Inicio Blog Páxina 20

Indignación entre as antigas xestoras das Escolas Infantís tralo vídeo do concelleiro de Educación

Continúa en marcha o recurso presentado polas empresas e cooperativas que levaban décadas dirixidndo a Rede de Escolas Infantís Municipais trala gran trampa da da nova licitación do convenio. Xa explicamos os antecedentes: tras un ano de loita social por un convenio laboral digno (conseguiron unha subida salarial de 200€ tras dous anos nas rúas), o Concello convencía a estas pequenas empresas montadas por mestras da necesidade de abrir un novo proceso de contratación, para poder subir ás contías dos contratos e que as empresas puidesen asumir oe novos soldos.

Confiando na boa vontade do goberno municipal, as empresas non recurriron uns pliegos que xa debullaban un interese eáis económico que educativo, e se dispuxeron, ás presas, a preparar a súa proposta no proceso de licitación. Porén, o goberno escolleu e empresas diferentes para dirixir 6 das 8 escolas municipais, e non puido cambiar a xestión nas outras dúas porque cada empresa non podía asumiremáis de 2 escoliñas.

Deste xeito, o curso empezou coas xa exdireccións nas aulas, pero este vindeiro 1 de outubro, as directoras de sempre (algunhas levan case 30 anos en contacto directo coas familias) desaparecerán e as traballadoras pasarán a cobrar das novas empresas xestoras, con sedes en Mallorca, León ou Oza dos Ríos.

Mentres o recurso das pequenas empresas segue o curso, a indignación no seu das dirección e das traballadoras é maximo ao ver o novo vídeo do concelleiro de Educación, Ignacio Borrego. Nun intendo de desmontar bulo, para as direccións “Borrego non fai outra cousa que desinformar”.

O edil considera que é un bulo considerar o novo contrato como “low cost”, asegurando que o Concello inviste 600.000€ máis que no contrato anterior, ata un total de 3,5 millóns de euros. Porén como vimos na reportaxe da semana pasada, cando menos en dúas das escoliñas os contratos son 65.558€ (no caso dos Rosales) e 31.668 (no caso da Luís Seoane) máis baratos que os do curso anterior.

Proxecto educativo?

Pero doe moito máis o outro argumento que pon Borrego. O concelleiro asegura que 71 puntos de 100 se bareman en función do proxecto educativo. Algo que non é directamente así, pois a oferta técnica vale 49, e os outros 22 puntos corresponden a “melloras concretas”, que teñen que ver con melloras de mobiliario, comedor…como se pode comprobar no expediente 236/2026/30 da Plataforma de Contratación do Sector Público. “Pero que pasou cando varias empresas actuais conseguiron os 71 puntos de calidade?” pregúntase 3 das xestoras que perderon o contrato, e que acadaron a máxima puntuación posible nos criterios distintos do prezo: 71 de 71 puntos. “Foi suficiente para gañar a licitación? Non”, explican xa que “unha vez incorporada a oferta económica, unha acabou en terceira posición e perdeu a xestión da escola, e as outras duas igual pero salvaronse porque non podían levarse máis lotes”.

”Se a proposta que obtivo a máxima puntuación nos 71 puntos non económicos non resultou adxudicataria, podemos afirmar que o resultado da licitación se decidiu principalmente pola calidade educativa?”, pregúntanse.

Borrego ademais une á loita contra a desinformación unha “media verdade”, asegurando que os novos contratos obrigan á subrogación das traballadoras, esquecendo que nestas pequenas empresas ou cooperativas as directoras son unhas traballadoras máis, pero o seu posto non será subrogado.

Máis novas

A gran trampa da nova licitación das escoliñas municipais. “Imos recurrir”

 

O PPdeG carga contra Inés Rey pola situación da vivenda na cidade

0

O portavoz do grupo popular no Parlamento galego, Alberto Pazos, acusou as rexedoras da Coruña e Santiago, Inés Rey e Goretti Sanmartín, de buscar “un culpable externo” do que cualificou como “fracaso das súas políticas” en materia de vivenda, tras a declaración de ambas cidades como mercado tensionado.

En declaracións aos medios, acompañado polo deputado do PPdeG Roberto Rodríguez e polo portavoz do grupo municipal do PP no Concello da Coruña, Miguel Lorenzo, asegurou que a citada declaración “conseguiu reducir a oferta e subir os prezos“. “Terán que repensalo e adoptar medidas alternativas”, sentenciou.

Isto na xornada en que ambas rexedoras mantiveron, en Santiago de Compostela, unha reunión. “Tentan crear escusas absurdas arredor dunha achega do Goberno do Estado que permitiría construír algo menos de 30 vivendas entre Santiago e A Coruña, esquécense de que, dese diñeiro que reclaman, a Xunta non recibiu aínda nin un só euro”, apostilou ante as demandas das alcaldesas.

De “polémicas estériles” cualificou as críticas das rexedoras á Xunta, ao tempo que defendeu que hai “compromisos orzamentarios” nesta materia por parte do Goberno autonómico. Pola súa banda, Miguel Lorenzo aseverou que o Goberno da socialista Inés Rey “demostrou a súa incapacidade total de xestión en política de vivenda”. “Dixeron que nun ano ían construír vivendas para alugueiro social, tardaron máis de tres anos en construílas e hoxe en día aínda non foron entregadas”, apostilou.

