Inicio Blog Páxina 51

A Cámara de Comercio da Coruña sobre o absentismo laboral : “É un cancro para a economía”

O presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, pediu “consenso”, coa participación de todas as partes implicadas, para abordar o absentismo laboral, que cualificou de “cáncro para a economía e a sociedade” se continúa a tendencia actual.

Nunha rolda de prensa na que presentou o balance de actividades do organismo cameral, referiuse a este asunto para insistir na “sobrecarga de traballo para outros empregados” que supón nas pequenas e medianas empresas (pemes), ademais da súa incidencia no “incremento de custos”, especialmente nas grandes empresas. “É algo estrutural“, insistiu, subliñando o maior porcentaxe de baixas entre as persoas menores de 35 anos. Por iso, apelou a analizar os factores relacionados co absentismo laboral ante o seu “crecemento constante”.

ACTIVIDADE DA CÁMARA

Pola súa banda, xunto co director xeral, Manuel Galdo, explicou que, de cara a 2026, a Cámara continuará executando o Plan Estratéxico 2021-2027, coa finalidade de consolidar o crecemento da súa base social, reforzar as súas infraestruturas e ampliar os programas de apoio a empresas, emprendedores e ao emprego.

En concreto, indicaron que o organismo cameral apoiou case 1.800 empresas e 3.900 particulares con 5,24 millóns de euros. Ademais, pechou o exercicio con resultado positivo e superávit orzamentario. A entidade desenvolveu a súa actividade sobre o citado Plan Estratéxico, reforzando as súas principais áreas de actuación e impulsando novas infraestruturas e servizos. No ámbito da internacionalización, a Cámara destinou 900.000 euros ao apoio á saída ao exterior das empresas, organizando 30 accións de promoción internacional en 17 países, nas que participaron 152 empresas.

Un estudo da UDC expón un modelo “innovador” de propulsión de vehículos e o seu impacto económico

Un equipo de investigación vinculado ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña (UDC) publicou un novo estudo que propón “un modelo innovador” para avaliar a sustentabilidade global dos automóbiles con distintos sistemas de propulsión.

O traballo está asinado por Juan José Cartelle (CITENI); Jesús Cardenal e María Pilar de la Cruz, ambos do campus industrial de Ferrol, e Alfredo del Caño (CITEEC) e foi publicado no Journal of Cleaner Production, revista científica. O estudo, informa o reitorado coruñés, “inscríbese no debate sobre se as tecnoloxías de propulsión son realmente máis sostibles nun contexto no que a comparación entre opcións como o vehículo eléctrico, o híbrido ou o convencional segue xerando controversia“.

Frente a iso, o equipo propón unha ferramenta que permite analizar de xeito conxunto os piares da sustentabilidade de cada tipo de vehículo: o económico, o social e o medioambiental. O modelo apoiase nunha metodoloxía multicriterio de toma de decisións do modelado integrado de valor para avaliacións sostibles.

Baldo Ramos e Sara Plaza gañan cunha obra común o 29º Premio de Poesía Concello de Carral

0

O poemario escrito conxuntamente por Sara Plaza e Baldo Ramos, titulado ‘Porcelana e chumbo’, ven de ser elixido como a obra gañadora do 29º Premio de Poesía Concello de Carral. É a primeira ocasión no que o certame, dotado dun premio de 3.500€ e a ublicación da obra en Edicións Espiral Maior, premia unha autoría dobre.

Dun total de 77 obras presentadas ao concurso, o xurado, por unanimidade, decidiu premiar ‘Porcelana e chumbo’ pola súa “voz elixíaca, grave e meditativa. Pon en valor que a escrita aparece como unha forma de acompañar a perda, a cegueira e a memoria moi presentes en todo o traballo”. Destaca tamén “a madurez expresiva, a densidade poética, as imaxes innovadoras que afondan nos grandes temas universais: a soidade, o paso do
tempo e o valor do íntimo”. Ademais o xurado quere salientar a orixinalidade que supón crear un poemario a dúas voces.

O xurado estivo constituído pola concelleira de Cultura, Isabel López, que exerceu de presidenta, as poetas Branca Trigo, Miriam Ferradáns e Modesto Fraga, e o técnico de Cultura e coordinador do certame, Carlos Lorenzo, como secretario con voz e sen voto.

O acto de entrega do premio, así como a presentación da obra gañadora na pasada edición, ‘Especies invasoras’, de Branca Trigo, terá lugar o venres 5 de xuño na Casa da Cultura.

Os autores

Baldo Ramos (Celanova, 1971), que xa obtivera este premio na súa quinta edición, é poeta e artista plástico. A súa obra poética compóñena unha vintena de libros, entre os que detacan, A árbore da cegueira (2002), El sueño del murciélago (2003), Escura e transparente (2005), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Cartografía do exilio (2014), Cartas dende o esquenzo (2018), Palabras sen ninguén (2019), Porque te quero (2020) ou No interior do abandono (2020). Recibiu os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e ten sido accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara e do Premio de Poesía Miguel González Garcés.
A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en diferentes galerías, museos e feiras de arte de todo Estado.

