Inicio Blog Páxina 207

As/os traballadoras/es do CHUAC volveron manifestarse “Por un entorno seguro no traballo”

Nova mañá de mobilizacións a deste xoves 20 de febreiro no CHUAC. Un cento de profesionais secundaron a convocatoria da Comisión de Centro do CHUAC para seguir defendendo a necesidade de poñer en marcha medidas “extraordinarias e urxentes” contra as agresións a persoal sanitario.

Cos lemas “Por un entorno seguro no traballo” e “Stop Agresións”, lembraron que a situación é a mesma que o 3 de febreiro, cando aconteceu a agresión en Urxencias, e que seguen esperando unha reunión coa Xerencia da Área Sanitaria, trala presentación de varios escrito.

A concentración volveu dar a volta ao Hospital con arengas pedindo a “dimisión” da Xerencia pola “mala xestión”.

Sanitarios concentrandose no CHUAC contra as agresions

As medidas esixidas

Solicitan medidas de inmediata implantación como:

  • Apresenza permanente de dous gardas de seguridade 24 h,
  • Sistemas de alerta rápidos mediante botóns do pánico (en controis, salas de información e admisión, nos boxes onde se atenden ós doentes e a través do sistema informático ) e pulseiras do pánico,
  • Vixilancias individualizadas cun único paciente por profesional,
  • Os traslados dos doente axitados/agresivos serán con acompañamento de seguridade en todo momento con ratios de persoal na unidade adecuados,
  • A desaparición dos boxes de contención.
  • A designación dunha zona segura para atender estes doentes,
  • Especialistas en psiquiatría de presenza física 24 h,
  • Redución dos tempos de permanencia ós doentes de saúde mental,
  • Crear e publicitar os protocolos para garantir a seguridade e saúde de doentes e profesionais,
  • Formación para todo o persoal,
  • E recursos suficientes para poñer en práctica estes protocolos…

Máis novas

A Comisión do CHUAC critica, na previa dunha nova concentración, os novos recortes de persoal

A xunta de persoal do Chuac solicita ante Sanidade o cesamento do xerente tras “anos” denunciando “falta de seguridade”

“O Xerente da Área Sanitaria non sabe falar c@s traballador@s”

O colectivo sanitario sae á rúa para esixir “un traballo seguro”

O persoal sanitario concéntrase no CHUAC en apoio aos dous agredidos e esixindo máis seguridade

Marta Bobadilla (ACLAD): “Os centros de drogodepencias deberían estar integrados no SERGAS de forma real”

  • ”A drogodependencia, como calquera outra enfermidade, non atende a estratos sociais”.
  • ”Cocaína e cannabis son as problemáticas máis importantes, a día de hoxe, constatando unha baixada na idade dos consumos”.
  • ”Si que hai unha alarma social pero aquí ás demandas que recibimos son puntuais, e non son dos que se compra nas rúas.”

— — —

Moito se fala de drogas na cidade da Coruña, e para coñecer de preto a situación real, facemos parada no ACLAD, a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga. A entidade xestiona a única Unidade Asistencial de Drogodependencias da cidade da Coruña e da área comarcal, dende un curruncho agochado do Polígono da Grela, na rúa Ermida.

E tivemos a sorte de manter unha longa e interesante conversa con Marta Bobadilla, Coordinadora de Traballo Social do centro asistencial. Traeremos unha serie de análises sobre as 4 principais problemáticas sobre adiccións ás drogas que temos nas rúas da cidade (cannabis e cocaína, fundamentalmente, pero tamén sobre heroína e a nova mefedrona), pero antes, traemos unhas conclusións importantes a nivel estrutural e sobre os mitos que rondan as nosas rúas.

SERGAS?

Á nosa pregunta sobre a ubicación, Bobadilla prefire redirixir o enfoque.Eu creo que os centros de drogodependias deberían estar integrados no SERGAS de verdade. Estamos integrados funcionalmente pero…”, sinala con rotundade.

Ao longo da conversa, Bobadilla recorre constantemente a un paralelismo moi simbólico entre a súa miopía e a drogodependencia, entendendo que ambas deben ser tratadas ambas como unha enfermidade normal: Creo que o enfermo drogodependente debería estar cuberto dentro do Sergas. Paréceme algo discriminatorio co resto pacientes. Ti tes unha dermatitis e vas ao Sergas, pero aquí dependes de entidades”.

