Inicio Blog Páxina 339

Unha incidencia técnica nun AVLO Coruña-Madrid obriga a desaloxar aos pasaxeiros, que rompen o portelo para saltar ás vías

0

Unha incidencia técnica que se produciu nun AVLO A Coruña-Madrid obrigou este domingo a desaloxar aos pasaxeiros, despois de que algúns deles tivesen que saír por un portelo e saltar ás vías ao detectarse a presenza de fume dentro do tren, segundo informaron a Europa Press fontes de Renfe. En concreto, o AVLO saíu desde a estación da Coruña ás 16.16 horas desta tarde. Con todo, detivo a súa marcha por unha incidencia técnica e, durante as manobras de reinicio detectouse a presenza de fume nas vías entre o coche 2 e 3.

A fumareda introduciuse no tren e un pasaxeiro procedeu a romper unha dos portelos xa que se atopaba unha muller embarazada con dificultades para respirar, segundo relatou a esta axencia unha testemuña dos feitos. Tras iso, varios viaxeiros saíron polo portelo ás vías do tren e, por protocolo, procedeuse a deter a marcha. Tanto o home que rompeu o portelo como a muller embarazada, segundo explican fontes de Renfe, foron atendidos polos servizos de emerxencias. Posteriormente, aos viaxeiros trasladóuselles en dous trens desde a estación de Ourense. Por un lado, algúns viaxeiros foron transbordados ao AVE Vigo Urzaiz 17.16 – Madrid Chamartín 21.34 horas e, a outros, ao AVE A Coruña 19.30 horas – Madrid Chamartín 23.04 horas.

O 60.622, último quinto premio, vende unha serie de 60.000 euros na Coruña, onde tamén houbo ‘petiscos’ dun dos segundos

0

O número 60.622 resultou agraciado co último do oito quintos premios do Sorteo Extraordinario de Lotaría de Nadal, dotado con 60.000 euros á serie. Vendéronse dez décimos desta cifra na cidade da Coruña e outros tantos na de Ourense, respectivamente. O número foi cantado ás 13.20 horas no terceiro arame da novena táboa. En Galicia, repartiu 120.000 euros a través de dúas series nas mencionadas cidades. Na Coruña, vendeuse na administración de Lotarías número 19, situada na Praza de Pontevedra. Así mesmo, tamén na Coruña houbo ‘petiscos’ do segundo premio 77.768.

INDICACIÓNS PARA O COBRO DOS PREMIOS

Os premios do Sorteo Extraordinario de Nadal 2024 comezaranse a abonar desde a tarde do 22 de decembro, cando finalicen tanto as verificacións dos números extraídos como os procesos informáticos, como é habitual, e ata o 24 de marzo de 2025. Se os premios son inferiores a 2.000 euros por cada décimo ou resgardo, pódense cobrar exclusivamente nun dos 10.884 puntos de venda da rede comercial de Lotarías, a partir da tarde do 22 de decembro. Neste caso, o premio pode cobrarse en metálico ou a través de Bizum. Os premios dun importe igual ou superior a 2.000 euros cobraranse nas entidades financeiras autorizadas: BBVA e Caixabank. Dado que este 22 de decembro é domingo, é previsible que as entidades financeiras comecen o proceso de pago de premios maiores o 23 de decembro, salvo excepcións de apertura en domingos ou festivos.

Os Cantos de Taberna, máis vivos que nunca en Monte Alto

0

Vive a música tradicional un proceso de rexeración tremendamente interesan. Dende a sombra nesta cidade eternamente entregada á globalización, os barrios coruñeses non son alleos á revolución da música do país. Mentres as Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Mondras… abren as fronteiras da tradición a outros sons e conseguen traspasar o telón de grelos e levar a nosa música a outras latitudes, as entidades do país reviven a música de raíz.

