Inicio Blog Páxina 111

O prestixioso investigador sueco Ulf Linderfalk incorpórase á Universidade dá Coruña (UDC)

0

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) incorporou ao recoñecido profesor sueco Ulf Linderfalk, unha das figuras máis destacadas a nivel mundial no ámbito do Dereito Internacional, co obxectivo de desenvolver o seu proxecto de investigación durante o próximos catro anos.

Segundo traslada a institución académica, Linderfalk foi un dos 31 investigadores seleccionados na convocatoria ATRAE 2024 da Axencia Estatal de Investigación, que busca atraer talento internacional de excelencia ás institucións de educación superior e investigación de España.

Nesta edición, engade, na que se presentaron 148 candidaturas, o profesor foi o único galardoado no panel de Dereito, obtendo unha subvención dun millón de euros para o desenvolvemento do seu traballo na UDC.

Catedrático de Dereito Internacional na Universidade de Lund (Suecia), Linderfalk incorporouse a esta institución en 2001, tras defender a súa tese de doutoramento sobre a interpretación de tratados internacionais.

Máis novas

Entrevista a Xulio Ferreiro: “O enfrontamento político das esquerdas é un desastre”

Preguntan pola caducidade de varias instalacións deportivas municipais da cidade

0

Unha das problemáticas laborais que levamos vendo en centros deportivos municipais é a caducidade dos contratos concesionais co Concello. O Campo Municipal de Golf, o Complexo Deportivo de San Diego, a Piscina Municipal de San Amaro, ou Polideportivo Municipal da Sagrada Familia son exemplos desta situación de centros cuia concesión está caducada ou a piques de facelo.

Por iso, o BNG vén de presentar unha serie de preguntas por escrito ao Goberno Local: “Cando caducou ou vai caducar o contrato de concesión das conserxarías das instalacións deportivas municipais?”, cuestiona o concelleiro nacionalista David Soto, quen se interesa igualmente por saber “cal é a xuízo do Goberno Municipal a razón de existiren tantos contratos de concesión caducados”.

FDai fincapé o BNG, como tamén fixo o PP, na situación do Polideportivo de San Diego, con numerosos problemas orixinados polo seu deficiente mantemento que mesmo ten provocado unha redución na oferta de clases dirixidas.
“Cando vai saír a concurso a licitación da nova concesión da xestión do polideportivo?”, inquire o edil nacionalista David Soto nas pretuntas.

Máis novas

Esixen que o goberno local tutele o funcionamento do Centro Deportivo do Castrillón

O PP esixe solucionar as graves deficiencias denunciadas polos usuarios do polideportivo de San Diego

As obras do Centro de Santa Lucía comezarán antes de que remate 2025

0

Conta atrás para o inicio das obras de rehabilitación do antigo mercado de Santa Lucía, unha intervención fundamental para os barrios da Falperra e do Ensanche, e que permitirá construír un novo centro de saúde e un centro cívico tras o acordo asinado a finais de xuño polo Concello da Coruña e a Xunta.

Neste sentido, esta semana avanzouse na resolución dos trámites administrativos previos ao inicio das obras, valoradas en máis de dez millóns de euros. A Mesa de Contratación do Concello da Coruña, presidida por Manuel Ángel Jove, director de Administración Xeral, avaliou esta semana as ofertas presentadas ao concurso, sendo a do Grupo San José a que obtivo máis puntuación no proceso.

Entre os aspectos destacados da oferta do Grupo San José está o feito de que rebaixa nun 6,22 % o importe inicial asociado ao investimento da obra —isto é, case medio millón de euros menos—, e, ademais, prevé diminuír en tres meses o prazo de execución dos traballos, reducindo este a 15 meses. O investimento total achégase aos 10 millóns de euros.

A empresa presentará agora a documentación requerida antes de elevar á Xunta de Goberno a proposta de adxudicación. Despois abrirase un periodo de 15 días para posibles alegacións. Asi, a previsión é que se poda asinar o contrato este outono e iniciarse as obras antes do remate do 2025.