Porque o funcionamento deste centro é como unha especie de concesión: a Xunta subvenciona estas unidades de drogodependencia e conductas adictivas, que pertencen a entidades; se ben nalgún concello como Carballo son de dependencia municipal.

”Eu utilizo a axenda do Sergas pero realmente pertencemos a unha ONG, no noso caso ACLAD, que recibe axudas e doutras entidades. O meu contrato é con ACLAD, non co Sergas”, lamenta.

Así e todo Bobadilla lembra a importancia do servizo, que ofrece a “atención integral”, e que ao entrar un paciente o primeiro que fai e entrevistarse cunha psiquiatra, unha psicóloga e unha traballadora social. A partir de aí é cando se formular o itinerario para un tratamento paulatino. E aí reside a importancia dun servizo coma este. “Se lle pido a unha persoa que está na rúa que deixe de consumir, que vai pasar? Vas fracasar, hai que ir marcando obxectivos. Igual hai que comezar por poñer en orde os papeis, conseguir solución habitacional… e cando estea algo estable, podemos probar coa abstinencia, tendo en conta ademais que o máis difícil é non recaer”.

Perfil habitual moi distinto

Sobre o habitual, Bobadilla explica: “Ás veces temos na cabeza como perfil de drogodepente o heroinómano de antes. Agora non é así. Hai que quitar esa visión. Esa é a parte que máis chama a atención. Te sorprendería o que son”, sinalando que a día de hoxe pode haber xente con diversidade de profesións que teñen que acodir a este servizo. A drogodependencia, como calquera outra enfermidade, non atende a estratos sociais”.

”Hai moitos con dificultades sociais, porque o mundo das drogas te vai arrastrando nun camiño que te provoca que vaias deixando moitas cousas da vida, a nivel social, laboral, familiar, de saíde… Vai comendo moitas cousas da túa vida, e á hora de intentar volver (teño débedas, teño xustiza…) tes moito que traballar, e aí é cando te das conta necesitas axudas.
Tamén hai xente que deixou o seu traballo, deixou a formación a medias… por culpa das drogas e ao final vese con necesidade de axuda. O consumo arrastra
.

Panorámica de consumos

Facendo unha panorámica xeral sobre o consumo de drogas na cidade, fai incidencia nos “novos pacientes que se dan de alta en ACLAD”, porque reflicten moi ben o que “hai na rúa”.

  • XdC: A nivel xenérico, e facendo unha panorámica dos últimos 35 anos que levas traballando. Estamos mellor ou peor en materia de adiccións ás drogas?

En canto a consumos, eu creo que é distinto. Houbo unha evolución nos consumos. As substancias dos 80-90 ás de agora son moi distintas. Antes eran moitos consumidores de heroína inxectada, e hoxe en día existen eses pacientes, pero o paciente novo fundamental que demandan tratamento hoxe en día (e tamén e os pacientes crónicos que aínda seguen aquí), teñen un perfil doble: consumidores de cocaína ou consumidores de hachis, que entre os dous son o 80 e 85%. Segue habendo heroína pero os novos non son eses.

Logo hai outro perfil dende hai uns anos, é que hai unha baixada na idade de inicio importante. Os de cannabis sobre todo, demanda de tratamento de menores de idade, mentres que os consumidores de cocaína chegan algo máis maiores. Hai 20 anos un chico de 15 anos era excepción. Hoxe en día é habitual, se chega un chico de 15 anos non me chama a atención.

Fentanilo, “puntual”

Afondaremos na segunda parte da entrevista con ela máis sobre este tipo de consumidores, pero Bobadilla lembra que “O fentanilo é puntual. Non podo dicir que non haia fentanilo, e de feito é verdade que hai certa alarma social, só podo dicir o que recibo, pero que non o recibamos si é un reflexo”.
E fai unha visual á súa cartilla: “Teño diante unha páxina ao azar con 25 pacientes, 1 só comezou tratamento por opiáceos (heroína); 11 por cocaína; 10 por cannabis.
Hai algún inicio de tratamento de MDMA, extasis, mefedrona, benzodiacepinas… pero son puntuais, como o fentanilo”.

