Inicio Blog Páxina 50

Arrinca este sábado (IN)VISUAL, o novo ciclo de concertos audiovisuais inmersivos 

0

Este sábado 2 de maio arrinca (IN)VISUAL, o novo ciclo de música audiovisual impulsado pola Deputación da Coruña. As experiencias deste novidoso evento de arte e tecnoloxía en Galicia (un total de catro concertos LIVE AV), levaranse a cabo os sábados 2, 9, 16 e 23 de maio, en Coruña Estudio Inmersivo (CEI), o maior plató de produción virtual de España, situado na Cidade das TIC.

No programa deste novo ciclo de música audiovisual e prácticas dixitais contemporáneas danse cita destacadas figuras internacionais da creación de vangarda: MAOTIK, Marta Verde & José Venditti, Estela Oliva & Ana Quiroga e MIL111.

O concerto de MAOTIK deste sábado, 2 de maio, esgotou xa todas as súas entradas, mentres que os últimos tíckets dispoñibles para o resto de actuacións –gratuítos, cun depósito de 5 euros para a súa reserva, que serán reembolsados de xeito automático no momento do acceso– están dispoñibles en Ataquilla.

Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e o curador musical do ciclo, Xulio Vázquez, de HITO Cultura & Tecnoloxía, presentando o ciclo. ©Vanessa Rabade
A a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, e o curador musical do ciclo, Xulio Vázquez, de HITO Cultura & Tecnoloxía, presentando o ciclo. ©Vanessa Rabade

Xulio Vázquez destacou que “a potencia do proxecto reside, tamén, en vincular un espazo industrial descoñecido, a antiga fábrica de armas da Coruña, e o seu paradigma industrial, co paradigma de futuro e tecnolóxico que representan a Cidade das TIC e o CEI”

MAOTIK
MAOTIK

O EHMU supera o seu ecuador e afronta outra finde de vertixe

0

O Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) superou o seu ecuador e fíxoo co humor de Yúnez Chaib, entre outros. O guionista, cómico e actor nado en Melilla, habitual en La Revuelta, aproveita moi ben as súas raíces árabes para sacarlle punta ao racismo, utilizando o humor para desmontar bulos e prexuízos, ríndose ata de si mesmo.

O espectáculo de Chaib, xunto co do Faco Díaz vivido na xornada sabatina, denotan unha liña de humor progresista e antiracista que tanta falta fai a día de hoxe na nosa sociedade.

Facu Diaz bebendo unha Estrella no EMHU 2026-foto-leolopezfoto
Facu Diaz bebendo unha Estrella no EMHU 2026-Foto-@leolopezfoto

O que vén

Estes xoves, a risa continúa coa estrea en Galicia de Estoy como nunca, o novo espectáculo de La Forte, e a proxección gratuíta da comedia Sujétame el cubata, protagonizada por JJ Vaquero e na que aparecen figuras como Patricia Conde, Goyo Jiménez, Fernando Albizu ou Luis Piedrahita.
A película, inspirada na vida de Vaquero e no bar que este tiña en Valladolid, poderase ver de balde -entrada libre ata completar a capacidade da sala- nos Cantones Cines a partir das 19:30 horas. Ao finalizar, celebrarase un coloquio co protagonista e con Piedrahita.

As últimas entradas están dispoñibles na web oficial www.emhu.es.

PROGRAMACIÓN EMHU 2026 · XOVES 30 DE ABRIL

Até o 12 de setembro, de luns a venres de 17:30h a 20:30h e sábados e festivos de 12:00h a 14:00h e de 17:30h a 20:30h. Visitas guiadas os días 28, 29 e 30 ás 18:00h na Sede Afundación para a Exposición Comedy Wildlife.

Visitas guiadas a exposicion Comedy Wildlife do EMJHU26@leolopezfoto EMHU2
Visitas guiadas a exposicion Comedy Wildlife do EMJHU26. @leolopezfoto

30 de abril, 19:00h | Sede Afundación
Estoy como nunca, con La Forte (estrea en Galicia)

30 de abril, 19:30h | Cantones Cines
Sujétame el cubata. Proxección e coloquio con JJ Vaquero e Luis Piedrahita

Para venres 1, sábado 2 e domingo 3 de maio, o festival chega ao seu cumio, cunha oferta variada para todas as idades, concluindo o domingo 3 coa gala Fantastic Colofon, conducida por Luis Piedrahita, Eva Hache e JJ Vaquero.

