“O maioral, un home pequeno e obeso, de profundas e multicores patillas, saíu da Administración de dilixencias cunha carteira de viaxe que pendurou do enorme cocherón, e logo, voltando a cruzar entre a xente que rodeaba a carrilana, dou o sacramental berro:
- ¡Ó Coche!
(…) Alleo por completo ó bulicio dos que ían ser os seus compañeiros de estudos, Xerardo deixóuse tragar pola estreita berlina de tres asentos. Ninguén fora a despedilo nin o coñecían na Coruña, onde apenas permanecera vintecatro horas e, sen embargo, sentía tanta tristura ó sair da risoña cidade coma se alí pasara toda a vida”.
Deste xeito comeza a famosa novela “A Casa da Troia”, de Pérez Lugín. Aínda que se publicou en 1915, a trama desenrólase no ambiente estudantil de Santiago de Compostela a finais do século XIX. O protagonista comeza a súa historia na mesma época e no mesmo punto no que Pedro Ferrer atrapou este momento, na intersección entre a Rúa Nova e a Rúa Real. Xusto no momento en que a carrilana arranca cara o seu destino. Aínda terían por diante unhas sete horas ata chegar a Santiago. Unha longa e incómoda viaxe amenizada polas curvas e saltos dos antigos camiños e polo estrondo dos cascos dos cabalos, cousas capaces de provocar mareos ou dores de testa nuns pasaxeiros apertados no pouco espazo existente no interior do vehículo. Se todo isto non fora dabondo, moitas vecen engadíanse os sofocos provocados polo vapor que desprendía a suor duns animais a pleno esforzo. Unha delicia de traxecto que non se facía do tirón, pois era necesaria unha parada en Mesón do Vento. Alí os viaxeiros estiraban as pernas ou degustaban os produtos dunha típica pousada mentres procedíase ó cambio de cabalos.
Era a mellor forma de desprazarse entre Coruña e Santiago ata que en 1883 construíuse a Estación do Norte, conectando por fin estas dúas cidades co ferrocarril. Este moderno medio de transporte iría deixando no olvido as carrilanas ou dilixencias. As antigas berlinas con tracción animal tiñan como punto de partida e chegada a Rúa Nova. Isto era así porque nos baixos do edificio que destaca na imaxe era onde se atopaban as oficinas da compañía de dilixencias Ferrocarrilana, mentres o resto do edificio funcionaba coma hotel baixo o mesmo nome. Un negocio de transporte e hospedaxe perfectamente coordinado que evitaba ó viaxeiro a tarefa de procurar aloxamento ó remate do traxecto.
O establecemento xa aparece citado na Guía da Coruña publicada por Antonio Coumes-Gay en 1877. Ó ano seguinte poderíase ler un curioso anuncio: “O doutor Goñi, reputado galeno especialista e operador, ten postos en práctica todos os adiantos máis útiles, tanto nacionais coma extranxeiros. Recibe consultas na fonda da Ferrocarrilana. Gratis ós pobres”. Coma Goñi, outros profesionais itinerantes establecíanse en aloxamentos reputados, publicitándose ás veces por uns días antes de continuar o seu camiño cara outras cidades.
O Hotel Ferrocarilana triunfaba a finais do século XIX, e iso que non era a hospedaxe máis luxosa da cidade, pois nesa época o posto de honra estaba reservado para o Hotel Francia. Pero a súa privilexiada situación e o intelixente enfoque do negocio, ligado ás dilixencias, aportáballe un fluxo contínuo de clientes. Ó longo da súa historia acolleu algún ilustre viaxeiro coma Miguel de Unamuno. O famoso escritor e reitor da Universidade de Salamanca durmiu alí en xuño de 1903, cando viu para dar un discurso no Teatro Principal. Unamuno saudou dende o balcón que vemos na fotografía a unha multitude formada polos socios do Circo de Artesáns -entidade organizadora da charla- e outros moitos admiradores que se achegaron a despedilo.
Esta encrucillada entre o Cantón Grande, a Rúa Real e a Rúa Nova era clave na cidade. Zona de paseo habitual dos coruñeses e punto de chegada dos visitantes. Non resulta estraño que fondas, hoteis, cafés e clubes sociais convivisen en moi poucos metros á redonda. O ambiente desa época a cabalo entre o século XIX e o vinte tiña algo distinto ó de décadas atrás. Estaba a nacer un novo concepto que tendería a desenrolarse ata facerse global hoxe en día: o turismo. Aínda estarían por chegar hoteis máis elegantes e famosos, coma o Palace ou o Atlantic, pero o Ferrocarrilana marcou unha época que xa non voltaría.
O edificio desapareceu en 1950, deixando paso ó Edificio América, máis alto e moderno, co seu famoso Café América no baixo. O Hotel manteuse na nova construción, pero xa non había oficina, nin carrilanas con cabalos. Aquela Coruña dos primeiros hoteis perduraba tan só na lembranza. Tantas e tantas vidas e recordos confluíndo nese punto día tras día, a dos viaxeiros anónimos, os mozos que subían as equipaxes, os estudantes que partían cara a universidade, vendedores itinerantes….. O Ferrocarrilana levou con él infinidade de anaquiños da historia coruñesa, esa historia con minúsculas, a cotiá.
- Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.
OLLADAS DOUTRO TEMPO
- San Amaro (1920).
- “Orzán, oleaxe”.
- Campo da Derruba.
- Avda. Da Mariña (1858). A foto máis antiga da Coruña.
- Camiño de Garás.
- SANTO DOMINGO DENDE CORTADURÍA.
- CASA GÓTICA
- San Andrés con Santa Catalina.
- Porta do Parrote.
- San Francisco e A Maestranza.
- Cantón Grande.
- Praza de Mina. 1906.
- San Andrés. Avrillón.
- Praia do Parrote e Cárcere Real.
- Mercado do Peixe. San Agustín.
- Santa Catalina.
- Teatro-Circo Emilia Pardo Bazán.
- Fábrica de Tabacos.
- Banco Pastor.
- Mercado da Guarda.
- Panorámicas e vidros.
- O Xardín de San Carlos.
- Pazo Municipal.
- Campo do Carballo e Camiño Novo.
- O Campo da Estrada e o Aviador.
- Lavadoiro do Orzán.
- Porta dos Sares.
- Torre de Hércules (I)
- Peixeiras no muro.
- Torre de Hércules (II).
- Porta da Torre de Abaixo.
- Torre de Hércules (III)
- O Corralón da Gaiteira.
- Santa Cristina.
- Santa Lucía.