Inicio Blog Páxina 381

O Concello solicitará formalmente a declaración da cidade como zona tensionada

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, anunciou que o consistorio solicitará formalmente a declaración de zona tensionada, segundo informou tras unha visita ao barrio de Xuxán e ao centro educativo de Someso xunto á ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez. “Imos solicitar formalmente a declaración de zona tensionada, beneficia á cidade no seu conxunto, pero especialmente aos arrendatarios e arrendadores”, expuxo en declaracións aos xornalistas.

Así, sinalou que os inquilinos, cos cálculos estimados polo consistorio, “aforrarían ao redor dos 450 euros de media ao ano no seu aluguer”. “Pero é que os propietarios poderían desgravar ata o 90 por cento da renda”, sinalou apuntando á bonificacion no IRPF. Con esta actuación, a regulación dos pisos turísticos e a construción de vivenda pública, trasladou a súa confianza en que se poida reverter a situación nunha materia “que preocupa cada vez a máis españois”, aseverou.

 

Inés Rey urxe declarar a cidade zona tensionada e a nova conselleira de Vivenda demanda documentación

O Concello da Coruña inicia a consulta pública sobre a ordenanza de regulación de pisos turísticos

O persoal de La Opinión avanza nas súas mobilizacións por un soldo digno

Aumenta a precarización laboral nas grandes corporacións da comunicación. Así o sofren os traballadores de La Opinión A Coruña, xornal que forma parte do conglomerado Prensa Ibérica, que comezaron este mes as súas mobilizacións despois de levar, dende o mes de abril, 13 xuntanzas no marco na negociación do convenio colectivo, sen que a patronal mova unha coma na súa proposta.

A día de hoxe, xa con sede na Rúa Fonseca, o plantel o forman 35 profesionais, polos 80 que acodían diariamente antes da pandemia á historica sede da Rúa da Franja. Anos de despedimentos, e de conxelación de soldos (entre 2010 e 2020) e de complementos de antigüidade (dende hai 9 anos) provocan que hoxe estean por debaixo do convenio laboral naciona, sufrindo unha unha perda de poder adquisitivo dun 17% na última década.

Ante esta situación e cun seguemento do 95%, os traballadores e traballadoras comezaron as súas mobilizacións, a primeira en 24 anos de historia (teñen o aniversario o 24 de outubro), a finais de setembro. Realizaron uns paróns que lle chamaron mércores negros, que trasladaron, tras unha asemblea, aos “venres negros”, emulando a loita do persoal da RTVG. Realizan dende comezos de mes cada venres estes paróns de 10 minutos ás portas de Fonseca, vestidos de negro, no que aproveitan ademais para actualizarse.

A semana pasada comezaron dúas novas mobilizacións: a creación dunha conta de twitter (@opicoruprecaria) na que contan as calamidades que van sufrindo; e ademais cumpren hoxe o 8º día de folga de sinaturas en informacións, fotografías e gráficos para forzar á empresa a reconsiderar a súa última proposición.

Co apoio do Colexio de Xornalistas e da Asociación de Periodistas de Galicia, pero co impedimento da falta de visibilidade por non poder contar esta situación no seu medio, e a falta de atención dos medios “rivais”, esixen a actualización do convenio.

“Unha falta de respecto”

Como unha verdadeira “falta de respecto” califican as propostas da patronal, que ofrecen unha equiparación co salario mínimo de grupo do convenio estatal, cunha suba salarial do 3% para 2025, xa recollida por este, e un incremento por domingo traballado de apenas 1,50 euros sobre os 50€ que están a cobrar actualmente. Propoñen tamén a absorción dos quinquenios e os complementos personais, polo que se eliminaría a mellora das condicións por antigüidade. Ao tempo, propoñen que as novas persoas contratadas teñan unha categoría durante os tres primeiros anos que faga que cobren 7.000 euros menos ao ano, aumentando a precarización das e dos máis mozos.

Ademais diso, as e os xornalistas denuncian que están a realizar horas extraordinarias non retribuídas e traballos por riba das súas funcións, mesmo chegando a exercer de xefes de sección sen remuneración extra. Aseguran tamén que o último despedimento realizouse por teléfono (algo inaceptable para os traballadores) e que nas seccións que contan con só dúas persoas unha delas pode verse obrigada a traballar até 15 días seguidos.

Unha situación que se dá sendo o xornal cos soldos máis baixos dos 30 que forman o conglomerado de Prensa Ibérica, mesmo cobrando meos que El Correo Gallego, que o grupo vén de salvar da creba. De feito, La Opinión é o único medio do grupo que non está por riba do convenio nacional.

