Inicio Blog Páxina 18

A CRMH esixe a Defensa que retire o nome do xeneral Juan Yagüe dunha sala da Capitanía da Coruña

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) dirixiu un escrito ao Ministerio de Defensa e á Dirección Xeral de Atención ás Vítimas para solicitar formalmente a retirada do nome do xeneral franquista Juan Yagüe dunha sala da Capitanía Xeral da Coruña. A entidade sinalou que manter esta denominación é unha “ofensa ás vítimas da ditadura” e un incumprimento “flagrante” da Lei de Memoria Democrática.

A CRMH denunciou que ese espazo, adicado ao coñecido como ‘o carniceiro de Badaxoz’, se publicita en visitas guiadas na web do Ministerio de Defensa “sen ningún tipo de rubor“. Consideran este feito un “escándalo” e un “desprezo á democracia”, lembrando que resulta insólito que un golpista manteña honras no mesmo lugar onde foi detido o xeneral Enrique Salcedo Molinuevo, quen foi fusilado posteriormente xunto ao gobernador militar Rogelio Caridade Pita.

RESPONSABLE DE MASACRES E VÍNCULOS NAZIS

Segundo denunciou a comisión, Juan Yagüe foi o máximo responsable do Masacre de Badaxoz, onde unhas 4.000 persoas foron asasinadas en agosto de 1936. Así mesmo, incidiron en que foi responsable de saqueos e da violación sistemática de mulleres no avance das tropas cara a Madrid. Tamén lembraron os contactos deste criminal co réxime nazi de Hitler e con figuras como Hermann Wilhelm Göring.

A Comisión solicita ao Executivo que elimine a denominación ‘Salón de Honor TG Yagüe‘ que existe no interior do edificio da Capitanía, así como a súa publicidade. Apuntan que xa foron retirados símbolos dedicados a Yagüe noutras cidades como Soria, Madrid ou Oviedo, e que o propio Goberno lle retirou varios títulos. “Non pode haber espazos de impunidade para a exaltación da ditadura”, resolveron desde a entidade coruñesa.

A AC-012 reabre esta medianoite tras o derrube do viaduto do Novo Chuac

A AC-012 na Coruña reabrirá ao tráfico esta medianoite tras acometer estes días a demolición do viaduto polas obras vinculadas ao Novo Chuac. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa delegada territorial da Xunta, Belén do Campo, e o xerente da área sanitaria da Coruña, Luís Verde Remeseiro, supervisaron as actuacións na zona, que obrigaron ao peche da circulación.

Allegue explicou que os traballos avanzaron con máis axilidade do previsto, quedando xa completada a demolición da parte do viaduto programada para esta semana. Segundo a planificación, a operación de derrube iniciouse o luns coa demolición de parte dos segmentos do viaduto situados nas marxes da AC-012, concentrando as actuacións máis complexas nesta semana, o que posibilitará a reapertura do tráfico. Segundo a Xunta, demoléronse aproximadamente 4.000 toneladas de material, que se amorearán provisionalmente para logo reutilizarse como recheo dos viarios da propia obra.

O persoal de Albada anuncia mobilizacións pola “precariedade” e o mal estado da planta de lixos da Coruña

O persoal de Albada —a empresa concesionaria do servizo de tratamento de lixos na Coruñaanunciou a convocatoria de mobilizacións contra a “precariedade salarial, o mal estado das instalacións e a demora na licitación dos novos pregos” para a adxudicación do servizo. Así o expuxeron nunha rolda de prensa na sede da CIG na cidade herculina, na que apuntaron ao comezo dun “período de conflitividade” en resposta ao empeoramento das condicións económicas e laborais, ao incumprimento dos requirimentos da Inspección de Traballo e á falta de persoal.

Por iso, o presidente do comité de empresa, Hadrián Canosa, explicou que iniciarán un calendario de protestas que arrincará o próximo 9 de abril cunha concentración na praza de María Pita, coincidindo coa celebración do pleno municipal. “Levamos máis de seis anos de prórroga forzosa e, mentres estamos a esperar a que a nova licitación se faga efectiva, padecemos as calamidades diarias dunha planta que cae a anacos”, aseverou o representante dos traballadores. Canosa asegurou que a planta “non recicla” nin está adaptada aínda ao quinto colector.

