Inicio Blog Páxina 680

A Deputación da Coruña achega máis dun millón de euros a un total de 130 clubs deportivos provinciais

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) da Coruña publicou este luns a resolución provisional de subvencións a 130 clubs deportivos, que en total recibirán 1.011.742 euros por parte da Deputación. A maiores hai outros seis que, se presentan a documentación que se lles require, recibirán outros 60.000 euros.

Segundo informa a institución provincial, trátase dun programa para financiar os gastos derivados da participación en competicións oficiais federadas a nivel nacional e internacional. As achegas oscilan entre os 2.000 e os 6.550 euros e engloban modalidades deportivas variadas, tanto en categorías femininas como masculinas.

A responsable de Deportes da Deputación, Cristina Capeláns, destacou a importancia desta liña “para seguir impulsando aos nosos deportistas nas diferentes competicións” e “colaborando no seu progreso deportivo e promocionando o deporte coruñés en toda España e fóra das nosas fronteiras”.

Por outra banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou este luns co alcalde de Sobrado dos Monxes, Lisardo Santos, o convenio de colaboración para cofinanciar as obras de mellora do asfalto en oito camiños e pistas do municipio. O orzamento total da actuación ascende a 239.994 euros, dos que o goberno provincial achegará 191.995, o 80 por cento.

Atopada no Orzán unha ave con gripe aviaria

Galicia suma un total de 31 casos de gripe aviaria en aves silvestres (principalmente gaivotas e mascatos) tras un novo exemplar detectado na praia coruñesa do Orzán. En concreto, trátase dunha palleira parasitaria -págalo parásito, en castelán, e Stercorarius parasiticus, como nóme científico-, atopado con sintomatoloxía e que morreu pouco despois.

Esta ave foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Oleiros, analizada en laboratorio e eliminouse o seu cadáver posteriormente. A Consellería de Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección deste caso confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

O primeiro caso detectado en Galicia de gripe aviaria en aves silvestres produciuse en agosto de 2022, segundo os datos ofrecidos por Medio Rural. No que vai de 2023 van media ducia de positivos nesta enfermidade –os outros cinco foron gaivotas–, cuxo último caso se detectou o pasado febreiro. A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas.

A palleira parasitaria é unha ave mariña que habita o norte de Europa, Asia e Norteamérica, con grandes poboacións en Escocia e illas como Orcadas ou Shetland. Pasa os invernos nos mares tropicais e océanos do sur do planeta. Durante outono e primavera realiza migracións, polo que actualmente pasa fronte ás costas galegas na súa viaxe cara ao norte. Cabe destacar que en Galicia non se reproduce nin aniña, polo que case non toca terra fóra de exemplares enfermos ou moi debilitados. “Por este motivo, é improbable o contacto coa fauna silvestre e doméstica autóctona”, subliña a Xunta.

De feito, o Goberno galego asegura que a notificación deste foco “non vai afectar á valoración favorable do risco respecto da influenza aviaria que recentemente realizou o Ministerio de Agricultura”, o que levou ao levantamento de diversas prohibicións en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos municipios que pertencen á Zona de Especial Risco.

A área da Coruña é unha das de maior renda de España

0

Santiago de Compostela conta cunha taxa de paro do 9,2% en 2022, o que a sitúa no top 15 de cidades españolas con menor desemprego, unha clasificación que encabeza Sant Cugat del Vallés, en Barcelona (5,2%).

Este é un dos datos que arroxa o informe Indicadores Urbanos 2023, publicado polo Instituto Nacional de Estatística (INE) este luns, no que tamén se observa que a área da Coruña é unha das de maior renda no país, con 13.990 euros, co que ocupa o décimo posto. Este ‘ranking’ está encabezado pola área de San Sebastián (16.836 euros).

Mentres, as cidades de Lugo, Pontevedra e Vigo atópanse entre as 15 con menor número medio de fillos por muller, con só un. O peor dato é o de San Cristóbal de la Laguna (0,81).

Na estatística obsérvanse máis cidades galegas entre os principais postos de diferentes clasificacións. Así, Ferrol é a cidade con peor taxa de actividade no Estado, cun 50,1%, e Ourense ocupa o 13º peor posto (52,4%).

