Inicio Blog Páxina 667

O BNG reclama á Xunta que incoe o expediente BIC sobre Meirás para “protexer todo o seu patrimonio”

O BNG demandou á Xunta incoar “de maneira inmediata” o expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do pazo de Meirás, en Sada, ante o permiso da Xustiza aos Franco “para retirar algúns dos ata 700 elementos mobles que forman parte do patrimonio do pazo no seu conxunto”.

A súa deputada Mercedes Queixas emprazou á Xunta a actuar “con urxencia” na incoación do mesmo “para protexer algúns dos elementos mobles como, por exemplo, varios conxuntos isabelinos, os angelotes de bronce ou as lámpadas sobre pilastras”. “Non se pode explicar o pazo de Meirás sen todo o seu conxunto patrimonial completo”, engade.

Estas pezas son “elementos inseparables”, segundo a parlamentaria coruñesa, do conxunto íntegro da inmoble residencia da escritora Emilia Pardo Bazán e, posteriormente, residencia oficial do ditador Franco. “A ausencia destas pezas afecta sen dúbida ao propio significado e o que representa o pazo de Meirás”, remarca fronte ao cal reiterou a súa urxencia en que o Executivo galego incoe este expediente BIC para a protección de todo o conxunto patrimonial do pazo de Meirás.

En concreto, a partir do 26 de xuño, os Franco poderían retirar do inmoble os anxos de bronce da capela, unha virxe, cuxa retirada xa permitira o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.

 

O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o día 25 un ciclo de cinema sobre Picasso

0

O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o martes, día 25, un ciclo de cinema sobre a figura de Picasso no marco da conmemoración do 50 aniversario da súa morte. ‘Picasso a través do cinema’ comezará como parte das actividades deseñadas pola Xunta de Galicia ao redor da mostra ‘Picasso branco no recordo azul’.

O primeiro visionado será no auditorio do museo, ás 19,00 horas, cos filmes ‘Guernica’, de Robert Hessens, que trata a soada obra do artista, con imaxes de arquivo sobre o bombardeo nazi da poboación vasca. Ademais, tamén se proxectará ‘Picasso’, de Luciano Emmer, na que se profunda na evolución do artista.

O ciclo continuará ofrecendo cada martes de maio no Museo unha selección de obras que permitirán coñecer ao artista, explican desde a Consellería de Cultura. O 2 de maio será a quenda do documental de Henri George-Clouzot ‘O misterio Picasso’, ao que seguirán outras proxeccións.

Volve a regata Tall Ship Races á Coruña tras sete anos de ausencia

Coincidindo coa chegada do. veleiro de mandeira máis grande do mundo, de bandeira sueca, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu esta mañá aos técnicos da organización da regata Tall Ship Races, que terá lugar do 24 ao 27 de agosto na cidade herculina tras sete anos de ausencia. A rexedora estivo acompañada polo director da regata, Paul Bishop, e a súa directora comercial, Vanessa Mori.


A visita, de carácter técnico, serviu para coñecer as instalacións portuarias onde quedarán amarrados os grandes veleiros durante a súa estancia na cidade. “Estamos a coordinar os preparativos da cita, que sempre foi multitudinaria e, por tanto, ten certa complexidade organizativa”, sostivo Inés Rey.

Para esta edición da Tall Ship Races xa está confirmada a participación de 15 barcos de distintas clases e case un milleiro de tripulantes. Trátase dun evento que comezará en Reino Unido e, logo do seu paso pola Coruña, continuará ata Lisboa e Cádiz.

Reflexión sobre o “odio” no VII Encontro Acampa da Coruña

O VII Encontro Internacional Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio celebrarase entre o 16 e o 18 de xuño na Coruña baixo a lema ‘Odio ou convivencia’, segundo informaron os seus organizadores nun comunicado.

Os xardíns de Méndez Núñez albergarán ao redor de 200 fotografías de gran formato de fotoperiodistas e fotógrafos documentais de “recoñecido prestixio”. Jordi Borràs, Javier Bernardo, Óscar Curral, Nuria López Torres, Hanna Jarzebek, Sarah Blesener ou os integrantes do Colectivo Ollo son algúns deles.

“A cidadanía poderá asomarse, a través das súas miradas, ao que moitas veces prefire non ver, o odio, nas súas mil e unhas caras, que crece á vez que mingua o respecto aos Dereitos Humanos e aos demais dereitos, a solidariedade ou a empatía”, explican os promotores.

‘Odio ou convivencia’, engaden, mostrará “espazos sen lei nos que deambulan ou esperan millóns de seres humanos, as fronteiras secas e líquidas da vella e bunkerizada Europa, a cuberta do Aquarius ou as rúas de todo o continente nas que crece e se exhibe o fascismo e a extrema dereita ou o masacre do valo de Melilla”.

