Inicio Blog Páxina 93

“Os cambios desta 2ª licitación do concurso da Fachada Marítima non abren o proceso aos equipos locais”

Anunciaba onte a Autoridade Portuaria a nova licitación do Máster Plan da reforma da Fachada Marítima trala actualizacion dos cambios esixidos polo Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais ante o recurso presentado polos arquitectos locais polas restricións do procedemento.

A AP asegura ter aberto o acceso á profesionais da zona cos novos pliegos, e convoca un novo prazo de presentación para o 5 de novembro.

Porén son varias as entidades que amosan o seu descontento coa nova licitación, considerando que se perde unha gran oportunidade de abrir esta reforma aos profesionais da cidade e ás ideas locais.

Dende o colectivo de arquitectos consideran que “os cambios introducidos nesta 2ª licitación só intentan solucionar os problemas sinalados pola sentenza do TACRC e non reformular as bases, polo que non terán un gran efecto na apertura do proceso”. Así de rotundo se expresa Iago Carro, arquitecto do grupo Ergosfera. “Aínda que deixen de ser excluintes para os equipos presentados os requisitos relativos ao tamaño das cidades dos seus traballos previos ou á necesidade de ter construído un edificio cun orzamento de 100 millóns de €, en realidade introdúcense factores de corrección da puntuación para que os proxectos menores conten moitísimo menos na valoración. Sendo 5 os equipos que se seleccionarán para traballar nos próximos meses e sendo 11 o número de UTEs presentadas xa na 1ª licitación (e que polo tanto, suponse que cumprían xa os requisitos), é prácticamente imposible que novos equipos que se presenten agora grazas a ter a licitación menos condicionantes excluintes cheguen á puntuación deses outros 11”, apunta “É dicir, rebaixar os requisitos de exclusión deixando igual os criterios de valoración é unha apertura mínima que quizais permita a participación dalgún equipo máis, pero que de ningún xeito abre o proceso á grande maioría dos equipos locais que coñecen a cidade e levan anos pensando sobre o futuro portuario”, explica.

”Coruñesismo” fake

Para Carro, “a fórmula escollida polas institucións convocantes está basicamente pensada para convocar a grandes equipos internacionais como dixeron desde o primeiro momento, sendo as constantes mencións ao local ou ao “coruñesismo” da proposta buscada unha mera retórica política dirixida a unha parte da opinión pública local. É moi significativo, por exemplo, que entre as múltiples xustificacións para cada un dos requisitos establecidos fanse moitas categorizacións dos posibles proxectos presentados como curriculum polos equipos participantes en base ao tamaño das cidades nas que se fixeron, ao seu orzamento ou á súa superficie. Porén, casualmente non hai ningún criterio que puntúe a situación deses proxectos na cidade ou na súa contorna. É dicir, fanse elaboradas fórmulas para que sempre puntúe máis o máis grande e o máis costoso, pero non o máis próximo que reflectiría un coñecemento do territorio”.

Sobre importancia do enfoque do concurso tamén reflexiona: “Este tipo de procesos de pensamento e transformación urbana pódense enfocar desde a selección dos equipos participantes en base ao volume curricular ou en base as ideas previas que se presenten (como nun concurso de ideas). As institucións apostaron ao que tempo das ideas xa pasou e que o queren é un nome recoñecido que materialice as grandes decisións xa incluídas no prego e moi cuestionadas polos movementos sociais e a cidadanía crítica con este proceso, como a idea de que o futuro do porto só pode pasar pola desafectación de solo de dominio público (e polo tanto, coa apertura da posibilidade da privatización de parte da súa superficie)”.

