Inicio Blog Páxina 122

Os Franco habilitan as visitas á Casa Cornide na Coruña tras ser multados por incumprir con esta obrigación

A familia Franco habilitou as visitas á Casa Cornide na Coruña tras ser multados por incumprir con esta obrigación. A páxina web do inmoble permite reservar cita para iso desde o próximo 4 de agosto, sendo o luns o único día da semana que abre as súas portas ao público. Con todo, apenas quedan ocos para este mes de agosto e parece que aínda non acepta reservas para setembro, outubro…

Os Franco, propietarios dun edificio polo que o Concello da cidade herculina xa iniciou actuacións para recuperalo para o patrimonio público — como fixo no seu momento o Estado co Pazo de Meirás –, están obrigados a abrila ao público catro días ao mes despois de que fose declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Ao non facelo, foron sancionados pola Xunta con 3.000 euros de multa, unha decisión que a familia do ditador recorreu e que foi declarada firme. Todo iso despois de que, previamente á sanción, o Franco non atendesen aos requirimentos feitos para a apertura do inmoble.

A Casa Cornide pasou a mans desta familia tras unha poxa gañada por Pedró Barrié da Maza que cedeu na década do sesenta o edificio á esposa do ditador, Carmen Polo, aínda que antes fora patrimonio municipal e estatal.

Na actualidade, na súa web pódense xestionar visitas desde o próximo 4 de agosto, sendo o luns o único día da semana que abre as súas portas ao público. Na mesma figuran, ademais, instrucións concretas como que o aforamento está limitado a cinco persoas por día e hora. As reservas, engade, realizaranse con polo menos 24 horas de antelación do horario seleccionado durante a visita non se permitirá a captación de imaxes, vídeo ou son.

A ALCALDESA DA CORUÑA CELEBRA A APERTURA DA CASA CORNIDE

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou que o Franco habilitasen as visitas á Casa Cornide na Coruña a pesar dos “anos de atraso”. Fano tras ser multados con 3.000 euros por incumprir coa obrigación de abrila ao público catro días ao mes despois de que fose declarada Ben de Interese Cultural (BIC).

“Que a familia Franco cumpra coa lei paréceme algo positivo, levan bastantes anos de atraso en entender que este é un estado democrático e de dereito”, sinalou para recalcar que “todo o que se apropiaron de maneira privada durante a ditadura non lles corresponde”. “En todo caso é unha boa noticia”, apostilou.

Así mesmo, a rexedora apuntou que o Concello da cidade herculina vai seguir ” traballando para que esa casa, ademais de abrirse ao público como BIC, volva ao patrimonio dos cidadáns que é de onde nunca debeu saír”. No entanto, indicou que se trata dun “procedemento moi complicado a nivel xurídico”.

O BNG defende os cambios inseridos no proxecto de urbanización das Xubias

0

Co BNG, pero sen a veciñanza. Así semella que o goberno municipal vai sacar adiante no pleno deste xoves o convenio asinado co fondo de investimento suizo, Ginkgo Advisor, para urbanizar o mariñeiro barrio das Xubias.

Mentres a veciñanza enteirouse, como o resto da cidade, pola filtración a un medio de prensa, e despois das primeiras críticas de PP e Sumar, o goberno, co apoio do BNG, aprobará un proxecto que cambiará a fisionomía dun dos barrios máis auténticos da cidade.

Defende o BNG os avances acordados nos últimos meses na actualización do convenio. “A diferenza do que acontecía na primeira versión do convenio das Xubias -aprobado na Xunta de Goberno Local o 30 de xullo de 2024- a actualización que irá ao Pleno deste xoves garante a ordenación conxunta de todo o bordo litoral, até a Ponte da Pasaxe”. Isto significa que o ámbito incluído no convenio das Xubias asinado con Ginkgo Advisor non ficará excluído da modificación puntual do PXOM cuxa tramitación iniciou o Goberno Local en 2020.

Asegura o BNG que a edificabilidade baixará de 660 a 240 vivendas, a pesar de que o goberno non levou aínda a pleno esa modificación do PXOM previamente aprobada pola Xunta de Goberno hai varios anos. O plan, deste xeito, aseguran, non afectará ao núcleo mariñeiro das Xubias de Abaixo e permitirá o mantemento da vía do tren que atravesa o lugar, necesaria tamén para a saída da cidade dende o porto.