Se ben a Coruña viviu sempre algo de costas á tradición (no rural galego nunha deixou de ser protagonista principal da escena musical), si que houbo e segue habendo entidades que gardan, comparten e espallan a nosa música, o noso canto e o noso bailes. Xacarandaina, Donaire ou a centenaria Cántigas da Terra son exemplos perfectos de como a Coruña é berce da nosa música, apesar de vivir sempre na sombra mediática.

O mesmo pasa coa A.C. Sondaquí, que este pasado sábado organizou un fermoso pasabares para recuperar os tradicionais Cantos de Taberna polo barrio de Monte Alto. Os músicos da entidade de diferentes xeracións (había gaiteiros dos 12 aos 60 anos, como o mítixo artesán Xosé Manuel Seivane) percorreron as rúas do barrio acompañadas polas pandeiretas e os tamborís, dándolle unha fermosa cor á noite sabatina.

Gaiteiros diversos cun dos Seivane nos Cantos de Taberna de Sondaqui
Xosé Manuel Seivane entre gaiteiros de todas as xeracións
Pandereteiras no Cantos de Taberna de Sondaqui
As pandeireteiras

Un cento de persoas seguía en clave de pasarrúas, á comitiva musiqueira, dende o San Martín, na Rúa Faro, ata o Gomes Gaioso, pasando pola sede da SD Marte e o Ansu, o Polvorín e o Sión de Valais.

A xornada rematou no comprometido centro social sito na rúa Marconi, convertindo o local nunha foliada digna da Fonsagrada, ateigada de rapazada de 20-30 anos que demostraron que a tradición está máis viva que nunca.

Cantos de Taberna con Sondaqui no Gomes Gaioso
A foliada do Centro Social Gomes Gaioso

 

View this post on Instagram

 

A post shared by Xornal da Coruña (@xornaldacoruna)

Aberto ao trásito peonil a meirande parte de San Andrés

0

Adiantan os prazos os traballos de reurbanización da rúa de San Andrés (esperan que estean rematadas antes do 7 de marzo, cando remata o prazo de execución). De feito, este sábado realizouse apertura e retirada da maquinaria e estruturas en gran parte da actuación, entre a praza de Santa Catalina e a rúa Torreiro.

Entre os últimos avances atópase o remate do treito entre as rúas Santa Catalina e Torreiro, a instalación dos semáforos, as novas marquesiñas do transporte urbano e a colocación de novo mobiliario e novas zonas verdes.

Agora os traballos centraranse ata o final da actuación na reurbanización da rúa cara a praza de Pontevedra. Coa previsión de que poda quedar aberta toda a rúa ao tránsito peonil ata a rúa Alameda o día 30 deste mes mellorando o acceso aos comercios nestas datas de consumo navideño. Ademais, estes días procederase á instalación de luces de Nadal no conxunto da rúa.

Os próximos traballos será a formigonaxe da calzada e beirarrúas no treito final.

O orzamento total desta obra é superior aos tres millóns de euros e o seu obxectivo foi o de recuperar a configuración orixinal de San Andrés no século XVIII como bulevar. Entre as actuacións levadas a cabo está a configuración da rúa nunha plataforma única, a plantación de moreiras de Valdeorras, a ampliación de beirarrúas e a instalación de novo mobiliario.

Máis novas do proxecto

San Andrés avanza paseniño

A reforma da rúa San Andrés durará un ano

A reurbanización dos Cantóns comezará a comezos de 2025 e durará 20 meses

A Coruña prorroga os orzamentos para 2025 tras non chegar a un acordo PSdeG e BNG

0

O goberno local da Coruña aprobou, en Xunta de Goberno, a prórroga dos orzamentos para 2025 tras avanzar nas últimas datas o BNG que non apoiaría unhas novas contas por incumprirse, sostivo a formación nacionalista, acordos pactados para este ano.