Sobre o Fentanilo explica “si chega algún paciente puntual, pero non é un fentanilo que estea comprando na rúa; apenas algún paciente que necesitou algún tratamento, por exemplo para unha dor de costas, e que quedou aí, e se lle vai das mans, pero para nós, non é unha alarma social. Ademais, é un tratamento puntual e facilmente tratable”.

Continuará…

 

‘A Paca’, choqueira do Antroido da Coruña do 2025

O ano pasado a protagonista foi Susa da Cabeza, e este ano a Choqueira do Entroido é “A Paca”. O personaxe á que da vida José Ángel Gago é a protagonista do cartel do Entroido 2025, e ademais terá a súa placa na rúa de San Xosé, como outros moitos históricos da nosa festa.

Paca Choqueira do Entroido 2025 Coruna.jpg

Natural de Santiago e de familia de Rianxo, José Ángel Gago (1972) comezou a disfrazarse
e participar no antroido coruñés na súa etapa no instituto de Someso, onde gañou o terceiro premio co seu disfrace de asistenta. Gago disfrazouse sempre de personaxes femininas, como serea, policía, anxo, demo ou vixiante da praia, ata asentarse caracterizado como ‘A Paca’.

A súa visita, acompañada dunha comitiva entroideira, serviu para presentar o completo programa de actos, que podedes descargar nesta ligazón.

COMPLETO PROGRAMA

Programa do Antroido da Coruña 2025 copia
Imaxe do Programa do Antroido da Coruña 2025

O programa vai do sábado 22 de febreiro ao  mércores 5 de marzo.
Este sábado, Palexco acollerá a partir das 18.00 horas o concurso de comparsas, na  modalidade de música e letra, en Palexco. Os convites estarán dispoñibles este venres a partir das 11.00 horas no
despacho de billetes da praza de Ourense e o propio sábado, en caso de quedar localidades dispoñibles, na propia billeteira de Palexco. A gala será presentada por segundo ano consecutivo por David Amor. A comparsa gañadora actuará no acto de entronización do Deus Momo, do vindeiro venres 28 no Obelisco.

Por outra banda, o concurso de comparsas na modalidade de vestiario, coreografía, orixinalidade e carrozas será o sábado 1 de marzo a partir das 18.00 horas. En total, hai 27 comparsas e agrupacións inscritas nos diferentes concursos.

A próxima semana terán lugar dúas homenaxes dentro da programación municipal do Antroido. A primeira será a que se fará ás Mulleres das Atochas o Xoves de Comadres, cun percorrido que partirá ás 20.00 horas da praza Coro Cantigas da Terra ata María Pita e no que se lembrará a figura destas mulleres anarquistas.

Homenaxe aos Os Maracos

Por outra banda, o venres 28 ás 13.00 horas celebrarase o acto de colocación dunha nova lousa no Andar do Antroido, na rúa da Torre. Nesta edición renderase homenaxe aos Maracos por ser a comparsa máis veterana.

O Antroido nos barrios

Os 28 de febreiro, 1, 2 e 3 de marzo haberá obradoios infantís e festas nos barrios de San Pedro de Visma, Novo Mesoiro, Cidade Vella, Palavea, San Diego, Santa Lucía, Feáns, Castro de Elviña, Monelos, Monte Alto, Os Rosales, Eirís, Labañou, Os Mallos, Artesáns, Pescadores, A Silva, Sagrada Familia, Novoboandanza e O Castrillón. As persoas interesadas en asistir poderán informarse e inscribirse a partir deste venres 21 nos propios centros cívicos.

O Gran Martes de Antroido

O Campo da Leña e na Rúa da Torre acollerán os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Haberá, ademais, unha actuación musical de Broken Peach ás 21.00 horas para pechar unha xornada na rúa da Torre que coma sempre, renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Nito, Cantero, Canzobre ou Palau.
Antes, ás 13:30h, procederase á colocación da placa do Entroido.

Máis novas do Entroido

Dicionario antroideiro coruñés (II) A chistera marabillosa do señor Canzobre

Dicionario Antroideiro (I): Momento Coruñento

Co grelo na man, a flor do Carnaval!!