A nova licitación segue sendo “restrinxida e limitadora”

Outro colectivo que segue de preto todo este procedemento inicial da reforma da Fachada Marítima é a plataforma cidadá Defensa do Común. Despois de estudar o novo expediente, “as bases estratéxicas seguen sendo as mesmas, polo que se redunda nos mesmos erros de partida que xa foran denunciados no seu día por Defensa do Común”. Lembran que “as bases seguen a apostar pola desafectación/privatización de parte do solo portuario, así como da súa xestión, e a introducción de usos residenciais e terciarios como fonte de obtención de plusvalías como única fórmula para a liquidación da débeda da Autoriodade Portuaria e a correlativa regresión subsidiaria do uso portuario, principalmente no que afecta ao sector pesqueiro”.

Consideran que o a pesar dos cambios introducidos, “segue a ser un procedemento restrixido e limitador da competencia”. Ademais, “redúcese o prazo de presentación de ofertas polos concursantes, dos 45 días do procedemento anterior aos 30 días do actual, o mínimo legal que, en realidade, son menos, dado que o prazo de 30 días computa desde o envío á Dirección Oficial da Unión Europea, que foi o día 6”.

Critican que se ben si se eliminaron certos requisitos en canto á magnitude dos proxectos xa realizados, no proceso de valoración se puntúan máis canto máis grandes sexan, sen contar a relación que haia coa magnitude da nosa cidade.

Máis novas

Licitado o máster plan para o deseño da futura fachada marítima cos cambios esixidos polo recurso

Un tribunal determina ampliar requisitos do plan da fachada marítima, que sairá de novo a licitación

Debe condicionar o pago da débeda do porto exterior a trascendental reordenación da fachada marítima?

Os requisitos do polémico proceso de licitación do Máster Plan Coruña Marítima que alonxa aos profesionais locais

 

A veciñanza do Castrillón coñece o proxecto da urbanización das 1.000 novas vivendas

0

Continúa o proceso de construción da urbanización de máis 1.000 novas vivendas no Castrillón. E continúa presentando o proxecto á veciñanza.

A Xunta de Compensación “API Q28 Parque de Oza” (a figura legal urbanística que permite desenvolver este tipo de desenvolvementos, formada por propietarios particulares do barrio -arredor do 50%, que xuntaron as súas propiedades para urbanizar conxuntamente- e outros grandes tenedores como a Fundación Juana de Vega, Aliseda, Sareb e Concello) xa ten rematado o borrador do PERI (Plan Especial de Reforma Interior) e o documento de Avaliación Ambiental Estratéxica. Así, inicia unha serie de encontros con representantes das asciacións veciñais.
Hoxe manten senllos encontros cos responsables das Asociación de Veciños O Cruceiro e da Asociación A Gaiteira. O próximo luns o encontro será coa Asociación de Veciños do Castrillón.

Trátase de encontros informais previos a que a Xunta de Compensación que integra a todos os propietarios con chan nesa área (máis do 50% deles propietarios particulares veciños do propio barrio) aprobe ambos os documentos para que o Concello poida iniciar a súa tramitación e remisión á Xunta de Galicia para o inicio da avaliación ambiental estratéxica.

Criterios

Falamos dun proxecto que contempla a construción de 1.000 vivendas en 6 mazás de edificación (as M que vemos no mapa), cunhas arredor de 20 edificacións (os edificios en si mesmos aínda non están fixados) de entre 2 e 17 alturas (os números romanos indican as alturas).

A pesar dos rumores que circulan polo barrio e a distribución de carteis polos portais que apuntan a un aumento da edificabilidade, a Xunta de Compensación insiste: o proxecto mantén exactamente a edificabilidade fixada no PXOM da Coruña do 2013 (o vixente na actualidade) e aumenta de maneira voluntaria as zonas verdes e o espazo público. A edificabilidade fixada no PXOM é de 136.704,50 metros cadrados. E esa é a proxectada.

Aseguran que si que ampliaron as zonas verdes e o espazo público con respecto ao primeiro borrador “buscando humanizar o barrio, como o conseguirá o bulevard previsto na Avenida de Casanova de Eirís”. Todo iso faise porque o urbanismo actual foxe dos volumes en mazá tan en boga nas últimas décadas do XX e principios do XXI. Neste caso, executar ese desenvolvemento en mazá illaría aínda máis o barrio do Castrillón cara á Ronda de Outeiro e cara ao propio parque de Oza.

