InicioOLEIROSOlladas doutro tempo: Santa Cristina

Olladas doutro tempo: Santa Cristina

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

A Pasaxe da Foz era o nome que se empregaba antigamente para referirse ó paso estreito formado xusto á entrada da ría do Burgo, entre As Xubias e a lingua de area que hoxe chamamos praia de Santa Cristina. Alí estableceuse un servizo contínuo para cruzar en barca xa a finais do século XV, coma relata o historiador Xosé Alfeirán nun dos seus excelentes artigos, no cal trata a historia do embarcadoiro das Xubias. Éste tivo unha grande importancia durante varios séculos, pois a ponte da Pasaxe non sería unha realidade ata 1901. Antes diso, era necesario para calquer veciño, viaxeiro ou comerciante chegar ata a ponte do Burgo para cruzar á outra beira a pé, co enorme rodeo que iso supoñía.

Xa no século XX o paso en barca seguía a ter moita demanda, pero con outro obxetivo, o de desfrutar a praia para bañarse e tomar o sol. A Compañía de Tranvias chegou a crear en 1928 un servizo que combinaba a ida e volta en barca cos desprazamentos en autobús, conectando así Santa Cristina con Porta Real. Moi preto de alí moitos coruñeses e turistas tomaron durante décadas o barco que unía directamente a Dársena coruñesa co embarcadoiro de Santa Cristina, sobre todo no verán.

Resulta curioso coma en poucas xeracións pode cambiar tanto a forma de empregar un espazo. Mirando esta fotografía dos anos sesenta chámanos moito a atención a cantidade de coches metidos no areal. Algún deles ata circula a escasos centímetros da auga, por riba da liña de algas. Tomar o sol a carón do teu volkswagen escaravello pode estar a marcar unha grande diferenza. Semella un sinal de status, coma se fose necesario deixar ben claro que chegaron ata alí en coche, e non nunha ateigada lancha. Algo así coma quen deixa o iphone enriba da mesa, ben visible durante toda a cea.

Nos anos oitenta dispoñer de automóbil xa era algo habitual, ó alcance de case todos. Entón  estaba máis de moda ateigar de coches o piñeiral, circulando entre as árbores a modiño e cambaleando, tentando non estragar a suspensión coas irregularidades do terreo, buscando algún oco entre a desorde salvaxe para estacionar á sombra pero moi preto da area. Non era momento para darlle voltas a conceptos modernos coma a degradación dos espazos naturais ou cousas polo estilo. 

Podemos apreciar estes cambios de tendencias e usos coas instantáneas de Alberto Martí Villardefrancos, un dos fotógrafos máis coñecidos e lembrados da nosa cidade. Naceu en Santiago en 1922, pero moi pouco despois chegaría a Coruña, onde desenrolaría toda a súa labor artística. Con tan só 12 anos foi admitido coma recadeiro en Foto Blanco e alí foi aprendendo todo sobre o oficio da man do seu mestre Angel Blanco Villar. Ó longo da súa brillante traxectoria, tanto en Foto Blanco coma na Voz de Galicia, Martí capturou millóns de imaxes que retratan a evolución da nosa cidade durante case un século. 

Alí estaba Martí en 1961 para retratar esta estampa estival tan insólita para os ollos de hoxe en día. Non creo que nese momento se lle pasase pola cabeza chegar a ver praias case estandarizadas, coas súas casetas de salvamento, os cubos do lixo separados á mesma distancia, aparcadoiros asfaltados, sinalizados e mercantilizados, e ondeando ó vento as bandeiras azuis polas que os concellos pagan milleiros de euros cada ano. Polo menos reconfórtanos ver a evolución no uso do automóvil. De facerse donos de calquera espazo nos anos 70 e 80, cando rodaban e estacionaban case sen lei, pasouse agora a unha convivencia  bastante máis respetuosa. Eses cambios positivos no uso dos coches ó longo do tempo poden manter a esperanza de que nun futuro tamén empreguemos de xeito máis responsable, por exemplo, os teléfonos móviles.

 

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

A estación provisional de tren entrará en servizo este sábado e estará operativa ata 2026

O edificio da estación provisional de trens da Coruña entrará en servizo este sábado...

A alcaldesa da Coruña ve coma un “orgullo” que a cidade sexa unha das sedes do Mundial de Fútbol

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, cualificou como un "orgullo" que a cidade sexa...

As traballadoras de residencias privadas realizan unha caravana reivindicativa na Coruña

As traballadoras de residencias privadas continuaron este xoves na Coruña co calendario de mobilizacións...

A Coruña asina un convenio para colaborar en la identificación de prazas de mobilidade reducida

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o tesoureiro da Asociación de Persoas con...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here