Hoxe arrinca o festival Norte Cinema Diverso

Hoxe, xoves 20 de febreiro, arrinca no Teatro Colón o festival Norte Cinema Diverso. Organizado poal asociación Palestra, a cinemateca Pedro Zerolo e o concello da Coruña, e coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual e a Universidade da Coruña, o primeiro festival LGTBQ+ de Galicia traeácidade 17 títulos que se proxectarán de aquí ao sábado.

Fernando Cayazzo, director do Norte Cinema Diverso, comenta que “é o ano do T. Queremos darlles ás persoas trans a voz que merecen. En Norte Cinema Diverso este ano veremos moitas historias que nos achegarán as distintas realidades trans”.

Capitanes, unha curtametraxe ambientada no transcurso dunha intensa semifinal da Copa do Rei de fútbol, inaugurará, ás 21:hh esta terceira edición do festival Norte Cinema Diverso. Unha cita que serve para celebrar o Día Internacional contra a LGTBIfobia no deporte. A curtametraxe denuncia o silencio que condiciona a vida pública dos futbolistas homosexuais.
De seguido,verase a curta arxentina House, a primeira das pezas do festival cunha protagonista trans.

A primeira sesión rematará coa proxección do filme portugués Fogo-Fátuo, do director João Pedro Rodrigues. É unha comedia, con toques de musical, un tanto delirante: conta como o rei de Portugal, xa moribundo na segunda metade do século XXI, lembra que de novo, cando aínda era príncipe, quería ser bombeiro. Fogo-Fátuo recibiu o premio especial do xurado do festival de Sevilla.

Durante os tres días do Norte Cinema Diverso proxectaranse tres longametraxes, outros tantos documentais e once curtametraxes.

Programa e entradas

 

View this post on Instagram

 

A post shared by NCD (@norte_cinema_diverso)

As entradas custan tres euros e pódense retirar en ataquilla.com ou no despacho de billetes ás portas do teatro. A sesión de curtametraxes da mañá do sábado será de balde.
Entre todas as curtas seleccionadas para o festival elixirase, por parte dun xurado profesional, a gañadora do premio Trini Falcés, que levará o xa tradicional zoco da diversidade elaborado pola artesá Elena Ferro, este ano coas cores da bandeira do xénero non binario.

 

Máis novas

O NCD Educa é “moi necesaria porque hai persoas que se ven oprimidas e necesitan que a súa realidade se normalice”

NCD, o primeiro festival de cine LGTBIQ+ de Galicia, abre fronteiras e pon o colectivo trans no foco

A Liga dictará se sairá o arco da vella por Riazor

Detido un empresario coruñes que tiña 14 traballadores sen dar de alta para realizar obras por toda Galicia

0

Un empresario da Coruña foi detido por ter 14 empregados, todos de orixe brasileira, que carecían de contrato, traballan sen estar de alta na seguridade social e, ademais, realizaban longas xornadas de 12 horas polas que obtiñan un salario menor ao establecido. O arrestado, que se enfronta un delito contra os traballadores, era o responsable dunha empresa de obras que captaba ás vítimas en Brasil para traelos a España e empregalos de forma irregular, segundo repasa a Policía Nacional nun balance sobre a bautizada como operación Ipanema trasladado aos medios este xoves.

Á súa chegada a España, eran distribuídos por pisos compartidos polos que tiñan que abonar a renda de cada habitación ao detido, que organizaba cuadrillas para levar a cabo traballos de rehabilitación e impermeabilización de fachadas por toda a xeografía galega. As xornadas de traballo prolongábanse por enriba das 12 horas e eran compensadas economicamente con salarios por baixo do establecido por norma, ademais de expolos ao perigo de realizar traballos en altura cando non contaban con seguro de ningún tipo.

A investigación policial, levada a cabo polo Grupo 2 da UCRIF da Coruña, derivou nun dispositivo conxunto coa Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social, onde foron identificadas dezasete traballadores da empresa en cuestión, dos que catorce deles non se atopaban dados de alta na Seguridade Social. O detido enfróntase a de seis meses a seis anos de cárcere e sancións que oscilan entre os 3.126 aos 10.000 euros por cada traballador sen asegurar.

