar a declaración do tres acusados que optaron por facelo ao final.

Trátase de Diego M.M., o que, presuntamente, iniciou a agresión, Alejandro F.G. e Kaio A.S.C. O primeiro enfróntase a unha petición de condena de 25 anos de prisión, o segundo de 22 e o terceiro a 27 anos.

A todos, como aos dous primeiros, impútaselles un delito de asasinato con aleivosía e ensañamiento aínda que no caso de Diego M.M. e Catherine S.B, tamén a agravante de discriminación pola condición sexual da vítima. No caso de Kaio A.S.C. elévase a pena a 27 anos por presunto delito de roubo con violencia, en relación co móbil do falecido.

DEFENSA DOS ACUSADOS

As defensas do cinco acusados pola morte de Samuel Luiz alegaron falta de probas para imputar aos seus clientes un delito de asasinato con agravante de aleivosía e ensañamiento. “Unha denuncia non é unha condena”, aseverou un dos letrados, Manuel Ferreiro, que defende a Alejandro M.R. Mentres, o avogado de Diego M.M., o mozo que presuntamente iniciou a agresión, afirmou que “non pode haber ningún tipo de cazaría, nin tampouco a xudicial”, en referencia ao termo usado polo Ministerio Público.

Á súa vez, Luciano Prado, letrado de Catherine S.B. — que, como ao primeiro, as acusacións súmanlle ao delito de asasinato a agravante de discriminación por orientación sexual — preguntouse: “Que pinta esta moza aquí”.

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

Moito se ten falado das Xubias dende que en xullo o Concello lle entregaba as chaves do barrio ao fondo de investimento suizo Ginko. A reacción da sociedade é patente se ben ninguén agardaba unha atención mediática tan directa, xa que dende a reforma da praza central do barrio realizada en 2015 polo goberno de Carlos Negreira, ninguén volvera reparar no lugar, que sofre un profundo abandono en materia de servizos e infraestruturas.

Porén, nos dous últimos meses, o barrio concentra numerosas protestas veciñais, críticas da oposición e mesmo unha moción para rexeitar o convenio asinado con Ginko aprobada en pleno.

Non se entenden pois, as presas, por resolver, a través dun convenio cun fondo de investimento privado, a rehabilitación dunha zona que forma parte da fachada marítima da cidade da Coruña, mentres se desenvolven paralelamente as comisións do Plan Director de tan trascendente reforma urbanística. Un fondo de investimento que leva anos mercando parcelas na zona e que tiña como asesora a que estivo a piques de ser a Directora do propio Plan Director, imputada no Caso Koldo ou no caso dos “trens cántabros que non cabían polos túneles”, e con vínculos con investimentos inmobiliarios como o plan urbanístico de Visma-A Gramela.

O proceso ademais bota polos aires unha modificación urbanística puntual aprobada na Xunta de Goberno local e marzo de 2022, pero que nunca se levou a pleno para a súa ratificación, e que supón unha redución da edificabilidade de 633 vivendas previstas no PXOM de 2008, a 241. Unha redución da edificabilidade pouco rentable para os intereses especulativos de Ginko, que nas súas aparicións en prensa aseguraba que seguirán a única normativa vixente a día de hoxe, a de 2008.

Diferentes colectivos veciñais están a denunciar no trámite de información pública a falta de transparencia por parte do goberno municipal na información dispoñible do convenio, especialmente no referido os acordos conciliatorios sobre o polígono de estaleiros Valiña.

Pero o que é realmente sorprendente é a decisión do goberno municipal de deixar en mans dun fondo investidor o plan e execución urbanística de gran parte deste delicado sector urbano da ría, cando iniciara unha ambiciosa modificación do plan xeral do ámbito para formular novos parámetros urbanísticos máis sostibles.

Colectivos e partidos políticos din que se pon en risco a potestade urbanística municipal, o interese xeral, ante o mero interese particular dun fondo privado que pretende transformar ao seu antollo unha peza esencial do territorio litoral da ría, obrigando á Administración municipal a desistir, privatizándoa, da súa iniciativa de modificación do PXOM.

Competencias en materia de litoral e dominio público marítimo-terrestre, ferroviarias, de protección xeral do medio ambiente e mesmo de estratexia de país na Nova Axenda Urbana, parecen poñerse en dúbida ante esta actuación urbanística “doutra época”, que está a desatar serias preocupacións en moitos sectores da cidade e a súa contorna. Facemos un repaso aos procedementos burocráticos que tivemos ata agora.

