Inicio Blog Páxina 94

O Porto da Coruña aproba o traslado definitivo de toda a actividade de Repsol a Langosteira

O consello de administración da Autoridade Portuaria da Coruña aprobou esta mañá a modificación da concesión de Repsol no porto exterior, que ten o obxectivo de completar o traslado da terminal marítima da compañía enerxética ás instalacións de Punta Langosteira. Repsol opera na dársena desde 2015, cando iniciou o movemento de graneis sólidos, como o coque e o xofre. Posteriormente, en 2023 trasladou ao porto exterior todas as descargas de cru que se realizaban no porto interior e, agora, aprobouse de forma definitiva a solicitude da empresa de modificar esta concesión para incluír todas as operacións de graneis líquidos.

Esta modificación amplía outros 15 anos ao período xa outorgado de 35 anos na primeira fase e incrementa a superficie concesionada ata alcanzar un total de 129.000 metros cadrados, contabilizando a superficie terrestre e a lámina de auga. A multinacional española destinará 140 millóns de euros ás obras necesarias para completar o seu traslado ao porto exterior, que se suman aos 126 millóns que investiu na primeira fase. Con todo iso, prevese que a finais de 2027 xa se operen en Punta Langosteira todos os tráficos de Repsol.

Abertas as inscricións para os novos cursos da Escola da Bici

Xa están abertas as inscricións para os novos cursos da Escola da Bici, que se desenvolve no vello edificio do Padre Rubinos, na Avenida Labañou, 10, da man da Asociación Mobi-Liza.

A marabillosa e necesaria Escola da Bici xa ten abertas as inscricións para os cursos do mes de maio, pensados tanto para os grupos de infancia como para os grupos de persoas adultas, e para todos os niveiis, dende iniciación, ata mellora de habilidades para a circulación na cidade, ou mesmo de mecánica para aprender a reparar a túa bici.

CURSOS PARA INFANCIA MES DE MAIO

  • 1. Iniciación: sábado 9, sábado 16 e sábado 23 de maio de 10:00h a 12:00h.
  • 2. Habilidades: sábado 9, sábado 16 e sábado 23 de maio de 12:00h a 14:00.

CURSOS PARA PERSOAS ADULTAS MES DE MAIO

  • 1. Iniciación: luns 11, mércores 13 e xoves 14 de maio de 16:00h a 18:00h.
  • 2. Habilidades: luns 25, mércores 27 e xoves 28 de maio de 16:00h a 18:00h.
  • 3. Reforzo: martes 12 e martes 26 de maio de 16:00h a 18:00h.
  • 4. Mecánica: luns 25 de maio de 18:00h a 20:00h.

CURSOS PARA INFANCIA MES DE XUÑO

  • 1. Iniciación: sábado 6, sábado 13 e sábado 20 de xuño de 9:00h a 11:00h.
  • 2. Habilidades: domingo 7, domingo 14 e domingo 21 de xuño de 10:00h a 12:00h.
  • 3. Circulación: sábado 6, sábado 13 e sábado 20 de xuño de 11:00h a 13:00h.

CURSOS PARA PERSOAS ADULTAS MES DE XUÑO

  • 1. Iniciación: luns 1, mércores 3 e venres 5 de xuño de 18:00h a 20:00h.
  • 2. Circulación: luns 15, mércores 17 e xoves 18 de xuño de 18:00h a 20:00h.
  • 3. Reforzo: martes 7 e martes 21 de abril de 16:00h a 18:00h.

Podes inscribirte aquí.

“Campá é”

Mobi-Liza tamén invita á xornada lúdica para crianzas que xa saiban montar en bicicleta, os días xoves 25, venres 26, luns 29 e martes 30 de xuño de 10:00h a 14:00h.

Máis novas

Reciclos, o taller social de Mobi-Liza que segue espallando a cultura da bici

A Escola da Bici segue formando ciclousuarios

Bicicoruña bate marcas: Case 5.000 persoas usuarias cada día

 

A Masa Crítica celebrou o seu 20 aniversario reivindicando o papel da bici na cidade

Down Coruña fai historia asinando primeiro contrato de aluguer para tres dos seus usuarios

Pedro, Carlos e José Manuel son os primeiros membros da familia de Down Coruña en protagonizar un proceso de emancipación real e completo. Estas tres persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual veñen de asinar un contrato de aluguer para vivir de maneira independente nun piso compartido. Un fito histórico para o Programa de Vivenda da entidade herculina. Un momento que marca un antes e un despois nos itinerarios de vida independente que DOWN Coruña promove para os seus usuarios.

