Inicio Blog Páxina 747

Os Letrados da Administracións de Xustiza confirman que manteñen a folga indefinida

0

Celebraron onte os letrados da Administración de Xustiza unha nova Asemblea, para analizar a situación da reunión que o comité de folga mantivo o pasado día 16 co Ministerio de Xustiza. Pero o acordo segue a ser o mesmo: continuar coa folga indefinida que comezou o 24 de xaneiro de 2023, sempre que non se cumpran os acordos acadados co Ministerio de Xustiza en abril de 2022, relativos á súa adaptación salarial ás competencias recibidas hai máis de 14 anos.

A folga indefinida entra pois na súa quinta semana, o que provocará que os datos de suspensións de vistas, e de trámites e cartos paralizados sigan aumentando de forma alarmante. “Como vimos facendo dende o inicio da folga indefinida, lamentamos profundamente o dano que esta folga pode causar a Cidadáns, a quen nos debemos como empregados públicos que somos”, sinalan dende o colectivo.

”Rexeitamos a actitude do Ministerio de Xustiza, representado polo secretario de Estado D. Rodríguez, mantido na reunión co Comité de Folga do pasado 16 de febreiro, que se limita a solicitar o abandono da folga e “estudar” a adaptación dos grupos de folga. poboación”, explican dende o colectivo, ao tempo que ratifican o seu apoio ao Comité de Folga como único interlocutor na negociación.

O colectivo solicitou que a ministra de Xustiza, Da Pilar LLop, se sume á negociación para traballar conxuntamente na procura dunha solución consensuada que acabe canto antes con este conflito.

Lembran a cantidade de acordos que faltan por aprobar por parte do Ministerio:

– Non se aprobou o novo Estatuto Orgánico da LAJ
– Non se revisou o réxime de categorías
– Non se revisaron os grupos de poboación
– Non se mellorou a produtividade
– Non se implantou a carreira profesional
– Non se promoveu a vinculación das retribucións á carreira xudicial

Menuda lata o de viaxar!

Comentaba o míster Cano hai unhas semanas que a segunda volta ía ser moi distinta da primeira volta e que gañar cada punto costaría caro. Fóra da casa a cousa complícase máis aínda. Así que deume por comprobar que lles está pasando ós equipos nesta segunda volta cando xogan lonxe dos seus estadios. O resultado é bastante claro.

Vaia por diante que este análise cíñese á segunda volta, é dicir, as últimas 5 xornadas e a orixe son as verbas do míster avisando de que isto ía pasar. Pois ben, levamos 50 encontros no que vai de segunda volta no que se deron 25 vitorias locais, 15 empates e 10 vitorias visitantes. Ata aquí, evidénciase a comodidade dos equipos xogando de local, tema mental sumado o cambio de actitude que ocorre nas cabezas dos xogadores por xogar arroupados. Outro factor é o coñecemento do campo propio e a axuda que aportan os afeccionados. Estas vitorias deixaron a cifra de 60 goles dos equipos locais e 27 goles dos equipos visitantes. Queda claro que xogar fóra non lle gusta a ninguén.

E onde queda o Depor neste análise? Pois sae ben parado. Ó rematar a primeira volta, o Depor viña de perder en Alcorcón e situábase a sete puntos do liderato. Nestas cinco xornadas de segunda volta, o Alcorcón sumou cinco puntos, por dous do Córdoba, nove do Castilla e once do Depor. Acortouse a distancia dos tres de arriba a dous puntos, onde a mellor deriva lévana o Castilla e o Depor. Chegamos o momento clave da tempada, esperemos aproveitar a boa seira de vitorias.

 

  • Miguel Barreiro Bugallo. Coruñés e deportivista no exilio mesetario. Sufrindo ó depor dende 1988. O que sei de fútbol, o Depor empéñase en negarmo. Firme defensor do fútbol de botas negras.

Máis crónicas do Dépor

Unha tixola que quedou ao lume provoca a evacuación dun edificio de cinco plantas en Arteixo

0

Un edificio de cinco plantas situado na localidade coruñesa de Arteixo tivo que ser evacuado na noite deste pasado luns tras arder unha tixola nun dos pisos.

