Un total de 33 establecementos ofrecerán menús especiais de lacón con grelos do 6 de febreiro ao 8 de marzo no marco das xornadas gastronómicas ‘Lacónicas’. O concelleiro de Turismo, Gonzalo Castro, presentou a undécima edición das ‘Xornadas Gastronómicas do Lacón con Grelos’, unha das citas culinarias máis importantes da cidade, segundo púxose de manifesto. Ao acto de presentación, asistiron diferentes persoas responsables dos establecimeintos hostaleiros participantes. “Estamos moi orgullosos da celebración destas xornadas, que pon de relevo a excelente materia prima coa que traballan os restaurantes da cidade”, apuntou.
A RAG presentou na Coruña as ‘Rimas populares de Galicia’ de Manuel Murguía
A Casa Museo Casares Quiroga acolleu este mércores 4 de febreiro, a presentación do libro ‘As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía’, coincidindo co cabodano do célebre escritor (Arteixo, 1833 – A Coruña, 1923). Unha edición realizada pola Real Academia Galega e dirixida por Diego Rodríguez González.
As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados ve a luz dentro da colección da Academia Anexos BRAG co apoio do Concello da Coruña. nun acto de entrada libre ata completar a capacidade da sala.
O presidente da RAG puxo o acento na relevancia dunha publicación que rescata da penumbra un material que pode abrir novas vías para a análise arredor do romanceiro en Galicia. “O libro que hoxe presentamos trae a luz a un material inédito desde hai máis de cen anos que constitúe unha achega moi importante para o debate da historia e da evolución do romanceiro de tradición oral en Galicia”, salientou Henrique Monteagudo.
“O conxunto de materiais que Murguía foi acumulando, grazas á axuda dos seus colaborados, apareceu nun cartafol desordenado e sen atribucións. El realmente non recuperou ningunha das pezas populares, pero foi o responsable de recollelas e darlles un sentido unitario”, explica Diego Rodríguez. Os limiares conservados na RAG foron chave para a identificación dos papeis coidados pola Barrié. Entre outra información, sinalan momentos nos que as Rimas estiveron a piques de ser publicadas. “O primeiro datámolo cara a 1891, polas referencias que contén. A finais do século XIX, en 1895, chega a haber anuncios da impresión, que inclúen ademais a mención a unha subvención da deputación, o que leva a sospeitar que algo puido chegar a ser impreso”, detalla Rodríguez. Máis ou menos da mesma época é o segundo prólogo, que se ten identificado como o último intento de edición.
Condenado a máis de 4 anos de cárcere o condutor que causou a morte dun matrimonio na Noiteboa de 2020
A Audiencia Provincial da Coruña condena a catro anos e dous meses de cárcere ao condutor que chocou o día de Noiteboa do 2020 contra un vehículo no que viaxaba un matrimonio, que faleceu. O tribunal considérao autor de dous delitos de homicidio por imprudencia grave e dun delito de lesións por imprudencia grave, así como de delitos contra a seguridade viaria, polos que tamén lle impón a privación do dereito a conducir durante seis anos e dous meses.
A sala explica que o acusado, ao conducir a unha velocidade superior a 120 quilómetros por hora nunha vía urbana con límite de 50 quilómetros por hora, impactou contra outro coche, o que provocou a morte de dúas persoas e causoulle lesións a outra. O tribunal considera que a conduta do sospeitoso, que non realizou manobra de freado ao aproximarse ao cruzamento, constituíu unha imprudencia grave, dado o risco evidente que a súa velocidade inaxeitada xeraba.
“O risco de que puidese producirse un sinistro con graves consecuencias –como así sucedeu– era elevado e evidente, sen que o acusado realizase manobra algunha para minoralo, pois non fixo uso do sistema de freado ao ver ao vehículo interporse na súa traxectoria“, destacan os maxistrados.
Conclúen que incorreu “nunha absoluta falta de previsión e coidado, nunha intolerable infracción do deber de coidado con desprezo ás normas máis elementais de cautela, orixinando un risco físico que produce o resultado danoso, o que constitúe unha imprudencia grave, causa determinante do fatal resultado producido“. A sentenza non é firme, pois cabe interpor recurso de apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Advirten dunha estafa aos comercios do Concello de Sada cunha falsa revista municipal
O Concello de Sada alertou dun intento de estafa en varios comercios do municipio na que piden diñeiro para unha revista.
Nun comunicado, o consistorio detalla que, segundo trasladou a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Sada (Acesada), “unha persoa está a se facer pasar por persoal do Concello”. “Accede aos establecementos baixo a escusa de estar a preparar unha suposta revista municipal, solicitando información ou realizando fotografías”, explica.
Engade que tamén ten “constancia de que semanas atrás un individuo — que podería ser a mesma persoa — se fixo pasar por membro das forzas de seguridade, solicitando diñeiro para unha suposta revista”.
