A Universidade da Coruña (UDC) celebrou este mércores a sesión constitutiva do seu novo claustro, órgano de goberno conformado xa cos novos Estatutos no marco da Lei Orgánica do Sistema Universitario (LOSU).
Segundo informa o reitorado, está composto por un total de 252 persoas representantes dos diferentes colectivos da institución académica.
Nesta xornada configurouse tamén a mesa do claustro, composta por un total de 13 persoas: seis representantes do profesorado funcionario e permanente laboral; dous do resto do profesorado; un de persoal técnico, de xestión e administracións e servizos, así como outro de persoal contratado en tarefas de investigación e tres do estudiantado.
Tamén se elixiu unha representación do claustro ao Consello de Goberno, un órgano que tamén será renovado tras os diferentes procesos electorais celebrados nas últimas semanas.
A Audiencia Provincial da Coruña condenou a 2 anos de cárcere a tres acusados, unha parella e o primo dun deles, de nacionalidade romanesa, por estafar máis de 30.000 euros a unha persoa vulnerable, que padecía un trastorno psiquiátrico e que non estaba capacitada para tomar decisións xurídico-mercantís.
Así, o tribunal considera probado que, polo menos entre agosto de 2014 e maio de 2016, lograron que a vítima lles entregase diversas cantidades de diñeiro, alegando que o necesitaban para tratamentos de saúde, pagamento de alugueiros ou compra de inmobles en Romanía.
Entre marzo e maio de 2016, unha cuarta persoa, vinculada cos acusados, contactou co prexudicado, que estaba preocupado polas transferencias de diñeiro feitas e quería recuperar esas cantidades. Esa cuarta persoa, que xa foi xulgada e condenada, fíxose pasar por avogado e logrou que a vítima lle pagase outros 1.600 euros.
Por estes feitos, a Audiencia considera os tres procesados autores dun delito continuado de estafa e condénaos a 2 anos de cárcere. Tamén condena a parella a restituír ao prexudicado 1.900 euros, e ao terceiro acusado impónlle unha responsabilidade civil de 30.000 euros.
Axentes da Garda Civil detiveron a un mozo de 22 anos de idade en Culleredo como presunto autor dun delito de tráfico de drogas, e incautáronse de diversas cantidades de haxix, marihuana e cocaína. Segundo informou a Comandancia da Coruña, a detención produciuse no marco dun dispositivo de seguridade cidadá, en coordinación coa Policía Local, para erradicar puntos de ‘trapicheo’ de drogas no núcleo urbano de Culleredo.
Nese ámbito, identificouse a un grupo de mozos, a quen se aprehenderon pequenas cantidades de haxix. A un dos identificados, no entanto, atopáronlle máis de 76 gramos desta droga, ademais de 0,9 gramos de marihuana e 184 euros en billetes.
Na entrada e rexistro do domicilio deste sospeitoso atopáronse tamén 15,5 gramos de haxix, 25,8 gramos de marihuana e 0,3 gramos de cocaína. Igualmente, os axentes localizaron efectos para pesar e envasar a droga, cadernos con anotacións, e outros 690 euros euros en billetes. O valor da mercadoría intervida estímase en algo máis de 800 euros. O detido e as dilixencias practicadas foron postos a disposición xudicial.
Nun ton moi distendido e ambos nun galego marabilloso (o asturiano mesmo con gheada), contaron como comezaron a traballar xuntos. Rodrigo, admirador do “gamberrismo ilustrado” de Nuno e de Grande Amore, invitouno a facer algo en común e despois de 4 anos de intentonas, conseguiron meterse xuntos no estudio para colaborar no novo disco do asturiano, “Manual de Belleza”.
Debullaron, entre risas, como foi aquela colaboración en Madrid, para lanzar o tema de “Unha muerte ideal”.
Despois da singular e permonizada experiencia, atenderon ás numersosas preguntas do público, afondando no aspecto conceptivo do traballo.
Tamén falaron das colaboracións, e mesmo intentaron chamar e enviaron unha mensaxe a Masiel, unha das divas homenaxeadas no traballo.
Grande acollida á primeira sesión da VII Semana do Cinema Galego. Había espectación na cidade por ver unha das películas máis galardoadas dos últimos anos e por avaliar o estado de saúde do noso audiovisual.
A Asociación Galega do Audiovisual concentra nesta semana as producións galegas máis recoñecidas do ano (nos Mestre Mateo como en numerosos festivais), como destacou a súa presidenta, a actriz herculina Lucía Veiga, que cunha camiseta do Castelo Conta, deu a benvida e abriu o telón dun Teatro Colón convertido en sala de cine.
Precisamente Veiga fixo fincapé nesa necesidade de seguir enchendo as butacas das salas de cine e do teatro, detalle que serviu para ilustrar a imaxe do ciclo.
