Inicio Blog Páxina 25

Fina Paulos, recoñecida como Mellor Docente de Secundaria de España nos Premios Educa Abanca

0

O ano pasado xa quedou de segunda, pero este curso a mestra Fina Paulos (natural de Santa Marta Babío, Bergondo, e residente en Oleiros), vén de recibir o galardón como Mellor Mestra de España na categoría de Educación Secundaria e Bacharelato dos Premios Educa Abanca 2025, considerados entre os galardóns máis prestixiosos do ámbito educativo en España.

Paulos recibiu o premio xunto ao seu compañeiro no IES Maximino Romero de Lema, de Baio, Óscar Rey Calo, que recibiu o recoñecemento en Formación Profesional, situando a formación do ensino público rural como un referente estatal en innovación pedagóxica e competencia dixital.

A gala de entrega tivo lugar o 31 de xaneiro de 2026 na Sede Afundación da Coruña.

Durante a súa intervención, Fina Paulos lembrou que “educar é moito máis que transmitir contidos: é escoitar, acompañar e abrir camiños onde xerminan valores esenciais como o respecto, empatía, igualdade, pensamento crítico e creatividade”. “Recibir este galardón —explicou— supón unha honra persoal, pero tamén un impulso para seguir defendendo unha educación humana, inclusiva e de calidade, que poña no centro ás persoas e as súas historias de aprendizaxe”.

Fina Paulos Mellor Educadora de Espana

Entre os proxectos máis destacados destes docentes atópase o Entre os proxectos máis destacados destes docentes atópase o Recurso Educativo Aberto (REA) polo que recibiron recentemente o “I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do alumnado” que recollerán en Madrid o próximo 2 de marzo, trátase dunha proposta didáctica que combina patrimonio cultural, historia, diversidade e tecnoloxpolo que recibiron recentemente o “I Premios Nacionais a Experiencias Educativas que fomentan a Competencia Dixital do alumnado” que recollerán en Madrid o próximo 2 de marzo, trátase dunha proposta didáctica que combina patrimonio cultural, historia, diversidade e tecnoloxía.

Son ademais autores de dous libros sobre o uso da IA na docencia e na vida cotiá.

Máis novas

A mestra Fina Paulos recibe un premio estatal en materia de innovación pedagóxica

Fina Paulos, segunda mellor mestra de Secundaria nos Premios estatais Educa

A mestra oleirense Fina Paulos lanza un novo libro sobre o uso nas aulas da Intelixencia Artificial

“Como pode divertir ver un animal sufrir”

0

Este pasado domingo 1 de febreiro, colectivos de todo o estado desenvolveron unha manifestación co lema “Non á caza”. Na Coruña, apoiados pola asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica, percorrían o centro dende o Obelisco ata a praza de María Pita con arengas como “Como pode divertir ver un animal sufrir”.

As entidades consideran “imprescindible alzar a voz contra unha actividade que provoca morte, sufrimento animal, deterioro dos ecosistemas e unha crecente inseguridade no medio rural”.

Aseguran que “a caza non é unha ferramenta de xestión ambiental, senón unha agresión sistemática á fauna silvestre, que afecta non só ao xabaril, empregado de forma interesada como xustificación, senón tamén a raposos, corzos, lobos, aves e outras especies, incluídas algunhas protexidas ou vulnerables”.

Ademais, lamentan que “a actividade da caza privatiza de feito o espazo público rural, converténdoo temporalmente en zonas perigosas e excluíntes”.

Invitan á lectura do seu manifesto.

Non a caza manifestacion Coruna

O Acuario da Coruña celebra talleres e charlas divulgativas no VIII Feira de Ciencia Isabel Zendal

O VIII edición da Feira de Ciencia Isabel Zendal celebrará, este sábado no Aquarium Finisterrae, talleres divulgativos sobre o mundo mariño e as expedicións marítimas impartidos por profesorado e alumnado da Universidade da Coruña (UDC). Así mesmo, ofrecerá aos usuarios a oportunidade de participar en experimentos, xogos e actividades.

Segundo traslada o Concello da cidade herculina, os encontros serán en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas. Para visitar este día o museo, que celebra xornada de portas abertas con entrada gratuíta, é necesario unha reserva de entradas, que se poderá realizar a partir das 09.00 horas deste mércores.

No entanto, concreta que as persoas maiores de 65 anos poderán acceder ás instalacións do acuario sen reserva e acompañadas doutra se o precisan. Esta Feira está organizada por UDCiencia d+i, un grupo de divulgación científica e innovación docente da UDC, en colaboración co Aquarium Finisterrae e o consistorio.

