Inicio Blog Páxina 21

Catro acusados recoñecen unha brutal agresión no Orzán: “Estabamos todos de festa, drogándonos”

Catro homes recoñeceron este martes na Audiencia Provincial da Coruña ter golpeado e apuñalado outro na rúa do Orzán, tras consumir alcohol e drogas. Todos eles amosáronse arrepentidos polo sucedido durante a vista oral. “Estabamos todos de festa, drogándonos”, manifestou o autor confeso das 12 puñaladas á vítima, nun xuízo no que tratou de explicar o seu estado no momento dos feitos e asegurou non lembrar “case nada” da agresión. “Eu esa navalla non a levaba enriba, alguén me deu unha chaqueta que estaba na barra do bar e nesa chaqueta había unha navalla”, declarou. Con todo, recoñeceu verse nas imaxes gravadas da pelexa. “Recoñézome no vídeo que vin despois”, aclarou.

Este acusado afirmou que está baixo tratamento psiquiátrico “crónico” desde os 18 anos e que no momento dos feitos atravesaba unha “mala tempada”. Segundo relatou, daquela consumía drogas a diario. “Estábame drogando todos os días, bebendo alcohol, fumando porros e metendo cocaína a diario, non era eu, consumía de todo”, insistiu. A Fiscalía atribúelle un delito de asasinato en grao de tentativa, polo que solicita unha pena de sete anos e seis meses de prisión, así como outros dous anos de cárcere por tenza de arma prohibida. Durante a súa declaración, o procesado amosouse arrepentido polo sucedido. “Quería pedir perdón á vítima e á miña familia”, afirmou.

OS OUTROS TRES ACUSADOS TAMÉN ADMITEN A AGRESIÓN

Nesta xornada tamén prestaron declaración os outros tres procesados. Na mesma liña, recoñeceron que consumiran drogas e alcohol no momento dos feitos e amosaron arrepentimento. “Bebemos alcohol desde a unha da tarde e despois estivemos meténdonos coca e fumando marihuana”, especificou un deles. Os tres están acusados dun delito de lesións agravadas, polo que o Ministerio Público reclama catro anos e seis meses de prisión para cada un. Para un deles pide, ademais, outros seis meses de cadea por un delito de resistencia á autoridade. Coa intención de reparar “o dano causado” á vítima, estes tres encausados consignaron antes da vista distintas cantidades económicas en concepto de indemnización, por unha suma total de máis de 10.000 euros.

A VÍTIMA: “RECIBÍN UNHA CHUVIA DE GOLPES”

Pola súa banda, a vítima declarou na sala que a agresión comezou “cun forcexo” cun dos acusados. A continuación, segundo o seu relato, recibiu “un golpe polas costas” e caeu ao chan. “No momento en que tento incorporarme recibo unha patada na cara e a partir de aí quedo cunha gran conmoción, pecho os ollos, tento cubrirme da mellor maneira posible e recibo unha chuvia de golpes”, relatou. Respecto das puñaladas, asegurou que non foi consciente delas no momento da agresión. “Díxomo o médico de Urxencias, eu non tiña coñecemento de que fora apuñalado”, explicou. A vítima indicou tamén que perdeu a conciencia “durante bastante tempo” e que a recuperou de maneira intermitente durante a pelexa. Sobre as secuelas, apuntou que, ademais das cicatrices, carece de sensibilidade no lado esquerdo da cara. “É unha molestia constante”, sinalou.

FISCALÍA DI QUE O GOLPEARON NO CHAN SEN POSIBILIDADE DE DEFENSA

Segundo recolle o escrito de cualificación do Ministerio Público, os feitos ocorreron na madrugada do 19 de abril de 2024, cando os acusados se abalanzaron sobre a vítima e lle deron varias patadas na cabeza, nas costas e no peito, así como puñadas, mentres se atopaba tirada no chan. Fiscalía sostén que a vítima estaba “sen ningunha posibilidade de se opor á agresión”. No transcurso da pelexa, un dos acusados, “coa intención de acabar coa vida” do home, cravoulle en 12 ocasións unha navalla automática. Cando se sacou a arma, segundo o Ministerio Público, os demais procesados cesaron a agresión e apartáronse. Pouco despois, os catro foron detidos.