As exedís do PSOE da Coruña recurren a arquivación da súa denuncia por acoso laboral

0

Eva Martínez Acón e Esther Fontán, ex concelleiras socialistas na cidade herculina, continúan na batalla. As ex edís denunciaran por acoso laboral a varios membros do PSOE local nun caso que saltara á luz a finais do ano pasado no marco da Operación Tomé coa publicación de varios audios comprometidos.

A denuncia derivou á Executiva provincial, que lles notificou, inicialmente, a apertura dun expediente informativo, que se arquivaba o pasado mes de agosto.

Con todo, as ex concelleiras presentaron un recurso contra o devandito arquivo dos expendientes informativos previos, sendo por agora admitida a trámite por parte da Comisión Federal de Ética e Garantías do PSOE.

“O tempo vai pondo a cada un no seu sitio”

O portavoz do goberno local da Coruña, José Manuel Lage, a preguntas dos medios este pasado martes, apuntou que “o tempo vai pondo a cada un no seu sitio”. “Creo que a algunha xente xa a foi pondo no seu sitio”, insistiu para incidir en que o consistorio “está moi centrado en desenvolver un programa de goberno”.

“Nos próximos meses vanse a facer investimentos centradas nos barrios”, concretou tras sinalar que esta é a súa “principal preocupación”. “Estamos centrados en mellorar o día a día”, destacou.

Máis novas do caso

Arquivada a denuncia de dúas exconcelleiras no PSOE por presunto acoso laboral por parte da alcaldesa da Coruña

Sumar reclama a dimisión de Inés Rey e Lage Tuñas trala publicación dos audios

O Caso Tomé salpica a Inés Rey e Lage Tuñas tras unha denuncia por acoso laboral na canle interna do PSOE

O conselleiro de Educación promete ás indignadas familias do CEIP Prácticas que afrontará a reforma integral

  • Román Rodríguez aproveitou para criticar a falta de mantemento do Concello.

— — —

Visita accidentada esta mañá do Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, ao CEIP Prácticas. Unha visita case de emerxencia ante a caída duns cascotes ao longo da xornada de onte que preocupan, aínda máis, a unhas familias que levan anos manifestándose polo lamentable estado do centro.

A través da ANPA, as familias decidiron volver sacar as pancartas “Por unha escola digna e segura” para ensinarlla vén de preto ao Conselleiro, que vixilaba as intervencións urxentes para minimizar riscos para o alumnado e profesorado.

Ante a presión das familias, o conselleiro prometeulles de viva voz que encargará un proxecto de rehabilitación integral do centro, que comezaría en xuño do 2027 e que poderían estar rematadas para o comezo de curso de 27/28.

As familias deixáronlle claro que non queren promesas, queren solucións e prazos concretos e reais.

Dicotomía de responsabilidades: mantemento ou rehabilitación integral. A loita entre administracións

Non desaproveitou a ocasión Román para botar pedras no tellado alleo, criticando que a situación do centro é culpa da “deixadez” do concello en relación aos labores de conservación e mantemento nos centros educativos de Primaria. “Cando non se actúa de maneira inmediata acaba sendo estrutural”, sinalou, en relación a que o mantemento é responsabilidade municipal pero as reformas máis grandes dependen da Xunta.

Fronte a iso, o portavoz do goberno local coruñés, José Manuel Lage, a preguntas dos xornalistas, denunciou, sobre a situación no Colexio de Prácticas da Coruña, que é “o mellor exemplo” da demanda municipal para que se acometan “investimentos”. “Hai unha débeda histórica”, sinalou en relación ao Goberno galego coa cidade herculina, que tachou de “clamorosa” no ámbito educativo. E precisou que no centro “ata o de agora a Xunta non fixo nada”

INSTITUTO DE ZALAETA

Mentres sobre as demandas no instituto de Zalaeta con protestas polo inicio de curso con retirada do amianto na cuberta, o conselleiro recalcou que se houbese unha “mínima dúbida” de risco non se acometerían estas actuacións.

Con todo, desde o departamento autonómico confirmouse que ao empezar o curso e non estar concluídas as obras traballarase venres pola tarde e sábados e domingos, sen que haxa persoal nin estudantes no centro.

Máis novas do ensino

As familias da ANPA do CEIP Prácticas manteñen viva a loita por unha escola digna

As familias do IES Zalaeta volven á rúa: “Estamos fartas de vivir sen información”

A ANPA do CEIP Prácticas a Paula Prado: “Isto só acaba de comezar”

Un ano de loita polo CEIP Prácticas: “As familias estamos fartas!”

Piden paralización real das obras da promoción de luxo na Maestranza

Hoxe continúan as obras da urbanización de luxo da Maestranza, a pesar da orde de paralización ditada polo Concello da Coruña das obras de edificación na parcela P2.  Unha situación que provoca a reacción da Plataforma Defensa do Común, que leva denunciando anos esta promoción, e leva pedindo a Concello que controle as obras durante meses, ante a posible afectación á histórica muralla de defensa da cidade.