Tal como informou o 112 Galicia, os feitos ocorreron na Travesía de Meicende, na zona da Pastoriza, sobre as 21,30 horas. Foi un veciño o que deu a voz de alarma, indicando que saía fume pola porta e as xanelas dun dos domicilios, no cal ninguén respondía as chamadas.

Por iso, informouse os servizos de urxencias sanitarias, á Garda Civil, aos bombeiros, á Policía Local e a Protección Civil. Foron os propios axentes locais os que apagaron o lume, que procedía dunha tixola esquecida ao lume, sen que se vise afectado ningún outro elemento. Pola súa banda, os bombeiros realizaron as pertinentes labores de comprobación e ventilación.

Previamente, os servizos mobilizados evacuaran o edificio para garantir as medidas de seguridade durante a intervención.

BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos e ecoturismo, reunirá 150 expositores

0

A próxima edición de BioCultura, a feira de produtos ecolóxicos e ecoturimos, celebrarase do 3 ao 5 de marzo en EXPOCoruña e reunirá máis de 150 expositores dedicados aos sectores da alimentación, a cosmética ecolóxica, a moda sostible ou de artesanía.

Paralelamente, a feira, que agarda superar os 13.000 visitantes, organiza máis de 150 actividades. A primeira delas será un “showcooking” ecogastronómico con chefs que levarán a cabo degustacións e obradoiros para facer queixos veganos. Tamén haberá propostas para a cativada como o Festival da Infancia con obradoiroes de cociña, danza e xogos.

Algunhas das demais propostas da feira son un “showroom” de cosmética ecolóxica certificada que tamén inclúe xornadas formativas para profesionais. Tamén haberá unha xornada de bioconstrución, que terá lugar o sábado, e unha máster class de Nicolás Olea. Completan a programación un coloquio sobre comunicación, unhas xornadas técnicas de ecoturismo e un festival de ioga.

Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre

0

——– —– —-

Entroido antigo Coruna

“Era un artista total, pintaba, improvisaba versos, tocaba a guitarra. Tiña moito carácter e era tamén moi coqueto -limpo dicía el- sempre andaba impecable e perfumado”. 

Así lembra a súa neta Elena o gran mestre do carnaval da Coruña: Manuel García Canzobre. Co seu Mariachi prendeu fondo no corazón da cidade. Estou a falar do “Coche funerario”, do “Tranvía de Riazor” ou do “Calexón de Tabares”, clásicos que poden xurdir –sexa antroido ou non- en calquera templo tasqueiro: 

Por que sigue circulando
ese tranvía de Riazor?
Depósito microbiano
que cheira a queixo de Roquefort.
(con música de: vain’aprendendo)

Naceu en 1886 en Riazor, non no campo, na propia  aldea de Riazor, unhas casas de mariñeiros situadas nos terreos que agora ocupa o Playa Club. Cando había moito mar, as ondas entraban até a cociña. Tiña tanta confianza co océano que de moi novo embarcou cara Cuba de polisón. Despois Londres, Maracaibo, Nova York… destas viaxes volveu cuns dedos virtuosos na guitarra e co ánimo espelido para armar ferretes.

Finou no ano 77. Na súa derradeira entrevista radiofónica, feita por Antón Luaces, afirmaba que saíra coa primeira comparsa no ano 1926. A Guerra non foi tempo para moitas antroidadas. E menos na rúa da Torre, predio obreiro da CNT. Canzobre e familia tiveron que pasar uns anos agachados, pola banda de Friol, na aldea de Roimil. Mais reapareceu no ano 53 disposto a recuperar os antroidos perdidos. A partir de entón o seu  chapeu  converteuse no mellor calendario de días feriados. Usaba dúas boinas -unha de diario, outra de paseo para os domingos- e, se gastaba chistera…. é que había Carnaval.

Por suposto foi tamén o autor da elegante indumentaria do seu Mariachi: bombín e traxe negro de plexigláx. A canda el -perdón se me esquece algún-, Gelito, Wences, Anguila, Cadavieco, José Leiras, Manuel Bujía e José Iglesias, armados coas súas guitarras, laúdes e o instrumento rítmico que o propio mestre bautizou como rascayú.  

