Arrincou este sábado o programa do Antroido da Coruña coa celebración no Palacio da Ópera do tradicional concurso de comparsas na modalidade de música e letra. O humorista galego David Amor foi, un ano máis, o encargado de conducir a cerimonia, na que participaron oito comparsas. Amigos da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Montealto a 100, Os Maracos e Pantaleón, ás que se sumaron Badabum Sorpresa e Os Kilomberos de Monte Alto —estas dúas, fóra de concurso— fixeron rir a todo o publico coas súas simpáticas coplas.
As máis aclamadas a da comparsa Monte Alto a 100, que gañou o primeiro premio, sendo segundo premio para Pantaleón e o terceiro para Os Maracos.
As tres comparsas gañadoras
Como gañadora deste concurso, a comparsa Monte Alto a 100 interpretará en directo as súas dúas cancións deste certame no acto de entronización do deus Momo, que terá lugar o venres 13 de febreiro no Campo da Leña (21.00 horas).
O xurado estivo integrado pola alcaldesa, Inés Rey, Ana Canosa, traballadora do IMCE, como secretaria, e catro vogais: Laura Seoane, directora do IMCE, Juan Miguel Romero Llopis, director da Banda Municipal de Música, Elena Umbría, directora da Escola Municipal de Música, e Lara Fernández, xornalista de El Ideal Gallego.
A Deputación da Coruña pechou o prazo de presentación de candidaturas ao V Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais cun éxito de participación, acadando un total de 64 solicitudes, o que supón 12 máis que na edición anterior. Segundo informou o organismo provincial, 30 destas candidaturas concorren á modalidade de Traxectoria da entidade, destinada a recoñecer o labor sostido das organizacións do Terceiro Sector. As outras 34 solicitudes optan á modalidade de Proxectos, centrada en iniciativas concretas de intervención social na provincia. O fallo do xurado e a entrega de galardóns, dotados con 7.000 euros en cada unha das súas seis categorías, terán lugar o próximo 10 de abril.
OUTRAS INICIATIVAS
No marco da acción social e cultural, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinou un convenio coa asociación Ecos do Sur para a acollida de menores refuxiados procedentes da guerra de Mali. A institución provincial ofrece asilo desde o pasado mes de setembro a 15 menores na Residencia do IES Rosalía Mera, na Coruña, proporcionando un fogar seguro a mozos desprazados polo conflito.
Nesta mesma xornada, a Deputación publicou no Boletín Oficial da Provincia as bases para a cesión dunha exposición itinerante sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho Calero. Esta iniciativa, impulsada pola Sección de Normalización Lingüística, busca difundir o legado do escritor en centros educativos e espazos públicos. Finalmente, o organismo provincial e o Concello de Coirós formalizaron un convenio para a xestión integral do Centro de Interpretación da Contorna Fluvial do río Mandeo, situado en Chelo, reforzando así o compromiso coa divulgación ambiental.
Ata Ourense desprazáronse os membros da Asociación de Medios en Galego (AMEGA), da que este Xornal forma parte, para celebrar o Día dos Medios en Galego. Unha cita que se lembra no país cada 7 de febreiro para lembrar a publicación do primeiro número de O Tío Marcos da Portela, considerada a primeira cabeceira escrita íntegramente en galego, e que neste ano cumple o seu 150 aniversario. A data tamén serve para homenaxear ao seu promotor, Valentín Lamas Carbajal, un valeroso xornalista, poeta, escritor, que a pesar da súa discapacidade visual foi un dos grandes referentes da cultura galega do século XIX.
A AMEGA, o Consello da Cultura Galega e Real Academia Galega, coa colaboración da Deputación de Ourense e a Secretaría Xeral de Política Linguística, realizaron un completo programa.
A xornada do venres arrincou no Liceo cunha interesante mesa redonda sobre os retos aos que se enfronta a prensa nesta era das redes sociais, a Intelixencia artificial e a desinformación. Representantes de asociacións catalanas e vascas refrendaron na que se puido corroborar que o galego, por primeira vez, parte nunha posición de igualdade co resto de linguas cooficiais do estado.