Para o colectivo,  constan acreditados os incumprimentos pola promotora dos condicionados da licenza de obras outorgada no seu momento, polo que a paralización da obra debería ter sido solicitada hai xa meses. Nese sentido, critica “a pasividade e inacción municipais, así como a excesiva tardanza do goberno municipal en relación con ditas obras”. Pois lembran que o 10 de xuño (hai mais de tres meses) a entidade lle trasladou á alcaldesa un escrito (adxuntando fotografías) da realización de obras (movemento de terras e excavacións), o que se reiterou noutro escrito posterior, de data 31 de xullo.

Para Defensa do Común non se entende que cunha orde de paralización ditada en novembro do 2025, a empresa que promove unha urbanización de pisos de luxo arrinque cunhas obras de excavación que excende do control arqueolóxico. Unha situación que debería coñecer o Concello, cando menos dende ese mesmo 10 de xuño, pero que tardou 3 meses en adoptar medidas de reposición da legalidade urbanística.

“A consecuencia da tal pasividade e tradanza municipal é que a data de hoxe a práctica totalidade da parcela edificable atópase excavada (voladuras con explosivos incluídas, ata o nivel de roca), téndose retirado e trasladado as terras e pedras existentes de ditas operacións, e sen que conste (e sen que lle conste ao goberno municipal) o cumprimento das condicións do proxecto autorizado de control arqueolóxico”, sinalan.

Obras na Maestranza

 

Alegacións

A entidade veciñal vén ademais de analizar as alegacións presentadas pola promotora, que segundo eles,  “só poden ser cualificadas de pitorrreo”. “Resulta manifesto que as obras realizadas afectan ao conxunto da parcela edificable, e non so ao lindeiro coa residencia militar; obras que en realidade consisten na execución de obras de edificación (excavación, perforación de roca, voladuras, micropilotaxe perimetral, instalación de grúa-torre previa cimentación da súa basel, etc), que nada teñen que ver nin co aseguramento do muro da residencia nin moito menos cos labores de control arqueolóxico”, explican.

Máis novas da Maestranza

Piden vixilancia arqueolóxica municipal nas obras das vivendas de luxo da Maestranza

 

 

O comercio de alimentación da Coruña convoca unha gran manifestación este domingo

Continúan as mobilizacións do persoal do comercio de alimentación das grandes cadeas de supermercados. Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO e as persoas traballadoras do comercio de alimentación da provincia da Coruña convocan unha gran manifestación provincial para este domingo 20 de setembro, con saída ás 12:00 horas desde a parte traseira do Centro Comercial Catro Camiños,.

A mobilización forma parte do calendario de protestas acordado polas asembleas de traballadoras e traballadores ante a situación de bloqueo que continúa sufrindo a negociación do convenio colectivo provincial.

Tras meses de negociacións, mobilizacións e xornadas de folga, as organizacións sindicais denuncian “a falta de avances suficientes para alcanzar un acordo que permita mellorar as condicións laborais e salariais dun sector esencial que emprega a milleiros de persoas en supermercados, almacéns e centros loxísticos de toda a provincia”.

A representación sindical considera que as propostas presentadas pola patronal continúan sen responder ás principais reivindicacións do persoal, entre as que destacan a recuperación do poder adquisitivo, a redución da xornada anual, a mellora da conciliación da vida laboral e persoal, o recoñecemento do esforzo das persoas traballadoras e a mellora das condicións económicas e sociais do convenio.

Máis novas do conlito

CCOO, CIG, UGT e USO boicotean a inauguración do Gadis de Monte Alto esixindo un desbloqueo ao convenio da alimentación

Nova xornada de folga no persoal do comercio de alimentación en demanda de melloras laborais

A Coruña supera o millón de euros coa taxa turística no primeiro semestre do ano

0

O Concello da Coruña recadou 1.044.839,62 euros coa taxa turística no primeiro semestre de 2026, unha cifra que supera a previsión inicial de 950.000 euros. “Son datos moi claros e moi positivos”, destacou este xoves o concelleiro de Economía, José Manuel Lage, durante unha rolda de prensa convocada para facer balance da recadación. Segundo detallou, o 72% dos ingresos, 750.380 euros, proceden dos hoteis, mentres que outro 20%, 214.627 euros, corresponde aos cruceiros. O 8% restante, 79.831 euros, procede das vivendas de uso turístico (VUT), un ámbito no que, segundo recoñeceu Lage, “non se acadaron os niveis de recadación agardados”. Neste sentido, avanzou que o Concello porá en marcha unha “campaña de inspección” para detectar aquelas vivendas turísticas que non estean cumprindo co pagamento do imposto.

O 80 % IRÁ A LIMPEZA, SEGURIDADE, ZONAS VERDES E ILUMINACIÓN

No relativo ao destino dos fondos, Lage explicou que o 80% do importe recadado se empregará en mellorar a limpeza viaria, a seguridade, os espazos verdes e a iluminación. O 20% restante, que segundo precisou “non está suxeito a unha obriga legal”, destinarase a reforzar o Consorcio de Turismo co obxectivo de que A Coruña se converta no “principal destino urbano do noroeste peninsular”. O concelleiro insistiu ademais en que a implantación da taxa non tivo efectos negativos sobre a chegada de visitantes. “Non deixou de vir ningún cidadán por ter que pagar un euro máis”, asegurou, algo que, segundo recalcou, “era evidente e agora constátase con cifras”. Para Lage, os datos “confirman que a medida cumpre o obxectivo para o que foi creada”.