O repertorio de Canzobre nunca se acaba. Hai uns antroidos Enrique de La Naval ensinoume estoutra repichoca: A crónica do barco coreano que equivocou o rumbo. En lugar de dirixirse cara ao porto, houbo entrar polo medio do Orzán. Afortunadamente na garita da rúa do mesmo nome estaba o vixía para o avisar:

Pero o vixía ao velo entrar,
díxolle en coreano;
telefunken pola china
que che poden atracar.

Moi afortunados foron Aquiles e Ulises por ter un Homero que catase a súas fazañas. Afortunada tamén A Coruña, pois tivo a Canzobre para pórlle música ao seu Antroido.    

Este Martes volveremos cantar eses clásicos diante da súa estatua na rúa do Parque. Pero queremos máis:

Como o loro Rabachol é o símbolo antroideiro de Pontevedra, e en Gasteiz proclamaron rei das festas ad eternum o seu Celedón, estou certo que algún día se erguerá no Campo da Leña unha grande efixie de Canzobre, para que poda agromar do interior da súa chistera a revolución do Carnaval! 

  • Xurxo Souto. Dinamizador cultural eterno da vila da Coruña. Membro fundador dos Diplomáticos e do Rock Bravú, actual cantante da Banda de Shanghai, locutor de radio, escritor, contador, guía turístico e espiritual… Enciclopedia viva da Coruña.

MÁIS ARTIGOS DE XURXO SOUTO

Non somos xuíces, evidentemente

0

Após 28 días de folga dos letrados da administración de xustiza e as catastróficas consecuencias do paro, o Ministerio de Xustiza aínda non se sentou a negociar seriamente co Comité de Folga.

A cousa, como xa saberán, vén de lonxe, das reformas procesuais e orgánicas introducidas na administración de xustiza a partir de 2009 que quixeron transformar o vello Poder Xudicial nun Servizo Público de Xustiza para o que, entre outras medidas, se descargou dalgunhas competencias aos xuíces e maxistrados que se atribuíron aos letrados da administración de xustiza.

Aquela mudanza foi tan transcendental que deu lugar á primeira folga de xuíces en España que, grazas o seu paro, lograron conservar a facultade de sinalar as vistas e xuízos cando
mellor lles parecese, e a un serio manifesto («POR LA UNIDAD Y LA INDEPENDENCIA EN LA ADMINISTRACIÓN DE LA JUSTICIA Y POR LAS GARANTÍAS PROCESALES DE LOS
IUDADANOS. Sobre el Proyecto de Ley de Reforma de la Legislación procesal para la
implantación de la Nueva Oficina Judicial») asinado por medio cento de catedráticos e
profesores universitarios de dereito procesual que consideraban que aquel proxecto subtraía «aos xuíces e maxistrados e confiaba aos letrados da administración de xustiza […] resolucións con importantes efectos xurídico-materiais que deberían estar a cargo de xuíces e maxistrados independentes». Malia as graves consecuencias que advertían os catedráticos, o Parlamento aprobou a norma e se atribuíron aos letrados da administración de xustiza esas funcións que, de acordo co estabelecido polos expertos, só poderían corresponder aos xuíces.

Dende a entrada en vigor desa norma, os letrados da administración de xustiza vimos
exercendo esas competencias de «evidente carácter xurisdicional». Recordarán que en 2010 unha feroz crise económica asolaba España polo que o Goberno de quenda,  comprometeuse a adecuar o salario dos LAX a esas novas funcións, cando a situación económica o permitise.

O funcionamento de Xulgados e Tribunais mellorou (consonte as estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial) coa aplicación do novo reparto de tarefas entre xuíces e letrados, malia que a insuficiente dotación orzamentaria; a falla de medios persoais e materiais e o pertinaz incumprimento da Lei Orgánica do Poder Xudicial por algunhas comunidades autónomas (Galicia, é un claro exemplo); non permitiron que se desenvolvesen todas as potencialidades daquela norma de 2009.

Doce anos despois, e tras múltiples negociacións, moita paciencia dos LAX cos distintos gobernos e algúns paros parciais, a actual equipa ministerial comprometeuse, entre outras
reivindicacións senlleiras do colectivo, a impulsar «a vinculación das retribucións dos LAX ás da carrera xudicial».