Inés Rey reclama unha mesa de coordinación aeroportuaria autonómica

0

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, demandou unha mesa de coordinación aeroportuaria de carácter autonómico. “Debería porse en marcha e ofrecer unha verdadeira política aeroportuaria con visión de país no tres aeroportos galegos”, insistiu.

A preguntas dos xornalistas, tras a presentación da programación do Entroido da cidade herculina para este ano, sobre a actividade de Alvedro, a rexedora indicou que o consistorio continúa “traballando en dinamizar e mellorar as conexións que existen”.

Respecto dos voos ofertados por outros aeródromos e o posible traslado de viaxeiros, sinalou que non o considera “unha cuestión para alarmarse”. “Canta máis variedade de destinos ofrezan os aeroportos que teñamos preto, mellor para todos”, apostilou.

Cuestionada trambién polos novos pregos de condicións do servizo de xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, na Coruña, remitiu ao “compromiso” adquirido co Consorcio dás Mariñas. “Os pregos están preparados xa para saír”, sentenciou.

Traballadoras de escolas infantís municipais da Coruña piden ás familias que se sumen ás súas mobilizacións

Traballadoras de escolas infantís municipais na Coruña están a levar a cabo unha repartición de follas informativas entre as familias da Rede de Escolas Municipais (composta polas 8 escolas privadas que traballan en réxime de concesión: Cativos, Luís Seoane, Roseiras, Caracola, Agra do Orzán, Arela, Montealto e Carrianta) para dar a coñecer as súas reivindicacións laborais e en demanda tamén de “a mellora da calidade educativa”.

Xa percorreron 3 centros (Roseiras, Cativos e Caracola), repartindo 200 panfletos, recibindo “moi boa acollida” por parte das familias. “Como levamos tempo mobilizadas, as familias están ao tanto da precariedade das traballadoras e situación das escolas… polo que se amosan moi agradecidas/os pola información e non entenden como nin nos reciben e escoitan como mínimo”, explica Henrique Gafcía, da CIG Ensino.

Nos panfletos explican teñen uns “salarios precarios no SMI que fai difícil chegar a fin de mes” e que padecen “unha sobrecarga de traballo insustentable”, pedindo unha baixada de ratios, e unha mellora de horarios para poder conciliar, sendo elas mesmas as responsables de permitir conciliar a milleiros de familias da cidade. Lembran ademais que o 100% do seu horario é de horas lectivas, e que non teñen tempo para preparar as clases, reiterando que son “educadoras, non coidadoras”. 

Ademais, informa a CIG, fan un chamamento a toda a comunidade educativa para que se somen á concentración convocada para o vindeiro martes, 25 de febreiro, ás 18.30 horas, na praza de María PitaBaixo a lema ‘Por un 0-3 de calidade e un salario digno‘.

 

Máis novas

As traballadoras da Rede de Escolas Infantís Municipais sacan a careta a Borrego

As traballadoras das Escolas Infantís Municipais esíxenlle a Borrego mellores condicións

A Liga dictará se sairá o arco da vella por Riazor

  • O Dépor masculino agarda o beneplácto de Javier Tebas para reivindicar a diversidade sexual e de xénero no deporte

— — —

Dende o ano 2010, cada 19 de febreiro conmemórase o Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte, unha data que busca concienciar á sociedade sobre a importancia do respecto en todas as disciplinas deportivas.

Co gallo de dita conmemoración, a Agrupación Deportiva Ibérica LGTBI+, que reúne entre España e Portugal a máis de 6.000 deportistas, lanzou en 2023 o Informe Observatorio, no que denunciaban que o 66% das persoas entrevistadas sufriran LGTBIfobia.

A pesar de que transcorreron dous anos é moi probable que esa cifra non mudase, polo que a Liga F, durante a fin de semana do 15 e o 16 de febreiro, puxo en marcha a campaña Amor Por Los Colores, sacando adiante importantes iniciativas como repartir cordóns coa bandeira do arco da vella para que todas as xogadoras, árbitras, xornalistas e afeccionados puideran sumarse á acción.