De novo Ferrol é a de maior idade mediana, con 51,6 anos, seis anos máis que a mediana española (45,1 anos), e só Avilés pasa tamén dos 51 anos. Este indicador mostra a idade exacta que divide á distribución por idades da poboación residente deixando o mesmo número de persoas por baixo e por encima dela.

Igualmente, Ferrol sitúase entre as 15 cidades españolas con menor proporción de estranxeiros, xa que só supoñen o 3,5% do total. A taxa media en España é do 11,7%. No outro extremo atópase Torrevieja (40,7%). Pola súa banda, pódese atopar á área de Vigo como a oitava do país con maior proporción da industria (18,7%) e como a 12º con menor proporción de emprego nos servizos (o 72,8%).

A folga de pilotos de Air Europa obriga a cancelar dous voos do aeroporto da Coruña

Air Europa cancelou 14 voos este luns, primeira xornada da segunda rolda de folga de pilotos, que se estenderá durante os días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de maio e o 1 e 2 de xuño. Dos cales, dous tiñan destino ou orixe o aeroporto galego da Coruña.

En concreto, os voos cancelados cobren as rutas de ida e volta entre Madrid e Bilbao, A Coruña, Palma, Roma, Milán e Málaga, así como a ruta entre Barcelona e Palma. Para o resto de días, a aerolínea tamén cancelou 14 voos por xornada, a excepción do 30 de maio (18 voos) e o 2 de xuño (12 voos).

A través da súa web, Air Europa pide desculpas aos pasaxeiros polos “inconvenientes que esta situación ocasione”, polo que ofrece como alternativas para os pasaxeiros afectados que cambien a data para voar nos 30 días posteriores á data do seu voo orixinal e na mesma ruta, que cambien de destino a outro operado por Air Europa, dentro dos tres días anteriores ou posteriores á data orixinal do seu voo ou solicitar un vale co importe do billete.

Investigan a un home que está na UCI tras unha agresión no Ventorrillo

A Policía Nacional investiga unha agresión a un home, no barrio coruñés do Ventorrillo, que se atopa ingresado estable con prognóstico grave na UCI do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

Os feitos sucederon este domingo sobre as 21,30 horas, na rúa Mosteiro Bergondo. Ao lugar desprazáronse dotacións da Policía Nacional, que se atoparon a un home que sangraba e presentaba lesións cortantes.

Fontes consultadas por Europa Press aseguraron tamén que na zona onde se produciu o suceso había sangue, aínda que non puideron confirmar se a agresión fora cunha arma branca. Polo mom

Traballar@s do Eroski-Familia manifestáronse este domingo polas rúas da Coruña

0

Reclamar unhas condicións salariais e laborais dignas foi a reivindicación principal da manifestación desenvolta este domingo na Coruña polas traballadoras do Eroski-Familia. Traballadoras das pronvicias da Coruña e Pontevedra levan meses de mobilizacións demandándolle á empresa que regrese ao convenio do comercio de alimentación, do que saíu no ano 2006 para pasar a aplicar un convenio propio de condicións inferiores negociado en Madrid.

Lembran que as condicións de Vegalsa son “os máis baixos de todo o sector” e ademais “é a empresa que ten as peores condicións laborais”.

Dende a CIG critican que as suba salarial obrigada por lei “non incorporou sequera o plus de transporte que recolle o convenio de grandes almacéns, o que lles permitiría cobrar 1000 euros máis ao ano”.

Máis xornada anual e menos licencias

Denuncian que “traballamos 70 horas máis ao ano ao non computársenos como tempo efectivo de traballo os 20 minutos de descanso; non temos recoñecidos os tres días de asuntos propios, nin o dereito a coller tres sábados ao ano sen que se nos mova o resto do calendario; e incluso a redución da xornada por garda legal só se permite até que a crianza cumpre os 12 anos”.

Por iso, xa avanzan que continuarán coas mobilizacións porque “nós o que queremos é cobrar e ter as mesmas condicións que as compañeiras de Gadis ou Froiz”.