De seguido celebrouse unha divertida foliada na Praza de San Martiño coas entidades A Galleira, Cantos da Cunha, Feitizo de Pau, Escola Provincial de Danza Castro Floxo e a Coral de Ruada.
O domingo, o Consello artellou un interesante roteiro polas pegadas de Lamas na vila da Burga (que en Ourense lle din en singular), da man de Alfonso Monxardín, e coas intervención do bisneto do escritor Manuel López-Ribadulla Lamas, a presidenta do Consello da Cultura Galega Rosario Álvarez, da Academia Galega María López Sández, o secretario xeral da Lingua Valentín Garcia e o presidente da Asociación de Medios en Galego Fernando de Paz.
A xornada finalizou no Liceo cunha actuación da coral de Ruada e un cocido no Liceo.
Fernando de Paz, presidente de AMEGA, co historiador e guía Afonso Monxardín, diante da sede do Tío Marcos da Portela no roteiro sobre Valentín Lamas Carbajal
Toda a información podedes completala en mediosengalego.gal, onde tamén podedes ver os medios da AMEGA así como os máis de 100 medios que comunican na nosa lingua
A iniciativa ambiental “Izan Voluntario “levou a cabo a súa última limpeza de praias antes de comezar unha nova etapa baixo o nome @arena.limpia. A acción tivo lugar na praia de
Gandario, onde o comprometido protagonista e outros 3 voluntarios, recolleron aproximadamente 140 quilos de residuos, ademais de numerosas cordas de batea, moitas delas sen posibilidade de ser pesadas debido á súa volume.
O grupo quere agradecer a Refix Seawater Hydration polas bebidas ofrecidas ás persoas voluntarias e a Surfrider por facilitar o material necesario para a limpeza.
Dende a organización queremos destacar e agradecer de forma especial a Yago López Solórzano, pola súa paixón, implicación e compromiso constante coa protección do Medio ambiente.
Esta limpeza non só marca un peche, senón tamén un novo comezo. Co cambio de nome a Arena Limpia, o proxecto reafirma o seu compromiso coa conservación de as nosas costas e coa concienciación ambiental.
“Porque os mozos somos o futuro e somos, tamén, a xeración da rexeneración”, sinalan
Un roubo de cable obrigou a interromper a circulación nun tramo da rede ferroviaria na provincia da Coruña, en concreto, entre os municipios de Xuvia e Ortigueira. O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) informou desta afección á circulación a través do seu perfil en ‘X’. A incidencia foi notificada pasadas as 10.00 horas e, case oito horas despois, non informou de que estea solucionada. Esta interrupción produciuse despois de que, nos días anteriores, Renfe suspendese a circulación de trens con orixe ou destino Vigo, o que deixou a gran parte de Galicia incomunicada por esta vía durante preto de 72 horas.
O Teatro Jofre de Ferrol acolleu este pasado sábado a IX edición dos Premios Youtubeiras, o certame que, organizado polos servizos normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña, ten como obxectivo promocionar o talento en galego nas redes sociais.
Á gala, que foi presentada por Leila Fernández (membro da canle O faiado pódcast) e Carlos Vieito (integrante do proxecto Exército Mekemeke), asistiron representantes das 28 canles finalistas. Ao longo da velada, deuse a coñecer o ditame do xurado que, nesta edición, estivo conformado por Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico.
Os premiados
Rodri Míguez
O Premio á Creación de Contidos levouno Konachadas. O xurado decidiu galardoar esta canle pola “súa calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade” para converter calquera temática “nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos”.
O Premio á Mellor Canle distinguiu a Rodri Míguez. O xurado considerouno merecente do galardón “polo seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta”.
O Premio ao Mellor Pódcast recaeu en Fóra de mapa pódcast por “usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos á culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional”.