A veciñanza parece “tranquila”, se ben esperaban non enteirarse dunha nova tan importante a través da prensa, e esperan que canto antes lles presenten o plan urbanístico.

Máis novas do proxecto das Xubias

Primeiras críticas ante o desbloqueo do acordo co fondo de investimento suizo para a urbanización das Xubias

Publicada no BOE a declaración da Coruña como mercado de vivenda tensionado mentres Inés Rey pide “lealdade” á Xunta

O Goberno central publicou este martes no Boletín Oficial do Estado (BOE) a declaración de zona de mercado residencial tensionado nun total de 23 municipios españois. Entre eles está A Coruña, que por tanto desde este mércores converterase oficialmente na primeira cidade galega con esta condición. Segundo trasladan a Europa Press fontes do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, ao sumarse A Coruña e outros 21 municipios de Navarra e San Sebastián (Euskadi), xa haberá 8,28 millóns de persoas que viven en zonas tensionadas.

Ademais, o departamento que dirixe Isabel Rodríguez prevé que “pronto” se inclúan na listaxe Santiago de Compostela –aínda que o proceso podería dilatarse aínda meses, porque a Xunta requiriu ao Concello unha subsanación de documentación– e municipios de Asturias e máis de Euskadi. A Coruña será o primeiro municipio de Galicia que poderá controlar os prezos do aluguer. O goberno local solicitou a declaración en marzo e a finais de maio recibiu o visto e prace da Xunta. Agora, o Ministerio de Vivenda verificou que cumpre cos requisitos legais e publicouno no BOE, polo que a declaración de zona tensionada entrará en vigor este mércores por un período de tres anos.

QUE IMPLICA ESTA DECLARACIÓN?

A declaración de zona do mercado residencial tensionado permite pór tope aos alugueres en zonas onde os incrementos de anos anteriores fosen desproporcionados. Este mecanismo limita os prezos dos novos contratos de arrendamento, que terán que “estar axustados ao prezo do contrato anterior”, e inclúe bonificacións fiscais para os propietarios que rebaixen a mensualidade aos seus inquilinos. Do mesmo xeito, establécese para estes municipios un índice de prezos para o aluguer que “todos aqueles grandes tenedores de vivenda están obrigados” a seguir nos seus contratos. A declaración tamén obriga a que as administracións executen un plan de medidas para incrementar a oferta de aluguer e que no prazo de tres anos a situación de alza de prezos poida ser revertida.

Fontes do Ministerio sosteñen que a lei estatal de vivenda do ano 2021 “funciona” e pon o exemplo en Barcelona, onde –segundo as súas cifras– o aluguer medio baixou un 8,9 %. En toda Cataluña, reduciuse un 4,7 % e asináronse 11.807 contratos novos. Así mesmo, defenden que a aplicación de zonas tensionadas “favorece aos inquilinos” ao limitar os arrendamentos, “pero tamén aos pequenos propietarios que son bos caseiros e poñen as súas propiedades en aluguer respectando o índice de referencia”. De feito, pódense deduciar ata un 90 % do que ingresen se baixan o prezo un 5 %. Por todo iso, o Ministerio de Vivenda non entende “o rexeitamento e o boicot” das comunidades autónomas do PP, como Galicia, á lei.

INÉS REY PIDE “LEALDADE” Á XUNTA

Así as cousas, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebrou a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) da declaración da capital herculina como zona de mercado residencial tensionado e pediu á Xunta “lealdade institucional, respecto institucional e cooperación”, así como “colaboración” para aplicar as medidas que permite a normativa. En declaracións aos medios, a rexedora valorou que A Coruña sexa a primeira cidade de Galicia en obter esta declaración, que chega, apuntou, despois de “moitos meses de traballo, diálogo e análise” ante unha situación “complicada” do mercado do aluguer.

Nesta liña, Inés Rey recoñeceu que resulta “practicamente imposible” poder alugar unha vivenda na cidade, o que levou a tomar esta decisión que hoxe se culmina como “unha decisión que transforma a vida da xente”. Neste sentido, agradeceu á ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, con quen falou este mesmo martes, o seu apoio para “pór no centro do debate a vivenda” e por “articular unha batería de medidas que dean solución ao que hoxe é un problema”, pero no que, engadiu, “hai que traballar para que mañá siga sendo o que sempre foi: un dereito”.