Sara Plaza Moreno, nada en Bustarviejo (Comunidade de Madrid) en 1972, é unha escritora, tradutora e ilustradora española en lingua galega. Entrou en contacto coa lingua galega a través de xornais dixitais, programas culturais da TVG e portais na rede. Participou nos cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, organizados polo Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega. En 2019 instalouse en Lugo e matriculouse na USC no Mestrado en Dirección de Actividades Educativas da Natureza. En 2020 gañou a XXXIII edición do premio de poesía Pérez Parallé coa obra Todos os pasos fan ruído.

Desarticulado un grupo criminal que roubaba en establecementos de hostalaría na Coruña

0

A Garda Civil, a través de efectivos do Equipo Territorial de Policía Xudicial de Ferrol e co apoio do Posto de Fene, desarticulou a un grupo criminal especializado en roubos en establecementos de hostalaría na provincia da Coruña.

Segundo explican nun comunicado, no marco da explotación da Operación Yellowfene, detívose a tres persoas como presuntos autores de polo menos nove delitos de roubo con forza nas cousas e un delito de pertenza a grupo criminal. A investigación iniciouse tras detectarse unha serie de ilícitos penais “que xeraran unha notable alarma social en diversas localidades da provincia”.

O grupo criminal centraba a súa actividade en establecementos de hostalaría, aos que accedían empregando a forza unha vez que os locais finalizaran o seu horario de apertura ao público. Os roubos concentráronse nos termos municipais de Valdoviño, San Sadurniño, Fene, Cabanas, Miño e Cambre. Durante o desenvolvemento da investigación, os axentes puideron determinar a alta especialización dos implicados, cuxos danos materiais efectuados nos establecementos para consumar os roubos estímanse por encima dos 100.000 euros.

Destacan que o grupo quedou totalmente desarticulado e que os detidos, xunto ás dilixencias instruídas, pasaron a disposición xudicial. Tras prestar declaración, o Tribunal de Instancia decretou o ingreso en prisión para un dos implicados, mentres que os outros dous quedaron en liberdade con cargos á espera de xuízo.

Condena de nove meses, con suspensión da pena, a dous acusados de golpear a Yoel Quispe

0

Dous acusados de agredir a Yoel Quispe —o mozo de 22 anos falecido tras recibir varias puñaladas na Noitevella de 2023 na contorna da rúa Juan Flórez, en A Coruña— aceptaron unha condena de nove meses de prisión, con suspensión, no xuízo celebrado este martes no Penal número 3 da Coruña.

En principio, a Fiscalía pedía un ano de cárcere para cada un deles polos feitos ocorridos sobre as 06.30 horas do 24 de decembro de 2023 na confluencia das rúas Sinfónica de Galicia e Juan Flórez da Coruña. No transcurso dunha “pelexa”, segundo o Ministerio Público, os agora condenados agrediron ao falecido “con reiterados puñoadres e patadas” provocándolle, entre outras lesións, “traumatismos na cabeza”. Yoel morreu unhas horas despois pola puñalada mortal que se atribúe ao único detido e encarcerado por estes feitos.

Tras un acordo de conformidade entre as partes personadas —Fiscalía, as acusacións particulares exercidas polo pai e pola nai da vítima e as defensas—, os dous mozos aceptaron unha pena de nove meses de prisión por un delito de lesións, fronte á petición inicial dun ano do Ministerio Público, e o abono de 1.500 euros en concepto de responsabilidade civil. Ademais, acordouse suspender a condena por un prazo de dous anos condicionado ao pago desa responsabilidade civil e a que non cometan novo delito.

A NAI ESIXE XUSTIZA

Visiblemente emocionada, a nai de Yoel, Maritza Yovana, manifestou a súa disconformidade. “Matáronme ao meu fillo; desde o primeiro momento pedín xustiza, non foron tres, foron máis”, reiterou nas súas declaracións aos medios. “É unha dor inmensa”, dixo entre bágoas, e anunciou que loitará ata o último intre “para que a morte do seu fillo non quede impune”.

O seu avogado subliñou que, para esta parte, “trátase dun homicidio”, motivo polo que non o cualificaron como lesións. “Estamos ante unha única unidade de acto”, afirmou, e avanzou que presentarán ante a Audiencia Provincial un recurso de nulidade das actuacións.

