InicioA CORUÑAOlladas doutro tempo: Torre de Hércules (I)

Olladas doutro tempo: Torre de Hércules (I)

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

A importancia da Torre de Hércules transcende o papel de monumento máis destacado da Coruña. Non só é a edificación máis antiga de toda a cidade. Nin sequera lle basta con ser o faro máis antigo de todo o mundo. A Torre érguese por riba dos demáis monumentos coruñeses, sexa cal sexa a súa época ou importancia, acadando o estatus de símbolo. A súa imaxe é dabondo para representar tanto á cidade coma á provincia coruñesa, e isto é algo totalmente xustificado.

A Torre, dende o mesmo momento da súa construción, convértese no punto de referencia de toda a rexión, sendo posible distinguila dende moitos quilómetros á redonda, tanto no mar coma terra adentro. Hoxe, en cambio, non podemos vela dende moitas zonas da propia cidade, pero isto é algo moi recente, que non comeza a ocorrer ata ben entrado a século XX coa construción en altura.

Debemos imaxinar a impoñente presenza desta obra de enxeñería romana dominando toda a costa dos arredores. A súa función non se limitaba á de sinal luminosa, servía tamén de baliza, marcando a entrada ó golfo Ártabro. Os barcos que superaban o cabo Prior empurrados pola forza do nordés, avistaban a tempo o sinal que lles indicaba onde virar cara o porto de abrigo. Nesa dirección non era posible atopar outro ata dobrar Fisterra e chegar ás Rías Baixas.

A primeira cita documental coñecida da Torre é de inicios do século V. Sería Paulo Orosio, historiador e relixioso galego, quen escribese: “Secundus angulus circiumm intendit, ubi Brigantia Gallaetiae ciuitas sita altissimam pharum et inter pauca memorandi operis ad speculam Britanniae erigit”. O que ven a dicir que o segundo ángulo -de Hispania- está orientado cara ó cierzo, onde a cidade galaica de Brigantia eleva coma atalaia de Britania o seu faro altísimo e digno de mención entre moi poucas cousas.

O faro ergueuse a finais do século I. Segundo o historiador e arqueólogo Xosé María Bello, o seu nome orixinal sería Pharum Brigantium. Nome que perdurará coma Faro Bregancio, máis adiante simplificado a Faro, para nomear a toda a comarca cando Roma desapareza. Coa Brigantium romana xa esquecida e refundándose a cidade no século XIII co seu novo nome de Crunia, a Torre sería coñecida coma Castelo Vello. A Idade Media foi un tempo onde os feitos históricos mesturábanse coas lendas de forma habitual, sendo o famoso rei Alfonso X “O Sabio” quen uniu por primeira vez na súa “Estoria de Espanna” a figura de Hércules co monumento coruñés. Pero aínda tardaría varios séculos en empregarse de forma xeralizada o nome do faro relacionado co fillo de Xúpiter.

Nesta fotografía a Torre de Hércules comparte protagonismo cun Ford T do ano 1909. Pero que isto non nos leve a engano, a imaxe non é tan antiga. No momento da captura este vehículo xa era todo un clásico. Pasou pola Coruña en 1966, por mor dunha aposta. O seu propietario, Salvador Claret, e o seu amigo Alberto Maluquer comprometéronse a dar a volta a toda a península ibérica conducindo esa peza de museo entre novembro e decembro do devandito ano.

Eran os presidentes e fundadores de dous clubes automobilísticos, o Motor Club Girona e o Amigos dos Coches Veteranos, respectivamente. Na imaxe circulaban cheos de ilusión, deixando constancia da etapa cumprida, baixo a mirada dunha Torre que xa viu pasar dende galeiras romanas e drakkars vikingos ata os enormes transatlánticos actuais cheos de turistas. Distintos tipos de invasións chegando ós seus dominios. Un espazo onde preferimos esquecer petroleiros e recordar curiosas estampas coma esta, co precioso Ford e as rochas de fondo onde se ergue, eterna, a atalaia do Atlántico.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

Usuarios dos cursos dos Programa de Lecer do Fórum e do Ágora pregúntanse pola posible suspensión das asamblearias viaxes culturais

Certo malestar vívese estas semanas entre os centos de usuarios dos Cursos do Programa...

14 UTEs que engloban a 78 empresas (só 8 da comarca) optan ao concurso de deseño da fachada marítima coruñesa

Un total de 14 UTEs, que engloban a 78 empresas do ámbito internacional e...

Unha clase de zumba en María Pita para deixar claras as demandas do persoal das Escolas Deportivas Municipais

Nova mobilización esta mañá de xoves 27 de novembro do persoal das Escolas Deportivas...

Outro xoves ás portas do Concello de Cambre

Suma e seguen os xoves que os traballadores do Concello de Cambre paran máquinas...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here