 

5 meses sen novidades sobre o novo procedemento de contratación da dirección na Fundación Luís Seoane

Xa pasaron 5 meses dende que un Padroado de mínimos acordara a convocatoria dun novo concurso público para a escolla da persoa que iría ocupar a praza de dirección substituta da Fundación Luís Seoane. Se ben a entidade segue acollendo actividades como a divertida conversa entre Nuno e Rodrigo Cuevas, dende o Concello non aportan novidades algunhas sobre o novo procedemento de contratación.

E iso que a entidade prepara, con motivo da celebración do 30 aniversario da súa creación, unha nova e importante exposició,n ‘Seoane reencontrado’, que saca á luz un conxunto de 55 óleos da colección institucional, e que estará aberta ao público do 14 de maio de 2026 ata o 14 de maio de 2027.

Cronoloxía

En outubro do ano pasado o Xornal destapaba a polémica contratación da “directora substituta”, provocando un regueiro de reaccións, dende os grupos da oposición (como o PP ou Sumar Galicia), ata de entidades como ADACE, pasando por un crú manifesto asinado por máis de 150 persoas vinculadas á cultura da cidade, entre as que se atopaban xentes como Correa Corredoira.

En novembro un Padroado de mínimos, sen prezenza da alcaldesa nin do concelleiro de cultura, aprobaba a convocatoria dun novo concurso, asegurando que presentarían unhas novas bases para a nova contratación. En febreiro a alcaldesa Inés Rey delegaba as súas funcións no Padroado no Concelleiro de Cultura Gonzalo Castro, no último movemento municipal arredor da FLS.

Porque a pesar de que en febreiro o BNG pediu información sobre o procedemento e a nova convocatoria do Padroado, nada se sabe dende entón, como recoñece tamén o propio grupo do BNG.

Máis novas

O BNG esixe a convocatoria do Padroado da Fundación Luís Seoane para abrir o novo concurso

Un Padroado de mínimos aproba convocar un novo concurso para a dirección da Fundación Luís Seoane

Máis de 150 personalidades da cultura herculina asinan un Manifesto “pola dignidade e as boas prácticas” na Fundación Luís Seoane

Correa Corredoira: “Fago un chamamento á refundación da Luís Seoane”

ADACE cuestiona “a equidade do concurso e a confianza na gobernanza da Fundación Luís Seoane”

O concurso da praza de “directora substituta” da Fundación Luís Seoane, novo exemplo do abandono dunha da xoias culturais da cidade

 

Licitadas as obras para as sendas ciclistas e a integración ambiental da avenida Alfonso Molina

0

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable licitou por 5.890.361 euros (IVE incluído) as obras para a integración ambiental da avenida Alfonso Molina na Coruña.

Segundo informou o Mitma nun comunicado, o anuncio correspondente será publicado proximamente no Boletín Oficial do Estado (BOE).

A actuación, con orientación norte/sur, comeza na intersección da avenida Alfonso Molina coa estrada AC-10, denominada avenida San Cristóbal e finaliza na ligazón coa autoestrada AP-9; ao longo duns 1.400 metros.

As obras inclúen sendas peonís e ciclistas, que discorren paralelas ao tronco da avenida en ambas as marxes, conectando cos accesos peonís próximos ás paradas de autobuses e xunto ás pasarelas existentes.

Tamén está incluída unha pasarela de uso peonil e ciclista na ligazón de Pocomaco/Matogrande, que habilitará a continuidade entre dúas sendas proxectadas xunto á calzada dereita da avenida, resolvendo a intersección do itinerario peonil sobre a avenida García Sabell.

Adicionalmente, procederán á integración paisaxística da contorna, xerando ou mellorando as zonas verdes anexas ás devanditas sendas, e en xeral, a toda a avenida.

A través desta actuación, realizarán unha integración total da circulación entre vehículos, peóns e ciclistas que conviven na contorna da avenida, coas adecuadas condicións de seguridade viaria e garantindo as cruces entre ambas as marxes da vía.

