Inicio Blog Páxina 26

Último día para inscribirse nos talleres e charlas do mercado de creatividade e sostibilidade LAMA ZETA

Hoxe venres péchase o prazo de inscrición para os talleres e charla do mercado LAMA ZETA que se celebrará o sábado, 8 de novembro, en Expocoruña. Se ben a entrada é libre, os interesados en asistir á charla ou talleres deberán apuntarse a través de www.lamazeta.es.

A do sábado será unha completa xornada pet friendly, con máis de 40 proxectos, charlas, obradoiros, galería e sesión vermú. Unha xornada para os amantes das plantas e da cerámica, que abrirá ás 10:00h e terá 9 horas chegas con 40 actividades entre casetas, charla e talleres nos que se mostrará desde cerámica e viveiros ata florerías, artistas e marcas sostibles.

LAMA ZETA é a proposta de Sísmica, baixo a dirección de Thais Suárez co que se recupera o espírito do Mercado das flores de María Pita, e conta con a colaboración de Ampega, Cerámica Campo, Enea, Lenzo studio, Kibutz, Daveiga, Os biosbardos, Terras de Buño e Usual.

 

View this post on Instagram

 

A post shared by sísmica © ✨ (@sismicacreativa)

Talleres

Pola mañá os talleres comezarán con Apañando Herbas onde se poderá aprender a arte da destilación tradicional de herbas. Doutra banda Cristina Velasco ensinará aos asistentes como transformar o papel en flores.

Na xornada matinal tamén se realizará a cabo o taller de impresión vexetal Hapa Zome a cargo de Meniña Plants Flow con estampaxe botánica sobre tea.

Pola súa banda Susana Anta será a responsable do taller de xoiería co que descubrir como crear xoias únicas inspiradas na natureza, unha cita na que cada participante poderá elaborar ata tres pezas: colgantes, pendente ou aneis.

Pola tarde será a quenda de Flores Farándula que ensinará a deseñar e crear centros de mesa adaptándoos a cada época do ano e Axóuxeres con Luís do Río no que coñecer e realizar un instrumento musical con elemento naturais como xuncos, canas e pedras.

Entre a oferta inclúese un taller de plantas en miniatura a cargo de Nacuminis. Antonia Studio será a responsable da cita na que se poderá descubrir como transformar residuos plásticos en pezas decorativas únicas e sostibles; e o de Kokedamas de Espora Coruña, onde poderás aprender a crear estas esferas vexetais xaponesas e a conectar coa natureza a través das mans.

Charlas

A primeira charla da xornada será ás 11 horas con Os Biosbardos e Kibutz Cooperativa Galega que presentarán Falando de Horta na que presentarán o seu proxecto cooperativo mostrando como a horticultura é un espazo colaborativo que permite reconectar coa esencia rural aínda que se viva na cidade.

Ás 12 Nuska Chousa collerá a testemuña e presentará Hortelar en calquera lugar, unha charla na que aprender a plantar en calquera espazo, xa sexa unha terraza ou unha xanela. Dúas horas e media de transmisión de coñecemento que axudasen aos asistentes para sacar máis partido ás novas formas de plantación.

LamaZeta_cartel

 

Antón Corral e a campaña #Aquítaménsefala recoñecidos con sendos Premios da Cultura Galega 2025

0

O gaiteiro e artesán de instrumentos musicais galegos Antón Corral (Coruña, 1936) e a campaña Aquí tamén se falta veñen de ser recoñecidos nos Premios da Cultura Galega 2025. Uns premios cos que a Xunta distingue un ano máis a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa Comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.

Corral leva o galardón en materia de “Patrimonio Cultural”, mentres que a campaña do IES Rafael Dieste, a meirande iniciativa de normalización lingüística realizada no país e desenvolta por unha comunidade escolar, recibe o da categoría “Lingua”.