Un detido en Culleredo e dous en Oleiros en sendas operacións por roubos

0

Dúas operacións anuncia hoxe a Garda Civil sobre roubos: a Operación Creva e a Operación Salvayas.

En Culleredo: Operación “Creva”

O Equipo ROCA da 1ª Compañía da Garda Civil detivo a un veciño de Culleredo (A Coruña) pola súa implicación en varios delitos contra o patrimonio, concretamente por roubo con forza, furto e tentativa de roubo. Segundo explican nun comunicado, a detención produciuse no marco da operación ‘Creva’, que arrincou tras as denuncias interpostas polos afectados nos distintos roubos, o que permitiu aos investigadores vincular os feitos e avanzar na identificación do sospeitoso.

Ademais, determinouse que o detido empregaba sempre o mesmo vehículo na comisión dos delitos, o que facilitou o seguimento das súas actividades delituosas.

O detido, que xa contaba con antecedentes por feitos similares e era coñecido polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, está acusado da comisión de delitos continuados de roubo con forza nas cousas, furto e tentativa de roubo.

Concretamente, acúsaselle de dous roubos con forza nas cousas: o 19 de xullo de 2024 no Polígono Industrial do Espírito Santo, localidade de Sada (A Coruña) e o 16 de agosto de 2024 no mesmo polígono industrial.

Tamén de furto, ocorrido o 10 de setembro de 2024 na Avenida Alvedro, Culleredo, e de tentativa de roubo, vinculada a feitos delituosos similares na mesma área industrial.

O valor das ferramentas subtraídas ascende a un total de 4.700 euros.

As dilixencias instruídas por estes feitos xa pasaron a disposición do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución nº 1 de Betanzos

En Oleiros: Operación Salvayas

Paralelamente  a Garda Civil do Posto Principal de Oleiros detivo a dous individuos como presuntos autores de 26 delitos de roubo na fase de explotación da operación Salvayas.
O citado operativo iniciouse como consecuencia das denuncias presentadas polos afectados nas dependencias oficiais da Garda Civil de Oleiros, rexistrándose un total de 26 delitos da mesma natureza durante o mes de setembro.

Durante a investigación, os gardas civís en funcións comprobaron que os presuntos autores accederon ao inmoble das vivendas, centrando a súa atención nos vehículos alí estacionados, eliminando os efectos que había no seu interior, salvo nalgunhas ocasións nas que entraron nas vivendas mentres os propietarios estaban no interior. , fuxindo do lugar cando foron sorprendidos.

Tras unha análise detallada da información recollida, os axentes implicados identificaron plenamente os presuntos autores dos delitos.
Unha vez coñecida a identidade, a Garda Civil estableceu un operativo de busca, localizándoos na Avenida Finisterre da Coruña, procedendo á súa detención como presuntos autores de 26 delitos de roubo.
A Garda Civil mantén aberta a operación, por se puidesen estar relacionadas con delitos da mesma natureza en concellos limítrofes.

Tres proxectos herculinos, entre os escollidos pola Deputación para os Premios Luisa Villalta

0

Presentou hoxe a Deputación da Coruña os proxectos escollidos dos VI Premios Luísa Villalta, convocados pola área de igualdade da Deputación da Coruña. 8 propostas, das 34 presentadas, de toda a provincia foron as escollidas, e que recibirán 12.500 euros cada unha delas para facelos realidade.

Tres teñen de acento “coruño”.

”Non calarás”, da Alexandre Bóveda

Baseado na iniciativa A Coruña das Mulleres, A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda propón este proxecto “Non calarás”, un proxecto con carñacter histórico, que recolle parte dos conflitos laborais vividos principalmente no século XX protagonizados por mulleres. Un traballo de recuperación da memoria das mulleres baseado no traballo e a rebeldía, que abarca diversos ámbitos de traballo (investigación, divulgación, exposición, publicación e rutas). Céntrase na cidade da Coruña, sendo un proxecto inspirador para outras vilas e cidades do territorio. Destaca a coordinación co tecido asociativo e educativo.

‘Ofuscadas polo vicio da razón’, de Yarama África

A combativa tenda e espazo cultural africano da Rúa Entrepeñas lanza este proxecto para crear un espazo seguro de encontro e expresión artística para mulleres migrantes e refuxiadas na provincia da Coruña en coordinación co ámbito cultural. Inspírase na propia obra de Luísa Villalta. Ten previsto realizar distintas actividades de lectura, escritura, eventos artísticos, etc. É un proxecto cun alto potencial de replicabilidade, xa que a súa metodoloxía é facilmente adaptable a outros contextos.