260429 NP A CORUÑA Licitación Alfonso Molina

O PP da Coruña denuncia “chapuzas” nas obras municipais e a alcaldesa úrxelle a facer unha oposición “seria”

O portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, avanzou que esta formación levará ao próximo pleno municipal “as chapuzas de Inés Rey” en relación a obras municipais en distintos barrios da cidade. Lorenzo anunciou dúas iniciativas que levará ao pleno ordinario do 7 de maio sobre as “chapuzas” cometidas polo goberno local que en diferentes obras que conlevan “graves consecuencias que sufrimos os coruñeses: a nova parada de buses na rúa de Correos e a rúa Alcalde Marchesi”.

Ademais dos problemas na nova parada de Correos, o PP tamén fará unha pregunta oral pola rúa Alcalde Marchesi para saber por que “Inés Rey tardou catro anos en atender a multitude de queixas pola gran chapuza que fixo nesta rúa”, sentenciou.

Mentres, a rexedora socialista, a preguntas dos medios de comunicación sobre as manifestacións do edil popular, instoulle a facer unha oposición “seria”.

“Unha oposición que eu poida rebater, alguén critica que unha obra está inacabada cando se está executando”, expuxo en alusión a obras en marcha como a dos Cantóns e en resposta ás críticas dos populares.

Máis novas

Denuncian o caos na nova parada de bus metropolitano entre o Colón e Correos

O Concello da Coruña avanza nas obras do parque de Santa Margarita con novas sendas e espazos axardinados

As obras de mellora e replanificación do parque de Santa Margarida avanzan, segundo a rexedora, Inés Rey, a bo ritmo tras varios meses de traballos no recinto. O proxecto, cun investimento de máis de 740.000 euros, “mellorará un dos espazos verdes máis relevantes da cidade ao traer novo mobiliario, vexetación e áreas de paseo, cunha formulación ideada para aproveitar ao máximo todo o terreo”.

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou, xunto á concelleira de Mobilidade e Infraestruturas, Noemí Díaz, o desenvolvemento dos traballos, que afectan a unha superficie de máis de 78.000 metros cadrados. As actuacións en execución inclúen a renovación e adaptación dos camiños e sendas e a ampliación e mellora dos equipamentos e mobiliarios, tanto deportivos como de lecer.

Ademais, no marco desta intervención, incorporouse un novo illote axardinado para realzar a avenida das Ciencias, integrando mellor o parque coa contorna urbana e potenciando a súa biodiversidade. Con esta reforma, o Concello busca revitalizar un pulmón fundamental da Coruña, garantindo espazos máis accesibles e modernos para a cidadanía.

As obras na estación da Coruña obrigan a suspender o tráfico ferroviario entre o 26 de xuño e o 10 de xullo

As obras na estación de tren da Coruña, que en xuño entran nunha nova fase, obrigarán a suspender a circulación ferroviaria desde a cidade herculina entre o 26 de xuño e o 10 de xullo. Así o confirmou Renfe, que explicou que adaptará o servizo ante estas circunstancias para garantir a mobilidade dos usuarios.

A reprogramación arrinca xa o 5 de xuño. Desde esa data e ata o 25 de xuño —primeira fase das obras—, os trens rexionais A Coruña-Vigo Guixar e os trens de Media Distancia A Coruña-Lugo e A Coruña-Ferrol realizarán transbordos por estrada. Concretamente, os rexionais A Coruña-Vigo farán o traxecto en autobús desde a cidade herculina ata Santiago de Compostela, e os outros dous, tamén desde A Coruña ata Betanzos-Infesta. Os transbordos serán en ambos os sentidos. Ademais, por necesidades de rotación de material, o último tren Madrid-A Coruña do día 25 de xuño tamén realizará por estrada o tramo Santiago de Compostela-A Coruña.

A interrupción total do tráfico chegará coa segunda fase das obras, que arrinca o 26 de xuño. Ata o 10 de xullo, Renfe facilitará a mobilidade dos viaxeiros entre A Coruña e Santiago de Compostela para trens rexionais, Media Distancia, Avant e Alta Velocidade. Tamén se manterán os transbordos por estrada entre A Coruña e Betanzos Infesta para trens de Media Distancia da liña A Coruña-Lugo-Monforte-Ourense e A Coruña-Ferrol. Igual que na fase anterior, por necesidades operativas de situación de material rodante, os primeiros servizos da mañá do 11 de xullo tamén poden verse modificados.