Sindicatos mobilízanse na Seguridade Social na Coruña e outras cidades para reclamar melloras laborais

UGT, CSIF, CCOO e CIG darán inicio este mércores, 17 de xuño, a un calendario de mobilizacións en todo o ámbito da Seguridade Social, comezando con concentracións ante as direccións provinciais e os servizos centrais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), como resposta ao “reiterado incumprimento” dos compromisos adquiridos pola Administración para mellorar as condicións laborais do persoal.

As mobilizacións arrincarán mañá con concentracións de media hora de duración, entre as 11.00 e as 11.30 horas, ante as direccións provinciais e os servizos centrais do INSS en varias cidades, entre elas, A Coruña.  Segundo informaron as organizacións sindicais, a protesta ten a súa orixe na falta de desenvolvemento efectivo do Acordo de 16 de maio de 2023, subscrito e referendado pola Secretaría de Estado da Seguridade Social e Pensións e a Subsecretaría de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Os sindicatos tamén denuncian o incumprimento das medidas previstas para a modernización da Administración da Seguridade Social contempladas desde o acordo de 29 de novembro de 2018 e da recente adaptación da xornada a 35 horas semanais e os calendarios laborais aprobada pola Dirección Xeral da Función Pública.

Así mesmo, sinalan a ausencia de avances en materias como a reorganización administrativa, a cobertura e provisión de postos de traballo, a estabilización e rexuvenecemento dos persoais, a mobilidade do persoal, o desenvolvemento do traballo a distancia, a mellora da formación, a prevención de riscos laborais, a promoción profesional e a negociación das condicións de traballo.

A iso, engaden, súmase a falta de aplicación efectiva da nova regulación de xornada e horarios aprobada para o conxunto da Administración Xeral do Estado (AGE). “En lugar de aplicar os acordos e normas vixentes, a Administración está a impulsar medidas que xeran incerteza e pon en cuestión dereitos laborais xa consolidados”, afirmaron.

Segundo as organizacións sindicais, a falta de cumprimento dos acordos alcanzados está a provocar un “incremento das cargas de traballo” nun contexto marcado polo envellecemento dos persoais e a “insuficiencia de efectivos”. Neste sentido, expoñen que dun persoal composto por 31.000 persoas, un terzo permanece vacante e, en cinco anos, o 50% estará en idade de xubilación. Esta realidade, avisan, apréciase na atención presencial ao público. Nalgunhas provincias hai oficinas que contan só con entre un e tres empregados.

A campaña Allwomen sae da pantalla cunha xornada de concienciación contra o acoso machista en contornas dixitais

Este mércores 17 de xuño ás 19:00 horas terá lugar no Centro Cívico da Cidade Vella da Coruña a presentación de “Allwomen”, unha campaña de concienciación contra o acoso machista en contornas dixitais creada por Leticia Vázquez (@vazquezleeti), influencer especializada en dereitos humanos e publicista.

A campaña ten como obxectivo denunciar aos agresores e mostrar que todas as mulleres sofren violencia machista en liña, incidindo na necesidade de educación e castigo para erradicar este tipo de comportamentos. “A violencia comeza con comentarios e ameazas, pero continúa con malos tratos psicolóxicos e físicos, culminando en violacións e asasinatos. Polo tanto, hai que detela a tempo”, sinala a promotora.

Nun contexto no que o espazo dixital se converteu nun novo escenario para a violencia de xénero, “Allwomen” busca concienciar socialmente e esixir accións urxentes ás autoridades. O evento contará coa presenza das relatoras Jimena Cardona (socióloga especializada en xénero), Patri Otero (xornalista e influencer), Noemi Alvarado (traballadora social), Paula Alonso (mediadora cultural) e Irene Tomé, responsable do programa “Abriendo Hilo” de Ecos do Sur, que ofrecerán diversas perspectivas sobre o impacto do acoso machista en liña na vida e a saúde mental das mulleres.