‘Punto en boca. Costura e teatro’, de Raquel García Crespo

A actriz, natural de Culleredo, desenvolverá este proxecto de creación escénica e investigación que ten como base o oficio da costura como tradición, herdanza xeracional e medio de vida, e como tal, moi asentado nun territorio no que o oficio da costura marcou a vida de moitas mulleres da provincia. Utilizan o pasado e a tradición para entender a actualidade e mirar ao futuro. É un proxecto moi participado e colaborado por diferentes axentes do territorio e as propias protagonistas.

O resto de proxectos que se poderán realizar coa axuda destes premios son “O próximo baile”, será comigo’, de Sabela Losada Cortizas (Santiago); ‘Altas luces’, de Illa Bufarda (Santiago); ‘A historia vaxenial’, de Artyc Content (Ferrol); ‘As mulleres no xornalismo Galego: a crónica revelada’, do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia; e ‘A clase’, de Mala Herba Producións (Brión).

Máis novas

A rede da A.C. Alexandre Bóveda

O Concello da Coruña inicia a consulta pública sobre a ordenanza de regulación de pisos turísticos

0

O Concello da Coruña abriu a consulta pública sobre a ordenanza para a regulación dos pisos turísticos. Anunciouse con motivo dunha visita ás vivendas en execución no barrio de Xuxán con presenza da ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, e a conselleira desta área, María Martínez.

Coa publicación na web, ábrese a consulta pública para que os interesados poidan facer as súas achegas antes de que se aprobe a ordenanza.

Xa en xuño, o consistorio notificou a donos de pisos turísticos a necesidade de comunicación previa para a súa regulación. Trátase das vivendas inscritas pola Axencia de Turismo de Galicia no rexistro de Empresas e Actividades Turísticas, de acordo co seu uso terciario de hospedaxe e non residencial.

3 de cada 4 vivendas que se ofertan na Coruña xa son de uso turístico

O Colexio de Enfermaría da provincia anima aos profesionais a denunciar os casos de violencia

0

O Colexio de Enfermaría da Coruña animou aos profesionais a denunciar as agresións, tanto físicas como verbais, que “son un problema crecente”. Nun comunicado, o Colexio detallou que este problema afecta “non só á seguridade” dos profesionais, senón tamén ao seu benestar emocional e psicolóxico, así como a “repercutir negativamente” na calidade da atención que lles prestan aos pacientes.

“A violencia nunca está xustificada, nunca é a solución, pero, normalmente, detrás dun ataque hai unha insatisfacción e frustración do agresor cos servizos sanitarios”, explicou o vicepresidente do Colexio de Enfermaría da Coruña, Benjamín Rodríguez. O persoal de enfermaría, detallou, especialmente en áreas como Urxencias, Atención Primaria e Coidados Intensivos, “enfróntase á presión e á tensión”. Tamén, continuou o comunicado, “é importante” que o Sergas analice as causas de insatisfacción da poboación e “poña en marcha medidas para mellorar a calidade asistencial”.

Feafes pon o foco na importancia de coidar a saúde mental na contorna laboral

0

Hoxe 10 de outubro, é o Día Mundial da Saúde Mental, e a Organización Mundial da Saúde (OMS) centra este 2024 a súa temática na importancia de coidar a saúde mental na contorna laboral. Así o resalta Saúde Mental FEAFES Galicia, que incide en que se trata dunha problemática que nos atinxe a todxs, pois o 47% das persoas ocupadas indican atoparse expostas a factores de risco para a súa saúde mental no seu lugar de traballo.

As baixas laborais relacionadas coa saúde mental aumentaron considerablemente, sendo esta a segunda causa máis común de baixas, tras os trastornos musculoesqueléticos. No 2023 rexistráronse en España case 600.000 baixas por este motivo, un 16% máis que o ano anterior, segundo o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. Así e todo, a cousa é moito máis grave, pois o 60% das persoas traballadoras que pasou por un problema de saúde mental non deixou de ir ao traballo.

A precariedade laboral está en moitas ocasións detrás do malestar que senten as persoas na súa contorna laboral. Baixos salarios, contratos temporais, falta de conciliación, elevados ritmos ou sobrecarga de traballo, acoso laboral ou brecha salarial, son algunhas das formas que pode adoptar a precariedade laboral. España é un dos países da Unión Europea con maior taxa de poboación ocupada en risco de pobreza e exclusión social e máis da metade das persoas empregadas no noso país son precarias.