O xurado dos Premios da Cultura fixo público o fallo nas distintas categorías propostas:

  • Letras: Editorial Galaxia
  • Artes Visuais: Bienal de Arte de Pontevedra
  • Artes Escénicas: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
  • Música: Bodegas Martín Códax
  • Audiovisual: Baños Films
  • Lingua: Campaña ‘Aquí tamén se fala’
  • Patrimonio Cultural: Antón Corral
  • Proxección exterior: Programa de radio ‘Sempre en Galicia’

Aquí tamén se fala

Aqui tamen se fala mestres
Profesores responsables do Aquí tamén se fala

O xurado valora esta campaña de dinamización da lingua galega, iniciada no Instituto Rafael Dieste da Coruña no curso 2022-23. Desde entón estendeuse por máis de 200 centros de toda Galicia, desenvolvida polo propio alumnado de educación secundaria con diversas actividades na súa contorna inmediata. Contou con apoios de referentes culturais nacionais e internacionais como Viggo Mortensen, James Rhodes ou Tanxugueiras, e conseguiu que numerosos equipos deportivos galegos se sumasen empregando a lingua galega nas súas redes sociais. Aquí tamén se fala ponlle especial atención á música e á cultura galega realizando gravacións e entrevistas que se divulgan tamén polas redes.
Ademais de crear listas de reprodución e mesmo un festival, é unha actividade de formación para o alumnado do instituto Rafael Dieste, na que se imparten obradoiros de gravación, edición audiovisual e creación musical. Así, o alumnado ten posto en marcha producións audiovisuais profesionais nas que rexistran actuacións en directo de diversos grupos musicais e solistas. O proxecto obtivo diversos recoñecementos: o Premio Innovagal ao compromiso coa innovación educativa; o Rosalía de Castro de Lingua, da Deputación da Coruña; o do Fórum Europeo do Ensino; o de Innovación, da Secretaría Xeral da Lingua, ou o Mil Primaveras, da Comisión de Técnicas de Normalización da lingua.

Antón Corral

Anton Corral nunha foto de Vicente Angola (Telemariñas)

Nado na Coruña en 1936, é un artesán de instrumentos musicais galegos, gaiteiro e mestre de gaiteiros. Entrou en contacto coa música na época escolar tocando a bandurra e interesouse polos instrumentos tradicionais a través de Antonio Sandar, compoñente do grupo Os amigos de Lugo. É todo un referente na mellora técnica e estilística dos
instrumentos populares galegos, desempeñando un labor que supuxo un paso de xigante na música galega.

Comezou o seu traballo como artesán en 1974 en Lugo e logo en Ortigueira, en 1979, chamado pola Escola de Gaitas. En 1983 trasladouse a Vigo para dirixir o Obradoiro Escola de Instrumentos Populares de Vigo na súa Universidade Popular ata o 2000, ano en que se retirou. Neste obradoiro acadáronse importantes avances na organoloxía das gaitas: novas tonalidades e melloras no timbre e na afinación dos punteiros.
Nesta última entidade, formáronse destacados artesáns e gaiteiros como Carlos Núñez, Xosé Manuel Budiño ou Anxo Pintos. Co seu alumnado formou no 1984 o grupo Xarabal, unha das primeiras bandas de gaitas galegas e, tras recibir múltiples galardóns, xa retirado abriu un obradoiro en Tui, no que continúa traballando xunto ao seu neto Ramón Corral.

O Xurado

Do xurado formaron parte o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a directora xeral da Promoción da Igualdade, María Quintiana; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; a vicepresidenta 2ª do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra, e María López Sández, en representación do presidente da Real Academia Galega. Tamén profesionais de recoñecido prestixio, como Esther Estévez, xornalista; Alberto Sueiro, director do Festival Internacional Outono de Teatro; Verónica Santos, directora de Acción Cultural na Fundación Cidade da Cultura, e Andrea González, pianista e directora do festival IKFEM. Ademais, exerceu como secretaria Mª Carmen Calviño, subdirectora xeral de Arquivos e Centros Museísticos da Xunta.