Desde a Xunta de Compensación deixan claro, iso si, que os dereitos edificatorios dos propietarios son irrenunciables. Hai que lembrar que hai xa dúas décadas os propietarios adiantaron a cesión de miles de metros cadrados para o uso e goce dos veciños, convertidos desde entón no Parque de Oza, o auténtico pulmón verde do Castrillón de máis de 55.000 metros cadrados, o Centro Deportivo que alberga a piscina municipal (case 5.000 m2) , 840 m2 de chan para a ampliación do instituto Monelos, e a mellora das vías que vertebran o barrio: 3.600 m2 para a apertura de tramos na rúa Antonio Ríos, 3.300 m2 para a Avda da Concordia e 4300 m2 para Casanova de Eirís.

Máis novas do proceso

A Xunta de Compensación “Parque de Oza” presenta o borrador do PERI da urbanización do Castrillón

A veciñanza do Castrillón pide menos edificabilidade e máis VPO na nova urbanización

A veciñanza do Castrillón amosa as súas inquedanzas ante a creación de 1.000 novas vivendas

 

O Ciclo Folk no Colón trae este sábado a Milladoiro

0

Este sábado 11 de outubro celebrarase unha nova sesión da segunda edición do ciclo Folk no Colón, que reúne sobre as táboas do Teatro Colón a algunhas das mellores formacións de música tradicional galega e internacional. Será a quenda de Milladoiro, banda pioneira e símbolo do folk galego contemporáneo.

As últimas entradas continúan á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. O propio día da función, o sábado 11, poderanse adquirir localidades no propio despacho de billetes do Teatro Colón.

Con máis de catro décadas de experiencia, Milladoiro foi capaz de levar os sons tradicionais de Galicia a escenarios de todo o mundo, desde Escocia ata Estados Unidos, mantendo sempre acendida a chama da nosa identidade cultural a través da música. A súa proposta combina instrumentos ancestrais, composicións propias e melodías de raíz, cunha sensibilidade artística que emociona a xeracións enteiras.

Neste concerto, o grupo repasará algunhas das pezas máis emblemáticas do seu repertorio, celebrando a beleza e a forza da música de raíz cunha posta en escena elegante, íntima e chea de matices. Unha oportunidade única para redescubrir a alma sonora de Galicia cunha das súas bandas máis internacionais.

O ciclo Folk no Colón continuará a partir de novembro coas seguintes actuacións:

  • 9 de novembro: Tiruleque.
  • 21 de novembro: Felisa Segade.
  • 20 de decembro: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre.
  • 26 de decembro: Carlos Núñez.

Aprobada a licencia a Repsol para derrubar os tanques de cru da terminal de San Diego

O Concello da Coruña aprobou esta mañá na Xunta de Goberno a licencia defintiva para que Repsol derrube os tanques de cru da terminal marítima de San Diego. “Esta intervención é importante atendendo ao contexto de transformación que está a vivir o porto da Coruña, coa liberalización progresiva dos peiraos interiores e o traslado de infraestruturas industriais de Punta Langosteira”, expuxo a alcaldes Inés Rey.

Trátase, de feito, dunha zona estratéxica, que mantén aberta a súa especulación urbanística no marco do proceso da reforma da Fachada Marítima.

Alertan que o documento-base da reforma portuaria prevé privatizar o solo de San Diego e non só para uso residencial

Outros puntos

Na Xunta de Goberno tamén se aprobou un investimento de 1,1 millóns de euros para dar continuidade ás actividades de dinamización nos centros cívicos da cidade.

Entre outros asuntos, tamén se abordaron as licenzas urbanísticas, entre elas as que permitirán restaurar a cuberta do enclave patrimonial da Igrexa da Orde Terceira de San Francisco.

Ademais, notificouse a concesión de licenza para adecuar un local que se usará como centro de adestramento deportivo e que estará situado na zona de Xuxán.