A pesar de que o 76% das empresas afirma preocuparse pola saúde mental, a cifra descende ao 47% cando se lle pregunta ao persoal sobre este compromiso da empresa e aínda baixa máis, ata o 38%, se responden as persoas con problemas de saúde mental.

Por todo isto, Saúde Mental FEAFES Galicia insta ás empresas a que se impliquen na creación de contornas laborais seguras, saudables e inclusivas, nas que se coide e se fale de saúde mental, sen tabús nin prexuízos. Igualmente, pídese á Administración Pública que impulse medidas contra a precariedade laboral e o control de riscos psicosociais no tecido empresarial.

Inserción laboral

Outra pata da mesma mesa é a inserción laboral, fundamental para as persoas con problemas de saúde mental. Para as persoas con problemas de saúde mental, o traballo, ademais de ser un camiño cara a normalización e a integración, ten tamén unha función terapéutica, pois despraza o rol de “persoa enferma” polo rol de “persoa traballadora”.

Segundo o INE, a taxa de emprego das persoas con problemas de saúde mental é do 17,55%, a máis baixa de todas as discapacidades. Con todo, destacan que cun servizo especializado detrás, a inserción laboral do colectivo pode ascender ata o 62%, cifra acadada pola nosa entidade no 2023.

 

Máis novas

#Conectacoavida, a nova campaña de Prevención do Suicidio de FEAFES

A Coruña e Arteixo testarán un sistema de aviso masivo á cidadanía por móbil coa simulación dun incendio

0

Un simulacro de incendio nos concellos da Coruña e Arteixo coordinado coa empresa Repsol testará o vindeiro martes ás 10,00 horas o sistema de alerta masiva á cidadanía a través do envío de mensaxes aos seus teléfonos móbiles.

A iniciativa foi presentada este xoves polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nunha rolda de prensa na que tamén participou o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

O simulacro empezará ás 10,00 horas e consistirá nun incendio simulado nas instalacións de Repsol Butano que obrigará a activar o plan de emerxencias exterior do parque industrial.

Desta forma, ensaiarase a resposta a un fallo mecánico dunha cisterna de propano que provoca un incendio con varias persoas feridas, así como un accidente de tráfico na zona entre un vehículo e unha furgoneta con traballadores.

A novidade deste exercicio consistirá na proba do sistema ‘É-Alert’, que permite o envío masivo de mensaxes á cidadanía a todos os móbiles en caso de emerxencia. Así, recibirano as persoas que se atopen nos municipios limítrofes de Oleiros, Culleredo, A Laracha e Carballo, ademais de Arteixo e A Coruña.

Todos eles, terán unha mensaxe nos móbiles que lles informará do que está a pasar e como deben actuar, aclarando que se trata dunha proba. Ademais, funcionará un sistema de sirenas para pedir á veciñanza da contorna máis próxima ao exercicio a que adopte medidas de autoprotección en caso de emerxencia real.

A recepción da mensaxe no móbil activará un asubío continuo e fará vibrar os teléfonos, mesmo se están en modo silencioso ou bloqueados. Unha vez lido, os usuarios deberán presionar en ‘aceptar’ sen levar a cabo ningunha acción dadicional.

Será a segunda ocasión que se ensaia esta ferramenta de alerta masiva en Galicia tras o exercicio feito en outubro de 2022 no concello ourensán de Maceda e os limítrofes de Baños de Molgas, Esgos e Vilar de Barrio.

Os responsables da Xunta incidiron que o exercicio vai máis aló de avaliar a eficacia das ferramentas, pois tamén se busca que a cidadanía coñeza e familiarícese co seu uso.

Folga estudantil e concentracións este venres para protestar contra a nova Selectividade

0

O Sindicato de Estudantes convocou unha folga xeral para este venres 11 de outubro para protestar contra a nova Proba de Acceso á Universidade (PAU), así como concentracións por toda España. En Galicia, están convocadas na Coruña, Ferrol e Ourense.

Segundo alegan nun comunicado, o alumnado de 2º de Bacharelato aínda non sabe como serán as probas da coñecida como Selectividade.

e aseguran que, a pesar de levar xa un mes de curso, a “única información” da que dispoñen é que os exames se celebrarán os días 3, 4 e 5 de xuño.