Ademais, aproveitou para demandar á Xunta “lealdade institucional, respecto institucional e cooperación e colaboración á hora de aplicar as medidas”, que, tal e como lembrou, “teñen unha duración determinada” e estarán vixentes ata o ano 2028. Así, instou á Xunta a que “non entorpeza nin torpedee” e “arrime o ombreiro para poder seguir avanzando” en medidas para “poder garantir o dereito á vivenda”.

Doutra banda, a alcaldesa coruñesa reivindicou que a partir deste martes a cidade será “exemplo para moitos concellos”. “Hai que tomar a situación con rigor, con seriedade e con lealdade institucional que merece”, subliñou. Preguntada sobre como se aplicará e cando se prevén resultados, Inés Rey manifestou que “non serán inmediatos”, pero defendeu que “se irá vendo a súa aplicación os próximos meses e os resultados” que, indicou, tal e como se viu “noutros sitios como Barcelona, son moi positivos para o mercado”.

RUEDA AGARDA QUE A DECLARACIÓN “SOLUCIONE OS PROBLEMAS”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que espera que a declaración da Coruña como zona de mercado residencial tensionado –publicado este martes no BOE– “sirva para solucionar os problemas de vivenda que hai” na cidade. A preguntas dos medios nun acto na cidade herculina, Rueda subliñou que “a pelota agora está no tellado” do Concello, aínda que lembrou que o Goberno galego opina que a normativa “non soluciona os evidentes problemas de vivenda que hai”. Con todo, volveu reiterar que o consistorio local “é moi libre de pedila” e sinalou que a Xunta “sempre dixo que se a documentación achegada cumpría os requisitos, faría esa declaración”.

“Algúns dubidábano”, manifestou para, a continuación, reivindicar que o que dicía “era o que se ía a facer”. Agora, unha vez publicada no BOE, o titular do Goberno galego sinalou que “haberá que comprobar” a súa eficacia, pero insistiu en que a súa “impresión” é que “non é unha solución, senón todo o contrario”. “O que me interesa é solucionar os problemas de vivenda. Agora a pelota está no tellado da Coruña, xa ten a declaración que pedía e espero que isto sirva para solucionar os problemas de vivenda que hai na Coruña. Verémolo a partir de hoxe”, aseverou.

O BNG PIDE Á XUNTA QUE “DEIXE DE PÓR PAUS NAS RODAS”

Pola súa banda, a portavoz parlamentaria de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, pediu á Xunta que “deixe de pór paus nas rodas” aos concellos que queren obter a zona de mercado residencial tensionado. Nunha nota de prensa, a nacionalista acusou ao Goberno galego de “ser parte do problema” en lugar de “ser parte da solución para facilitar o acceso á vivenda”, aplicando, na súa opinión, “unha política sistemática de boicot aos concellos que queren tomar medidas para paliar a escalada de prezos“.

“Mesmo naqueles concellos máis grandes que por responsabilidade cos seus veciños están a facer o traballo que lle correspondería ao goberno de Rueda, este responde o boicot simplemente para facer oposición política, como acabamos de ver co Concello de Santiago, ao que a Xunta enviou un requirimento cargado de incoherencias e valoracións subxectivas, que o único que tenta é, dunha forma basta, atacar un informe realizado pola Universidade da Coruña“, reprochou.

Así, demandou ao Executivo autonómico que “asuma as súas competencias” en materia de vivenda “dunha vez por todas” para tratar de “atallar o prezo da vivenda no mercado libre”. Neste sentido, reclamou que “deixe de pór paus nas rodas aos concellos que si están a dar respostas” aos seus veciños. Ademais, criticou que o Goberno de Alfonso Rueda “non só creou a actual burbulla de prezos”, senón que “agora boicotea todas as medidas positivas que están encamiñadas a frear esa burbulla inmobiliaria”.

PEDRO BLANCO VE ESTE O PASO CARA “DAR UNHA SOLUCIÓN”

Mentres, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, agradeceu a “valentía” da alcaldesa para dar este paso dunha maneira “determinante” e lograr “dar unha solución a un problema de primeira necesidade”. Neste contexto, Blanco destacou que a declaración de zona de mercado residencial tensionado é unha das “múltiples solucións” que achega a lei de vivenda para tratar de que “a vivenda se converta nun dereito das persoas e non nun tráfico mercantil”.