Máis novas

O #Aquítaménsefala segue revertendo o rumbo lingüístico da cidade

Por que o #Aquítaménsefala trascende o IES Rafael Dieste

“O Dépor é da Coruña”, o novo reto normalizador do #Aquítaménsefala

 

A conxelación de taxas e os VTC protagonizan o pleno de novembro na Coruña

Novo tenso pleno o que se está a desenvolver este xoves 6 de novembro no Pazo de María Pita (ás 15:15h retómase a segunda parte do mesmo). Un pleno no que a conxelación das taxas e tributos municipais para o 2026 foi o punto máis destacado, pero que volveu verse empañado pola tensión entre os voceiros municipais de PSOE e PP, José Manuel Lage Tuñas e Miguel Lorenzo, que non deixaron de acusarse con alusións mesmo persoais de mentir, de falta de intelixencia…

Con todo, como dicimos, a conclusión máis importante do pleno foi a aprobación de varias taxas que quedan conxeladas para o ano 2026 (agás a do SAF, que ten que subir a súa contía por unha imposición pola Xunta). A da rede de sumidoiros, a de extinción de incendios, o catálogo de servizos domiciliarios, a prestación de museos e outras instalacións culturais, todas foron aprobadas cos votos a favor de PSOE e BNG e a abstención do PP.
Tamén se aprobaron, neste caso cos votos en contra do PP, que volveu incidir na “non execución” dos orzamentos, dous novos modificativos de crédito, para asumir varios créditos bancarios.

MC2

Tamén se aprobou a adhesión dos Museos Científicos Coruñeses (que a vindeira semana abren as súas portas á veciñanza) á Asociación de Museos y Centros de Ciencia y Técnica de España.
O BNG apoiou a moción pero lembrou a necesidade de afrontar a falta de mantemento dos edificios, actualización de contidos, renovación de partes expositivas; así como actualizar a RPT. Tamén o PP lamentou o mal estado das infraestruturas e pediu unha urxente redefinición dos espazos.

Urbanismo

Houbo unanimidade para aprobar sendos estudos de detalle en Someso e Peñarredonda I, cumplindo o PXOM, este último que facilitará o desenvolvemento urbanístico de tres parcelas próximas á rúa Hamburgo.
Interesante o punto do concelleiro de urbanismo Fran Dían Gallego, que deixou patente que aínda queda varias parcelas urbanizables en Someso para construír 500 vivendas (en 9 torres de 22 e 32 alturas) que non recibiron solicitude de licenza.

As VTC

Volveu ao pleno a situación de incerteza que vive a cidade arredor dos Vehículos con Condutor. Uns VTC que andan pola cidade, facendo viaxes urbanas sen ningún pudor a pesar de que as normativas municipal e a autonómica indican que se non hai ordenanza concreta só poderían facer viaxes interurbanas. Foi o BNG (e foi aprobada por unanimidade) o que presentou unha moción contra a pasividade do Goberno local ante a actuación ilegal dos VTC, pedindo que o Concello sancione os incumprimentos e actualice a normativa.
Deu numerosas razóns a edil nacionalista Avia Veira sobre a discriminación co sector do taxi: os VTC poden ser renting mentres que os taxis son en propiedade; os VTC non necesitan Inspección municipal; os condutores das VTC non teñen esixencia e os taxistas teñen un exame e teñen que ter 5 anos de antigüidade no carnet; os VTC dependen de multinacionais e os taxistas son autónomos que cotizan e pagan taxas aquí; os VTC multpiplícanse sen preguntar e o número de licenzas de taxis están controlados; os VTC cambian os prezos ao seu antollo “segundo demanda”, mentres que os taxis teñen prezos regulados polo Concello; ou os VTC teñen seguro de frota e os taxistas teñen un seguro de responsabilidade civil.

O PP aprobou a moción pero lembrou que os dous grupos de PSOE e BNG veñen de aprobar unha ordenanza de mobilidade sostible hai apenas 2 meses… deixando patente o seu apoio á chegada destas empresas á cidade.

Pola súa parte, a concelleira Noemí Díaz ratificou o apoio ao taxi, presentando unha emmenda de substitucion nese sentido, e aproveitou para mandar recado á Xunta. que é a que admite o aumento de licenzas (“disque hai 800 novas licenzas pero non se sabe en que cidades”) sen falar cos concellos, e agora pon nos Concellos a responsabilidade da súa regulación. Asegurou que a FEGAMP está preparando levar unha ordenanza común á Xunta, pedindo un estudio serio da necesidade do servizo interurbano.

