Inicio Blog Páxina 493

Nace “Agalega”, a plataforma dixital da CRTVG en resposta á Iniciativa Xabarín

0

Despois de 3 anos de movemento cidadán, de 33.000 sinaturas presentadas, da Proposición Non de Lei #IniciativaXabarón coordinada dende AMesa pola Normalización Lingüística e a conta @tvg_infantil_xa, o Xabarín poderá volver ser protagonistas das tardes das nosas crianzas.

A CRTVG vén de presentar a plataforma AGalega (a maior plataforma de contidos audiovisuais en galego xa está dispoñible nas web agalega.gal e como APP en Google Play e App Store.

A entidade actualiza así a súa presenza na rede, que unicamente consistía nunha APP (Xabarín), pechada e obsoleta, e a coñecida Radio Picariña. ‘AGalega’ nace con máis de 1.400 contidos en aberto e gratuítos, coa mellor ficción, cine, series, animación, podcasts, producións infantís e xuvenís, e irá medrando día a día.

Contidos exclusivos e series míticas

Os contidos tanto da plataforma como das apps irán mudando e medrando.
‘AGalega’ parte xa con contidos exclusivos que só se poderán ver na plataforma. Series como ‘Na Gloria’, interpretada por Xosé Touriñán e Dani Rovira, ou ‘Ghuasapp’ verán a luz exclusivamente na contorna dixital.

Ademais a plataforma contén as series míticas da TVG combinadas coas máis modernas. ‘Padre Casares’, ‘Pratos combinados’ ou ‘Mareas vivas’ comparten escena coas novas creacións que tamén marcaron época: ‘Saudade de ti’, ‘Auga Seca’, ‘A Estiba’, ‘Operación Marea Negra’, ‘O sabor das margaridas’, ‘O faro’, entre moitas outras.

Procuradores e avogados protestan na Coruña para reclamar unhas retribucións “dignas”

0

Procuradores e avogados galegos concentráronse este domingo na Coruña para reclamar unhas retribucións “dignas” coincidindo coa presenza do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, na cidade para participar na Convención Política do PSOE.

A protesta foi convocada pola Plataforma Marea Negra co obxectivo de facer ver ante o Goberno de España as súas reivindicacións en relación coas mutualidades da avogacía e procúraa e da quenda de oficio, tras dous meses de folga.

Nun manifesto trasladado aos medios, a plataforma, que aglutina aos profesionais de forma individual ou organizados a través do sindicato VENIA, piden a regulación da denominada pasarela ao RETA de todos os multualistas alternativos que así o soliciten. O obxectivo, segundo sinalan, é que se garanta “unha pensión digna” aos mutualistas alternativos que opten á mesma en condicións similares aos contizantes o RETA.

Tamén esixen melloras fiscais para os mutualistas no momento da súa xubilación, así como na compatibilización de cobro da pensión e o exercicio profesional.

En canto á quenda de oficio, reclaman unhas retribucións dignas e actualizables conforme ao IPC, abonadas en “tempo e forma” da totalidade das actuacións realizadas, así como do tempo de dispoñibilidade, co abono dos gastos nos que os profesionais incorran na prestación do servizo.

“Non podemos seguir traballando gratis e ao mesmo tempo vendo como se incrementa ano a ano o volume de asuntos xudiciais tramitados mediante o beneficio xustiza gratuíta”, sinala o colectivo, que considera que “o sistema é insustentable tanto para os profesionais que prestan o servizo como para o resto, que ven diminuír o traballo dispoñible”.

Así as cousas, considera que é “responsabilidade do Goberno” propor ao Lexislativo as solucións legais que permitan dar unha solución a estas problemáticas.

As entidades toman con esperanza a renovación do Consello Municipal do Deporte

0

Acollía onte o Ágora a primeira reunión desta lexislatura do Consello Municipal do Deporte. Fundado en 2021 para escoitar ao tecido deportivo, para poñer en común todas as inquedanzas de cada entidade, de cada deporte, e para entre buscar solucións entre todos, o Consello celebrou onte a súa renovación da directiva, xa que como sinalan os estatutos, está vinculada a cada lexislatura.

A rexedora Inés Rei estivo acompañada polo concelleiro de Deportes e vicepresidente primeiro do Consello, Manuel Vázquez, e o xefe do servizo de Deportes e secretario do Consello, Pablo Castedo. Na mesa presidencial estivo tamén Fernando Blanco, nomeado vicepresidente segundo do Consello.

Foron ducias de entidades as que se achegaron ao Ágora coa esperanza de que o Consello volva servir de punto de encontro do deporte herculino. Quedan detrás dous anos de fondo traballo por parte da ex concelleira Mónica Martínez e o asesor Alfonso Hermida, tanto na constitución como na posta en marcha de proxectos e dos grupos de traballo (de muller e deporte, de instalacións, de eventos, de convenios e axudas…). 120 clubs participaran naquela a primeira reunión que acabou facendo realidade proxectos tan bonitos como as charlas de deportistas por colexios.