A iniciativa tivo unha gran acollida no Estadio Municipal de Riazor, onde o Dépor Abanca recibiu ao Atlético de Madrid ante a atenta mirada de 1.570 persoas.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Dépor ABANCA (@rcdeportivofem)

 

Un xesto celebrado pola Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña (ALAS). “Iniciativas como as da Liga F son moi positivas para visibilizar e normalizar algo que existe dentro de todas as categorías de todos os equipos. Hai que seguir facendo fincapé para sensibilizar a xogadores, xogadoras e as diferentes áreas que compoñen un club profesional”, explica a súa presidenta, Ana G. Fernández.

A dúbida encóntrase en saber se o Dépor poderá replicar unha iniciativa semellante  en Riazor o vindeiro domingo, 23 de febreiro, día no que se enfrontará ao Huesca. “É un tema complexo, sobre todo ao estar en xogo contratos e patrocinios televisivos”, apunta Rafa Carpacho, recoñecido traballador do departamento de comunicación.

O motivo radica en que cando se chega ao fútbol profesional “é a Liga a que decide as causas que se van apoiar”, apunta Carpacho. Aínda así, dende o RC Deportivo esperan que a entidade dirixida por Javier Tebas dea luz verde á celebración do Día Internacional contra a LGTBIfobia no Deporte. “A nós, dende logo, gustaríanos participar. Xa o fixemos en Primeira Federación vestindo calcetíns ou cordóns co arco da vella”, finaliza Rafa Carpacho.

Non obstante, a grandes nomes da loita contra a LGTBIfobia da cidade, como Fito Ferreiro, un dos fundadores de ALAS e codirector do festival Norte Cinema Diverso, preocúpalle a posición que poida tomar Zakaria Eddahchouri, reforzo invernal do Dépor que se negou a vestir a camiseta do arco da vella no seu ex equipo, o Telstar Velsen de Países Baixos. “En pleno século XXI dóeme que o meu equipo incorpore a un personaxe LGTBIQfobico ao seu plantel. E máis en febreiro, que é o mes de loita contra a LGTBIQfobia no deporte”, publicaba na rede social Facebook.

En outubro de 2023, o Telstar xogou toda a campaña cunha camisola en apoio ao colectivo LGTBIQ+ defendendo que “o fútbol é para todos, independentemente da súa orixe cultural, cor de pel, raza, preferencia sexual ou relixión”.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Telstar (@telstar1963nv)

Para sorpresa do Telstar, a algúns dos seus xogadores a idea non lles convenceu. Entre eles, atopábase o actual xogador branquiazul, Eddahchouri. “Esta temporada, catro dos nosos Leóns prefiren non usar este uniforme. A inclusión tamén é respectar esta elección”, declarou contrariado o conxunto neerlandés nun comunicado.

A Liga, ao ser preguntada sobre a problemática da LGTBIfobia no deporte, aclarou que seguirá dando pasos cara adiante na súa misión de “erradicar o odio nos estadios” coa coñecida iniciativa LaLiga VS Odio, que busca que os clubs promovan “a tolerancia e o respecto”.

Justin Fashanu, o pioneiro

En Europa, Justin Fashanu foi o primeiro futbolista recoñecido pola súa habilidade no céspede que se declarou publicamente homosexual. O calendario marcaba o ano 1990.

Campañas atrás, en 1981, Fashanu fora o protagonista dos principais xornais deportivos ao converterse no primeiro xogador negro da Premier League en ser transferido por un millón de libras.

Na tempada anterior, Justin amosara todo o seu potencial nas illas. Transformárase nun dos piares da selección inglesa sub 21 e asinara un fermoso tanto ante o Liverpool defendendo o escudo do modesto Norwich City. As súas actuacións non pasaron desapercibidas para o Nottingham Forest de Brian Clough, considerado un dos mellores adestradores da historia do Reino Unido, quen pediu á directiva que se fixera cos seus servizos.

O paso de Fashanu polo Forest foi efímero. Clough reprochou publicamente a súa nova incorporación a costume de frecuentar locais de ambiente e apartouno do equipo. Tras unha improdutiva cesión ao Southampton, marcada polos rumores da súa homosexualidade, o dianteiro foi vendido por 150.000 libras ao Notts County.

Farto da situación, en 1990 Justin Fashanu concedeu unha entrevista a The Sun na que recoñeceu a súa homosexualidade. A verdade só lle serviu para non asentarse en ningún club, chegando a vestir dez camisetas diferentes.