Mercado de Monte Alto

Entre os anuncios na parte das cuestións, á preguntas do PP o voceiro municipal asegurou que na segunda quincena de decembro os praceiros volverán ao Mercado de Monte Alto.

Máis novas

Alertan da intención municipal de abrir o transporte público á competencia privada

A Xunta acada unha paz temporal con Medicina: seguirá habendo só unha facultade en Santiago

0

A Xunta de Galicia e os reitores das tres universidades galegas alcanzaron un preacordo para a descentralización do grao de Medicina, actualmente impartido na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desta forma, as universidades de Vigo (UVigo) e A Coruña (UDC) paralizan a súa intención de crear unha facultade nos seus respectivos campus. Desta forma, estoutras dúas universidades aceptan “atrasar” a solicitude dunha facultade nos seus respectivos campus; aínda que, no caso da Coruña, “segue traballando” na súa tramitación.

Con todo, ningunha poderá presentar formalmente esta solicitude durante a vixencia do acordo porque levaría ao seu incumplimento. A Xunta tampouco poderá autorizar ningunha titulación de carácter privado. Este primeiro consenso implica que presentarán un “documento único” ao grupo de traballo establecido para a descentralización de Medicina, que se reunirá a semana que vén. “A decisión teraa que tomar o grupo de traballo, na que están representados todos os actores“, matizou o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, quen anunciou esta decisión.

Fíxoo acompañado dos seus homólogos en Santiago, Antonio López, e A Coruña, Ricardo Cao, e do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o responsable autonómico de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que este xoves tiñan prevista unha comparecencia en conxunto para asinar convenios en materia de I+D+i. “Os atrancos que tiñamos vannos a permitir presentar un documento único e consensuado, que está baseado na formación de unidades docentes, tanto en Coruña como en Vigo, ademais de en Santiago. Permitirá que haxa profesorado de distintas categorías contratado polas universidades galegas”, expuxo Reigosa.

NOVAS UNIDADES DOCENTES

A descentralización afectará aos tres últimos cursos do grao, é dicir, a 4º, 5º e 6º, e permitirá que Vigo e A Coruña incorporen, polo menos, un 50% de profesorado propio. Deste xeito, as novas unidades docentes combinarán profesionais da UVigo e a UDC con outros da USC. Ademais, segundo detallou Antonio López, a repartición de alumnado será do 25 % para cada nova unidade: Santiago quedaría con 200 (por curso) e Vigo e A Coruña con 100 cada unha. “Como criterio xeral. Isto necesitará, en cada curso e cada ano, ir concretando en función das necesidades”, matizou.

En base ao preacordo, o proceso arrincaría, de forma progresiva, o curso que vén e completaríase nun prazo de tres anos, de forma que no 28/29 xa finalizaría a súa implantación. Con todo, o cumprimento revisarase cada ano a través dunha comisión de seguimento, da que aínda se descoñece quen formará parte. Este preacordo terá que ser “matizado ou corrixido” polo grupo de traballo, pero permitirá empezar a avanzar no desenvolvemento dunha docencia descentralizada: “Que sexa o mellor para a formación dos médicos e coa que todos podamos sentir útiles”, engadiu Reigosa.

“ATRASO” DA SOLICITUDE DE NOVAS FACULTADES

Tras este consenso, a UVigo e a UDC “atrasan” a solicitude de novas facultades, ao que os seus consellos de goberno deran a súa conformidade. “O acordo atrasa esa posible solicitude de titulación”, apuntou Reigosa, que se mostra “optimista” sobre o mesmo. O reitor da UDC, o primeiro en abrir a porta a unha nova facultade, ratificou que tamén “atrasan” a súa solicitude. “Isto non significa que non sigamos traballando niso”, matizou. Preguntado pola súa satisfacción, Cao afirmou: “Como dixen hai uns meses, dialogar ata a extenuación”.