2021-2022

O 5 de novembro de 2021 o Pleno do Concello da Coruña adoptou o acordo de “Suspensión cautelar da tramitación de plan de desenvolvemento, instrumentos de equidistribución, urbanización e licenzas no ámbito do API S-35 Ría do Burgo”, (Diario Oficial de Galicia de 17.12.2020), acordo que comprendía a suspensión da tramitación do plan de desenvolvemento e instrumentos de equidistribución e urbanización dos polígonos incluídos no ámbito, e das correspondentes licenzas de nova edificación, parcelamento e demolición; todo iso co fin de incoar o expediente de estudos e análises de parámetros para unha posible Modificación Puntual do PXOM no ámbito API S-35 (plan incorporado do PXOM de 1998 e modificado neste sector o 01.10.2008 ).

A Xunta de Gobierno Local do Concello da Coruña, en sesión celebrada o 3 de marzo de 2022, aprobaba a continuación o documento borrador da “Modificación Puntual API S-35 Ría do Burgo”, xunto co seu Documento Ambiental Estratéxico. O principal obxectivo da modificación constituíao a definición dunha nova ordenación do ámbito baixo os principios de desenvolvemento territorial e urbano sostible e de cohesión social, fundamentada nos principios desenvolvidos no artigo 3 do Real Decreto Lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Solo e Rehabilitación Urbana, as determinacións da Lei de Costas, a Estratexia de Adaptación ao cambio climático da costa de España e a “Nova Axenda Urbana” (Hábitat lll, 2016) da ONU, aos que habería que engadir a Axenda Urbana de España, a Axenda Territorial Europea e a Nova Carta de Leipzig.

Con data 17 de xuño de 2022, a Xunta de Galicia emite o preceptivo informe ambiental estratéxico, non observando necesario someter o procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria o borrador de modificación puntual aprobado polo Concello da Coruña.

O informe recoñece que o ámbito forma parte da fachada marítma da cidade, no que conviven edificacións colectivas (A Pasaxe, Xubias de Arriba) con grandes equipamentos (hospital materno infantil ou o centro educativo Santa María del Mar), pequenos barrios de vivendas unifamiliares (Xubias de Abaixo), edificios catalogados, hortas de cultivo, zonas industriais en desuso (estaleiros Valiña, conserveira Celta) e vías de comunicación.

Sinala que case todos os terreos insírense no Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL), e que malia non formar parte de espazos naturais protexidos, a contorna próxima goza de valores naturais e paisaxísticos, estandop a ría do Burgo identificada no Inventario de Humidais de Galicia como complexo húmido.
Ademais, o PXOM vixente catalogou varios bens do patrimonio cultural existentes no ámbito.

O propio borrador da modificación puntual aprobado pola Xunta de Gobierno Local xustificaba esta necesidade (punto 6 da memoria informativa) en base ao esgotamento dos prazos de execución da ordenación vixente e o deber da súa adaptación á normativa urbanística actual, así como a distintas estratexias e documentos internacionais que aconsellan un cambio no desenvolvemento urbano.

A alternativa 3 (seleccionada) partía da análise das anteriores alternativas e procuraba rebaixar a presión urbanística, rebaixando a edificabilidade desde os 0,72 vixentes ata 0,239 m2/m2, coa consecuente redución da superficie de aproveitamento, que no plan vixente está en 92.563,69 m2 e quedaría reducida ata os 32.020,00 m2, e proxectándose un total de 241 novas vivendas (na modificación do 2008 prevíanse 633), unha redución do 62,5%.

A proposta tamén prevía a creación dunha senda litoral metropolitana peonil e ciclista fronte á ría que comunique a praia de Oza co Burgo, dun novo viario que enlaza o Hospital Materno coa zona da Pasaxe, así como dunha área de rehabilitación integral que incluiría edificacións da barriada das Xubias de Abaixo.

Nunha inaprazable estratexia para unha mellora substancial da mobilidade metropolitana, o trazado ferroviario actual debe preservarse para a posta en marcha con urxencia dun novo servizo de cercanías na conca da ría.

Agosto 2024

No Diario Oficial de Galicia número 158 do pasado 19 de agosto anunciouse, poderiamos dicir que con total sorpresa, para información pública o Convenio urbanístico mixto de plan e execución urbanística para a renovación urbana e posta en valor do espazo litoral dos polígonos RB1, RB2 e RB3 e dos núcleos Xubias de Arriba e Xubias de Abaixo da ría do Burgo, subscribido entre a Alcaldesa e o representante da empresa Castro de Oza SL (unha empresa recén constituida en 2023 e propiedade do fondo Ginkgo con sede en Luxemburgo, cun capital social de 3.000€) e autorizado pola Xunta de Gobierno Local o mesmo 30 de xullo deste ano.