“O Ministerio de Educación e as Consellerías educativas manteñen un silencio intolerable. En lugar de presentar os cambios e novidades antes de arrincar o curso, permitindo ao profesorado preparar ben os contidos académicos e garantir que o estudiantado teña facilidades, atopámonos con que a principios de outubro aínda non sabemos nada”, insisten.

Aproveitan ademais as concentracións para denunciar as cargas policiais nunha manifestación estudantil en Murcia, que cualifican de “brutalidade”. “Como é posible que se trate así a estudantes pacíficos? Decenas de antidisturbios, pelotas de goma, porrazos e mozas en urxencias; así é como se responde ás lexítimas demandas estudantís?”, pregúntanse.

Esixen “xuízo e castigo” para os policías implicados na intervención e a súa “expulsión inmediata do Corpo”, así como a dimisión da Delegada do Goberno de Murcia e do Ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska.

“O Ministerio e as Consellerías están a rirse na nosa cara e están a xogar coa saúde mental e o futuro de decenas de miles de estudantes, engadindo aínda máis dificultades, máis tensións e máis incerteza a unha proba cuxa razón de ser é converter o acceso á Universidade nun privilexio de clase”, afirman.

Ademais das concentracións nas cidades, o sindicato chama aos estudantes de secundaria, bacharelato e FP a organizar accións nos institutos.

As familias de Oleiros maniféstanse en contra dos recortes no colexios

0

Ducias de persoas participaron esta tarde na concentración organizada polas ANPAS dos CEIP Juana de Vega e A Rabadeira para reclamar á Xunta de Galicia a restitución dos profesores de apoio eliminados en ambos centros, malia o incremento do alumnado. Os centros de Culleredo están entre os máis de 60 da provincia con recortes en materia educativa neste comezo de curso.

Ao inicio do acto, as ANPAs desplegaron unha pancarta co lema “Sen mestres non hai ensino, sen recursos non hai inclusión”.
Deron conta das cifras: O Juana de Vega incrementou o número de alumnado neste 2024/2025. En cambio, o profesorado de apoio reduciuse de 5 profesores a 3, e 1 titor/a de Primaria aínda non foi incorporado.
No caso de Rabadeira a situación é similar. Tamén se recortou de 2 a 1 praza de profesorado de Audición e Linguaxe, malia que o alumnado con necesidades especiais aumentou con respecto ao curso anterior.

Alberto Castro, en representación das ANPAs convocantes da concentración, explicou que “transcorrido un mes do inicio das clases e esgotadas todas as vías a través dos canles oficiais por parte dos responsables do centros educativos, vémonos na obriga moral de elevar a voz para reclamar o profesorado recortado con respecto a cursos anteriores”. Tamén reclamou “a reparación inmediata dos graves e inaceptables erros da Consellería de Educación que deixan aos nosos cativos e cativas sen os recursos que lles corresponden. Ademais, esta situación alarmante provoca que o profesorado dos centros se vexan desbordados, o que tamén dificulta o axeitado funcionamento dos mesmos”.

Pola súa parte a concelleira de Ensino, María José Santos, explicou que non se trata de mestres calquera, senón daqueles que dan apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, mestres de apoio que ademais permiten que o resto do profesorado poida traballar axeitadamente. “A Xunta pode gastar moreas de cartos en poñer cada ano pantallas máis tecnolóxicas e máis grandes ou en convencer aos centros para que se adscriban aos programas de ensino dixital, pero o ensino inclusivo e de calidade non é ese, senón o que está dotado de profesorado suficiente, preparado e motivado”, dixo.

Un mes despois do inicio de curso e tras terse denunciado a situación ante todas as instancias competentes, non só non se dotou a estes centros do profesorado xa previsto ao remate da matrícula, alá polo mes de xullo, senón que os máximos responsables continúan sen dar resposta nin aos colexios, nin as familias, nin ao Concello de Oleiros, quen en data 19 de setembro remitiu unha carta ao Conselleiro de Educación poñendo no seu coñecemento a situación na que se atopaban os colexios Juana de Vega e A Rabadeira e solicitando que se cubrisen as prazas pendentes; prazas absolutamente necesarias para garantir o correcto funcionamento destes centros.

Concentración ANPAS - Culleredo 2

Máis novas sobre os recortes

Denuncian “problemas” cos recortes en 62 centros de ensino da provincia da Coruña

Denuncian os recortes nos CEIP de Oleiros en mestres auxiliares

 

O profesorado do cole de Miño ponse en pé contra os recortes