O Zara vello non lles renta

Esta semana pechou as súas portas o primeiro Zara do mundo, o da rúa Juan Flórez. Inaugurouse en 1975, polo que o pasado ano 2025 celebrou o medio século con renovación e reapertura, exposicións, café e outros fastos especiais. Celebracións que rematan coa tenda pechando sen máis.

O avó non produce, eutanasia para o avó.

Esta tenda era moi concurrida por señoras, velliñas e xente de paso ó traballo, era pequena, cómoda, acolledora e abarcable para o público de máis idade, non coma os megastores e tendas insignias que son a aposta clara e única das grandes cadeas hoxe en día.

Pero as señoras non son o target de Inditex, claro está, o target son as mozas e as influencers, entón aporta ou aparta. As señoras aportan modernidade, reviews, hauls ou engagement? Non, logo aparta ás señoras, non rentan.

Este peche levoume a pensar sobre a actual mercantilización dos sentimentos e das relacións, sobre a prevalencia da economía por enriba das emocións. É tremendo iso de analizar a amizade ou a parella en termos de coste-beneficio, e máis tremendo é velo facer á xente nova. A adolescencia e a mocidade teñen que ser épocas de derroche e ruína, de erros e perdas, de deixarse levar pola paixón e o risco, non polo Excel e as matemáticas, de rir e chorar e non calcular.

Hai que apoiar á amiga que está mal e non esta persoa vitamina senón máis ben persoa fluoxetina, aínda que nos pareza que non nos aporta moito neses intres.

Non podemos deixar que a economía e o beneficio goberne as nosas vidas, porque ao final delas lembraremos os xogos cos nosos pais e nais, non o que custou a residencia de maiores, os sorrisos dos nosos fillos, non as noites sen durmir, as madrugadas bailando ata o mencer, non as baixonas do domingo.

E voltando ao peche do Zara primixenio e orixinal, Inditex ou Amancio ou Marta ou o demiúrgo corporativista están poñendo o cerebro por enriba do corazón, olvidando ás señoras e nenas que os uparon mercando rebequiñas ou conxuntiños, as adolescentes que nos Y2K mercamos a roupa para sair de festa.

E non me digades que estamos a falar dunha empresa e non unha ONG, iso xa o sei, pero os cartos lle saen polas orellas e xustamente eles poden tomar decisións sentimentais sen despeitearse. Poden pero non queren.bea alfonso

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

A AVV Oza Gaiteira Os Castros estrea hoxe documental e a exposición sobre Xosé Velo

0

Hoxe, luns 2 de febreiro, a Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros celebra estrea do documental (“O libertador ibérico”) e da exposición (que estará aberta ata o 21 de febreiro) sobre Xose Velo. A partir das 19 horas, o Fórum Metropolitano, acollerá a cita para lembrar a biogafia de este loitador antifascista do 2 ao  no Forum Metropolitano

Xose Velo foi un escritor e político independentista galego nado en 1916 en Celanova. Animal político, Xosé Velo non foi animal de rebaño. Aínda que se mantivo até a morte na órbita do galeguismo co que comezara de mozo, puxo sempre por diante a súa conciencia (ou o instinto) aos ditados de calquera organización. Nin atopou acubillo definitivo nin deixou herdeiros políticos directos. Se cadra é por iso que, malia ter vivido en primeira liña a República, a guerra e a resistencia antifranquista, tanto no interior como no exterior (co máximo protagonismo no episodio sonado do secuestro do Santa María), segue sendo un recordo borroso para os vellos, unha figura semidescoñecida para a xeración intermedia e nada en absoluto para os máis novos.

Menos coñecidos aínda son os seus escritos. Toucou moitos paus: poesía, ensaio, artigos, prólogos, discursos, cartas…

Norte Cinema Diverso móvese a novembro pero organiza en febreiro unha sesión especial

A terceira edición do Norte Cinema Diverso (NCD) desenvolverá a súa III edición os días 25, 26 e 27 de novembro de 2026. “Este axuste de datas ten como principal obxectivo seguir coidando a identidade e a calidade do festival, optimizar o acceso ás propostas dos distintos festivais audiovisuais do mundo e garantir así unha selección da máxima calidade”, asegura Fernando Cayazzo, codirector do certamen coruñés.