Á súa vez, o delegado do Goberno sinalou que esta medida “se está demostrando noutras comunidades que funciona” e que “permite reducir prezos”. Tamén asegurou que “non é verdade” que se reduza a oferta e puxo como exemplo a Cataluña, onde “as ofertas se incrementaron en máis de 13.000 vivendas máis”. “É un mecanismo que permite a aqueles propietarios que poñen en alugar as vivendas, xa que lles permite obter unha serie de beneficios fiscais que son moi importantes”, destacou Blanco, que insistiu en que coa aplicación das medidas lograrase “que a vivenda deixe de ser un luxo” e un “obxectivo inalcanzable”.

A MINISTRA PON EN VALOR A LEI DE VIVENDA

E a ministra de Vivenda e Axenda Urbana, Isabel Rodríguez, saudou que A Coruña, San Sebastián e 21 municipios navarros sómense á declaración de zonas tensionadas para poder aplicar límites no prezo do aluguer. “Ante a evidencia de que a Lei de Vivenda funciona, hai quen a aplica e hai quen quere derrogala”, trasladou a titular de Vivenda a través dunha mensaxe na súa rede social ‘X’, onde indicou que son xa 301 municipios os que declararon zona tensionada, con máis de oito millóns de persoas. A resolución publicada no BOE fornecerá efectos desde mañá.

O Museo Sargadelos-Carlos Maside recibe a declaración de Ben de Interese Cultural

0

O Goberno galego oficializou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, situado en Sada, e da súa colección de 1.447 obras, tal como publicou no Diario Oficial de Galicia. Esta distinción, aprobada recentemente polo Consello da Xunta, recoñece o valor arquitectónico e artístico do museo, tras un proceso iniciado en 2023, e aplica o máximo nivel de protección conforme á Lei de Patrimonio Cultural. Con esta incorporación, xa son 790 os bens culturais con esta categoría en Galicia.

O museo, xestionado pola Fundación Sargadelos, destaca como un fito da arquitectura contemporánea española, integrando influencias internacionais recollidas por figuras como Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo e Andrés Fernández-Albalat. O edificio acolle unha colección artística que representa a evolución da arte galega do século XX e inclúe obras de artistas destacados, promovendo a difusión do legado artístico e cultural galego, especialmente das tendencias europeas e do exilio.

A declaración foi recibida con preocupación pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH), que denunciou o risco de perda do legado cultural de Díaz Pardo e Seoane. A entidade criticou o cambio no nome do museo, que agora despraza o nome orixinal, e denunciou que a protección se limita ao edificio e á súa colección, sen incluír o resto do complexo das Cerámicas do Castro. Ademais, alertaron sobre a posibilidade de clausura do museo con aperturas só puntuais.

Finalmente, a CRMH anunciou que reclamará acceso ao expediente completo e presentará un recurso de reposición. Tamén prepara un manifesto para recoller firmas que esixan a extensión da protección BIC a todo o complexo industrial das Cerámicas do Castro, cuestionando ademais o número de obras inventariadas no museo, que consideran inferior ás cifras reais.

A UDC rexeita adscribir todos os hospitais galegos á titulación de Medicina da USC

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, insistiu en que tanto a Universidade da Coruña (UDC) como a de Vigo (UVigo) tamén poderán adscribir hospitais “de toda Galicia” ás súas titulacións, igual que a Universidade de Santiago (USC). Isto “verase” nos textos finais dos concertos para a formación sanitaria que cada universidade firme coa Xunta, aínda que as tres están aínda “en trámite” por parte da Consellería e das propias institucións académicas.

A preguntas dos medios este martes, tras un acto en Santiago, Gómez Caamaño non ofreceu unha data para elevar estes acordos ao Consello da Xunta porque aínda “se está traballando” nos textos. A USC aprobou a semana pasada o seu en consello de goberno. O conselleiro si recalcou que os respectivos concertos establecerán “dereitos exactamente iguais para as tres” universidades, a pesar das queixas da UDC sobre a adscrición do Complexo Hospitalario da Coruña (Chuac), igual que o resto de centros do Sergas, ao Grao en Medicina pola USC. De tal modo, Gómez Caamaño insistiu en que, “se a Universidade de Santiago pode adscribir centros de toda Galicia”, tamén as outras dúas poderán facelo para as súas titulacións sanitarias.