A elaboración dun Plan Especial coma este permitiría aprobar o proxecto por maioría simple no pleno en lugar da maioría absoluta que requiriría unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Sinala o convenio que é o seu obxecto “a axilidade da xestión urbanística” posibilitada pola existencia dunha propiedade única ou maioritaria sobre os ámbitos de Solo Urbano Non Consolidado (SUNC), mediante a exclusión dos ámbitos descritos da Modificación puntual do PXOM que iniciara o propio Goberno municipal, habilitando así un plan especial a presentar e executar pola propia mercantil, que foi adquirindo desde a súa recente constitución polo fondo de investimento GINKO PARTICIPATIONS III/III S.A.R.L. o total de parcelas descritas no convenio durante, casualmente, os dous anos de “parón” na tramitación da modificación puntual do PXOM que, con informe ambiental autonómico positivo, o Goberno local nunca levou a aprobación inicial do Pleno.

De forma clara figura no convenio como obriga principal do Concello (estipulación novena, i.), adoptar os acordos e disposicións necesarias para excluír todos os ámbitos obxecto deste da Modificación Puntual do PXOM API S-35 Ría do Burgo.

Máis novas sobre as Xubias

O bronco pleno rexeita convenio co fondo de investimento para urbanizar as Xubias

A veciñanza das Xubias trasládalle ao BNG o seu malestar pola falta de información directa do Concello

A renuncia de Isabel Pardo de Vera a dirixir o plan estratéxico e o proxecto Coruña Marítima

A veciñanza das Xubias e a plataforma cívica Defensa do Común presentan alegacións ao convenio de Ginko

A Coruña cede a rehabilitación integral do barrio das Xubias a un fondo de investimentos

O avogado do presunto agresor de Samuel Luiz: “podía ocorrerlle a calquera que estivese alí”

0

A defensa de D.M.M., o mozo que presuntamente iniciou a agresión a Samuel Luiz (falecido tras unha malleira á saída dun local de lecer no paseo marítimo coruñés en xullo de 2021) ao pensar que o estaba gravando, asegurou que o seu cliente está “arrepentido” e que así o manifestará no xuízo. Tamén descartou que a condición sexual de Samuel fose a motivación. “Foi Samuel como podía ocorrerlle a calquera persoa que se atopase alí”, indicou para incidir en que o seu cliente está arrepentido.

“Absolutamente”, aseverou ao ser preguntado por iso para remarcar, ademais, en que así o “manifestará” cando declare en relación aos feitos e un desenlace que cualificou de “desafortunado”. Así o expuxo aos medios de comunicación o letrado Luís Manuel Salgado á súa chegada á Audiencia Provincial da Coruña, onde este mércores se procederá á selección do Tribunal do Xurado que determinará a culpabilidade ou non do cinco acusados. Para o mércores, está fixada a exposición de informes e cuestións previas polas partes personadas: Fiscalía; acusación particular (a familia de Samuel); acusación popular (o colectivo LGTBI ALAS Coruña) e as defensas.

PRIMEIRAS DECLARACIÓNS

O día 17 declararán dous dos acusados nun xuízo previsto ata o 18 de novembro, coa entrega ese día do obxecto do veredicto ao xurado. Dos acusados os primeiros en declarar o día 17 serán A.M.R., para o que se piden 22 anos de cárcere, e C.S.B, noiva de D.M.M. no momento dos feitos e para a que se solicitan 25 anos de prisión.

O 14 de novembro declararán D.M.M., o que, presuntamente, iniciou a agresión, A.F.G. e K.A.S.C. O primeiro enfróntase a unha petición de condena de 25 anos de prisión, o segundo de 22 anos e o terceiro a 27 anos. No seu caso, o seu defensa confirmou este martes que pedirá a absolución.

A todos, como aos dous primeiros, impútaselles un delito de asasinato con aleivosía e ensañamiento aínda que no caso de D.M.M. e C.S.B, tamén a agravante de discriminación pola condición sexual da vítima. No caso de K.A.S.C. elévase a pena a 27 anos por presunto delito de roubo con violencia, en relación co móbil do falecido.