Pensando no playoff

  • Xornada 37 (21/05/23)
  • Depor – Alxeciras (4 – 0) – 4º clasificado, en playoff de ascenso
  • 1º partido de Rubén de la Barrera (1V 0E 0D), a 6 puntos do líder Racing de Ferrol

—- —-

Despois dunha semana na que se falou de todo menos de fútbol, toca encarar a preparación dos playoff. E se falou pouco de fútbol porque tocou falar moito do novo adestrador, ó que dende aquí ímoslle chamar “señor X”. E isto é así, porque nestes cambios tan tardíos pouco importa a persoa e moito importa o feito. Estes cambios teñen pouco de implantar un sistema de xogo o acercar rutinas os xogadores, e teñen moito de activación emocional. De feito, o Depor encarará o playoff dende unha proposta emocional, en lugar dunha proposta futbolística.

Proba delo, foron as primeiras mensaxes que enviou o “señor X” ó universo deportivista: titularidade para Yeremay, Trilli e Bergantiños, debut do canteirán Mella, guillos á afección na rolda de prensa… Sabe pouco o “señor X”. Restan dúas semanas para o primeiro partido do playoff e neste tempo pouco ou nada trocará na forma de xogar, máis ben, trocará a forma de encarar o xogo. Xusto unha das grandes rémoras da etapa Cano no Depor.

Chega o Depor ó playoff cunha materia pendente: gañarlle a un rival en postos de playoff. De feito, en todo o que vai de liga o Depor non logrou ningunha vitoria con rivais que nese momento ocupaban prazas de playoff. Mal precedente para o que ven por diante. Pola contra, o equipo mostrouse eficaz e goleador na casa, lugar onde se atopa máis cómodo e onde terá que basear gran parte das súas aspiracións de ascenso. Renova o Depor as posibilidades de voltar ó fútbol profesional, polo menos cortouse a sangría, falta ver si se chega a tempo coas decisións da última semana. Seguro que o “señor X” xa está pensando no playoff.

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

MÁIS CRÓNICAS DO DÉPOR

A Fundación Alas premia a dous centros educativos polo seu compromiso coa comunidade LGTBI+

A Fundación Ás da Coruña entregou os XIX premios Marcela e Elisa a dous centros educativos da cidade coruñesa polo seu compromiso cos dereitos da comunidade LGTBI+.

Os centros educativos galardoados son o IES Nº1 de Ribeira e o IES Rafael Dieste da Coruña. Este é o primeiro premio, que se entrega desde 2015, que a Fundación concede a iniciativas no plano educativo.

Segundo un comunicado de prensa, Alas manifestou que o xurado valorou o compromiso continuo destes centros coa comunidade LGTBI+. Así mesmo, destacou o amplo catálogo de libros de temática LGTBI+ dispoñible nas bibliotecas de ambos os centros educativos.

Na mesma liña, a Fundación subliñou que o IES Nº1 de Riberia apostou fortemente pola formación do seu equipo docente nunha alianza entre o Concello de Ribeira, o Instituto de Mediación Educativa Ribeira e Alas. Ademais, expresou que este instituto leva dous cursos lectivos izando as bandeiras da comunidade LGTBI+ nas datas conmemorativas.

Pola súa banda, o xurado que premiou ao IES Rafael Dieste destacou a creación e o bo funcionamento do grupo de apoio do instituto para a comunidade LGTBI+, DiverXentes, así como a aposta do equipo directivo para facer espazos máis inclusivos.

Unha afrenta ao corazón do patrimonio da humanidade

0

O estado deprimente do vello cárcere, un dos máis sinistros símbolos do franquismo, representa para os coruñeses unha aberración difícil de comprender racionalmente. Situado nuns terreos adquiridos polo concello por 19.000 pesetas, foron cedidos ao goberno central en 1925, coincidindo coa ditadura de Primo de Rivera. Inaugurado en 1927, ocupa unha parcela de 12.792 metros cadrados, cunha superficie construida de 7.178 metros cadrados. O inmóbel está catalogado no actual Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co nivel 2, isto é, con carácter de protección estrutural, e a mesma delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) seleccionabao con motivo dos extensos programas dedicados á celebración do Día da Arquitectura o 3 de outubro de 2011.