A preguntas dos xornalistas, tras a rolda de prensa que ofreceu posterior á Xunta de Goberno, a rexedora, Inés Rey, ratificou a aprobación da prórroga para “ter orzamentos a 1 de xaneiro” ao non existir unhas novas contas. Así o expuxo tras informar da adxudicación da obra de reurbanización dos Cantóns, a fase cero da nova fachada marítima da cidade.

As actuacións executaranse no prazo de 20 meses, catro menos dos recollidos nos pregos, por unha UTE formada por Abeconsa e Canarga. As mesmas terán un custo de 7,4 millóns de euros, o que supón unha rebaixa próxima ao nove por cento con respecto ao orzamento de licitación.

Os traballos, indicou a alcaldesa, darán comezo nos primeiros meses do ano 2025 e permitirán a renovación integral dos Cantóns, entre o Obelisco e a praza de Mina. Por outra banda, nesta xornada deuse luz verde ao informe de viabilidade económica dos centros deportivos de San Diego e de O Castrillón, ao que se suma a piscina de San Amaro. O informe de viabilidade é o primeiro paso para a licitación conxunta dos tres recintos.

Máis novas

O BNG reprocha á alcaldesa da Coruña ter “descoidado o día a día” da actividade municipal

A alcaldesa da Coruña tras o “non” do BNG: “Haberá orzamentos, non descarto ningunha posibilidade””

O BNG non apoiará o orzamento de 2025 para a cidade polo “incumprimento” do PSOE de acordos subscritos

Oda aos Festivais de Nadal

Saímos do festival de Nadal da nosa filla. É o noso penúltimo festival de panxoliñas. Saímos cun sorriso tonto despois de ver ás nosas crianzas cantar e bailar candorosas. Pais e nais dirixíndose aos seus traballos cun sorriso, primeiro mérito do festival, pero hai moitos máis.

Os nenos entregados. Sempre hai un ou dous, levan a batuta, saben a melodía e a coreografía, ensaiaron nas súas casas, son a estrela de Belén dos compañeiros despistados. Futuros CEOS das empresas, ou futuros profesores de baile, quen sabe.

Os nenos que choran. Nenos desconsolados, moqueando e buscando desesperadamente aos seus pais entre o público. Nenos que nunca quixeron estar aí, ou si pero xa non. Dan ganas de acercarlles un clínex e mecelos no coliño, pero non se pode. Show must go on.

Os nenos en trance. Non cantan nin choran. Fican mirando fixamente ao público, hipnotizados pola situación. Son coma ultracorpos pero con puchos de Papá Noel.

Os demais. Os vinte restantes. Cantan, ríen, míranse con complicidade. Parece que o pasan ben.

As mestras. Están en primeira fila de costas ao público. Fan a coreografía para que as sigan os nenos despistados, bracean, cantan e se desgañitan para que todo saia ben. Unha cesta de nadal ben grande para elas, por favor.

Os pais e as nais. Emociónanse, incluso botan algunha bágoa, rin e comentan, sacan o móbil aínda que advertiron vinte veces que non saquen os móbiles porque a actuación vai ser gravada e enviada por mail. Perdóaselles porque queren mandar a primicia mundial aos avós que non puideron vir porque só dúas personas por neno, pon a circular.

A música e a decoración. A música ten que oírse mal e saír polos altavoces do portátil ou ben por uns de cando se inaugurou o cole alá polo 82. A decoración ha de ser estridente, colorista e espumilloneira. Isto é o nadal da escola, non a tenda de Zara.

Rematou o festival de Nadal. O noso penúltimo. E non soou O burrito sabanero. Quero o meu burrito. O meu tuki tuki tuki. U-la folla de reclamacións?

Se chegastes ata aquí, boas festas (e festivais).

 

MÁIS ARTIGOS DE BEATRIZ ALFONSO

Mobilización da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña pedindo “melloras urxentes” no centro

0

Representantes da comunidade educativa do CEIP de Prácticas da Coruña mobilizáronse para demandar “melloras urxentes” no centro”. Fixérono coa lema “por unha escola segura e digna” e pouco antes da xornada lectiva.