FEITOS

Segundo os investigadores, que constataron insultos de tipo homófobo cara a Samuel, que morreu por un fallo multiorgánico como resultado de “moitísimos golpes”, os feitos comezaron pouco antes do tres da mañá cando a vítima se atopaba facendo unha videollamada cunha amiga á saída dun pub na zona da praia de Riazor.

Nese momento, un dos acusados, D.M.M., dirixiuse a el para recriminarlle pensando que lle estaba gravando. Fiscalía sostén que “polas palabras e xestos” de Samuel “interpretou que era homosexual, feito que desencandenó unha reacción aínda moito máis virulenta, chegando a dicirlle: ‘deixa de gravar a ver se vouche a matar maricón”.

Todo iso mentres “lle seguía golpeando con puñadas e patadas” para iniciarse logo unha persecución coa participación, sostén, dos outros catro acusados, ademais dos dous menores no momento dos feitos, xa condenados, no seu caso, tras un acordo a tres anos e medio de internamento.

“Rodeándoo para asegurar o ataque”, sostén o Ministerio Público quen apunta a unha “crueldade extrema” coa intención de provocarlle a morte, en liña coas investigacións policiais que confirmaron unha reunión posterior dos implicados nun parque antes da súa detención.

O XURADO ESTARÁ COMPOSTO POR SEIS MULLERES E TRES HOMES

As defensas dos acusados polo crime de Samuel Luiz — falecido tras unha malleira á saída dun local de lecer no paseo marítimo coruñés na madrugada do 3 de xullo de 2021 — solicitarán a absolución fronte á petición de asasinato, con agravante de discriminación por orientación sexual da vítima, que expoñen Fiscalía, a acusación particular — a familia– e a popular, o colectivo LGTBI Ás Coruña.

Así o manifestaron tras constituírse o Tribunal do Xurado, que estará integrado por seis mulleres e tres homes, ademais dos dous suplentes. Con excepción do letrado da única muller imputada, C.S.B., que non fixo declaracións, os demais coincidiron en que os seus clientes afrontan o xuízo co obxectivo de poder explicarse e que salga “a verdade”.

Luís Manuel Salgado, letrado de D.M.M., a persoa que se considera iniciou a agresión, manifestou que a actuación do seu cliente non pode ser “constitutiva dun delito de asasinato” e que o mozo, do que dixo está arrepentido, explicarase cando declare. Antes de constituírse o xurado, tamén rexeitou que houbese unha motivación pola orientación sexual de Samuel.

No caso de K.A.S.C, que, ademais de presuntamente agredilo habería, segundo as acusacións, roubado o móbil da vítima, o seu letrado José Ramón Sierra indicou que “estaba alí”, pero “non golpeou a ninguén” e que a intención desta parte é que se determine “quen son os responsables”.

Manuel Ferreiro, avogado que defende a A.M.R., en liberdade pero imputado, rexeitou que no caso do seu cliente haxa “proba” que acredite a súa participación e argumentou que este tentou mediar “pero non foi posible pola cantidade de xente que había”. Outro dos letrados, David Freire, que defende a A.F.G., precisou que “non toda agresión con resultado de morte é un asasinato”. “Con alivio de poder explicarse”, dixo ao ser preguntado polo seu defendido.

INICIO DO XUÍZO

Todos eles así o indicaron unha vez que quedou constituído o Tribunal do Xurado tras ser convocadas as partes ás 09.45 horas e concluír o citado procedemento a última hora da mañá, con gran expectación mediática e á espera de que empezo o xuízo este mércores.

Será coa exposición de informes e cuestións previas polas partes personadas. Xa o día 17 declararán dous dos acusados: A.M.R., para o que se piden 22 anos de cárcere, e C.S.B, a única muller que sentará no banco de acusados e para a que se solicitan 25 anos de prisión.

TRES ACUSADOS DECLARAN AO FINAL

O inicio das testificales será tamén ese día con dous amigos da vítima presentes no lugar e os cidadáns senegaleses que trataron de auxiliar a Samuel. Logo continuará con testificales e outras probas ata que o 14 de novembro teña lugar a declaración do tres acusados que optaron por facelo ao final.

Trátase de D.M.M., o que, presuntamente, iniciou a agresión, A.F.G. e K.A.S.C. O primeiro enfróntase a unha petición de condena de 25 anos de prisión, o segundo de 22 anos e o terceiro a 27 anos.