Con todo, e como antesala ao festival, NCD organizará unha sesión especial de inverno o vindeiro xoves 26 de febreiro ás 20:00 horas. O evento centrarase na realidade das persoas maiores LGTBIQ+, no edadismo e na experiencia da volta ao armario na terceira idade.

Proxectarase a película Maspalomas, que narra a historia dun home de 76 anos que se ve obrigado a ingresar nunha residencia e enfrontarse de novo á ocultación da súa identidade.

NCD Educa 2026: a diversidade entra nas aulas a través do cinema

O festival, organizado pola asociación Palestra e o concello da Coruña, mantén o seu compromiso co ámbito educativo a través do programa NCD Educa, que iniciou esta mesma semana a súa xira por distintos centros educativos da área metropolitana coa visita ao IES Monte das Moas. O NCD Educa pasará tamén polo Fernando Wirtz (10 de febreiro), o Manuel Murguía de Arteixo (20 de febreiro), o CPR Andaina (2 de marzo), o Eusebio de Guarda (9 e 10 de marzo), o Zalaeta (25 de marzo) e o Otero Pedrayo (data por confirmar).

O programa inclúe este ano a proxección de seis curtametraxes (Ese lugar partido, Estoy bien mamá, Erupción, Sobremesa, La duda e Siempre que lo cuento) e o posterior debate con alumnos e alumnas de 3º e 4º de Primaria e 1º da ESO de cada centro.

Norte Cinema Diverso conta coa colaboración da Cinemateca Pedro Zerolo e da Academia Galega do Audiovisual.

Máis novas

A española “Transición” leva o premio Trini Falcés do Norte Cinema Diverso

O NCD Educa é “moi necesaria porque hai persoas que se ven oprimidas e necesitan que a súa realidade se normalice”

O inicio da folga indefinida de autobuses na Coruña aprázase ao martes e o luns seguirán as negociacións

0

O inicio da folga indefinida de autobuses na provincia da Coruña aprazouse ata o martes tras a reunión entre sindicatos (CIG, UXT e CCOO) e patronal. Este luns, 2 de febreiro, seguirán as negociacións entre ambas as partes.

O responsable de transportes da Confederación Intersindical Galega (CIG), Ernesto López,  manifestou que a reunión deste sábado no Consello Galego de Relacións Laborais foi “tremendamente decepcionante” e están “lonxe” de chegar a un acordo. “Eles — a patronal — entenden que están preto de chegar a un acordo, nós non, pero imos darlle unha oportunidade e seguir negociando”, explicou.

Segundo detallou López, a patronal ofreceu unha rebaixa da xornada laboral, pero “négase a entrar” en aspectos “importantes” como o salario, a xubilación parcial ou a mellora do complemento de nocturnidade. Así, insistiu en que a subida salarial é “en grao sumo importante”.

No entanto, “van darlle a oportunidade” de seguir negociando este luns, xa que “parece que poden traer algo máis”. “Se o luns chégase a un acordo hai desconvocatoria da folga, senón convocarase para o martes, 3 de febreiro”, asegurou.

“Necesitamos unha rebaixa da xornada moitísimo maior que a que está encima da mesa. Que se entre na xubilación parcial e unha subida salarial máis importante, entre outros aspectos”, concluíu.

Para CCOO, a representación empresarial presentou unha proposta que, en opinión do sindicato, resulta “insuficiente respecto ás pretensións da parte social. Debe servir para que os empresarios se aproximen dunha vez a un marco de negociación real”. CCOO xa adianta que as ofertas en materia de xornada e de organización dos calendarios e quendas están lonxe das propostas presentadas polo sindicato.

O IMCE convoca aos docentes do Programa de Lecer a unha reunión

0

Xa pasaron 15 días de silencio dende que o Concello anunciaba o rescate a medias do Porgrama de Lecer ante os impagos de Serviplús, a mesma empresa concesionaria das Escolas Deportivas Municipais, cuio servizo si que foi rescatado por EMVSA.

Pero hoxe, xusto dous días despois de que os docentes decidisen emprender accións de presión, o Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) vén de convocalos a unha reunión.

O IMCE convoca aos 50 educadores o mércores 4 de febreiro ás 19:00h no Fórum, se ben o grupo de afectados mantén, polo de agora, a convocatoria para realizar este luns, 02 de febreiro ás 17.00 en María Pita, realizarán unha “Aula aberta” por ser o arranque de curso, na que darán lectura aos motivos da convocatoria e darán unha charla aberta.