Con todo, o Goberno local recalca que esta información é “totalmente falsa”. “Na actualidade, ninguén do Concello de Sada está a elaborar ningunha publicación nin solicitando datos, imaxes ou achegas económicas nos comercios”, sentenza.
Por iso, pide ter “máxima precaución” e “ante a mínima sospeita” recomenda aos comerciantes contactar “de inmediato” coa Policía local.
Acepta dous anos de prisión por quedar co diñeiro do seguro dos seus clientes
Unha muller acusada dun delito continuado de estafa e outro de falsidade en documento mercantil por, presuntamente, desviar diñeiro de contratos de seguro que facía para unha compañía aseguradora co fin de obter “ilícito enriquecemento” aceptou dous anos de cárcere. Así mesmo, deberá pagar unha multa de 900 euros e indemnizar á empresa con 102.000.
Foi no xuízo fixado para este xoves na Audiencia Provincial da Coruña e tras un acordo entre o Ministerio Público, acusación particular e a defensa ao recoñecer os feitos a procesada e pactarse unha rebaixa da condena. A mesma inclúe a atenuante de reparación do dano causado por consignar xa a cantidade de 75.000 euros.
Non osbtante, as partes personadas en Sala admitiron a suspensión da execución da pena de prisión, exposta polo letrado da procesada. Esta decisión está condicionada a que non cometa ningún delito no prazo de cinco anos e a que faga efectivo o importe da responsabilidade civil. Segundo recolle o escrito fiscal, desde data indeterminada, en todo caso anterior a setembro de 2007, a muller traballaba como axente de seguros.
FEITOS
“Entre os anos 2007 e 2019 a acusada, xa fóra polas relacións de amizade ou confianza, xa fóra por calquera outro motivo, con intención de obter ilícito enriquecemento, propúxose facer súas, e así o fixo, de diversas cantidades que os clientes lle entregaban para o pago relacionados con produtos do sector”.
Estes importes, expón, variaron oscilando entre os 300 euros e os máis de mil nalgúns casos. Fiscalía apunta que tamén xestionou a conta dunha clienta, da que realizou transferencias ao seu favor de fondos procedentes da mesma.
O Concello de Oleiros gaña o litixio xudicial contra o lobby sionista israelí
Xa é definitivo o triunfo xudicial do Concello de Oleiros ante a organización sionista Acción y Comunicación sobre Oriente Medio (ACOM). Así o anuncia o Concello, unha vez que recibiu a sentenza firme do Xulgado do Contencioso Administrativo número 4 da Coruña que desestimou integramente o recurso do lobby israelí.
A organización pretendía censurar a campaña informativa levada a cabo polo Concello en 2024 nos paneis luminosos, onde se amosaba unha imaxe de Benjamin Netanyahu xunto á de Adolf Hitler baixo o lema “MESMAS BESTAS ASASINAS”. O obxectivo daquela acción era denunciar o xenocidio que o Goberno de Israel está a cometer contra o pobo palestino.
A xustiza, agora de xeito firme, ampara a actuación do Concello de Oleiros en base ao dereito fundamental á liberdade de expresión e á crítica política recollidos na Constitución española. Ademais, a resolución mantén a obriga para o lobby israelí de facer fronte ao pago de todas as costas xudiciais.
“Malia as presións recibidas, incluídas as ameazas veladas vertidas no seu día pola embaixada de Israel contra o alcalde, esta resolución xudicial reforza a traxectoria de décadas do Concello de Oleiros en defensa da liberdade de Palestina. O Goberno municipal continuará coas súas campañas de sensibilización, programas de cooperación e actos oficiais para denunciar o atroz xenocidio perpetrado polo Goberno de Israel, reafirmando o seu compromiso inquebrantable coa paz e os dereitos humanos”, sinala o Concello nun comunicado.
Miguel Lorenzo convirte en promesa electoral derogar a declaración de zona tensionada de aluguer
Organizou esta mañá o Partido Popular da Coruña un encontro con representantes do sector da vivenda.
No acto, o voceiro municipal Lorenzo comprometeuse a derogar a declaración de zona tensionada “no minuto un se son Alcalde” para “así aumentar o parque de aluguer de vivendas”, argumentou. Apurou que o seu goberno tamén apoiaría “medidas como poñer a disposición todo o solo municipal posible para construír vivendas, axilizar as licenzas municipais e que se poida facer un seguimento online da súa tramitación, axudas para que a compra ou o aluguer sexa alcanzable, incrementar as subvencións para rehabilitar e executalas ou un plan municipal de incentivos para vivendas baleiras”.
“Hai outra forma de gobernar para axudar ás persoas a desenvolver os seus proxectos vitais nunha vivenda digna e alcanzable. Necesitamos facer da Coruña unha cidade na que os nosos mozos queden e debemos ser unha cidade na que as familias traballadoras poidan asumir unha renda dunha vivenda digna e alcanzable” , sinalou o Popular.