O programa incluirá a presentación e contextualización da campaña “Todas as mulleres”, seguida dunha mesa redonda sobre a violencia machista en liña, abordando as súas formas, consecuencias e mecanismos de resposta. Posteriormente, celebrarase un debate participativo co público para fomentar un diálogo aberto e construtivo.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by 👉 Leeti 👈 (@vazquezleeti)

 

Luar na Lubre presenta este mércores na Coruña ‘Lubre – 40 aniversario’, o seu novo traballo con 13 temas inéditos

0

Luar na Lubre presentará este mércores na Coruña, cidade na que se fundou a banda en 1986, o seu traballo número 21 baixo o título ‘Lubre – 40 aniversario’.

Tras catro décadas de traxectoria profesional, 20 álbums e máis de 2.500 concertos, o grupo estrea novo formato discográfico, que inclúe 13 temas inéditos e unha trintena de colaboracións.

A presentación terá lugar no espazo cultural Protas Ártabras, a partir das 20.00 horas deste mércores, e participarán varios membros da banda acompañados das filóloga Dores González, do antropólogo Lois Ladra e do escritor, historiador e arqueólogo Felipe-Senén López.

‘Lubre – 40 aniversario’ faise público da man da editorial Baía Edicións e en plena celebración dos 40 anos de traxectoria da banda.

O peirao público de Calvo Sotelo bota o peche para os festivais privados do verán

O peirao de Calvo Sotelo está aberto aos coruñeses desde o mes de novembro de 2022, unha vez que deixou de ter tráfico de mercadorías, no marco das iniciativas que puxo en marcha a Autoridade Portuaria da Coruña coa lema ‘Aberto a todo o mundo’.

Con todo, a realidade é que durante o verán, só o poderán gozar os que paguen as entradas para os festivais privados que albergará o espazo portuario. O Porto da Coruña pecha toda a infraestrutura ao tránsito peonil “por motivos de seguridade”.

Ete verán o espazo albergará os concertos de Xoel López + Caamaño & Ameixeiras, dentro de Noites do Porto, o 23 de xuño; Barry B + Beira Fauna, o 26 xuño, tamén en Noites do Porto; Coti + Monsieur Periné, o 1 de xullo; Alejandro Sanz, o 18 xullo; e Romeo Santos & Prince Royce, o 30 de xullo; así como os festivais Morriña Fest (do 24 ao 26 xullo) e Recorda Fest (4 e 5 de setembro).

 

 

O BNG pídelle ao Goberno Local informes sobre a situación económica

O grupo municipal do BNG pediu ao goberno local da Coruña que lle facilite informes dos órganos asesores da pleno — Intervención, Oficina Orzamentaria e Tesouraría — para comprobar se se pode dar por resolta a “seria” situación económica do Concello. Así o anunciou este luns, en rolda de prensa, a portavoz da formación nacionalista e candidata á Alcaldía, Avia Veira. Respecto diso, explicou que, na actualidade, existe un documento da Dirección de Área da Concellaría de Economía segundo o cal “non sería preciso” realizar un Plan Económico e Financeiro no consistorio “a pesar de existir un buraco nas contas de 2025”.

Un desfasamento de 12 millóns de euros entre ingresos previstos e gastos realizados e un déficit de algo máis de nove millóns de euros no remanente líquido de Tesouraría”, sostivo. “En teoría non sería preciso en aplicación dun decreto do Goberno do Estado que excepciona o exercicio 2025 da necesidade de realizar un plan económico e financeiro cando se produce unha liquidación negativa”, apuntou. No entanto, demandou que haxa un pronunciamento técnico.

Avia Veira sostivo que hai datos que “non cadran”. “É certo que vai haber ingresos a maiores pola reciclaxe de envases de Ecoembes e polo plan de inspección de tributos, pero non chegaría aos 12 millóns de euros”, a cantidade precisa, indicou, “para cubrir o desfasamento negativo de 2025”.