Ademais de insistir na avaliación anual do cumprimento, quixo destacar, dentro do preacordo, o “mantemento” da “vinculación única” de cada hospital á súa universidade “territorialmente próxima” e das condicións dos Institutos de Investigación Sanitaria (IDIS) xunto cos hospitais correspondentes.

“PUNTO DE ENCONTRO”

Pola súa banda, o conselleiro de Educación, que sempre apoiou a descentralización, amosouse satisfeito co consenso: “Todos fomos capaces de chegar, desde posicións antagónicas, a un punto de encontro”. “Estou seguro de que ningún dos que estamos aquí estamos contentos ao 100 %”, puntualizou, á vez que destacou a “confianza” e “respecto” mutuos mostrados por todas as partes. Así mesmo, o reitor da USC, na súa primeira valoración, asegurou que o preacordo “vai na liña” do que a súa universidade defendía: a “implicación” de “todo” o sistema sanitario de Galicia e “todas” as universidades. Posteriormente, nunha rolda de prensa propia –convocada con antelación–, defendeuno como unha “boa solución”, aínda que admitiu que a USC “cede bastantes cousas”.

Por exemplo, suxeriu que sería “máis cómodo” se a descentralización se puidese “dilatar máis” no tempo. “Isto ten un compromiso e é que non se poñan na mesa iniciativas de novas titulacións mentres dure o acordo. Tamén existe un compromiso para a Xunta, no sentido de que durante este tempo non deben autorizarse outras titulacións, nin públicas nin privadas, de Medicina”, clarificou. Ademais, Antonio López avanzou que, en contrapartida, o acordo consta cunha “cláusula de saída”, de forma que, no momento no que se incumpra de calquera forma, abriríase a posibilidade de implantar novas titulacións.

Presentadas 15 propostas para a redacción do Máster Plan de Coruña Marítima

A licitación pública para a redacción do Máster Plan de Coruña Marítima concluíu a súa fase de presentación de candidaturas, cun total de 15 propostas recibidas. O proceso, despois dos cambios engadidos trala resolución do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, por mor dos recursos que presentaran varios arquitectos, busca seleccionar o equipo responsable de deseñar o futuro do porto interior e a súa integración coa cidade. Con todo, entre o colectivo de arquitectos da zona, non consta a presentación de propostas saídas de estudios da cidade.

Nos próximos días reunirase a Mesa de Contratación, que procederá á apertura da documentación xeral presentada e á identificación das empresas e unións temporais de empresas (UTEs) participantes.

Selección de finalistas

A partir dese momento, abrirase un prazo de 2 meses durante o que se procederá a seleccionar os cinco finalistas, segundo os criterios que figuran no prego. As bases da licitación manteñen a necesidade de que os equipos sexan multidisciplinares, con experiencia acreditada en áreas como urbanismo, paisaxismo, arquitectura, hidroloxía, portos, ferrocarrís e mobilidade, entre outras, dada a complexidade do ámbito de actuación, ao redor dun millón de metros cadrados.

A selección valorará especialmente a calidade e complexidade dos traballos previos, así como a traxectoria profesional, experiencia e recoñecementos obtidos polos equipos. Priorizarase a excelencia técnica fronte ao volume de proxectos realizados.

Avaliación final e adxudicación

Unha vez seleccionados os cinco equipos finalistas, abrirase un período de 5 meses para que estes preparen as súas propostas. Cada unha das cinco ofertas será valorada con criterios que terán en conta a calidade técnica da proposta, a súa funcionalidade, os aspectos ambientais e os aspectos económicos. Desta avaliación sairá a adxudicataria do Máster Plan e nese momento xa se coñecerá a maqueta de todo o proxecto.

O equipo gañador terá entón un ano para desenvolver o plan director do proxecto Coruña Marítima, así como todos os anexos e documentos complementarios que figuran nas bases. O importe da licitación é de 3 millóns de euros, que serán financiados polas seis administracións que impulsan o proxecto: Concello da Coruña, Autoridade Portuaria, Xunta de Galicia, Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, Puertos del Estado e ADIF.

Un proxecto estratéxico para a cidade

O ámbito de actuación abarca desde o dique de abrigo ata a dársena de Oza, incluíndo a estación de mercadorías de San Diego.