Máis novas do conflito

Os docentes do Programa de Lecer deciden emprender accións de presión

O Concello rescata, a medias, aos traballadores do Programa de Lecer do Fórum e do Ágora

 

A caída de cascallos do depósito de auga obriga a pechar a Escoliña Luís Seoane

0

As crianzas das Escoliñas de Monte Alto e a Luís Seoane (que comparten edificio ata o curso que vén pola reforma da praza do Mercado, onde se ubica a primeira) non puideron ir hoxe a clase. As responsables das dúas escoliñas avisaron xa na tarde de onte do perigo que supuña a caída duns cascallos procedente da zona do icónico depósito de auga.

O edificio non corre perigo (a cuberta é vella, e si que sufríu os impactos de certos elementos, pero aguanta, mentres agarda a súa reforma integral, que está en fase de “en previsión”), pero o vento que está a facer estas xornadas, provocaba a caída de partes da cuberta do depósito, situado no que algún día será o Parque Vixía (aprobado en 2023…) que porque agora fica como monte. O risco para as crianzas e para o profesorado foi perfectamente comprendido pola familias que tiveron que facer malabares para conciliar.

Asi quedou a cuberta da Escolna Luis Seoane
Así quedou a cuberta da Escoliña Luís Seoane

Con todo, a resposta municipal foi rápida, aseguran dende a Luís Seoane, e esta mañá, a pesar de que a climatoloxía non axuda moito, os Bombeiros e os operarios da empresa municipal xa estiveron traballando tanto no depósito como no propio centro.

Todo para intentar que xa se poida abrir o luns, se ben as escoliñas decidirán conxuntamente en función do que determine tamén o Concello en clave de seguridade.

O BNG propón o traslado á escola do Mercado de Monte Alto

Dende o BNG propoñen que ata que se reparen os danos, as nenas e os nenos da Luís Seoane poidan ir á escola do Mercado de Monte Alto. Con todo, a realidade é que Escola do Mercado non ten as aulas necesarias, xa que ten 4, cando a Luís Seoane ten 4 aulas en funcionamento e a Monte Alto outras dúas. Sería, en todo caso, unha decisión municipal, coa aprobación da Inspección Educativa.

Máis novas

Preguntan pola execución do Parque Vixía

A mostra que recolle a creación de vínculos emocionais entre a cativada da Escoliña e os maiores da Residencia de Monte Alto

Félix Arias lanza un novo disco “feito na casa”: “Entre as urxencias, fixen o importante”

Poucas novidades na constitución da Comisión Especial do Mundial 2030

Constituíuse hoxe a Comisión Especial sobre o Mundial 2030. Despois de máis dun ano de silencio do goberno municipal sobre o proxecto, e tras varias peticións da oposición, a comisión celebraba a súa primeira sesión baixo a presidencia do voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, acompañado do edil de Deportes, Manuel Vázquez; así como Secretario Municipal, o voceiro do PP, Miguel Lorenzo e o edil do BNG David Soto.

”É unha boa noticia a constitución da comisión en si e que o Goberno Local se comprometese nela a facilitar o acceso de todos os grupos á documentación sobre a candidatura”, sinalan dende o BNG, dende onde tamén fixeron a proposta, que foi aceptada, de que na comisión vaian comparecer todas as persoas que teñen a ver coa defensa da candidatura diante da FIFA.

Máis crítico foi o voceiro do PP. “Estamos decepcionados coa Comisión Especial sobre o Mundial 2030 porque esperabamos información e non a recibimos”, sinalou Lorenzo, destacando que a convocatoria limitouse “á constitución”, cumprindo unha moción do PP aprobada por unanimidade en decembro. “É un tema que preocupa moito aos coruñeses, hai moita expectación, pero nós non podemos informar nin aclarar nada porque nada se nos dito ou explicado na comisión desta mañá”, lamenta.
“Esperamos que pronto se reúna de novo a Comisión, xa con todos os expedientes encima da mesa e aí nos informen de todas as xestións”, conclúe o edil do grupo da oposición, que espera que haia máis novidades na nova reunión da comisión, acordada para antes de que remate o mes de febreiro.

Máis novas do Mundial 2030

Lage Tuñas aproveitou as preguntas de PP e BNG sobre o Mundial 2030 para acusalos de “non remar na mesma dirección”

A oposición pedirá no pleno transparencia arredor do Mundial 2030

Inés Rey asegura que a cidade non periga “en absoluto” como sede do Mundial 2030