O Concello dá continuidade á súa folla de ruta para potenciar a rede de Museos Históricos da Coruña, con actuacións xa sobre a mesa tanto no Castro de Elviña como no Castelo de San Antón.
No caso do Castro de Elviña, saen xa a concurso as obras de construción do novo centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas que se levan a cabo no xacemento, cun investimento de 330.000 euros.
Por outra banda, en San Antón levaranse a cabo traballos de adaptación da instalación eléctrica do museo arqueolóxico, con novas canalizacións. O importe desta intervención será de máis de medio millón de euros e tamén sae xa a concurso
Hoxe, mércores 5 de novembro os traballadores do Comité (UGT, FICA e CIG) protagonizaron unha concentración ás portas da sede no polígono de Sabón. Realizaron ademais as primeira asembleas (queda aínda outra mañá), cun resultado “satisfactorio” para o Comité, apuntando o apoio para unha folga o día 24.
Ademais de denunciar as crúas condicións laborais (faltan aquí as reclamacións dos traballadores que chegan por Empresas de Traballo Temporal que denuncian situacións case de escravitude), reclaman o pago inmediato dos atrasos xerados desde xaneiro de 2024 e a actualización das nóminas conforme ás táboas recollidas no convenio estatal da industria téxtil e confección, publicado recentemente.
Segundo explica o comité nun comunicado, a empresa non aplicou as subas salariais correspondentes e os importes abonados aos traballadores son “moi inferiores ás cantidades legalmente establecidas”.
OSIBLES PAROS NA SEMANA DO BLACK FRIDAY
Xunto coa concentración do día 5, o comité avanzou que se celebrarán asembleas co persoal durante esa xornada e a seguinte para avaliar a convocatoria de paros parciais, que poderían comezar na semana do Black Friday se a empresa non rectifica a súa postura.
Con estas accións, o comité pretende presionar a dirección para que cumpra os acordos asinados e respecte o convenio estatal, evitando que o persoal perda poder adquisitivo mentres continúa a actividade habitual da compañía.
Ademais de aprobar a licitación da pista multideporte de Monte Alto, a Xunta de Goberno Local, aprobou a ampliación e remodelación da área infantil da praza de Portugal, en Riazor. Unha obra ao abeiro do Plan de Parques Infantís 2025-2030, que contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros e que permitirá ampliar a capacidade das 11 persoas usuarias de hoxe en día, ás 150 crianzas.
Unha necesidade nunha zona que conta con tres centros educativos na contorna e que xa sobre a saturación existente en puntos como a área infantil da praza Mestre Mateo.
Sae hoxe así a concurso a obra para un parque que ocupará unha superficie será de 800 metros cadrados, e contará cunha nova estrutura ondulante de 55 metros de longo —concibida como un circuíto de xogos e obstáculos— e columpios adaptados a nenas e nenos con mobilidade reducida. Ademais, aproveitarase un dos espazos laterais da praza para crear unha nova área deportiva de calistenia.
A idea do Plan de Parques Infantís 2025-2030 é adicar máis de 10 millóns de euros no vindeiro lustro, co obxectivo de que, de aquí a 2030, todas as familias, vivan onde vivan na cidade, conten cun parque infantil a dez minutos ou menos da súa vivenda.
Cómpre lembrar que a folla de ruta do Goberno municipal inclúe a construción de, polo menos, tres parques infantís cubertos. Un deles, o do Ventorillo, xa está licitado.
A Xunta de Goberno Local acordou a denegación da aprobación inicial do Estudo de Detalle da parcela 1 da Maestranza, para a construción de varias urbanizacións nas tres parcelas que quedan vacantes no histórico Campo da Estrada (as parcelas 1, 2 e 3; as dúas primeiras, propiedade de Lipromo, a última, de Invied-Defensa).
As razóns que agora fundamenta o acordo da Xunta de Goberno son coincidentes coas que Defensa do Común (e outras 20 entidades) presentara en agosto de 2021 ao primeiro Estudo de detalle (ED) presentado pola promotora (para as parcelas 1 e 2). Xa daquela, e e tal escrito de alegacións, DDC tiña exposto que aconstrucción en dita parcela suporía unha moi grave afectación aos valores patrimoniais do sistema defensivo e do conxunto da cidade vella (en ambos casos, BIC), tanto respecto dos elementos patrimoniais no subsolo como polo impacto visual en relación coas murallas e cidade vella.
Para a entidade, “o feito de que o goberno local tivese aprobado inicialmente en xuño de 2021 un Estudo de detalle (que incluía tamén esta parcela 1) e agora, pola contra, o denegue, é unha evidente modificación e cambio de posición, resultado do combate cívico-social (incluída a vía xudicial de DDC) contra dos proxectos construtivos en parcelas que deben quedar libres de edificación”.