En canto ao estado das instalacións, denunciou que “chove dentro das naves, sobre os cadros eléctricos e sobre os puntos de luz e as zonas de paso”. Segundo criticou o comité, a limpeza das dependencias é “moi deficiente” debido ao mal estado das cintas transportadoras. Os traballadores advertiron ao Concello que serán “perseverantes” ata conseguir ser escoitados e que se poña fin á situación de abandono que, segundo din, sofre o centro de tratamento de residuos de Nostián.

Xosé Alfeirán expón a historia sociopolítica da cidade

0

A Casa Museo Casares Quiroga vivíu onte a inauguración da mostra ‘A Coruña 1930-1931. Estampas de vida e política’, unha exposición organizada por Xosé Alfeirán que reúne unha serie de fotografías, algunhas delas inéditas, que pertencen á Colección Bartolomé-Chavert. 

Unha exposición fotográfica que conta ademais cunha proxección da aterrizaxe do gran hidroavión alemán DOX, “Leviatán del Aire”, o 23 de outubro de 1930 no porto da Coruña. Unha revisión sobre a declaración da II República na Coruña.

Por medio de 31 imaxes da Colección Bartolomé-Chavert dos anos 1930 e 1931, algunhas delas completamente descoñecidas, a mostra fai unha viaxe ao pasado par coñecer algúns aspectos da vida social e política da cidade nuns anos clave que van do paso da ditadura militar de Primo de Rivera á proclamación da II República.

A imaxe da mostra é a fotografía do coche que levou pola rúa Real o cadro ‘Alegoría da República’ de Román Navarro, que estaba na sede do Casino Republicano nos Catóns, para ser colocada no salón de plenos municipal o 14 de abril de 1931.

Mostra de Xose Alfeiran na Casa Museo Casares Quiroga

O BNG pregunta polo incumprimento da Lei de Memoria Democrática

A concelleira do BNG Mercedes Queixas vai levar ao Pleno do vindeiro 9 de abril unha pregunta oral sobre a falta de cumprimento da Lei de Memoria Democrática  por parte do Goberno municipal nunha cidade que segue ofrecendo nomes de rúas e prazas a recoñecidos franquistas.

“É moi sorprendente que, á luz dos reiterados incumprimentos desa lei, o Goberno Local, a través do concelleiro Gonzalo Castro, dixese días atrás que está a realizar un traballo constante para restablecer a memoria das persoas que sufriron a represión franquista na cidade”, afirma Queixas.

Os feitos desmenten esas palabras do concelleiro do Goberno de Inés Rey. “Teñamos que en conta que durante os tres anos que levamos de mandato, o Consello de Memoria Democrática do Concello só foi convocado en dúas ocasións, e noutras tres a súa realización foi adiada”, remarca.

Alén diso, o Goberno Local continúa sen dar curso ás propostas que lle ten formulado o Consello da Memoria Democrática, entre elas, a máis destacada a de levar a Pleno o informe elaborado polo Instituto José Cornide para aprobar dunha vez a retirada de honras e distincións a persoas que participaron activamente na ditadura.

Mocións aprobadas

Lembran a falta de aplicación de mocións aprobadas en pleno, como a de xullo de 2025 para mudar no nome da rúa Sanjurjo de Carricarte polo de Diplomáticos de Monte Alto. Ou o do ano 2020, tralo acordo que contemplaba a instalación en Monte Alto da escultura dos irmáns da lixivia realizada por Ramón Conde e sufragada por Selva García, a sobriña dos tres irmáns fusilados polos fascistas en 1936.

Críticos coa xestión do Mundial 2030

BNG Coruna Pleno extraordinario mundial 2030
Grupo do BNG no pasado pleno

En paralelo, o grupo criticou a retirada da candidatura da Coruña ao mundial de fútbol masculino 2030, quee considera un “fracaso” do Goberno Local que nace da súa “propia inacción”.
Así o defendeu, durante o Pleno extraordinario do pasado venres, o concelleiro David Soto.
“O Goberno Local tiña dous obxectivos que cumprir en relación ao mundial 2030: conseguir que A Coruña fose sede e facelo en beneficio da cidade. Fracasou en ambos, non por causas fortuítas, senón pola súa propia inacción”, afirmou.
“O Goberno de Inés Rey xestionou mal o asunto e, ademais, o fixo cunha absoluta falta de transparencia”, denunciou David Soto.
“Nunca se chegou a revelar en que consistiría a reforma do estadio, que entidades asumirían o custe e en que porcentaxe nin que obtería o suposto operador privado a cambio do seu investimento”, resaltou.