Tamén esta mañá a Xunta de Goberno local deu luz verde á adxudicación de tres lotes correspondentes a programas de actividades nos centros cívicos municipais, nos que se investirá, de forma conxunta, 1,1 millóns de euros ata finais de 2027.

Patti Smith actuará na Coruña para despedir a instalación temporal de Zara na Cúpula Atlántica

0

A cantante e compositora Patti Smith actuará este xoves ás 21.00 horas para despedir a instalación temporal creada na Cúpula Atlántica no marco da celebración do medio século de Zara. Ao longo destes meses contou con máis de 100.000 visitantes.

Tal e como trasladou a empresa nunha nota de prensa, desde a súa inauguración o pasado tres de xullo, a obra cinética ’50 Songs of the Sexa’, creada pola artista e deseñadora británica É Devlin, converteuse en “un espazo singular onde son, imaxe e arquitectura combináronse para ofrecer unha experiencia sensorial única”.

A instalación consistía en tres círculos concéntricos giratorios que permitían a 288 persoas rotar e envolverse nunha proxección visual acompañada dunha paisaxe sonora deseñado especialmente para esta contorna.

Ademais, neste espazo levouse a cabo unha programación cultural diversa que incluíu concertos de artistas como Myles Smith, Luz Casal, Air e The Blaze.

Finalmente, como despedida, a Cúpula Atlántica acollerá a actuación da artista Patti Smith, e pechará as súas portas definitivamente o próximo 12 de outubro.

Recuperados vídeos da histórica manifestación pola capitalidade da Coruña

0

A Filmoteca de Galicia está a documentar centos de horas de vídeos de acontecementos históricos dos anos oitenta, procedentes do fondo depositado na cinemateca da Xunta polo produtor coruñés Xosé Xoán Cabanas Cao, trátase dunha cifra próxima ás 400 horas de material. Entre eles, a manifestación histórica que reclamaba a capitalidade de Galicia para a Coruña.

Así o detallou nunha nota de prensa a Xunta, na que tamén explicou que estes contidos pertencen a diversas produtoras e abarcan pezas de toda índole, tanto de ficción como documental, pero é neste último apartado no que o fondo destaca pola súa “singularidade histórica” dentro do panorama audiovisual galego dos anos oitenta.

A primeira das produtoras nas que Cabanas Cao tivo unha participación “moi activa” foi Espejo Vídeo Cine, creada en 1981, catro anos antes do nacemento da Televisión de Galicia. Neste sentido, a Xunta sinalou que “son moi escasos os rexistros videográficos da época, que esta empresa cubriu case de maneira exclusiva”.

Cabe destacar que a Filmoteca comezará a compartir este legado co público a través dunha serie de proxeccións que arrincan este xoves e que se estenderán ata decembro. Son un total de catro sesións, ordenadas por instantes moi concretos e por división temática, que se inician coa crónica política de Galicia entre os anos 1981 e 1983.

De feito, EspejoVídeo Cinema fixo para Unión de Centro Democrático os vídeos de campaña das eleccións autonómicas de 1981 e, na peza que se proxectará o xoves ás 20,30 horas, recóllese a visita a Galicia de Adolfo Suárez para apoiar aos candidatos e as declaracións das cabezas de lista das catro provincias explicando as principais ideas do seu programa.

PROXECCIÓNS HISTÓRICAS

Tamén se poderá lembrar nesta proxección a multitudinaria manifestación a favor da capitalidade na Coruña celebrada en 1982 e que reuniu nas rúas herculinas a unhas 150.000 persoas. Xa en 1983, o socialista Francisco Vázquez faríase coa alcaldía, inaugurando un novo ciclo político na localidade. O seu xura do cargo conforma o terceiro vídeo na sesión.

Para a segunda das sesións, que terá lugar o sábado ás 18,00 horas, seleccionáronse tres vídeos centrados no panorama cultural da Coruña en 1982, do que dá conta a festa da poesía en abril, o primeiro concurso de rock en xullo e o festival de cinema de comedia en outubro.