XUÍZO POR ASASINATO EN XUÑOç

Mentres tanto, do 1 ao 19 de xuño a Audiencia Provincial da Coruña celebrará, polos feitos ocorridos na Noitevella de 2023, outro xuízo no que sentaran en banquillo tres mozos. Fronte á postura da Fiscalía, que solicita 14 anos de prisión por homicidio para o único mozo que está no cárcere e o sobreseemento da causa para outros dous, a familia sostivo desde o inicio que os tres debían ser xulgados por asasinato.

Con respecto ao grao de implicación, consideran autor material do asasinato ao mozo que está na prisión e cooperador necesario ao que, segundo esta parte, “levaba a navalla deulla” ao primeiro, con implicación tamén dun terceiro. Así o recolle tamén o auto, que cualifica ao presunto autor da puñalada mortal como autor de asasinato; ao segundo como cooperador necesario dun delito de asasinato; e ao terceiro como encubridor dese mesmo delito, o que supón unha variación nas penas, que segundo o avogado da familia poderían chegar ata os 25 anos de prisión para os dous primeiros, e a tres anos para o terceiro.

Pola súa banda, as defensas no procedemento pedían o sobreseemento. Finalmente, no auto, a titular do xulgado de instrución acordou a apertura de xuízo oral, con Tribunal do Xurado, por asasinato, como solicitaba a familia, e non por homicidio, como pedía o Ministerio Público para un deles.

Os traballadores de Repsol na Coruña votarán este xoves se convocan unha folga indefinida

Os traballadores da refinaría de Repsol na Coruña votarán este xoves, 30 de abril, se convocan unha folga indefinida, en resposta á situación que atravesa o complexo industrial “tras anos de reestruturacións e perda progresiva de postos de traballo”.

A proposta, impulsada polo comité de empresa a petición do sindicato STR, “responde a anos de recortes, aumento de carga de traballo e deterioración das condicións operativas”, informa o sindicato nun comunicado. STR advirte dunha redución continuada de postos, acompañada dunha maior carga de traballo, externalización de funcións e “unha deterioración progresiva das condicións laborais”.

Para os representantes do STR na refinaría da Coruña, a situación alcanzou un punto límite. “O persoal está a soster a actividade con menos recursos, máis presión e maiores esixencias. Non estamos ante un axuste puntual, senón ante unha tendencia que pon en risco a seguridade, a saúde dos traballadores e o futuro industrial do complexo”, alerta. “Non se pode xestionar unha refinaría coma se fose unha estrutura administrativa. Aquí falamos de procesos críticos onde a experiencia, a coordinación e os equipos dimensionados son claves para garantir a seguridade”, critica STR, que pide “un proceso de diálogo real”.

POSTURA DE REPSOL

Pola súa banda, Repsol explica que “o complexo procederá ao cesamento definitivo dunha unidade de calcinación que levaba varios anos fóra de operación e o persoal da quenda asociada ao único posto desta unidade será recolocado noutras posicións dentro do propio complexo, sen impacto no emprego”.

“A medida definiuse tras unha análise técnica detallado, garantindo a seguridade das persoas e das instalacións e sen incremento das cargas de traballo nas unidades en operación”, agrega. A compañía informou previamente o comité de empresa.

Un Foro aberto para profesionais sobre estratexias educativas innovadoras na prevención das violencias machistas desde a adolescencia

0

No marco do programa “Ondas de Cambio”, o espazo de intervención cultural da UDC Normal acollerá o vindeiro día 15 de maio un foro dirixido a axentes e profesionais para compartir ferramentas e estratexias innovadoras que impulsen a educación en igualdade e diversidade afectivo sexual e de xénero e a prevención das violencias machistas desde a adolescencia e a mocidade.

Organizado pola cooperativa Aventeira, este necesario foro busca formar persoal técnico de igualdade, educadores e educadoras, persoal de puntos violeta e, en xeral, profesionais do campo da educación e sensibilización en materia de igualdade, diversidade e violencias machistas.

Na sesión participarán voces expertas como as do investigador, divulgador e formador en masculinidades igualitarias Lionel Delgado, colaborador do Proxecto Broders, e mais a de Jimena Cardona Felipe, Premio Valedora do Pobo en 2025 polo seu TFG de investigación “Violencia na pornografía e o seu impacto nas prácticas sexuais dos mozos  universitarios/as: Un estudo cualitativo na UDC”. A través de mesas participadas, as e os profesionais afondarán en temas como a normalización da pornografía como principal fonte de coñecemento afectivo-sexual na mocidade, as violencias dixitais ou as reaccións antifeministas e discursos negacionistas das violencias machistas.

O programa, orientado á análise colectiva das resistencias, necesidades e desafíos aos que se enfrontan as e os profesionais nestas materias, así como á identificación de estratexias e ferramentas de intervención exitosas no ámbito socioeducativo, contará para o acto inaugural coa vicerreitora de Igualdade e Diversidade da UDC, Cristina López Villar, e pecharase coa actuación da poeta e música Lucía Aldao.