Máis novas

“Os tempos son chegados”: Monge consegue o compromiso municipal para eliminar os 378 símbolos franquistas da cidade

O Consello da Memoria Democrática propón aplicar o informe José Cornide tras 5 anos no caixón

Avances na tramitación da declaración de 3 Lugares de Memoria na cidade

 

O Areal da Torre, un pouco máis limpo gracias aos salvadores do CIS e de Mar de Fábula

Convertir a protección do medioambiente nun axente de reinserción social. É o principal obxectivo do proxecto Entre Crebas, que desenvolve a Asociación Mar de Fábula dende hai 3 anos co colectivo das persoas residentes no CIS (Centro de Inserción Social) da Coruña.

Así, as persoas que cumplen a terceira parte da súa condena en réxime de semiliberdade, mentres buscan emprego, entenden con esta iniciativa a importancia de formar parte da sociedade, e de coidar o patrimonio natural, que ao fin e ao cabo, é de todos.

Así, este pasado mércores 25 de marzo celebrouse a segunda limpeza deste curso, que centra as accións na veciña praia das Lapas, historicamente coñecida como Areal da Torre.

A pesar das constantes visitas dos salvadores, a praia constitúe sempre unha sorpresa agradable pola súa paisaxe e a súa torre vixiante no alto pero, tamén, unha mostra desagradable do abano de detritos que baleiramos acotío nos océanos. Non hai día ou noite que non cheguen ás praias moreas de lixo plástico procedentes do mar.

Salvadores do CIS das Lapas con Mar de Fabula
Os Salvadores do CIS con Mar de Fábula

Despois dunhas breves palabras de benvida e pautas a seguir na recollida do lixo, as 20 persoas voluntarias do CIS, moitas caras novas nesta ocasión, desplegáronse polo areal con todo interese e motivación, sentíndose útiles e activos nunha nova acción de coidado domar.

Nesta ocasión, o resultado da colleita infame, despois dunha hora de traballo, foi como sigue: 11 botellas de plástico, 8 paos plásticos das bateas, 50 anacos plástico miúdo brandos e ríxidos, 65 aparellos e residuos da pesca e unha sopa incontable de microplásticos.

Ademais, non faltaron dous dos males endémicos destas praias urbanas: 74 cabichas e 2 paquetes tabaco por un lado; e 75 toalliñas húmidas polo outro.

Tamén recolleron latas e botellas e un clásico deste lugar, que no seu día foi cemiterio de entullos: 70 anacos de ladrillo

Máis novas

Os salvadores do CIS volven limpar o Areal da Torre

A “movida” medioambiental de San Amaro que reinserta e conciencia

 

A incansable loita contra as cabichas nas praias

Cando as persoas privadas de liberdade se convirten en “axentes do cambio”

A praia de Santo Amaro volveu recibir a visita dos salvadores do CIS e Mar de Fábula

Profesionais sanitarios únense na Coruña para concienciar sobre a seguridade da receita médica

Médicos, odontólogos, podólogos e farmacéuticos destacaron a necesidade de concienciar á cidadanía sobre o uso da receita médica. Todos eles incidiron na importancia de avanzar para que a nivel poboacional se entenda que esta norma achega “seguridade ao paciente“. Así o manifestaron este martes, nunha rolda de prensa na Coruña, durante a presentación da campaña ‘Unha para todos e todos para unha’ que se desenvolverá nas próximas semanas nas farmacias da provincia coruñesa.

“A receita médica é un elemento crave de seguridade para o paciente, unha ferramenta sanitaria fundamental, non é burocracia é seguridade clínica”, insistiu a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Coruña, Sara Catrain. “Unha receita ben feita protexe ao paciente, mal feita pode polo en risco”, indicou tras expor que existe moita falsificación de receitas, motivo polo cal se inclúe un código unívoco que evita problemas.

“ACTO DE RESPONSABILIDADE”

Na mesma liña, a presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, Ana Requeijo, dixo que “esixir receita oficial é un acto de responsabilidade, unha garantía profesional”. Ademais, alertou de que os pacientes non son conscientes dos riscos que asumen co autodiagnóstico e a automedicación. Pola súa banda, o presidente do Colexio de Odontólogos da Coruña, José María Suárez Quintanilla, recalcou que esta campaña ofrece “calidade, rapidez, rastrexabilidade e seguridade aos pacientes”.