A Coruña reivindica a importancia de Nikola Tesla cunha mostra sobre as súas contribucións á ciencia

A Coruña reivindica a figura de Nikola Tesla, científico e enxeñeiro, nunha exposición creada pola Fundación A Caixa e que chega á cidade herculina en colaboración co consistorio coruñés. A mostra pon de relevo a importancia de Tesla na historia da ciencia. “A Tesla, de quen hai documentadas preto de 300 patentes, debémoslle contribucións esenciais para a vida moderna, como, por exemplo, a invención do motor de indución, o desenvolvemento da corrente alterna como fonte de enerxía e a transmisión inalámbrica de enerxía e información, entre outras”, sinala a organización.

A exposición, realizada en colaboración co Nikola Tesla Museum de Belgrado na que os visitantes poden observar en funcionamento os seus principais inventos, pode verse en dúas unidades desplegables que permitirán achegar a ciencia do enxeñeiro a todos os públicos fóra do marco habitual dos museos.

O seu contido foi presentado este mércores polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego Vázquez; a responsable Territorial da Fundación A Caixa en Galicia, Susan Santos; a directora de Rede Galicia de CaixaBank, Marta Albela e o asesor da exposición, Sergi Romeu.

O Corufest segue transformando a cidade dende a arte e a diversidade

O Corufest 2026, o festival de artes escénicas pola diversidade afectivo-sexual, celebra este ano a súa 9ª edición entre os vindeiros días 6 e 17 de maio cunha ampla variedade de actividades que encherán a cidade de diversidade, identidade, memoria e festa.

A programación foi presentada este mércores pola alcaldesa, Inés Rey, e Xosé Leis, director do certame xunto a Gustavo del Río. Baixo o lema “Unha cidade que acolle, unha cultura que transforma”, o Corufest 2026 pon en marcha unha engrenaxe de creación e pensamento que o converte nun festival singular e único no Estado español.

O festival desenvolverá a súa programación en espazos como Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, o Centro Ágora ou a Casa Museo Casares Quiroga, e tamén alianzas co tecido privado a través de espazos como Galgo Azul.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by @corufest.2026

Programa

O Corufest 2026 abrirá a súa programación o mércores 6 de maio ás 20.30 horas no Teatro Colón, co concerto do actor e creador galego Xoán Fórneas, Premio Mestre Mateo á Mellor Interpretación Protagonista, que presentará o seu primeiro proxecto musical baixo o nome artístico O Xoán, que combina escena e creación sonora. A súa proposta parte da tradición e da voz para dialogar con linguaxes contemporáneas, xerando atmosferas performativas entre a raíz e a experimentación.

Ao día seguinte, o xoves 7 de maio, a biblioteca municipal do Centro Ágora acollerá ás 19.30 horas a entrega do Recoñecemento Samuel Luiz ao compromiso social coa visibilidade LGTBIQ+, que este ano recaerá en Boti García Rodrigo, figura clave na historia do movemento LGTBIQ+ español. A súa traxectoria, iniciada no activismo e desenvolvida tamén no ámbito institucional, contribuíu de xeito decisivo á conquista de dereitos, á visibilidade e á construción dun marco de igualdade no que hoxe habitamos.
Tras a entrega do recoñecemento, terá lugar o encontro ‘Escritas desbordadas: Narrar o que incomoda’, un espazo de reflexión sobre a escritura como territorio de ruptura, onde a palabra se expande máis alá do normativo para falar de identidade, corpo e conflito. O encontro contará coa presenza de Daniel Amarelo, Nee Barros e Alva Lourenço, coordinadores da ‘Guia de linguagem não binária’; Andrea Nunes e Leticia Citoula, coordinadoras de ‘Razóns de peso’ e Miguel Calvo Marques, autor de ‘As esquinas’ (Premio Pinto e Maragota 2026).

O festival conta un ano máis co apoio do programa TRC Danza, que traerá o venres día 8 ao Teatro Rosalía de Castro o espectáculo ‘Orgía’, ás 20.30 horas, unha peza de danza contemporánea que explora o corpo como espazo de encontro, identidade e transformación.

O Centro Cívico dos Mallos será o escenario o sábado día 9 ás 20.30 h da obra ‘Manual para follarse a un macho con vagina’, con entrada libre. Unha peza que, a través do humor, a ironía e a experiencia persoal, aborda a construción da masculinidade desde unha perspectiva trans.