A UDC REXEITA ADSCRIBIR TODOS OS HOSPITAIS AO GRAO DE MEDICINA DA USC

Así as cousas, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao, rexeitou o concerto que permitirá adscribir todos os centros do Servizo Galego de Saúde (Sergas) ao Grao en Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “Crear unha situación hexemónica na que desde a USC teña control absoluto sobre a vinculación dos hospitais a efectos de Medicina é un cambio total e absoluto das regras do xogo”, contestou a preguntas dos medios sobre este asunto nun acto na Coruña.

Cao lembrou que “o Chuac — Complexo hospitalario universitario da Coruña — está vinculado única e exclusivamente á UDC” e engadiu que sucede “o mesmo” no resto de hospitais galegos coas súas “universidades de referencia”. “Isto estase pretendendo cambiar e esa pretensión de cambio obviamente afecta claramente as regras do xogo”, insistiu. “Por suposto que nós seguimos firmemente convencidos da nosa aposta por implantar a titulación de Medicina na UDC“, recalcou para apuntar que o farán “dialogando e escoitando pero facendo algo que sexa útil non facendo un paripé”.

RUEDA REITERA A VONTADE DA XUNTA DE AVANZAR NA “DESCENTRALIZACIÓN”

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este martes a vontade do seu Goberno de avanzar en “descentralizar” o Grao en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) para que cada vez se imparta máis docencia fóra da capital. Así respondeu ao ser preguntado polos medios na Coruña sobre unha información publicada este martes en ‘Faro de Vigo’, acerca de que xefes de servizo do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo reclaman poder impartir o segundo ciclo de Medicina da USC ou, se non, impulsarán unha reclamación da titulación para a cidade olívica igual que xa fixo a Universidade da Coruña (UDC).

Alfonso Rueda entende que a postura dos facultativos vigueses “vai nesa liña” de “descentralizar” o grao xa existente, tal e como se acordou en 2015 e no que está centrado o grupo de traballo conformado por representantes do Goberno galego e do tres universidades públicas, que este xoves manterá unha nova reunión. “E eu espero que teña resultados”, agregou o presidente da Xunta. Rueda recoñeceu que o acordo de 2015, que pemitiu levar a docencia clínica de 6º curso de Medicina fóra de Santiago, “non se estaba desenvolvendo na súa totalidade” e que “había moito que mellorar”.

CONCERTOS UNIVERISDADES-SERGAS

Pero no medio desta polémica xurdiu un novo conflito en días pasados, despois de transcender que a USC adscribirá todos os centros do Servizo Galego de Saúde (Sergas), incluídos os de Vigo e A Coruña, á súa Facultade de Medicina por ser a única que hai en Galicia. O luns, o presidente da Xunta defendía o convenio con USC porque iso “non significa dar nada nin exclusividade de nada”, xa que as outras dúas universidades poderían facer o mesmo coas instalacións do Sergas. Precisamente, nesta mesma idea incidiu este martes o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

O Concello da Coruña acometerá un plan de actuación “pioneiro” para revitalizar os barrios

O Concello da Coruña acometerá un plan de actuación “pioneiro” para revitalizar os barrios “como motor de progreso urbano e cohesión social”. Contará cun investimento total de 125,3 millóns de euros.

“Nunca antes a cidade contara cun documento que ordena os investimentos públicos por distritos e define prioridades concretas en cada barrio”, expuxo a alcaldesa herculina, Inés Rey. Fíxoo durante a presentación do proxecto e recalcou que “o fai integrando visións políticas, técnicas e sociais”.

O Plan ten “carácter estratéxico”, inclúe “máis de 330 actuacións repartidas por toda a cidade” e estrutúrase en dúas fases, segundo dixo. A primeira abarca desde 2025 ata abril de 2027 e a segunda, de maio dese ano a decembro de 2028.

“Non é unha listaxe pechada é un documento dinámico que vai ir marcando a folla de ruta de maneira planificada, coherente, progresiva e equilibrada”, incidiu. Neste sentido, avanzou que “a partir de setembro haberá unha rolda de encontros en diferentes distritos para dar a coñecer o documento en detalle e recoller suxestións”.

AS XUBIAS

Así mesmo, a rexedora foi cuestionada sobre a actualización da proposta de convenio co fondo de investimento europeo Ginkgo Advisor para o desenvolvemento da rehabilitación integral de barrio das Xubias. Respecto diso, anunciou que “a previsión é poder levalo esta mesma semana a un pleno extraordinario que será previsiblemente o xoves 31”.