Lucia Veiga presentando a Semana do Cinema Galego no Teatro Colón
De contado os sons e as impactantes imaxes de “Sirat” (o seu director Oliver Laxe non puido estar pola súa apretada axenda) comezaron a mergullar ao público que ateigaba o salón, nese bombazo de incómoda “road movie” que fai saltar a cabeza ao espectador. Grandes loubanzas se escoitaban á saída.
”As liñas descontinuas”
Mara Sánchez e Adam Prieto na Semana do Cinema Galego-Foto-Aigi Boga
De contado saíron ao escenario Mara Sánchez e Adam Prieto presentando “As Liñas Discontinuas”, debullando como foi o proceso de creación con Anxos Fazáns e facendo fincapé na importancia da música no filme.
”A historia é daqueles que a escriben, e os seus protagonistas principais nunca deben ser esquecidos”, reza o texto de invitación á firmar no que de seguro, participará todo o deportivismo, porque “queremos que Don Augusto César Lendoiro teña nesta cidade o recoñecemento que merece. E por iso comezamos un proceso de recollida de firmas para que o home que construíu os nosos soños teña unha rúa de seu. É apenas unha pequena homenaxe comparada con toda a felicidade que nos dixo sentir”. “Todos xuntos imos conseguilo”.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, rexeitou a posibilidade de implantar máis medidas de seguridade na dársena coruñesa tras un novo falecido ao caer ao mar na noite do domingo ao luns, co que se elevan a catro os falecidos nos últimos nove anos. “Non imos valar o porto”, sentenciou a preguntas dos xornalistas na rolda de prensa que ofreceu para informar dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno.
Ademais, lembrou que foi en 2017, co anterior goberno local, cando se instalaron bancos para que fixese de “barreira de seguridade”. “Hai sinalización vertical, iluminación e barreira de bancos na zona que vai ao mar, entendemos que ten que ser suficiente para evitar estes accidentes”, sentenciou.
Despois de levar paralizada dende final de ano, e dunha marea de mobilizacións tanto dos docentes como dos usuarios, o programa de Lecer reanudarase este 20 de abril. Así o anuncia hoxe o Concello da Coruña, que vén de formalizar o contrato ponte que permitirá o inicio dos cursos culturais no Fórum Metropolitano e Centro Sociocultural Ágora.
Durante o día de hoxe a nova empresa responsable das actividades comezará a comunicarse co profesorado coa fin de informarlles de que as clases se retomarán o luns 20 de abril.
O reinicio do programa de Lecer de primavera permitirá retomar os talleres, as actividades de clausura e os campamentos de verán previstos. “Damos solución de maneira áxil a unha situación complexa e pensando en todo momento nas persoas usuarias deste programa, así como no profesorado afectado”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Nos vindeiros días, as persoas interesadas poderán consultar a programación e formalizar a súa inscrición a través da páxina web e das redes sociais do Concello. O Goberno municipal executará este servizo mediante un contrato ponte coa empresa Os Ventos, o que permitirá retomar as sesións desta edición antes de que se licite o novo contrato do programa, que arrincará en setembro.
As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, reuníronse un ano máis para animar a que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”, o chamado X Solidario, na súa Declaración da Renda.
Este ano a campaña arranca co lema “O Xesto Lendario”. Con inspiración cinematográfica, e baixo a consigna de que un xesto ‘épico’ cambia o destino de milleiros de vidas, anímase este ano a marcar o X Solidario e compartir nas redes co cancelo #OXestoLendario e #ElGestoLegendario.
Na presentación, Inés Salteiro, directora da POIG sinalaba que “en Galicia, case 600.000 persoas viven en risco de pobreza ou exclusión social” animando á cidadanía a contribuír a reverter esta situación recalcando que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin nos devolven menos, e podemos contribuír a realización de programas e proxectos que poden mellorar a situación de milleiros de persoas.”
Durante o 2025, a campaña recadou en Galicia 30.127.138 €, grazas a que 793.189 contribuíntes (o 53,2% do total) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 37’98 € por persoa, 4,56% máis que o ano anterior.
Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 3.607.069 € con respecto ao ano anterior, mantívose o número de contribuíntes, polo que é esencial que máis persoas se animen a contribuír. 698.443 contribuíntes seguen sen marcar o X Solidario (578.825 non marcaron ningún recadro e 119.618 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 49.884.694€. (19.757.555€ máis).
A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 567.210.822€ grazas a que case de 12.400.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, significando o 50,5% do total das persoas declarantes.
Un xesto que beneficia a milleiros de persoas
Grazas ao X Solidario, no 2025 168 organizacións de acción social de toda Galicia, 21 máis que o ano pasado, puideron levar a cabo 773 proxectos que beneficiaron directamente a un mínimo de 184.388 persoas.
