Inicio Blog Páxina 487

O Voluntariado de Mar de Fábula deixou un pouco máis limpo o areal de Barrañán

Unas 18 persoas voluntarias, entre elas o equipo da Escola Infantil O Berce E.I de Arteixo, desenvolveron este domingo unha limpeza na praia de Barrañán. Unha cita para apañar lixo mariño que os mares de inverno deixaron neste areal, e para avaliar o estado de saúde deste salvaxe e fermoso areal.

Foron varios os sacos recollidos desta praia que, a primeira vista, parecía limpa e relucente. Pero a realidade é moi diferente. En dúas horas recolleron 178 bastonciños de algodón, 5 anacos de madeira, 6 Frascos de meiciñas, 5 tubos de creas, 96 cordas, 61 anacos de rede e aparellos de pesca, 24 tapóns, 11 paus de plástico de bateas, 56 ancos de plástico, 2 botellas de vidro, 34 cabichas, ademais de centos de anaquiños de porexpan e plásticos miudos depositados directamente nun saco e non contabilizados por mor do vento do nordés que podería espallalos pola contorna. Ata un envase de Pipas Facundo dos anos 70/80…

lixo plastico no areal de Barranan

Estas cifras dan un total de 448 residuos, recollidos nuns 1.100 metrs de areal. Deste xeito podemos calcular o estado de saúde do areal. Os expertos da Unión Europea na Directiva de Estratexia Marco para o Medio Mariño de cara a conseguir un “Bo Estado de SAúde” (BEA) para as praias europeas, teñen fixado un valor de umbral de 20 residuos ( >2,5cm) por cada 100 metros lineais de praia para acadar o calificativo de BEA.
Neste caso, despois da limpeza, teríamos unha proporción de 44,36 residuos / 100 metros de praia, polo que o resultado é o dobre do do límite fixado pola Unión Europe para ter un Bo Estado de Saúde…

Juan Villoslada e Trinidad Palacios, novos coordinadores de Sumar Galicia na área da Coruña

0

Esta pasada semana Juan Villoslada e Trinidad Palacios eran escollidos como os novos coordinadores e portavoces de Sumar Galicia na comarca da Coruña.
O proceso de implantación de Sumar na Coruña iniciouse co obxectivo de “construír un espazo político que dea verdadeira resposta ás necesidades sociais, laborais e económicas dunha área urbana de 400.000 persoas, onde a cidade central, A Coruña, debe de xogar un papel de claro liderado metropolitano, en máxima cooperación cos concellos de Arteixo, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada ou Bergondo, con Abegondo, Betanzos e o resto das Mariñas”.

“O parque de vivienda pública, a mobilidade metropolitana, os coidados e a dependencia, a xestión ambiental, a integración urbana dos espazos portuarios, a nosa cultura, o tecido deportivo, a calidade do emprego, os servicios sanitarios da área da Coruña-Cee, os centros educativos ou o a nosa Universidade, son eixos esencias que Sumar debe defender e potenciar nesta Marineda de Emilia Pardo Bazán”, dixo Juan Villoslada.

“Nin a Xunta de Galicia nin o actual escenario político municipal están a dar verdadeira resposta aos retos dunha ciudadanía que anhela unha perspectiva de futuro, especialmente para a xente moza”, sinala. “Sumar quere, desde a súa visión claramente laborista, feminista e ecoloxista, levar adiante tamén políticas locais ambiciosas, que conquisten novos dereitos, en igualdade de oportunidades, con unha contundente vocación de servizo público”, engadiu o coordinador de Sumar Galicia en A Coruña.

Pensando no que ven por diante

0
  • Xornada 29 – Rayo Majadahonda 0 – Deportivo 2
  • O Depor torna a senda da vitoria nun loitado triunfo con Yeremay coma protagonista
  • Vixésimo noveno partido de Imanol Idiakez como adestrador do Depor en partido oficial (15V 10E 4D).

— — —

Chegamos a ese punto da tempada no que é inevitable facer contas e pensar nos partidos dos rivais case tanto coma nos teus. A iso imos adicar o análise desta semana, non sen antes recoñecer o partido de Yeremay en Majadahonda. Levaba o home enchendo a súa mochila de responsabilidade tralos malos números de asistencias e goles que levaba ata o de agora, coma se el mesmo recoñecera que non estaban aparecendo tanto coma de el se podería agardar. O sábado amosou o lume que te nas botas e as gañas de ser aínda mais a referencia no xogo de ataque. Sempre constante, encarando, driblando e asistindo, é verdade que Mella e Lucas facían sombra sobre a súa transcendencia, pero xusto cando mais se necesitaba, apareceu, goleu e brindou un partido de crack.