Que o salario dun letrado sexa o 85% do salario do xuíz co que traballan (velaí unha das reivindicacións dos LAX en folga) non é, evidentemente, equipararnos aos xuíces e
maxistrados.

Os letrados da administración de xustiza sabemos que non somos xuíces (non facía falta, pois, que o secretario de estado de xustiza nolo lembrase o día antes do inicio desta folga) por máis que medio cento de catedráticos, en 2008, considerasen que se atribuían aos letrados da administración de xustiza funcións que «en todos os países civilizados […] corresponden exclusivamente a xuíces e maxistrados». Que é logo quen exerce funcións xurisdicionais?

Mais os LAX tamén somos conscientes das promesas que os sucesivos Ministerios de Xustiza veñen adiando con distintas escusas. Asumimos todas as novas competencias, mesmo as que a Academia considera propias de xuíces, e as estamos a exercer prestando o mellor servizo posíbel. Cando cumprirá o Ministerio de Xustiza cos seus acordos con nós?

  • Rodrigo Osorio Guerrero. Letrado da administración de xustiza con destino na Coruña.

Baixa a ocupación de vivendas en 2022 pero a metade das ocupadas en Galicia están na Coruña

0

O número de ocupacións ilegais de inmobles en Galicia duplicouse no últimos sete anos, ao pasar de 78 en 2015 a un total de 177 durante os primeiros once meses de 2022 nas catro provincias galegas, pero descenden en 18 con respecto ao 2022. Unhas ocupacións que afectan, sobre todo, á provincia da Coruña.

Así consta nos datos facilitados polo Ministerio do Interior a unha pregunta presentada polo Grupo Popular no Congreso sobre o número de inmobles ocupados ilegalmente e os desaloxos acometidos por parte das forzas e corpos da seguridade do Estado.

Consultadas por Europa Press, as cifras revelan que, a falta dos datos de decembro, o cómputo de vivendas ocupadas en Galicia chega ás 177, un centenar máis que en todo 2015. Destas, a maioría atópanse na provincia da Coruña, que contabiliza 90 polas 54 de Pontevedra, 23 en Lugo e 10 en Ourense. En 2015, A Coruña tamén era a provincia con maior volume de ocupacións ilegais (38), aínda que con menor distancia respecto de Pontevedra (33). Ese ano, en Lugo houbo 4 e en Ourense, 3.

Os datos facilitados polo Ministerio do Interior revelan que 2021 foi o ano con máis casos de ocupacións ilegais cun total de 195 en Galicia –A Coruña (104), Pontevedra (59), Ourense (17) e Lugo (15)–.

O número global de ocupacións foi aumentando anualmente ao pasar de 78 en 2015 ás 95 dun ano despois, 109 en 2017, 110 en 2018 e 129 no ano 2019. En 2020, pola súa banda, foron 169, en 2021 foron 195 e en 2022 baixaron a 177.

A tendencia por provincias é similar aínda que se aprecia un maior incremento do número de casos na Coruña, especialmente a partir de 2020, ano no que se alcanzaron as 91 polas 66 do ano anterior e as 42 de 2018, exercicio no que se produciu unha baixada despois de chegar a 52 e 53 en 2017 e 2016, respectivamente.

En Pontevedra o incremento no últimos oito anos é dunhas 20 ocupacións ilegais tras alcanzarse o pico en 2021 con 59, tres máis que en 2020 e 15 máis que as 44 rexistradas en 2019 e 2017.

Na provincia de Lugo, os datos de 2022 ata novembro marcan o teito do período concretado con 23, mesmo número ao que se chegou en todo 2018. Antes, o número oscilaran entre os 10 e as 15 entre 2016 e 2021.

Por último, Ourense é a provincia galega con menor número de casos de ocupacións ilegais de vivenda ao exceder a decena unicamente nos dous últimos anos con 17 en 2021 e as 10 de 2022 a falta do mes de decembro.

Como o derrubo do vertedoiro de Bens puido influir na contaminación mariña

O Instituto Español de Oceanografía (IEO), xunto a científicos da Universidade Técnica de Tallín (Estonia), testará diferentes metodoloxías de mostra de microplásticos en augas das costas galegas.