As súas caras no acto de firma, enmarcado na Área de Vida Adulta de DOWN Coruña, deixan clara a súa alegría e amosan o resultado dun proceso de varios anos de preparación progresiva. A través de sesións de habilidades de vida e experiencias en vivenda, a entidade deseñou un itinerario para que cada persoa adquirise as competencias, a autonomía e a confianza necesarias para dar este paso con plena seguridade.

Os seus testemuños, os das súas familias e os dos profesionais que guiaron o camiño ofrecen unha historia humana excepcional: a de tres persoas que romperon os límites do que a sociedade espera delas.

Un usuario de Down Coruna asinando o seu contrato de aluguer

Un proxecto de vida, non un programa

A partir deste mes de abril, Pedro, Carlos e José Manuel comezan unha nova etapa vital no seu piso compartido. DOWN Coruña acompañaraos nos apoios que poidan xurdir, en estreita coordinación coas súas familias, para que o proxecto sexa enriquecedor para todos.

A entidade é consciente do alcance simbólico e práctico do paso dado: “Eles camiñan hoxe para que moitos outros poidan correr mañá”, sinalan desde DOWN Coruña, convencida de que esta experiencia abrirá o camiño a futuros proxectos de emancipación.

DOWN Coruña agradece expresamente a Asesoría e Inmobiliaria Regueiro as facilidades prestadas na xestión do aluguer. En particular, destaca a implicación de Cristina, a profesional que acompañou o proceso, cuxa dedicación foi fundamental para facer realidade este proxecto.

Este fito abre, ademais, unha reflexión social urxente sobre o acceso á vivenda, a inclusión real e o dereito das persoas con discapacidade a decidir como e onde queren vivir, sinalan dende a entidade.

CoruJazz trae a Jordi Farrés ao Fórum no seu terceiro evento

0

A Asociación Cultural CoruJazz invita a un novo concerto que se vai celebrar o Fórum Metropolitano da Coruña o vindeiro mércores 29 de abril ás 19:30 h.

O evento contará coa actuación de Jordi Farrés, recoñecido guitarrista de jazz e docente de Barcelona (Taller de Músics), acompañado por Marcelino Galán á guitarra e Miguel Cabana na percusión, ambos músicos moi activos na escena jazzística da cidade e, ao igual que Jordi, cunha ampla trxectoria tanto dentro como fóra de España.

Este será o terceiro evento organizado por CoruJazz. “A nosa proposta está orientada a apoiar e visibilizar o traballo e os proxectos de músicos, tanto a nivel local como internacional, así como a impulsar e difundir o jazz e a música en directo na Coruña, fomentando a diversidade dentro do panorama cultural da cidade”, explican dende a entidade.

O Jazz Filloa, unha das salas de jazz máis antigas de España, abriu o Noites do Porto

O artista naronés Lode versiona o seu éxito “Malo Será” en clave deportivista

Novo temazo en clave branquiazul. O artista e bailarín naronés Lode vén de adaptar o seu tema Malo Será, para crear este Malo Será (Forza Depor) , un cántico de apoio ao Deportivo da Coruña ante o seu posible ascenso a Primeira División.

Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero (en OT non o colleron por calvo)  o de Narón reivindica o seu deportivismo, e a súa galeguidade, apropiándose deste famoso termo galego e da filosofía de vida que o envolve.

Para a canción orixinal da que sae esta versión, LODE quixo contar con partes musicais que representaran ben a Galicia, e para iso quixo subir ao barco a un dos percusionistas tradicionais máis respectados e importantes do territorio, Xosé Lois Romero, peza fundamental de proxectos como Baiuca ou Xosé Lois Romero & Aliboria. Segundo palabras do propio artista “Colaborar con Xosé Lois Romero foi unha marabilla, foi súper divertido. Queriamos deixarlle toda a liberdade posible, e foi sacando trebellos seus que se adaptaban á perfección aos ritmos que queriamos introducir na canción”.

LODE defende que Malo será, dende o momento que se confeccionou, estaba chamado a soar nun estadio, e onde mellor que no estadio de Riazor. O artista naronés sentía que merecía estar adicado á afección do Depor, que nunca abandonou ao seu equipo aínda que a situación deportiva fose moi complicada. Malo Será (Forza Depor) ten a identidade e carácter do equipo, pero sobre todo dos seareiros, aos que desexa que se sintan identificados con este tema. Unha das grandes ambicións do cantante é poder interpretar o tema en Riazor, así como que a bancada branquiazul poida facelo seu.