Piden, iso si, “deixar sen efecto o Plan Especial de 1994, que é o que atribúe a edificabilidade e aproveitamento urbanístico ás parcelas vacantes 1, 2 e 3”; así como “aprobar a modificación do PEPRI e PXOM, ordenando e poñendo en valor o BIC do sistema defensivo da cidade vella, cualificando esas tres parcelas como sistema dotacional público de espazo libre e zonas verdes”.
CIG, UGT e CCOO convocaron unha manifestación o próximo día 10 de novembro e anunciaron xornadas de folga no mes de decembro “en datas aínda por definir” para reclamar melloras salariais e sociais no sector do transporte de viaxeiros na provincia da Coruña e denunciar “falta de intención negociadora” da patronal por un convenio colectivo que afecta a “case 2.000 persoas”.
“Cando unha patronal o que che ofrece é 1,2% de subida salarial practicamente é unha convocatoria de folga”, sentenciou o representante da CIG na mesa de negociación, Ernesto López. Foi nunha rolda de prensa na que estiveron presentes representantes do tres organizacións sindicais.
Nela, explicaron que levan “cinco anos de parálises” xa que o anterior convenio colectivo do sector finalizou en 2020. “Era súper anticuado, está desfasado, obsoleto”, apuntaron sobre o mesmo para criticar que a patronal ofreceu “un aumento salarial do 1,2% e do resto non queren tocar absolutamente nada”.
“A única alternativa que teñen os traballadores é desbloquear a negociación e só hai un camiño, o conflito”, asegurou López. Por iso, expuxo, convocaron unha manifestación o día 10, ás 11.00 horas con saída da estación de autobuses da cidade herculina que finalizará en Entrejardines. “É unha advertencia, algo simbólico para facer visible o problema que hai á patronal, á Xunta e á opinión pública”, sinalou para insistir en que “a partir de aí a folga vai ser inevitable”.
POSIBLE FOLGA INDEFINIDA
Por outra banda, cuestionaron a postura do Executivo autonómico, do que dixeron qeu “non se move e as grandes empresas están nunha situación inmovilista”. “O conflito está servido en decembro con xornadas de folga con datas que aínda están por decidir”, aseguraron sen descartar paro indefinido e esixindo a mediación da Xunta.
Na comparecencia, o representante de UGT, Iván Cancela, concretou que se trata dun convenio que afecta “a case 2.000 persoas” na provincia da Coruña. “Hai cero conciliación, con xornadas de 14 e 15 horas e de nove horas sen apenas descanso”, engadiu para aludir a que “non é só un problema salarial, é máis profundo”.
Na mesma liña, o portavoz de CCOO, Sergio Blanco, recalcou que “desde o primeiro minuto, non houbo intención de mellorar as condicións”, a pesar de que, ha concidido cos demais representantes sindicais, en que “os coches van a lume de biqueira”, queda xente “tirada nas paradas” e os usuarios “seguen demandando máis frecuencias”.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde esta mañá á licitación das obras de construción da que será a primeira pista multideporte do barrio de Monte Alto.
“É unha iniciativa que forma parte dos compromisos adquiridos coa veciñanza e a
comunidade educativa do barrio, sendo como foi unha proposta das catro ANPAS de Monte
Alto, que recibiu o visto bo a través dos Orzamentos Participativos”, recoñecía Inés Rey.
A pista estará situada no sector oeste do parque Carlos Casares. Concretamente, entre a rúa Faro Finisterre e as instalacións do Centro de Inserción Social. A súa construción levarase a cabo sobre unha superficie de titularidade municipal e, unha vez esté habilitada, as persoas usuarias poderán xogar ao baloncesto, fútbol-sala, balonmán, voleibol, hóckey e
mini-basket, entre máis disciplinas.
O investimento previsto polo Concello é 237.000 euros. Toda vez se adxudiquen as obras, estímase un prazo de execución de 3 meses.
Este xoves hai pleno en María Pita, no que seguramente se volverá falar da negociación para a aprobación dos orzamentos en 2026 entre PSOE e BNG.
Nese contexto, o voceiro do BNG Francisco Jorquera realizaba hoxe unha rolda de prensa na que destaca que “se está avanzando na boa dirección”, desde o momento en que “o Goberno Local parece disposto a asumir demandas relevantes formuladas polo Bloque como a recuperación dos orzamentos participativos e a devolución ao Pleno das competencias que se lle furtaron ao modificar as bases de execución orzamentaria nas contas de 2025”.
“Retomamos o diálogo para que a cidade conte cuns orzamentos progresistas”, sinalou, á súa vez, a rexedora, Inés Rey, para incidir no acordo sobre as ordenanzas fiscais “paso previo aos orzamentos”. “Seguro que haberá un bo acordo para un orzamento expansivo e progresista”, engadiu.