Así mesmo, o presidente do Colexio de Médicos da Coruña, Luciano Vidán, incidiu en que os fármacos son “algo perigoso” e por tanto hai que ter moita certeza e cautela por parte do profesional ao prescribilo e do paciente ao tomalo. “Unha poboación moi importante galega ten pluripatoloxía e toma varios medicamentos ao día”, apostilou para reforzar a necesidade de controlar a prescrición oficial fronte aos perigos de non seguir as canles sanitarias establecidas.

En marcha a construción do centro de apoio ás escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña

Nova aposta polo Castro de Elviña, un deses tesouros patrimoniais da cidade pouco aproveitados. Falamos dun castro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) que estivo habitado, segundo as estimacións, entre os séculos III A.C. e IV D.C., e que ocupa máis de catro hectáreas e ten tramos de muralla que se elevan ata cinco metros.

Así, o Concello comezará nas vindeiras semanas, tras a adxudicación á empresa Citanias, a obra de construción dun centro de apoio ás escavacións arqueolóxicas no Castro de Elviña, cun investimento de 314.398,34 €.

Unhas obras enmarcadas nun plan municipal para remodelar integralmente a contorna do Castro de Elviña para dotar de maior apoio ás actividades profesionais e didácticas que se desenvolven no enclave, que tamén contará cun peche perimetral.

O centro contará cun punto de información para visitantes, así como de espazos pensados para desenvolver actividades interpretativas e divulgativas acerca da historia do sitio e dos traballos de escavación e reconstrución histórica que se levaron, e se levan, a cabo no lugar, que é unha das testemuñas máis valiosas da historia antiga da Coruña.

Máis novas

O Castro de Elviña empezará a blindarse para a súa posta en valor

A Cámara da Coruña lanza un servizo para facilitar o acceso das empresas galegas ao mercado dos Estados Unidos

A Cámara de Comercio da Coruña promove un servizo destinado a apoiar as empresas galegas no seu acceso ao mercado estadounidense mediante a xestión do rexistro obrigatorio ante a FDA (U.S. Food & Drug Administration), un requisito indispensable para exportar produtos regulados aos Estados Unidos. Segundo traslada a entidade nun comunicado, esta iniciativa diríxese especialmente a empresas de sectores como alimentación, bebidas, cosmética, produtos farmacéuticos ou sanitarios, ámbitos nos que a normativa esixe un estrito cumprimento dos estándares de seguridade e calidade.

Por medio deste servizo, as compañías poden garantir que os seus produtos cumpren os requisitos necesarios para a súa comercialización en Norteamérica, evitando barreiras técnicas ou administrativas que adoitan dificultar a entrada neste mercado. Ademais do rexistro, a Cámara complementa esta actuación con accións de consultoría, organización de reunións de negocio en Estados Unidos e xornadas técnicas sobre aspectos crave para operar de xeito internacional.

A Coruña convértese este ano na capital nacional do lecer nocturno

A Coruña ostentará este ano a capitalidade nacional do lecer nocturno con encontros, foros e eventos organizados por Galicia de Noite e a federación nacional España de Noite, en colaboración co Concello e a Xunta de Galicia. Nestas citas analizarase a evolución do sector, poñendo en valor o seu impacto social, económico e turístico nas diferentes comunidades autónomas. En Galicia, este ámbito factura 314,2 millóns de euros anuais e xera 10.600 empregos, dos cales 1.150 corresponden á cidade coruñesa, onde a facturación alcanza os 34,3 millóns.

Segundo a organización, estes datos reflicten a importancia do sector no tecido produtivo. A capitalidade chega nun momento de transformación do lecer na Coruña, que se converteu en exemplo de innovación, profesionalización e capacidade de diálogo coa administración e os colectivos sociais. A cidade será a sede da Segunda Conferencia Nacional do Lecer e os Espectáculos en maio, un evento que reunirá a empresarios, promotores, administracións e expertos do sector.

Tamén se celebrará a novena gala dos Premios Recicla a Noite, destinados a recoñecer as mellores iniciativas empresariais, asociativas e institucionais en materia de lecer seguro, responsable e de excelencia profesional, tanto de Galicia como do resto de España. Esta elección consolida o papel da cidade como referente nacional nunha industria clave para o turismo e a economía local.