O primeiro dos acontecementos xuntou no Teatro Rosalía Castro recoñecidas figuras da literatura do momento, como Luz Pozo Garza, Bernardino Graña ou Miguel González Garcés, con algúns dos novos talentos da época, como Manolo Rivas ou Lois Pereiro. Mentres que no caso do festival de comedia dese ano, a cidade recibiu grandes estrelas de Hollywood como Ben Gazzara, Joan Bennett ou Steve Martin.

Éxito de asistencia ás exposicións do Viñetas desde o Atlántico 2025

0

Máis de 50.000 persoas pasaron polas exposicións do Salón do Cómic ‘Viñetas desde o Atlántico’, informa o consistorio sobre o evento promovido no verán. Foi, remarca, “nunha exitosa edición marcada pola internacionalización, máis apoio á Banda Deseñada de Galicia, unha maior calidade de contidos e deseño expositivo das mostras e, sobre todo, polo fortalecemento deste festival no tecido cultural galego”.

Ao peche da edición celebrada este ano, o goberno local confirma que foron máis de 50.000 as persoas que pasaron polo sete sedes das súas diversas exposicións. A elas, sumáronse as 80.000 que encheron a Rúa da BD durante a semana da mostra.

As cifras de asistencia finais dan boa conta de que o modelo de Viñetas impulsado polo goberno de Inés Rei é o idóneo e permítenos conseguir unha maior repercusión internacional”, indica o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

A Coruña celebra os 150 anos da chegada do ferrocarril á cidade

0

O Concello da Coruña, a través do Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses, conmemorará este mes de outubro o 150 aniversario da chegada do ferrocarril á cidade. “Un feito histórico que tivo lugar o 10 de outubro de 1875 e que supuxo un antes e un despois no desenvolvemento económico, social e urbano da Coruña”, remarca o goberno local.

Respecto diso, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destaca que “a chegada do tren marcou o inicio da modernización da cidade e a súa conexión coa Meseta, converténdose nun motor de transformación e progreso”.

Ao longo das próximas semanas, desenvolveranse actividades divulgativas e culturais que permitirán profundar no impacto que tivo este medio de transporte na cidade, grazas á colaboración de especialistas en historia, urbanismo e economía.

Estes actos estarán organizados polo Instituto Cornide e contarán co apoio do Concello. O tramo entre Lugo e A Coruña foi o segundo en entrar en funcionamento en Galicia, despois do Santiago-Carril, e converteu A Coruña na primeira cidade galega conectada por tren co resto da Península.

A demolición do Hotel de Pacientes do CHUAC estará concluída este mesmo ano

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, avanzou que a demolición do Hotel de Pacientes do complexo hospitalario da Coruña (Chuac) estará concluída a finais deste ano, ao estar xa executado o 60 por cento. Xunto á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén del Campo; o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e o xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luís Verde, explicou os avances nas obras de ampliación do complexo hospitalario, o ‘Novo Chuac’.

A conselleira lembrou que a demolición se iniciou entre os meses de marzo e abril cun prazo de execución de “sete ou oito meses”. “Vai executado o 60 % e era o máis complicado, traballouse elemento a elemento, coa fachada pechada para causar a menor molestia posible”. “A finais deste ano estará rematado”, asegurou para incidir en que iso permitirá avanzar noutras actuacións como o viario previsto.

COMISIÓN DE SEGUIMENTO

Así o concretou tras facerse balance das actuacións e nunhas declaracións aos medios de comunicación nas que emprazou á reunión que manterá este xoves a comisión de seguimento entre Xunta e o Concello da Coruña, solicitada por este último ante os “atrasos”, denunciou o goberno local, nas obras. “Aí serán analizadas as datas”, sinalou sobre os prazos das distintas actuacións, aínda que remitíndose ao calendario existente. “É o maior investimento nunha infraestrutura sanitaria, situará á Coruña á vangarda”, recalcou tamén para explicar que a día de hoxe hai en execución 85 millóns de euros.