Conxelación de taxas
Jorquera lóubase da “conxelación das taxas, outra das propostas centrais do BNG no curso da negociación”, xa aceptada polo grupo goberno, e que se “demostra coas ordenanzas fiscais que se someterán a debate e votación para a súa aprobación inicial no Pleno de mañá”. Recoñece, iso si, que si que “hai unha taxa que vai subir, a número 18, a reguladora da prestación dos servizos domiciliarios (o coñecido como Servizo de Axuda no Fogar), derivado da normativa autonómica, responsabilidade da Xunta”.
Nese sentido, Jorquera explica que “se o Bloque defendeu a conxelación das taxas para 2026 non é por demagoxia fiscal, senón porque en 2024 xa se produciu unha actualización importante dos tributos e porque tendo en conta a situación económica de moitas familias, non era o momento de que se producise un novo incremento”, sinalou cargando contra a política fiscal do PP, a pesar de coincidir nesta premisa de cara a 2026.
O que fica por negociar
Así e todo, recoñece que “aínda fica moito por negociar para chegar a un acordo orzamentario”. A formación nacionalista demanda “un maior reforzo das políticas de vivenda -en todo aquilo que non sexa competencia autonómica-, ben como tamén outorgar unha prioridade real -e non propagandística- aos investimentos nos barrios, regularizar os servizos públicos que se prestan en precario (transporte público urbano, xestión e recollida do lixo, bibliotecas, instalacións deportivas…), prestar maior atención ás infraestruturas e entidades culturais e deportivas de base, asegurar o mantemento do espazo público, facer unha aposta decidida pola accesibilidade e mellorar o servizo de limpeza”.
Hoxe, martes 5 de novembro, arrinca unha nova edición do Festigual, ese festival que demostra que a cultura pode ser un punto de encontro entre persoas e realidades diversas. A cidade encherase ata o 28 deste mes de voces, corpos e miradas que lembran que a arte tamén é coidado e comunidade, convertindo á cultura nun elemento de inclusión.
O Festival das Artes pola Inclusión e a Diversidade da Fundación Emalcsa traerá unha programación de balde e accesible chea música, teatro, danza e cinema, que se repartirán por distintos espazos da cidade.
Espírito de rúa
Sophie Simonds, habitual das nosas rúas, actuará na gala de apertura do Festigual
Hoxe, martes 5 de novembro, o Teatro Colón acollerá esta gala inaugural, presentada por Fran Rei e Corina Alfonso, e que contará coas actuacións de Sophie Simonds, Kreze, Manu New Orleans Band, Mago Teto e a Asociación Cultural AÏS. A cita trasladará ao escenario o espírito musical da rúa, recoñecendo o talento cotián que enche de vida as prazas e avenidas da cidade. A función comezará ás 20:30 horas e a entrada será de balde ata completar capacidade, contando ademais con interpretación en lingua de signos.
Teatro e cine no Fórum
O venres 7 de novembro, o Fórum Metropolitano acollerá a obra O pequeno poni, da compañía Redrum Teatro, inspirada en feitos reais e centrada no acoso escolar e na aceptación da diferenza. Haberá unha función escolar ás 11:30 horas, con inscrición previa en festigual.gal, e unha función aberta ao público ás 20:30 horas con entrada libre ata completar capacidade.
Despois do teatro, o festival continúa no Fórum Metropolitano co inicio do ciclo de cinema “Un plano diferente”, que se celebrará todos os xoves, venres e sábados do mes na Sala Fernando Rey do Fórum Metropolitano. Cada fin de semana proxectarase unha longametraxe acompañada dunha curtametraxe do proxecto Miradas Diversas, da Asociación Cultural Albatros, que explora a diversidade e a inclusión a través do audiovisual. O ciclo comeza con Intocable (6, 7 e 8 de novembro). As proxeccións terán lugar os xoves e venres ás 20:00 horas, e os sábados ás 17:30 e ás 20:00 horas. As entradas teñen un prezo de 3 euros, con desconto de 2 euros para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e titulares do Carné Xove, e un prezo único de 1,50 euros nas sesións dos sábados ás 17:30.
Sábado de Arte urbana
O sábado 8 de novembro chegará cheo de actividades que combinan arte, corpo e cultura urbana. A xornada comezará ás 11:00 horas coa visita guiada á exposición fotográfica “Carreiros sen néboa” do colectivo Nós Why Not? na Casa Museo María Pita, unha mostra que rompe prexuízos sobre a discapacidade e a comunicación a través da imaxe. As súas autoras —Sasha López, Lucía Borrallo, “Flopy” e Rosa Areosa— amosan diferentes xeitos de expresarse e descubrir o mundo a través da fotografía. A participación é gratuíta, con inscrición previa en festigual.gal, e a exposición pode visitarse ata o 29 de novembro.