Así explica Lode o seu deportivismo, esperando velo sobre o céspede “rebentando” Riazor nunha destas últimas previas:

Máis novas

O Dépor galeguizará en maio o seu nome. A mocidade fai historia

Novo paso adiante do contrato de Nostián coas dúbidas da oposición

Anunciou onte o goberno local a aprobación na Xunt de Goberno do seguinte paso para completar o proceso de licitación da Planta de Tratamento de Residuos de Nostián. Un proceso necesario, unha vez que a concesión leva caducada dende 2019, o que leva provocando un deterioro constante tanto do estado da planta como das condicións laborais dos traballadores.

O Concello someteu a información pública os pregos para que as empresas interesadas puidesen presentar as suxestións que considerasen convenientes. Finalmente, houbo tres compañías que fixeron achegas; aceptáronse parcialmente dúas delas co fin de acadar unha maior seguridade xurídica en todo o procedemento.

Así, o investimento no contrato será de máis de 130 millóns nos vindeiros 25 anos. Para os dous primeiros anos de xestión, o desembolso será de 9.498.628,11 € no 2027 e de 9.864.818,44 € no 2028. Desde o 2029 ata a data de finalización do contrato, o pago será de 13.892.912,08 € anuais. Para o que resta do ano 2026, o pago será de 791.552,34 €.

O contrato combina a remodelación integral da planta e a explotación completa da instalación, dos puntos limpos e do vertedoiro clausurado. A empresa adxudicataria asumirá os gastos de todas as actuacións que se consideran necesarias para o mellor funcionamento do complexo, o que inclúe o acondicionamento das vías; o aumento das prazas de estacionamento, con teitos e sistemas de recarga para híbridos e eléctricos; novos vestiarios e adaptación das edificacións administrativas e os talleres; novas zonas de almacenamento para os produtos recuperados no procesado e o acondicionamento de máis áreas para voluminosos.

O contrato inclúe a xestións dos puntos limpos da cidade —actualmente son catro os puntos limpos fixos: dous específicos para o sector industrial, a carón dos polígonos de Pocomaco e Agrela; e os restantes, de achega voluntaria, nos Rosales e en Eirís—, onde a adxudicataria terá que facer as melloras necesarias.

O BNG pregunta pola Comisión e o “sobrecusto”

Unha vez coñecidos os datos, o BNG solicita ao concello que convoque a comisión especial de seguimento do proceso de licitación do servizo de tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos para explicar as razóns do sobrecusto do contrato de Nostián, que cuantifican en máis 65 millóns de euros máis do inicialmente previsto.

”A comisión foi creada no seu día por iniciativa do BNG e é o ámbito perfecto para o Goberno Local dar explicacións sobre o aumento do custo do contrato da nova planta, produto da aceptación de parte das alegacións formuladas por varias empresas”, sinala o BNG, que lembra a necesidade de rseguir apostando por un “modelo de xestión do lixo baseado na redución, reciclaxe e reutilización”, “contrario ao que pide o PP, un modelo SOGAMA.

O PP denuncia a “estafa”

Máis crú eo PP, que considera a nova suba do contrato como unha “estafa”. “Se o plan inicial de Inés Rey era un novo contrato de 275 millóns de euros para seguir ignorando a normativa europea de reciclaxe, segundo os datos publicados hoxe, decidiu aumentalo en 65,6 millóns de euros ata os 341 millóns de euros para seguir enviando máis residuos ao vertedoiro dos permitidos durante os 25 anos de duración do contrato”.

Para o PP este aumento do 31% non é compatible co feito de que “os residuos que non se reciclan e que actualmente constitúen máis da metade do que chega ao vertedoiro de Nostián”. E sobre todo, fai fincapé nos “seis anos sen contrato e 36 millóns de euros en facturas irregulares”.

Critican tamén que “o goberno municipal perdeu 10 millóns de euros de fondos europeos destinados á modernización desta planta, asignándoos a outros proxectos ambientais porque non puideron licitar o novo contrato a tempo”, e lembra “a condonación de 7,3 millóns de euros da débeda concedida á concesionaria sen ningunha xustificación dos motivos nin ningunha explicación de como beneficia a xente da Coruña”.

Máis novas sobre Nostián

A licitación do novo contrato de xestión da planta de Nostián a 25 anos incluirá a súa remodelación

Topónimos en voo rasante: a comedia aérea de Galicia

Nesta húmida esquina do mundo chamada Galicia, onde a néboa non só alaga os vales senón tamén as decisións públicas, elevamos o bautismo de aeroportos á categoría de esperpento administrativo. Se Ramón María del Valle-Inclán necesitase hoxe materia prima, non acudiría aos espellos da Ruela do Gato: bastaríalle con consultar un panel de chegadas.