O Máster Plan deberá cumprir cos catorce Acordos Estratéxicos aprobados pola Comisión Coruña Marítima. Entre os seus obxectivos destacan:

– Reforzar a actividade portuaria
– Impulsar novas actividades económicas
– Mellorar a mobilidade urbana e metropolitana
– Crear novos equipamentos públicos, incluído un edificio emblemático que caracterice a intervención
– Potenciar as zonas verdes e a sustentabilidade

 

Máis novas do proxecto

A presidenta do COAG desmonta o proceso da Fachada Marítima: “O que vexo é que a Autoridade Portuaria quere sacar rendemento económico”

Debe condicionar o pago da débeda do porto exterior a trascendental reordenación da fachada marítima?

A delgada liña entre o dereito a folga dos técnicos sanitarios e o dereito dos pacientes

0

Seguen en folga os Técnicos Superiores da Sanidade Pública, que levan dende comezo de ano mobilizándose por unha falta de recoñecemento profesional que dura 18 anos. Pero explicar unha folga á cidadanía sempre é complicado, e máis nun sector como o sanitario no que hai vidas en xogo.

A pesar da existencia de servizos mínimos, de protocolos de urxencia, de ética profesional… son moitos os cidadáns que se acaban vendo atacados pola decisión dun sector profesional a facer folga. Así o notamos na carta aberta que recibimos de Javier, un paciente do CHUAC que onte non puido realizar as súas probas pola folga do persoal que fai as radiografías, os TACs, as analíticas…

A realidade é que Javier recibiu un informe no CHUAC no que se indica: “Muestra no procesada por huelga de personal”, unha información que non vai acompañada en ningún momento dunha explicación das razóns da folga. Un xeito sibilino do Sergas de enfrontar aos pacientes cos profesionais, de enfrontar á xente coa xente.

Recollemos así, a carta ao director que nos manda Javier, con todo o seu dereito a expresarse libremente. E ao remate, unha carta dunha Técnica Sanitaria do Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.

O TEU DEREITO A FOLGA REMATA NO MEU DEREITO A VIVIR

Boas! Son demócrata e un fervente defensor dos dereitos dos traballadores, e por suposto, ó dereito a folga.
Levo 10 anos sufrindo un grabisima enfermidade, artrosis reumatoide. Unha enfermidade dexenerativa que me mantén postrado na cama cuns dolóres insoportables que a duras penas poido paliar con fármacos foritísimos baseados en cortisona ou opiaceos.
É durísimo, levantarte cada mañá coa única ilusión de que a xornada transcurra coa menor dor posible, entre bagoas túas e, as veces, pagandoas coas persoas que tes ó redor.
Ben! Tras anos de ir de especialista en especialista, largas listas de espera e un sin fin de decepcións, porfín os médicos conseguiron atopar un posible tratamento que abra un raio de esperanza cara o final ou, cando menos, cara unha ralentización da enfermidade. Para poder comezar co tratamento, a pasada semana tiven que facer unhas complexas e dolorisísimas probas no CHUS. Esta semana terian que darme os resultados a fin de comezar co tratamento.
Pois ben, hoxe notificanme dende o SERGAS que terei que repetir novamente as probas, e que me chamarán para darme unha nova cita nun prazo indeterminado de meses. Parece ser que caducou o prazo (limitado) para a obtención duns resultados fiables das miñas probas, debido a que durante a xornada de folga do pasado martes 4 non se fixeron análises.
Como dixen, estou tomando 12 pastillas diarias que están acabando coa miña saúde. Como ser humano teño dereito a vida e a sanidade. É inmoral que unha xornada de folga non garanta uns servizos mínimos para unhas analises tan urxentes . Non sei quenes son os responsables: Se os piquetes, se a dirección hospitaliara, se a adaminitración…. Non teño respostas, só unha pregunta: Onde está a liña que separa o dereito de folga do dereito a ter unha vida digna?

  • Javier, paciente do CHUAC.