O Premio Calidade Lingüística acadouno Patri Otero por, en palabras do xurado, “utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar”.
O Premio Revelación foi para O búnker debuxos. O xurado salientou desta canle a súa capacidade de “sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso”
O Premio Rede conquistouno ChutenMeme por conseguir “a través do humor” xerar “novos lazos virtuais” e facer “medrar a comunidade dixital galega”.
Nesta novena edición dos Premios Youtubeiras+ rexistrouse a concorrencia de 126 canles diferentes, cifra que bateu a marca histórica do concurso e superou a colleitada na edición anterior, en que participaron un total de 89 canles.
Levan apenas un ano e medio como formación e xa están copando titulares das voces que máis seguen a música galega contemporánea como @rodrimiguez97 ou @noelturbulencias.
Apolo18 (@__apolo18__) son Rafa, Iago, Antón, Noel e Hugo. Con entre 18 e 20 anos, unen varios barrios da cidade para romper barreiras co seu rock alternativo a base de ruído, un son pouco habitual nos días que corren.
Veñen de tocar na Filomátic ou no Clavicémbalo de Lugo, xa teñen un par de temas nas plataformas e as vindeiras semanas presentan “Incidente”, gravado coa axuda de Estudios Mans. Falamos con esta banda que de seguro vai revolucionar o verán galaico.
De que barrios sodes e onde estudiastes/estudiades?
Hugo e Antón son dos Rosales, os dous estudan tamén en Coruña. Hugo Iluminación na Escola de Imaxe e Son, e Antón na Universidade a carreira de Cultura Audiovisual. Rafa é de Oleiros. Agora mesmo estudia en Santiago a carreira de Bioloxía. Noel de Matogrande, estuda actualmente en Vigo a carreira de Inxeniería Industrial. E Iago é de Cabana de Bergantiños, na Costa da Morte, pero agora mesmo reside no barrio de Os Castros e estuda un ciclo superior de Deseño e Amoblamento co CIFP Someso.
Como vos coñecestes?
Antón e Hugo xa se coñecían do colexio, e tiveron a idea de facer un grupo. Buscando un batería encontraron a Noel, que comezou a ensaiar con eles. Máis adiante, Noel propúxolle a Rafa a idea de unirse tamén ao grupo, cousa que Rafa non dudou en aceptar. Finalmente, buscando un cantante, Hugo e Rafa pensaron en Iago, xa que o coñecían do conservatorio, xa que os tres estudaban guitarra aí.
De onde vén o nome da banda?
Dende que empezamos a ensaiar xuntos non nos preocupamos moito polo nome, pero chegou un punto no que, tras varios meses nos que xa compoñíamos cancións e nolo tomábamos un pouco mais en serio, comezamos a buscar nomes, pero non dábamos con ningún que nos encantara a todos. Nun destes ensaios, estábamos con Miguel, o pai de Rafa. Este último pensara nunha temática espacial, polo que Miguel dixo: “se houbo 17 apolos, pois vós sodes o 18” e simplemente aceptamos a súa proposta sin comernos máis a cabeza.
Xa vimos por aí que tendes referencia como Radiohead, Smashing Pumpkis, Nirvana, Los Planetas… a nivel galego, que bandas vos gustan?
Letras en Galego? Por que? Sodes galegofalantes ou neofalantes?
No noso caso foi unha decisión completamente natural. Aínda que os músicos do grupo non falen galego habitualmente, eu, Iago (o cantante) sempre falei en galego, polo que á hora de escribir fáiseme moito máis cómodo escribir e expresarme no meu propio idioma que cambiar ao castelán.
Estudios Mans… vaia luxo na cidade, non? Que tal foi a experiencia de gravar alí?
Para nós foi un soño poder estar aí e compartir sitio con unha persoa tan talentosa e cercana como é David, o produtor que nos axudou a sacas estas cancións adiante. Pasamos un día enteiro aí e todas as grabacións foron en directo. Tamén grazas a estar aí se nos abriron moitas oportunidades que de outra maneira serían imposibles, así que estamos moi agradecidos co equipo de estudios Mans.