Pero o verdadeiro inferno agardábao en Estados Unidos. Mentres loitaba por apurar a súa carreira deportiva en equipos menores, en 1998 un menor de idade denunciouno por abuso sexual. Tras declarar ante a Policía, foi posto en libertade. Antes da celebración do xuizo Fashanu voltou a súa terra natal, Inglaterra.

O 2 de maio de 1998, o corpo sen vida de Justin Fashanu foi atopado nun garaxe de Shoreditch, Londres. O que fora unha das grandes promesas do fútbol inglés decidira aforcarse. “Xa fun considerado como culpable”. Meses despois, a Policía estadounidense desestimou a denuncia contra Justin Fashanu por falta de probas.

Para tentar limpar o seu nome, dende o 19 de febreiro de 2010 celébrase o Día Internacional contra la LGTBIfobia no Deporte, data na que nacera o futbolista.

  • Miguel Gómez Longo (@gomezlongo4) Graduado en Xornalismo; Mestrado en Protocolo e Organización de Eventos; Mestrado en Comunicación Deportiva.

Outros artigos de Miguel Gómez Longo

O colectivo LGTBIQ+ reclama o apoio das marcas máis alá do mes de xuño

O deporte, unha fonte de LGTBIfobia

 

Outras novas

NCD, o primeiro festival de cine LGTBIQ+ de Galicia, abre fronteiras e pon o colectivo trans no foco

Abre na Coruña o ‘Espazo Avenida’ de Abanca, un novo edificio corporativo situado nun antigo cinema

0

Abanca dispón dunha nova sede na Coruña, Espazo Avenida, situado no edificio do antigo cinema do mesmo nome e que albergará o seu novo centro corporativo na cidade. Foi tras a rehabilitación integral do inmoble, cun investimento de 25 millóns de euros.

Así se expuxo na presentación aos medios de comunicación por parte de representantes da entidade, antes da inauguración oficial pola tarde — con presenza do presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o CEO da entidade Francisco Botas — e de cara á posta en marcha xa o luns de parte das oficinas situadas no inmoble.

Na presentación, Gerardo Fortes, director executivo de Territorios e Redes de Abanca, incidiu no traballo realizado para manter materiais orixinais pero tamén para crear un “espazo moderno” destinado a un contido “financeiro e empresarial” ao que se sumarán outras iniciativas.

“Un centro de creación de iniciativas, que permita o desenvolvemento da cidade e que todos os clientes sentan orgullosos”, algo que fixo extensivo aos e as coruñesas.

Pola súa banda, Óscar Salgado, director territorial Coruña de Abanca, remarcou que se trata dun espazo baseado nos dous principios da entidade: “proximidade e situar ao cliente como centro das decisións”.

Expúxoo en relación a un edificio con oficina comercial e espazos abertos na planta baixa e na que traballarán dez persoas para atender a colectivos como pemes e emprendedores, pero tamén cunha distribución de salas para distintos traballos vinculados coa actividade financeira no resto de plantas do inmoble, ata oito.

Así, haberá unha planta con persoal dedicado ao ámbito da xestión de empresas a outras para celebración de reunións. Todo iso con salas con nomes de creadores galegos e con cadros que forman parte da colección da entidade.

OBRAS

Respecto da actuación realizada, Pilar Ceide, xerente de Proxectos da área de Inmobles de Abanca, explicou que o proxecto comezou en 2018 con inicio das obras en 2022.

“Dous anos e medio de intensa obra”, sinalou para remarcar o traballo que implicou o “reforzo estrutural” dun edificio que era residencial na parte superior e que albergou o Cinema Avenida ata o posterior peche do inmoble na década do noventa, cun incendio en 1998.

Ademais, afirmou que o obxectivo é que o espazo albergue espazos de traballo, sen esquecer a sustentabilidade, e destacou a incorporación de bidueiros e helechos. A iso, sumou a “innovación”, empezando por un avatar que recibe aos clientes e interactúa tamén.

CARACTERÍSTICAS

O emblemático inmoble deseñado polo arquitecto Rafael González Villar foi inaugurado en 1941 e atopábase en desuso desde 1998. En 2018 encargouse o deseño do proxecto inicial a Elsa Urquijo Arquitectos e en 2022 comezaron as obras, que se prolongaron ata decembro de 2024. Nelas participaron unha trintena de empresas, baixo a dirección de obra de Carmen Bermúdez de Castro e a dirección de execución material de Francisco Lopez Mouzo.