Case 2.400 axentes das forzas do Estado velarán polo “óptimo desenvolvemento” das municipais na Coruña

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, mantivo este mércores unha reunión de traballo para supervisar a planificación loxística de face ás eleccións municipais do próximo 28 de maio co obxectivo do “óptimo desenvolvemento” do proceso electoral, cando se mobilizarán uns 2.390 axentes dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

No encontro, ao que asistiron o Secretario e a Vicesecretaria Xeral da Delegación do Goberno, Rivas repasou as diferentes tarefas que se acometerán o 28 de maio, que comprende desde a comprobación dos locais de votación ou a seguridade de todas as fases do proceso, ata a transmisión da información oficial de apertura e peche de mesas, participación, escrutinio e transmisión dos resultados.

A subdelegada lembrou que o despregamento humano que realiza a Subdelegación na provincia resulta “crucial” para o “óptimo desenvolvemento” do proceso electoral. Está previsto que o ente mobilice a 1.018 representantes da Administración en toda a provincia que, entre outras funcións, acudirán ás mesas electorais e encargaranse de recompilar datos sobre participación e escrutinio.

No que respecta aos corpos e forzas de seguridade do Estado mobilizaranse un total de 2.390 axentes. Ademais, durante todo ese día, na Subdelegación do Goberno haberá persoal habilitado para solucionar calquera incidencia que poida xurdir cos representantes, os concellos, a constitución das mesas ou o material, en colaboración coas Xuntas Electorais.

A Fundación Diego González Rivas protagoniza a carreira da solidariedade

0

Días importantes estes para a Fundación Diego González Rivas. A entidade que preside o ciruxán coruñés celebra este xoves 20 de abril a súa presentación oficial, mentres que o venres será a gran protagonista da V Carreira da Luz do IES Miraflores.

A primeira cita celebrarase o xoves ás 17:30 horas, no Work Café Santander da Coruña. Será o propio doutor Diego González Rivas, coñecido como “o doutor Diego”, loitador contra o cancro de pulmón e a dor en hospitais de todo o mundo, o que dea a coñecer os proxectos e obxectivos da recén constituída Fundación, baseados a simple pero valente premisa de ”salvar vidas e axudar ao maior número de persoas necesitadas de todo o mundo”.

A creación da Fundación é “a evolución lóxica da axuda humanitaria que leva máis de dez anos realizando o doutor”, explican. Pero “tamén responde á necesidade de dotala de apoio e ferramentas capaces para que a institución chegue a máis partes do mundo e de dar apoio económico ás persoas que non poden acceder á súa técnica cirúrxica revolucionaria Uniportal VATS por falta de recursos”.
Unha técnica que “permite operar a cavidade torácica realizando un pequeno orificio intercostal, ás veces mesmo con anestesia local, e facilita que os pacientes poidan volver á casa e á súa vida normal nun prazo de 48 horas”.

Así, esta Fundación “pretende ser o instrumento que impulse un novo modelo que permita operar nunha unidade de cirurxía móbil na que o médico poida realizar, con todas as garantías, aquelas intervencións que non se poidan acometer, por falta de recursos, nos países en desenvolvemento”.

A Carreira da Luz do IES Miraflores

Un día despois da presentación, a Fundación estará presente noutro evento importante. O Instituto Miraflores de Oleiros celebra este venres 21 de abril a súa carreira popular solidaria que, nesta V edición, destina a súa recadación á propia Fundación Diego González Rivas.

“Calza as túas zapatillas e anímate a participar para axudar a salvar vidas”. Este é a mensaxe que queren dar dende o centro para animar a participar nesta carreira nocturna que ce celebrará no Polígono de Iñás, en Oleiros.

Haberá sorpresas ademais. “Cada dorsal recibirá unha bolsa de abastecemento cortesía de Eroski-Vegalsa. Para os máis pequenos, esas bolsas levarán, ademais, algunha que outra sorpresa. Todos os gañadores e gañadoras das categorías superiores serán premiados con produtos de Revlon, achegados polo Salón de Beleza Diude de Compostela, unha chea deobsequios de Toyota Material Handling ou clases de Surf en Sup Mera”, desvelan dende o instituto.
Haberá inchables para os máis pequenos, chocolate, doces caseiros e moitas sorpresas máis. Poderáse conseguir unha estancia en Casa Amodiño (Belesar), unha comida ou cea para dúas persoas en Cantón 23, bonos de paseo a cabalo, tratamentos de beleza, sesións de fisioterapia e podoloxía, manicuras, pedicuras, descontos nas compras en Tarabela roupa e complementos , pases para os pequenos en Urban Planet, dúas noites en Manzaneda e dúas en San Isidro, cortesía de Viaxes Sierra, lentes deportivas e moito máis.

As inscricións están abertas ata esta oite de xoves 20 de abril ás 23:59 neste formulario online.

Novas relacionadas

O PP da coruña recupera ao exministro José Manuel Romay Beccaría na súa lista do 28M

O exministro e actual presidente de honra do PPdeG, José Manuel Romay Beccaría, pechará a lista da candidatura popular á alcaldía da Coruña, segundo informa esta formación.