Xa tocastes na Disfrutona, na Filomatic, no mítico Clavicémbalo de Lugo, e pronto volvedes á Filo, e a Mardi. Sodes usuarios das salas??
Sendo 5 persoas ás que nos gusta a música en directo, sempre que temos a oportunidade de ver a algunha banda que nos gusta en Coruña, tanto locais ou de fóra, intentamos estar aí para apoialas.
Como foi o concerto de San Antón do pasado verán? Que significou para vós?
Foi un evento no que o pasamos moi ben a verdade. Grazas aos locais de ensaio tivemos a oportunidade de tocar nun lugar como ese e compartir espacio cos nosos compañeiro dos locais. Foi unha tarde chea de música con moi bo ambiente.
Un voo privado con destino a Casablanca (Marrocos) aterrou de emerxencia pasadas as 13.40 horas deste sábado no Aeroporto da Coruña-Alvedro tras rexistrarse un problema relacionado co osíxeno na cabina. Segundo informou a plataforma Voa Máis Alto na rede social X, o avión —procedente de Brest (Francia)— realizou un descenso moi rápido, pasando de 42.000 a 9.000 pés nunha curta marxe de tempo, como medida preventiva para evitar complicacións para os ocupantes.
O Concello de Culleredo confirmou que fixo seguimento da operación desde que o 112 deu aviso arredor das 13.20 horas. De feito, o propio alcalde, José Ramón Rioboo, desprazouse ao aeródromo ata que se completou a aterraxe, que tivo lugar sobre as 13.50 horas. Rioboo destacou a “excelente coordinación coas autoridades do aeroporto” e sinalou que todo o proceso se desenvolveu con normalidade e con información puntual, sen que se rexistrasen incidencias adicionais.
Unha incidencia técnica, sobre a que Renfe non deu máis detalles, obrigou a deter un AVE que estaba programado para saír da Coruña ás 07.15 horas e tiña prevista a súa chegada a Madrid ás 11.05 horas. Tras recoller aos pasaxeiros de Santiago de Compostela, o convoi detívose ao redor das 08.30 horas nun lugar entre O Irixo e a cidade de Ourense, segundo relataron fontes de Renfe a Europa Press.
Despois dun tempo de espera superior ás tres horas, os viaxeiros do tren 04364 foron trasladados a Ourense e recolocados nun Avlo con destino á estación de Madrid Chamartín, que actualmente está en circulación. A información en tempo real da ‘app’ de Renfe prevé que chegue despois das 15.00 horas. Esta detención produciuse durante o terceiro día consecutivo no que Renfe suspendeu a circulación de todos os trens con orixe ou destino Vigo, o que afecta as conexións con Santiago de Compostela e Ourense.
O BNG denunciou a “grave deterioración” das condicións laborais na torre de control do aeroporto da Coruña-Albedro “desde a súa privatización”. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reuniuse con representantes dos traballadores, rexistrou iniciativas para pedir ao Goberno central “medidas inmediatas” para “garantir a seguridade aérea” e os dereitos do persoal controlador, así como avanzar cara á “recuperación da xestión pública deste servizo”.
Segundo informou o BNG nun comunicado, durante o encontro os representantes dos controladores alertaron dunha situación de “degradación continuada” do servizo, con “recortes de persoal, sobrecarga de traballo e vulneración dos seus dereitos laborais”. Neste sentido, Rego denunciou que a empresa adxudicataria “reduciu o cadro de persoal” a respecto da licitación anterior, o que “provoca fatiga acumulada, tensión e un aumento das baixas médicas”. “A privatización da torre de control de Albedro non mellorou a calidade do servizo, senón que introduciu precariedade e riscos innecesarios nun ámbito tan sensible como o control do tráfico aéreo”, sentenciou Rego.