En concreto, entre as alegacións e propostas incorporadas, Inés Rey destacou a “posibilidade de aumentar ata un 20% a vivenda protexida na área”. “Esperamos que poida ser aprobada”, sinalou.

“É unha actuación integral nunha área degradada que se vai a facer con máximo respecto á historia dese núcleo, á identidade específica que ten esa zona e con criterios de máximo respecto pola contorna de sustentabilidade”, subliñou sobre este proxecto.

Primeiras críticas ante o desbloqueo do acordo co fondo de investimento suizo para a urbanización das Xubias

Coñece esta mañá a cidade, a través dunha nova filtrada á un só medio de comunicación, o desbloqueo do acordo con Ginkgo para levar adiante o proxecto urbanístico das Xubias. Un convenio que foi rexeitado polo pleno, pero que segundo La Voz quedaría desbloqueado e iría ao pleno esta mesma semana.

As primeiras críticas non se fixeron esperar. O PP critica a Inés Rey por seguir carecendo de transparencia con respecto ao acordo cun fondo estranxeiro en As Xubias. “Hai un ano, anunciou o acordo de súpeto, no verán, sen ningún tipo de diálogo cos veciños nin coa oposición. Agora, anuncia a través da prensa que o levará ao pleno de súpeto, no verán, sen ningún tipo de diálogo, e presenta a documentación uns minutos antes da reunión da comisión”, sinala Lorenzo.

“Inés Rey leva un novo acordo ao pleno sen cumprir coa moción aprobada por unanimidade en outubro de 2024, que pedía a súa suspensión e a aprobación da modificación do Plan de Actuación (PXOM) reducindo a edificabilidade na zona”, denuncia o PP.

Críticas de Sumar: “O litoral non é un negocio”

”Esta decisión política perpetúa un modelo urbanístico baseado na especulación, na falta de transparencia e na exclusión da veciñanza”, denuncia o movemento Sumar A Coruña tras coñecer a nova.

”Xa en xullo de 2024 o convenio foi asinado pola alcaldesa mediante Xunta de Goberno urxente e en pleno verán, nunha manobra máis propia da nocturnidade e oportunismo ca da transparencia. Un ano despois, o goberno local repite a mesma estratexia, acelerando a tramitación cando a atención cidadá baixa e o escrutinio público é menor”, critica o grupo.

”Tras meses de rexeitamento social e alegacións por parte de colectivos veciñais, organización sociais e forzas políticas, o goberno local opta por ignorar todas as advertencias e insiste nunha vergoña urbanística que exclúe o PXOM e entrega solo público sen planificación democrática. O convenio permite ao fondo privado construír en solo estratéxico sen reservas de vivenda protexida, sen límites á turistificación e sen garantir servizos públicos.”
A portavoz de Movemento Sumar Coruña, Trinidad Palacios, valorou así a situación: “A alcaldesa presenta isto como unha recuperación, pero o que se aproba é un convenio feito á medida dun fondo especulador”. Palacios tamén advertiu: “Queremos paseos e zonas verdes, si, pero non a cambio de expulsar á xente do barrio”, ao tempo que propón “suspender este convenio e retomar unha planificación pública, aberta e participativa para o barrio das Xubias”.

Máis novas

Análise: Que foi do interese xeral na reordenación urbanística da fachada litoral nas Xubias?

A veciñanza das Xubias e a plataforma cívica Defensa do Común presentan alegacións ao convenio de Ginko

O bronco pleno rexeita convenio co fondo de investimento para urbanizar as Xubias

 

Denuncian o silencio da promotora Bring The Noise cunha concentración a entrada do Morriña Fest