Nun comunicado, a cabeza de lista e actual portavoz do grupo municipal do PP, Miguel Lorenzo, afirma que é “unha honra” que Beccaría peche a candidatura. “É unha mostra máis de xenerosidade que quen foi un número uno en toda a súa traxectoria acepte ir no posto 27 da candidatura”, destaca.

Romay Beccaría foi presidente do Consello de Estado en dúas ocasións; ministro de Sanidade e Consumo; vicepresidente da Xunta de Galicia; conselleiro de Sanidade e de Agricultura; presidente da Deputación coruñesa; senador e deputado, ademais de ocupar diversos cargos de responsabilidade no Partido Popular.

A deputada no Congreso Valentina Martínez, vicesecretaria Económica e Xurídica do PP Local, ocupa o posto número 26, mentres que o presidente de Novas Xeracións, Rafael Penide, tamén figura na candidatura de Miguel Lorenzo, que esta mesma semana anunciou o primeiros catorce postos. Nos seguintes figuran varios presidentes de comités de Barrio do PP local, así como a xefa territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, entre outros.

O Campanario, “un barrio de terceira”

0

Fochancas que parecen piscinas, arquetas desfeitas, lixo acumulado por todas partes, un parque infantil absolutamente esfolado… Así é o barrio do Campanario, erguido nos anos 60 enriba do Portiño, como un proceso temporal para o realoxo dunhas 60 tantas familias, que pouco a pouco se foi esquecendo. Quedan agora unhas 60 infravivendas esfoladas, con nenos por todas partes, e un estado das infraestruturas públicas deplorable.

É a cidade que non se ve, que non se mira, que non se coida. O lugar conta mesmo cun Centro Social, promovido na lexislatura pasada, e inaugurado nesta lexislatura por un traballador municipal (non foi nin un político), que non ten calefacción dende fai 6 meses, e onde se realizan actividades de integración e apoio escolar con nenas e nenos que deben portar abrigos no seu interior.

Así vive a veciñanza, allea á cidade, cunha sensación xeralizada de completo esquecemente, e así o comprobou José Manuel Sande, o candidato de Por Coruña, a coalición de unidade conformada por Podemos, EU e Alianza Verde, nunha visita a semana pasada. Sande denuncia “a total ausencia do Concello no barrio” sinalando que “non pode haber barrios de primeira e barrios de terceira” na cidade.

Barrio-Campanario_Coruna-5

Barrio do Campanario
A última imaxe do barrio de Googlemaps data de 2012

A alcaldesa da Coruña pide á Xunta unha política en materia de vivenda e sen “excusas”

A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, instou á Xunta a deixar de “pór escusas” e requiriulle unha política en materia de vivenda que contrapuxo á do Goberno central, especialmente tras o anuncio de mobilización de vivendas da Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb).

Fíxoo ao ser preguntado por unhas declaracións da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sobre as competencias de concellos nesta materia. Inés Rey rexeitou que sexa así e asegurou que a administración autonómica é quen as ten e “non as exerce”.

“Onde está a política de vivenda da Xunta, onde están as vivendas de protección oficial, de protección pública?”, preguntou a rexedora.

Mentres, sobre a mobilización de vivendas da Sareb e cuestionada se o concello tería que asumir algún custo, manifestou que “nun principio non parece que vaia a ser así”, pero emprazou a esperar a coñecer “máis detalles”. “Pero entendo que non é responsabilidade do concello acometer esas reformas se non son vivendas de titularidade do concello”.

A Coruña rexistrou o pasado ano 330 atencións de LGTBIfobia

0

O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia é un servizo da asociación ALAS A Coruña que nace no 2017 grazas ao apoio do Concello da Coruña. Escoitar, asesorar e acompañar ás persoas, independentemente da súa orientación sexual ou identidade de xénero, así como denunciar e rexistrar os incidentes e delitos de odio, son os eixes de acción deste observatorio. A maiores, este servizo realiza un importe labor de prevención da LGTBIfobia en centros educativos, empresas e outras entidades de toda Galicia.

Durante o pasado ano, o observatorio realizou un total de 330 atencións vencelladas a 220 casos. Ao longo do 2022, o persoal do observatorio atendeu practicamente cada dous días un novo caso. Un 59,02% do total de atencións tiveron como destinatarias a persoas residentes na Coruña, cidade na que o servizo ten a súa sede.

Este mércores 19 de abril presentarase o informe “Nin vagas nin maleantes” en rolda de prensa e intervirán a concelleira de Igualdade, Yoya Neira e Ana G. Fernández, presidenta de ALAS A Coruña. Como en anteriores edicións, os datos recollidos serán compartidos con outros observatorios do Estado, a través do proxecto Redes contra el odio da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuais, Intersexuais e máis (FELGTBI+).A Coruña rexistrou o pasado ano 330 atencións de LGTBIfobia