Ás 12:00 horas, a Fundación María José Jove ofrecerá unha visita guiada adaptada á súa colección permanente, con interpretación en lingua de signos e inscrición previa tamén en festigual.gal.
Xa pola tarde, a ONG ¿Por qué no? organizará o obradoiro Danzaterapia en familia XQN, unha proposta interxeracional para explorar o corpo e o movemento, ás 17:00 horas na Fundación María José Jove, con inscrición previa na web do festival.
O día pecharase no Fórum Metropolitano co espectáculo Freestyle People en Puré Free (20:00 horas), unha explosión de ritmo e improvisación con Poten100Mos, a Banda DiversidArte e artistas convidadas de Gallos del Norte. O proxecto, impulsado grazas á Convocatoria de Cultura Accesible e Inclusiva da Fundación Emalcsa, desenvolvese dende 2024 e é xa todo un referente a nivel europeo. A través de sesións de freestyle que combinan música e improvisación sen prexuizos, as participantes traballan valores fundamentales como o respecto, a unión, a paz y o amor a través do rap. Para esta cita no FESTIGUAL 2025 estarán acompañadas tamén polos visuais do proxecto Xpressa do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, un espazo que non busca ensinar un proceso cinematográfico tradicional, senón ofrecer ás persoas con diferentes capacidades un medio para experimentar e expresar o seu propio universo creativo.
A programación deste festival impulsado polo Concello da Coruña coa colaboración da Fundación María José Jove, Vegalsa-Eroski, continúa a vindeira semana e pode consultarse en festigual.gal.
Xa está aberta e accesible a toda a veciñanza ata o 13 de novembro, a exposición Heart of Gaza. O Centro Cultural Ágora acolle esta deseños de crianzas gazatís realizados durante o actual xenocidio. Organizada na cidade polo colectivo “Boicot a Israel” BDS Coruña, o proxecto xorde do intercambio de deseños de crianzas a través de Whatsapp entre Feile Butler, irlandés, e Mohamed Timraz, gazatí.
Deste xeito nace unha exposición intinerante a nivel mundial, cuns 60 debuxos de crianzas gazatís acompañados dun texto coas súas experiencias persoais durante este framático 2024/25.
A campaña trata de recadar fondos para a campaña “We Are Not Alone”, creada por Mohamed para a compra de bens básicos para as familias e a realización de obradoiros de educación emocional para as crianzas, a través da arte.
Acto solidario
Neste contexto, o sábado día 8, ás 19h vaise proxectar, na Sala 9 do Ágora, o documental “Kufiya. A Revolución a través da Música” premiado co galardón a Mellor Documental no Festival Internacional de Cinema de al-Awda.
Posteriormente habera un coloquio, conducido por Naser Dãwūd, abogado, activista palestinos e estudante de mostrado na Universidade de Santiago de Compostela.
O día 13, para a clausura da exposición, tamén haberá diferentes actos pendetes de expoñer nas redes de BDS Coruña.
Do 8 ao 16 de novembro os Museos Científicos Coruñeses abren as súas portas á veciñanza na Semana da Ciencia 2025. Serán nove días de entrada gratuíta, nas que o público poderá gozar das exposicións interactivas dos tres centros, que abrirán todos os días de 10.00 a 19.00 horas, con último acceso ás 18.00 horas no Aquarium Finisterrae e ás 18.30 horas na Casa das Ciencias e Domus.
Para visitar eses días o Aquarium Finisterrae é imprescindible realizar unha reserva de entradas, que poderá facerse cun máximo de 3 días de antelación nesta páxina. É dicir, hoxe xa se poden sacar as entradas para o sábado.
A visita ás salas de exposicións da Casa das Ciencias e á Domus será libre, sen reserva previa e sempre que a capacidade non estea completa.
Para asistir a unha das sesións de planetario na Casa das Ciencias si hai que realizar unha reserva de entradas nesta ligazón, que poderá facerse a partir das 9.00 horas do día anterior á sesión.
Programación do planetario
De luns a venres
18:00 Sesión en directo (galego/castelán, + 10 anos)
Fins de semana:
11:30 La noche es necesaria (castelán, +10 anos)
13:00 A grande aventura do sistema solar (galego, + 10 anos)
17:00 La gran aventura del sistema solar (castelán, + 4 anos)
18:00 Sesión en directo, (galego/castelán, + 4 anos)
A Semana da Ciencia terá ademais un acto destacado, a entrega dos XXXVIII PrismasCasa das Ciencias á Divulgación Científica, que se celebrará no Salón de Plenos do Palacio Municipal de María Pita o sábado 15 de novembro.