Varios colectivos, entre eles o colectivo BDS Galiza, sumáronse á convocatoria cidadá de concentración neste venres 25 de xullo ás 20:00 h na praza de Ourense, a carón do acceso ao festival Morriña Fest, para denunciar a negativa da promotora Bring the Noise a responder ás demandas éticas da sociedade civil palestina.
Esta protesta marcou o inicio dunha nova fase da campaña contra os festivais ligados ao fondo de investimento KKR, propietario último do Morriña Fest a través de Superstruct. A cidadanía comprometida busca “visibilizar a complicidade indirecta do festival co apartheid israelí e reclamar que as entidades culturais con financiamento internacional asuman criterios éticos básicos”.
“Silencio”
Nas últimas semanas, BDS Galiza tentou contactar sen éxito coa organización do Morriña Fest para propoñer unha reunión e presentar os catro mínimos éticos impulsados pola maior coalición palestina, liderada polo Comité Nacional Palestino de BDS e a Campaña para o Boicote Académico e Cultural a Israel (PACBI). Bring the Noise non respondeu a ningunha das comunicacións enviadas.
Pancarta contra Israel instalada nunha fachada de Linares Rivas en fronte do Morriña Fest
Pancarta contra Israel instalada nunha fachada de Linares Rivas en fronte do Morriña Fest
Este silencio resulta especialmente grave no actual contexto de xenocidio en Palestina, recoñecido por múltiples expertos da ONU e advertido polo Tribunal Internacional de Xustiza. Mentres tanto, cada vez máis artistas e festivais se posicionan: Residente cancelou as súas actuacións no FIB e no Morriña Fest precisamente pola súa vinculación con KKR, fondo directamente relacionado con empresas cómplices de crimes de guerra israelís. Tamén outras bandas como Califato 3/4, La Élite, Judeline ou Samantha Hudson retiráronse doutras edicións de festivais vinculados ao mesmo fondo.
Diante da pasividade do Morriña Fest, BDS Galiza chama á mobilización e á solidariedade da cidadanía galega.
Concentracion contra o Morrina Fesst de BDS

Chega o programa das Festas de María Pita

0

A unha semana de agosto, e esperando aínda o cartel do Festival Noroeste (aseguraron que se dará a coñecer “os vindeiros días”, o Concello vén de presentar a programación das Festas de María Pita, as festas máis importantes da cidade. Unhas festas que este ano ademais conmemoran este 2025 o 175 aniversario da súa orixe, en 1850.

A praza de María Pita será o gran escenario destas festas coa celebración das Noites de María Pita, a Semana Clásica e o Festival de Habaneras.

PROGRAMA_Festas-Maria-Pita_2025 copia

Noites de María Pita

Rosa Cedrón será a encargada do pregón deste 2025, que terá lugar o venres 1 ás 21.00 horas. Esa mesma Noite de María Pita comezará aos ritmos de Baiuca, un dos artistas galegos máis importantes do momento. O día 2 estará Bonnie Tyler, o día 3, Marina Reche, o día 4, Los Sirex e Los Rebeldes, e o día 5, Los40 Summer Live (Naiara, Chema Rivas, La Beba, Pikete, Lemot, Vicco, Paula Koops e Walls).
Xa o domingo 10 de agosto, despois do Noroeste, volverá a música a María Pita con Zahara. O 11 será a quenda do espectáculo Rock en Familia, o 12 celebrarase o xa anunciado homenaxe a Sito Sedes coa orquestra Los Satélites, o 13 actuará Uxía, nunha actuación especial con numerosos convidados, e o 14 celebrarase Locos por la Música, con Nacha Pop, Cómplices, No me pises que llevo chanclas, Melocos, Javier Ojeda (Danza Invisible), Soraya, La Poptelera e DJ Cherry Coke.
Pecharán o ciclo Coti o domingo 17 e Vega o luns 25 de agosto.

Mostra dos Carteis

Para conmemorar o 175 aniversario das festas, instalarase desde o día 1 no Obelisco a mostra ‘As Festas de María Pita a través dos seus carteis’, con 40 carteis emblemáticos que reflicten o espírito dos tres séculos nos que se celebraron. Do 18 ao 31 de agosto a exposición poderá visitarse en Marineda City.

Habaneras e Clásica

Este ano celébrase o 40 aniversario do Certame de Habaneras, pasará a celebrarse no no escenario da praza de María Pita, do mércores 6 ao sábado 9, ás 19.30 horas.
A Semana Clásica dará comezo o mércores 20 coa actuación da Orquestra GAOS co cantautor Pedro Guerra como convidado especial. O xoves 21 actuará a Orquestra de Cámara Galega, o sábado 23 será a quenda da Orquestra Sinfónica de Galicia e o domingo 24 pechará o ciclo a Banda Municipal de Música da Coruña.