Acerca da folga dos Técnicos Superiores

Antes de nada, temos que dicir que esta folga non é polo noso gusto (perdemos o soldo e as cotizacións de cada día que a facemos), sempre é a derradeira opción. E, efectivamente, non nos quedou outra para facer valer os nosos dereitos. Todas as urxencias e todos os pacientes oncolóxicos foron perfectamente atendidos e completadas as súas probas, tendo en conta que se fixeron todas as probas que os facultativos (e non nós) son os que deciden que se considera urxente e que non.
Debería ser unha obviedade entender que non se pode ir mirando doente por doente, así que desgraciadamente, e moi ao noso pesar, alguén puído saír perxudicado, como en todas e cada unha das folgas que se fan neste país. Ao millor a quen lle ten que pedir contás este doente e cada un dos que non se sentiu debidamente atendido é ás autoridades competentes, e non a nós, que non tivemos outro remedio e que facemos a folga tamén para acadar unhaa mellor calidade asistencial para os doentes tamén.
Nós agradecemos que a xente se queixe, é unha maneira mais de que se recoñeza o noso labor, pero tendo en conta que os responsables últimos non somos nós, senón as correspondientes Administracións, polo seu abandono e falla de compromiso coas nosas categorías, perante anos e anos.
Así mesmo, queremos agradecer profundamente todo o apoio e a comprensión que nos amosaron a inmensa maioría dos doentes que acudiron aos distintos servizos de saúde nestes días, pese aos inconvenientes que puideron atopar. Graciñas a todos.

  • Unha Técnica Sanitaria.

Máis novas

Os TSS reclaman a homologación e recoñemento dos seus títulos

Un ano de mobilizacións da ANPA do CEIP de Prácticas contra o lamentable deterioro do centro

Levan máis dun ano en loita, dende que aquel 11 de novembro de 2024 o edificio da Normal sufrira a caída de numerosos cascallos sobre o alumnado.

Daquela, a ANPA do CEIP de Prácticas iniciaba unha serie de mobilizacións para que as administracións responsables da conservación do centro sexan conscientes do lamentable estado do mesmo e do risco que pode supor de cara ao persoal traballador e ao alumnado do colexio. Pero a pesar que o edificio require unha reforma integral, tal e como acordaron o pasado 15 de xaneiro de 2025 Xunta, Concello da Coruña e UDC nunha xuntanza mantida a tal efecto, nada se ten feito por parte destas entidades.

As familias volveron á carga este comezo de curso, xa con varias concentracións á porta do centro, e anuncian manterán unha mobilización este venres 7 de novembro ás 8:40 horas ás portas do centro. Non será a única.

As deficiencias

As familias debullan as necesidades do edificio que poñen en risco a vida e a saúde dos 250 nenos e nenas que reciben aulas no CEIP de Prácticas:

  • Dende maio de 2025 parte dos aseos destinados ao alumnado están pechados por un atoamento que require de obra maior. Isto supón que as crianzas cheguen incluso a mexarse por enriba por non dispor de sanitarios suficientes.
  • Os diferentes enreixados de peche así coma as cancelas, están enferruxados e rachados co perigo que isto pode supor para o alumnado.
  • O chan do patio está cuberto de fochancas.
  • As humidades son dunha relevancia tan grande que mesmo nacen fungos en mesas e portas.
  • O alicatado de zonas comúns coma o ximnasio ou algúns baños cae por falta de mantemento
  • A pasada semana dende o centro tiveron que dar avisode desinfección urxente por mor de que varias crianzas tiveron problemas de erupcións cutáneas por usar determinados elementos do ximnasio
  • O chan afúndese baixo os pés das nosas fillas e fillos…
Estado do CEIP Practicas
Deficiencias do edificio da Normal

A preocupación na comunidade escolar aumenta ao ver que a partida para Educación  proposta nos Orzamentos de 2026 da Xunta de Galicia mérmase de maneira significante e non aparece dotación económica específica para acometer a reforma integral que o noso
colexio precisa.

Do mesmo xeito continúan sen prazos oficiais por parte do Concello da Coruña para realizar as obras de mantemento requeridas, “malia que a Alcaldesa insista en que non son da súa competencia”.

“Estamos fartos e fartas de promesas incumpridas e da nula asunción de responsabilidades por parte das administracións”.