MÁIS TURISTAS EN XUÑO E XULLO

O responsable municipal destacou ademais que a recadación presentada non inclúe aínda os meses centrais do verán, correspondentes á tempada alta. Segundo explicou, en xuño e xullo houbo un 2,63% máis de turistas ca no mesmo período do ano anterior. No caso dos cruceiros, apuntou que as escalas aumentaron un 15,2%, mentres que a ocupación media estival se situou no 84,37%. Con estes datos, o Concello estima para o segundo semestre do ano uns ingresos de 1.510.000 euros procedentes da taxa turística. “A día de hoxe, os datos parciais que temos indican que A Coruña obterá preto de 2,5 millóns de euros en total en 2026”, avanzou Lage.

Marxismo ou barbarie: Para farmear aura ser marxista ten que poñerse de moda

0

“A democracia é o proceso que garantiza que non sexamos gobernados mellor do que nos merecemos” dicía Ignatius Farray na Vida Moderna, un dos grandes referentes deste que escribe, cita que se lle atribue a Bernard Shaw nun dos seus aforismos. É unha desas unpopular opinion que se di agora: a democracia, tal e como a coñecemos, está obsoleta. É un modelo político e social corrompido, partidista e corrupto que non garantiza a liberdade das persoas nin o progreso das sociedades. É ese modelo que ascende ó poder político a xente que pretende enriquecerse a través da política e que nada ten que ver coa realidade social dun territorio nin coa que o individuo sente confianza. Un modelo que permite que o fascismo ascenda ós Gobernos. Ao respecto, a historiografía e a socioloxía marxistas e críticas dinnos que as socialdemocracias que temos instauradas nos Estados occidentais desde o século XIX son un pequeno suborno ó movemento obreiro deixándoo entrar nos Gobernos liberais para así ter un potencial ideal revolucionario atado e controlado. Xa que ter ós obreiros traballando nas fábricas ata a extenuación, sen servicios sanitarios, educación ou dereitos comezaba a ser sospeitoso e sentar as bases dunha revolución (como así ocorreu nun dos lugares que ninguén quere mencionar por medo a que volva). Iso de: dalle algo que perder e co que se conforme e xa verás como non se queixa.

A socialdemocracia, lonxe da definición máis pura de democracia e o valor do pobo, non serve máis que para iso: ter pequenas axudas sociais do Estado (máis en Gobernos de esquerdas e menos nos de dereitas) mentres traballas para que outros se enriquezan e a roda capitalista e liberal non deixe de xirar. Unha distracción para que os de sempre sigan manexando o mundo detrás do escenario, cando o pano pecha. No modelo social que coñecemos e nos foi dado, claro que hai que pagar impostos e ter uns servizos básicos de calidade garantizados e Gobernos con intervención social forte. Mais iso non nos dá a emancipación do sistema que nos oprime, simplemente nos fai vivir mellor nunha vida prefabricada diseñada para oprimir á clase traballadora. O parche do Estado do Benestar, o mal menor. Algo que levou moito esforzo e sufrimento conseguir a través da loita de clases. Xa que nos temos que deixar a vida traballando para outros, polo menos ter médico que nos cure cando teñamos que faltar tres días (e non máis) ó traballo. O que non cambia é que o obreiro teña que traballar, e o faga para un capitalista que se beneficie da súa forza de traballo e obteña un plusvalor dela. E é que, o da clase media e todas estas invencións liberais sen fundamento só serve para dividirnos máis, a verdade é que só hai dúas clases sociais: a opresora e a oprimida, quen ten os medios de produción e quen traballa neles, quen vende a súa forza de traballo no mercado laboral e quen a compra, quen ten que traballar para poder vivir e quen non. Deste xeito, por moito que te esforces e penses que facendo horas extra e deixándote a saúde traballando vas mudar dunha clase á outra, só vas conseguir ser unha ferramenta máis útil e ignorante para os que se benefician da túa falta de conciencia. O mito do home que se fai a si mesmo desde o garaxe da casa ata a multinacional está ben para Netflix, mais o que hai detrás nada ten que ver co esforzo.

Algo tan sinxelo como dicir: “foder! por que eu teño que traballar por un soldo mínimo mentres outro vive sen dar un pau a auga? e por riba enriquécese grazas ó meu traballo!”
Ese pensar tan simple fóisenos arrincado da conciencia década tras década ata chegar ó mundo atomizado e adormecido de hoxe, no que incluso veneramos a influencers que se queixan porque este verán só puideron ir tres veces a Ibiza. E realmente hai xente pobre empatizando máis con eles e elas que cos migrantes que se xogan a vida por conseguir unha digna. Contido basado en bailes, cosméticos, viaxes, a comida que comen ou a roupa que visten. Vidas irreais que nada teñen que ver coa nosa e séguense con admiración subvencionándolle as vidas consumistas e luxos con cada like, coa nosa atención, o elemento que máis diñeiro xera no mercado. Xente que che di na cara que gaña máis diñeiro nun mes xogando a videoxogos en pixama que teus pais en toda a súa vida traballando duro. Mirámolos e dicimos: “vaia crack! Se gaña tanto é porque o merece, ou acaso ti desde o teu sofá poderías facer o que fai el?” Xente que ten a desvergoña para opinar e explicalo todo sen saber de nada. Neste sentido, unha das grandes vitorias capitalistas é conseguir que o pobre empatice máis cun rico que cun igual, incluso que culpe a outros pobres do mal que vai o mundo. E outra das vitorias e facer que os necios, ignorantes e ineptos sexan escoitados e admirados masivamente en detrimento da xente que conforma o saber. E este é o mundo que coñecemos e non sabemos cambiar, especialmente desde a disolución da URSS (coidado que volve), que era un pequeno freo desgastado que freaba (non en demasía) a roda capitalista e a súa deriva moral.