En concreto, este sábado deu comezo a campaña Andro23 a bordo do buque oceanográfico Anxos Alvariño, que se estenderá ata o vindeiro domingo, día 26 de febreiro.  Durante a segunda parte da campaña realizarase unha mostraxe de auga e sedimentos na contorna do punto do derrube do vertedoiro de Bens, acontecido no ano 1996, o que permitirá aos científicos avaliar o impacto da contaminación por plásticos e microplásticos a longo prazo.

Na primeira parte desta iniciativa se testarán e compararán diversas metodoloxías para a recollida destes contaminantes, tanto en auga con en aire, co obxectivo de desenvolver alternativas de baixo custo para o estudo dos microplásticos. “As técnicas actualmente empregadas requiren equipos de difícil manexo e persoal cualificado polo que os científicos traballan na procura de alternativas, como o sistema que expoñen neste proxecto: un dispositivo denominado ferrybox que podería ser empregado en barcos dedicados a fins non científicos, o cal require un testo e comparación previa desta instrumentación”, indicou o IEO nun comunicado.

Andro23 forma parte do proxecto Andromeda, que se engloba no programa internacional JPI Oceans, no que participan 15 grupos de investigación de Europa e Canadá e céntrase nos retos actuais da caracterización e cuantificación de micro e nanoplásticos no medio mariño. A participación do IEO neste proxecto está liderada polo investigador Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo.

O programa Incorpora facilitou a reinserción de 311 persoas en risco de exclusión

0

Moito se fala, co gallo da revisión de penas do “si é si”, estes meses de anos de prisión, de cumplimento de condenas. Pero pouco se fala da necesidade de que esas condenas leven adheridas itinerarios personalizados de inserción sociolaboral. Son os IPIS, como se coñecen estes procesos, os que determinan se volta á sociedade, despois de anos esquecido entre paredes e barrotes, é posible. Non importa cantos anos pasas dentro se non hai un proceso de formación integral no interior, e se non hai un apoio cando comezas a saír.

Esa idea tena clara a Fundación ”la Caixa”, unha das poucas entidades deste país que ten varios programas vinculados con ese proceso. A Fundación, só a través do programa Incorpora, conseguiu atopar 311 novos postos de traballo na Coruña para persoas en risco de exclusión este 2022.

A Fundación subvenciona proxectos coordinados co Ministerio, que executan 5 entidades: COGAMI, IGAXES (a coordinadora), FEAFES, a Fundación Juan Soñador, e a activa Fundación Érguete-Integración. As súas 19 técnicas profesionais e as 189 empresas colaboradoras permitiron unha real inserción laboral de colectivos vulnerables, persoas con discapacidade, mozos en risco de exclusión, vítimas de violencia de xénero, parados de longa duración e ex-reclusos, entre outros.

É así como o proceso de saída, neste caso, de prisión, faise a través dunhas prácticas nunha empresa de loxística e comercio, hostalería, limpeza e ámbito sociosanitario, o que permite un proceso real de volta á sociedade. «Ter traballo é un primeiro paso para a inclusión social das persoas en situación de vulnerabilidade, xa que mellora a súa autonomía e permite o recoñecemento das súas potencialidades. E, para iso, é fundamental o apoio á rede a través de técnicos, entidades sociais e empresas comprometidas”, destaca o subdirector xeral da Fundación ”la Caixa”, Marc Simón.

Para facelo, entre outros procesos, realízanse talleres de redución da fenda dixital, para a busca de emprego a través da rede. 283 persoas realizaron esta formación o ano pasado.

A Xunta insinúa que o Concello da Coruña utiliza a anidade “como un elemento de confrontación”

0

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sinalou que o Concello da Coruña “de forma unilateral e sen dar explicacións está a romper” o acordo para a ampliación do complexo hospitalario universitario da Coruña (Chuac), asinado no ano 2021.

“Estamos a atoparnos un muro administrativo que impide que nestes momentos podamos acometer as obras vinculadas a esta rehabilitación”, sinalou a preguntas dos xornalistas o titular de Economía tras a súa visita ás instalacións de Nordés Club Empresarial da Coruña.

Con todo, Conde mostrouse confiado en que o consistorio “non utilice a Sanidade como un elemento de confrontación”. “Non é unha situación razoable, o Concello debería reflexionar e simplemente cumprir a palabra dada”, puntualizou.