Investigadores da UDC avanzan nun novo sistema para levar material xenético ao interior das células

Persoal investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da Universidade da Coruña desenvolveu unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células. O avance baséase no uso de vesículas formadas por lipopéptidos catiónicos autoensamblables, segundo informou o reitorado coruñés.

A UDC destaca que o traballo representa un avance no desenvolvemento de sistemas non virais para a terapia xénica, un dos campos con maior potencial para o tratamento de enfermidades de base xenética e para a medicina rexenerativa. “Un dos principais obstáculos da terapia xénica consiste en conseguir que o ADN ou o ARN chegue ao interior das células de forma eficiente e segura”, explica a Universidade da Coruña.

Neste contexto, o equipo desenvolveu dous tipos de lipopéptidos catiónicos autoensamblables, moléculas híbridas que combinan compoñentes lipídicos —graxas— e peptídicos —proteínas—. Grazas á súa carga positiva, estes sistemas son capaces de atraer e encapsular o material xenético.

Ao mesmo tempo, a súa estrutura permítelles organizarse espontaneamente en vesículas estables, o que facilita a súa interacción coas células. Esta estratexia abre así unha vía prometedora para avanzar en métodos de transporte xenético máis seguros, ao evitar o uso de vectores virais e contribuír ao desenvolvemento de futuras aplicacións terapéuticas.

O CIFP Paseo das Pontes da Coruña, camiño de ser un Centro Nacional de Referencia de FP en materia téxtil

0

A Xunta de Galicia traballa na candidatura para que o Centro Integrado de FP Paseo das Pontes da Coruña sexa recoñecido como Centro Nacional de Referencia de FP. Así o debullaron na súa visita este pasado venres ao centro a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, a secretaria xeral de FP do Ministerio, Esther Monterrubio, xunto con representantes de INDITEX.

Deste xeito, o centro coruñés sería o primeiro en acadar este recoñecemento estatal na familia profesional de Téxtil, Confección e Pel, na que aínda non hai ningún Centro Nacional de Referencia. Galicia xa acadou esta distinción para dous centros na familia profesional Marítimo-Pesqueira, na que os únicos dous centros nacionais de referencia de toda España son o Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA, A Illa de Arousa) e o Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Vigo), ambos dependentes da Consellería do Mar.

A Rede de Centros de Referencia Nacional está conformada por 40 centros de toda España. Galicia conta con seis centros na Rede Estatal de Excelencia da Formación Profesional, polo que se sitúa no grupo de comunidades líderes neste eido. Contan con esta distinción os centros integrados de FP Universidade Laboral (Culleredo), Ánxel Casal-Montealto e Someso (os dous na Coruña), Politécnico de Santiago (Santiago de Compostela), As Mercedes (Lugo) e Carlos Oroza (Pontevedra).

Máis novas

O presidente da CEG apoia á patronal coruñesa e rexeita o “acoso” nas protestas do téxtil

Juan Carlos Agilda, candidato ao Premio Promesas de Alta Cociña: “O CIFP Paseo das Pontes ten un pensamento colectivo que impulsa a facer cousas”

Acusan ao xigante téxtil Jevaso de consentir “un modelo laboral baseado no abuso e a violación da lei”

 

A EOI da Coruña abre o prazo de preinscrición para o curso 2025-2026 cunha oferta única de 11 idiomas

0

A Escola Oficial de Idiomas da Coruña abre hoxe luns 15 de xuño o prazo de preinscrición para o curso 2025-2026. O centro oferta ensinanzas oficiais de 11 idiomas, o que a converte nun dos centros públicos con maior diversidade lingüística de Galicia:

  • alemán,
  • árabe,
  • chinés,
  • español para persoas estranxeiras,
  • francés,
  • galego,
  • inglés,
  • italiano,
  • portugués,
  • ruso e
  • xaponés.

A EOI da Coruña é, ademais, a única Escola Oficial de Idiomas da comunidade autónoma que ofrece estudos de árabe e ruso, reforzando o seu papel como centro de referencia para a aprendizaxe de linguas e para a formación de cidadáns preparados para un contexto cada vez máis global e interconectado.