Deste xeito, o mundo no que vivimos, desde fai séculos, é capitalista e liberal. O discurso histórico hexemónico relátao quen gañou sempre as guerras e invasións, quen tivo sempre o poder e quen pertence á clase dominante, a que manexa o mundo. Da mesma maneira, grazas a historiografía marxista e crítica podemos saber como eran as loitas e o que se defendía desde a posición dos oprimidos, non só a dos opresores. Podemos entender como era o mundo e como é a día de hoxe desde a perspectiva dos que perden, que diría Hobsbawm. Sen embargo, o relato liberal é maioritario incluso dentro da Academia, nas ciencias sociais. É e que, a única ciencia social que vai contracorrente e supón unha resistencia a este discurso é a Socioloxía, e por iso está tan desprestixiada. Outrora a ciencia social con maior recoñecemento, desde a segunda metade do século pasado encargarónse paulatinamente os distintos Gobernos liberais de todo o mundo en facer que perdese o seu valor, sabedores de que Marx era sociólogo e que como ciencia ten un enorme potencial para cambialo mundo a través da investigación social e a toma de conciencia social e de clase. Fábricas de marxistas chaman os liberais ás facultades de Socioloxía, como se iso fose algo malo. Se os e as marxistas se puidesen fabricar en cadea exactamente igual que se fabrican servos funcionais e alienados no resto de carreiras, o mundo ía ser unha cousa ben distinta do que é. Igual sonaba Where is my mind? dos Pixies mentres se derrubaban multinacionais e bancos.

Un sociólogo é o que explica a vida social e por que suceden as cousas na maneira na que ocorren. Mais, para o capitalismo é bastante máis servil e lucrativo alzar á Psicoloxía como ciencia prestixiosa, algo que para o devir das sociedades non ten repercusión ningunha, por moi cool que se crean os psicólogos e psicólogas nas súas consultas de Ikea. A verdade é que, como sistema social, é un choio crearlle enfermidades mentais á xente derivadas do estilo de vida este que nos descose todas as costuras mentais para que logo teñamos que ir ó psicólogo/a a gastar os poucos cartos que temos en terapias que non solucionan o problema de raíz. E que iso nutra ó sistema non só con cartos senón coa desviación de cada ano máis estudantes con talento para a investigación e crítica social dirixidos ás facultades de Psicoloxía buscando saída laboral e prestixio social. Crítica neutralizada con éxito. Negocio redondo. Desta forma, na institución da escola, por moitos e variados contidos que se estuden, todos están dirixidos ó mercado laboral. Marx foi un tipo brillante que dicía cousas boas para todos e todas, mais que é o que dá de comer? estudar Enxeñerías, Económicas, ADE, Dereito ou Arquitectura? pois Enxeñerías, Económicas, ADE, Dereito ou Arquitectura. Aínda non supero a decisión que tomou a mellor alumna que tiven, co maior talento para a Socioloxía que vin nunha aula de Bacharelato, de acabar estudando Psicoloxía. Como sempre apoiándonos en Bourdieu: a escola, tanto no privado/concertado como tamén no público non emancipa, só reproduce. Os servizos públicos do Estado son de calidade si,
mais os contidos que se ensinan nunha aula xa veñen dados e acotados. En primeiro lugar polo sistema, en segundo polo Goberno e en terceiro pola limitación dunha conciencia humana enmarcada nun sistema capitalista o cal xa non deixa como imaxinable ou posible un cambio social no que a xente, por exemplo, non traballe. E ti que queres ser de maior? Pois quero ser un revolucionario, quero matar ricos e redistribuir a riqueza, que nadie sexa oprimido e a poder ser vivir nunha sociedade onde a xente non teña que afanarse traballando para ter unha vida digna, que carreira estudo para eso señora?

Así é que nas aulas se ensina ó alumnado a prepararse cara o seu futuro laboral. A escola é unha institución tan emancipadora e tan creadora de libre pensadores que aí estamos todos e todas ás oito da mañá listos para entrar a traballar nos postos de traballo que odiamos. Non obstante, nas materias de ciencias sociais, as que me tocan, si se estudan contidos críticos. Como pode ser isto? E é que o discurso liberal glorifica a loita obreira, aínda que pareza contraproducente. Ensínase nas aulas parte do que a loita obreira conseguiu, xa que ocultalo sería crear mártires e produciría ideais máis radicalizados e un potencial perigo. Polo tanto móstranse, mais faise dun xeito no que parezan cousas do pasado, afastadas de calquera realidade actual. Como se os traballadores das fábricas industriais no século XIX non fosen os mesmos que calquera persoa traballadora de hoxe en día. Deste modo, o relato vai creando unha dicotomía entre verdade e realidade. Como se a verdade non puidese ser realidade. Como se unha revolución bolchevique non puidese ocorrer xamais, como así foi. Mais sucedeu nun marco que non aparece como posible xa no imaxinario colectivo. Soa a outra época. A unha película. A Luke Skywalker loitando contra o Imperio.