En declaracións a Europa Press, Cristina Novoa, representante da ANPA, asegurou que “determinados sitios están a caer”, en relación á deterioración que, segundo expuxo, presentan as instalacións.

Ademais, insistiu en que as demandas non son novas e que xa en 2021 houbo protestas por este motivo. Por outra banda, reprochou ás administracións implicadas, a Xunta, o Concello da Coruña e a Universidade coruñesa (UDC), que non dean unha “resposta” ás súas demandas.

“Non hai unha solución concreta e con prazos, só parches”, indicou para asegurar que “non é cuestión de cambiar un fluorescente, se logo hai filtracións de auga non vai funcionar”.

Isto púxoo como exemplo da situación que viven os máis de 250 alumnos e alumnas en relación a uns problemas que veñen, dixo, “de hai tempo” nun edificio que pertence á UDC e que foi cedido ao consistorio pero que ao ser un colexio público compete á Xunta. Desta, asegurou que lles argumentaron que fai falta “unha reforma integral, pero non hai prazos”.

Manifestacion CEIP Practicas Coruna 3 copia
Foto: ANPA

XUNTA

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avogou por un convenio entre o tres administracións implicadas — Xunta, Concello da Coruña e Universidade coruñesa (UDC) — para dar resposta ás demandas de “melloras urxentes” da comunidade educativa do CEIP de Prácticas.

A preguntas dos medios, coincidindo coa protesta convocada este venres, insistiu en que a Xunta xa mandou unha unidade técnica e avogou por “avanzar na formulación dun convenio” para que haxa “unhas instalacións dignas” para as persoas que traballan no centro.

Estas declaracións fíxoas con motivo dunha visita á Cámara de Comercio, onde o seu presidente, Antonio Couceiro, fíxolle entrega do premio nacional recibido polo programa EduInspira, impulsado por esta entidade e a Xunta.

A Cámara de Comercio de España recoñeceu o programa como a mellor iniciativa na categoría de emprendimiento. A mesma consiste na organización de charlas en centros educativos con presenza de emprendedores e emprendedoras.

estado do CEIP PRacticas Coruna
Así está o CEIP Prácticas

A reurbanización dos Cantóns comezará a comezos de 2025 e durará 20 meses

0

Anunciada no mes de xuño, o Concello da Coruña vén de adxudicar hoxe a obra de reurbanización dos Cantóns, Fase Cero da nova fachada marítima da cidade.

Os traballos, que seguen o proxecto realizado polos arquitectos José Manuel Vázquez e Carmen Calatayud, darán comezo nos primeiros meses do ano 2025 e executaranse nun prazo de 20 meses, catro menos dos recollidos nos pregos, por unha UTE formada por Abeconsa e Canarga. As actuacións terán un custo de 7.434.766 euros, o que supón unha rebaixa próxima ao 9% con respecto ao orzamento de licitación.

As obras permitirán a renovación integral dos Cantóns entre o Obelisco e a praza de Mina, reforzando o seu carácter peonil e aumentando a calidade urbana coa creación de novas zonas verdes e arboredo.

A renovación dese espazo, que suporá también actuar en Entrexardíns, permitirá crear a nova porta de acceso aos peiraos, a Fase Cero da renovación da fachada marítima coruñesa, espazo que xa ten uso público desde o anterior mandato.

 

Máis novas

Así será a reurbanización dos Cantóns

Entidades da Coruña reclaman que a fachada marítima aposte por un porto ligado á economía do mar

0

Un total de 14 entidades compareceron na comisión da fachada marítima coruñesa constituída de face a deseñar o futuro dos peiraos interiores da cidade, con incidencia nas súas propostas de apostar por un porto ligado á economía do mar.