Aquí non se nomea: defórmase. Retórcese a realidade ata que perde o tipo e adopta ese xesto torcido, entre solemne e ridículo, que tanto nos place.

Na Coruña, o aeroporto vive en Alvedro, no municipio de Culleredo, coa súa terra firme, o seu vento atlántico e o seu honrado topónimo. Pero non: chámaselle “Aeroporto da Coruña”, coma se os avións descendesen entre galerías acristaladas e faladoiros ilustrados. Alvedro queda relegado a rumoreo, a apelido que se oculta na sobremesa, non vaia ser que o viaxante sospeite que aterrou en algo menos urbano do que promete o cartel luminoso. Bórrase o chan e exhíbese a cidade imaxinada.

Mais cando un se despraza a Santiago de Compostela, o esperpento non se corrixe: perfecciónase. Alí álzase o aeroporto coñecido hoxe como Rosalía de Castro, en honra á escritora galega Rosalía de Castro, coma se a lírica puidese domesticar a pista de aterraxe.

Pero antes do mármore simbólico estivo o barro nominal. Porque o lugar coñecido como Lavacolla non é unha invención pintoresca nin unha licenza satírica: é un topónimo real, un lugar concreto situado na parroquia de Sabugueira, dentro do concello de Santiago de Compostela. E ese detalle empeórao todo —ou ilumínao—, segundo mírese: non falamos dun chiste, senón dun territorio que existe e que, con todo, foi durante anos convertido en nome aeroportuario sen anestesia nin metáfora.

E así, o nome que brota do mapa local foi substituído por unha evocación cultural elevada, coma se a xeografía necesitase ser perdoada mediante poesía.

En que quedamos, pois? Na Coruña ocúltase Alvedro baixo a etiqueta urbana; en Santiago transitouse do Lavacolla real —parroquia, lugar, terra— ao nome literario, coma se o territorio fose insuficiente para a solemnidade institucional.

Diríase que Galicia padece unha doenza nominal incurable: quere ser cosmopolita sen deixar de ser parroquial, culta sen renunciar á retranca, moderna sen abandonar o barro orixinal. Pero no canto de conciliar, superpón capas como un decorado inestable.

O resultado é este mapa de nomes contraditorios onde cada aeroporto parece negar ao anterior e corrixilo con outra máscara.

E mentres tanto, os avións seguen chegando, indiferentes, depositando viaxantes que len os letreiros coa sospeita de aterrar nunha sátira involuntaria. Non se preocupen: aquí a realidade e a parodia comparten pista.

Se Ramón María del Valle-Inclán levantase a cella, non vería un erro. Vería unha revelación: que en Galicia a realidade non se representa, se deforma con orgullo. E despega así, con elegancia torcida, cara ao seu propio esperpento.

  • José Juan Santos (Tarrío, Culleredo). Consultor de Comunicación Política Estratéxica.

A Xunta reforza o Bono Remuda cun incremento do 20 % para garantir o relevo xeracional

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou na apertura do XII Encontro internacional de mozos emprendedores (Eije A Coruña 2026), onde destacou o compromiso da Xunta co emprendemento vinculado ao territorio e co relevo xeracional nas empresas. Durante a súa intervención, puxo en valor o labor da Rede de Polos de Emprendemento, que conta con 15 oficinas en Galicia nas que se atenderon máis de 6.100 proxectos, e subliñou que o relevo nas empresas é un dos eixes centrais da futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio de Galicia 2025-2030.

O Goberno galego traballa actualmente nesta estratexia para coordinar todo o ecosistema emprendedor da comunidade, fomentando a colaboración público-privada para compartir recursos e xerar sinerxías. O responsable autonómico referiuse ás medidas impulsadas para favorecer o relevo no tecido de persoas autónomas, como o Bono Remuda, que este ano incrementou o seu orzamento un 20 % ante a elevada demanda. Este programa inclúe axudas de ata 30.000 euros e artéllase en dúas liñas: o Bono Remuda rural e o Bono Remuda xeral.

O obxectivo do Bono Remuda é facilitar a continuidade de negocios rendibles e enraizados no territorio galego. Para iso, permite cubrir ata o 75 % do custo do traspaso, con achegas destinadas tanto a quen asume o mando do negocio como para quen o cede por xubilación. Con esta ferramenta, a administración autonómica busca evitar o peche de establecementos consolidados e ofrecer oportunidades de futuro aos novos emprendedores que buscan proxectos xa en funcionamento.