As novas instalacións contan cunha superficie útil de 3.228 metros cadrados e estarán dedicadas á actividade financeira e comercial. Albergarán unha oficina retallista, unha oficina de empresas, a sede da Dirección Territorial Coruña e acollerán tamén os diferentes equipos que dan soporte ás áreas de negocio do banco.

Ademais, será un espazo aberto á sociedade que poderá servir de punto de encontro para empresas ou particulares, clientes ou non clientes de Abanca que organicen eventos, reunións, charlas ou presentacións. Con iso, a entidade remarca que quere contribuír “a promover a dinamización do tecido empresarial, a innovación, a creatividade e o crecemento económico desde unha das zonas privilexiadas da cidade”.

Por outra banda, o novo centro incorpora a tecnoloxía máis avanzada para pór ao servizo da clientela, os equipos de traballo e toda a cidadanía espazos confortables á vez que útiles e funcionais.

Desde o exterior pódese apreciar un dos elementos máis diferenciais: o escaparate experiencial. Esta pantalla permite unha visualización de gran impacto e utilizarase para emitir contidos interactivos que permitan ao espectador unha inmersión na experiencia de marca.

A continuación, na entrada á oficina, atópase Agustín, un avatar de Intelixencia Artificial en formato acomodador que ofrecerá información sobre os produtos e servizos de Abanca. Incorpora tamén as funcionalidades de xestor de citas, establecendo unha nova forma de relación do banco coa súa clientela.

A Comisión do CHUAC critica, na previa dunha nova concentración, os novos recortes de persoal

0

Este xoves 20 de febreiro hai nova concentración dos sanitarios ás portas do CHUAC para esixir os protocolos de seguridade.

Pero a Comisión de Centro do CHUAC vén de xa entregar un novo escrito por rexistro no que critica que ata hoxe non houbo negociación algunha coa Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee. Critica ademais a “Xerencia emprega a política sanitaria dos recortes deixando as unidades a mínimos, a pesares de ser a área sanitaria con peores ratios profesional/doente”.

Explican que “a nova modalidade da Xerencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee consiste en impoñer ó seu persoal as carteleiras do ano 2025 sen planificar e desenvolver cos órganos de representación como recollen as instrucións da Dirección Xeral de RRHH do SERGAS en base ó acordo de 20 de abril de 2023”.

35 horas?

A Comisión de Centro denuncia “a redución de recursos humanos que pretende implantar a Xerencia na área sanitaria da Coruña, minguando a calidade asistencial a prol do aforro e sen ter en conta que as doenzas non entenden de festivos”.

Lemran que ” acordo para implantar a xornada de 35 h semanais consiste en aumentar o número de traballadoras/es mantendo en todo momento a calidade asistencial, como así anunciou en prensa o conselleiro de sanidade no mes de outubro do 2024 (“incremento de 523 profesionais para reducir a xornada laboral ata as 35 horas semanais no Servizo Galego de Saúde”). Segundo a Xerencia unha vez axustadas as carteleiras, as traballadoras da Área Sanitaria da Coruña e Cee realizan máis xornada que as 35 h semanais o que demostra que os recursos que enviou a Consellería de Sanidade para esta área sanitaria son insuficientes. A decisión unilateral da xerencia de reducir presenzas en festivos tradúcese nunha perda adquisitiva para as/os profesionais e a merma na atención sanitaria”.

Esta medida aplícase principalmente en unidades de atención 24 h, diminuíndo ás/ós traballadoras/es que habitualmente prestan asistencia en quendas festivas para non pagarlles e deixando os servizos incluso con menos da metade de profesionais.

 

Máis novas do conflito

Sanitarios volven pedir medidas “inmediatas” contra as agresións: “Queremos traballar en condicións de seguridade”

A xunta de persoal do Chuac solicita ante Sanidade o cesamento do xerente tras “anos” denunciando “falta de seguridade”

A xunta de persoal do Chuac solicita ante Sanidade o cesamento do xerente tras “anos” denunciando “falta de seguridade”