“O porto ten que seguir sendo o porto, pero cunha reordenación das actividades habituais e futuras”, expuxo o portavoz do grupo municipal do BNG e presidente da citada comisión, Francisco Jorquera, en rolda de prensa ao presentar as conclusións.

Ademais, incidiu, en relación ás mesmas, na coincidencia en que se aproveite este deseño para promover unha cidade “máis verde” en base a un modelo de calidade urbana, con especial coidado da paisaxe e do patrimonio arquitectónico.

Todas as entidades expuxeron, ademais, a necesidade de “consenso”. “De aí a importancia da participación social”, apostilou Jorquera, quen expuxo aprender doutros modelos, pero non “imitalos”.

Ademais, asegurou que para a reordenación dos terreos portuarios é necesario, dixo, en base ás comparecencias, “abordar a débeda do porto”. “Isto por varias razóns: polo seu impacto nas taxas portuarias e nos investimentos a acometer e tamén para evitar que o pago da débeda condicione decisións sobre o futuro dos peiraos”.

Ponencias

A última visita que recibiu a comisión foi a cargo da delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galiza, Ruth Varela, quen estivo acompañada polo secretario desta entidade, Emilio Rodríguez Blanco.
Antes, pasaron pola Comisión o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; o autor do informe da UDC sobre a transformación do porto interior, Carlos Nárdiz; o presidente do Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canles e Portos de Galiza, Enrique Urcola; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Saez; o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza; os presidentes da Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña e da Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Manuel Monge e Paulo Sexto; o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas; o secretario da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia, Alberto Castro; os presidentes da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, e da Asociación de Armadores de Buques Pesqueiros de Galicia, Severino
Ares; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Miguel Alberto Abelleira Doldán.

A débeda do porto

Para o bo suceso da reordenación dos terreos portuarios é vital -e así o salientaron moitos comparecentes- abordar o problema da débeda do porto. “E isto por varias razón: polo seu impacto nas taxas portuarias e nos investimentos a acometer e tamén para evitar que o pagamento da débeda condicione decisións sobre o futuro dos peiraos”, dixo en alusión á eventual venda de activos.

O porto segue a seguir sendo un motor produtivo pero, en canto aos usos non produtivos, os terreos liberados de actividades estritamente portuarias constitúen unha “oportunidade” para deixar atrás déficits e satisfacer necesidades da cidade e a súa comarca.
Necesidades como a mobilidade -creando aparcadoiros disuasorios e aproveitando os camiños de ferro existentes en San Diego para implantar trens de proximidade e conectalos con outras formas de transporte (bus urbano e metropolitano, ferrys…).

Necesidades tamén ambientais, contribuíndo a equipar a cidade contra as alteracións climáticas –“o porto debe ser barreira de contención ante a elevación do nivel do mar, prevendo zonas de posíbel asolagamento controlado”- e creando zonas verdes para suplir a baixa ratio de espazos naturais por habitante que temos na cidade.

Pouco interese na Vivenda

Canto á vivenda, Jorquera remarcou que “moi poucos comparecentes se centraron neste aspecto”. “De feito”, estendeuse, “houbo comparecentes que manifestaron a súa oposición ou que afirmaron que canto menos vivenda, mellor, pois ao seu xuízo a prioridade debe ser acabar de tecer a cidade consolidada”. “Hai que evitar tamén a construción de guettos para ricos ou a edificación en primeira liña de costa”, criterios que desde logo o BNG comparte totalmente.

 

 

Chaves de xénero do caso Pelicot

0

Esta é a noticia do día: Dominique Pelicot, de 72 anos, é declarado culpable de violación agravada, mediante a administración dunha substancia química á súa esposa Gisèle Pelicot, e culpable de violación agravada á muller de Marechal, Cilia M. Recibe a pena máxima de 20 anos de prisión.

Jean-Pierre Marechal, que non participou nas agresións a Gisèle Pelicot, foi condenado a 12 anos de prisión por drogar e violar a súa propia esposa.