Pero, metámonos en fariña para ver onde estamos nos e os rivais,  e ver o que nos resta por diante para acadar o obxectivo do ascenso directo. Restan 9 partidos por xogar e o Depor, a Ponferradina e o Fortuna teñen o mesmo esquema de 5 partidos na casa e 4 partidos fóra. O Barça Atletic e o Nástic teñen, pola contra, 4 partidos na casa e 5 fóra, polo que estes dous últimos saen prexudicados no tocando a viaxar. No que á vantaxe psicolóxica se refire de xogar antes ou despois do rivais, o Depor sae ben parado pois das nove xornadas restantes, repártese por igual esta vantaxe, xogando en tres xornadas antes cos rivais, en tres xornadas despois dos rivais e xogando tres delas á mesma hora ca eles.

Afondando un pouco máis na categoría dos rivais, o Depor semella (sempre coa cautela deportivista que nos caracteriza) que terá o camiño máis sinxelo pois tan só enfrontarase a un rival do playoff (Barça Atletic) e será en Riazor (xornada 36). O Fortuna xogará co Nástic en Tarragona e rematará a liga co Barça Atletic na casa. A Ponferradina, pola súa banda, réstalle xogar co Nástic e con Barça Atletic ambolosdous na casa, mentres que o Nástic deberá xogar co Fortuna na casa e visitar á Ponferradina e ao Barça Atletic. É certo, despois de este análise, o Barça Atletic ten o camiño máis empedrado de todos, pois xogará na casa co Nástic e renderá visita á Ponferradina, ao Depor e ao Fortuna, estes tres de forma consecutiva nas tres últimas xornadas. Unha ducia de partidos entre os rivais de playoff que amosarán unha morea de puntos que tódolos rivais deixaranse polo camiño, incluídos nós, claro está.

Coa mira posta nos rivais do Dépor, terá nos equipos loitando polo descenso as súas saídas máis complicadas (Cornellá, Teruel e Sestao River), unha saída contra o filial da Real Sociedade e xogará na casa contra Unionistas, Cultural, Arenteiro, Barça Atletic e Real Unión de Irún. Salvo o Barça Atletic, todos inmersos na banda morna da táboa, con poucas opcións de playoff e sen perigo cara ó descenso. Comeza o espectáculo de verdade e onde cada punto serve para achegarte ó teu obxectivo, comeza o tramo de partidos de “catro puntos” e onde a marxe de erro é mínima, sobre todo, nos partidos cos rivais directos.

 

miguel barreiro

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

Unha persoa sofre queimaduras nas mans ao tentar apagar o lume dunha campá extractora na Coruña

0

Unha persoa sufriu este luns queimaduras nas mans ao tentar apagar o lume dunha campá extractora da súa vivenda, situada na rúa de Emilio González López da Coruña. Segundo informa o 112 Galicia, foi a propia particular a que chamou á central de emerxencias pouco antes das 12.30 horas para explicar que as chamas se iniciaron por un descoido e que se queimou cando tentaba extinguilas.

O 112 solicitou a intervención de Urxencias Sanitarias-061, aos bombeiros e á Policía Local. Mentres os equipos de extinción lograron controlar rapidamente a situación, os servizos sanitarios evacuaron á ferida en ambulancia ata o hospital.

Luns de Poetas Di(n)versos na Coruña: recitarán o lucense Abraham Pérez e o hondureño Rolando Kattan

0

O ciclo de Poetas Dei(n)versos, que organiza e presenta Yolanda Castaño, volve este luns, día 25, ás 20,00 horas ao auditorio Ágora da Coruña e xuntará a un poeta galego cun hondureño: Abraham Pérez e Rolando Kattan.

As entradas aos recitais son gratuítas e ata completar aforamento. Esta cita, en concreto, é a última do trimestre de poesía organizado polo Concello da Coruña, que empezará un novo ciclo o vindeiro luns 22 de abril.

Abraham Pérez (Lugo, 1990), graduado e con mestría en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, é autor da novela ‘O paso en falso’, coa que foi finalista do XXXIV Premio Torrente Ballester de narrativa, así como do poemario ‘O corpo transparente das horas’. O lucense foi seleccionado para gozar da Residencia Artística Mariñán de literatura e pensamento en 2022, e, un ano despois, da Residencia de creación literaria Illa de San Simón. Parte da súa obra foi traducida ao portugués e ao español. Ademais, en breve aparecerá en francés.

Rolando Kattan (Tegucigalpa, Honduras) é editor e xestor cultural, así como un dos autores da literatura hondureña máis relevantes contemporáneos con títulos como ‘Los cisnes negros’ –Premio Casa América da Poesía Americana–, ‘Viaje imaginaria a Kiribati’ ou ‘Donde volver deseo’, presentes en numerosas antoloxías e en diversidade de linguas. Kattan, membro correspondente da Real Academia Española da Lingua e membro numerario da Academia Hondureña da Lingua, recibiu o Premio Nacional de Literatura Ramón Rosa e o Premio Bucovina de Poesía.

Familiares e amigos do mozo asasinado en Noiteboa concéntranse na Coruña para pedir “xustiza para Yoel”

Familiares e amigos do mozo Yoel Quispe concentráronse este domingo na Coruña cando se cumpren tres meses do seu asasinato o día de Noiteboa e piden “xustiza”. Sobre as 19,30 horas reuníronse na rúa Sinfónica de Galicia, lugar onde se produciu o apuñalamento do 24 de decembro e onde se atopa o memorial.