Neste sentido, a verdade ilusoria é un concepto, enmarcado dentro da posverdade, que define un sesgo cognitivo dunha afirmación que se nos fai crer mediante a repetición incesante de algo que non ten por que ser exacto ou directamente é mentira. Iso polo que se fixo famoso Joseph Goebbels na Alemaña nazi e seguen a facer admiradores del nos nosos días como Eduardo Inda, Nacho Abad, Ana Rosa, Javier Negre, Vito Quiles e toda a turbamulta facha deste país. Deste xeito, fáisenos crer, por exemplo, que só hai dúas posibilidades: democracia ou autocracia. O contrario á democracia non é a ditadura. Pode que o contrario a unha socialdemocracia liberal na que se apoia o capitalismo como mecanismo de organización e control sociopolítico sexa a liberdade. Ou é democrático que os medios de comunicación sexan propiedade de xente que manexa a opinión pública ó seu antoxo para incidir no voto político? É democrático que o Estado xenocida de Israel esté entrenando a IA a través do Hannover Institute for Public Policy co fin de cambiar as súas respostas acerca de Palestina para así controlar a opinión pública? A lista de preguntas sería interminable. Se esa é a democracia e os valores democráticos que defendemos entón estamos perdidos.

Por outro lado, a democracia vai estreitamente vinculada ó interese xeral do pobo e á elección de representantes políticos que o salvagarden. Na actualidade, quen ou que formación política fai isto? Se todos os partidos responden ó interese xeral do mercado.

“Es el mercado, amigo” que dicía o outro. Calquera se axeonlla ante o carto. É isto democrático? Que a xente non teña onde vivir por protexer as inversións de empresas que especulan cun dereito esencial e democrático grabado nas Constitucións democráticas de cada país democrático dun mundo democrático? A clase política global ten ideais tan férreos que se as batallas de farmear aura desen votos aí estaban Feijoo e Abascal facendo cas pernas e brazos entre os dous a esvástica, aplaudidos por parvos útiles como o de dP Abogados, encirrante de odio e bulos contra mulleres e migrantes que se deixa os xeonllos sangrando por medio gramo. A intelixencia como para ir a Hípica e levarse unha decepción ó non atopar o cabalo que buscaba. E é que, se ten pinta de merda e cheira como unha merda, o máis probable e que si, sexa un facha.

E como tamén di Ignatius Farray, na esquerda temos mil contradicións éticas, morais e filosóficas, porque estudamos o saber, mais na dereita, ademais do odio e a servidume ó poder, teñen a santísima trinidade: misa, putas e cocaína. Pouca ética e moral hai en iso. Todo adobado cunha camisa de Ralph Lauren e un pantalón apretado con nocello “a la vista” para lucir mocasíns sin calcetíns. E con iso xa tiran para ir berrar “Pedro Sánchez hijo de puta” por Ceuta, pola DANA, pola comunión da afillada, na voda de Nacho o da oficina, no baby shower da que se cre influencer e que a alguén lle importa que vaia ser nai e, especialmente, nos comentarios das publicacións de Quincemil. Basureiro de fachas por antonomasia na nosa cidade. Din que cando discutes con alguén por internet posiblemente ó outro lado estea un bot, mais ata un teléfono autónomo ten máis criterio que calquera que comenta nas cen publicacións que destina Quincemil ós de Ceuta, ós therians e ás batallas de farmear aura. Todos e todas fomos adolescentes, seguimos modas e fixemos o estúpido mais volver a ocupar espazos públicos como parques para xogar, bailar ou facelo parvo sen molestar a ninguén nin perturbar con ruido, suciedade e danos materiais ten que ser un delito gravísimo si. Os de “nos meus tempos isto non pasaba”, “así vai o país”, é dicir, os que necesitan un abrazo porque non hai ninguén que os aguante e lles sae a bile por cada poro, sempre criminalizando ós adolescentes por todo o que fan, cando si, todos estrañamos o uso que lles daban eses mesmos ós parques nos 80 e 90: cocaína e heroína.
En definitiva, de farmear aura sáese, mais de comentar en Quincemil non.

E é que, se non tes os coñecementos como para saber que os problemas de migracións que existen no mundo veñen dados por unha historia capitalista que se apoia no nacionalismo primeiro e no colonialismo despois para expandirse e saquear materia prima dos territorios é moi doado caer nos discursos racistas de odio. Mais inda así, a xente é máis marxista do que cre. Máis do que se percibe a si mesma que é. Moitas décadas demonizando o marxismo e o comunismo como para que agora se sepa recoñecer ideas marxistas e verse reflexado nelas. Mais, sen sabelo e pretendelo, a xente si é marxista.