Máis novas
A Coruña presume de “conter” o aluguer na cidade tras aplicar a zona tensionada
O PP cualifica de “fracaso” a declaración da Coruña como mercado tensionado de aluguer
Inés Rey defende que a suba do alugueiro se “contén” na Coruña tras seis meses como zona tensionada
A UDC aproba o incremento de prazas en cinco graos para o vindeiro curso académico
O Consello de Goberno da Universidade da Coruña (UDC) deu luz verde á proposta de límites de acceso para o curso 2026/27, cunha clara aposta por reforzar a súa oferta académica. A institución prevé incrementar en 54 o número de prazas dispoñibles nun total de cinco titulacións de grao, elevando a cifra global ata as 3.428 vacantes distribuídas en 55 graos diferentes. Segundo informou o reitorado, este axuste responde á necesidade de adaptar a capacidade dos centros á demanda crecente en áreas técnicas e científicas.
Entre os graos que verán ampliado o seu cupo destaca Arquitectura Técnica, que suma 25 novas prazas para pasar de 50 a 75. Pola súa banda, o grao en Bioloxía contará con sete prazas máis, alcanzando as 70, mentres que Ciencia e Enxeñaría de Datos subirá ata as 60 vacantes coa incorporación de cinco novos postos. Finalmente, o grao en Relacións Internacionais tamén incrementará a súa oferta en sete prazas, situándose nun total de 30 para o vindeiro curso.
No ámbito do posgrao, a UDC manexa un total de 79 solicitudes de máster, incluíndo dous de nova implantación, co obxectivo de achegarse á barreira das 1.800 prazas totais. Para logralo, solicitouse á Secretaría Xeral de Universidades un aumento de 32 prazas repartidas en catro titulacións: Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria, Planificación e Xestión de Destinos Turísticos, Informática Industrial e Robótica, e Tecnoloxía Téxtil e Moda Sustentable.
Doutra banda, o reitor Ricardo Cao informou sobre o calendario electoral da institución, adaptado xa aos novos estatutos. Neste sentido, o procedemento para elixir as direccións dos centros de investigación xa está en marcha, estando fixada a xornada de votación para o vindeiro 13 de febreiro. Este movemento busca consolidar a estrutura organizativa dos polos científicos da universidade coruñesa.
Unha doutora recoñece un acceso “asistencial” ao historial dunha compañeira pero nega os feitos imputados
Unha doutora acusada de acceder “sen coñecemento nin consentimento” ao historial clínico dunha compañeira en dúas ocasións, en 2015 e 2016, recoñeceu este mércores na Audiencia Provincial da Coruña entrar nunha ocasión no expediente da denunciante, pero cunha “finalidade asistencial” e nunha data distinta ás sinaladas. Segundo a procesada, o acceso produciuse en 2010 porque a súa compañeira “estaba moi malita cando pariu” e fíxoo coa intención de “vixiar que facían os obstetras”, subliñando que nese momento mantiñan unha “boa relación”.
En relación aos accesos que se lle imputan, a facultativa negou calquera entrada nos anos citados e apuntou á posibilidade de que outra persoa puidese usar as súas credenciais. “Eu móvome moito en consulta e nese tempo non tiña o coidado de retirar o cartón”, alegou a defensa. Pola contra, a denunciante asegurou en sala que o feito de que se revisase o seu historial lle provocou unha “profunda angustia”, xa que contiña datos moi sensibles sobre problemas emocionais e información referente á súa filla menor e ao seu marido. Segundo a muller, a relación entre ambas rompera por “desavinzas respecto das gardas”.
PROFUNDA ANGUSTIA
Na vista tamén declararon outros facultativos do mesmo servizo, quen admitiron un certo laxismo na custodia das claves informáticas. Explicaron que comparten recursos e que é habitual “deixar os cartóns metidos coa sesión iniciada” ao ir tomar un café ou ao baño, e mesmo que os adxuntos cedan o seu cartón aos residentes. Este argumento reforza a tese da defensa sobre a falta de control rigoroso do sistema nese período, o que podería permitir que terceiros usasen o contrasinal da acusada.
CÓDIGO PERSOAL
O escrito fiscal sinala que, aínda que se usaron as credenciais da doutora, non se puido acreditar o contido ao que se accedeu nin que se causase un prexuízo concreto á denunciante. O Ministerio Público mantén que o Código Penal non sanciona o mero acceso ao ficheiro, senón o acceso ao dato con intención de causar dano ou a súa divulgación, algo que non quedou probado. Por este motivo, a Fiscalía solicitou a libre absolución da procesada, apelando ao sentido común e á falta de probas de que a información fose comunicada a terceiros.
PETICIÓN DE CONDENA
En contraposición á postura fiscal, a acusación particular elevou a súa petición a tres anos e medio de prisión e dez anos de inhabilitación completa, ademais dunha indemnización de 18.000 euros. O letrado da denunciante insistiu en que o feito de que a acusada recoñecese un acceso previo en 2010 demostra a súa “facilidade para introducirse en historias clínicas alleas”, especialmente na da prexudicada, e considera que a intromisión na intimidade debe ser castigada de forma exemplar.