Máis novas da mobilización

O Prácticas segue en loita

A Coruña acolle o ciclo ‘Castelao e o seu tempo’ no 75 aniversario do falecemento do intelectual galego

0

A Coruña acollerá os días 6, 11, 12 e 19 de novembro o ciclo ‘Castelao e o seu tempo’ con motivo do 75 aniversario do falecemento do intelectual galego. Será na Casa Museo Casares Quiroga.

O Palacio Municipal de María Pita acolleu este mércores a presentación do ciclo de conferencias, unha proposta ao redor da figura, o pensamento e o legado de Castelao.

A iniciativa está organizada pola Fundación Castelao e polo Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses co cofinanciamento do Concello da Coruña e da propia Fundación, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística autonómica, o Consello da Cultura Galega e a Real Academia Galega.

A construción da nación; a democracia e a república; o exilio e a memoria e a modernidade e o cambio cultural no primeiro terzo do século XX serán algunhas das cuestións que se abordarán, segundo explicou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro.

Do ciclo, dixo que representa “unha oportunidade para que a cidade da Coruña honre a Castelao coa altura intelectual e institucional que merece, reafirmando o seu papel como capital cultural galega comprometida coa memoria, a arte e o pensamento”.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou, á súa vez, as iniciativas que desenvolven as administracións locais “para seguir celebrando a Castelao antes de que termine este ano de homenaxe”.

 

O Castro de Elviña terá un centro de apoio ás actividades arqueolóxicas

0

O Concello dá continuidade á súa folla de ruta para potenciar a rede de Museos Históricos da Coruña, con actuacións xa sobre a mesa tanto no Castro de Elviña como no Castelo de San Antón.
No caso do Castro de Elviña, saen xa a concurso as obras de construción do novo centro de apoio ás actividades arqueolóxicas e didácticas que se levan a cabo no xacemento, cun investimento de 330.000 euros.

Por outra banda, en San Antón levaranse a cabo traballos de adaptación da instalación eléctrica do museo arqueolóxico, con novas canalizacións. O importe desta intervención será de máis de medio millón de euros e tamén sae xa a concurso

O persoal de Jevaso mobilízase contra a extrema precariedade laboral do xigante do textil

0

Xa falamos esta semana, a fondo, do devir laboral do xigante do textil Jevaso. A empresa, que medra ao amparo de Inditex, leva anos recortando os dereitos laborais dos seus traballadores. De aí que xa comezase unha serie de mobilizacións.

Hoxe, mércores 5 de novembro os traballadores do Comité (UGT, FICA e CIG) protagonizaron unha concentración ás portas da sede no polígono de Sabón. Realizaron ademais as primeira asembleas (queda aínda outra mañá), cun resultado “satisfactorio” para o Comité, apuntando o apoio para unha folga o día 24.

Xuntanza de traballadores do Comite de Jevaso

Ademais de denunciar as crúas condicións laborais (faltan aquí as reclamacións dos traballadores que chegan por Empresas de Traballo Temporal que denuncian situacións case de escravitude), reclaman o pago inmediato dos atrasos xerados desde xaneiro de 2024 e a actualización das nóminas conforme ás táboas recollidas no convenio estatal da industria téxtil e confección, publicado recentemente.
Segundo explica o comité nun comunicado, a empresa non aplicou as subas salariais correspondentes e os importes abonados aos traballadores son “moi inferiores ás cantidades legalmente establecidas”.

Asemblea de Traballadores de Jevaso

OSIBLES PAROS NA SEMANA DO BLACK FRIDAY

Xunto coa concentración do día 5, o comité avanzou que se celebrarán asembleas co persoal durante esa xornada e a seguinte para avaliar a convocatoria de paros parciais, que poderían comezar na semana do Black Friday se a empresa non rectifica a súa postura.

Con estas accións, o comité pretende presionar a dirección para que cumpra os acordos asinados e respecte o convenio estatal, evitando que o persoal perda poder adquisitivo mentres continúa a actividade habitual da compañía.

Máis novas

Jevaso, o “xigante textil” que crece por fóra pero se baleira por dentro