Os turistas chegados dos máis diversos lugares poñen os ollos en branco cando algún paseante voluntarioso lles pon en evidencia como unha contorna, case sagrada, coa Torre de Hércules de gran protagonista, teña que convivir co que algúns denominan como un “mal sono”. Como asumir que unha paisaxe privilexiada poida estar ferida por esa descomunal afrenta ao orgullo dos coruñeses? Son aberracións que non caben na imaxinación. De aí que Proxecto Cárcere, Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Defensa do Común conxuráranse para propiciar un amplo movemento cidadán coa fixación duns obxetivos destinados a converter en realidade a suma de aspiracións cidadáns que non son outras que a recuperación do inmóbel para o patrimonio público.

Carcere Vello Coruna pancarta

A este respecto, cabe reseñar que o 24 de outubro de 2013 o goberno municipal do PP trasladaba ao goberno central, tamén en mans do PP, a apertura dun expedente relativo á recuperación do vello cárcere, sen custe algún para a facenda municipal, baixo o pretexto de que trátase dunha parcela adquirida no seu día polo concello co único fin de cedela ao Estado para a construcción do devandito inmóbel. En román paladino, en caso de que cesara a actividade para a cal fora destinada, como asi ocurreu, o inmóbel debería ser revertido ao concello, circunstancia que na práctica deixaba sen efecto o convenio asinado en 2005 polo entón goberno municipal do PSOE coa Sociedade de Infraestructuras e Equipamentos Penitenciarios e Seguridade do Estado (SIEPSE) consistente en abonar ao departamento ministerial un total de 1,12 millóns de euros, ademais de ceder unha parcela de 9.000 metros cadrados para a construcción do Centro de Reinserción Social, ubicado ao carón do propio vello cárcere. O propio Parlamento de Galicia, a través dunha proposición non de lei aprobada por unanimidade o 3 de xuño de 2014, instaba a desenvolver as accións preceptivas cerca do Minsterio do Interior para a cesión gratuita do vello cárcere.

Cunha desafortunada xustificación ou sen ela, o caso é que as polémicas xurdidas en torno ó vetusto inmóbel axitou os ánimos do denominado movemento asociativo plural e dinámico coruñés, advertindo mesmo sobre os riscos de que o faro romano perda a condición de Patrimonio da Humanidade, tal como deslizou o Icomos, organismo dependente orgánicamente da propia Unesco para asuntos relacionados coa protección do patrimonio histórico-cultural, nunha misiva remitida ao propio concello coruñés e sen reacción algunha pola súa parte. A actual campaña eleitoral servirá para tomar o pulso ao grado de compromiso das diferentes organizacións políticas que compiten por entrar no Pazo de María Pita, cuestión que aínda a risco de comportar un mero electoralismo servirá para coñecer feitos e razóns que moitas veces quedan no caixón. En definitiva, a reacción unánime de moi diversos sectores sociais para a recuperación gratuita do vello cárcere será determinante para rescatar esa parcela e, a súa vez, o rexurdimento urbano dunha contorna que condiciona a identidade coruñesa en todo seu esplendor, un ponto máxico convertido en mensaxe de atración.

Ricardo Vales é expresidente da Asociación Veciñal de Atochas-Monte Alto e Responsábel de Comunicación da Plataforma Cívica defensa do Común.

Investigan unha presunta agresión sexual na zona de lecer nocturno do porto da Coruña

A Policía Nacional investiga unha presunta agresión sexual na zona de lecer nocturno do porto da Coruña, nas proximidades dos complexo Cantóns Village, que se produciu na madrugada do sábado.

Segundo fontes consultadas por Europa Press, os feitos ocorrerían sobre as 05,00 horas e a denuncia foi presentada en dependencias policiais na tarde deste sábado.

Estas mesmas fontes confirmaron que polo momento non houbo ningunha detención en relación a este caso. A investigación continúa aberta para tratar de esclarecer o ocorrido.