Se ben no 2023, coas eleccións por medio, o Consello quedou paralizado, as entidades toman con esperanza esta posta en marcha. “Tamén seremos as entidades as que presionemos para que funcione”, explica Ana Yanimenko, de Ximnasia Coruña, que valora que se trata dun punto de encontro “moi útil porque a xente do deporte ten necesidade de facerse escoitar. Onte foi só. comezo, e espramos que estes vindeiros 4 anos sigan na liña da anterior lexislatura” e poder continuar así con este traballo a longo prazo.

Máis novas

Constituído o Consello Municipal da Cultura da Coruña

A #AmaroManía continúa coa estrea da obra teatral de Noite Bohemia

0

Se o pasado domingo era Xurxo Souto o que rescataba a Lenda do Amaro, este sábado 20 de xaneiro tócalle á compañía de teatro Noite Bohemia continuar coa #Amaromanía. A “compañía de rúa” de Monte Alto presenta ás 19:00h no Club do Mar a súa obra sobre o Santo Amaro.

Xa fixeron a estrea para o CEIP Curros Enríquez, e gustou moito. Pero esta será a estrea oficial, ante as familias, ante a xente do seu barrio, como explicaban onte na presentación da proposta teatral “A lenda de Santo Amaro” na AC Alexandre Bóveda. Unha cita absolutamente chea, na que tanto Xurxo como Javier Mariño, director da compañía, que serviu para repasar a lenda dese Amaro que chegou á Illa do Paraís, e onde se definiron as chaves dun proxecto que nace directamente da cabeciña privilexiada de Xurxo, e dunhas conversas que tiveron ambos durante unha viaxe a Grecia.

”A cidade da Coruña vive un pouquiño de costas a Santo Amaro”, recoñece Mariño. “Temos a praia, o cemiterio, unha rúa, unha fonte esquecida…… pero se lle preguntades á meirande parte dos e das coruñeses, non saberían quen é o Santo Amaro, o santo que non é santo. Igual que temos figuras no rueiro que coñecemos ben, non é así co Santo Amaro, a pesar da documentación que existe sobre el. Así que nos formulamos como podemos axudar a darlle un pouquiño de luz a esta figura? e queremos facelo con este espectñaculo integral, esta mestura de danza, música e dramaturxia que imos presentar no Club do Mar este sábado”, invita Mariño.

”Eu dirixo a obra de teatro, pero o que fago basicamente é poñer orde e forma a todo o que leva Xurxo barruntando ao lonfo destes anos”, recoñece. Agradece o compromiso das novas actrices Mariña Castro, Olaia Castro, Navia Pérez, Icía Souto, Manuela Souto, Laura Bello, Soraya Bello, Adrian López, Xiana Souto, Adrián Jiménez, Iria Arcos e Eric Ruzo, así como a participación de Laura Bello na dramaturixa e Xurxo na idea, documentación e na música.

Espectacular queda ese mar callado que atravesa o Amaro Navegante para chegar á Illa do Paraíso, “onde un segundo é unha eternidade”…

Noite Bohemia Lenda do Santo Amaro na praia
Así se representa o mar callado na obra

Quedamos pendente a Amaromaría doutro proxecto fermoso: a banda herculina Bestas, de Pablo Canosa, está preparando unha versión punki da cantiga tradicional que as pequenas actrices e cantarareiras tocan na obra.

Máis novas

Monte Alto rescata a lenda do Santo Amaro

Xurxo Souto rescata a Romaría do Santo Amaro, a festa dos emigrantes galeg@s

O mar de Santo Amaro: un nome inseparablemente unido a Monte Alto

O Picho, a auga sagrada da Fonte de Santo Amaro

A veciñanza arrinca a loita contra a urbanización de San Amaro – Orillamar sinalizando a Fonte do Picho

 

 

O Supremo recoñece o dereito dunha traballadora a cobrar as comisións durante as vacacións

0

Tribunal Supremo (TS) anulou unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e recoñeceu o dereito dunha traballadora da Coruña a cobrar durante as vacacións complementos como as comisións. En concreto, nunha sentenza recollida por Europa Press, o Supremo estima o recurso presentado por Caruncho & Tomé Avogados e anula a sentenza ditada polo TSXG en abril de 2021 para sinalar que a remuneración das vacacións debe comprender as partidas ou complementos ordinariamente percibidos durante os meses en que se devengaron aquelas, incluíndo as “comisións”.