Das obras, insistiu en que se trata de “encaixar distintas pezas en marcha e executalas coa máxima seguridade e coa menor lesividad posible”. En concreto, sobre as actuacións no Hotel de Pacientes, aludiuse aos traballos con máquinas pesadas, pero tamén con robots pequenos previamente, así como guindastres e pas de gran tamaño dada as características da actuación. Agora, rematados os traballos de derriba no interior do inmoble do Hotel de Pacientes, está a abordarse a demolición das fachadas e a estrutura co emprego de tres escavadoras con brazos articulados de ata 32 metros de longo. Allegue lembrou que esta demolición é unha das actuacións englobadas na primeira fase do ‘Novo Chuac’. A mesma permitirá á Administración autonómica dispor dos terreos necesarios para abordar as obras dos accesos, que inclúen a demolición do paso sobre a AC-12.

Licitado o máster plan para o deseño da futura fachada marítima cos cambios esixidos polo recurso

O Máster Plan de Coruña Marítima saíu de novo a concurso público cos cambios que se aprobaron no último Consello de Administración da Autoridade Portuaria, “orientados a facilitar o acceso de profesionais á licitación”, informa o organismo portuario e o consistorio. O acordo foi enviado este luns ao Diario Oficial da Unión Europea e hoxe xa está dispoñible na Plataforma de Contratación do Estado. O prazo para a presentación de candidaturas ábrese ata o 5 de novembro.

Poderán optar todos os profesionais e empresas que estean interesadas, que deberán cumprir os requisitos de solvencia que esixe o procedemento, como ocorre en calquera concurso público, e contar cos equipos necesarios para desenvolver o proxecto. As bases da licitación manteñen a necesidade de que as candidaturas que se presenten a redactar o Máster Plan conten con equipos multidisciplinares, nos que haxa profesionais con experiencia en urbanismo, paisajismo, arquitectura, hidrología, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outros ámbitos. “Dado que se trata de reordenar un ámbito superior a un millón de metros cadrados nunha contorna complexa e diversa“, expoñen. Ademais do Máster Plan en si, o adxudicatario deberá redactar numerosos documentos complementarios.

VALORACIÓNS

A nova licitación dá resposta á resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, por mor dos recursos que presentaran varios arquitectos.Así, valoraranse proxectos previos de urbanismo en cidades de máis de 10.000 habitantes, fronte a poboacións de máis de 150.000 habitantes que se pedían no prego anterior. En canto a proxectos previos en edificios dotacionais, puntuaranse as referencias previas en edificios con orzamentos superiores a cinco millóns, en lugar de 100 millóns de euros. “En calquera caso, só será necesario que un dos membros do equipo teña esta experiencia previa”, engaden.

“Ademais, ao obxecto de dar coherencia a todo o prego, axústanse na mesma liña outros requisitos de solvencia, non só no campo da arquitectura, senón tamén no da enxeñaría, de forma que se admitirán traballos previos máis sinxelos”, expoñen tamén. O prazo estimado para seleccionar ao adxudicatario estímase nun máximo de 12 meses, polo que está previsto que o concurso estea resolto a principios do outono de 2026, momento no que o gañador xa terá que facer pública unha maqueta de todo o proxecto. A partir de aí, deberá presentar no verán-outono de 2027 o Máster Plan e todos os anexos e documentos complementarios. Despois, unha vez que se empece a traballar sobre os desenvolvementos e as pezas concretas do ámbito portuario e ferroviario, iranse convocando concursos concretos para cada un dos espazos.

Máis novas do proceso

Debe condicionar o pago da débeda do porto exterior a trascendental reordenación da fachada marítima?

“A xoia da cidade, a fachada marítima, como vai depender dunha débeda entre administracións?”

Os requisitos do polémico proceso de licitación do Máster Plan Coruña Marítima que alonxa aos profesionais locais