Presentouse esta mañá no Teatro Colón a 9ª edición do Ciclo Metropolitano de música e artes pola igualdade “Elas son Artistas”. A iniciativa, producida por 10D10, da man de Tomi Legido, este ano estrea dirección artística con Silvia Penide, que toma o relevo de Yolanda Villa, que pasa a ser directora honorífica do ciclo como impulsora do mesmo en 2018.
Na Coruña están previstos, como mínimo, 10 eventos con 13 mulleres artistas como protagonistas, en escenarios tan singulares como o das salas de concertos Garufa Club, Jazz Filloa e Mardi Gras, ou en espazos como a praza de Azcárraga, na Casa Museo María Pita, na Casa Museo Casares Quiroga, no Auditorio da Domus e no Teatro Colón. Con todo, o programa continúa medrando.
Durante a presentación destacaron que na anterior edición foron máis de 3.500 persoas as que asistiron as máis de 20 actividades programadas nos 7 concellos participantes: A Coruña, Arteixo, Betanzos, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada.
Avance do Programa do ciclo Elas Son Artistas
Artistas confirmadas na Coruña
Na Sala Mardi Gras xa están confirmadas tres actuacións: Georgina que este xoves 9 de abril ofrecerá o concerto de presentación do ciclo no que se sortearán entradas para algúns dos seguintes eventos. Será ás 21:30. As entradas anticipadas poden mercarse en www.entradium.com tamén haberá na propia sala o día do concerto. Outras confirmaciones destacadas son Stacy Antonel, dende San Diego, California. Estará en Mardi Gras o 29 de xuño.
Tamén haberá un concerto moi especial en Garufa Club coa norteamericana Scarlet Rivera. Polo nome seguramente pouca xente a coñece. Pero si decimos que é a intérprete do solo de violín máis lembrado da música popular dos anos 70, abriremos as orellas: A canción Hurricane de Bob Dylan. Esa é Scarlet Rivera. Que estivo en todo o disco Desire e en toda a xira mítica Rolling Thunder Revue. Actúará en Garufa interpretando temas de Bob Dylan xusto ao día seguinte que o premio nobel de Literatura cumpla os 85 anos. Ela ten 76 anos e ven con Rob Stoner, baixista naquela etapa con Dylan e director artístico do seguinte disco, Hard Rain.
Todo continúa durante os seguintes meses con actuacións, obradoiros, exposicións ata chegar ao domingo 29 de novembro día no que o Teatro Colón acollerá a clausura do do ciclo co concerto da madrileña EDE. Trátase da aposta arriscada deste ano. Unha artista que xirou con Xoel López durante dous anos e que ten novo disco: Fieralinda.
Dende New York traen un trío que ama a música dos anos 60: Tchotchke (lido é Choch Ki). Cun último disco producido polos Lemon Twigs, gozan e fan gozar dende o esceario. Será o mércores 27 de maio.
Tamén estará na Garufa Club a outra artista que desborda talento: Rosalie Cunningham. Segundo a revista Classic Rock: se Kate Bush e os Beatles tivesen unha nena, sería Rosalie Cunningham. Estará na Coruña o 8 de outubro.
Máis que música
Unha actividade emocionante vaise vivir no magnífico Auditorio da Domus, en data ainda sen confirmar e na que Gosia Trebacz participa por segunda vez no ciclo.
Outra das novidades deste ano é que a exposición da Casa Museo María Pita durante todo o mes de agosto será unha extensión de Viñetas do Atlántico. A protagonista desta exposición será a obra da coruñesa Xulia Pisón.
ACTIVIDADES NO RESTO DE CONCELLOS
Vernes 24 de abril – Concello de Oleiros – Auditorio A Fábrica en Santa Cristina – La Otra – Madrileña con proxección internacional, acaba de estar en Latinoamérica percorrendo varios paises en salas e festivais, teloneando incluso a Manu Chao.
Venres 3 de xullo – Concello de Arteixo – Auditorio exterior da Casa da Cultura se o tempo o permite: Sofía Espiñeira – Artista multidisciplinar galega, combina músicas do mundo con canción de autora. O trío co que actuará xunto a Ailén Kendelman (percusión e coros) e Judit Almeida (contrabaixo e coros)
Venres 11 de setembro – Concello de Culleredo – Auditorio de Usos Múltiples en O Burgo: Carlota e compañía. Carlota Mosquera e Sol Álvarez traen o espectáculo “Ninguén tira fotos nos enterros”.
Concello de Carral – Data sen concretar – IES DE CARRAL: por cuarto ano imos ao Instituto de Carral, nesta ocasión cun espectáculo de Marta Iglesias Sempre Arriba, estreando unha disciplina artística que ainda non tiveramos no ciclo: Os aéreos, unha das técnicas do circo máis espectaculares, combinada co humor e as reflexións de Marta.
E faltan por concretar as citas para Sada e Betanzos, que teñen dous magníficos espazos, como son a Cada da Cultura Pintor Lloréns e no caso de Betanzos o auditorio da Aula de Cultura Xulio Cuns.