A inscripción, aberta e gratuíta, xa pode realizarse a través da web de Aventeira

O Acuario da Coruña acolle a Jinzi, unha nova foca macho para rexuvenecer o grupo

O Acuario da Coruña acolle unha nova foca, chamada Jinzi, e que, segundo o consistorio, “permitiu rexuvenecer o grupo que habita no recinto e abre a posibilidade de que poidan volver criar”. A mesma chega como resultado dun intercambio co Oceanográfico de Valencia, onde agora viven dúas focas macho do Acuario da Coruña: Fermín (de 17 anos) e Altair (de 23 anos). Jinzi é un macho novo —cumprirá cinco anos en xullo— e xa pesa 80 quilos. Desde a súa chegada, explican desde o Concello, mostrouse “curioso coa súa contorna e moi sociable cos seus compañeiros”. Neste momento, o grupo de focas que alberga o acuario coruñés consta de dous machos e oito femias. O último nacemento rexistrado tivo lugar en xullo de 2009.

Califican de “gran éxito” a primeira folga en Glovo en Galicia

A Federación de Servizos á Cidadanía (FSC) de CC.OO. cualificou de “gran éxito” a folga estatal á plataforma dixital Glovo en España os pasados días 24, 25 e 26 de abril e pediu de novo a retirada do ERE polo que pretenden despedir a 766 persoas, segundo informou FSC-CCOO este luns nun comunicado. Destacan a incidencia en Galicia en cidades como A Coruña, onde numerosos traballadores se concentraban no Obelisco.

Así o trasladou FSC-CC.OO., que denunciou que a protesta estivo “atravesada pola previsible vulneración do dereito a folga mediante a substitución de folguistas por traballadores de subcontratas”.

Con todo, este feito conseguiu frear a repartición a través da plataforma dixital en moitísimas zonas de Madrid, A Coruña, Almería, Cádiz, Córdoba, Alacante, Valencia, Tarragona, Asturias, Las Palmas de Gran Canaria, Áraba ou Navarra, entre outras provincias.

Ademais, a pesar de que CC.OO. asegurou que é “difícil medir o dato de seguimento debido a non atoparse ante unha empresa tradicional”, si pode afirmar que houbo zonas enteiras onde a repartición a través de Glovo foi paralizado por completo ou case por completo, como en Parla ou Denia.

Neste contexto, CCOO considerou esta mobilización como un “éxito social” pola “sensibilización mediática e social” que se deu a este conflito laboral.

Ademais, sinalaron que isto é grazas á “solidariedade das persoas consumidoras co persoal”, que fixeron que a demanda caese en moitas zonas de repartición.

O sindicato fixo un chamamento a Glovo para que atenda ás esixencias que motivaron a folga e desbloquee este conflito crecente debido á aplicación dunhas condicións de precariedade, explotación e represión contra as persoas traballadoras da compañía.

Tras esta folga, a representación de FSC-CCOO afirmou que “espera a chamada á apertura dunha mesa de negociación” para abordar todos estes puntos de face a comezar a establecer unhas relacións de “normalidade laboral” na empresa Glovo.

Xulgan este martes na Coruña dous mozos por golpear a Yoel Quispe antes do crime de Noiteboa

Dous mozos acusados de golpear a Yoel Quispe antes de falecer dunha puñada mortal na Noiteboa de 2023 na Coruña serán xulgados este martes no Penal número 3 da cidade como autores dun delito de lesións. A ambos os dous acúsaselles de propinar diversos golpes ao mozo, de 22 anos, antes de que outra persoa, segundo as acusacións, lle asestase a coitelada mortal nuns feitos ocorridos de madrugada na contorna da rúa Juan Flórez.

Este procedemento é previo ao xuízo principal que acollerá a Audiencia Provincial da Coruña do 1 ao 19 de xuño, no que tres novos se sentarán no banco. Fronte á postura da Fiscalía, que solicita 14 anos de prisión por homicidio para o único acusado que permanece no cárcere e o sobresemento para os outros dous, a familia de Yoel defendeu dende o inicio que os tres deben ser xulgados por asasinato.

En relación ao grao de implicación, a acusación particular considera autor material ao mozo en prisión e cooperador necesario ao que, segundo esta parte, “levaba a navalla e lla facilitou” ao primeiro, cunha terceira persoa implicada tamén na agresión. O auto xudicial sitúa ao presunto autor da puñalada como responsable de asasinato, ao segundo como cooperador necesario dese mesmo delito e ao terceiro como encubridor.

As penas poderían alcanzar os 25 anos de prisión para os dous primeiros acusados e os tres anos para o terceiro. Malia que as defensas reclamaron o sobresemento da causa, a titular do xulgado de instrución decretou a apertura de xuízo oral con Tribunal do Xurado por un delito de asasinato, tal e como expoñía a familia e en contra do criterio inicial do Ministerio Público.