Os 50 acusados tamén foron condenados con penas de entre 3 e 15 anos, en moitos casos menores das recomendadas pola fiscalía. A pena máis alta a recibe un home que supostamente abusou sexualmente de Giséle, que non empregou método anticonceptivo de barreira e sabía que era VIH positivo.

O caso Pelicot é un dos xuízos máis mediáticos e conmocionantes da última década en Francia cun gran impacto social a nivel internacional.

A definición legal de violación en Francia inclúe os conceptos de coacción, violencia, ameaza e sorpresa, pero non menciona expresamente o consentimento, como si o recolle a lexislación española na lei sobre garantía integral da liberdade sexual.

Estamos ante un caso que opera como a punta do iceberg en materia de violencia sexual debido á gravidade e natureza dos feitos, un caso de violencia sexual por submisión química que, como o seu nome indica, supón someter a una muller a repetidas violacións baixo os efectos de medicamentos ansiolíticos, por tanto son relación sexuais sen vontade e non consentidas.

Este caso pon sobre a mesa o debate sobre a tolerancia ante as violacións na sociedade na que vivimos. Este caso serve para analizar a impunidade coa que actuaron os agresores, a falta de reacción de quen presencia os feitos e por tanto a complicidade de todos os que participan ao longo de mais de dez anos.

É unha realidade que estamos ante una sociedade que precisa cambios profundos e transformadores, pero tamén ante una sociedade máis informada e concienciada, polo que é importante falar deste caso e de moitos outros casos de mulleres que viven situacións de violencia sexual en sus múltiples manifestacións.

Gustaríame reflexionar por un instante sobre a submisión química e incidir que segundo nos indican os estudios, a maioría de casos danse por persoas próximas a vítima, amigos, compañeiros, parellas, exparellas, habitualmente non son persoas descoñecidas coas que te atopas casualmente e tamén desmitificar que a submisión non se induce principalmente con medicamentos senón que a principal sustancia é o alcohol e a segunda as drogas ilegais.

Saber isto é importante, porque contextualiza moito máis que a submisión química opera en moitas ocasións na contorna próxima dos agresores, contorna que coñece as intencións e son cómplices do delito, situacións moi normalizada nos contextos de festa e ocio nocturno, pero tamén no seo de parellas ou relacións afectivo-sexuais. Isto indica que normalizamos, banalizamos e consentimos a violencia sexual incluso a de baixa intensidade, a sutil, a que parece que non é suficientemente importante como para denunciala.

Este caso, pon no centro do debate a necesidade de “cambiar a vergoña de bando”, e que casos coma este promovan o cambio. Non procuramos heroínas, senón mulleres empoderadas que cando se sintan preparadas denuncien, acudan a un punto violeta, un centro de información ás mulleres, a un centro de saúde ou á policía e poñan en coñecemento o sucedido porque son os agresores os que deben ter vergoña dos abusos cometidos e a tolerancia da sociedade debe ser cero.

O caso provocou unha mobilización social significativa, que esixe cambios legais e sociais que protexan mellor ás vítimas de violencia de xénero, porque o sistema funciona pero é mellorable e require de recursos persoais e técnicos porque estamos ante una problemática social de amplo calado no noso imaxinario colectivo e porque as vítimas da violencia de xénero teñen dereito a una recuperación integral das súas vidas.

Ante todas as formas de violencia de xénero, precisase un cambio de narrativa, unha sociedade activa fronte a violencia de xénero, unha xustiza que recoñeza e restaure a dignidade das vítimas e unhas institucións que traballen de forma coordinada e integral, en definitiva unha unión comunitaria e institucional como estratexia multinivel e multisectorial.

  • Eva Ovenza Pereira. Psicóloga especializada en políticas públicas de igualdade de xénero.

Máis artigos de Eva Ovenza