Deste xeito, conforme destacou Caruncho & Tomé Avogados, a traballadora demandante ve recoñecida a súa reclamación á empresa na que traballaba, xa que o Tribunal Supremo estima a súa pretensión sobre o pago das vacacións e condena á compañía empregadora a que lle abone a suma de 1.318,12 euros. Esta reclamación no seu momento fora desestimada polo Xulgado do Social número 4 da Coruña e posteriormente pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O despacho informou de que o caso lles foi asignado pola quenda de oficio e atendérono ata a última instancia, chegando ao TS.

O avogado Iago Pereiró sinalou que o fallo serve para lembrar o criterio do Supremo de incluír, no cálculo das vacacións, ademais daqueles conceptos de carácter fixo, os variables que se reciben con habitualidade, como é o caso das comisións“. “Se se reciben nunha media de 6 meses dentro dos 11 meses anteriores, enténdese que son habituais e téñense que incluír no cálculo das vacacións que se abonan porque non se puideron gozar, como ocorre no caso das liquidacións dos traballadores”, apunta.

En concreto, o 30 de xaneiro de 2020, o Xulgado do Social número 4 da Coruña estimou parcialmente a demanda interposta pola traballadora, condenando á empresa a abonar unha serie de comisións pero non a abonar o importe das vacacións. Ademais, ante o recurso presentado contra a anterior resolución, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ditou sentenza con data 12 de abril de 2021 na que confirmaba a decisión do xulgado de primeira instancia.

Con todo, contra esta sentenza, Caruncho & Tomé Avogados formulou recurso de casación ante o Tribunal Supremo. O Alto tribunal admitiu a trámite o citado recurso de casación para a unificación de doutrina. Así, estima en parte o recurso interposto pola traballadora e revoga parcialmente a sentenza ditada polo Xulgado do Social nº 4 da Coruña, condenando á empresa empregadora a que abone a suma de 1.318,12 euros.

Convocan dúas novas limpezas de microplásticos na cala de Bens e do Matadoiro

Os colectivos Noia Limpa, Retoque Retro, REFIX e Mar de Fábula súmanse á limpeza de granulados na costa da Coruña. Así, convocan unha limpeza para este venres 19 na praia de Bens, a única praia canina e a máis contaminada de Galicia, ás 16:00 h.

Podes inscribirte aquí.

No Matadoiro

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña (UDC) organizou unha nova recollida de pélets e residuos este venres na praia do Matadoiro. Así, a limpeza na praia coruñesa terá lugar entre as 11.30 e as 13.30 horas. Con esta acción, “dáse continuidade” á iniciativa comezada o pasado venres, 12 de xaneiro, en Praia das Lapas, e que contou coa participación de 35 persoas voluntarias, das máis de 100 que se apuntaron nun só día.

Non se convocou a máis xente por, entre outras razóns, o tamaño do areal, o cociente máxima de 20 persoas participantes por monitora (dúas monitoras formadas en limpeza de praias e concretamente neste tipo de residuos) e material dispoñible. Durante esta xornada recolléronse uns 60 gramos limpos de pélets, ademais doutros mesturados con algas e pequenas madeiras. Nesta praia xa se limpou o día anterior, co que os pélets recolleitos estaban dispersos e procedían só da achega das últimas mareas.

Tamén o colectivo wesustainability está a realizar limpezas, como a que realizou a pasada fin de semana con 350 persoas entre Riazor e o Orzán. En varias horas apenas puideron rescatar medio quilo de granulados, pero serviron para salvar 300kg de lixo mariño, o que dá conta da necesidade de concienciarnos durante todo o ano.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by WE Sustainability (@wesustainability)

Manifestación

O 21 de xaneiro, colectivos do mar e ecoloxistas únense nunha Manifestación en Santiago en Defensa do Mar

Máis novas

A única praia canina da Coruña, a máis contaminada de Galicia

Aprendendo a pescar pellets

18F.- A activista herculina Manuela García será a candidata de PACMA á Presidencia da Xunta

0

O Partido Animalista PACMA concorrerá ás eleccións do próximo 18 de febreiro polo catro provincias coa activista Manuela García como candidata á Presidencia da Xunta e número uno da lista pola Coruña.

Diso informou a formación nun comunicado, no que detalla Consolo Pereiro será a cabeza de lista por Lugo; María Fernanda Villegas, por Ourense; e María Luisa de Ceano, por Pontevedra.

A formación política, que destacou terá papeletas dispoñibles en todos os colexios electorais de Galicia, erixiuse na única opción verdadeiramente animalista e medioambientalista de todo o panorama político actual.