A programación do Corufest traerá este ano a diversidade LGTBIQ+ aos máis novos coa peza teatral ‘Manual básico de lengua de signos para romper corazones’, de Roberto Pérez Toledo, que aborda o amor, a comunicación e a diversidade funcional a través da relación entre un home xordo e un oínte. A obra terá lugar o mércores 13 de maio no Teatro Colón (12.00horas) cunha función programada para centros escolares e entidades sociais grazas á Concellaría de Benestar Social, Participación e Igualdade. Ese mesmo día, ás 20.30 horas, a obra abrirase ao público xeral cunha función no mesmo escenario.

O festival trasládase de novo ao Teatro Rosalía o xoves 14 de maio ás 20.30 horas coa peza escénica ‘Caballito de mar’ de Pau Coya, que combina corpo e palabra para abordar a experiencia dun home trans embarazado. O seu autor estará tamén o sábado 16 de maio no Galgo Azul nun encontro co público que terá lugar ás 12.30 horas.
Tamén o Galgo Azul acollerá, o día anterior, venres 15 ás 18.00 horas, un encontro sobre Dereitos culturais e identidade LGTBIQ+. A xornada contará coa participación de creadoras, autoras, activistas e axentes institucionais vinculados ao ámbito da diversidade afectivo-sexual e os dereitos culturais.

A danza regresa o sábado día 16 ao Centro Ágora ás 20.30 horas con ‘Nik·Eu 2.0’, a última produción do proxecto iXa, unha peza contemporánea que afonda na construción da identidade desde o corpo, explorando as tensións entre o eu íntimo e a imaxe proxectada cara ao exterior.

O festival chegará ao seu fin o domingo 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas e o Día Internacional contra a Homofobia, a Transfobia e a Bifobia. O Galgo Azul acollerá a partir das 12.30 horas un encontro co escritor, profesor e activista galego Ismael Ramos, unha das voces máis fulgurantes e internacionais da nosa literatura, recente gañador do prestixioso Premio O. Henry (sendo o primeiro autor español en conseguir este galardón). Sergio Marey recupera a figura de ‘Trini’.

A Casa Museo Casares Quiroga acollerá ata finais de mes a exposición ‘Maricones y travestis a la calle’, coa que o artista visual galego Sergio Marey recupera a figura da coruñesa Trinidad Falcés (Trini), muller trans represaliada durante o franquismo, para activar unha memoria histórica silenciada das primeiras loitas pola diversidade afectivo-sexual. A inauguración da mostra terá lugar o martes 12 de maio ás 19.00 horas e contará cunha performance por parte de Sergio Marey.

As entradas para os espectáculos están xa dispoñibles a través de Ataquilla.

 

Máis novas

O Corufest 2025 entrega o recoñecemento Samuel Luiz ao colectivo LGTBIQ+ Alas Coruña

A Cámara de Comercio da Coruña sobre o absentismo laboral : “É un cancro para a economía”

O presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, pediu “consenso”, coa participación de todas as partes implicadas, para abordar o absentismo laboral, que cualificou de “cáncro para a economía e a sociedade” se continúa a tendencia actual.

Nunha rolda de prensa na que presentou o balance de actividades do organismo cameral, referiuse a este asunto para insistir na “sobrecarga de traballo para outros empregados” que supón nas pequenas e medianas empresas (pemes), ademais da súa incidencia no “incremento de custos”, especialmente nas grandes empresas. “É algo estrutural“, insistiu, subliñando o maior porcentaxe de baixas entre as persoas menores de 35 anos. Por iso, apelou a analizar os factores relacionados co absentismo laboral ante o seu “crecemento constante”.

ACTIVIDADE DA CÁMARA

Pola súa banda, xunto co director xeral, Manuel Galdo, explicou que, de cara a 2026, a Cámara continuará executando o Plan Estratéxico 2021-2027, coa finalidade de consolidar o crecemento da súa base social, reforzar as súas infraestruturas e ampliar os programas de apoio a empresas, emprendedores e ao emprego.

En concreto, indicaron que o organismo cameral apoiou case 1.800 empresas e 3.900 particulares con 5,24 millóns de euros. Ademais, pechou o exercicio con resultado positivo e superávit orzamentario. A entidade desenvolveu a súa actividade sobre o citado Plan Estratéxico, reforzando as súas principais áreas de actuación e impulsando novas infraestruturas e servizos. No ámbito da internacionalización, a Cámara destinou 900.000 euros ao apoio á saída ao exterior das empresas, organizando 30 accións de promoción internacional en 17 países, nas que participaron 152 empresas.