Marx e Engels entendían a estrutura da sociedade capitalista e industrial como unha división entre Superestrutura, formada polo Estado, a Cultura ou a Educación e unha Infraestrutura na que se apoia a primeira, que contén as forzas produtivas que son a base e os cementos da sociedade, é dicir, a forza de traballo dos traballadores, dos de abaixo, dos que teñen que traballar para vivir. Todo o mundo entende que sen a xente que traballe na base da pirámide o mundo caería, inda que non deixemos de facelo, e todo o mundo sabe que uns viven coma reis mentres outros pasan penurias traballando día e noite. E poderemos empatizar máis co rico porque así nos obrigan a facelo mais sabemos como é o mundo realmente. E algún día algo cambiará. Xa está comezando a mudar de novo, a xente xa non está disposta a tragar tanto, tanta deriva moral que trae o capitalismo e o liberalismo.
O único cambio real baixo este sistema que impregna co seu relato todas as institucións sociais está na conciencia dos de abaixo, en deixar de ser ferramentas, man de obra. Recuperar o valor da Socioloxía. Volver a poñer de moda o marxismo, algo que foi vangarda entre os intelectuais non fai moito tempo. Recuperar a conciencia de clase que nos foi arrincada. Deixar de traballar, ese sería o cambio que o mudase todo. A emancipación real.

Dise sempre que ante todo o que está a acontecer no mundo, todos os problemas e conflitos que existen, a historia rendirá contas e virá pedirchas. Eu terei sempre a conciencia tranquila e o orgullo de saber o lugar que ocupo: estar aquí escribindo esto para dúas ou tres persoas que o lean. Estar na aula ensinando e facendo activismo social, ensinando non só os contidos académicos senón tamén reivindicando os valores que levan implícitos para facer da escola un medio emancipador. Facendo rúa. Estudando e investigando a realidade social e levándolle a contraria sempre a calquera necio que diga cousas sen sentido. Porque a neutralidade nunca é unha opción. Que alguén lle explique a Ed Sheeran que a neutralidade é a peor das posicións, é o que lle permite ós fascistas campar ás súas anchas. A historia tamén virá polos que cando sexan vellos ou vellas e os fillos/as ou netos/as lles pregunten que facían nestes momentos convulsos se acorden de que eran deses ou desas que estaban a compartir iso de “que aspecto tería nos anos 80”.

Pois xa cho digo eu: o mesmo aspecto que agora mesmo, o dun ou dunha estúpida. Se se fai uso da IA e se consumen sabe Deus cantos litros de auga para utilizala, que sexa para que explique paso a paso como facer unha revolución bolchevique mentres soa: “Desobedientes, ingobernables, contra la dictadura de las multinacionales…”.

 

  • Rubén Pérez. Doutorando en Ciencias Sociais e do Comportamento, graduado en Socioloxía e profesor de Xeografía e Historia. Vamos enchernos e falar de cousas, que diría Grande Amore.

Máis artigos de Rubén Pérez

O Porto da Coruña presume dun “moi bo ano” con récords, cruceiros e novos investimentos

0

A Memoria anual da Autoridade Portuaria da Coruña correspondente ao exercicio de 2025 destaca os avances acadados nos principais proxectos estratéxicos da entidade, así como as marcas obtidas na cifra de negocio e no tráfico de cruceiros e o crecemento rexistrado na actividade pesqueira. O documento, xunto coas Contas de 2025 e o Informe de auditoría da Intervención Xeral da Administración do Estado (IGAE), pode consultarse na páxina web da Autoridade Portuaria, dentro do apartado de Transparencia.

Segundo informa o organismo portuario, o informe de auditoría foi emitido sen excepcións nin obxeccións ás contas. Na introdución da memoria, o presidente e o director da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado e Juan Diego Pérez, respectivamente, cualifican 2025 como “un moi bo ano” para o porto coruñés. Ambos poñen especialmente o foco no desenvolvemento dos dous grandes proxectos estratéxicos da entidade: Coruña Marítima e o Porto Exterior de Langosteira, nos que, segundo sinalan, se produciron avances relevantes ao longo do exercicio.

O MÁSTER PLAN DA CORUÑA MARÍTIMA, A LICITACIÓN A FINAIS DE ANO

No caso de Coruña Marítima, a finais de 2025 saíu a licitación o seu Máster Plan, despois dun proceso no que se alcanzaron acordos estratéxicos consensuados entre as seis administracións implicadas e a sociedade coruñesa. A participación cidadá desenvolveuse a través de talleres participativos, que serviron para incorporar ao proxecto distintas achegas arredor do futuro dos espazos portuarios e da súa integración coa cidade.

O FERROCARRIL AVANZA EN LANGOSTEIRA

Respecto ao Porto Exterior, a memoria destaca o avance das obras do acceso ferroviario, unha das principais infraestruturas pendentes para reforzar a conectividade de Langosteira. A Autoridade Portuaria subliña tamén a solicitude presentada por Exolum para realizar un investimento superior aos 100 millóns de euros nunha nova terminal de graneis líquidos.

Porén, un dos fitos máis relevantes do exercicio foi o acordo alcanzado con Repsol para completar o traslado da súa actividade ao Porto Exterior. O investimento total asociado a este proceso superará os 250 millóns de euros, segundo recolle a memoria. Deste xeito, a Autoridade Portuaria presenta 2025 como un exercicio marcado polos avances na transformación dos espazos portuarios da Coruña, a consolidación do Porto Exterior e a chegada de novos investimentos de gran envergadura.

A bici, un eixe prioritario na Semana Europea da Mobilidade

A Praza de Tabacos xa acolle as carpas que serven para desenvolver a Semana Europea da Mobilidade (SEM2026). Ata o próximo martes 22, a cidade acollerá unha ampla programación con actividades educativas, divulgativas, deportivas e culturais para todos os
públicos.