 

“A reforma urbanística dos Cantóns desprestixia á Coruña como cidade cultural”

Xa protestaran en marzo, pero visto que o proxecto non cambiou, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), lanza a grave denuncia pública.

A entidade, que representa a máis de 160 profesionais do sector en Galicia, lanza “un novo e urxente chamamento público diante do silencio institucional do Concello da Coruña e dos arquitectos responsables da reforma dos Cantóns, José Manuel Vázquez e Carmen Calatayud”.

Denuncian que “a proposta de trasladar a parada dos autobuses metropolitanos á rúa Manuel Casas —lateral do Teatro Colón— provocará un colapso funcional e un risco evidente para a seguridade de persoas usuarias, traballadoras e compañías culturais, ao converter o único acceso técnico do teatro nun espazo compartido con centos de persoas e vehículos pesados cada día”.

Esta situación provocará que “o Teatro Colón, espazo emblemático da Rede Española de Teatros e Auditorios, con décadas de historia e relevancia estatal, podería verse rebaixado á categoría de espazo inoperativo. Esta reforma compromete o seu futuro e danará irreversiblemente o prestixio da cidade como destino cultural”.

“Ignorancia ou desprezo institucional?”

Desde marzo deste ano, a AGPXC presentou alegacións formais, avaladas polo Grupo Municipal do BNG e por responsables da área de Cultura da Deputación da Coruña, entidade titular do Teatro Colón. A resposta foi o máis absoluto silencio por parte da Concellaría de Infraestruturas e Mobilidade e do equipo redactor da reforma.

Nun acto público celebrado o 3 de abril, un membro da directiva de AGPXC trasladou persoalmente aos arquitectos a gravidade da situación e entregou o seu contacto directo para estudar alternativas. “Prometeron unha xuntanza que nunca se convocou, malia as
chamadas posteriores ao seu despacho profesional”, sinalan dende a AGPXC.

Consecuencias “inmediatas e irreversibles”

A entidade enumera as consecuencias

● Redución a mínimos da operatividade do teatro: a zona de carga e descarga
quedará limitada a un espazo mínimo, inutilizable para espectáculos de mediana ou
grande complexidade.

● Encarecemento das producións: os custos de carga/descarga multiplicaranse por
dous ou tres debido ao tempo e á dificultade operativa. Estímase unha suba media
do prezo das entradas do 10 ao 15%.

● Fuga de programación: compañías escénicas e musicais escollerán auditorios de
Ferrol, Narón ou espazos privados como Palexco, que aínda que teñen alugueiros
elevados, ofrecen operatividade loxística.

● Risco laboral e de accidentes: a presenza de vehículos pesados, operacións
nocturnas, cargas delicadas e multitudes na zona crea unha situación incompatible
coas normativas de seguridade e prevención de riscos laborais.

Ante todo isto, solicitan “a paralización inmediata das obras na rúa Manuel Casas, mentres se avalían alternativas viables para a parada dos autobuses metropolitanos”; “a convocatoria urxente dunha xuntanza entre responsables municipais, os arquitectos do proxecto e profesionais dos teatros afectados”; e “a implicación directa da Alcaldesa Inés Rey, como máxima responsable institucional, para garantir que esta reforma non converta un espazo público cultural nun punto morto da programación escénica galega”.

 

Máis novas

A Asociación de Profesionais da Xestión Cultural critica que a reurbanización dos Cantóns afecta á zona de carga do Teatro Colón

Así será a reurbanización dos Cantóns

O Mural advirte que a inactividade da Xunta e Concello causa máis danos nos Murais de Lugrís do Olmo

A asociación cultural O Mural advirte que “nin o Concello da Coruña nin a Consellería de Cultura da Xunta fixeron nada dende o 4 de xuño para avanzar na súa promesa «de conservar os frescos no seu emprazamento e abrilos á cidadanía como o ben cultural de primeiro orde que son»”.