Nese punto, atópanse fotografías do mozo, veas e flores para lembralo, así como carteis nos que se pode ler ‘Esiximos xustiza polo asasinato de Yoel’ e, entre outros, ‘Que paguen os responsables’. Alí, na vía pública, estiraron unha camiseta de fútbol co número 20 e o nome de Yoel e, por encima, puxeron unha fotografía do novo rodeada de velas.

Os asistentes portaron unha pancarta baixo a lema ‘Xustiza para Yoel’ e entoaron cánticos como ‘Non son tres, son moitos máis!’ e ‘Non é un homicidio, é asasinato!’. Todo iso, por mor dos tres detidos por este crime aos que a Fiscalía no mes de febreiro imputoulles formalmente o delito de homicidio.

A reforma da contorna das Casas de Franco segue enquistada

0

Saían onte á rúa a veciñanza do barrio da Agra do Orzán para denunciar a parálise e a falta de consenso do Concello da Coruña para a reforma da zona das Casas de Franco.

O Concello da Coruña anunciaba ao mediodía que ía dar continuidade ás obras de reforma coa “adaptación á maioría das peticións veciñais”, pero a veciñanza deixaba claro que non lle valía.

O concello confirmaba que o proxecto que foi presentado en novembro do ano pasado ás comunidades de propietarios, ía ser modificado tralas demandas veciñais, cambiando o pavimento, e adecuando novas costas de acceso a cada un dos 3 portais. O Concello tamén estuda a reformulación das prazas de aparcadoiro na contorna.

Pero a veciñanza non cede e lamenta a eliminación das prazas de aparcamento, a falta de carril bici ou o difícil acceso que van ter as ambulancias.
A veciñanza pide a paralización total das obras ata que haia consenso

O porto exterior da Coruña reordenará espazos para que se implanten empresas de eólica mariña

A Autoridade Portuaria da Coruña prevé resolver nos próximos meses a ordenación dos espazos na zona sur do porto exterior tras a análise de todas as solicitudes que formalizaron as empresas para implantarse con centros industriais de fabricación e ensamblaxe de compoñentes eólicos.

Nun comunicado, informa de que está a definir as obras que deberá acometer para preparar as chairas e a lámina de auga con todas as infraestruturas que son precisas para acoller este novo polo industrial e enerxético.

Unha delegación do porto luso visitou Punta Langosteira para coñecer a infraestrutura e valorar posibles vías de colaboración no ámbito das enerxías renovables. Ambos os portos participaron esta semana en Wind Europe, en Bilbao, e comparten unha estratexia enfocada a propiciar desenvolvementos vinculados á transición ecolóxica.

O presidente da Autoridade Portuaria de Aveiro, Eduardo Feio, acompañado por membros do seu equipo directivo, visitou o Porto Exterior de Punta Langosteira para coñecer as posibilidades que ofrece a dársena e valorar as oportunidades de colaboración entre ambos os portos.

O porto de Aveiro é un dos máis importantes de Portugal, con tráficos de mercadorías moi diversificados. Está nun proceso de ampliación dos seus peiraos e áreas loxísticas, e estase preparando para participar na industria da eólica mariña e as enerxías renovables, unha estratexia que comparte coa Autoridade Portuaria da Coruña e o proxecto Green Port.

O PSOE de Cambre pide xestionar a área de Contratación para entrar no Goberno local

0

Tras a dimisión do alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a toma de posesión como alcaldesa de María Pan, o PSOE local trasladou que a súa condición para reeditar un pacto de goberno é xestionar a área de Contratación, xa que entende que o municipio “necesita un cambio de rumbo para reverter a situación de bloqueo”.

“Valoramos o traballo de María Pan, pero entendemos que a persoa que levaba a área de Contratación, e que agora ostenta a alcaldía, non é posiblemente a persoa máis idónea para desbloquear a situación creada, polo que, pensando na mellor solución para os veciños de Cambre, reclamamos que a área de Contratación pase a ser xestionada polos edís do PSOE como condición para reeditar o pacto de goberno”, explicaron os socialistas nunha nota de prensa.

Así mesmo, o PSOE local xustificou a súa abstención no pleno do venres porque o seu voto estaba condicionado a “xestionar a área de Contratación, un punto ao que non accederon”. Con todo, móstrase disposto a seguir traballando para “saír da situación de bloqueo administrativo na que se atopa o municipio”.

Aviso amarelo este domingo na costa coruñesa por fortes ventos

A costa da provincia da Coruña contará este domingo, 24 de marzo, cun aviso amarelo por forte vento do nordeste.

Segundo a información de Meteogalicia, na Costa da Morte o aviso durará desde a medianoite do sábado ata as 21,00 horas do domingo. Prevese vento de forza 7.

No tocante ao noroeste da provincia da Coruña, este aviso irá só desde as 12,00 ás 21,00 horas deste domingo, tamén por nordés forza 7. Todo iso tras unha xornada de sábado que deixou ventos por encima dos 100 quilómetros por hora en Galicia.