A todos, como aos dous primeiros, impútaselles un delito de asasinato con aleivosía e ensañamiento aínda que no caso de D.M.M. e C.S.B, tamén a agravante de discriminación pola orientación sexual da vítima. No caso de K.A.S.C. elévase a pena a 27 anos por presunto delito de roubo con violencia en relación co móbil do falecido.

Como circunstancias eximentes e/ou atenuantes, a maxistrada presidenta sinalou no seu auto que ha de establecerse, a través das probas presentadas na vista, se tres dos procesados, debido á previa inxesta de bebidas alcohólicas ou de drogas, atopábanse en estado de intoxicación, dando lugar “a algunha situación de alteración, diminución ou eliminación da súa capacidade para formar a súa vontade e comprender o alcance dos seus actos”.

OUTRAS TESTIFICAIS

A partir das testificales do 17 de outubro, será a quenda de viandantes que estaban pola zona, amigos dos acusados, o empregado dun pub e outras testemuñas. O 24 de outubro farano dous mozos implicados o día do feitos pero que, por ser menores en 2021, foron condenados no seu momento a tres anos e medio de internamento en réxime pechado tras un acordo entre as partes. Catro días despois, o día 28, serán os pais da vítima e ao día seguinte a nai dun dos acusados.

A partir do 30 de outubro, comezarán as declaracións de testemuñas/peritas, algo máis de 40, entre eles policías nacionais, como o coordinador da investigación, facultativos, peritos de parte ou persoal da Policía Científica. O 15 de novembro procederase á lectura dos informes finais con posibilidade de que os acusados tomen a última palabra. O 18 de novembro entregarase o obxecto do veredicto ao xurado popular.

Segundo concluíu a investigación, que constatou insultos de tipo homófobo cara a Samuel — que morreu por un fallo multiorgánico como resultado de “moitísimos golpes” — os feitos comezaron pouco antes do tres da mañá.

Foi cando a vítima se atopaba facendo unha videochamada cunha amiga á saída dun pub e cando ao que se considera a persoa que iniciou a agresión pensou que lle estaba gravando. Isto deu orixe, segundo Fiscalía, a reproches, ameazas e a posterior agresión mortal.

O Concello adxudica a construción dun edificio de 50 vivendas destinadas a aluguer social

0

O Concello da Coruña deu luz verde á adxudicación das obras de construción dun edificio de 50 vivendas de titularidade municipal no barrio de Xuxán. Así o aprobaron este mércores na sesión ordinaria da xunta de goberno local que estivo presidida pola alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey.

No novo bloque residencia, o consistorial promoverá alugueres sociais co obxectivo de cumprir un dos “principais compromisos que asumiron durante o mandato”, que pasa por impulsar o parque de vivenda pública na Coruña.

Neste sentido, fixo referencia á importancia de que “todas as Administracións públicas dean un paso á fronte” para dar resposta a un “problema latente” como é a “dificultade xeral da cidadanía para acceder á vivenda”. O solar de titularidade municipal en Xuxán conta cunha superficie de 1.600 metros cadrados e unha edificabilidade total de case 7.000 metros cadrados.

As obras, que realizará a empresa Citanias, teñen un prazo de execución de 24 meses. O investimento previsto polo Concello é de 10,2 millóns de euros, dos que 2,4 proceden de fondos Next Generation.

PATIO CEIP MARÍA PITA

Noutra orde de asuntos, tamén aprobaron o proxecto de reforma do patio do CEIP María Pita, no barrio de Elviña. Con iso, mellorarán a accesibilidade ao centro desde a rolda de Camilo José Cela. O seguinte paso para executar os traballos é a súa licitación, cun investimento previsto de 141.887,04 euros.

Desaloxan o colexio da Avenida da Sardiñeira pola presenza de fume no seu interior

0

Un centro educativo da Coruña foi desaloxado este martes de forma preventiva ante a presenza de fume no seu interior. Segundo informou o 112, ningún dos máis de 300 alumnos que estudan no centro se viron afectados. Foi o propio persoal da institución educativa o que, ao redor das 16.40 horas, chamou ao 112 para alertar da presenza de fume nun corredor do centro situado na Avenida da Sardiñeira. 

Segundo a información facilitada aos xestores de emerxencias, xa estaban a comezar a evacuar o edificio. Deste xeito, desde o 112 Galicia solicitouse a intervención dos Bombeiros de Coruña, dos axentes da Policía Nacional e Local e dos efectivos de Protección Civil. Todo apunta a que o fume era debido a un problema no cadro eléctrico do ascensor.