Nesa data as dúas administracións xuntáronse para anunciar que iniciaban unha colaboración para crear un espazo xestionado polo Concello no que «poñer en valor o legado de Urbano Lugrís».

Pasaron os tres meses tradicionalmente con menos choivas do ano e as dúas administracións non avanzaron nin na adquisición ou alugueiro do baixo e o entresollado dos edificios da rúa Olmos, 25 e 27 nin na rehabilitación do edificio, cuxo estado segue a danar as pinturas polo que as choivas do outono seguirán a caer sobre a vista da Coruña e os outros 12 frescos que Lugrís pintou naquel espazo.

A Xunta tampouco cumpriu coa sua promesa de febreiro de 2024 de declarara de xeito exprés os frescos como ben de interese cultural.

“Estes retrasos súmanse aos silencios, desleixos e desintereses que levan amosando as dúas administracións dende que, en xuño de 2021, O Mural puxera no seu coñecemento o abandono do edificio e o perigo para esta obra de arte senlleira”, sinalan.

Os frescos da rúa Olmos constitúen o único conxunto muralístico dos que pintou Urbano Lugrís que se mantén íntegro no lugar orixinario e atópase en grave perigo polo estado de abandono e ruína do inmoble que os custodia.

A Xunta propón recuperar e expoñer os murais de Urbano Lugrís na rúa Olmos

 

 

300 nadadores participan na Travesía a nado de San Amaro en A Coruña

0

A Coruña acolle este domingo, día 31, ás 12.00 horas a celebración da LXXXIV edición da Travesía a nado á Enseada de San Amaro coa participación de 300 deportistas e tras a cancelación da pasada edición por precaución sanitaria.

Segundo informa o consistorio, a proba desenvolverase en augas abertas na contorna da baía, ofrece un percorrido en forma de triángulo e está aberta a nadadores de diferentes idades, “promovendo tanto a participación popular como a práctica deportiva en contornas naturais”.

O Concello herculino colabora con este evento organizado polo Club do Mar de San Amaro, xunto cos equipos de Protección Civil, Cruz Vermella e a Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), que reforzarán a seguridade do acto con medios acuáticos e asistencia técnica.

Esta proba consolídase como un referente no calendario estival da cidade, tanto pola súa tradición — con 84 edicións celebradas — como polo seu valor na promoción do deporte ao aire libre e o vínculo coa contorna costeira de barrios como Monte Alto ou Durmideiras”, apunta o consistorio.

O noroeste da Coruña e a Costa da Morte en alerta por ondas superiores a 4 metros

O noroeste da Coruña e a Costa da Morte permanecerán durante 24 horas seguidas, entre o domingo e o luns, en alerta metereológica amarela por ondas superiores a 4 metros. Meteogalicia, quen informa o aviso, establece que a alerta se estenderá desde as 15.00 horas do domingo e levantarase á mesma hora ao día seguinte, luns 1 de setembro.

O organismo adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático avisa de que unha borrasca situada ao oeste de Irlanda deixará ondas superiores a 4 metros entre Fisterra e Estaca de Bares.

Ademais, as mesmas zonas da Coruña estiveron en alerta amarela por temporal costeiro, entre as 12.00 e 18.00 horas do sábado, ao esperarse vento de forza sete entre Sisargas e Estaca de Bares.

PREDICIÓN PARA O DOMINGO

Por outra banda, segundo Meteogalicia, a xornada do domingo será de inestabilidade atmosférica, cos chuvascos que van tras o paso dunha fronte fría, que chegará ao final do sábado.

O día transcorrerá entre intervalos de nubes e claros e chuvascos, que serán máis xeneralizados na segunda metade da xornada. Así mesmo, as temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. Os ventos soprarán de compoñente oeste, frouxos pola mañá, aumentando a moderados pola tarde, con intervalos fortes no extremo norte.

Os socialistas de Arteixo denuncian a falta de médicos nos centros de saúde locais

0

O grupo municipal socialista do Concello de Arteixo alertou dunha situación “insustentable” nos centros de saúde do municipio “pola falta de profesionais de atención primaria durante todo o verán”.