Aitana, Louis Tomlinson e Yandel, entre os primeiros artistas confirmados do Morriña Festival

0

Aitana, Louis Tomlinson, Yandel, Nicki Nicole, Dani Fernández e Sen Senra están entre os primeiros artistas confirmados para a Morriña Festival, que se celebrará este ano na Coruña e para o que as entradas sairán á venda o próximo 23 de xaneiro, ás 13.00 horas. “Este festival será de novo unha das grandes citas musicais de Galicia e do país”, sentenciou a alcaldesa, Inés Rey, na presentación desta nova edición no consistorio coruñés.

A rexedora estivo acompañada no acto polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro; polo xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas; por Joaquín Martínez, mercadotecnia manager de Estrella Galicia e Esteban Girón, responsable de prensa do festival.

A alcaldesa remarcou que non se entende o verán coruñés sen un festival que nas súas dúas edicións anteriores congregou a unhas 50.000 persoas no estadio de Riazor e 40.000 no porto. No festival, tamén estarán Dorian, Enol, Malmö040, Yeico x Toni, Garabatto, Dollar Selmouni e Trashi, entre outros. Nas próximas semanas anunciaranse novos artistas.

En marcha a II Mostra Cinema por Mulleres

0

Xa está listo o programa da II Mostra Cinema por Mulleres A Coruña. Un festival que se desenvolverá do 22 de febreiro ao 9 de marzo en Los Cantones Cines, cunha variada selección das máis recentes longametraxes nacionais e internacionais dirixidas por mulleres.

A mostra estará composta por unha selección de 10 longametraxes internacionais e 10 nacionais dirixidas por mulleres e realizadas entre 2022 e 2023, que proveñen de países tan variados como Lituania, Bélxica, Francia, Marrocos, Reino Unido, Corea do Sur, Canadá, Grecia, México, Alemaña, Israel, Países Baixos, Chile, Suecia e, obviamente, España. Destas 20 longametraxes, a metade serán estreas absolutas para o público coruñés: 6 internacionais e 4 españois.

Entre elas, atópanse longametraxes con múltiples premios en festivais internacionais como ‘How to have Sex’ da directora británica Molly Manning Walker –gañadora de Premio a Mellor Película 2023 do VI Festival Cine por Mujeres Madrid, ademais de Premio do xurado novo e Premio a Mellor Directora Novel de Valladolid-SEMINCI, Premio Un certain regard do Festival e Cannes e premio European Discovery- Prix Fipresci na European Film Academy, entre outros-, e ‘O corno’ de Jaione Camborda, gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián. A dita directora presentará o pase da súa película en Los Cantones Cines e manterá un coloquio posterior co público.

Mesas redonda

Como novidade, esta edición comezará cunha mesa redonda (xoves 22 de febreiro ás 19.00 horas no Teatro Colón), moderada por Chelo Loureiro (Ferrol, directora e produtora de cinema), que terá lugar o día 22 de febreiro no Teatro Colón da Coruña. Nela participarán relevantes directoras de cinema como Ángeles Huerta (A Coruña); Jaione Camborda (San Sebastián-Santiago de Compostela); Olga Osorio (Lugo) e Paula Cons (A Coruña).

Programa

Ciclo cinema Mulleres COruna 2024-Programa

Entradas

As entradas terán un prezo de 4,5 euros (3 euros con desconto para desempregados, maiores de 65, familias numerosas e posuidores do carné xove) e haberá dous pases diarios ás 18.00 e ás 20.30 horas. Todas as películas serán proxectadas en versión orixinal con subtítulos.

Resonac implantará na antiga Alu Ibérica unha planta piloto para a fabricación de grafito para baterías de coches elétricos

0

Resonac impulsará na Coruña unha planta piloto para a fabricación de grafito para baterías de coches eléctricos, en instalacións da antiga planta de Alu Ibérica e que estará operativa en 2025, segundo as previsións da empresa. Así o informou o presidente e CEO de Resonac en Europa, César Castiñeira, quen, con motivo da visita que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, realizou ao centro, informou da aprobación dun investimento de dez millóns de euros para a citada planta.

“Para avanzar na viabilidade técnica e económica da produción deste produto a gran escala”, sentenciou tamén, explicando que no segundo semestre deste ano iniciarase o acondicionamento dunha das naves do recinto da antiga Alu Ibérica. A posta en marcha estímase para a segunda metade de 2025. Tras o encontro con Rueda e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, explicou que, con este investimento, búscase implantar unha planta piloto que permita completar o proceso de produción de grafito para ánodos de baterías de coches eléctricos de maneira íntegra na súa planta da Coruña.

Nestes ensaios, participarán sete persoas na Coruña, ás que se suman outras sete en Xapón. Todo iso para uns traballos que permitan a homologación do produto, apuntou. No acto, o presidente da Xunta reivindicou, á súa vez, a importancia da actividade desta empresa e da planta piloto que proxecta de face a construír “esa Galicia potente que queremos”. Ademais, aproveitou para volver reclamar un estatuto para as empresas electrointensivas.