InicioCULTURAOlladas doutro tempo: Torre de Hércules (II)

Olladas doutro tempo: Torre de Hércules (II)

Publicada o

Por Fernando Campos Mantiñán

— — —

Os edificios destacados das nosas cidades modernas poden facer famosos ós arquitectos que os debuxaron. Pero na antiga Roma, os “autores” dos edificios eran os políticos que os encargaban. Eles levaríanse a sona e pasarían á Historia, deixando no olvido ós verdadeiros artistas, que tiñan prohibido asinar as obras que dirixían. Pero a Torre de Hércules é insólita ata nese punto, pois sabemos que o arquitecto que levou a cabo o proxecto chamábase Gaio Sevio Lupo. Coñecemos ese dato porque ós pés da torre consérvase unha inscrición gravada nunha rocha, hoxe en día protexida por unha pequena construción de pedra do século XVIII que apenas chama a atención dos visitantes. Alí pódese ler:

MARTE
AVG.SACR
G.SEVIVS
LVPVS
ARCHITECTVS
AEMINIENSIS
LVSITANVS.EXVO

O que traducido sería algo así como: Adicado a Marte Augusto por Gaio Sevio Lupo, arquitecto lusitano de Aeminium (o nome antigo da cidade portuguesa de Coimbra), en cumprimento dunha promesa.

É moi probable que sobre a rocha tamén existise unha pequena estatua do deus Marte que non chegou ata os nosos días. O historiador coruñés Francisco Tettamancy pensaba que esa ofrenda a Marte non era máis ca unha argucia do arquitecto para firmar a súa obra e perdurar no tempo. Aínda nese caso agradecemos enormemente o pequeno ataque de ego, que non só aportoulle a transcendencia buscada, senón que tamén permítenos coñecer a quen debemos o noso símbolo.

A ofrenda a Marte, deus da guerra, tampouco é casual, xa que o Faro era propiedade do exército, un edificio militar que probablemente estaba custodiado por unha dotacion permanente duns corenta lexionarios, ou sexa, media centuria. A Torre puido ser clave na liña de suministro do exército romano na conquista de Britania, e unha nova teoría sobre os sinais luminosos do faro sostén que permitían a comunicación co campamento militar de Ciadella, cerca de Sobrado. Alí ficaba acuartelada a I Cohorte Celtíbera, composta por uns seiscentos soldados, xusto á metade de camiño entre Lucus Augusti, a capital da Gallaecia, e Brigantium, o seu porto principal. Aínda que hoxe en día vexamos os faros coma edificios civís, na época romana tiñan unha grande importancia estratéxica no ámbito militar.

Non é o único que cambiou cos tempos. A imaxe actual da Torre non se corresponde coa sua apariencia na época do imperio. No interior do edificio palpamos Roma en cada pedra. En cambio, por fóra o que vemos é a imaxe que deixou a reforma do século XVIII, que procurou protexer e conservar o núcleo da construción antiga vestíndoa cun traxe neoclásico de medio metro de espesor e cun novo sombreiro, acorde coa moda do momento e que ademáis conseguía máis altura para o sinal luminoso.

Nos seus inicios a Torre era máis baixa e máis ancha. A altura do último piso  coresponderíase coa actual cornixa, e sobre a plataforma superior existía unha cúpula que albergaría o mecanismo luminoso, probablemente unha enorme lámpada de aceite. Era máis ancha porque na actualidade xa non existe o muro exterior, que protexía a modo de carcasa a rampa de subida. Na súa orixe, no núcleo da Torre non estaban perforadas as súas bóvedas para pasar unha escaleira interior, coma temos hoxe. Antano tan só era posible subir pola rampa exterior que percorría en espiral as catro fachadas. Algúns dos ocos que hoxe en día semellan fiestras empregábanse coma portas polas cales accedíase dende a rampa ás estancias dos diferentes pisos. Tanto a rampa de subida coma o muro exterior fóronse arruinando polo abandono durante a Idade Media. Proceso que se acelerou co expolio das súas pedras para reutilizalas nas murallas, igrexas e outras construcións que se estaban a erguer no proceso de refundación medieval da cidade.

A súa luz guíaba a navegación e comunicaba mensaxes militares, a súa presenza marcaba a posición da cidade e o porto a moitos kilómetros á redonda, a súa altura permitía observar a contorna para otear posibles perigos. Pero imaxinemos tamén o faro romano empregado coma canteira, cedendo parte dos seus perpiaños de granito perfectamente escadrados, que viaxaron cara á Cidade Alta para fundirse aínda máis con esa Coruña á que representa.

Dende a súa orixe envolta nunha néboa de lendas, a Torre é Historia, emblema e esencia dunha cidade coa que forma un todo inseparable. Non se pode entender a unha sen a outra, nun diálogo continuo ó longo de dous milenios. Algo máis curta sería a conversa entre as dúas donas que vemos na fotografía. A súa coidada composición fainos levar a vista directamente ata elas, cun fermosísimo encadramento que logra, aínda que só sexa por un intre, que dúas mulleres anónimas lle rouben o protagonismo á Torre de Hércules.

FERnando-campos

  • Fernando Campos. Coruñés ata a médula e fanático da Historia, sobre todo se esa Historia é coruñesa. Máis de quince anos impartindo obradoiros culturais coma “Un paseo pola cidade”, “Personaxes da cidade” ou “A Cidade Perdida” no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora.

OLLADAS DOUTRO TEMPO

ÚLTIMAS

“O Concello non ten vontade de solucionar a folga dos conserxes”

Continúa activa por segunda fin de semana a folga dos conserxes das instalacións deportivas...

Delegados da CIG mobilízanse en apoio a un extraballador municipal da Coruña que reclama o seu reincorporación

Delegados da CIG concentráronse ante os xulgados da Coruña con motivo do xuízo pola...

Dous feridos en Abegondo tras unha colisión entre un turismo e un vehículo de mercadorías

Dúas persoas resultaron feridas nunha colisión entre un vehículo de mercadorías e un turismo...

Dispositivo especial de seguridade este sábaod para o encontro Deportivo-Sporting de Xixón

A Policía establecerá un dispositivo especial desde o sábado polo partido que enfrontará o...

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here