Nos últimos anos, o centro vén experimentando un crecemento continuado do número de matrículas, especialmente nos niveis básicos, que adoitan cubrir rapidamente as prazas ofertadas. Este incremento reflicte unha tendencia social cada vez máis consolidada: o interese pola aprendizaxe de idiomas non só como ferramenta profesional e académica, senón tamén como actividade de desenvolvemento persoal e benestar intelectual.

Ademais da súa sede na Coruña, a EOI desenvolve unha importante labor de vertebración territorial a través das súas seccións e extensións situadas en Arteixo, Carballo, Cee e Culleredo, que permiten achegar o ensino público de idiomas a diferentes comarcas da provincia. Nelas impártense ensinanzas de inglés e, no caso da sección de Carballo, tamén de francés e alemán, ampliando as oportunidades de formación lingüística para a cidadanía da Costa da Morte e da comarca de Bergantiños.

Como centro público dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a EOI ofrece ensinanzas oficiais de calidade a prezos accesibles e con certificación recoñecida segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.

Información práctica

O alumnado oficial de novo acceso deberá realizar a preinscrición entre o 15 de xuño e o 6 de xullo nesta ligazón.

As persoas que obteñan praza no procedemento de adxudicación deberán formalizar a matrícula entre o 9 e o 20 de xullo.

A CIG ocupa, neste intre, sedes da Xunta e do SERGAS contra a pretensión do PP de legalizar o abuso das mutuas

Representantes da CIG ocupan nesta mañá de luns, as sedes da Xunta e do SERGAS nas sete cidades galegas para impedir que “se leve adiante a modificación do PP do Plan de mellora e control da incapacidade temporal, que legalizará, de forma impune o abuso das mutuas no control das baixas por enfermidade.”

Na cidade, os representantes sindicais ocuparon o Departamento Territorial da Consellaría de Sanidade na Rúa Durán Loriga, 3.

CIG ocupacion_ XUNTA Coruña02

Contexto

O sindicato explica que “No DOG do pasado 27 de Maio a Xunta do Partido Popular aprobou a modificación do Plan de mellora da xestión e control da incapacidade temporal (IT), un novo paso na estratexia de Rueda para converter as baixas médicas nun problema de control social e non nun problema de saúde laboral. Baixo o pretexto de combater o chamado “absentismo“, o Goberno galego reforza o papel das mutuas e orienta a actuación da Inspección cara á aceleración das altas médicas”.

Segundo explica o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “de forma ilegal, pretende impoñer con todo tipo de enganos, ameazas e intimidacións que as persoas traballadoras asinen autorizacións e consentimento para que as mutuas poidan actuar de forma impune contra a saúde das persoas traballadoras”.

Por iso a CIG fai un chamamento ao conxunto da clase traballadora galega para que ningún traballador ou traballadora asinen nada sen informarse antes dos seus dereitos. “Non vaia ser que coa súa sinatura consintan un abuso”.

Campaña da patronal

Carril denuncia que “esta medida do PP vén fortalecer a campaña desenvolvida pola patronal e pola Xunta para presentar ás persoas traballadoras como responsábeis do incremento das baixas laborais”.

Nese sentido, explica que os propios datos amosan que “o problema non é que a clase traballadora queira traballar menos, senón que cada vez traballa en peores condicións, durante máis anos e cun sistema sanitario máis deteriorado”. Lembra que a CIG leva meses denunciando que “o absentismo non é a causa do problema, senón o síntoma dun modelo laboral baseado na sobreexplotación, no envellecemento da poboación activa e nos recortes da sanidade pública”.

Proceso de privatización

A CIG leva anos mobilizándose contra as mutuas pola “súa xestión e abuso nas continxencias comúns, profesionais e nas baixas por accidentes de traballo. Unha xestión que avanza na privatización dos recursos públicos a favor das mutuas, uns recursos que van ser empregados para presionar as persoas traballadoras co obxectivo de reducir o absentismo sen atender a criterios médicos senón económicos e empresariais”. Agora chama a nos mobilizar para impedir este intento de levar adiante esta nova medida e que o abuso das mutuas se legalice de forma impune.