Nos toldos estarán presentes os servizos municipais de Mobilidade, Medio Ambiente e Seguridade Cidadá, así como BiciCoruña. Tamén participan Tranvías Coruña, que dará a coñecer o servizo de transporte urbano e colaborará con sorteos de bicicletas pregables e bonos de autobús, e empresas vinculadas á mobilidade como Eptisa e Aluvisa, con paneis informativos.

“Para A Coruña a mobilidade non é cousa dunha semana. É o modelo de cidade polo que levamos anos traballando”, sinalou Rey, que destacou as características da Coruña como “unha cidade compacta, de apenas 37,5 quilómetros cadrados, na que moitos dos desprazamentos diarios poden facerse a pé, en bicicleta ou en transporte público”.

A programación inclúe actividades de educación viaria e ambiental, rutas escolares e abertos á cidadanía, visitas ao CIMoB, circuítos de habilidades e propostas sobre accesibilidade e seguridade viaria. Todo da man da Concellería de Mobilidade, Mobilidade, Medio Ambiente e
Seguridade Cidadá, pero tamén das entidades colaboradoras: AMI-Asociación Montañeiros Independentes, Mobi-Liza, Stop Accidentes, Galicia Rollers, VMP Coruña, GRUMICO, Termaria, a Federación de Asociacións de Veciños e as entidades veciñais participantes, xunto con Amigos del Acordeón, A.C. Donaire, o Coral Polifónica El Eco e a Xefatura Provincial de Tráfico.

Bicicoruña e os carrís bicis, un eixe prioritario

Apertura Semana Mobilidade Fabrica de Tabacos 2

Se algo cómpre destacar da actuació do goberno municipal nos últimos anos en materia de mobilidade, é a súa rotunda aposta polo servizo de BiciCoruña e pola ampliación a rede ciclable. Unha rede de carrís bici que supera xa os 57 quilómetros de rede ciclable, 7 máis ca en 2023, e con case outros 3 quilómetros actualmente en execución.
A renovación e ampliación de BiciCoruña traduciuse nun forte crecemento do servizo, que dispón actualmente de 856 bicicletas, 85 estacións e 19.116 persoas usuarias. Só entre xaneiro e agosto deste ano contabilizáronse máis de 1,9 millóns de usos, 100.000 máis ca en todo o ano 2025.

Durante a SEM, os paneis informativos instalados na praza de Tabacos permitirán tamén coñecer datos reais sobre como se move a cidadanía. Os sistemas de medición rexistran unha media diaria de 931 bicicletas na praza de Ourense, 867 na avenida da Habana e 535 en Ramón y Cajal.

No caso da mobilidade peonil, contabilízanse diariamente 22.964 persoas na rúa Compostela, 15.571 en San Andrés e 14.243 en Alcalde Marchesi, tres espazos que experimentaron importantes transformacións urbanas nos últimos anos e que hoxe gozan diariamente milleiros de persoas. Como referencia, pola rúa Alcalá de Madrid pasan unhas 16.000 persoas ao día, preto de 7.000 menos que pola rúa Compostela.

Precisamente o lugar escollido para abrir a SEM é un dos puntos de maior demanda da rede de bicicleta pública. A estación da praza de Tabacos é actualmente a cuarta con máis usos de BiciCoruña, por detrás das de Porta Real, praza de Pontevedra e Casa da Auga. Para darlle resposta ao incremento de persoas usuarias neste enclave, o Concello ampliou a estación mediante un sistema de dobre ancoraxe. A actuación permite pasar das 12 bicicletas actuais a 25, máis que duplicando a súa capacidade.

Marchas nórdicas

Durante varias xornadas, a AMI-Asociación Montañeiros Independentes organizará marchas nórdicas con diferentes saídas desde a praza de Tabacos e outros puntos da cidade, previa inscrición.

Cine

A cultura terá tamén presenza na SEM con dúas sesións de cineme ao aire libre: o venres proxectarase “El 47” , cunha presentación previa de Javier Trigales, e o sábado será a quenda de “E.T. El extraterrestre”.
As sesións estarán acompañadas da repartición de cornetes de lambetadas entre as persoas asistentes. O venres terá lugar tamén a Friday Mobility Night de Galicia Rollers, este ano con temática verde.

Unha charla de Mobi-Liza

Entre as novidades e citas destacadas figura, para o venres 18, a xornada sobre mobilidade e coidados “Mobilidades invisibles”, organizada por Mobi-Liza no MUNCYT, xunto cos roteiros en bicicleta (con inscrición previa).

Mobi-Liza organiza no MUNCYT unha xornada sobre Mobilidades Invisibles

A Rolda peonil

Ademais, o domingo hai un paseo veciñal pola rolda Peonil da man da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña, acompañados por A.C. Donaire:

Un roteiro veciñal para reinvidicar a Rolda Peonil que atravesa a cidade

O 22, Día sen Coches

A Semana concluirá o martes 22, Día sen Coches, co corte do tráfico da rúa Concepción Arenal entre as 17.00 e as 20.00 horas. A calzada converterase durante a tarde nun espazo para a cidadanía con educación viaria, circuítos de habilidades, patinaxe, zumba na rúa con Termaria, música coa Coral Polifónica El Eco e actividades de Medio Ambiente.

Máis novas

A praza de Tabacos acolle o groso da Semana Europea da Mobilidade