Viñetas

Ademais, do 11 ao 19 celebrarase unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, festival internacional de banda deseñada e referente do sector, que contará con
máis de 70 autores e autoras, 20 exposicións, 35 editores/as e libreiros/as e máis de 100 actividades. A programación será anunciada tamén nos vindeiros días.

Romaría de Santa Margarida

A Romaría de Santa Margarida terá lugar do 28 ao 31 de agosto e xa están á venda as entradas para o concerto de Gala i Ovidio, que abrirá a programación que se
anunciará ao completo máis adiante.

Feira do Libro e MostrArt

Desde o venres 1 ata o domingo 10 celebrarase nos xardíns de Méndez Núñez unha nova edición da Feira do Libro da Coruña. Por outra banda, do 14 ao 31 terá lugar a Feira do Libro Antigo e de Ocasión.

Tamén se celebrará neste espazo a edición número 41 de Mostrart, a feira de artesanía máis importante de Galicia, que se prolongará durante todo o mes de agosto e contará con máis de 60 obradoiros artesáns.

Festival Internacional de Folclore e Beatout Week

O Festival Internacional de Folclore este ano terá lugar no Campo da Leña, do mércores 13 ao domingo 17. O sábado 16 celebrarase unha xornada especial na praza de María Pita.

Súmase á programación o evento de música urbana Beatout Week, que se celebrará no auditorio de Santa Margarida do 21 ao 23 de agosto.

A batalla Naval

O 15 de agosto terá lugar a tradicional Batalla Naval nas praias do Orzán e Riazor.

Festas nos barrios

Durante o mes de agosto non cesarán as festas nos barrios da cidade. Do 15 ao 17 de agosto celebrarán os seus festexos os veciños de Oza-Gaiteira-Os Castros. Haberá, o sábado 16, un evento especial no Parque Europa que levará por nome Lembranza Rock e contará coas actuacións de Sés, Ruxe Ruxe e Rebeliom do Inframundo.

As festas do Castrillón terán lugar do mércores 20 ao venres 22 e contarán coa actuación estelar de Tam Tam Go! o xoves 21 na praza de Pablo Iglesias.

Do venres 22 ao domingo 24 celebraranse os festexos da Sagrada Familia no parque de San Rosendo e a súa contorna e o sábado 23 terán lugar as festas de Pedralonga no aparcadoiro da Fábrica de Armas.

 

Máis novas

Primeiras queixas pola tardanza na publicación do programa das Festas de María Pita e do Noroeste

Denuncian despedimentos na planta de Resonac na Coruña e convocan un calendario de protestas

O comité de empresa de Resonac Graphite na planta da Coruña denuncia que a compañía realizou sete despedimentos o pasado 14 de xullo, polo que convoca un calendario de protestas.

Nun comunicado, o comité mostra o seu desacordo “coa forma en que se produciron” estes despedimentos, xa que considera “especialmente doloroso que, nesta ocasión, non se contou coa parte social para explorar alternativas que puidesen evitar estas saídas forzosas”.

Entendemos as dificultades polas que atravesa a organización. O negocio dos eléctrodos de grafito experimentou nos últimos anos unha forte presión por parte do mercado, marcada por unha caída continuada de prezos e por prácticas de dumping por parte de provedores chineses, que afectaron gravemente á competitividade do sector. Con todo, non compartimos nin o fondo nin as formas desta decisión”, explica.

Lembra a súa “disposición ao diálogo” a través de “diversas propostas e medidas co fin de minimizar o impacto no emprego e protexer aos traballadores”. “Lamentablemente, a resposta por parte da dirección foi negativa”, quéixase. No entanto, reitera a vocación de diálogo futuro coa dirección.

Así mesmo, os representantes dos traballadores nesta planta –que conta con máis de 200 empregados– anuncian un calendario de protestas. Haberá paros na fábrica e concentracións na entrada que se iniciarán o 30 de xullo, mércores (de 12,00 a 13,00 horas). Estas mobilizacións continuarán os días 6, 13 e 20 de agosto.

A EMPRESA

Por parte de Resonac trasládase a Europa Press que o negocio de grafito “atravesa un contexto complexo marcado pola situación actual do mercado”, “nese marco viuse a necesidade de tomar decisións operativas para adaptarse a estas condicións”.

A compañía asegura que “mantivo, mantén e manterá” un dialogo “aberto e construtivo” con representantes dos traballadores con “responsabilidade e respecto” ás persoas.