Así, insta o goberno local a que esixa á Consellería de Sanidade “cubrir de inmediato as prazas de médicos de atención primaria necesarias para garantir unha atención sanitaria digna”.

Nun comunicado, o portavoz da formación política, Martín Seco, destaca que, segundo trasladan numerosos veciños e veciñas, “é practicamente imposible conseguir unha cita co médico de familia a través da aplicación do Sergas — Servizo Galego de Saúde –, xa que non hai datas dispoñibles ou hai que esperar ata mediados de setembro para ser atendido”.

Concreta que “o problema chegou ao límite no centro de saúde de Vilarrodís, que estivo sen ningún médico durante varios días do mes de agosto”.

Así mesmo, o socialista asegura que “ano tras ano se repite esta situación pola falta de aposta do PP pola sanidade pública, que se agrava nos meses de verán pola ausencia de planificación e cobertura de prazas”.

Por iso, o PSOE insta o goberno local a que esixa á Consellería de Sanidade “cubrir de inmediato as prazas de médicos de atención primaria necesarias para garantir unha atención sanitaria digna nos centros de saúde de Arteixo”.

O Concello da Coruña obtén dous millóns de euros en fondos europeos para reverdecer os barrios

O Concello da Coruña obtivo máis de dous millóns de euros en fondos europeos por parte da Fundación Biodiversidade, unha dotación económica coa que dará un impulso ao seu plan para reverdecer diversos barrios da cidade e, desta forma, “avanzar na creación ou ampliación de áreas verdes”.

Segundo informa o consistorio, meses atrás presentouse á convocatoria de axudas destinadas ao fomento de actuacións dirixidas ao desenvolvemento e consolidación da infraestrutura verde, para a renaturalización e resiliencia das cidades españolas. Esta semana, recibiu a confirmación definitiva de que contará con financiamento.

Engade que a herculina foi “a urbe mellor valorada no proceso de puntuación” que determinou ás entidades beneficiarias das subvencións en toda España. Á convocatoria concurriron máis de 80 candidaturas para obter financiamento, das que só 12 foron aceptadas finalmente como receptoras, explica. Entre elas, A Coruña, foi “a primeira situada nun proceso de avaliación no que tamén estiveron cidades como Barcelona, Salamanca, Vigo e Castelló, entre outras”.

Para a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, “isto permitirá pór en marcha diversas iniciativas para reverdecer barrios da Coruña que, pola súa configuración urbana, necesitan espazos públicos máis osixenados e medioambientalmente máis sustentables”. A previsión é que as actuacións previstas execútense entre os anos 2026 e 2028, “sendo acordadas previamente coa veciñanza de cada distrito”, concreta o goberno local.

Suspendido o Teresa Herrera de Traiñeiras o domingo pola mañá a causa do tempo

O Concello da Coruña informou da suspensión da xornada do domingo pola mañá do Trofeo Teresa Herrera de Traiñeiras tras avaliar as previsións meteorolóxicas previstas para ese día.

Explica que, en base ao comunicado remitido pola Federación Galega de Remo e a Asociación Liga Noroeste, as condicións do mar previstas “supoñen un risco para a seguridade das tripulacións participantes”.

Concreta que os datos facilitados pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) e Meteogalicia sinalan a presenza de marusía con ondas de entre tres e catro metros, ventos sostidos de 12 a 16 nós e refachos que poderían alcanzar os 22 nós, superando os límites permitidos polos protocolos de seguridade.

Ante esta situación, o goberno local apunta que a organización adoptou a decisión de “concentrar toda a competición na tarde do sábado”, día 30, cando as previsións meteorolóxicas son favorables para a práctica deportiva.

Así, a competición adaptarase ao formato de regata en liña con cinco aboias e quendas lanzadas cada minuto. No caso de que o mar non a permita, a proba realizarase en modalidade contrarreloxo. Ademais, avanza que “se valora a posible suspensión se as condicións son desfavorables”.