UGT e CC.OO. celebrarán na Coruña o 1 de maio “pola saúde laboral” e “pola paz”

UGT e CC.OO. advertiron ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de que “en tres meses non se chega nin á metade do camiño” se se queren atopar solucións ao plan sobre as baixas laborais anunciado polo titular do Goberno galego. Dispostos a “sentarse” coa Xunta e coa patronal no seo do diálogo social, o que rexeitan UGT e CC.OO. é un “análise simplista” do que cualifican de “mal chamado absentismo”.

Nunha rolda de prensa para presentar as protestas conxuntas que convoca o vindeiro 1 de maio, día internacional do traballador, a secretaria xeral de CC.OO., Amalia Pérez, subliñou que este asunto “non se pode abordar a corre-corre”, aínda que entende que o prazo non pode prolongarse tanto como “dous ou cinco anos”. Tamén advertiu de que, no relativo ao seu sindicato, non se constituirá a mesa sobre saúde laboral para tratar este tema antes que outras, porque son “defensores do diálogo social desde sempre” pero consideran que “as présas son malas conselleiras”.

Pola súa banda, o secretario xeral da UGT, Cristóbal Medeiros, tamén apostou polo diálogo social como “unha ferramenta” para pechar acordos, e defendeu “sentarse a negociar”, aclarando que “non se poden mesturar” as enfermidades con dereitos e conciliación. “Se hai fraude, que se persiga, pero a realidade que vemos é outra”, destacou, para a continuación denunciar as condicións laborais e outras variables como o envellecemento da poboación galega.

CRÍTICAS Á CIG

Baixo o lema ‘Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia’, UGT e CC.OO. chaman a mobilizarse o vindeiro Primeiro de Maio para dar un “berro pola saúde laboral” pero tamén “pola paz” nas rúas galegas —a marcha central será na Coruña—.

Con obxectivos como a redución da xornada, o control horario dixital “real” e o incremento dos salarios, ambas organizacións lanzaron críticas á CIG polo xeito de entender o sindicalismo que teñen “outros”, que apostan polo “conflito permanente”. “Se estivese gobernando o BNG, a CIG estaría no diálogo social”, afirmou Amalia Pérez.

Ademais, ambas negaron que o decreto que institucionaliza o diálogo social en Galicia supoña “vazar de contido” o Consello Galego de Relacións Laborais: “Unha cousa non ten que ver coa outra”, aseguraron.

Alvedro opera con normalidade tras o peche de operacións en Lavacolla polo inicio das obras

0

A operativa no aeroporto da Coruña polo peche do de Santiago para a intervención na pista está a desenvolverse con normalidade e sen incidencias, segundo indicaron a Europa Press dende Aena, que puntualizaron que xa se iniciaron os traballos diurnos na pista do aeródromo compostelán.

Aena pechou desde este xoves e ata o 27 de maio as operacións no aeroporto de Santiago de Compostela para acometer a intervención na pista, período no que o aeródromo da Coruña asumirá a maior parte dos seus voos, o que implica que practicamente duplicará as súas operacións diarias.

Para atender este cambio na mobilidade, a Xunta reforzará nas vindeiras semanas os servizos de autobús entre Santiago de Compostela e o aeroporto da Coruña. En concreto, de luns a venres incorpóranse entre a estación intermodal de Santiago e o aeroporto da Coruña saídas ás 10.05, 14.25, 18.55 e 19.55 horas, que se suman ás xa existentes ás 09.30 e ás 17.00 horas. No sentido inverso, desde Alvedro cara a Santiago de Compostela, incorpóranse saídas ás 10.15, 12.15, 18.15 e 21.15 horas, ademais das conexiones actuais das 05.30 e 13.15 horas.

Nos fins de semana e festivos tamén se reforza a conexión. Os sábados establécense novas saídas desde o aeroporto da Coruña ás 10.15 e 12.15 horas, que se suman á existente das 12.10 horas. Desde Santiago a Alvedro incorpóranse servizos ás 10.05 e 19.55, ademais do actual ás 13.00 horas. Os domingos e festivos incorpórase unha nova saída desde o aeroporto ás 18.15 horas, ademais da existente das 12.10, e desde Santiago ao aeroporto da Coruña amplíase a oferta con servizos ás 10.05 e 19.55 horas, que se engaden á saída xa dispoñible ás 13.00 horas.

INCREMENTO DE OPERACIÓNS 

Durante este período, boa parte dos voos que operan habitualmente en Santiago trasladaranse ao aeroporto da Coruña e, en menor medida, ao de Vigo. No caso de Alvedro, estima-se un incremento duns 140 operacións semanais adicionais, o que supón case duplicar a actividade habitual do aeroporto durante este tempo.

No aeroporto de Vigo o incremento será máis reducido, cun promedio de arredor de cinco operacións adicionais ao día, polo que a oferta actual de transporte permite atender esta demanda.